Existen unha boas entradas sobre a historia da lingua para saber algo máis que os 12 coñecidos enunciados:
I- Na prehistoria están as raíces da nosa identidade.
II- Antes do galego, GALLAECIA ROMANA.
III- GALICIA, o 1º reino medieval de Europa
IV- Nace o galego e as peregrinacións a Compostela.
V- O esplendor medieval da nosa literatura
VI- Decadencia do XIV-XV e os Séculos Escuros XVI-XVIII
VII- Os ilustrados e precursores dunha nova etapa.
VIII- O primeiro galeguismo e o Rexurdimento literario.
IX- Unha nova idea de Galicia: Do Galeguismo ao Nacionalismo.
X- O Franquismo e a instalación do bilingüismo.
XI- Un difícil proceso de recuperación da identidade.
XII- A Galicia da Normalización.
Podedes consultar en varios artigos da galipedia, mesmo neste curioso mapa de linguas
O Premio literario Martín Sarmiento é un premio inusual, poi son os lectore sos que escollen sobre unha serie de libros cal é o que máis lles gustou. Está estruturado por niveis e xa leva vai pola sexta edicíón. O noso centro vén participando especialmente nos cursos da ESO e resulta una experiencia gratificante e positiva para a anaimación á lectura nos centros. Podes consultar a proposta que fai este curso no blog do premio.
Comezamos o curso 2009-10 o lema do curso é a autoestima e nós imos converter o curso no camiño da procura da nosa identidade.
Comezamos pois cun vídeo e/ou unha canción:
Busca na rede o texto deste vídeo-clip e comenta cal é a súa relación coa autoestima.
Incidimos agora nun texto que no comezo do curso non debemos esquecer:
" Algúns homes -galegos tamén- andan a falaren dun idioma universal, único para toda a nosa especie. Son os mesmos que buscan a perfección baixando pola escada zoolóxica, deica sentiren envexa das formigas e das abellas. Son os mesmos que perderon o anceio de chegaren a ser deuses, e renegan das inquedanzas que produce a sabedoría. Son os mesmos que consideran o mito da Torre de Babel como un castigo, e renegan da vida ascendente. Mais eu dígolles que a variedade de idiomas, coa súa variedade de culturas, é o signo distintivo da nosa especie, o que nos fai superiores aos animais. Velaí vai a demostración: Un can de Turquía ouvea igual que un can de Dinamarca; un cabalo das pampas arxentinas rincha igual que un cabalo de Bretaña. ¿E sabedes por que? Porque os pobres animais aínda están no idioma universal."
CASTELAO, Sempre en Galiza
Lembra: cal é o tema central deste texto?
Un idioma é pois un xeito de definir o mundo e de coñecermos a nós mesmmos. Le atentamente o seguinte texto de ANTÓN VILAR PONTE, en Pensamento e Sementeira:
?A nosa lingua é o camiño de ouro da nosa redención e do noso progreso: sen a lingua morreremos como pobo, e nada significaremos endexamais na cultura universal. Se o galego quere ser máis que habitante dun territorio, se arela ser un factor de universalidade e de cosmopolitismo, soamente co emprego da lingua propia, obra da natureza, poderá selo. Arrenegando da lingua terá que avergoñarse sempre de si mesmo. Creando valores na lingua propia, axiña seremos universais. (?)
Eses que viven de costas ás orixes dificilmente poderán redimirse da servidume do mimetismo. ¿Qué cousa máis orixinal que a lingua dun pobo, xerada por accións e reaccións seculares entre o home e a Natureza, para facelo diverso no universo? (...)?
Para seguir facéndonos preguntas non debemos esquecer solventar antes as dúbidas no léxico, aquí adxuntamos tres palabras que poden resultar escuras:
>Redención: salvación, liberación.
Mimetismo: Afán por imitar a outros.
Cosmopolitismo:ser cidadán de todo o mundo.
5- Que diferenza existe, segundo Vilar Ponte, entre un galego habitante ou residente e un galego falante?
6-Que cres que significa a expresión ?redimirse da servidume do mimetismo?. Por que parece tan importante ser orixinais no universo?
7- Este texto escribiuse no ano 1918, no contexto da creación das Irmandades da Fala, tendo en conta o seu nome, cal cres ti que é un dos meirandes aportes deste movemento? Segue tendo vigor o punto de vista de Vilar Ponte? Razoa a resposta.
Le seguidamente estoutro texto de Castelao:
Estamos fartos desa cultura esterilizada que nos fan mamar por biberón. Nós queremos mamar a cultura na propia teta. Pedimos garantías legais para o desenrolo natural do noso espírito, porque queremos volver a presentarnos dignamente no mundo, levando nas mans o ouro da nosa cultura (sabedoría manifestada) para ofrendarllo ao acervo espiritual da Humanidade.
Antes de responder repara no léxico:
Acervo: conxunto de bens dun pobo.
8- É a cultura un alimento dos seres humanos?.
Que está reclamando Castelao no texto?
9- Chegamos finalmente a este texto máis recente: A Ecoloxía das Linguas:
?As linguas non pesan. Non son un lastre para quen as leva. Pola contra son elas as que levan o peso da historia enriba da cabeza? As linguas pertencen á natureza?quixera lembrar que na lingua galega os seres máis nomeados son dous cativos coleópteros. O vagalume ( de nome científico lampyris nocticula) é chamado de máis de cen maneiras diferentes, e algo semellante ocorre coa xoaniña ( coccinella septempunctata). O vagalume emite luz. A xoaniña coa súa forma esférica e sete puntiños mouros sobre o vermello dos élitros, trae boa sorte se se pousa na man. O vagalume e a xoaniña escasean agora por mor dos herbicidas. Unha lingua é comparábel a un senlleiro ecosistema. Se sentimos noxenta a queima dun bosque amazónico ou a seca dun río, cómo ser insensíbel ante a vidas das linguas!? as linguas non son abstraccións nin simples artificios gramáticos. Teñen corpo e alma, que non van esgazados o un da outra. A vida das linguas é unha metáfora das nosa vidas? Entrado o século XXI hai dous eixos nos que basear a civilización: o cultivo dos dereitos humanos e o da biodiversidade no mapa da natureza e das culturas. Eses dous cultivos están entrenzados e son hoxe a primeira proba de civiliazación, de calidade democrática.
Por que o vagalume e a xoaniña eran os seres máis nomeados? Quizais polo instinto das linguas, á procura da luz e da sorte.?
MANUEL RIVAS (11-7-2006)
Xustifica convenientemente as seguintes afirmacións do autor:
a) As linguas son parte da natureza e semellan un ecosistema.
b) O galego anda á procura da luz e da sorte.
10- A modo de conclusión:
UXÍO NOVONEYRA a quen se lle van dedicar este curso o Día das Letras Galegas deixou dito que ?a lingua de Galicia é a lingua que nos fixo e na que logo quedaremos cando se esqueza o noso nome i o noso rostro?.
Que cres que quere dicir?
11- "Nunca choveu que non escampara"
Unha frase ben galega que está moi relacionada coa autoestima. Redacta un texto relacionando os temas dos diversos textos estudados na Unidade co dito galego e coa Autoestima.