galnarciso



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

ROSALÍA E A TRADICIÓN ORAL
"Por isto, inda achándome débil en forzas, e non habendo deprendido en máis escola que a dos nosos probes aldeáns, guiada só por aqueles cantares, aquelas palabras cariñosas e aqueles xiros nunca olvidados que tan docemente resoaron nos meus oídos desde a cuna, e que foran recollidos polo meu corazón como herencia propia, atrevinme a escribir estes cantares..."

Do Prólogo de Cantares gallegos de Rosalía de Castro.

Rosalía de Castro como calquera outro poeta do Rexurdimento quere manifestar nos seus escritos un claro compromiso coa súa Terra, a da paisaxe e a da fala, a dos homes e mulleres de Galicia, un país desprezado que quere dignificar.

Rosalía non atopa outra fórmula que a da escribir inspirada na Tradición oral que mamou dende pequena, os seus poemas están construídos a partires dun pequeno grupo de versos da tradición oral que coñecía e que a provocan a crear esas 36 composicións que conforman este libro.

Rosalía escolle conscientemente como voz lírica a un eu colectivo, diverso, escénico que representa a un conxunto de homes e de mulleres, moi presentes e protagonistas como parte do pobo que van dende a meniña gaiteira do primeiro dos seus cantos ata a nai e labrega, unha costureiriña,ademais dun home emigrante e un longo etcétera de personaxes que usando a fala popular como dí a propia autora "Sin gramática, nin regras de ningun-ha clás, ó lector topará moitas veces faltas d' ortografia, xiros que disoarán ôs oidos d' un purista, pró ô menos, e prá disculpar en algo estes defectos, puxen o mayor coidado, en reprodusir ó verdadeiro esprito d' ó noso pobo..."

Ese é o obxectivo: reproducir o espírito do pobo mesmo usando os recursos máis populares (anáforas, antíteses e ritmos métricos como a muiñeira ou o romance octosilábico, abusando das comparacións e descoidando as metáforas, con numerosos e afectados diminutivos).

As temáticas que estruturan o libro tamén xogan un papel semellante. Por unha banda, as que a moda ou o gusto da época romántica impoñía, pero que son constantes na poesía de sempre, o tema do amor. Por outra a temática costumista que serve para realzar a identidade do galego con cadros folclóricos e descricións da psicoloxía dos seus protagonistas. Pero tamén sabe transcender a súa mensaxe coa conciencia comprometida de maior carga social e patriótica que lle dan corpo ao conxunto dos poemas de forma maxistral.

Rosalía tamén se deixa ver nun eu lírico e con temática intimista entre os personaxes retratados nalgún poema como " Campanas de Bastabales" marcados pola dor e a saudade que caracterizará outros libros seus.

Como contrapunto ao dito colgamos aquí este vídeo dun traballo discográfico, unha visión da obra de Rosalía dende o século XXI que por suposto ten daquela maneira presente a tradición oral:

Comentarios (0) - Categoría: ROSALÍA - Publicado o 30-03-2011 20:02
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0