galnarciso



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

TRADICIONAL E TROBADORESCO NA LÍRICA MEDIEVAL
Esta cuestión é clave para entender, en primeiro lugar, como nace a lírica galaico-portuguesa medieval. Por un lado, en Galicia había unha rica tradición oral na que existían cantigas cantadas seguramente por mulleres que falaban de amor e contiñan algúns elementos formais como o paralelismo que era un dos seus trazos de estilo. Por outra banda, grazas ao Camiño Francés a Compostela, chegarán a Galicia as correntes trobadorescas, unha moda literaria e escrita do "amor cortés" que desde Provenza ou Borgoña traerán da man de trobadores, cantigas postas en boca dun home denominadas "canços". No século XIII comezan a aparecer textos escritos en galego-portugués síntese das dúas correntes que se atoparon na nosa terra e que logo se estenden por toda a Península e axiña a unha gran parte de Europa, agora cantadas e escritas no noso idioma; serán tamén imitadas e recreadas por poetas de diversas latitudes. Proba da súa difusión é que un dos Cancioneiros que conserva estas cantigas apareza en Italia na Biblioteca Vaticana.

As distintas tipoloxías de Cantigas creadas polos trobadores agochan pois trazos que podemos chamar tradicionais ou autóctonos e outros que serán trobadorescos.

As Cantigas de Amigo, postas en boca dunha muller e onde é frecuente o leixaprén serán pois unha composición máis tradicional que trobadoresca, aínda que sexa raro que non conteñan no seu seo algún trazo propio do trobadorismo (da denominada filosofía do amor cortés) como poden ser tópicos da fermosura da namorada ou o famoso "morrer de amor". As Cantigas de Amigo podemos dividilas en subgrupos atendendo ao espazo no que se sitúa esa especie de "acción narrativa" que se deriva dos personaxes que nela aparecen. Se o espazo é unha paisaxe natural aberta (o mar, so as avelaneiras froridas ou na fonte) podemos falar tamén dun trazo máis tradicional. Se, pola contra, o espazo faise menos evidente, a namorada podémola situar nas habitacións da súa casa ou mesmo non se fan referencias explícitas porque o que interesa destacar é o seu sentimento amoroso, poderíamos falar dunha influencia trobadoresca: o da coita ou dor amorosa propia do amor cortés.




As Cantigas de Amor, postas en boca dun home que suspira ou suplica por unha fermosa amada, caracterizada como "senhor" pola submisión debida á amada. Todos estes trazos son propios do trobadorismo, pero comunmente se lle engaden elementos paralelísticos como o refrán polo que poeriamos falar da influencia do tradicional e autóctona neste tipo de cantigas.




Aínda que tamén pode haber cantigas de amor chamadas de mestría, sen refrán e polo tanto case que para nada influenciadas polos trazos tradicionais ou autóctonos:

Comentarios (0) - Categoría: LÍRICA MEDIEVAL - Publicado o 02-12-2010 19:45
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0