galnarciso



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Mamá, un texto para comentar.
Mamá, texto para comentar do libro Os comedores dePatacas de Manuel Rivas.

Alí estaba mamá, tan delgada, tan triste. Sempre que a vía así, con aqueles ollos de animal ferido, dábanme ganas de chorar. Ela queríame.
-Es un desgraciado -murmurou-. Un desastre.
Gustaríame tanto que me dese un bico e que me agarimase os rizos loiros como lle fan aos nenos na primeira comuñón, antes de que manchen o traxe de almirante. tamén eu a quería.
-Vai á merda, mamá -díxenlle en voz tan alta que me deu un pinchazo na perna-. Non sei para que viñeches.
A miña perna. ¿que estaría a pasar aí dentro? Sentía coma se ma roese un rato. o médico contárame que todo ía ir ben pero a perna quedaría un pouquiño máis curta, porque o óso grande, ese como se chama, que vai de aquí ata aquí, escachara coma a ponla dunha árbore.
-Vou quedar coxo -díxenlle a mamá cun sorriso.
- ¡Desgraciado! -dixo ela.
Luou, o Home Araña, ese si que estaba mal. Tíñano enxesado de arriba abaixo, só coa cara descuberta, coma unha momia. Fora dando tumbos coma un pelele de serrín e cravárase nos ferros dunha reixa. Daba pena velo. Ía pasar meses mirando para o teito.
-Conducía el -díxenlle a mamá. E encendín un cigarro.
-Non fumes aquí, desgraciado.
Foramos ao aeroporto para ver as luces azuis e meternos Algo e logo baixamos polas curvas de Alvedro a 120.
O coche estivo no aire coma se quixese voar e finalmente voou e foi planeando pola ladeira ata que aterrou aló embaixo coma un parrulo torpe e desfalecido. Logo dos tumbos, volveuse escoitar só no mundo a música xitana do radiocasete. Estabamos nun xardín, recordo ben aquel cheiro coma de auga de xabrón. non pasaba nada e as estrelas estaban no seu sitio, pespuntes luminososna grande teitume. Durmín lambendo o sangue doce dos labios.
-¡Apaga ese cigarro, desgraciado!
Queríame, mamá. Sufría por min.
-¡Déixame tranquilo, hostia!
Dábame moita pena vela así.

COMENTARIO DE TEXTO: Mamá,
da novela ? Os comedores de patacas? de Manuel Rivas.
O protagonista de Os comedores de patacas é Sam, un adolescente enganchado na droga que habita nos lindes da delincuencia. A vida de Sam, retratada desde o profundo lirismo e a poesía íntima que emana da narrativa de Manuel Rivas, móvese a cabalo entre dous espazos, entre dúas culturas, a urbana e a rural, que se xuntan no sincretismo que preside a cotianidade deste adolescente galego. O paro, o walkman, o teléfono, o rap, os colegas, o contacto co sexo, o ruído dos tractores, o poder da amizade, as ensoñacións do protagonista, un accidente de coche, a incomunicación, ese Algo que Sam se mete, o reencontro coa aldea, a avoa... constitúen os referentes vitais dun protagonista tenro e entrañable, que camiña pola vida empuxado polo optimismo. O Manuel Rivas de Os comedores de patacas é un escritor limpo, que tece a súa narrativa desde a sinxeleza, o humor e unha inesgotable capacidade para contar con axilidade, con ritmo e con precisión.

Localización: Mamá é texto inicial ou de presentación do protagonista Sam no capítulo primeiro dunha das primeiras novelas que escribe Manuel Rivas no ano 1991. Como é sabido comeza a súa andaina literaria como poeta. Encadrase na literatura do posfranquismo, na creación máis recente sendo un autor destacado e premiado a partir especialmente da publicación do seu libro de relatos curtos Un millón de vacas, premio da Crítica Española no ano 1990.
Asunto: Unha nai visita no hospital ao seu fillo tras dun accidente de tráfico, o diálogo entre eles transcorre en paralelo co pensamento do rapaz que vive o suceso dun xeito case infantil, como se dunha aventura se tratase, e no que expresa con insistencia o seu sentir verdadeiro cara a nai, sentir que é incapaz de expresar. Ese diálogo manifesta todo o contrario. A través do monólogo interno descubrimos que ten problemas coas drogas e atópase no hospital despois dun accidente de tráfico no que resultou ferido nunha perna do que vai quedar coxo. O coche conducíao un tal Luou, amigo polo que sente admiración. Na súa reflexión lembra as sensacións tras do accidente. E o diálogo volve ao primeiro plano a falta de comunicación coa nai, pero tamén o afecto que senten e que non saben expresar un ao outro.

TEMA: Se Mamá o título o tema xira precisamente ao redor dos problemas que o fillo, protagonista do relato ten á hora de comunicarse con ela. Marxinalidade e incomunicación.
O punto de vista é un narrador interno, protagonista, ese prototipo de mozo marxinal que aparece frecuentemente nos relatos de Manuel Rivas, portavoz de conflitos interxeracionais.

Tendo en conta que se trata dunha especie de cabeceira dun capítulo inicial da novela OS COMEDORES DE PATACAS, dun texto onde cada relato ten a súa vida propia, imos analizalo por separado sen facer referencia algunha ao que logo virá na novela. É, por suposto, un momento de presentación e de limiar ou introdución da mesma e isto naturalmente inflúe poderosamente no texto.
Na estrutura do relato chama rapidamente a atención a presenza nesta breve intriga psicolóxica dos dous personaxes, nai e fillo, que nunha situación crítica tras dun accidente son incapaces de pronunciar palabras que expresen claramente cariño. O personaxe protagonista, o mozo, é o que evidencia as dificultades de relación que teñen nas súas reflexións. O hospital é un espazo referencial insinuado co relato do diagnóstico do médico, nunha breve retrospección, pero tamén hai outro espazo evocado, preto do aeroporto da Coruña, de noite, nunha retrospección máis precisa da lembranza na súa mente dos momentos anteriores e inmediatamente posteriores ao accidente. Este espazo aparece descrito con trazos máis precisos á vez de idealizados, un xardín onde se mesturan olores e música nunha descrición agridoce. A pesar da reflexión do protagonista non deixa de estar presente nela os sentimentos cara a súa nai que en clave de antagonista intervén dun xeito reiterativo, só a través do diálogo que interrompe os pensamentos do seu fillo parcialmente e nos momentos precisos para evidenciarmos a incomprensión e os sentimentos que se profesan, a pesar da dureza das palabras, palabras duras ás que parecen estar afeitos, nai e fillo, e que funcionan como motor do relato no comezo e no fin do mesmo, xa dixemos que é cabeceira dun primeiro capítulo da novela. Este texto podémolo dividir en tres partes.Unha primeira ata xusto despois da primeira contestación desconcertante e o pincho da perna do accidentado que nos sitúa no espazo do hospital. Comeza así un relato con dúas evocacións internas do protagonista: a da visita do médico e o diagnóstico de que se ía quedar coxo, en primeiro lugar, e logo aparece xa a lembranza do accidente tamén suxerida polo diálogo previo, conciso e fugaz que é unha especie de exculpación ante a nai: ?conducía el?. A terceira parte sería o último diálogo entre nai e fillo, entrecortado con breves pensamentos de contraste evidente e que nos lembran a cabeceira do texto, nunha evidente estrutura circular, pechada para manifestar precisamente o imposible dunha comunicación de amor directa e aberta entre o adolescente delincuente e a súa nai.

Imos pois a analizar a linguaxe do texto comezando no nivel semántico. O primeiro que nos chama a atención son dúas cadeas léxicas de palabras e frases referidas contrapostas: unha do querer e os sentimentos de cariño como ?ganas de chorar? ? agarimase? ?sufría por min? fronte a outra cargadas de desprezo ?desgraciado?, ? vai á merda, mamá? que contrastan para evidenciar unha ironía tráxica, pero ironía ao fin, ao ser antitéticas as ideas que están na súa mente ?dábame moita pena? e as que se expresan de palabra ?Déixame tranquilo, hostia!?. Van situadas estratexicamente no texto no comezo e final do mesmo e ocupando unha parte substancial do mesmo. Situadas pois cun valor relevante e destacado. É un dos recursos máis significativos que subliña nun ton desacougante precisamente este contraste entre a formar de pensar e o que di e cómo se expresa o personaxe protagonista que se nos revela aparentemente ( léase as primeiras liñas) tenro, sensible e, á vez, malfalado, desafiante, provocador e agresivo. Tamén se percibe esa conduta na contestación que espera o lector da nai e a que realmente dá, entrando nunha espiral de mutua incomprensión. Hai de novo ironía na descrición de Loou, o condutor do coche accidentado, na comparación ?coma unha momia?, ?coma un pelele de serrín? e sobre todo por ese ?ía pasar meses mirando para o teito?ou tamén cando ?o coche estivo no aire coma se quixese voar e finalmente voou?. Esta ironía acompaña á visión da vida alegre, ousada e inmatura do mozo drogadicto. Mais Manuel Rivas quere levar ao lector á reflexión a través das ?reflexións? que a modo de denuncia, como se dun símbolo se tratase, denuncia unha situación cada vez máis común entre a nosa mocidade e na nosa sociedade. Denuncia da drogadicción, da marxinación e a incomunicación que se xera.
Se buscamos outros recursos frecuentes na prosa de Manuel Rivas atoparémonos co lirismo que deixa caer ao comezo do relato, no retrato inicial da nai descrita polo propio protagonista: ?tan delgada, tan triste?? ?con aqueles ollos de animal ferido?. Un lirismo que expresa tamén na descrición das sensacións que rodean o accidente, especialmente os instantes posteriores do accidente, coa comparación do coche voando e planeando ?coma un parrulo torpe e desfalecido? ou a metáfora das estrelas ?pespuntes luminosos na grande teitume?. Este lirismo evocador do accidente en clave de ?aventura? define ao protagonista, sitúanos na tesitura de pensar se realmente iso foi un accidente ou máis ben unha consecuencia lóxica da alteración dunha vida normal para un mozo e ruptura co mundo que significa ?meternos Algo?, esa metáfora, en maiúscula, tabú que evita pronunciar a palabra que fai deste accidente algo esperable. O protagonista gaña fondura con valores moi rechamantes e fortemente contrapostos cos feitos que se narran, a penosa e dura situación de marxinación na que se atopa e a inconsciencia xuvenil e cega coa que este a vive. Amosase pois cara el certa tenrura e simpatía. Pero el é un personaxe da rúa que non sabe nin quere estar, un personaxe incómodo, ousado. De aí que apareza axiña fumando un cigarro no hospital e de aí que saía unha palabra da boca da nai, á que só parece quedarlle esa palabra constante que atravesa todo o texto redundante e monótona: desgraciado. Do personaxe protagonista preséntanos pois unha descrición de carácter, unha etopea, cun mundo interior por veces onírico, co pseudobrillo desa falsa aventura que cre estar vivindo para inmediatamente volver as súas dificultades expresivas ?o óso grande, ese como se chama, que vai de aquí ata aquí? ao seu uso da linguaxe coloquial, os tacos, a música xitana do radiocasete que nos lembran constantemente o seu verdadeiro estatus social. Unha vítima do consumo de Algo que dun xeito tamén enfermizo e infantil se nos presenta cun desexo, o de ser querido e manifestar ese amor de fillo que na práctica é incapaz de expresar a causa da súa dependencia da droga, das circunstancias nas que se atopa, accidentado , no hospital e por suposto das súas carencias mesmo á hora de falar.
O texto presenta un dinamismo áxil axeitado ao que se quere expresar, acompaña a súa estrutura conceptual un diálogo con carácter reiterativo que marca o ritmo do mesmo e entrecortando un discurso máis pausado, pero intenso cheo de frases curtas, pensamentos e reflexións breves, pequenos cadros descritivos das retrospeccións do protagonistas sobre a visita do médico e do accidente a modo de flashes da visión da vida que ten o rapaz, esa vida e as súas vivencias que nos pasa tamén veloz por diante a todos, pero da que debemos saber sacar leccións de vida, para un mellor existir.

A modo de conclusión podemos encadrar este texto sobre a incomunicación, unha consecuencia da marxinalidade, como representativo da narrativa dos anos 90, unha narrativa que nace na Galicia da Normalización, é dicir, en pleno proceso de normalización do galego, de incorporación do mundo urbano e as súas problemáticas á literatura e mesmo a especial querencia polo mundo marxinal e a mocidade, as problemáticas interxeracionais e os seus problemas de relación recorrentes na obra de Manuel Rivas. Un texto no que conviven ironía e lirismo como recursos característicos do seu estilo e que son unha das constantes dos grandes autores da narrativa galega do XX. Chama a atención o seu dominio da linguaxe á hora de plasmar os trazos esencias dos personaxes a través dunha combinación áxil de coloquialismos e expresións maxistralmente engarzadas coa estrutura do texto, esa combinación de dous modos de discurso como o diálogo e a narración cun ritmo de vertixe capaces de retratar dun xeito conciso a vida destes dous personaxes símbolo e vítimas dunha incomprensión mutua produto da nosa sociedade. Unha fórmula que reitera Manuel Rivas na súa obra, a de facer un pequeno drama transcendente dun feito cotiá ao que estamos, ou cremos estar acostumados e afeitos. Este texto é logo unha chamada de atención sobre o mundo no que vivimos, mundo que creamos ou do que deberíamos facernos responsables.
Comentarios (0) - Categoría: TEXTOS COMENTADOS - Publicado o 11-11-2009 21:19
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0