 Galicia somos nós:
a xente e maila fala.
¡Se buscas a Galicia,
en ti tes que atopala!
MANUEL MARÍA. Os soños na gaiola
A DIVERSIDADE LINGÜÍSTICA FAINOS HUMANOS
Algúns homes -galegos tamén- andan a falaren dun idioma universal, único para toda a nosa especie. Son os mesmos que buscan a perfección baixando pola escada zoolóxica, deica sentiren envexa das formigas e das abellas. Son os mesmos que perderon o anceio de chegaren a ser deuses, e renegan das inquedanzas que produce a sabedoría. Son os mesmos que consideran o mito da Torre de Babel como un castigo, e renegan da vida ascendente. Mais eu dígolles que a variedade de idiomas, coa súa variedade de culturas, é o signo distintivo da nosa especie, o que nos fai superiores aos animais. Velaí vai a demostración: Un can de Turquía ouvea igual que un can de Dinamarca; un cabalo das pampas arxentinas rincha igual que un cabalo de Bretaña. ¿E sabedes por que? Porque os pobres animais aínda están no idioma universal.
CASTELAO, Sempre en Galiza
1- Por que cres que pode haber algúns homes que poidan sentir envexa das formigas? Por que cres que esas persoas consideran un castigo o mito da Torre de Babel? Que sabes ti sobre este pasaxe da Biblia? Quererías ti que existise un idioma universal ou conformaríaste con saber idiomas?
2- Segundo Castelao, que caracteriza ao ser humano fronte ás restantes especies animais?
COMO SERMOS VERDADEIROS?
A nosa lingua é o camiño de ouro da nosa redención e do noso progreso: sen a lingua morreremos como pobo, e nada significaremos endexamais na cultura universal. Se o galego quere ser máis que habitante dun territorio, se arela ser un factor de universalidade e de cosmopolitismo, soamente co emprego da lingua propia, obra da natureza, poderá selo. Arrenegando da lingua terá que avergoñarse sempre de si mesmo. Creando valores na lingua propia, axiña seremos universais…
Eses que viven de costas ás orixes dificilmente poderán redimirse da servidume do mimetismo. Que cousa máis orixinal que a lingua dun pobo, xerada por accións e reaccións seculares entre o home e a Natureza, para facelo diverso no universo? (...)
ANTÓN VILAR PONTE, Pensamento e Sementeira
3- Localiza a idea central que defende Vilar Ponte e logo redacta un texto no que seguindo a liña argumental do autor expliques razoadamente por que é importante ser orixinal no universo. Procura usar varios argumentos.
POLO DEREITO A SERMOS DIFERENTES
O problema do idioma en Galiza é un problema de cultura. Estamos fartos desa cultura esterilizada que nos fan mamar por biberón. Nós queremos mamar a cultura na propia teta. Pedimos garantías legais para o desenvolvemento natural do noso espírito, porque queremos volver a presentarnos dignamente no mundo, levando nas mans o ouro da nosa cultura (sabedoría manifestada) para ofrendarllo ao acervo espiritual da Humanidade.
CASTELAO, Sempre en Galiza.
4- Explica a metáfora (biberón/teta) que usa o autor.
5- Que está pedindo Castelao neste texto?
|