GALEGOXXI



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Con motivo do día Internacional da poesía e da Auga
Imos dar comezo neste día 22 de marzo ao noso achegamento anual á Poesía. Comezamos a usar como un dos manuais da clase o libro POETÍZATE, unha selección de poemas de autores e autoras galeg@s dende Rosalía atá hoxe escollidos Fran Alonso para que a poesía nos atrape.

Como ademais é tamén o Día internacional da Auga imos co primeiro dos poemas de Cunqueiro, o poeta das mil primaveras para o galego:

Amor de auga lixeira,
muiñeira.

Amor de auga tardeira,
ribeira.

Amor de auga frolida,
cantiga.

Amor de auga perdida,
ña amiga.

E por seguir con poesía e música e primavera en Cunqueiro podedes ver e escoitar e deixarvos atrapar por estes versos cantados:



Deixamos aquí tamén unha entrevista con Cunqueiro:



Cunqueiro, natural de Mondoñedo, é o autor da frase: "mil primaveras máis para o galego"

Comentarios (0) - Categoría: COMENTANDO TEXTOS - Publicado o 23-03-2010 17:56
# Ligazón permanente a este artigo
Un comentario dun texto de Castelao

Esta que segue é unha proposta que circula polos libros e que precisa unha pequena explicación ou un modelo de comentario seguindo o esquema que se propón. Colocamos un texto de Castelao de modelo a continuación ( é importante ver o debuxo que realizou para ilustrar este texto o propio Castelao):


Esta morea de pedras e tellas, de latas tomadas e táboas podres, que semella un cortello abatido, foi o tobo en que viveu moitos anos a vella Fanchuca.
Esta figueira de ponlas ensarilladas foi o amparo da vivenda. Os figos ninguén degoraba comelos porque sabían a miseria.
A vella Fanchuca pregaba de porta en porta, alá cando nas nosas aldeas había máis fartura de pan que de diñeiro. Aínda era no tempo en que cada esmola recibía un bico de quen a daba e outro bico de quen a collía; porque as esmolas non eran cachos de cobre acuñado, que eran codelos de pan ou espigas de millo.
A siña Fanchuca, por ser tan probe e tan vella e por estar tan perto da morte, ía tornándose terra e xa se confundía de lonxe coa lama dos camiños. Mais a vella Fanchuca sabía remozarse o día da festa prendendo na roupa moitos remendiños bonitos: adobíos da súa probeza, que o sol e a choiva de todo o ano ían trocando en novos ferrapos torreiros.
A vella Fanchuca contaba máis de catro veces vinte anos e portaba nas roupas os remendiños de tódalas festas, talmente como levan as plumas os paxaros cativos.
A primeira mostra de probeza que fitaron os meus ollos foi a siña Fanchuca e dende aquela tiven tan aparelladas na miña memoria a vellez e a miseria, que aínda hoxe tódolos vellos enrugadiños parécenme probes de pedir polas portas.


COMENTARIO
TEMA: A decadencia do ser humano é a pobreza.
Resumo: O lugar onde a vella Fanchuca viviu é unha figueira e un cortello. A siña Fanchuca pedía de porta en porta na aldea de por si pobre. A proximidade á morte achega a vella á terra, aínda que se poña remendiños bonitos. Logo vén a reflexión final do autor que ten dende neno: a asociación mental sobre identificación da miseria e a vellez.

O narrador testemuña, polo tanto un narrador interno, que se nos descobre cara o final do texto, dálle sentido completo a biografía da siña Fanchuca, como icona máis próxima na que se asocian na memoria de Castelao miseria e vellez.

A Estrutura do texto: unha primeira parte dun lugar que evoca en sentido retrospectivo a vivenda do personaxe protagonista, a Siña Fanchuca (ver o nome). O debuxo que acompaña o relato é precisamente unha figueira de pólas ensarilladas. A continuación describe a situación da aldea como contexto de atraso económico onde subsiste Fanchuca. Unha terceira parte na que se repara na condición terreira de Fanchuca e a súa vellez e aspecto. E o final, de tipo conclusivo, no que se extrapola a impresión que dende a nenez do autor provoca a visión da miseria personificada nesta vella, unha asociación coa que invita a reflexión.

Analizando a Linguaxe do texto, en primeiro lugar, abordamos o nivel do contido, do significado. Debemos destacar a descrición inicial palabras relacionadas (cadeas léxicas) coa ?vivenda? de Fanchuca punto de arranque da evocación ideas de fachuco, enliado, amoreamento, revolto, podre, derrubado e a metáfora ?tobo?, último elemento da enumeración da primeira oración na que aparece previamente un símil ?cortello? asociable á connotación do sufixo despectivo en -uco. Esta enumeración inicial, unha selección de substantivos e adxectivos maxistralmente combinados na que Castelao presenta unha asociación degradante, un lugar máis propio de bestas e animais coa intención de retratar unha vivenda indigna do ser humano. Finalmente presenta, en oración aparte e en primeiro plano, unha figueira enmarañada, único amparo daquela vivenda, para convertela nun símbolo do desprezo que provocaba a vella Fanchuca, pois os seus figos, ninguén os degoraba. Unha hipérbole suliñada no momento en que nos dí o por qué: ?sabían a miseria?. Xa desta primeira parte do texto se desprende un valor negativo que o narrador presenta como colectivo, asumido polo conxunto dos veciños.
A vella (epíteto case constante ligado a siña Fanchuca vencellando permanentemente vellez á miseria) reside na Aldea. O contexto é Galicia esa economía do intercambio e atrasada onde a esmola se exerce non con moedas (palabra evitada cun rodeo ou circunloquio ?cachos de cobre acuñado? a propósito, para facer máis evidente a súa rareza). O punto de partida de onde emerxen as preocupacións de Castelao, o telón de fondo é sempre Galiza. A preocupación polas súas xentes humildes aquí se transparenta na figura da siña Fanchuca. A atención está pois centrada nun pobo, o galego, e nunha clase, a humilde, e no seu retrato sentimental, conmovedor, o ton reflexivo co que aborda a presentación do personaxe no que a miseria, a sitúa mesmo petando na ?porta da morte? de aí a hipérbole coa que di que ?ía tornándose terra? cofundida na lama dos camiños, metafórica descrición da soidade e desamparo que xa se insinuaba na palabra ?tobo? do primeiro parágrafo e mesmo na figueira dos figos da miseria, elementos ligados todos á terra (cadea léxica), esa que nos acolle cando morremos. O dramatismo da situación aparece aínda máis marcado no paradoxo de ?querer remozarse? a unha muller ?tan vella e tan pobre? o valor dos adverbios de cantidade reforzando a imaxe degradada da protagonista. De novo outro paradoxo que recobra folgos ao colocarse no día da festa ( elemento aparentemente alegre que entoldará no contraste evidente co personaxe mísero que nos presenta) moitos remendiños bonitos ( fixámonos aquí no valor connotativo do diminutivo que evoca afecto e tenrura cara a Fanchuca como querendo aminorar o tráxico destino e a poderosa evocación buscando o contraste dos adxectivos moitos e bonitos) definidos finalmente como os ?adobíos da pobreza?, potente metáfora que recolle tamén a intención de destacar por parte de Castelao o inútil (ironía tráxica) que resultaba ese esforzo inxenuo. Esta idea tamén aparece máis abaixo no simil ?talmente como levan as prumas os paxaros cativos?, suliñando a imposibilidade de saír dos parámetros da pobreza. Precisamente cara o final deste parágrafo o mesmo autor coa mención metafórica do paso do tempo (sol e chuvia) desenmascara baixo unha nova fórmula literaria, unha metáfora da forma de vestir da siña Fanchuca que é un reclamo da terra que a espera: ?novos farrapos torreiros? ( a adxectivo novos reforza a idea paradóxica e ata certo punto antitética (antítese) que domina o parágrafo presentando á vez un choque entre o novo e remozado versus o vello e o farrapo, o remendo. Unha vellez física evidenciada polo circunloquio ?máis de catro veces vinte anos? con roupas tamén enrugadas polo paso do tempo como símbolo da pobreza.
No derradeiro dos parágrafos vén a reflexión o ton meditativo expresado nas palabras ?viven na miña memoria? como se as ideas fosen tamén seres que habitan en nós e que se instalan para non marchar nunca. Permanencia e insistencia remarcada con expresións adverbiais como ?dende aquela? e ?aínda hoxe? que suliñan, por unha parte, que estamos ante unha mirada que leva anos lembrando esa imaxe da siña Fanchuca e do que ela representaba (teñamos presente que se nos dí: ?a primeira mostra que fitaron os meus ollos? co que se nos deixa a entrever que o narrador testemuña que se dirixe a nós era mozo ou neno, o que nos provoca unha maior carga de dramatismo e de valor sentimental. Por outra banda destaca a importancia da sentencia final, esa semellanza da vellez e a pobreza do ser humano, da asociación de calquera vello enrugadiño (de novo o valor afectivo do diminutivo) coa debilidade e decadencia da que tamén son víctimas os humanos que viven na miseria. Neste páragrafo a insistente aparición do concepto de semellanza nos leva a ineludible asociación de miseria co decaimento físico que supón a ancianidade.

En canto a forma, o ritmo do texto narrativo é pausado ao recrearse na descrición, dada tamén a importancia de elementos gramaticais como os adxectivos e os adverbios, a subordinación. Na reiteración de enunciados e do nome do personaxe ao comenzo de varios parágrafos a modo dunha anáfora imprimen ao texto e no lector esa sensación de constante recreación dun mesmo tema, que sen dúbida queda reforzado con este ritmo lento escollido polo autor.

Nos aspectos fónicos do texto non destacamos especialmente ningún recurso esencial,aínda que podemos falar da sonoridade do nome da protagonista e de posibles aliteracións que reforzan valores connotativos de figuras antes sinaldas como ?farrapos terreiros?.

En conclusión, neste texto recoñecemos valores moi singulares do estilo de Castelao tanto á hora de escoller unha temática (contido) que busca a comuñón coas clases humildes de Galicia, a emoción solidaria co ser humano centrada neste caso na pobreza como elemento de decadencia, como á hora de establecer unha estructura textual (forma) na que o final sexa moi relevante, tendo un carácter sintético que provoca a reflexión profunda e universal aínda que parta no seu relato da anécdota singularizada neses seus personaxes retratados con tanta emotividade, con tanta tenrura que contaxian ao lector. A siña Fanchuca recorda aquí a eses grandes personaxes tráxicos do teatro de todos os tempos nos que o personaxe se revela inutilmente (no que se chama ironía tráxica) ante o drama da súa propia existencia. Os remendiños moitos e bonitos cos que nos días de festa vestía a vella Fanchuca, desexo e procura da felicidade, son ante os ollos sensibles de Castelao os adobíos tristes da pobreza.
Castelao como narrador establece fortes relacións co ser galego, coa súa forma de narrar, cos seu estilo achegado a temas tan populares como a morte que aquí tamén se evoca na proximidade de Fanchuca á mesma, recursos tan característicos da nosa literatura como o diminutivo, o certo lirismo das expresións metafóricas comentadas, a proximidade tamén á ironía, neste caso tinxida do escuro da dramática situación do personaxe retratado nos días de festa. Castelao recolle a esencia dunha longa tradición de relato oral para facela pasar polo seu peculiar punto de vista.

No conxunto da obra de Castelao nesta ?cousa? reproduce pois unha visión centrada na Galicia do seu tempo, na que a crítica das inxustizas e a denuncia da miseria na que viven labregos e mariñeiros son aspectos esenciais da súa creacción inserta nun contexto literario concreto: no momento emerxente do nacionalismo galego no primeiro tercio do século xx, do que como sabemos Castelao é unha peza substancial.
Comentarios (1) - Categoría: COMENTANDO TEXTOS - Publicado o 11-01-2010 07:07
# Ligazón permanente a este artigo
Imos ver se somos quen de comentar un texto
O texto escollido é un dos autores deste curso. trátase de un dos relatos de COUSAS de Castelao que leva por título: Cando Bieito quedou orfo
ou tamén é coñecido con este outro "o ichaviño".


Cando Bieito quedou orfo de pai e nai, chegou das Américas un parente e levouno consigo. Na véspera de emprender a viaxe, colleu o camiño do monte e alá enriba, no curuto de todo, deixou ben agachado un ichaviño. Foi a idea sentimental dun neno de doce anos.
Despois, nas pampas arxentinas, apurráronlle tódolos cans, cando aínda non sabía gobernarse na soedade dos campos sen camiños. E moito padeceu para deprender a encararse cos homes, rillando as ganas de chorar?
A troco de anacos do espírito Bieito conquireu un sentido novo e, traballando sen acougo, ganou riquezas dabondo. Casouse, nascéronlle fillos e prendeuse en terra allea.
Os trafegos da súa vida non lle deran lecer para lembranzas sentimentais e foi ó cabo de trinta anos de loita cando Bieito alentou forte e puído virarse cara ó pasado. E neste punto a morriña metéuselle na caixa do peito.
Cacheando nos currunchos da memoria as farraspiñas esquecidas do seu ledo vivir de neno, Bieito sempre remataba pensando no ichaviño que deixara gardado no curuto do monte. E non podendo vivir máis tempo sen visitar os eidos nativos, meteuse nun barco e chegou á Terra.
As verbas esquecidas do noso falar, o musgo, os couselo, os fieitos e tódalas cousas que ía topando no camiño enchía de ledicia o seu corazón. Cando chegou ó curuto do monte, os ollos revíanlle felicidade. No mesmo sitio en que o deixara encontrou o ichaviño, e non hai parolas no mundo que poidan darvos idea da emoción de Bieito naquel intre. Despois marchouse cabo dos fillos.
Agora Bieito ten un ichaviño pendurado na súa leontina de ouro e ten unha mágoa na hucha do peito.



Castelao é un autor do primeiro terzo de século momento en que nun mundo convulso e no que Galicia non permanecía allea aos cambios e transformacións sociais que se viñan xerando en Europa. Galicia atópase con serios problemas herdados do XIX á vez nacen movementos sociais, ideolóxicos e culturais que van ideando unha Galicia que loita por facerse universal. O libro de relatos e ilustracións de Cousas é un retrato realista e humano da sociedade galega do momento.

A voz narradora que Castelao escolle para este relato é a dun narrador omnisciente, interesado en coñecer de primeira man os pensamentos e sentimentos do protagonista que é ese rapaz Bieito que ao quedar orfo vai cara América cun parente non sen antes deixar un ichaviño (moeda de pouco valor) enterrado no curuto dun monte. A pesar da dureza dos primeiros anos foi quen de medrar e ter familia e acomodarse na Arxentina, pero no seu interior sempre mantivo recordo do ichaviño e fixo por volver á terra que o vira nacer a unha vez en Galicia na procura do ichaviño todo cada palabra da paisaxe esquecida lle transmitía felicidade. Recuperada a moeda e tras volver a Arxentina agora leva pendurado o ichaviño e no corazón unha mágoa.
O tema central do texto sobre o que asentamos o noso comentario ten un claro contido simbólico: a morriña do emigrante.

Os elementos cos que vertebra a estrutura desta historia reflexiva ou de intriga psicolóxica son:un personaxe protagonista un neno orfo que ten que emigrar e que vai ir medrando á vista do lector, nunha panorámica rápida ao longo da súa vida nunha especie de retrospección(véxase o "agora" que se sitúa na fin do texto). Esta panorámica detense nuns momentos moi selectivos da vida de Bieito, aqueles nos que se evidencia a relación do emigrante coa súa terra, esa Terra con maiúscula evocada como "un ledo vivir de neno" fronte a visión desoladora das pampas arxentinas. Este retrato sentimental ofrécenos datos como a da súa boa fortuna,(Bieito representa a eses emigrantes que lles foi ben) á hora de saber gañar riquezas e ter unha familia, mais o autor destaca especialmente as súas carencias sentimentais, carencias que teñen que ver precisamente coa súa terra natal. Trátase pois dun personaxe ata certo punto caricaturizado no sentido de que Castelao pon en evidencia de xeito moi marcado para que o lector note a saudade, a vida emocional que sente Bieito.
Poderíamos dividir en tres partes (introdución, nó e desenlace). A primeira serían as seis primeiras liñas do texto na que se nos relata a infancia do protagonista truncada pola perda dos seus pais e pola marcha repentina de Galicia. Unha parte central na que se nos fala por un lado das dificultades iniciais á chegada a Arxentina e
o seu asentamento e mellora material para resaltar logo as carencias sentimentais, condición do emigrante que nos leva á fin do relato cun reencontro cargado de emoción coa súa terra antes de volver de novo a América a carón da familia que alí ten mais cunha lembranza nostálxica da súa terra natal pendurada no corazón.

Se analizamos a linguaxe veremos axiña como unha gran parte do léxico empregado por Castelao neste texto lévanos ao terreo dos sentimentos: orfo e sentimental son os dous adxectivos destacados na introdución, para avanzar cunha serie de verbos moi significativos que describen a dureza dos primeiros anos na emigración "apurrar", "padeceu", "encararse","chorar" e substantivos tan representativos do sentir de Bieito: "soedade", "lembranzas", "pasado", "memoria" e "morriña". Debe chamarnos á atención das dúas ocasións nas que aparece a palabra terra, polarizando con claridade os dous espazos nos que se desenvolve a historia. A "terra allea" na que en principio todo eran ? campos sen camiños?, fermosa metáfora das dificultades coas que se atopa neste terreo no que el se ve obrigado a "prender" coma se fose unha planta transplantada fronte a Terra con maiúscula a que bota de menos e que cando pisa de novo converte nun verxel vexetal de musgo, couselos e fentos que lle fan feliz. Todos os adxectivos e substantivos referidos a esta Terra con maiúscula son positivos aparece a palabra felicidade, acompañada do verbo "encher", a palabra "ledicia" ou "emoción". A semántica do texto lévanos constantemente ao territorio dos sentimentos.
Outras probas do ton emotivo co que o relato nos envolve son os recursos máis evidentes. En primeiro lugar un símbolo moi destacado é o ichaviño, unha moeda que é soterrada por un neno e que tras das dificultades nas que lle ?apurraron todos os cans?( unha metáfora e unha hipérbole porque son todos os problemas posibles) e nas que ?rillaba?( un verbo que xunto cos metafóricos e feros cans de antes nos suxire o mundo animal, inferior á condición humana, asociación referida ao que sente un emigrante) cando ao fin Bieito puido ?alentar? (tomara aire ou recompoñerse), unha vez que puido ?virarse cara o pasado? é dicir unha vez que medrou e mellorou vai ter de novo na súa memoria, metido na ?caixa do peito?, metáfora do corazón, do sentimento. Ese alegórico ichaviño da morriña pola Terra (nótese o diminutivo por ser moeda de pouco valor, pero sobre todo porque nos marca o afecto que el lle tiña) rematará pendurado nunha cadea de ouro, e que quedara a agochado, oculto como un tesouro nun monte feraz. A Terra é o que lle dá tan gran valor, é a Terra, á que volve Bieito na súa busca e a que redescubre con felicidade nas verbas esquecidas do noso falar (con esta sinxela metonimia evoca a importancia da nosa lingua para o noso país, como sustento da nosa identidade) . O ichaviño soterrado no curuto dun monte (non esquezamos que Galicia significa terra de montañas) cobra pois unha gran relevancia no final do texto pois sempre o levará Bieito, ou calquera emigrante, ?na hucha do seu peito?, unha metáfora e un termo real, o corazón, que se repite con insistencia para subliñar o seu ton sentimental. Efectivamente en oposición ás dificultades que se atopou en principio na ?soidade dos campos sen camiños? da pampas arxentinas outra metáfora senlleira (fixerse na repetición do son ?s? para subliñar a súa importancia) e categórica para definir o lugar onde grazas ao ? traballo sen acougo? e ?os trafegos que non lle deran lecer? expresións metafóricas que connotan o esforzo e a dureza, tras trinta anos de ?loita? palabra que coloquialmente nos remite aos atrancos da vida, que imposibilitan o repouso necesario para a reflexión ?virar cara o pasado? e que apareza a morriña. Logo veñen ?as farraspiñas (outro diminutivo afectivo) esquecidas do seu ledo (epíteto para marcar positivamente as vivencias infantís da terra natal) vivir de neno? que o levarán finalmente cara a felicidade da súa terra que ?enchía de ledicia o seu corazón? de novo outra hipérbole ou esaxeración para deixar claro o contraste de sentires nas dúas terras que habita.

Ademas do lirismo que se trasloce de cada un dos momentos escollidos por Castelao da vida do emigrante simbólico que chamou Bieito (reparemos no nome), podemos observar un elemento rítmico que nos lembra a unha especie de "anáfora" no corazón do texto que se aprecia na repetición da palabra-símbolo "ichaviño" coma se fose un latexar constante da morriña no peito do Bieito.
No ritmo do texto tamén hai un xogo de contrastes para conducir ao lector cara esta contraposición de espazos e deterse máis nos sentimentos de Bieito. É o intre no que se para a pensar no seu pasado no que se minora o ritmo do texto que transcorría con frases breves, áxiles imaxes que parten da infancia e chegan case á vellez de Bieito, casado e con fillos, o que fai ás persoas botan raíces, como dixemos. E despois da reflexión recréase na súa volta á Terra, ese latexar constante na conciencia do emigrado.



A modo de conclusión indicar que Castelao constrúe un personaxe simbólico dun tipo de emigrante que aparentemente e despois de grandes dificultades superadas non é quen de esquecer a súa Terra e utilizando unha alegoría singular, a do ichaviño vai reconstruíndo as reflexións internas que o levan a desexar ver de novo o seu país e a telo sempre moi presente preto do seu corazón. Ton emotivo, sentimentos contrapostos e a felicidade frustrada en parte por non poder vivir no país que o veu nacer, de aí ese final de apenas dúas liñas que contrasta cun parágrafo moito máis extenso referido ao reencontro coa súa Terra. Un final sempre tan coidado por Castelao no que quere deixar claro que do corazón dun emigrante, por ben que lle vaia, sempre quedará pendurado o ichaviño da morriña do seu. A emigración ese problema social da Galicia na que vive Castelao e que é un dos temas recorrentes do libro de Cousas. Cousas son retratos cargados de humanismo dos galegos seu tempo, da Galicia sobre a que reflexiona, pola que viviu e loitou e que ilustra con palabras e debuxos intimamente imbricados.

Comentarios (1) - Categoría: COMENTANDO TEXTOS - Publicado o 25-11-2009 19:27
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0