Unha folerpa con outras, ás veces calla e fai neve

Defensa do Ensino Público


De Viñetas

"A historia dunha lingua debería ser coma a dunha longa cadea, onde cada xeración fora un elo que lla transmitira á seguinte"

GALEFAS
aferrer@mundo-r.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Un correo da consellaría de educación
Categoría: Galego - Publicado o 13-06-2009 12:37
# Ligazón permanente a este artigo
Milprimaveras máis par a nosa lingua


Sacado da Coordinadora de Ferrol-Terra
Categoría: Opinión - Publicado o 12-06-2009 18:01
# Ligazón permanente a este artigo
Manifesto do Colexio Of. de Sicólogos sobre a lingua

A interpretación dos soños

"Que imaxe vai ter de si un pobo que deixou apagar, deixou morrer, o máis valioso do seu patrimonio inmaterial?", pregúntanse desde o colexio de psicólogos.
Redacción - 17:35 10/06/2009. Vieiros
-------------------------

Achegámoslles un extracto do manifesto sobre a lingua feito público polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

"O galego é meu, o galego é noso, é de todos e todas. O galego é do que o fala, e é tamén do que aínda non o fala, ou do que xa non o fala... O galego é daquel que o ama e mesmo daquel que o odia, se é que hai algunha persoa que tal sinta polo seu patrimonio herdado... Porque, ao final, que é o galego?

O galego é o máis valioso dos nosos tesouros inmateriais, xunto coa música que tamén é outro tesouro. Realmente é difícil ver o valor de certas cousas até que sentimos a súa carencia, a súa falta, cando xa é tarde... Hoxe é tal vez tarde para recuperar a lagoa de Antela, a lagoa que hoxe a ninguén se lle ocorrería desprotexer, mais iso nos anos 50 non se viu. Hoxe é tarde para recuperar o que foi destruído, mais non é tarde para aprender deses erros e protexer o que nos resta.

A ninguén, non seu san xuízo, se lle ocorrería desprotexer a catedral de Santiago, e sen ir tan lonxe, a ninguén se lle ocorrería desprotexer a arte e arquitectura da cidade de pedra compostelá... Mesmo indo contra a suposta liberdade individual dos propietarios e propietarias dos inmóbeis da zona histórica, todos e todas concordamos en que hai que protexer o que é patrimonio común... E a lingua? Acaso a nosa lingua non merece o mesmo que as nosas pedras? Ela é patrimonio de todos e todas nós, e non só... ela é tamén patrimonio de todo o Estado, e da humanidade enteira. Entón, non merece o mesmo esforzo de protección?

(...)

Desde este Colexio Profesional queremos tamén advertir da importancia que a integración do pasado ten para o benestar presente e futuro das persoas. Un pobo que, non por vontade, porque se algo demostrou o pobo galego foi aprecio e lealdade á súa lingua é un pobo condenado a non saber quen é... E un pobo, ou unha persoa, que non sabe quen é, non pode contribuír con nada de orixinal ao destino da humanidade. Porque a universalidade do saber non vén da maior ou menor extensión dese coñecemento, senón da profundidade á que somos capaces de chegar co noso saber".

(...)

E como di a poeta e psicóloga Concha Rousia, "Quando morren o último falante de uma língua morre um sonho da Humanidade". Porque as linguas son todas obras marabillosas da Humanidade, dignas de seren protexidas, e a nosa non pode ser menos. Polo tanto de nós, dos nosos gobernos, depende pois que ese soño non esmoreza"


Ver texto completo en pdf (pódese descargar)
Categoría: Opinión - Publicado o 11-06-2009 22:54
# Ligazón permanente a este artigo
Ser universal dende as propias raices




Recollo do bloque "En Galego todo é posible"

O discurso de Agustín Fernández Paz na cerimonia de entrega dos premios Xerais foi seguido por "un aplauso longo, longuísimo (nunca tal vira nun acto literario) de trescentas persoas en pé agradeceron esas palabras firmes e luminosas", en palabras de Manuel Bragado. Na súa intervención destacou a súa defensa da universalidade da literatura galega, e a denuncia da súa situación de marxinación no país, tanto nas librarías "os nosos libros, confinados nunha reserva india en boa parte das librarías", nos medios "o tratamento subordinado que recibe nos medios de comunicación" e nos discursos hexemónicos "a insistente mentira de que somos unha literatura subvencionada".

Eis unha escolma do máis destacado do discurso
Pertenzo a unha xeración que medrou aceptando como natural a diglosia granítica que se instalara moito antes na sociedade galega. O galego enchoupaba a nosa concepción do mundo, pero semellaba ser algo que coma os castiñeiros e os carballos formaba parte da paisaxe. Os libros, os xornais, o cine, a radio, todas as fiestras que nos permitían ollar máis aló do horizonte, ofrecían unha realidade monolítica en castelán (...)

Ás veces a min e aos meus compañeiros de profesión chámannos escritores periféricos, ou localistas, porque escribimos desde Galicia e en galego. Esquecen que un escritor nunca é periférico, que o centro do mundo sempre está na súa mesa de traballo. O proceso de creación non sabe de periferias, do mesmo xeito que a lingua que usamos sempre é o vehículo idóneo. 'Se puede ser provinciano en el centro de N. York y universal en una aldea de los Andes', escribiu Octavio Paz (...)

Tentamos que os nosos textos cheguen todo o lonxe que a súa calidade llelo permita. Buscamos en primeiro lugar aos lectores do noso país; eles son os interlocutores privilexiados. Despois buscamos tamén esa periferia mundial que nos rodea. Os atrancos nunca están nos textos, a creación é o ámbito da liberdade máis plena; onde os atopamos é nas cuestións políticas, nas relacións económicas e de poder. Escribirmos nunha lingua universal, pertencermos a unha lingua socialmente estigmatizada, leva aparellados serios problemas de visibilidade na sociedade, e penso agora nos nosos libros, confinados nunha reserva india en boa parte das librarías, ou no tratamento subordinado que recibe nos medios de comunicación, ou na insistente mentira de que somos unha literatura subvencionada. En Galicia hai unha fervenza de creatividade que non pode fluír con plenitude, pois unha boa parte das elites financeiras, empresariais, mediáticas e políticas desconfían e negan esa creatividade se se manifesta na lingua de noso (...)

Unha ameaza maior: que medre o número de cidadáns que non nos poden ler por non saberen de nós, ou por non posuíren a competencia necesaria para facelo. Lembro a miña nai, galegofalante de sempre, e os problemas que tiña para ler as cartas que eu lle escribía: 'ai fillo, non me escribas en galego, que non as entendo'. Á miña nai, como a moitas persoas de xeracións anteriores, furtáronlle de raíz a posibilidade de ser alfabetizada en galego. E agora, malia as voces que nos tentan tranquilizar ou adormecer, moitos de nós albiscamos o regreso de problemas que criamos superados. Persoas que aínda queréndonos ler non poden, porque no sistema educativo non desenvolveron esa competencia para lernos na lingua de noso. Ou, tamén, persoas que podéndonos ler refugan facelo, pois é aventurado achegarse con gusto a unha lingua alcumada de radical, de atrasada, de limitadora, de inútil, de imposta (...)E, para escarnio maior, coa novidade de amparar esta nova situación nunha liberdade lingüística de cartón pedra que, ao examinala de preto, deixa ver axiña as falsidades que a sosteñen. Pois non hai liberdade merecedora de tal nome se se basea no esmagamento ou na clausura dun sector da cidadanía. Non hai liberdade se non hai xustiza e se non alcanza a todas as persoas por igual. Veñen aquí ao caso as palabras do ex-presidente dos EE.UU. Lindon B. Jhonson, pronunciadas no contexto da loita contra o appartheid: Pensemos nun home que permanecese encadeado durante moitos anos. Liberámolo e conducímolo á saída dunha carreira dicíndolle: «es libre de participar cos outros». Podemos considerar que estamos sendo equitativos? (...)

Estamos afeitos a traballar en situacións adversas. Na historia da nosa literatura as liñas de resistencia activa veñen de loDe Rosalía, rebelándose contra o feito de sentirse estranxeira na súa patria; de Curros, que denuncia a ameaza dos lobos lonxe. s e clama pola unión; de Cunqueiro pechado na súa bufarda de Mondoñedo a soñar as mil primaveras para a lingua estigmatizada; de Celso Emilio, falándolle como un irmau solidario a todos os desposuído do mundo... A nosa forma de participar na cultura da humanidade é desenvolvendo a cultura galega. Temos dentro de nós a materia que lle pode interesar a calquera persoa en calquera lugar do mundo, só precisamos plasmala a través do proceso de creación. Para conseguilo, cómpre chantar os pés na nosa realidade e, coas raíces na terra, abrirnos a todos os ventos culturais do mundo. Porque aquí están as fábricas da imaxinación das que fala Manuel Rivas, delas poden saír creacións que tamén se lean en toda a periferia mundial. Obras cargadas de vida, obras cunha luz tan forte que sexa imposible de agochar. Un dos trazos máis significativos da cultura galega, que tan ben souberon expresar os membros da Xeración Nós, é a súa vocación de ser célula de universalidade, a súa vontade de ser unha peza máis, en pé de igualdade, no mosaico mundial das culturas: a súa conciencia de que só se pode ser universal desde as propias raíces.
Categoría: Opinión - Publicado o 10-06-2009 23:49
# Ligazón permanente a este artigo
Tríptico informativo da Coordinadora Galega de ENL

Trítico informativo da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística. Para lelo ben e todo, podes ir a páxina da Coordinadora Pódese descargar en PDF. Sería interesante que tódolos pais e nais tiveran este tríptico antes de que fixeran a famosa enquisa que imos ter axiña na casa.
Categoría: Galego - Publicado o 08-06-2009 22:16
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis


Este blogue forma parte da Rede de Blogueiras/os en defensa do Galego
Chuzame! chúzame -





Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0