Unha folerpa con outras, ás veces calla e fai neve

Defensa do Ensino Público


De Viñetas

"A historia dunha lingua debería ser coma a dunha longa cadea, onde cada xeración fora un elo que lla transmitira á seguinte"

GALEFAS
aferrer@mundo-r.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Vin bandeiras do Bierzo
X. Luis Méndez Ferrín

Estivemos na Quintá, como quería Victoriano Taibo que dixesemos, ou na Quintana que hoxe toda a xente, incluíndo Lorca, escribe ou di. Na manifestación Queremos Galego! Habería 50.000 ou seguramente 100.000 humanos. Así como hai Quintana de Vivos e Quintana de Mortos, eu vin todos eses vivos pro tamén unha manifestación innumerabel de mortos. Estaban todos os mortos que nós temos e eles non teñen porque os seus mortos son de lonxe. Mortos e mortas entre os que, por proximidade destacaba a presenza da ánima de Rosalía e a do xenio de Domingos Antonio de Andrade, que na manifestación traducía os seus hexámetros latinos ao galego materno. Non podemos nomear todos os defuntos que estaban na Quintana no corazón e na lembranza dos manifestantes: eran todos os do 1846, os do Banquete de Conxo, cada un dos que votaron si no Estatuto do 36, meu camarada X.R. Reboiras Noia, Martín Sarmiento, Manuel Antonio. Aí, na nación dos finados, é donde a policía municipal non pode facer cálculos nin pór a concorrencia en algarismos.
E por que se moveu tanto pobo? Moveuse por valores inmateriais en tempos de crise e de penuria. "Todas as medidas gobernamentais executadas e anunciadas estes meses no ámbito da lingua foron dirixidas a anular as positivas para o noso idioma e os dereitos lingüísticos que nos asisten ou frear proxectos destinados a tales fins. Algúns exemplos son o anuncio de derogación do decreto do 50% no ensino en galego (a mal chamada "consulta" ás familias e todo o seu ronsel de irregularidades); a supresión das axudas á traducción de libros para o noso idioma; ou a contrarreforma da Lei da Función Pública, só para que o galego non sexa igual de necesario que o castelán para acceder a un posto de traballo na administración galega". Así expuñan os motivos da protesta os organizadores da manifestación do 18 de outono.
A política contra a lingua galega da actual Xunta parte dunha mentira unha e outra vez repetidas. Segundo eles, o galego viña sendo "imposto" e os falantes do castelán víanse "asoballados". Calquera espectador alleo do conflicto sabe que o 50% de galego no ensino é o que a dereita chamaba antaño "bilingüismo harmónico". E como pode interpretarse como imposición a esixencia de que os funcionarios que traballen nesta magra autonomía coñezan a lingua que o seu Estatuto declara como propia? E así seguiríamos.
Existe un programa oculto e un plan de actuación contra o galego, idioma que nos laboratorios neofranquistas do FAES se considera un miasma disolvente cuxa restauración só pode conducir as masas ao nacionalismo que, á súa vez, non pode senón dirixirse a romper España. Non queren que Galicia se xeneralice a "doenza" que avanza en Cataluña e que non retrocede en Euskadi. Logo, a misión que España lle ensixe ao PP en Galicia é a de devaluar o galego e a de sentar os alicerces da súa extinción. E o PP cumpre as ordes dimanantes da rúa Génova, Madrid: demoler o pouco que se leva edificado institucionalmente en favor do galego. Que as medidas reaccionarias contra o idioma noso non son iniciativa de Núñez Feijóo e da súa equipa de goberno senón da Xefatura Central, é cousa que se demostra coas políticas antigalegas que, poño por caso, na deputación de Pontevedra ou o Concello da Coruña se están a executar cada día. Aínda voltaremos sobre tales extremos.
Vin bandeiras do Bierzo na manifestación do pasado día 18. Elas non nos deixaron esquencer que o noso idioma sofre marxinación máxima na Terra Eo-Navio de Asturias, no occidente das provincias de León e Zamora e nas Ellas de Cáceres. Na Galicia Exterior son tantos falantes do galego sen dereitos ningún como eran os manifestantes se fixeron presentes na Quintana.

Resumo manifestación do 18

Categoría: Galego - Publicado o 24-10-2009 08:54
# Ligazón permanente a este artigo
Historia da muller. Dereitos


Veño desde onte desde o pasado escuro e esquecido coas mans atadas polo tempo coa boca selada desde épocas remotas.
- Veño cargada de dores antigas, recollidos por séculos, arrastrando cadeas longas e indestrutibles.
- Veño desde a escuridade, do pozo do esquecemento co silencio ao lombo, co medo ancestral que ha corroído a miña alma desde o principio dos tempos.
- Veño de ser escrava por milenios, escrava de xeitos diferentes: sometida ao desexo do meu raptor en Persia, escravizada en Grecia baixo o poder romano, convertida en vestal nas terras de Exipto, ofrecida aos deuses en ritos milenarios vendida no deserto ou trocada como unha mercancía.
-Veño de ser apedrada por adúltera nas rúas de Xerusalén por unha turba de hipócritas, pecadores de todas as especies que clamaban ao ceo o meu castigo.
-Fun mutilada en moitos pobos para privar o meu corpo de praceres e convertida en animal de carga, traballadora e parideira da especie.
Violáronme sen límite en todos os recunchos do planeta sen que conte a miña idade madura ou tenra ou importe a miña cor ou a miña estatura.
- Debín servir onte aos señores, prestarme aos seus desexos, entregarme, doarme, destruírme, esquecerme de ser unha entre miles.
- Fun barrigana dun señor en Castela, esposa dun marqués e concubina dun comerciante grego, prostituta en Bombai e en Filipinas e sempre foi igual o meu tratamento.
- Duns e doutros sempre escrava, duns e doutros dependente, menor de idade en todos os asuntos, invisible na historia máis afastada e esquecida na historia máis recente.
- Eu non tiven a luz do alfabeto. Durante longos séculos abonei coas miñas bágoas a terra que debín cultivar desde a miña infancia.
- Percorrín o mundo en milleiros de vidas que me foron entregadas unha a unha .
- E coñecín a todos os homes do planeta. Os grandes e pequenos, os bravos e covardes, os viles, os honestos, os bos, os terribles.
- Mais case todos levan a marca dos tempos. Uns manexan vidas como amos e señores, asfixian, aprisionan e aniquilan.
- Outros deixan almas comercian con ideas, asustan ou seducen, manipulan e oprimen.
- Eu coñézoos a todos, estiven preto duns e doutros, servindo cada día, recollendo migallas, baixando a cerviz a cada paso, cumprindo co meu karma.
- Percorrín todos os camiños rabuñei paredes e ensaiado silencios tratando de cumprir co mandato de ser como eles queren mais non o conseguín.
- Xamais se permitiu que eu escollese o rumbo da miña vida. camiñei sempre nunha disxuntiva ser santa ou prostituta.
- Coñecín o odio dos inquisidores que a nome da santa nai igrexa condenaron o meu corpo ao seu servizo e ás infames chamas da fogueira.
- Chamáronme de múltiples xeitos: bruxa, tola, adiviña, pervertida, aliada de satán, escrava da carne, sedutora, ninfómana, culpable dos males da terra.
- Pero seguín vivindo, arando, cultivando, cosendo, construíndo, cociñando, tecendo, curando, protexendo, parindo, criando, aleitando, coidando e sobre todo amando.
- Poboei a terra de amos e de escravos, de ricos e esmoleiros, de xenios e de idiotas, pero todos tiveron a calor do meu ventre, o meu sangue e o seu alimento e levaron un pouco da miña vida.
- Logrei sobrevivir á conquista brutal e desapiadada de Castela nas terras de América pero perdín os meus deuses e a miña terra e o meu ventre pariu xente mestiza despois que o amo tomoume pola forza.
- E neste continente mancillado proseguín a miña existencia cargada de dores cotiás, negra e escrava no medio da facenda vinme obrigada a recibir ao amo cantas veces quixese sen poder expresar ningunha queixa.
- Despois fun costureira, campesiña, serventa, labradora, nai de moitos fillos miserables, vendedora ambulante, curandeira, coidadora de nenos ou de anciáns, artesá de mans prodixiosas, tecedora, bordadora, obreira, mestra, secretaria, enfermeira.
- Sempre servindo a todos, convertida en abella ou sementeira cumprindo as tarefas máis ingratas moldeada como cántaro polas mans alleas.
- E un día doínme das miñas angustias un día canseime dos meus traxíns, abandonei o deserto e o océano, baixei da montaña, atravesei as selvas e confíns e convertín a miña voz doce e tranquila, en bucina do vento en berro universal e toleado.
- E convoquei á viúva, á casada, á muller do pobo, á solteira, á nai angustiada, á fea, á recentemente parida, á violada, á triste, á calada, á fermosa, á pobre, á aflixida, á ignorante, á fiel, á enganada, á prostituída .
- Viñeron miles de mulleres xuntas a escoitar as miñas arengas, falouse das dores milenarias, das longas cadeas que os séculos cargáronnos ao lombo.
- E formamos con todas as nosas queixas un caudaloso río que empezou a percorrer o universo afogando a inxustiza e o esquecemento.
O mundo quedou paralizado os homes e mulleres non camiñaron paráronse as máquinas, os tornos, os grandes edificios e as fábricas ministerios e hoteis, talleres e oficinas, hospitais e tendas, fogares e cociñas.
- As mulleres, por fin, descubrímolo. ¡Somos tan poderosas como eles e somos moitas máis sobre a terra! ¡Máis que o silencio e máis que o sufrimento! ¡Máis que a infamia e máis que a miseria!
- Que este canto resoe nas afastadas terras de Indochina nas areas cálidas do África, en Alasca e América Latina, chamando á igualdade entre os xéneros a construír un mundo solidario distinto, horizontal, sen poderíos- a conxugar tenrura, paz e vida, a beber da ciencia sen distingos.
- A derrotar o odio e os prexuízos, o poder duns poucos, as mesquiñas fronteiras, a amasar coas mans de ambos os sexos o pan da existencia.
A Axencia de Noticias Coránicas de Irán destacaba nunha entrevista co teólogo islamita Musa Gunes, quen afirmaba que Occidente trata de desviar as mulleres do seu papel principal e real na sociedade, presionándoas con lemas vans sobre liberdade e igualdade; tamén engadiu que unha das tácticas que utilizan é apartar aas mulleres das súas familias, atraéndoas ó mercado laboral. QUE ESTE TIPO DE COMENTARIOS NUNCA MÁIS SE VOVAN A ESCOITAR.

XahOlg

Categoría: Historia xeral - Publicado o 24-10-2009 08:27
# Ligazón permanente a este artigo
O galego baixa un 20%
Os orzamentos que a Xunta lle dedicará á Política Lingüística no 2010 sofren un drástico recorte de máis do 20 por cento tanto con respecto ao 2009 como con respecto aos últimos orzamentos do goberno presidido por Fraga no 2005. A Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) considérao un 'moi grave paso atrás que acrecenta a regresión na política lingüística do goberno galego'.

Ver nova na orixe

C
omo non poden usar a guillotina, pasan á estratexia de afogar ós poucos, saben que na inercia capitalista o lobo grande come ó pequeno. O demo non ten corazón pero si cabeza. Axiña sairá a austeridade para xustificar todo. Se nón estiveran a facer outras cousas igual se lle podía crer.
Categoría: Chanchulladas - Publicado o 24-10-2009 07:27
# Ligazón permanente a este artigo
SAMAÍN: DOS CELTAS AOS GALEGOS
Escoitar a canción Samaín de Mamá Cabra


Collemos da bitácora Medrar En Galego,o seguinte artigo e xogo sobre o Samaín. Abaixo tes un vídeo cunha canción moi apropiada para estas datas, de Mamá Cabra. Logo tes máis ligazóns libros, contos, fotos, e máis vídeos. Segundo vaia atopando irei metendo máis. Aínda que coido que xa abondo.

A noite do 31 de outubro comeza o ano novo celta,é a festa en honor aos defuntos e marca a transición do verán ao inverno. Nesta noite, o pobo celta, con fondas crenzas religiosas relacionadas coa inmortalidade da alma e cunha preocupación natural polos queridos defuntos expostos ao frío e á escuridade do inverno, á intemperie e á tristura dos camposantos, buscou e atopou un mecanismo de reparación: preparando alimentos e agasallos os parentes vivos, para os parentes mortos, sería posible que as ánimas dos finados voltasen a visitar ás súas familias e ás súas vellas casas para comer nas mesas e para quentárense ao carón do lume da lareira.

O ano celta estaba organizado arredor de catro festas principais. As festas repartíanse tendo en conta a súa natureza e significado orixinal: dúas delas estarían asociadas á apertura e peche das estacións:

- Imbolc: celebrábase a principios de febreiro (sobre o 1 de febreiro), e era dedicada á deusa Imbolc ou Brigit, á que se consagraban os animais superviventes ao inverno.

- Beltaine: celebrábase o 1 de maio e dedicábase a Belenos, deus do lume. Neste día o lume era usado para purificar co seu fume os animais e todo o pobo.

- Lughnasa: celebrábase a mediados de xuño e dedicábase a Lug en Irlanda, Lugus en las Galias y Lleu en Escocia, deus da luz. Facíase para agradecer a fertilidade dos animais e a abundancia das reservas alimenticias.

- Samain: era a festa máis importante. Tiña lugar o 1 de novembro e dedicábase a Samain, deus da morte e dos malos espíritos. Este día significaba que comezaba unha etapa: o inverno.

Durante os días previos ao Samain, tiñan lugar innumerables sacrificios de animais. Ademais de ter un carácter relixioso, facíanse para aprovisionárense de carne e de pel para o inverno. Era a súa peculiar "matanza", como a que se fai no rural galego.

Os celtas crían que esa noite se abría unha "porta" , a dimensión dos vivos quedaba en comunicación coa dimensión do mundo dos mortos, polo menos por unhas horas. Durante esas horas acendíanse fogos coa intención de poder guiar aos mortos na escuridade da noite, para que atopasen aos seus parentes. Pola contra os guerreiros celtas colocaban unha pequena candea nas caveiras dos seus inimigos derrotados para escorrentar aos seus espíritos.

Dende hai séculos esta tradición mantense viva en Galicia. Era costume tallar nabos de gran tamaño, e posteriormente cabazas, para pórlles dentro candeas. Hai unha serie de costumes ancestrais por esta data, como deixar un espazo na mesa ou racións de comida para os defuntos, ou facer colares con castañas novas. Tamén, non hai moito, na noite previa á festa cristiá de Defuntos, tallábanse cabazas e poñíanse nas encrucilladas dos camiños para asustar á xente. Na comarca de Ferrolterra os nenos preparan as tradicionais cabazas cunha candea no interior, que manterán acendida durante toda a noite para escorrentaren ás meigas.

Na actualidade, os veciños de Cedeira celebran a noite de Santos dende hai oito anos grazas á asociación cultural "Chirlateira". Centos de persoas, nenos na súa meirande parte, saen á rúa con cabazas talladas en forma de caveira cunha candea acendida no seu interior. A festa adoita comezar ó redor das cinco do serán e faise un percorrido polos canellóns máis escuros da vila ao compás da música dun tambor.

No Concello da Illa de Arousa os nenos érguense antes de que saia o sol e percorren as rúas e tendas o día 1 de novembro pedindo cunha algarada tradicional: "unha limosniña polos defuntiños que van alá". Reciben cartos, laranxas, lapis, boliños de pan e lambetadas.

E en Xil, una parroquia do concello de Meaño na ladeira do monte, entre o lusco e o fusco os seus habitantes soben en procesión ao cemiterio levando velas. Dende abaixo, obsérvase unha "santa compaña" de luces oscilantes, e no mesmo cemiterio non son poucas as viúvas que ficaron toda a noite alí, velando aos seus mortos.

Se cadra, é con esa e con outras tantas tradicións coas que hoxe en día se seguen a facer pervivir os antigos ritos celtas do Samain na nosa terra.



Maís en Vieros Escola

Máis en Cultura Galega


Libro. Samaín.A Festa das Caliveras

Libro conto de Pepe Carreiro

Materiais para o Samaín

Guía de lectura para o Samaín

Outro vídeo presentación "youtube" feito por mín con algunhas cabazas no 2008

Fotos de cabazas
Ceip "A Seca"

Historias do Samaín
Categoría: Historia Galega - Publicado o 23-10-2009 19:47
# Ligazón permanente a este artigo
A fala do Val do Ellas
En Cáceres tamén se fala Galego

Categoría: Galego - Publicado o 23-10-2009 19:01
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [4] [5] [6] 7 [8] [9] [10] ... [18]
© by Abertal
Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis


Este blogue forma parte da Rede de Blogueiras/os en defensa do Galego
Chuzame! chúzame -





Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0