Unha folerpa con outras, ás veces calla e fai neve

Defensa do Ensino Público


De Viñetas

"A historia dunha lingua debería ser coma a dunha longa cadea, onde cada xeración fora un elo que lla transmitira á seguinte"

GALEFAS
aferrer@mundo-r.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Un punto de vista positivo
O sociólogo, catedrático de Opinión Pública da Complutense, Fermín Bouza (Santiago, 1946) augura que, se as agresións ao galego continúan, pode producirse unha reacción social con efectos políticos semellantes aos do Prestige en 2002. Critica o pesimismo dalgúns sectores ante o 'disparate da derrota do 1 de marzo' e asegura que os datos electorais dan a entender que é doada unha nova derrota do PP en 2013.

----------------------------------
Que pode supoñer a manifestación do domingo 18 tal e como se está producindo a convocatoria por un espectro social e político tan amplo?

O tema da lingua é tan grave e aféctalle tanto ao futuro de Galicia que calquera actuación na súa defensa é fundamental. Ademais é un acto unitario, e o que outras cousas non lograron conségueo a lingua. Ten significación cara á lingua e cara á política. É un momento histórico, porque sempre que se fixeron estes actos tiñan un transfundo partidario e desta volta non. Esa é a diferencia.

A controversia social sobre a lingua parecía durmida e foi unha campaña electoral a que excitou a situación. Era algo esperábel ou é unha importación externa?

É importada por forzas políticas como UPyD ou organizacións como Galicia Bilingüe, que falan dunha problemática que ninguén sentía como eles a presentan. O que me parecía unha enorme desgraza agora xa non estou seguro de que fora tal. Como din os crentes en frase moi interesante, Deus escribe dereito con liñas tortas. O traballo destes grupos, en xeral de extrema dereita, foi paradoxalmente un traballo a prol da lingua, porque fixo reaccionar a toda a xente que ten no galego unha referencia importante e que estaba francamente adurmiñada. Mirando desde Madrid non me parecía que houbese un movemento con nervio abondo para darlle vigor á lingua. Había unha lexislación que malamente se cumpría, unha organización de defensa da lingua que ás veces non actuaba acertadamente e xa se vía que a lingua non ía ben. Se a este proceso lle engades o triunfo de Feixóo coas políticas lingüísticas novas que aplica chegamos á desaparición da lingua. Esta é a perspectiva que a xente non se formulaba e que Feixóo puxo negro sobre branco. A importación do problema resultou a decote un estímulo en favor do galego.

Ese intento de presentar o castelán en perigo xa se fixo en Cataluña e en Baleares. Ten máis significado político que o propiamente lingüístico?

Unha vez que destapas a caixa de Pandora dos dereitos da xente, e falar e defender a propia lingua é un dereito, aparecen máis cousas. Son asuntos complexos que a dereita entende que cuestionan a estrutura do mesmo estado. Pero son esaxeracións que nos fan dano a todos, empezando pola propia dereita. Considerar que o feito de que un país fale a súa lingua atenta contra a propia supervivencia de España é o que dramatiza absurdamente a cuestión.

É bo para o futuro do galego que non apareza como patrimonio de ningunha forza política?

A idea de que a defensa da lingua non sexa exclusivamente un tema nacionalista é positiva. O nacionalismo colleu esa bandeira, con toda a razón, porque estaba deixada da man de deus, pero é unha bandeira xusta e se o PP, como noutro tempo, se suma e o fai o PSdeG tirándose á piscina con racionalidade, é importante. Se a lingua vai unida a algo sectorial e de partido estamos perdidos. Temos que facer que o propio votante do PP se comprometa co galego e o sitúe máis alá da batalla política, que é o que algúns non acaban de entender.

No seu blog (votoconbotas.trincheradigital.com/) dicía que a reaparición, de man de Carlos Negreira, da polémica sobre o topónimo da Coruña perseguía romper a posibilidade dunha alternativa cara o 2013 entre socialistas e nacionalistas.

Falamos de mínimos e non se pode ir con ninguén que acepte algo así. Hai cousas que non son negociábeis. É mellor ir sós que mal acompañados e o tema do topónimo da Coruña ten gravidade como para rexeitar calquera alianza, que debe basearse en mínimos e ese é o máis cativo dos acordos. Sería unha salvaxada pretender volver atrás nesta cuestión. O PSOE non pasa por aí e algunhas declaracións foron produto dalgún despistado máis pendente doutro tempo que da actualidade. Non era serio e déronse conta rapidamente de que ese non era o camiño.

Seis meses despois da mudanza electoral, pasou a oposición xa do shock inicial? Ten sentido o pesimismo de que agora veñen outras catro lexislaturas de maiorías do PP?

Sempre quixen combater esa postura. Como dezaseis anos? No meu blog quixen dar razóns para que se entendese que iso non é así. O bipartito respondía máis ás necesidades e ao reparto da estrutura de clases en Galicia. Non había ningunha razón para que perdese e a derrota foi un disparate e supón perder catro anos. É certo que non facían caso a ninguén, que a ignorancia é total en materia de comunicación política, que se meteu a pata, pero eu digo que é moi doado gañar as eleccións en 2013.

A corrupción destapada polo caso Gürtel ocupa a actualidade política. Influirá no electorado?

Non vai cambiar o voto do electorado do PP por estes asuntos de corrupción, pero indirectamente inflúe. Porque nesas circunstancias parte dese electorado está receptivo. É o momento da gran comunicación política das outras alternativas, pero iso non quere dicir que vaian mudar de voto inmediatamente.

A oposición mudou os dirixentes despois do 1 de marzo. Ten tanta influencia como se lle dá o liderado dos partidos?

De momento, tanto en España como en Galicia, os líderes non teñen tanta importancia. A xente vota partidos políticos, PP, PSOE ou BNG, e os líderes aproximan pero non son elementos decisivos. O importante é a marca e a mensaxe partidaria. A xente é moi pouco personalista nestas cuestións.

Sempre se cita o caso de Nunca Máis, a mobilización deste domingo está dicindo algo sobre a representatividade dos partidos?

Prestige e lingua son os motivos das máis grandes mobilizacións contemporáneas en Galicia e son asuntos políticos. O Prestige deulle a gobernación ao bipartito e rompeu a maldición de que só o PP era a forza de goberno en Galicia. A lingua é importante para unha maioría da poboación, fálea ou non. Se estas mobilizacións conseguen ser moi concorridas farán callar na xente a conciencia de que algo grave está a pasar e poden ser un Prestige 2.


Ler noticia en "A Nosa Terra"
Categoría: Opinión - Publicado o 19-10-2009 19:01
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
© by Abertal
Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis


Este blogue forma parte da Rede de Blogueiras/os en defensa do Galego
Chuzame! chúzame -





Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0