Unha folerpa con outras, ás veces calla e fai neve

Defensa do Ensino Público


De Viñetas

"A historia dunha lingua debería ser coma a dunha longa cadea, onde cada xeración fora un elo que lla transmitira á seguinte"

GALEFAS
aferrer@mundo-r.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Datos do Mapa Sociolingüístico
Sacado do bloque "A lingua de todos"

"O verdadeiro conflicto está por vir se se deroga o decreto sobre o galego"

Os recentes datos do Mapa Sociolingüístico de Galiza referidos aos usos (do ano 2004, mais publicados agora) -datos que amosan un notábel aumento das persoas que nunca falan en galego, parello ao descenso dos que realizan un uso pleno da lingua galega- botan por terra as visións deformadas e manipuladoras da presenza das dúas linguas no ensino.

Segundo o estudo, hai mozos que recibiron todo o ensino en castelán, en contra da lexislación aprobada por unanimidade polo Parlamento Galego. En concreto, o 10,7% asegura que recibiu todo o ensino en castelán e o 85% maioritariamente en castelán. A presenza do galego no ensino no grupo de monolingües en castelán limítase ao 14,3%. Entre os que empregan máis o castelán, as diferenzas no uso docente entre os dous idiomas chegan a 63,1 puntos a favor do español. Non hai dúblida: o ensino continúa a ser un firme axente castelanizador. O Decreto actual, do 2007, que establece os mínimos de uso do galego no 50%, é cando menos imprescindíbel.


Diante de tal fracaso educativo, calquera modificación lexislativa no ensino que faga recuar eses mínimos devén unha agresión á lingua e ao conxunto da sociedade.
E é que hai obviedades que non se poden agachar:

* - A actual lexislación responde fielmente ao Plan Xeral de Normalización aprobado por todas as forzas políticas. Que as familias poidan elixir non coñecer o idioma propio (!) supón atentar contra a propia Lei de Normalización Lingüística.
* - A actual Lei de educación, a LOE, recolle claramente o obxectivo de capacitar para a comunicación nas dúas linguas oficiais na mesma medida, o que é imposíbel de lograr se non hai unha ampla presenza no ensino da lingua minorizada (o galego).
* - A normativa europea, en particular a Carta Europea das Linguas rexionais e minoritarias, incide no carácter positivo da diversidade lingüística, como un elemento de cohesión e de valor engadido para as sociedades democráticas, e salienta a necesidade de adoptar estratexias de desenvolvemento e promoción do uso das linguas minoritarias e minorizadas. A Consellaría de Educación ten obriga de adaptar a lexislación galega á normativa europea que sinala que o ensino en Galiza debe ter como vehículo normal o galego.
* - Unha das competencias profesionais no ensino é o desenvolvemento plurilingüe do alumnado, no marco dos obxectivos europeos, o que se leva a cabo con efectividade real se hai un amplo uso escolar da lingua galega.
* - Un ensino plurilingüe (e o actual decreto é o mínimo para tal cousa) supón evidentes e contrastábeis vantaxes para o alumnado ao desenvolverse cognitivamente: mellora das destrezas psicolingüísticas e intelectuais e do pensamento diverxente, unha orientación analítica, unha maior sensibilidade ante os sinais do contexto social na comunicación..., e máis recursos e habilidades para a aprendizaxe de novas linguas. E na sociedade actual as competencias comunicativas desenvolvidas neste modelo de ensino son fundamentais. Hai múltiples estudos que confirman isto: Herdina e Jessner, Cummis, Lambert e Tucker, etc.
* É evidente que o coñecemento e uso da lingua galega ten de seu, máis alá dos valores de identificación, unha innegábel utilidade social (tal como recolle, de maneira moi básica, Fernán Vello), polo que é incomprensíbel que poida ser privada de tales vantaxes unha parte da poboación escolar.



Convén lembrar o que se recollía no Manifesto Ensino en galego (do 2007), apoiado polas catorce organizacións máis importantes da nosa comunidade educativa:

O sistema educativo non garantiu, até o de agora, nin tan sequera que o alumnado puidese finalizar o ensino obrigatorio cunha competencia comunicativa en galego igual á conseguida en castelán, a pesar de que ese é legalmente un dos obxectivos da escolarización. Aínda é máis grave o feito, sinalado unanimente por todos os estudos oficiais, de que a escola incide no abandono do galego por parte de moitos nenos e nenas. (...)

A Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos (1997), a Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias (2001) e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004), representan tres grandes acordos para avanzar na normalización lingüística que se subscribiron no último decenio por unanimidade nos diversos foros de representación democrática. Acordos que, porén, non conseguiron acadar os obxectivos previstos, ao non se facer efectiva durante todo este tempo a súa aplicación. Lembremos a ese respecto o contundente informe aprobado en 2005 polo Comité de Ministros do Consello de Europa, no que recordaba que o sistema educativo galego non estaba á altura dos compromisos de normalización lingüística adquiridos a nivel internacional polo Estado español.

Máis datos sobre o Mapa Sociolingüístico, no blogue de Carlos Callón. Hai que ter en conta que este segundo volume do Mapa sociolingüístico recolle os hábitos lingüísticos só da poboación de entre 15 e 54 anos e na mostra ten máis peso a poboación urbana do que tivo na anterior edición (do 1992), mais, en calquera caso, confírmanse con rotundidade as tendencias desgaleguizadoras provocadas pola imposición, esa si real, do español. Cómpre dar pasos cara adiante.

ENDL do IES d'A Pobra


CTNL (Coordinadora de Traballadores de Normalización Lingüística)
Categoría: Galego - Publicado o 18-03-2009 22:38
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
© by Abertal
Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis


Este blogue forma parte da Rede de Blogueiras/os en defensa do Galego
Chuzame! chúzame -





Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0