Unha folerpa con outras, ás veces calla e fai neve

Defensa do Ensino Público


De Viñetas

"A historia dunha lingua debería ser coma a dunha longa cadea, onde cada xeración fora un elo que lla transmitira á seguinte"

GALEFAS
aferrer@mundo-r.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Modelos linguísticos de tres partidos políticos
Sacado de bloque Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de FerrolTerra

Un conflito, dúas linguas, tres modelos

Xoves, 12 de febreiro de 2009
Iago Martínez / XORNAL.COM I A Coruña.- A lingua entrara na campaña electoral moito antes de que Galicia Bilingüe, coa complicidade do partido de Rosa Díez e certos sectores do PP, intentase mobilizar á sociedade por unha causa lexítima, a liberdade de elección, sustentada sobre un diagnóstico perverso, o da imposición do galego na Galicia do século XXI. E entrara antes porque as tres principais forzas políticas representan pola súa vez tres modelos lingüísticos distintos. Para dúas linguas enleadas nun só conflito, socialistas, nacionalistas e populares propoñen tres saídas diferentes. Ningunha pasa pola erradicación do castelán, a única lingua cuxo coñecemento é obrigado pola Constitución, pero non todas reservan o mesmo papel ao galego nin entenden da mesma maneira a convivencia dos dous idiomas no Estatuto de Autonomía.

PP: "Proporcionalidade" e "libre elección"

Para a os estudosos da sociolingüística, o proceso de "substitución" é aquel mediante o que unha lingua de poder, como o latín, consegue desprazar a outras con menos prestixio até ocupar o seu espazo ou facelas desaparecer, como aconteceu con algunhas linguas prerromanas. Para o PP de Alberto Núñez Feijóo, e así o recolle o seu programa electoral, "substitución" é o que está a provocar en Galicia a aplicación do Plan de Normalización Lingüística.

Dito doutro xeito, os populares cren que o único idioma cuxo coñecemento é obrigado no Estado español porque así o estabelece a Constitución de 1978, o castelán, está a ser desprazado por outro, o galego, que non é de obrigado coñecemento nin sequera no Estatuto de Autonomía de Galicia. Feita a diagnose, os populares detallan as súas medidas de combate á "imposición". Propoñen un "bilingüismo integrador" sustentado no "coñecemento por todos de ambas linguas" e explícano nun texto escrito en galego e salferido de erros ortográficos, sintácticos e gramaticais.

Se acceden ao goberno logo do 1 de marzo, os conservadores comprométense a derrogar o Decreto de Fomento do uso do Galego na ensinanza aprobado polo bipartito para substituílo por unha norma que permita aos pais elixir a lingua materna dos seus fillos e a estes seren escolarizados nese idioma. Ademais, asegurarán a libre elección da lingua nos exames e nos materiais didácticos, agás en Lingua Galega e Lingua Castelá, e garantirán a "proporcionalidade" entre os dous idiomas, que definirán os claustros dos centros.

Logo de paralizar as actuais políticas de promoción do galego no comercio, o PP creará unha Oficina de Dereitos Lingüísticos e centralizará nun único organismo adscrito á Xunta de Galicia todos os cursos de capacitación lingüística e a expedición de títulos de competencia en galego.

PSOE: Dous idiomas, "dobre privilexio"


Sobre a base de que ter dúas linguas oficiais "é un dobre privilexio do que moi poucos pobos disfrutan", aínda que este verbo non existe en galego ?o correcto é "gozar"?, os socialistas non prevén no seu programa ningunha medida que rebaixe o actual estatuto do galego. É certo que cando propoñen reformar o actual Estatuto de Autonomía tampouco se comprometen a incluír no texto a obriga de coñecelo, como fai a Constitución Española co castelán, pero tampouco pretenden ?a xulgar pola letra impresa? dar marcha atrás na implantación do galego.

Na vindeira lexislatura, se o PSOE accede ao goberno autonómico e ten competencias nesta materia, elaborarase un Plan Estratéxico de Política Lingüística que determine as prioridades de acción e estabeleza os mecanismos de avaliación que se precisen. Ademais, empezará a funcionar un Consello Social da Lingua Galega encargado de escoitar e implicar á sociedade no debate e posta en marcha deste tipo de políticas.

En liña co que propoñen no capítulo educativo, os socialistas reiteran a súa aposta polo plurilingüismo, neste caso mediante iniciativas de diálogo interterritorial entre Galicia, España e Europa. Por iso, anuncian a súa colaboración co Goberno español e con outras Comunidades Autónomas con lingua propia na creación do Consejo de las Lenguas, así como outras actividades de promoción da diversidade no contexto europeo.

O programa socialista, baseado en grandes liñas de actuación e non en medidas concretas de goberno, na liña da campaña presidencialista que están a desenvolver, centrada na imaxe de Emilio Pérez Touriño como presidente da Xunta, deixa aí o capítulo da lingua. A súa é unha aposta "por un modelo de educación plurilingüe".

BNG: "Como mínimo", o 50% en galego

A diagnose dos nacionalistas é lixeiramente diferente á dos seus socios de goberno do PSOE, e dende logo está nos antípodas do que pensan no PP. A xuízo da formación frentista, sendo o Decreto de Fomento do uso do Galego na ensinanza un "avance importante", a "lentitude" na súa aplicación está a desvirtuar o seu contido. Así, segundo recollen no programa electoral, "continúan os incumprimentos á hora de impartir, como mínimo, o 50% das aulas en lingua galega" e "á hora de elaborar o plano de formación do profesorado".

Para facer fronte ás "manipulacións" sobre o estatus do galego, dunha banda, e á "deficitaria" situación que atravesa, da outra, o BNG comprométese a cumprir o decreto tal e como foi concibido e aprobado, así como a crear unha Subdirección Xeral de Normalización Lingüística adscrita á Consellaría de Educación ?agora é unha secretaría xeral e depende de Presidencia, na área socialista do executivo?. Ademais, de acceder ao goberno, porá en marcha un plan de formación do profesorado para mellorar a súa competencia e formación específica e activará as comisións territoriais de coordinación de equipos de normalización lingüística dos centros educativos, aos que incrementará tamén o apoio económico e técnico. Nas probas de acceso á función pública docente, o profesorado deberá superar como mínimo unha proba en lingua galega.

Por último, o programa dos nacionalistas porfía na necesidade de ampliar o número de materias que se deben impartir en lingua galega e incentivará a innovación e a elaboración de materiais que redunden nunha maior galeguización do ensino, tamén a través de subvencións. Por último, exixirase o perfil obrigatorio de Lingua Galega nos concursos de traslados para Educación Infantil e para aquelas materias que o decreto estabelece que se deben impartir en galego.

Curiosamente neste xornal non di o mesmo. Haberá que ler os programas.
Categoría: Galego - Publicado o 12-02-2009 21:40
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
© by Abertal
Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis


Este blogue forma parte da Rede de Blogueiras/os en defensa do Galego
Chuzame! chúzame -





Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0