Unha folerpa con outras, ás veces calla e fai neve

Defensa do Ensino Público


De Viñetas

"A historia dunha lingua debería ser coma a dunha longa cadea, onde cada xeración fora un elo que lla transmitira á seguinte"

GALEFAS
aferrer@mundo-r.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Carta ó conselleiro dos ENL
.... de setembro de 2009

Sr. conselleiro de Educación:

Como coordinador/a do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do (nome do centro), e despois de ter recibido información por parte da Dirección Xeral de Política Lingüística, dependente da Consellería que vostede dirixe, informando de que ata o próximo ano non van ser convocadas as axudas para as actividades dos equipos, quero compartir con vostede, como máximo representante da política educativa en Galicia, as miñas inquietudes e explicarlle os motivos desta carta:

? Dende que foron creados os ENDL, ao abeiro do Decreto 247/1995, estes veñen desenvolvendo un papel fundamental na activación da vida cultural dos centros educativos de toda Galicia, que se traduce na programación e realización de actividades nas que participa toda a comunidade educativa (e en moitos casos transcende moito máis alá dela) e que son fundamentais para axudar á formación do noso alumnado.

? Entre as ditas actividades podemos citar algunhas como a elaboración de axendas e calendarios escolares, a convocatoria de certames literarios, a creación de grupos de teatro, a realización de vídeos (nalgúns casos ata de longametraxes), a edición de revistas en formato tradicional ou dixital, a elaboracións de blogs e páxinas web, a difusión da música galega, ciclos de conferencias sobre temas científicos ou artísticos, e un longo etcétera.

? Na realización destes traballos participan de maneira moi activa distintos sectores da comunidade educativa (persoal administrativo, profesorado, ANPAS... pero sobre todo alumnado) que, aínda que de maneira lúdica, están regalando o seu tempo e esforzos para adquirir e transmitir aos outros valores tan necesarios como a responsabilidade, o respecto polo traballo colectivo e, de maneira esencial, o aprecio pola cultura e a lingua galega.

? Todo este traballo, se de verdade se quere que sexa efectivo, é imposible realizalo sen un labor previo de organización e programación, de aí que unha das demandas reiteradas polos ENDL dende a súa formación foi a necesidade de que xa dende principios de cada curso se fixesen explícitos os proxectos de cada equipo. Só se sabemos cales son pautas que marca a Consellería e con que presuposto contamos para a execución dos nosos programas de actividades, poderemos desenvolver de maneira efectiva o noso traballo. Nos últimos cursos así se fixera e os resultados foran moi satisfactorios.

? Somos conscientes de que o goberno ao que vostede pertence ten na austeridade económica unha das súas máximas pero parécenos (e é ben seguro que comparte esta idea connosco) que a educación é un bo investimento e, neste momento, as actividades realizadas polos equipos de normalización e dinamización lingüística son pezas claves na adquisición das destrezas e competencias (non só lingüísticas senón tecnolóxicas, sociais...) que conforman a bagaxe cultural do noso alumnado.
Por todo o anterior, gustaríanos que se tivesen en conta as nosas razóns e se revisase esta decisión que, dende o noso punto de vista, resulta moi prexudicial para os centros educativos galegos.

Atentamente


Asdo:

Sr. conselleiro don Jesús Vázquez Abad

Consellería de Educación
Edificio Administrativo San Caetano, s/n
15781 - Santiago de Compostela

Correo electrónico: gabinete.educacion@edu.xunta.es

Categoría: Coordinadora de ENL - Publicado o 25-09-2009 18:49
# Ligazón permanente a este artigo
Parálise das axudas dos ENL
A semana pasada a Coodinadora de ENL de Galicia mostrou a súa inquedanza pola modificación da data das axudas os equipos de normalización lingüística dos centros educativos. Dito feito decidiuse denuncialo ante o Conselleiro cunha carta dirixida dende cada centro educativo, e tamén ante toda a comunidade educativa nunha nota de prensa.

Aquí tedes o documento que se lle entregará á prensa:


Preocupación ante a parálise dos proxectos de fomento do uso da lingua galega nos centros educativos

A Dirección Xeral de Polìtica Lingüística retrasa a convocatoria de axudas para o curso 2009-2010 ata o vindeiro ano prexudicando seriamente o desenvolvemento das actividades de sensiblización, dinamización e capacitación lingüística no ensino

A Coordinadora Galega de ENDL quere mostrar a preocupación e o malestar que están a expresar os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística ante o retraso da convocatoria anual dos Proxectos de Fomento do Uso do Galego nos centros de ensino público e privado.

Precisamente no momento en que os diferentes departamento didácticos están a elaborar as programacións didácticas que planifican o traballo de todo o curso, a CGENDL constata que desde a DXPL non se van convocar en tempo e forma (a comezos de setembro, como se fixera no curso pasado) as axudas aos proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino. A súa demora imposibilita a organización de actividades encamiñadas a poñer en valor a lingua galega entre a comunidade educativa así como, especialmente, a desenvolver as capacidades lingüísticas do alumnado.

A organización de ligas de debate, de cursos de expresión oral, de grupos de teatro escolar, de certames artísticos, a publicación de revistas e xornais, a realización de programas de radio e televisión, a formación nas novas tecnoloxías, etc. promoven o traballo das habilidades lingüísticas dun modo lúdico e global redundando na mellora de todas as materias e, polo tanto, da calidade do ensino e da formación do noso alumnado. Desde sempre, os ENDL teñen un papel destacado na programación extraescolar e cultural dos centros educativos polo que a interrupción deste labor tamén afectaría negativamente á súa proxección pública e á súa implicación coas familias e o seu contorno máis inmediato.

Esta situación de parálise suporía un retroceso nas políticas de apoio da administración aos ENDL logo de que en anos anteriores se solventasen por primeira vez moitos dos problemas que obstaculizaban o seu labor (convocatorias desaxustadas cos cursos académicos, falta de directrices de traballo para os equipos, etc.). Esta interrupción dunha dinámica de apoio á dinamización lingüística nos centros educativos conduce á desorientación e ao desánimo de todos os que conforman os equipos: aos centos de docentes, membros do persoal administrativo e, sobre todo, de rapaces e rapazas, principais realizadores e receptores das nosas actividades.

Por todo isto, a Coordinadora Galega de ENDL animará aos ENDL a enviar cartas dirixidas ao Conselleiro de Educación para lle requerir que axilice os prazos dunha convocatoria fundamental para realizar o seu labor nos centros públicos e privados de toda Galicia.
Categoría: Coordinadora de ENL - Publicado o 25-09-2009 18:35
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal
Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis


Este blogue forma parte da Rede de Blogueiras/os en defensa do Galego
Chuzame! chúzame -





Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0