Unha folerpa con outras, ás veces calla e fai neve

Defensa do Ensino Público


De Viñetas

"A historia dunha lingua debería ser coma a dunha longa cadea, onde cada xeración fora un elo que lla transmitira á seguinte"

GALEFAS
aferrer@mundo-r.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Ser universal dende as propias raices




Recollo do bloque "En Galego todo é posible"

O discurso de Agustín Fernández Paz na cerimonia de entrega dos premios Xerais foi seguido por "un aplauso longo, longuísimo (nunca tal vira nun acto literario) de trescentas persoas en pé agradeceron esas palabras firmes e luminosas", en palabras de Manuel Bragado. Na súa intervención destacou a súa defensa da universalidade da literatura galega, e a denuncia da súa situación de marxinación no país, tanto nas librarías "os nosos libros, confinados nunha reserva india en boa parte das librarías", nos medios "o tratamento subordinado que recibe nos medios de comunicación" e nos discursos hexemónicos "a insistente mentira de que somos unha literatura subvencionada".

Eis unha escolma do máis destacado do discurso
Pertenzo a unha xeración que medrou aceptando como natural a diglosia granítica que se instalara moito antes na sociedade galega. O galego enchoupaba a nosa concepción do mundo, pero semellaba ser algo que coma os castiñeiros e os carballos formaba parte da paisaxe. Os libros, os xornais, o cine, a radio, todas as fiestras que nos permitían ollar máis aló do horizonte, ofrecían unha realidade monolítica en castelán (...)

Ás veces a min e aos meus compañeiros de profesión chámannos escritores periféricos, ou localistas, porque escribimos desde Galicia e en galego. Esquecen que un escritor nunca é periférico, que o centro do mundo sempre está na súa mesa de traballo. O proceso de creación non sabe de periferias, do mesmo xeito que a lingua que usamos sempre é o vehículo idóneo. 'Se puede ser provinciano en el centro de N. York y universal en una aldea de los Andes', escribiu Octavio Paz (...)

Tentamos que os nosos textos cheguen todo o lonxe que a súa calidade llelo permita. Buscamos en primeiro lugar aos lectores do noso país; eles son os interlocutores privilexiados. Despois buscamos tamén esa periferia mundial que nos rodea. Os atrancos nunca están nos textos, a creación é o ámbito da liberdade máis plena; onde os atopamos é nas cuestións políticas, nas relacións económicas e de poder. Escribirmos nunha lingua universal, pertencermos a unha lingua socialmente estigmatizada, leva aparellados serios problemas de visibilidade na sociedade, e penso agora nos nosos libros, confinados nunha reserva india en boa parte das librarías, ou no tratamento subordinado que recibe nos medios de comunicación, ou na insistente mentira de que somos unha literatura subvencionada. En Galicia hai unha fervenza de creatividade que non pode fluír con plenitude, pois unha boa parte das elites financeiras, empresariais, mediáticas e políticas desconfían e negan esa creatividade se se manifesta na lingua de noso (...)

Unha ameaza maior: que medre o número de cidadáns que non nos poden ler por non saberen de nós, ou por non posuíren a competencia necesaria para facelo. Lembro a miña nai, galegofalante de sempre, e os problemas que tiña para ler as cartas que eu lle escribía: 'ai fillo, non me escribas en galego, que non as entendo'. Á miña nai, como a moitas persoas de xeracións anteriores, furtáronlle de raíz a posibilidade de ser alfabetizada en galego. E agora, malia as voces que nos tentan tranquilizar ou adormecer, moitos de nós albiscamos o regreso de problemas que criamos superados. Persoas que aínda queréndonos ler non poden, porque no sistema educativo non desenvolveron esa competencia para lernos na lingua de noso. Ou, tamén, persoas que podéndonos ler refugan facelo, pois é aventurado achegarse con gusto a unha lingua alcumada de radical, de atrasada, de limitadora, de inútil, de imposta (...)E, para escarnio maior, coa novidade de amparar esta nova situación nunha liberdade lingüística de cartón pedra que, ao examinala de preto, deixa ver axiña as falsidades que a sosteñen. Pois non hai liberdade merecedora de tal nome se se basea no esmagamento ou na clausura dun sector da cidadanía. Non hai liberdade se non hai xustiza e se non alcanza a todas as persoas por igual. Veñen aquí ao caso as palabras do ex-presidente dos EE.UU. Lindon B. Jhonson, pronunciadas no contexto da loita contra o appartheid: Pensemos nun home que permanecese encadeado durante moitos anos. Liberámolo e conducímolo á saída dunha carreira dicíndolle: «es libre de participar cos outros». Podemos considerar que estamos sendo equitativos? (...)

Estamos afeitos a traballar en situacións adversas. Na historia da nosa literatura as liñas de resistencia activa veñen de loDe Rosalía, rebelándose contra o feito de sentirse estranxeira na súa patria; de Curros, que denuncia a ameaza dos lobos lonxe. s e clama pola unión; de Cunqueiro pechado na súa bufarda de Mondoñedo a soñar as mil primaveras para a lingua estigmatizada; de Celso Emilio, falándolle como un irmau solidario a todos os desposuído do mundo... A nosa forma de participar na cultura da humanidade é desenvolvendo a cultura galega. Temos dentro de nós a materia que lle pode interesar a calquera persoa en calquera lugar do mundo, só precisamos plasmala a través do proceso de creación. Para conseguilo, cómpre chantar os pés na nosa realidade e, coas raíces na terra, abrirnos a todos os ventos culturais do mundo. Porque aquí están as fábricas da imaxinación das que fala Manuel Rivas, delas poden saír creacións que tamén se lean en toda a periferia mundial. Obras cargadas de vida, obras cunha luz tan forte que sexa imposible de agochar. Un dos trazos máis significativos da cultura galega, que tan ben souberon expresar os membros da Xeración Nós, é a súa vocación de ser célula de universalidade, a súa vontade de ser unha peza máis, en pé de igualdade, no mosaico mundial das culturas: a súa conciencia de que só se pode ser universal desde as propias raíces.
Categoría: Opinión - Publicado o 10-06-2009 23:49
# Ligazón permanente a este artigo
A lusofonía de Carlos Nuñez
Veño de pasar un ano percorrendo Brasil, gravando o meu novo disco. Lanzarémolo dentro de dúas semanas. Chamarase Alborada do Brasil en homenaxe a unhas proféticas palabras que deixou escritas o meu avó. O seu pai, meu bisavó, José María Núñez, emigrou alí a principios do século XX dende A Mezquita (Ourense) e desapareceu. Sempre se dixo que o mataran por celos profesionais. El era músico, coma min, e sempre sospeitei o que as pesquisas están confirmando: que, en realidade, como moitos galegos, iniciou unha nova vida no Novo Mundo.

Pero isto non é o máis importante da historia. A cuestión é que esta frutífera exploración musical acabou por se converter nunha auténtica viaxe iniciática na que aprendín unha chea de cousas que atinxen a Galicia. Estas son as que gustaría de compartir con vós nesta serie de artigos que hoxe comeza, esperando que as miñas andanzas polo Brasil sirvan a máis xente.

Onde pervive a alma da gaita

Brasil sempre ten sido para os galegos unha patria secreta onde desaparecer. En Brasil falan a lingua seguramente máis semellante ao galego que existe, se non é a mesma... No Brasil segue viva a alma da gaita, transmutada noutros instrumentos. Alí, a cultura das cantigas medievais galego-portuguesas, os nosos instrumentos musicais cáseque desaparecidos, as nosas tradicións... mesturáronse e fixéronse universais. En Brasil vive o noso pasado e quen sabe se o noso futuro.

Alí atopamos a nosa desexada síntese entre a cultura urbana e rural. No Brasil, as ondas do mar, a alborada, as noites de luar, as estrelas, as fogueiras de san Xoán, as sereas, as bruxas e o orballo, por non falar dos nosos diminutivos... gozan do glamour do artisticamente universal. Dito con outras palabras: no Brasil vive unha Galicia cool . Imaxinade a cara coa que ficaron os da Sony cando lles contei todo isto mentres escoitabamos o disco: «¡Carallo con estos gallegos! Ahora van y crean la música galego-brasileira!».

O caso é que volvo a casa convencido de que a nosa relación con Brasil pode ser clave para Galicia na nosa continua reinvención do país e, por que non dicilo, na creación de novos mercados. Sei que está todo por facer, pero penso que poderíamos estar diante dunha nova conexión artística tan potente como foi a música celta, coa que dalgún xeito conseguimos, dende mediados dos anos noventa, poñer a Galicia no mapa para moita xente.

Na ronda de sabios que entrevistamos para o documental que estamos a facer en paralelo ao disco, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, xa nos avisou: «Brasil é unha grande aposta, non só económica, senón tamén cultural». O meu amigo Manuel Bragado, director de Xerais, resumiuno en tres palabras: «Brasil somos nós». Hai pouco tempo, Juan Luis Cebrián foi aínda máis alá e dixo que «Galicia ten a sorte de ser a terra das cantigas e pode ser a ponte de España e Europa co Brasil».

Sorprende que semellante mina non teña sido explorada por Galicia. Brasil non forma parte do noso imaxinario de afinidades como Arxentina, Cuba, Irlanda ou Portugal. Ata agora a nosa relación con este xigante de xa case douscentos millóns de habitantes debémoslla ao calado e tenaz traballo dos nosos emigrantes, aos non sempre comprendidos reintegracionistas e amantes da lusofonía e a algún pioneiro como don Valentín Paz Andrade, que nos anos setenta publicou unha xoia da que xa falaremos a próxima semana e que nos descobre un novo concepto: a Galecidade do Brasil.

Ninguén lles dixo de nós

O brasileiro de a pé descoñece a existencia de Galicia. Non é a súa culpa, nunca llo contaron. Era duro para Portugal recoñecer que parte da súa cultura vén dun territorio «lá na Espanha». Incluso ignoran onde está exactamente Santiago de Compostela. En cambio, o Camiño fascínaos, proba é o éxito sen precedentes do escritor Paulo Coelho.

Cando descobren que «todo iso» vén dese misterioso país, que non trae aparellado o «imperialismo» europeo, que tanto amola aos brasileiros, entón apúntanse sen dubidalo... Dalgún xeito Galicia axuda aos brasileiros a descubrírense a eles mesmos, nunha parte da súa historia que nunca lles contaran.

Nélida, a introdutora

Comeza a renacer un orgullo sen precedentes. A galego-brasileira Nélida Piñón, primeira muller presidenta da Academia Brasileira das Letras, nas súas aparicións televisivas e na súa obra, fala habitualmente do seu pequeno país de orixe. Trátase dunha persoa cunha intelixencia e enerxía deslubrantes.

Nélida foi un dos meus introdutores na jet cultural de Rio de Janeiro. Nas elites brasileiras dáste de conta do importante que é a música para o país. Todos, absolutamente todos, dende os escritores, os políticos, os empresarios, os militares... saben de música. Todos teñen os seus gustos musicais ben definidos e saben que no fondo, a música é unha das identidades máis fortes de Brasil, por enriba doutras artes. Lembremos a Gilberto Gil como carismático ministro de cultura.

Cecais o único lugar do Brasil onde todos saben que é un galego sexa Salvador de Bahía. Alí a nosa comunidade é potente e está moi ben organizada. Carlinhos Brown contounos que os galegos foron os primeiros en darlle traballo, nunha panadería. Gravar con este xenio indomable foi algo máis que música, foi unha experiencia antropolóxica.

Ter diante ao meu tocaio do Candeal ulíndote e examinándote, como faría un paisano noso, confirmoume a teoría que fun consolidando en Bahía: que entre negros e galegos hai algo moi profundo que nos une e produce unha irreprimible atracción. Quizais por iso no Brasil galego tamén significa 'louro, rubio, branquiño'. Son os opostos que se atraen.

Os outros grandes centros actuais do «poderío galego» son São Paulo e Rio de Janeiro. Alí, é curioso que máis que exhibirse, sempre tenden a esconderse misteriosamente... No Brasil os galegos aprenderon a organizarse en empresas con varios socios. Raro é atopar cabezas visibles, con excepcións que ben darían unha novela ou un filme...

Os galegos alí sempre se camuflaron como portugueses, máis que españois, ou simplemente como brasileiros. Este é un país que se come todo, non crea guetos étnicos. Todo ser humano transfórmase nun tempo récord en brasileiro. Iso mesmo acho que fixo o meu bisavó.

É posible que as percepcións dun músico non sexan científicas, pero como dixo un tal Leite de Vasconcellos: «Os artistas adivinham muitas vezes o que, por outro lado, os investigadores de História descobrem a custa de fatigante labor cerebral».


LA VOz de Galicia
Autor: Carlos Núñez
Fecha de publicación: 31/5/2009
Categoría: Opinión - Publicado o 06-06-2009 07:38
# Ligazón permanente a este artigo
Chateo con Mister Bin
Non sei como chamarlle, pero paréceme un pouco iluso (O novo secretario de política lingüística). Tenme pinta de querer ter sona aínda que non sei se se arrepentirá. Será polos cartos ? A quen vai convencer? Xa non quero nin poñerlle a foto no artigo. Teño que recoñecer que deixa ben claro que houbo moitas mentiras na propaganda de GB, nas que agora anda Maior Oreja intentando sacar partido nas eleccións europeas. Hai que salvar el idioma español! Está en peligro!

Con que tropa nos atopamos!

Deixovos unhas cantas respostas a unhas preguntas que lle fixeron nun chateo dixital.


Dejará de estar segregado el castellano en la educación?
"O castelán non está segregado da educación."

ACLARE DUNHA VEZ QUE MODELO LINGUISTICO VAN A POÑER EN PRACTICA NA ESO E PRIMARIA. UNHA NAI PREOCUPADA .GRAZAS
"O novo decreto buscará que se coñezan os dous idiomas oficiais de Galicia por igual, e que se acade unha boa competencia nunha lingua estranxeira."

Cal cre que son as eivas do actual Decreto do galego aprobado polo goberno anterior?
"O principal problema é que non está apoiado por todas as forzas políticas."

Coñece algún mozo galego, que estudase aquí, que non manexe perfectamente a lingua española? ¿e en galego?
Non coñezo ningún rapaz(a) galegófono que non saiba falar castelán. Ao revés, si.

Por qué el bloque dice Galiza? Me gustarái conocer si hay alguna razón etimológica, lingüística.
"Historicamente, Galiza é unha forma de amplo uso na documentación medieval. Tamén foi unha forma utilizada desde o século XIX, xunto coa forma Galicia. A forma oficial, recollida na lei de símbolos da comunidade autónoma, é Galicia. Pero a forma Galiza está recoñecida, con pleno valor lingüístico , pola Real Academia Galega desde 2003. "

Cree con sinceridade que o castelán está en peligro en Galicia?
"Non."

----------------------------------------------
Que conclusións sacades vos?


Agora van ser máis galeguistas co Papa. Éche moi aghudo este Anxo. Con quen está? Seica o problema do decreto foi que non o aprobara o PP, pero por que non o aprobaron eles tamén? Pois polo do non a todo, e tamén porque tiñan medo que o Galego se recuperara algo do descalabro dos últimos anos. Que é o que ten de malo o decreto? Iso non sabe contestalo.


Espero equivocarme deste meu pesimismo. Non confio nin un can no que poidan facer. Sóname moi mal case todo o que din. Logo dirán que a culpa é (só)dos pais,.. (de xeneralizar eu diría das nais). Como se fai hoxe en moitas escolas, que non normaliza nin o apuntador, e logo pasa o que di Belén Regueira.
Categoría: Opinión - Publicado o 29-05-2009 22:04
# Ligazón permanente a este artigo
Manifesto de cintíficos en prol do Galego
Nove destacados investigadores, vencellados ao Centro Europeo de Investigación Nuclear (CERN), dan un paso adiante para rebater prexuízos lingüísticos.

O forte debate sobre a normalización lingüística que se está a dar no noso país nos últimos meses trascende as nosas fronteiras. Un grupo de nove científicos galegos vinculados ao Centro Europeo de Investigación Nuclear (un dos máis prestixiosos do mundo) acaba de dar un importante (polo seu simbolismo) paso adiante en defensa da lingua do país. Nun manifesto que remiten a Vieiros subliñan que, contra o que sosteñen algúns, o galego é un idioma plenamente válido para a investigación científica.


Ofrecémoslles o manifesto íntegro:

Unha achega ao debate sobre o galego desde o CERN
Somos un conxunto de físicos e enxeñeiros galegos vencellados ao Centro Europeo de Investigación Nuclear (CERN) en Xenebra, a día de hoxe uns dos laboratorios científicos máis importantes do mundo. Desde a distancia, levamos meses asistindo ao debate que se está a xerar sobre a posición que debe ocupar a lingua galega no noso sistema educativo. Esta cuestión está a provocar unha confrontación continua de posturas e opinións que se estende a distintos ámbitos da nosa sociedade. Se ben consideramos este debate lexítimo tamén coidamos que as posturas deben ser mantidas e defendidas desde a máis absoluta rigorosidade, a mesma pola que nós estamos rexidos nas nosas actividades científicas. E vémonos na obriga de intervir cando determinados argumentos que non seguen esta máxima aparecen por parte de persoas cunha opinión que non se restrinxe ao ámbito privado.

En declaracións ao ?Faro de Vigo?, o voceiro da ?Confederación das Asociacións de Pais de Alumnos de Colexios Concertados? (Congapa), José Ramón Hermida, dicía: ?Utilicemos el sentido común. Químicas o Físicas, con tantas nomenclaturas internacionales, no se pueden dar en gallego. No podemos retroceder?. Ben, for desde a ignorancia, for intencionadamente, declaracións deste tipo resultan totalmente inadmisíbeis. E dicimos isto con coñecemento de causa, pois no noso ámbito de traballo estamos acostumados a ter conversas de alto nivel científico de temas moi diversos en galego. Nun entorno no que temos a sorte de traballar con algúns dos mellores físicos e enxeñeiros do mundo, o galego está, modestamente a través de nós, presente como vehículo de comunicación científica. E para isto é un idioma exactamente igual de válido que o francés, o alemán ou, desde logo, o castelán. Ben é certo que o galego non é empregado para as comunicacións nin publicacións científicas a grande escala, pero é necesario que se saiba que tampouco o é o castelán. A lingua franca da ciencia desde hai moitos anos é o inglés, e desde logo se algunha lle discutíu no pasado tal condición esa non foi o castelán.

O noso obxectivo con esta carta é simplemente evitar que se empreguen argumentos falsos (ou falseados) na discusión dun tema tan delicado e importante coma este. E tamén reivindicar o galego como lingua que nos identifica sen excluírnos estando como estamos lonxe da casa.

No CERN en Xenebra, a 26 de Maio de 2009,


Xabier Cid Vidal, Licenciado en Física e estudante de Doutoramento - USC, experimento LHCb.
Patricia Conde Muíño, Doutora en Física de Partículas, Investigadora do LIP (Laboratório de Física e Instrumentação de Física de Partículas) - Lisboa (Portugal), experimento Atlas.
Daniel Esperante Pereira, Enxeñeiro de Telecomunicacións e estudante de Doutoramento na USC, experimento LHCb.
Teresa Fonseca Martín, Doutora en Física de Partículas, investigadora asociada da Royal Holloway University - Londres (Reino Unido), experimento Atlas.
Abraham Gallas Torreira, Doutor en Física de Partículas, investigador Ramón y Cajal na USC, experimento LHCb.
Manuel Gallas Torreira, Doutor en Física de Partículas, antigo staff do CERN no departamento de Física Experimental.
Marcos Mariño Beiras, Doutor en Física de Partículas, Catedratico de Física Matemática na Universidade de Xenebra (Suíza).
Diego Martínez Santos, Licenciado en Física e estudante de Doutoramento - USC, experimento LHCb.
Cibrán Santamarina Ríos, Doutor en Física de Partículas, investigador asociado na McGill University - Montreal (Canadá), experimento Atlas.


Ver artigo na prensa.
Categoría: Opinión - Publicado o 28-05-2009 09:42
# Ligazón permanente a este artigo
Liberdade e imposición ?
No epígrafe "La hegemonia y sus síntomas" que inicia o libro de Slavoj ?i?ek En defensa de la intolerancia (Sequitur, 2009) podemos ler algunhas reflexións que nos han ser útiles. A primeira delas expón de xeito teórico o fenómeno de substitución ao que me refería máis arriba: «Cualquier concepto ideológico de apariencia o alcance universal puede ser hegemonizado por un contenido específico que acaba ?ocupando? esa universalidad y sosteniendo su eficacia». Para explicalo, ?i?ek recurre á figura construída pola dereita norteamericana da ?Raiña da beneficiencia?. O goberno Reagan utilizou esta caricatura ?a nai solteira, negra e de clase baixa que, en lugar de loitar por mellorar a súa posición, se aproveitaba dos servizos sociais pagados polos sufridos contribuíntes americanos? para xustificar as políticas de supresión do Estado Social. Aproveitando unha serie de asociacións nada inocentes (nai solteira=conducta desordenada; recepción de subsidios=nugalla; impostos=fraude aos traballadores honrados) e engadindo estas aos prexuízos raciais que a maioría branca dese país sempre padeceu, conseguiuse crear unha ficción ideolóxica eficaz «para traducir la abstracta y vacía noción universal en una noción que queda reflejada en, y puede aplicarse directamente a, nuestra ?experiencia concreta?»; isto é, Reagan encheu o concepto abstracto e comunicativamente disfuncional de Derroche [do Welfarestate] co moi concreto contido da afroamericana parasita vaga e irresponsable que o seu electorado podía imaxinar ?e despois transmitir? de forma moito máis nítida.
«La lucha por la hegemonía ideológico-política ?continúa ?i?ek? es, por tanto, siempre unha lucha por la apropiación de aquellos conceptos que son vividos ?espontáneamente? como ?apolíticos?, porque trascienden los confines de la política?». No noso caso: cando a ultradereita española teima coa liberdade e a imposición está a empregar dous conceptos que non só son vividos coma non-ideolóxicos ?no sentido de non parciais, de universais? senón que ambos ("Liberdade" e "Non Imposición" son expresión do que ?i?ek chama «aspiracións utópicas» positivas inscritas no imaxinario da xente. Valéndose delas ?pois as «ideas dominantes no son nunca directamente las ideas de la clase dominante»? conseguen inocularlles, até lograr facelas indistinguibles, o contido específico, este si ideolóxico, de liberdade en tanto que ?liberdade-do-neno-de pais-demócratas-e-cosmopolitas-que-buscan-afanosamente-o-mellor-para-o-seu-fillo? e de imposición en tanto que ?imposición-dos-ubicuos-nacionalistas-minoritarios-antidemocráticos-esencialistas-e-pailáns-cuxo-poder-de-influencia-é-excesivo-en-relación-aos-seus-votos?. Que estas narracións imaxinarias do neno castelán-falante indefenso ante unha lingua inservible e opresora e a do funcionario ao servizo dunha minoría radical teñan calado tanto non é un asunto menor, xa que «esta concrección fantasmática ?e aquí ?i?ek revela unha verdade importante? no es mera ilustración o anecdótica ejemplificación: es nada menos que el proceso mediante el cual un contenido particular acaba revistiendo el valor de lo ?típico?: el proceso en el que se ganan, o pierden, las batallas ideológicas». E tanto ten que a situación de marxinación do castelán sexa falsa, tanto ten que a práctica totalidade dos medios de comunicación estean escritos naquela lingua, tanto ten que os datos sociolingüísticos estean denunciando invariablemente o esmorecemento do número de galegofalantes, tanto ten que a inmensa maioría dos funcionarios deste país atendan, nunha porcentaxe esmagante, en castelán; en definitiva, tanto teñen as razóns obxectivas que poidamos argumentar porque cando nos movemos no mundo da fantasía, a realidade é secundaria. Así, mentres sigamos utilizando unicamente as armas do discurso abstracto-racional (pois o relato dos galegófobos é xa hexemónico) as nosas teses nunca van avanzar.
E como consegue un contido particular desprazar a outro contido até ocupar o seu lugar? A esta pregunta responde ?i?ek botando man da idea de ?Lexibilidade?. Así, o concepto ou grupo de conceptos que ha trunfar na loita será aquel que mellor saiba plasmar nun discurso coherente as experiencias de vida da xente (Un exemplo? Nos anos trinta o discurso do nazismo gañou a batalla ao da esquerda á hora de dar unha saída ás lóxicas preocupacións económicas das persoas creando un chibo expiatorio, o do xudeu-capitalista). E ademais, dinos ?i?ek, «la ?legibilidad? no implica sólo una relación entre una infinidad de narraciones y/o descripciones en conflicto con una realidad extra-discursiva, relación en la que se acaba imponiendo la narración que mejor ?se ajuste? a la realidad, sino que la relación es circular y autoreferencial: la narración pre-determina nuestra percepción de la realidad». O que quere dicir que non hai unha realidade fixa e inamovible que deba ser desvelada polas narracións en litixio, senón que a propia presenza destas narracións ?debido ao seu caracter performativo? muda a visión da propia realidade.
Que facer, en definitiva, para podermos construír un discurso lingüístico alternativo ao hexemónico? Desde logo, cumpriría non gastar os nosos esforzos en denunciar todos e cada un dos ámbitos sociais nos que ?a priori e sen aclarar onde, como, cando e contra quen? se conculca un dereito abstracto a empregar o galego cunha normalidade abstracta e a un falante abstracto. Dediquémonos mellor á denuncia de casos concretos protagonizados por persoas concretas até conseguir introducir no imaxinario colectivo un perfil facilmente identificable ?e trasnmisible? do oprimido e do opresor lingüístico. Procuremos que se nos identifique con «aspiracións utópicas» como a do Dereito ao Recoñecemento, o Respecto, a Xustiza, ou calquera outra que se nos ocorra, e fagamos por asociar aos nosos adversarios con aquelas ideas (Desprezo pola cultura, Prepotencia, Chulería, Elitismo, etc.) que o común das persoas penaliza inconscientemente. Iso si, que cada unha destas ideas apareza sempre vencellada a un caso preciso. A unha narración. Porque nós, a diferenza deles, non necesitamos mentir, temos milleiros de historias verdadeiras extraídas directamente da rúa que contar. Deamos a coñecer as historias, os rostros e os nomes que se agachan detrás de cada marxinación até que algún deses nomes, deses rostros e desas historias sexa quen de activar o dispositivo que as transforme en metáfora de tódalas demais. Entón axitémola sen acougo, exhibámola até o aburrimento, fagamos dela un símbolo. Machaconamente. Sistematicamente. Disciplinadamente. Sexamos entón inflexibles. E Intolerantes. Coma propón ?i?ek.

Sacado do bloque "O Fuco"
Categoría: Opinión - Publicado o 24-05-2009 10:31
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [5] [6] [7] 8 [9] [10] [11] ... [14]
© by Abertal
Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis


Este blogue forma parte da Rede de Blogueiras/os en defensa do Galego
Chuzame! chúzame -





Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0