Unha folerpa con outras, ás veces calla e fai neve

Defensa do Ensino Público


De Viñetas

"A historia dunha lingua debería ser coma a dunha longa cadea, onde cada xeración fora un elo que lla transmitira á seguinte"

GALEFAS
aferrer@mundo-r.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Unha opinión de Álvarez Cáccamo
Subscribo todo o que di Alfonso Álvarez Cáccamo nun artigo no Faro de Vigo, aínda que eu non podo pedir a xubilación anticipada...

Acúsome gravemente, con todas as probas na miña contra, de defender públicamente o idioma galego no meu centro de ensino, o CPI de Panxón no que levo dando clases 33 anos. Acúsome, e podo demostralo con fotografías e outros documentos, de facerlle pedorretas á Lei que nos impide facer comentarios verbo desa manipuladora enquisa aos pais/nais. Acúsome de fotocopiar e ampliar o excelente artigo de Harguindey publicado no Faro de Vigo, titulado "Que boíños!" e de colgalo nun taboleiro informativo na entrada do meu centro educativo. Acúsome de espallar o tríptico "As lenguas su+man" da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística. Acúsome ?e podo demostralo? de poñer unha faciana tristeira e trascendente cando falo dos traidores á Lingua Galega. Acúsome de opinar diante dun grupo numeroso de xente que xamais maxinei que Fraga poidese ser superado por outro reaccionario, dada a implicación probada que Fraga tivo dentro dun réxime fascista. Acúsome de ser inxel ao crer que o nomeamento do director de política lingüística, cuxo nome prefiro obviar, podería traer racionalidade dentro da víscera e a persecución contra a nosa Lingua. Acúsome de non ser capaz de apagar a radio cando este indivíduo, modelo da retórica falaz, non dá resposta concreta a nada do que se lle pregunta. Acúsome de non colaborar en nada con esta enquisa verduleira e de tentar, con todas as miñas forzas, desacreditala. Non me acuso de non poder ver nin en pintura a Gloria Lago, representación personificada do odio ao idioma galego e, polo tanto, do autoodio por moito que tente disimular os seus argumentos falaces amparádose no nome (¡tan luído!) da democracia. Non me gusta que lle pinten no coche ou que se metan con ela en Internet, sobre todo porque cómpre facer cousas máis interesantes que gastar o tempo contra un personaxe decimonónico. Feito este breve prego de cargos do que me autoinculpo, e do que podo aportar probas, non me queda outra opción que solicitar ás autoridades educativas que teñan a ben tomarme en serio, a min e a todos/as ensinantes que rexeitamos a hipocresía desa enquisa trapalleira, manipuladora e antigalega, porque a gran maioría dos ensinantes amamos á nosa Lingua. Solicito, tamén, que no canto dun posible expediente pola miña autoinculpación, teñan a ben concederme a xubilación anticipada, que ben a merezo. Que Deus garde a vostedes moitos anos (afastados da Política). Así sexa.


Engadimos un vídeo .....

Categoría: Opinión - Publicado o 02-08-2009 23:16
# Ligazón permanente a este artigo
Merdé
Cando Flaubert falou de 'merde'
Artigo de MANUEL RIVAS
publicado en El País


Imaxinemos un lugar no mundo onde as universidades teñan que advertir a un goberno que está lexislando en contra dos intereses do país que goberna. Imaxinemos un lugar no mundo onde a Academia da Lingua teña de tomar a excepcional decisión de manifestar en público a inquietude pola perigosa deriva dun goberno entregado a desprotexer o mellor tesouro do patrimonio cultural dese país. Imaxinemos un lugar no mundo onde os científicos, e máis aínda os que traballan en organizacións internacionais, se vexan obrigados a defender, fronte á desvalorización fomentada polo goberno, a competencia científica da propia lingua do país. Imaxinemos un lugar, en fin, onde os estudosos estranxeiros desa lingua constaten que está tan ameazada polo goberno que ten o deber de promovela que eles mesmos, os alófonos, decidan amparar con afouteza esa lingua fanada, empuxada camiño do exilio no propio país.

Non estamos a falar dun lugar imaxinario, por máis que se atopen semellanzas, como Liliput ou a illa dos Papafigos. Tampouco é unha forzada caricatura dun lugar real. A narración do que está a suceder podería ser aínda máis penosa. Está a pasar diante nosa. Neste escenario e neste tempo. Dise que a boa literatura fala dende un presente lembrado. Mesmo dun pretérito de futuro, cando se trata da ciencia-fición. Xa sabemos o tempo da mala política. O futuro pretérito. A Galicia do desandar. A Galicia do recú. A Galicia provinciana que se ri da ecoloxía das linguas, incapaz de comprender que é unha compoñente fundamental dun emerxente cosmopolitismo racional.

Para unha parte da poboación galega, o estatus do galego é unha cuestión secundaria, que implicaría soamente de xeito dramático a quen traballe coas palabras. Mais, á fin, todos traballamos coas palabras. Os silencios, como ben dicía Samuel Beckett, tamén forman parte da linguaxe. Seguramente, este Goberno, para o seu Programa do Desandar lingüístico, contaba con ter da súa parte unha chea de silencios. Ese era o cálculo na partida que se puxo en marcha meses antes das eleccións. Por unha banda, un activismo que conseguiu espallar a idea da falsa "imposición" co concurso de poderosos altofalantes. En fronte, outro tipo de activismo, máis ou menos excitado, a quen se tentaría identificar cun nacionalismo maximalista. O defensor do galego como sinónimo de bloqueiro. O típico profeta do non. E o resto? O resto sería silencio. Un país habitado por silencios a rumiar.

Mais estamos a ver como ese país dos Caladiños xa non existe. Xa non leva tanta xente a procesión da Suspensión das Conciencias. Aquí, a cada vez máis persoas, e ante ese estado do Recuar, estalle a pasar o que Gustave Flaubert contaba en carta ao colega Turguenev: "Sempre intentei vivir nunha torre de marfil, mais unha marea de merda non deixa de golpear os muros, e ameaza con tirala abaixo...".

Cal é a forma que adopta aquí o que Flaubert, o da mot juste, o da palabra exacta, chamaba "marea de merda"? O doente que estaba en proceso de curación é, de súpeto, desposuído de gran parte do tratamento e, ademais, sometido a unha mala práctica médica. Ao tempo, vense a dicir de novo á sociedade, esa é a mensaxe subxacente, que este doente o mellor que pode facer é morrer dunha vez porque non serve. Non é un ser útil. Isto é o que están a facer coa lingua galega. Esta é a marea de lixo do momento.

O problema non é só que se lexisle de recú para achaparrar o galego e, de paso, estragar a propia industria cultural. Como se as editoras galegas, que fan libros, fosen empresas de menor valor que outras que fan camisolas deslocalizadas. Se cadra ese é o futuro. Velaí outro paradoxo esperpéntico. Disque o conselleiro de Industria é un experto nisto de deslocalizar. Se cadra ese é o futuro. Deslocalizarmos todo e todos. Galicia sen local. Sen razón social. Non, o problema xa non é só xurídico, senón todo o lixo, consciente e inconsciente, que se ciscou sobre a lingua e o universo da cultura galega. A pobriña. Esa carga familiar. A metáfora da Galicia hindú dos intocábeis. Rajoy gusta da palabra malleira ou palleira. Grazas pola malleira, don Mariano!

Le mot juste, a palabra exacta do gran creador de Madame Bovary, ten aquí, e verbo deste esperpento, unha versión perfecta no escrito dos departamentos de Filoloxía das universidades galegas cando se refire ao desandar deste Executivo: "O primeiro da historia da democracia que lexisla en contra da lingua do país e que goberna e actúa segundo intereses alleos a Galicia".

O idioma galego é unha pertenza de todos, tamén dos que non o falan. Como o parque do Xurés, ou as fragas do Eume ou as illas Atlánticas ou as Insuas do Miño son valores de todos, aínda que haxa xente que non saiba deles. Que pensariamos se un Goberno lexislase para achicalos? Pero, ademais, eses tesouros naturais non só pertencen a Galicia. Son valores da bioesfera. Pertencen á humanidade. E o mesmo ocorre cos valores culturais, a principiar pola lingua que naceu en Galicia. Non todos os días nace unha lingua nun lugar do mundo! Non é un asunto só persoal. Podemos pasar delas, mais temos unhas obrigas como parte da humanidade. E o idioma galego é unha pertenza da humanidade, aínda que haxa conselleiros que non pasaran o exame actualizado do imperativo categórico de Kant.

Si. O que vén de pasar foi unha marea de lixo disfrazada de grandilocuencias. Resúmese moi ben neste parágrafo da carta que dez brillantes científicos galegos, traballando en organismos internacionais, en Xenebra, Londres e Montreal, enviaron a Vieiros para saír ao paso do ousado provincianismo: "En declaracións ao Faro de Vigo, o voceiro das Asociacións de Pais de Colexios Concertados dicía: "Utilicemos el sentido común. Químicas o Físicas, con tantas nomenclaturas internacionales, no se pueden dar en gallego. No podemos retroceder". (...) Declaracións deste tipo resultan totalmente inadmisíbeis. E dicimos isto con coñecemento de causa, pois no noso ámbito de traballo estamos acostumados a ter conversas de alto nivel científico de temas moi diversos en galego. (...) E para isto é un idioma exactamente igual de válido que o francés, o alemán ou, desde logo, o castelán. Ben é certo que o galego non é empregado para as comunicacións nin publicacións científicas a grande escala, pero tampouco o é o castelán. A lingua franca é dende hai moitos anos o inglés (...) O noso obxectivo con esta carta é simplemente evitar que se empreguen argumentos falsos (ou falseados) na discusión dun tema tan delicado e importante coma este (...)".

A historia da lingua galega é como a da Sepharad das mil e unha noites. Sempre atopou o xeito de salvarse de certo tipo de perigosas mareas. Non sei o que pasará cos políticos, pero si sei que a Galicia creativa, a Galicia do desexo, vai sobrevivir no seu andar ás ceibas fronte a este tempo de enxurrada retrógrada. Se non é aquí, será, por exemplo, na universidade de Cardiff de Gales. Alí onde Craig Patterson supervisa con paixón e intelixencia a Rosa dos Ventos, nome da candidatura para Asociación Internacional de Estudos Galegos. De acordo, señor Flaubert. Contra a marea de merda, a rosa dos ventos.


Fonte: El País (19/06/200
9)
Categoría: Opinión - Publicado o 21-06-2009 23:31
# Ligazón permanente a este artigo
Lingüística e nacionalismo
Vídeo da palestra a cargo de Juan Carlos Moreno co título "A lingüística e o nacionalismo lingüístico espanhol", na "Jornada 10 Anos de Filologia Catalá na UOC". Nel analiza e desmonta seis mitos do nacionalismo español.

1. O abolengo documental do español.

2. As virtudes do castelán primitivo.

3. A conversión do castelán en español.

4. A dialectalización do castelán moderno.

5. O español como lingua común.

6. O español global.


Categoría: Opinión - Publicado o 15-06-2009 19:38
# Ligazón permanente a este artigo
Milprimaveras máis par a nosa lingua


Sacado da Coordinadora de Ferrol-Terra
Categoría: Opinión - Publicado o 12-06-2009 18:01
# Ligazón permanente a este artigo
Manifesto do Colexio Of. de Sicólogos sobre a lingua

A interpretación dos soños

"Que imaxe vai ter de si un pobo que deixou apagar, deixou morrer, o máis valioso do seu patrimonio inmaterial?", pregúntanse desde o colexio de psicólogos.
Redacción - 17:35 10/06/2009. Vieiros
-------------------------

Achegámoslles un extracto do manifesto sobre a lingua feito público polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

"O galego é meu, o galego é noso, é de todos e todas. O galego é do que o fala, e é tamén do que aínda non o fala, ou do que xa non o fala... O galego é daquel que o ama e mesmo daquel que o odia, se é que hai algunha persoa que tal sinta polo seu patrimonio herdado... Porque, ao final, que é o galego?

O galego é o máis valioso dos nosos tesouros inmateriais, xunto coa música que tamén é outro tesouro. Realmente é difícil ver o valor de certas cousas até que sentimos a súa carencia, a súa falta, cando xa é tarde... Hoxe é tal vez tarde para recuperar a lagoa de Antela, a lagoa que hoxe a ninguén se lle ocorrería desprotexer, mais iso nos anos 50 non se viu. Hoxe é tarde para recuperar o que foi destruído, mais non é tarde para aprender deses erros e protexer o que nos resta.

A ninguén, non seu san xuízo, se lle ocorrería desprotexer a catedral de Santiago, e sen ir tan lonxe, a ninguén se lle ocorrería desprotexer a arte e arquitectura da cidade de pedra compostelá... Mesmo indo contra a suposta liberdade individual dos propietarios e propietarias dos inmóbeis da zona histórica, todos e todas concordamos en que hai que protexer o que é patrimonio común... E a lingua? Acaso a nosa lingua non merece o mesmo que as nosas pedras? Ela é patrimonio de todos e todas nós, e non só... ela é tamén patrimonio de todo o Estado, e da humanidade enteira. Entón, non merece o mesmo esforzo de protección?

(...)

Desde este Colexio Profesional queremos tamén advertir da importancia que a integración do pasado ten para o benestar presente e futuro das persoas. Un pobo que, non por vontade, porque se algo demostrou o pobo galego foi aprecio e lealdade á súa lingua é un pobo condenado a non saber quen é... E un pobo, ou unha persoa, que non sabe quen é, non pode contribuír con nada de orixinal ao destino da humanidade. Porque a universalidade do saber non vén da maior ou menor extensión dese coñecemento, senón da profundidade á que somos capaces de chegar co noso saber".

(...)

E como di a poeta e psicóloga Concha Rousia, "Quando morren o último falante de uma língua morre um sonho da Humanidade". Porque as linguas son todas obras marabillosas da Humanidade, dignas de seren protexidas, e a nosa non pode ser menos. Polo tanto de nós, dos nosos gobernos, depende pois que ese soño non esmoreza"


Ver texto completo en pdf (pódese descargar)
Categoría: Opinión - Publicado o 11-06-2009 22:54
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [4] [5] [6] 7 [8] [9] [10] ... [14]
© by Abertal
Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis


Este blogue forma parte da Rede de Blogueiras/os en defensa do Galego
Chuzame! chúzame -





Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0