No blogue "Caderno da Lingua" atopamos unhas bonitas presentacións de Castelao. A primeira presentación recolle as láminas do álbum Nós ao completo acompañadas polo tema homónimo do disco Zume de terra (2007), de Xosé Manuel Budiño, que inclúe nos primeiros compases a voz do propio Castelao nunha mensaxe gravada en fonopostal na Central de Correos de Bos Aires, co gallo da estrea de Os vellos non deben de namorarse, no Teatro Solís de Montevideo o 8 de outubro de 1941.
O segundo slide é unha compilación dos álbums da guerra do artista rianxeiro: Galicia mártir, Atila en Galicia e Milicianos. A banda sonora correspóndelle a ?A Daniel R. Castelao?, de Suso Vaamonde, do disco Nin rosmar dun laído, gravado ao vivo en Moaña en 1977.
Comezo o ano recordando a dous galeguistas, F. L. Cuevillas e a Álvaro Cunqueiro; do segundo saquei dos seus poemas o nome deste blogue, "Milprimaveras". Foi un dos poemas que houbo nunha campaña, penso que boa, de poemas sobre a lingua que se fixera fai xa uns cantos anos. Nesta ligazón que seque temos o de "Sementeira" de Cuevillas. O que segue é de A. Cunqueiro:
"Eu quixen e quero que a fala galega durase e continuase, porque a duración da fala é a única posibilidade de que nós duremos como pobo. Eu quixen que Galicia continuase e, ao lado da patria terrenal, da patria que son a terra e os mortos, haxa estoutra patria que é a fala nosa. Se de min algún día, despois de morto, se quixese facer un eloxio, e eu estivese dando herba na terra nosa, podería dicir a miña lápida: "aquí xace alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis"
Un compañeiro arquéologo recorda a F.L. Cuevillas neste artigo.Dinos moitas cousas, entre elas algo do que foi:" Floro Cuevillas era de familia fidalga, un home refinado, intelectualmente inquedo. Tocaba o violín e frecuentaba tertulias literarias. Licenciárase en farmacia, e estudara filosofía e letras, pero rematara por exercer unha gris profesión: funcionario da Facenda Pública...
Acompañamos o texto co vídeo "Sementeira" de Fuxas Os Ventos
Se queres ver máis temos tamén este programa de TVE de 1978, onde entrevistan a Alvaro Cunqueiro
Esta chegando a tódolos rincóns de Galiza unha tradición de Nadal, a do "Apalpador" ou Pandigueiro de oficio Carboeiro.Polo Nadal baixaba das montañas e tocáballe a barriga aos nenos para ver se estaban mal alimentados; se non era así deixáballes unha morea de castañas.O Apalpador é menos consumista que o Papá Noel. De todos xeitos vaise ser dificil recuperalo porque obriga a pensar e traballar para facer un bo presente. Nós dende aquí axudamos a que se difunda a súa figura.
Os consellos do apalpador para os agasallos son:
1: Non o compres, faino.
2. Todos somos artistas
3. Reutiliza
Nana do apalpador
Dorme meu neno, dorme carabeliño
que sae o Apalpador, do seu acochiño
e baixa dos montes, cheiño de frio
e quere atoparte, no leito dormido.
Dorme meu anxo, que o Apalpador
quentará ben a lareira
co seu mouro carbon
dorme dozura, que e carboeiro
e quenta as mantiñas
e amornache o leito..
Dorme que ben, a apalparche
e aloumiñarche a barriguiña
e a deixarche para o almorzo
castañas ben quentiñas...
Dorme que fora, caen folerpas frias
e o Apalpador fai o seu traballo
para encher as barriguiñas
dos meniños rebuldeiros
e das fermosas neniñas
dorme..dorme meu ben
dorme miña rosiña...