Unha folerpa con outras, ás veces calla e fai neve

Defensa do Ensino Público


De Viñetas

"A historia dunha lingua debería ser coma a dunha longa cadea, onde cada xeración fora un elo que lla transmitira á seguinte"

GALEFAS
aferrer@mundo-r.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Sátira ao Bilingüismo
Recollo do Equipo de Normalización L. do IES Valle Inclán esta curiosa sátira

SÁTIRA AO BILINGÜISMO

Ai, que xentiña máis posta
foi o domingo berrar
por unha Galiza bilingüe
en galego e castelán.
Alí estaba Rosa Díez
galega a máis non dar!
que se aquí damos galego
perden alá o castelán.
Por iso moitos de fóra
viñeron aquí apoiar
que hai que quitar o decreto!,
que hai que falar castelán!,
que o patrio acento se perde
por un dialecto pailán.
Ai, por Deus, onde se viu!
que aos xoves van desgrazar
que teñen que entrar nos cines
cun dicionario na man,
que van ter que ir a Madrid
a aprender o castelán!!!
Categoría: Galego - Publicado o 26-02-2009 00:15
# Ligazón permanente a este artigo
Escoramento antigalego
Temos aquí un artigo é de Miguel Anxo Fernán Vello, sacado da bitacora da Equipas de Normalización de Ferrolterra. Nel fálanos de catro o cinco frases significativas e quizais sorprendentes, nestes días, de X. Palmou, sobre a nosa lingua. Nós, estas frases, xas comentamos nun anterior artigo,nunha entrevista que se lle fixo a Palmou, pero agora volvémolas a recordar e comparalas con dous novos vídeos que me achegaron sobre Galicia Bilingüe e algúns dirixentes do PP. Dende logo semella estar falando de xente de dous partidos totalmente opostos.
Será que teñen medo e queren acaparar tódolos espazos, para gañar as eleccións? Ten que ser así, pero apostan moi forte, pois se non o conseguen coido que ten que estoupar esta diversidade tan oposta de pareceres. En fin, xa veremos que pasa. Aquí vai o artigo:

"As frases foron pronunciadas por Xesús Palmou, quen no seu día foi secretario xeral do Partido Popular de Galicia e conselleiro de Xustiza con Fraga Iribarne: "Non se pode querer a Galicia e non ao seu idioma propio. É incompatíbel". E poucas veces, verán vostedes, se ten falado tan ao xeito sobre o particular, con tanta e xusta contundencia e claridade. Mais a cousa non fica aí. Porque Xesús Palmou tamén dixo que "no tema da lingua pártese dun erro", que "a Constitución impón o deber de coñecer o castelán pero non os idiomas autóctonos"; e, por outra banda, engadiu o político conservador, "hai unha discriminación cara ao galego que debe solucionarse dende o Estatuto, establecendo a igualdade das dúas linguas no seu ámbito territorial, co deber de que os galegos coñezan o galego". E punto, que diría o outro. Palabras textuais todas estas, e outra frase que canta a verdade por si mesma e que Palmou soubo enfiar na súa impecábel dialéctica: "O galego é o principal elemento definidor da nosa identidade". Mais se un tivera que elixir, e máis nestes tempos que corren, a frase definitiva, optaría por esta: "Non se pode querer a Galicia e non ao seu idioma propio". E así mesmo é. Porque cando moitos e moitas enchen a boca decote con declaracións de amor a Galicia -unha gran maioría altos dirixentes do PP, Palmou é unha excepción-, o que en realidade están a exhibir é un veo de pura retórica -véxase Corina Porro ou Carlos Negreira, aducidos polo discurso etnocida da falsamente denominada Galicia Bilingüe-, que non oculta de ningún xeito, porque os feitos na práctica falan por si mesmos, un profundo desamor, cando non odio, polo idioma galego. Porque, como di Palmou, non se pode querer a Galicia e non ao seu idioma propio. Non se pode querer o corpo da amada e non a súa cabeza. Non se pode amar unha persoa en concreto e desprezar a súa voz, tratar de silenciala. É imposíbel querer a Galicia, cousa do que tantos presumen, e ao mesmo tempo mostrar indiferenza polo seu máximo sinal de identidade."

Os vídeos:




Categoría: Galego - Publicado o 25-02-2009 21:46
# Ligazón permanente a este artigo
En pé!
Recollo da bitácora de "Acuática" un artigo moi expresivo dun discurso de Feijoo nesta campaña. A prensa dí textualmente que citou ó poeta Ramón Cabanillas, e concretamente algúns versos do poema "En pé", pero que só citou os catro primeiros do poema. Está ben recordarlle aquí toda a letra do poema para que cando fale o pense mellor. Porque a verdade é que aínda non o vexo nada decidido, dentro dese enorme e complexo partido que dirixe, a facer algo positivo, pola nosa lingua, pois, ó igual ca o seu antecesor, o único que están realmente a facer é a de deixala morrer lentamente.
Recordámoslle aquí a letra do poeta. E porque non, con música

En pé!

Irmáns! En pé, sereos,
a limpa frente erguida,
envoltos na brancura
da luz que cai de riba,
o corazón aberto
a toda verba amiga,
e nunha man a fouce
e noutra man a oliva,
arredor da bandeira azul e branca,
arredor da bandeira de Galicia,
cantémo-lo dereito a libre nova vida!

Validos de treidores
a noite da Frouseira
á patria escravizaron
uns reises de Castela.
Comestas polo tempo,
xa afloxan as cadeas?
Irmáns asoballados
de xentes extranxeiras,
ergámo-la bandeira azul e branca!
e ó pé da enseña da nazón galega
cantémo-lo dereito a libertar a Terra!

Irmáns no amor á Suevia
de lexendaria historia,
en pé! en pé dispostos
a non morrer sin loita!
O día do Medulio
con sangue quente e roxa
mercámo-lo dereito
á libre honrada chouza!


Xa está ó vento a bandeira azul e branca!
A oliva nunha man, a fouce noutra,
berremos alto e forte:
?A nosa terra é nosa!?

Ramón Cabanillas
"Da Terra Asoballada" (1917)


Versión inglesa do poema

Máis en GZnación
Categoría: Galego - Publicado o 23-02-2009 22:15
# Ligazón permanente a este artigo
Unha tenra historia
Categoría: Galego - Publicado o 13-02-2009 18:48
# Ligazón permanente a este artigo
Modelos linguísticos de tres partidos políticos
Sacado de bloque Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de FerrolTerra

Un conflito, dúas linguas, tres modelos

Xoves, 12 de febreiro de 2009
Iago Martínez / XORNAL.COM I A Coruña.- A lingua entrara na campaña electoral moito antes de que Galicia Bilingüe, coa complicidade do partido de Rosa Díez e certos sectores do PP, intentase mobilizar á sociedade por unha causa lexítima, a liberdade de elección, sustentada sobre un diagnóstico perverso, o da imposición do galego na Galicia do século XXI. E entrara antes porque as tres principais forzas políticas representan pola súa vez tres modelos lingüísticos distintos. Para dúas linguas enleadas nun só conflito, socialistas, nacionalistas e populares propoñen tres saídas diferentes. Ningunha pasa pola erradicación do castelán, a única lingua cuxo coñecemento é obrigado pola Constitución, pero non todas reservan o mesmo papel ao galego nin entenden da mesma maneira a convivencia dos dous idiomas no Estatuto de Autonomía.

PP: "Proporcionalidade" e "libre elección"

Para a os estudosos da sociolingüística, o proceso de "substitución" é aquel mediante o que unha lingua de poder, como o latín, consegue desprazar a outras con menos prestixio até ocupar o seu espazo ou facelas desaparecer, como aconteceu con algunhas linguas prerromanas. Para o PP de Alberto Núñez Feijóo, e así o recolle o seu programa electoral, "substitución" é o que está a provocar en Galicia a aplicación do Plan de Normalización Lingüística.

Dito doutro xeito, os populares cren que o único idioma cuxo coñecemento é obrigado no Estado español porque así o estabelece a Constitución de 1978, o castelán, está a ser desprazado por outro, o galego, que non é de obrigado coñecemento nin sequera no Estatuto de Autonomía de Galicia. Feita a diagnose, os populares detallan as súas medidas de combate á "imposición". Propoñen un "bilingüismo integrador" sustentado no "coñecemento por todos de ambas linguas" e explícano nun texto escrito en galego e salferido de erros ortográficos, sintácticos e gramaticais.

Se acceden ao goberno logo do 1 de marzo, os conservadores comprométense a derrogar o Decreto de Fomento do uso do Galego na ensinanza aprobado polo bipartito para substituílo por unha norma que permita aos pais elixir a lingua materna dos seus fillos e a estes seren escolarizados nese idioma. Ademais, asegurarán a libre elección da lingua nos exames e nos materiais didácticos, agás en Lingua Galega e Lingua Castelá, e garantirán a "proporcionalidade" entre os dous idiomas, que definirán os claustros dos centros.

Logo de paralizar as actuais políticas de promoción do galego no comercio, o PP creará unha Oficina de Dereitos Lingüísticos e centralizará nun único organismo adscrito á Xunta de Galicia todos os cursos de capacitación lingüística e a expedición de títulos de competencia en galego.

PSOE: Dous idiomas, "dobre privilexio"


Sobre a base de que ter dúas linguas oficiais "é un dobre privilexio do que moi poucos pobos disfrutan", aínda que este verbo non existe en galego ?o correcto é "gozar"?, os socialistas non prevén no seu programa ningunha medida que rebaixe o actual estatuto do galego. É certo que cando propoñen reformar o actual Estatuto de Autonomía tampouco se comprometen a incluír no texto a obriga de coñecelo, como fai a Constitución Española co castelán, pero tampouco pretenden ?a xulgar pola letra impresa? dar marcha atrás na implantación do galego.

Na vindeira lexislatura, se o PSOE accede ao goberno autonómico e ten competencias nesta materia, elaborarase un Plan Estratéxico de Política Lingüística que determine as prioridades de acción e estabeleza os mecanismos de avaliación que se precisen. Ademais, empezará a funcionar un Consello Social da Lingua Galega encargado de escoitar e implicar á sociedade no debate e posta en marcha deste tipo de políticas.

En liña co que propoñen no capítulo educativo, os socialistas reiteran a súa aposta polo plurilingüismo, neste caso mediante iniciativas de diálogo interterritorial entre Galicia, España e Europa. Por iso, anuncian a súa colaboración co Goberno español e con outras Comunidades Autónomas con lingua propia na creación do Consejo de las Lenguas, así como outras actividades de promoción da diversidade no contexto europeo.

O programa socialista, baseado en grandes liñas de actuación e non en medidas concretas de goberno, na liña da campaña presidencialista que están a desenvolver, centrada na imaxe de Emilio Pérez Touriño como presidente da Xunta, deixa aí o capítulo da lingua. A súa é unha aposta "por un modelo de educación plurilingüe".

BNG: "Como mínimo", o 50% en galego

A diagnose dos nacionalistas é lixeiramente diferente á dos seus socios de goberno do PSOE, e dende logo está nos antípodas do que pensan no PP. A xuízo da formación frentista, sendo o Decreto de Fomento do uso do Galego na ensinanza un "avance importante", a "lentitude" na súa aplicación está a desvirtuar o seu contido. Así, segundo recollen no programa electoral, "continúan os incumprimentos á hora de impartir, como mínimo, o 50% das aulas en lingua galega" e "á hora de elaborar o plano de formación do profesorado".

Para facer fronte ás "manipulacións" sobre o estatus do galego, dunha banda, e á "deficitaria" situación que atravesa, da outra, o BNG comprométese a cumprir o decreto tal e como foi concibido e aprobado, así como a crear unha Subdirección Xeral de Normalización Lingüística adscrita á Consellaría de Educación ?agora é unha secretaría xeral e depende de Presidencia, na área socialista do executivo?. Ademais, de acceder ao goberno, porá en marcha un plan de formación do profesorado para mellorar a súa competencia e formación específica e activará as comisións territoriais de coordinación de equipos de normalización lingüística dos centros educativos, aos que incrementará tamén o apoio económico e técnico. Nas probas de acceso á función pública docente, o profesorado deberá superar como mínimo unha proba en lingua galega.

Por último, o programa dos nacionalistas porfía na necesidade de ampliar o número de materias que se deben impartir en lingua galega e incentivará a innovación e a elaboración de materiais que redunden nunha maior galeguización do ensino, tamén a través de subvencións. Por último, exixirase o perfil obrigatorio de Lingua Galega nos concursos de traslados para Educación Infantil e para aquelas materias que o decreto estabelece que se deben impartir en galego.

Curiosamente neste xornal non di o mesmo. Haberá que ler os programas.
Categoría: Galego - Publicado o 12-02-2009 21:40
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis


Este blogue forma parte da Rede de Blogueiras/os en defensa do Galego
Chuzame! chúzame -





Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0