
Esta semana foi a das barbacoas. Por estas latitudes Lorenzo está quentado con ganas, e todo cheira a verán. A xente desenterra as súas galas da estación, e sae do buraco. O mércores tiven o coche no taller, así que andiven coa miña Nancy un par de días de arriba para abaixo. Achegámonos despois co colexio a lago Washington, aquí en Bellevue. Todo cheo de grupos de adolescentes, familias coas súas barbacoas, nenos bañándose...
Onte venres, funme para Seattle á Golden Beach, unha praia que tamén ten a súa zona de barbacoas. Dende que cheguei aquí, nunca vira tanta xente xunta. Grupos de quince ou vinte mozos asando a súa carne, bebendo cervexa, de festa rachada. Nótase que sae o sol e os espíritus se alegran.
Quedamos ás sete da tarde, e eu perdinme varias veces, como non podía ser doutro xeito. Pero cheguei. Aló nos xuntamos uns dez españois, colombianos, mexicanos, un par de americanos e eu. Asamos un pouco de carne, comemos unhas pataquiñas e fixemos calimocho. Vamos, the usual... Estivo divertido. |