 Sei eu que tes curiosidade por saber como vivo, como resisto. E dime miña nai: ¿E comes ben? Of course.
Este é o famoso sándwich (que por certo, é unha palabra galega, que acabo de mirar no VOLG), dicía que é o famoso sándwich grazas ao cal manteño as miñas contantes vitais dende o 23 de agosto. Este que estás a ver, concretamente, vai a ser o que me coma mañá, aproximadamente ás 11:59. Cóntoche como é o proceso, ou mellor dito, cóntomo a min mesma.
As 11:45 sona a campana e, con sorte, os vintedous aos que lles estou a subir a autoestima -porque o que é ensinarlles, pouco lles ensino-, estarán en fila. Saímos todos xuntiños, eu diante tal galiña con eles tal poliños andando en fila india detrás miña. Atravesamos o patio e chegamos ao ximnasio-comedor-salón de actos. Alí, os que traen a súa comida da casa séntanse nas mesas que hai postas tipo campamento militar, e os que a compran, fan cola para pasar por caixa. Eu teño que estar con eles, non vaia ser que se perdan.
Pasan por caixa, na que normalmente está Amy, que basicamente é un ordenador no que marcan o seu código persoal, e despois van coa súa bandexiña coller a comida no self-service. Todo coma nas películas. A comida é moi saludable: hamburguesas, pizza, polo rebozado frito... dieta mediterránea, vamos.
Despois de que o último neno marca o seu número, eu xa podo ir buscar o meu sándwich e gozar dos meus 45 minutos de lunch time dos que, por certo, xa pasaron case dez e eu seguía on duty.
E así vólvome para a clase, e ás veces estás ti e podo chatear contigo un ratiño. Outras veces estou con sándwich nunha man, co lapis na outra corrixindo algún papel dos nenos e coas tesoiras nas orellas cortando as sílabas para a actividade da tarde.
Outras veces vou ao Staff room, onde algún profe está comendo. E iso foi o que fixen hoxe, e non sei porque me entrou o agobio. Supoño que será estar escoitando as mesmas palabras baleiras de todos os días, as mesmas risas tristes, vendo os mesmos ollos que te fitan pero que están ollando algo moi lonxe. Non sei, xa me aburrín desto. Imaxino que un mal día teno calquera, e que un mal día venche aquí, ou en Singapur, ou en Logroño. Pero a min veu aquí, ¡que carallo!, así que repito e reafírmome que esto é unha puta merda...
Mañá será outro día. |