É venres e mañá collo o avión ás seis da tarde. Na foto está a caixa de correos da miña casa. Si, a que ten o brazo estendido. Non me está a dicir adeus, senon que é un sinal secreto para o carteiro. Cando a ve ergueita, sabe que hai algo dentro, neste caso o meu
puto cheque para a compañía de teléfono. Ladróns!
Chameinos esta semana e, na teoría, cortábanme todo ás 12 da noite de hoxe. Pero ás 7 da mañá xa non tiña teléfono, aínda que internet, polo de agora, segue a funcionar. Que cabreo collín. Tiña que chamar para darme de baixa no do seguro do coche, e tamén ao distrito escolar para explicarlles como era o meu enderezo.
Tivo graza o do distrito. Mandeilles seiscentos emails cos meu datos, e onte tiña unha mensaxe no contestador que había un problema co meu enderezo. Iso si que non, pensei eu, que os cheques de xuño, xullo e agosto téñenme que chegar. Resulta que non o entendían, é dicir, aquí é
23 Road Street, primeiro o número e despois a rúa. Non entendían que a miña fose Rúa Xeral 23. Paciencia. E despois o de Lugo, que é isto de Lugo?, dicían, e eu,
it´s kind of the name of the state, you know. Máis paciencia. E despois cinco números, o código postal, que aquí tamén son cinco, que qué era, que onde se puña, que se eles sempre o puñan ao final, que onde o tiña que pór ela. En fin, eu agradézolle o interese polos meus cheques, e de paso aprendeu a rapaciña que existen máis países civilizados no mundo, que incluso poñen o número despois da rúa!!!!
Como estou facendo as maletas, aínda que debera dicir máis ben desfacelas, porque para min que estoupan, onte veu axudarme
Mariano a desfacerme dos últimos mobles. Un sofá, catro cadeiras e un televisor vello. Levanos todo para o
Goodwill, que virá sendo algo así coma cáritas, pero non me quixeron recoller a tele. Levámola a un enderezo que nos deron alí, que viña sendo coma un desgüace de teles e ordenadores, e cobrábanme $35 por donarlle a tele. Diso nada, monada. Fomos até o punto limpo de Bellevue, pero tampouco a recollían. Pois maldita a graza de pagar por desfacerme dela. Volvimos para a casa con ela, pensando en que recuncho a podería levar disimuladamente mañá e esquecela alí, pero Mariano díxome de deixala na beirarrúa, fronte da casa cun letreiro
4 free - it´s working! Durou 1 minutos 34 segundos. Parou unha furgoneta e levouna. Ben, un problema menos.
E para relaxarme un pouco do día tan estresante, pola noite ver unha película coa caseira. Tivo graza o que me dixo onte.
Antes de vela primeira película, afirma toda segura ela,
teño que explicarche como funciona o DVD. É complexo. Eu chego, doulle ao botón de
on, ao de
open, meto o DVD e ao
play. E mírame sorprendida e pregunta,
onde aprendiches? tendes DVD en España? E a miña caseira é un muller medianamente formada, que viaxou moito, que vivíu en España seis meses hai uns vinte anos...
En fin. O último artigo neste lado. Non sei o que pasará no outro. Vivirei de rendas,
I guess, dicindo como os vellos, pois eu cando estaba en América
bla bla bla.