Pois isto acábase. Non queda nada, pero nadiña de nada. Sigo sen coche. O luns pasado, a miña caseira deixoume o seu Jeep. Aí o ves na foto. Funa levar ao traballo e estiven rulando con el todo o día. Devolver o ordenador ao edificio do distrito, devolver chaves ao colexio, ir ao taller ver o meu cochiño (que tardarán en amañalo de cinco a seis días, así que xa non o volvo conducir...).
Agora estou aquí pechada na casa intentando deixar todo listo, maletas feitas, contas pechadas, ir ao banco, dar de baixa o teléfono e internet para mañá...
Onte pola noite a miña caseira alugou unha película,
Freedom Writers, moi boa. Pero preto das dez e media, cando aínda non rematara, foise a luz. Toda a noite sen luz. Debeu voltar sobre as catro da mañá. Erguínme ás sete menos cuarto e xa había, pero ás sete foise outra vez, até as nove menos cuarto. Que país, meu deus. Que lle pasa cos cables? Non saben como funcionan ou que? A ver se non teño máis problemas coa luz, como me pasou no nadal.
Xa foi. Xa case foi. E estou contenta, aínda que non tanto como esperaba.