CIG-Saúde O Barco








Telf: 988 339112






















Perfil de Facebook de Cig-saúde O Barco.














BLOGS E WEBS DOUTRAS COMARCAS E ÁMBITOS DE CIG-SAÚDE














OUTRAS LIGAZÓNS INTERESANTES

















cig-saude o barco
h.obarco@cig-saude.org
 DESTACADOS
 CATEGORÍAS
 FOTOS
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 PARA SABER MÁIS

sobre a "enquisa" do galego no ensino
Posicionamento conxunto sobre a "enquisa" sobre o galego no ensino que ven de por en marcha a Consellaría de Educación
.

Subscribiron este posicionamento, por orde alfabética: A Mesa pola Normalización Lingüística, Asociación de Directores e Directivos de IES, AS-PG, CC.OO, CIG, Comités, Coordenadora de Equipas de Normalización e Dinamización Lingüística de Ferrolterra, Coordenadora de Equipas de Normalización e Dinamización Lingüística de Compostela, Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, CSI-CSIF, Federación de ANPAs de centros públicos de Ferrolterra, FETE-UXT, Nova Escola Galega e STEG.

As organizacións con presenza no ámbito da educación abaixo asinantes, ante o anuncio da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria de realizar unha consulta nos centros educativos en relación co uso do galego, queren transmitir á comunidade educativa e á sociedade galega no seu conxunto as seguintes cuestións:

1. Esta é unha consulta, deseñada á marxe da comunidade educativa, carente de rigor na metodoloxía de distribución e no procesamento de datos, e sen garantías para a intimidade das persoas e a protección de datos de carácter persoal.

2. O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade de todas as forzas políticas con representación no Parlamento Galego en 2004 (PP, PSOE e BNG), é un punto de encontro na definición dos obxectivos para o ámbito educativo. O Decreto 124/2007, de 28 de xuño, recolle este acordo do Parlamento Galego dándolle carácter normativo e a súa legalidade foi avalada por varias sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Esta norma pretende garantir unha competencia similar en galego e en castelán.

3. O obxectivo de que ao remate do ensino obrigatorio os nenos e as nenas sexan plenamente competentes nas dúas linguas oficiais non pode conseguirse con menos do 50% das materias impartidas en galego. Coa enquisa que se envía aos centros o mantemento deste equilibrio tan só se garantiría marcando a resposta ?en galego? ou ?todo en galego?. Esta opción non se refire á totalidade do ensino, senón ás materias que habería que impartir hoxe en galego ?o 50%- xa que a enquisa non recolle a opción de que todas as materias, agás as linguas, poidan ser impartidas en galego.


Desde CIG queremos ademáis engadir estes outros dous puntos, de recomendación á hora de cubrir a "enquisa":

4. Por termos en conta as consideracións anteriores, propoñemos marcar a opción ?galego? (en Infantil e FP) e ?todo en galego? (en Primaria e Secundaria), porque desta maneira estariamos a indicar que queremos en galego as materias que hoxe se deben impartir na nosa lingua, tal e como indica o decreto en vigor. Non significaría, por tanto, que optemos por todo o ensino en galego, pois esta opción non se considera.

5. Igualmente xulgamos preciso transmitir a nais e pais a necesidade de incluíren no apartado de observacións da enquisa peticións semellantes a que expresamos a continuación:
- Desexaría que o ensino fose en galego, unha opción que non recolle esta enquisa.
- Estou a favor da aplicación do decreto actual de promoción e uso do galego no ensino, realizado co consenso da comunidade educativa e que emana do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento Galego.
- Todo o anterior fai que os resultados desta consulta non me parezan lexítimos.
Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 11-06-2009 12:10
Queres comentar ou preguntar algo?
quedamos nesa praza
Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 08-06-2009 19:34
Queres comentar ou preguntar algo?
Farto Remix - Lamatumbá
E aquí está, o novo video de Lamatumbá realizado polos Estudios Casa de Tolos (Gondomar) a partires do tema de Marcos de Paz gañador do I Concurso de Remixs de Lamatumbá.
Farto é un dos temas incluídos no último disco da banda ourensá "Paraugas Universal"

Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 05-06-2009 21:14
Queres comentar ou preguntar algo?
A música galega, pechada por reformas?
nova extraida de vieiros

Os artistas e grupos salientan a revolución que supuxo o 'Aberto por Reformas' e desconfían dos novos xestores da radio


Soaba Quedamos nesa Praza, de Som do Galpom, a derradeira canción do Aberto por Reformas de Xurxo Souto, e un convite para o futuro, para seguir traballando, seguir loitando pola música galega. O luns 1 de xuño os novos xestores da radio pública de Galiza, a Radio Galega, decidían que Xurxo Souto non continuaría á fronte do programa. Souto finalizou esta última emisión final despedíndose dos oíntes, dando as grazas, e reivindicando a riqueza e o valor da música galega: "chega o momento da despedida. Hai máis de tres anos principiabamos esta aventura. E agora chega o momento de dicir adeus, e dicir grazas (...) Grazas a tantos artistas galegos, a tanto talento. Somos un pobo de artistas. Cando chegamos houbo certas dúbidas. Había quen dicía que non había música galega de abondo para encher unha hora de programación diaria. E a verdade, e dígoo sen ningún pudor, é que botamos por fóra. A aventura continúa. Agora chega o tempo de que veñan outros compañeiros para manter aceso este facho sonoro. Ata logho amigos, tres, dous, un, partíu".

O martes 2 de xuño, ás sete e cinco da tarde, o programa comezou coa mesma sintonía e o mesmo nome, pero un presentador distinto, Xusto López Carril, que pasara fugazmente polo 'Un día por diante' a comezos da pasada lexislatura. Non só era unha voz distinta, senón unha nova filosofía de programa na que a música galega perdía completamente o protagonismo, e o propio espazo, malia manter a mesma forma, ficaba desposuído de identidade e de contido. López Carril abriu a emisión con toda unha declaración de intencións: "Este é un programa musical, de transición entre o magacín e e a información, pero é un programa con selo propio. Sucede que a música é subxectiva, e a nosa aproximación á música é subxectiva, polo tanto cada quen, particularmente, elixe a súa selección natural, que probabelmente vós ou vostedes non compartan, en absoluto, quizais un pouco, quizais algo máis ou algo menos". O novo programa comezaba, pois xustificándose, e anticipando uns cambios que se fixeron evidentes na primeira canción que soou, de Bruce Springsteen.

Foron máis de tres anos nos que o Aberto por Reformas levou, por vez primeira, a música galega de todos os estilos á radio pública, realizou máis de trescentas entrevistas, e deu a coñecer a ducias de novas bandas e de artistas noveis, moitos deles sen ter editado aínda o seu primeiro traballo. Foron tres anos nos que a música galega tivo un escaparate, un espazo de absoluta liberdade para darse a coñecer. Creou un hábito de escoita entre os oíntes e entre os grupos, que comezaron a confiar nos medios para a difusión do seu traballo. O Aberto por Reformas creou por vez primeira un público para a música galega. Desaparece, pois, un espazo fundamental para a difusión da música galega. Un espazo de liberdade que deixa a centos de grupos galegos sen un escenario privilexiado para darse a coñecer. Só queda dicir grazas polo traballo feito nestes anos. E partiu!

Som do Galpom
Som do Galpom foi o derradeiro grupo que soou no programa. Brais, un dos seus compoñentes, di que Aberto por Reformas é "a clave que permite entender o rexurdimento da música en Galiza, e sobre todo da música en galego. Xurxo Souto conseguía transmitir a sensación de que estaba pasando algo importante, e estaba no certo, algo estaba pasando". Para Brais, "a gran asignatura pendente para a música galega é a formación do público, por iso nós tocamos tanto. E nese sentido Aberto foi un faro; grazas ao programa apareceu un novo tipo de consumidor de música: o que compra música galega". E conclúe: "Xurxo facíache crer na música, en que era posíbel, el sínteo así e é capaz de transmitilo".

Ataque Escampe
Para Álex, de Ataque Escampe, é "unha noticia tráxica" e salienta ademais que "Xurxo Souto é unha referencia dunha cidade, A Coruña, que sempre foi vilipendiada. Cando nos putean aos que crecemos alí, podemos ir de humildes dicindo que está aí o Dépor e podemos ir abusóns dicindo que alí creceu Xurxo Souto. Non teño máis que palabras de agradecemento por todo o que fixo pola música galega. Non só se vai un referente á hora de promocionar a música galega, senón tamén unha persoa que defendía a lingua. Téñolle dito que metaforizaba moito e que dicía moitas hipérboles, pero benvidas son as hipérboles cando se trata de defender a lingua".

Fanny & Alexander
Fanny & Alexander mesmo opinan que a desaparición dun dos espazos que máis promocionaba a música do país podería mesmo incorrer na ilegalidade: "A nova orientación de Aberto por Reformas é practicamente ilegal xa que ao eliminar o único programa que promovía a música contemporánea cantada en galego estase conculcando o artigo 16 da Lei 9/1984 da CRTVG onde se di a programación debe estar inspirada pola 'promoción e difusión da cultura e lingua galega, así como pola defensa da identidade da nacionalidade galega".

Machina, Uxía, García (DKTC) e Galegoz
Machina tamén soou no derradeito programa. En opinión de Anxo, un dos seus integrantes, "antes deste programa non existían os grupos galegos na Radio Galega, quitando os de folk, con todo o respecto para eles. Non sei que vai pasar agora, esperabámolo, pero é un mazazo". Para Uxía Senlle, o Aberto por Reformas foi unha "revolución na radio galega, e na radio pública en xeral. Recuperou para a radio, onde non existía, a música galega en todas as súas expresións"; e sobre Xurxo Souto di que se converteu nun "totem para os grupos", sobre todo para as novas formacións, grazas á "enerxía, á radio viva que fixo, totalmente pegada á realidade". Pola súa banda, Marcos Payno (Galegoz) salienta que o programa "promocionou a música como ninguén, nunca censurou nada, e nestes anos o traballo de Xurxo Souto foi fundamental para a difusión da música galega. E seguirá facendo un labor moi importante, estea onde estea". García (Dios ke te Crew), mentres, cre que é "triste" que unha radio pública "se convirta nunha radio de partido" e lamenta que se elimine un programa que "conseguiu que un monte de grupos emerxentes fosen coñecidos.

O Leo
En palabras de O Leo, Aberto por Reformas foi para a música galega "o que a aparición das radiofórmulas significou para a explosión da música pop en todo o planeta hai unhas décadas". "En Galicia chegamos con máis de corenta anos de atraso", di Leo, que salienta que Xurxo Souto estivo "á altura do país". "As contas cadran -di- se non fose polo programa eu non estaría tocando tanto; estaría como antes, coma na prehistoria fraguista, dando tres ou catro concertos ao ano, cunha música galega de capa caída e non só non promocionada senón perseguida", conclúe Leo, que avisa: "O traballo de Xurxo Souto non caeu en terreo ermo; o que sementou esta aí e isto non vai dar marcha atrás". É, pois, tempo de traballar, como canta Deolinda nun tema que tamén soou no derradeiro programa conducido por Xurxo Souto: Agora sim, damos a volta a isto!/ Agora sim, há pernas para andar!/ Agora sim, eu sinto o optimismo!/ Vamos em frente, ninguém nos vai parar!

Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 04-06-2009 08:57
Queres comentar ou preguntar algo?
bilingüísmo á carta
Artigo escrito polo Pediatra do Centro de Saúde do Barco de Valdeorras, Manuel Caramés, e publicado en Vieiros:

Bilingüismo á carta

Escoito con satisfacción e leo con agrado nos diversos medios de comunicación a proposta do novo Conselleiro de Educación de separar aos alumnos por aulas segundo o idioma que falen, galego ou castelán.

A finalidade de dita proposta é garantir por unha banda a liberdade dos pais para escoller o idioma en que deben ser educados os seus fillos, e por outra preservar o dereito do profesorado a impartir as súas materias no idioma en que lles peta. Pois ben, en aras de dita liberdade lingüística, quixera pedirlle ao Presidente da Xunta e á Conselleira de Sanidade que fagan extensiva esta novidosa proposición ao ámbito sanitario de modo e maneira que os doentes teñan dereito a seren atendidos no idioma que desexen e os médicos poidamos diagnosticalos e tratalos no idioma que queiramos. O desenvolvemento do proxecto sería moi similar. Dividiríanse os usuarios do Servicio Galego de Saúde en galegofalantes e castelanfalantes e, segundo a lingua escollida, serían asignados a un determinado cupo médico. Eu son un Pediatra de Atención Primaria e falo cos meus pequenos indistintamente o galego e o castelán, mais a pesares de ter nacido en Zamora debo recoñecer que prefiro utilizar na miña consulta o idioma de Rosalía e Castelao e, sen poder evitalo, empatizo mais facilmente con aqueles nenos que tamén o falan. Pola contra, a miña benquerida compañeira de traballo, a pesares de ser viguesa de nacemento e dominar igualmente ambos os dous idiomas, gusta de expresarse na lingua de Cervantes ou Quevedo. Pois ben, a miña petición á Conselleira de Sanidade é que redistribúa e axuste os nosos cupos de tal forma que tanto os nenos como os seus pais e mesmo os sanitarios poidamos vivir a pediatría dentro dunha ?amabilidade lingüística? que faga mais agradable o noso traballo.

Como o lector avezado xa terá deducido, este irónico escrito non é mais que unha pequena reflexión sobre o absurdo da proposta da Consellería de Educación, apoiada co seu silencio polo Presidente da Xunta, e sobre o fácil que é camiñar pola senda equivocada cegados polo éxito electoral e enxordecidos polas aclamacións dos mais fanáticos.
Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 25-05-2009 21:48
Queres comentar ou preguntar algo?
Al tall -Tío Canya
Atopamos no blog de chechu sende made in galiza, esta canción popular valenciana que dados os tempos que corren ven moi a conto, abaixo tedes a traducción ó galego.



no pobo hai un vello,
no pobo hai un vello,
que o chaman tío caña
leva gorra e camisa negra
leva gorra e camisa negra
e unha faixa morellana

tres veces só foi
o tío caña a valencia
primeiro cando entrou en quintas
e o casarse coa sua femia
a terceira xurou
non voltar a pisala;
que un home que ven do pobo,
ninguen o fai baixar a cara.

sete veces fixo cola,
ó presentar uns papeis
por non saber expresarse
na lingua dos forasteiros.

aguanta todas as burlas
as palabras parvas
e ó pobo voltou.
tío canya tio canya
non tes as chaves
da tua casa:
pon unha pechadura nova
ou farache fume o tellado.

o tío canya tivo un fillo,
que o chaman tío caña:
leva gorra e camisa negra
e unha faixa morellana.

ben lembra o tío caña
cando o levaron a escola
sete anos, a cara ben limpa,
ollos abertos, camisa nova.
pero moito mais abriu os ollos
do neno do tio caña
cando sentiu aquel mestre
falar de xeito extraño.

cada dia que pasaba,
cada dia que pasaba,
foi encollendo os músculos
por medo a que o señor mestre
por medo a que o señor mestre
fixéralle algunha pregunta.

aguantou castigos e rifas
sen poder abrir a boca
e á escola odiou
tío canya tío canya
non tes as chaves
da túa casa:
pon unha pechadura nova
ou farache fume o tellado,

crónicas da rúa din
crónicas da rúa din
duns netos do tío caña
que son médicos en valencia
que son médicos en valencia
mestres e xente letrada.

cando no verao veñen ó pobo
visitan ó tío caña
e o pobre vello os escoita
falando lingua castellana
pero crónicas mais novas din
que o tío caña xa conta
con bisnetos moi novos
que alegran a súa cara.

nunca falan castelán,
nunca falan castelán,
como aprenderon dos seus pais
se non coma xente do pobo
se non coma xente do pobo
na lingua do tío caña.

carallo tío caña,
coa caxata se fai falla,
que a valencia volverás
tío caña tío caña
non tes chaves da túa casa:
pon unha pechadura nova
porque hoxe tes tempo aínda.
Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 21-05-2009 00:57
Queres comentar ou preguntar algo?
THE SOLUTION AO PROBLEMA LINGÜÍSTICO NO GALICIAN COUNTRY
Chéganos un correo que pasamos a publicar posto que pensamos que pode ir ben para exercitarnos no modelo trilingüe do novo governo.

The amablingua
Daniel López Muñoz / Irimia.

Xa viña sendo time de que el new president descubrise the magic solution to the cosa de la lengua no Galician Country.

The solution é o chamado ?castrapo enriquecido?, al que también chaman ?eurocastrapo?, ?triglosia feijooooana?, amablingua , ?galcasinglish? ou, na Galicia Sur, simplemente ?feixoada?.

Basically consiste en ser amables. You are moi amable, in such a way que no ofendas a nobody arround. Because the cosa es no imponer, e se ti escolles one language ?only one, ollo!- ti andas imponiéndote que nin a milk! So, first asunto: amabilidade, gentleness e, especially, never, never, never, mesmo nunca, fales only in the regional idioma.

The second cosa vén sendo a closing down das galescolas, que finally serán substituídas by ?trilingüelas? (not ?bi?, but ?tri?), to properly enseñar the new lengua.

This is, efectivamente, the solution to the cuadratura of the circle: combinar a ?soberanía lingüística? dos pais, with the deber of promoting e facer normal o galego, sin ofender a la lengua de Rosa Díaz, and also co obxectivo de trilingüizar aos nenos and little girls.

So, a nai escolle, e choose o que choose, sempre ficará happy, ya que a súa escolla is included in the eurocastrapo. In fact, this feixoada is the ?tres in one?, very inclusive and amabilismo.

At the same time, the Xunta resolverá o ?problem? educativo, sen que such a thing lle supoña un quebranto presupuestario. Efectivamente, as a matter of fact, o novo language non ten a very precise normas, and predomina a única and conocida only norma do ?tanto ten, ti vai disimulando?, que se complementa coa de ?never rained que non escampara?. Así, the teachers training is going to ser very barrato, barrato, cal carpet of magrebí.

And, by the way, if non caíches na conta, este artículo is the first one written in the new idioma. Buena luck and remember o que di the song: non te warrees, be happy, tra,la,la,la,la,la,la,la?.
Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 19-05-2009 12:35
Queres comentar ou preguntar algo?
Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 15-05-2009 14:41
Queres comentar ou preguntar algo?
o galego, o idioma que nos une!
Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 14-05-2009 13:59
Queres comentar ou preguntar algo?
galegoz: apocalipse agora
Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 08-05-2009 16:40
Queres comentar ou preguntar algo?
o galego: a nosa columna vertebral
O galego é a lingua propia de Galiza. Isto pensamos que non haberá ninguén que poida negalo. Posto que é no territorio galego onde se orixinou e onde se fala. Ninguén pode dicir que o idioma propio de Galiza é o español, posto que esta lingua naceu noutros lares e foi introducida aqui mediante a imposición (esta si) e a violencia (lembrades a "doma e castración de Galicia" dos Reis Católicos?).

Pois o galego, ademais de ser a lingua propia da Galiza, é a columna vertebral que nos une e que nos identifica. E está en perigo. Calquera de nós podemos constatalo diariamente. Vemos como non hai oferta de ocio en galego, non hai apenas xornais en galego, cada día menos nenos falan a nosa lingua, e, inda por riba, existen asociacións que se dedican a mentir, menospreciar, aldraxar e enganar, dicindo que é o español o que está en perigo na Galiza.

Ademais, estamos a ver con preocupación como o PP, desde a Xunta de Galiza, pretende desmantelar puntos básicos da oficialidade do galego, como o amparo xurídico en aspectos tan fundamentais como o ensino.

Por todas estas razóns, animámosvos a participar nos actos de mobilización en defensa da nosa lingua que terán lugar nas datas próximas, e nomeadamente na manifestación que terá lugar o próximo 17 de maio, con saida ás 12 hs desde a Alameda de Santiago de Compostela.

O galego é o idioma que nos une, non o deixemos morrer.


Haberá autobús de balde desde Valdeorras para ir á manifestación. Se queredes anotarvos, chamade ao 690 76 82 95.
Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 04-05-2009 11:53
Queres comentar ou preguntar algo?
Dios Ke Te Crew: heredeiros da ditadura
Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 24-04-2009 20:55
Queres comentar ou preguntar algo?
a viaxe
Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 10-04-2009 22:38
Queres comentar ou preguntar algo?
sancionado un profesor por reclamar aulas de matemáticas en galego
Este artigo que copiamos de Vieiros (que á súa vez o transcribe da páxina da CNT) reflicte que, a pesar de todo o que poidan dicir desde Galicia Bilingüe, a día de hoxe o galego non se impón, senón que se reprime:

O compañeiro Brais (CNT-COMPOSTELA) profesor-substituto de Matemática, traballou durante o curso 2007-2008 en diversos institutos da Galiza, mas foi no IES ?Manuel Murguia? de Arteixo que traballou por espazo de 15 dias, do 8 ao 23 de Abril de 2008, onde ao reclamar que as aulas de Matemática debian-se dar en galego, como corresponde por lei, no decreto 124 do 2007 sobre o uso do galego no ensino, provocou un proceso no que foi condenado por 4 faltas graves, a un total de 25 dias de sanción e un apercibimento, o que na prática acarreou a sua expulsión das listas da Consellaria de Educación. Primeiro reclamou o uso do galego nas aulas no Departamento de Matemática do Instituto; os libros estaban en castellano e é obrigatório na ESO que sexan en galego, mas como non chegaban a un acordo, acudiu à Chefa de Estudos do ?M. Murguia? que en vez de facer-se eco das reivindicacións do noso compañeiro, o que fixo foi acusá-lo de entrar airadamente na Chefia de Estudos e denunciá-lo perante a Inspección de Educación, precisamente o organismo que debería velar polo ?cumprimento? do decreto do Galego. E aqui comeza un proceso kafkiano. O compañeiro Brais é citado en Setembro de 2008 pola inspectora-instrutora -quen en todo o proceso dirixiu-se a Brais ?en castellano?-, para responder a unhas perguntas sobre a sua permanéncia no IES ?Manuel Murguia?, ao que o compañeiro contestou sen problema algun, pois consideraba que durante eses quince dias que estivera no Instituto non tivera nengun acontecemento salientábel. Inicia-se un proceso que dura cuase seis meses e que rematará coa expulsión do compañeiro das listas de interinos e sustitutos de Matemática, no entanto non haxa oposicións, fechando a posibilidade que o compañeiro Brais poda traballar até entón. Brais foi acusado de 4 faltas graves:
1ª Por reclamar que as aulas se deran en galego. Esta acusación foi convertida moi sibilinamente por parte da Chefa de Estudos e logo pola inspectora-instrutora en ?unha acusación de Brais cara a profesora que estaba a substituir?, convertindo-a en falta grave por non ter respeito e consideración cos compañeiros.
2ª Por ?entrar na Xefatura de Estudos coa gorra posta?, incumprindo un regulamento de orde interna, que non figura en ningures no instituto.
3ª Por lle dicer a un ex alcalde de Arteixo e profesor de Matemática, despois da charla no Departamento, que ?non tiña educación pois o deixara coa palabra na boca?, despois de falar sobre se un profesor é bon ou mau por dar as aulas en castellano ou en galego, cando non era ese o tema da conversa, que era e segue a ser que as aulas de Matemática teñen que se dar en Galego´.
4ª E a última mais incríbel situación, se cabe, foi a de utilizar o blog de Brais, para acusá-lo de manipular aos alunos e alunas, pois nese blog Brais manifesta que a polícia non debia ter entrado ?de paisano? no centro cacheando aos rapaces e raparigas como se fosen delincuentes e que non se pode confundir educación con represión. Ben, aqui temos que facer un ponto aparte, alguén do centro escolar utiliza a un membro dun instituto armado para conseguir os ips (os enderezos electrónicos) dos alunos que entraran no blog de Brais, para facer algun comentário ao respecto ou sobre calquer outro asunto do seu interese. En todo o proceso o compañeiro Brais foi submetido a unha total indefensión convertendo un simples desacordo no Departamento do IES ?Manuel Murguia? de Arteixo, onde o noso compañeiro leva a razón, (polo menos de momento, pois esperan tempos difíceis para o Galego), en 4 faltas graves que provocan o despido do compañeiro, mercé á intervención dos CC.OO. CSIF e ANPE, que firmaron de costas aos ensinantes unha addenda, pola que se aplicaba aos interinos ou substitutos a sanción de borrá-los das listas no caso de falta. Todo isto en época de governo bipartito progresista e galego, pola intervención dun corpo de inspectores, os mesmos de sempre, que desde o primeiro momento utilizou ao noso compañeiro como ?cabeza de turco?. A Brais considerou-se-lle en todo momento culpábel polo seu ?aspeito?, porque ?parecia un aluno pasota? e porque ?parecia un inspector de Galego?. A todo isto engadimos o ambiente autoritário e desgaleguizador que rexe nalgúns institutos da Galiza e desde logo no de Arteixo. Cómo entender que a reclamación do cumprimento da lei, que obriga a dar as aulas de Matemática en galego, remate en sancións? Cómo entender a postura adoitada pola dirección e o departamento de Matemática do devandito Instituto senón como unha mostra de desprezo cara a norma oficial e un indisimulado desprezo ao idioma galego? Cómo entender as sancións impostas senon é polo autoritarismo e represión que rexe o ensino en algúns institutos, onde quen se atreva a ?disentir? ou protestar polo trato dado aos alunos e alunas ao permitir (e chamar) á policia no instituto e cachear aos rapaces, pervertindo a chamada ?Lei de Convivencia??. Cómo entender as sancións impostas ao noso compañeiro Brais senon como a represalia exercida sobre un profesor galego falante que, no seu pleno dereito e cumprindo coas normas, quere dar as súas áulas en idioma galego? Esta organización sindical, a CNT, levará o caso ás máis altas instancias e denunciará ás persoas que tan grave dano teñen ocasionado a este compañeiro.
Readmisión nas listas do compañeiro Brais !


Noticia extraida de Vieiros.

Dase a casualidade que este profesor é un dos compoñentes do grupo Som do Galpom, do que vos deixamos aqui a presentación do seu último CD "Em terra de ninguem":

Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 08-04-2009 11:05
Queres comentar ou preguntar algo?
cuchufellos
Velaqui unha banda de ben pretiño de nós. É máis, se algún deles se pón enfermo (Deus non o queira, que dirían as avoas) verémolo aparecer polo HCV, porque son de Manzaneda. De momento, que sigan "adivertindo" ao persoal polo mundo adiante!

Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 27-03-2009 13:39
Queres comentar ou preguntar algo?
O apalpador, o Santa Claus galego
Moito antes de que o Papá Noel ou Santa Claus viñese importado dende outras latitudes, en Galiza tamén había unha figura mítica propia do Nadal: O Apalpador. Mais nestes tempos de présa e consumo, o persoeiro autóctono ficou no esquecemento. Este ano dende a asociación A Gentalha do Pichel (Compostela) están a difundir a súa figura.

O Apalpador é un vello xigante, de oficio carboeiro, que vive nas devesa das altas montañas. Na noite de Nadal baixaba ás aldeas para achegarse aos nenos e ás nenas que durmían. Caladiñamente, apalpáballes as barrigas para ver se os pícaros estaban ben alimentados. Logo de desexarlle que no ano vindeiro non pasasen máis fame, marchaba deixándolles unha boa presada de castañas quentes.

A tradición, recollida por José André Lôpez Goncález nas comarcas do Courel e do Cebreiro, reflicte a conexión desta figura con outras semellantes como o Olentzero, o Pai Inverno ou o propio Papá Noel. Algín cren que se trata dun costume de orixe pre-cristián que no seu momento debeu estar espallado por todo o país e que foi desaparecendo progresivamente.

Dende A Gentalha do Pichel animan a que se reintroduza esta figura para popularizala entre os máis pícaros.

vieiros
Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 26-12-2008 12:17
Queres comentar ou preguntar algo?
Néganlle atención médica en galego nun centro sanitario ferrolán
noticia recollida de vieiros

Néganlle atención médica en galego nun centro sanitario ferrolán

O colectivo da Mesa pola Normalización Lingüística en Ferrol critica o novo caso de discriminación lingüística a un paciente da sanidade pública.

Unha persoa solicitoulle até en dúas ocasións a interlocución en galego durante a asistencia médica, con resposta negativa por parte da doutora que o atendía no Centro de Saúde Fontenla Maristany de Ferrol. "Aceptouna porque, debido ao seu estado de saúde, non lle quedaba outra", láianse desde o colectivo local en Ferrol da Mesa pola Normalización Lingüística, ao tempo que indican que o caso foi posto en coñecemento do Sergas,

Para a asociación, trátase dun novo caso de discriminación lingüística na sanidade pública. "É a obriga dos traballadores públicos garantir a atención en galego aos usuarios e no caso da sanidade, esta obriga está especificamente recollida no Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade polo Parlamento galego no ano 2001", recordan. Segundo ese marco normativo, expoñen desde a mesa que ese plan xeral contempla a oferta positiva, isto é, "a posición de superioridade técnica fai que sexa o médico e non o paciente quen ten que dar o paso de abrir o diálogo en galego e, eventualmente, se o paciente non é galegofalante, pasar despois ao castelán".

Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 11-12-2008 18:39
Queres comentar ou preguntar algo?
flocos.tv
artigo extraido de "La Voz de Galicia"

Nace Flocos.tv, o portal para difundir producións galegas
Exhibe desde hoxe 25 curtametraxes, desde creacións recentes ata clásicos da produción.

A Axencia Audiovisual Galega, da Consellería de Cultura, puxo en marcha Flocos.tv, un portal con vocación de ser a pantalla para a produción do audiovisual galego na que convivan tanto a industria como os creadores individuais.
O obxectivo é crear un novo espazo na rede para exhibir e difundir as producións galegas, que ao tempo sirva como lugar de encontro entre os creadores audiovisuais, a industria e os espectadores.
Desde hoxe pódense ver en Flocos.tv 25 curtametraxes galegas de diferentes formatos, estilos e épocas, desde creacións recentes ata clásicos da produción.
Cada día estrearase na web unha nova obra, e cada dúas semanas porase en marcha un novo ciclo temático. Unha das características máis notables é a alta calidade na que se poderán ver as obras na web, moi superior á habitual en portais como Youtube.com, e coa posibilidade ata de dispor de audiovisuais en calidade HD.
En Flocos.tv pódense atopar agora mesmo curtos de ficción, animación, documentais e experimentais. Entre os títulos cos que se pon en marcha o portal figuran clásicos como «Coruña imposible» (Paco Rañal, 1995), «25x24» (Antón Caeiro, 1985) e «Tranvías da Coruña», o máis antigo documental galego que se conserva, datado en 1926.
Pero o núcleo da web compono as obras actuais que permiten ao espectador coñecer por onde van as liñas de traballo dos creadores que protagonizan o período máis dinámico na historia do audiovisual galego.
Pezas de ficción como «Galicia 2098», de Edu Lavandeira, e «Mind the gap», de Daniel Domínguez; curtos de animación como «Ou ataque dous kritters asasinos», de Sam Orti Martí, e «A meiga chuchona», de Pablo Millán; curtos documentais como «Conversas com Deus», de Lara Bacelo, e «Contactos», de Marcos do Piñeiro, e curtos experimentais como «Cuestión», de Estela Pan Vázquez, e «Katiusca (vos corpos agrícolas)», de Antón Coucheiro
Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 10-12-2008 22:22
Queres comentar ou preguntar algo?
cursos Celga
Hoxe sae publicada no DOG a Resolución do 13 de novembro de 2008 pola que se anuncian, con carácter voluntario e gratuíto, cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4, para particulares (adultos) e colectivos de Galicia, no ano 2009 (PR 104 B).
para consultala, preme aquí.
Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 02-12-2008 09:24
Queres comentar ou preguntar algo?
mais represión sobre a nosa lingua
Unha granxa escola prohíbelle falar galego aos seus traballadores

A Mesa pola Normalización Lingüística insta á Inspección de Traballo a actuar ante o que consideran unha grave discriminación.

"O idioma empregado no traballo será o castelán, agás excepcións que serán previamente comunicadas". Así reza a última das normas dun documento que se lle entrega a todos os traballadores ao incorporarse á granxa escola "El Kiriko" de Fornelos de Montes (Pontevedra). Esta obriga dirixida expresamente ao "persoal educativo" atópase xunto doutras como "respectar o traballo dos demais", "cumprir os horarios" ou "deixar o material de traballo en orde".

A Mesa pola Normalización (MNL) denuncia esta "discriminación lingüística" e asegura que o escrito está dentro dunha "liña de actuación hostil contra o galego por parte da empresa". Así, xa adiantou que procederá a denunciar o caso ante a Inspección de Traballo. Ademais, sostén que varias administracións públicas tanto de ámbito galego como da comarca de Vigo contrataron servizos con esta organización, polo que tamén se dirixirá a estes organismos para que exixan o cesamento destas discriminacións.

Non é un caso illado
O presidente da MNL lembra outros casos similares no eido do traballo que xa foron denunciados, como o dun traballador que non foi seleccionado nunha entrevista por falar galego ("e se se che escapa algo en galego?", dixéronlle), ou o da empregada de Carrefour da Coruña á que o encargado lle recriminou o seu idioma ("Burra, non fales linguas menores"). Neste caso da granxa escola de Fornelos, a situación ten, se cabe, máis derivacións, xa que os traballadores están en contacto diario con nenos e, segundo a súa web, adícanse a ampliar o seu coñecemento, neste caso, do medio rural, para conseguir o enriquecemento persoal dos pequenos.

A Mesa tivo coñecemento desta situación a través da Liña do Galego, un servizo que presta asesoramento aos cidadáns que ven vulnerados os seus dereitos lingüísticos. O seu presidente, Carlos Callón, pediu "aos que "supostamente defenden o bilingüismo e a igualdade entre as linguas" que actúen ante este tipo de casos.

noticia extraida de vieiros

Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 19-11-2008 13:57
Queres comentar ou preguntar algo?
© by Abertal


free web counter



O Tempo no Barco de Valdeorras - Predición a 7 días e condiciois actuais.


Estadisticas Gratis




Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0