CIG-Saúde O Barco








Telf: 988 339112






















Perfil de Facebook de Cig-saúde O Barco.














BLOGS E WEBS DOUTRAS COMARCAS E ÁMBITOS DE CIG-SAÚDE














OUTRAS LIGAZÓNS INTERESANTES

















cig-saude o barco
h.obarco@cig-saude.org
 DESTACADOS
 CATEGORÍAS
 FOTOS
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 PARA SABER MÁIS

A TDT deixará O Bierzo sen televisión en galego
A TDT deixará O Bierzo sen televisión en galego

O colectivo cultural Fala Ceibe solicita o acordo entre Xunta de Galicia e Junta de Castilla y León para facilitar a recepción do sinal da canle pública galega.

Unha reclamación que se inscribe no propio deber da Junta de Castilla y León de apoiar a lingua galega, que tal e como recolle o Estatuto desa comunidade autónoma, estabelece que "gozará de respecto e protección da lingua galega nos lugares nos que habitualmente se utilice". Citan tamén a obriga legal de "non discriminación e respecto da diversidade dos distintos colectivos étnicos, culturais e relixiosos presentes en Castela e León", en "referencia implícita á minoría lingüística galego-berciana.

Xa que logo, para a asociación Fala Ceibe é fundamental para a protección e fomento do idioma galego na comarca que os veciños poidan recibir a canle audiovisual pública de Galiza. Lembran que a situación actual, coa inminencia da desaparición da televisión analóxica, impedirá ver as emisións da Galega no Bierzo. "Até o de agora puidemos fozar do único medio de comunicación televisivo que serviu para fomentar e prestixiar o noso idioma propio", subliñan, destacando o éxito de programas como o Xabarín entre os cativos ou o Luar entre os maiores, ademais do amplo seguimento dos telexornais e os partidos de fútbol.

Fala Ceibe propón que Xunta e Junta asinen un convenio de colaboración para que o sinal da TVG dixital se poida ver no Bierzo despois do apagamento tecnolóxico. Recordan que o real decreto en elaboración para a televisión dixital terrestre fai posíbel isto a través do chamado "terceiro múltiplex". Con todo, esa posibilidade esixe necesariamente do acordo entre as administracións implicadas para o regulamento das emisións e o mantemento das instalacións necesarias. Advirten desde o colectivo de que acordos deste tipo xa foron impulsados en Cataluña e Valencia (para a visión compartida de TV3 e Canal 9) ou en Euskadi e Nafarroa (coa ETB).

fonte: vieiros
Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 21-08-2009 12:31
Queres comentar ou preguntar algo?
novo disco de Os Cuchufellos
Os Cuchufellos, grupo de Manzaneda, concello que pertence á nosa área de saúde, veñen de sacar un novo disco, de nome "Achegaivos Feligreses".

Para comprender cabalmente a musica dos Cuchufellos, a sua técnica compositiva e o seu tono estetico-sentimental, advertirvos que seleccionaron os rasgos proprios das tradicións occitanas de "conditione rusticorum" combinandoas coas cadencias habituais do galego de "arrecendo campesino".

Velaqui as ligazóns dos Cuchufellos, onde poderedes mercar este novo disco.

Web dos Cuchufellos.

Páxina dos Cuchufellos en Myspace.

Nestoutro sitio poderedes escoitar algúns dos temas que compoñen este novo traballo:

Cuchufellos en last.fm

Ou tamén podedes ver este video que vos deixamos aqui:



Por certo, por se queredes velos en directo, o seu próximos concertos o 22 de agosto no Festival do Castro (Ferreira de Pantón) e o día 29 de agosto no Castelo de Cornatel, aqui ao lado no Bierzo.
Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 16-08-2009 10:11
Queres comentar ou preguntar algo?
cantiga pra unha antroidada
Revisando os clásicos: Fuxan os Ventos - Cantiga pra unha antroidada. Lástima que siga tan en vigor!

Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 13-08-2009 12:17
Queres comentar ou preguntar algo?
ultraqans e os cuchufellos hoxe en Vilaseco (O Bolo)
Se podedes, achegaivos hoxe sobre as 22 hs por Vilaseco, no Bolo, concerto de balde con Ultraqäns e Os Cuchufellos. Festa asegurada. Deixámosvos uns vídeos dos grupos.



Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 08-08-2009 20:07
Queres comentar ou preguntar algo?
A lascivia
Deixámosvos un fragmento da obra "Os sete pecados capitais" interpretada por "Gargallada Teatro", de Valdeorras. O título do fragmento é "A Lascivia", e nel pormenorízase sobre este "pecado"...

Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 05-08-2009 14:15
Queres comentar ou preguntar algo?
Milladoiro e Mafalda pechan XXV Festival Intercéltico do Morrazo 2009
O Festival Intercéltico do Morrazo,que é todo un clásico, ten cada vez mais problemas de financiación , e este ano xa só tiveron 2 días de concerto, eso sí con unhos músicos fabulosos, Gwuendal, Milladoiro e Mafalda.
Esperemos que este festival non teña que pechar as portas por falta de cartos.

Esta unha foto doa actuación de Milladoiro o Domingo 2 Agosto
Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 03-08-2009 15:22
Queres comentar ou preguntar algo?
ruxe-ruxe na miña casa non manda ninguén


making off do concerto de ruxe-ruxe na XXIV festa dos BOTES en Arzúa.

Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 01-08-2009 17:29
Queres comentar ou preguntar algo?
o galego molesta
Artigo extraido de Falantes.

Pretenden recortar a presenza do galego na sanidade
Certo sindicato de enfermería, fíxolle chegar ao Valedor do Pobo unha reclamación sobre a edición en galego duns folletos informativos da Consellaría de Sanidade. O sindicato alega que é ?incongruente? ofrecer información de carácter sanitario en galego xa que ?non toda a poboación da Comunidade Autónoma é natural, coñece o idioma cooficial nin ten a obriga legal de coñecelo?.

Merece a pena analizar estes argumentos para tirar á luz os prexuízos que agochan, asumidos incomprensiblemente por Benigno López, Valedor do Pobo (a actuación do Valedor en materia lingüística merecería ser motivo doutro comentario).

É curiosa a orde na que se enumeran os casos daqueles que correrían o risco de non entender o folleto. En primeiro lugar apélase aos habitantes de fóra de Galicia (?poboación non natural?): en materia lingüística, os galegos e galegas, sexamos ?naturais? de Galicia ou nos sintamos galegos polo tempo de permanencia neste país, temos sempre que antepoñer os nosos dereitos aos dun suposto grupo de individuos que non entende a nosa lingua. Galicia debe ser un dos escasísimos lugares do mundo onde se actúa antepoñendo os dereitos das persoas que poidan estar aquí de xeito temporal aos dos propios habitantes ­?independentemente de cal sexa a orixe destes?, xa que só é xustificable que en Galicia unha persoa non coñeza o galego se non vive en Galicia ou se acaba de chegar, porque a lexislación lingüística garante o coñecemento das dúas linguas aos cidadáns. (Ou é que non se está a cumprir a lei? Daquela, cal debería ser a reclamación que lle teriamos que facer chegar ao Valedor do Pobo?)

En segundo lugar, na reclamación alúdese á poboación que non ?coñece o idioma cooficial?. Isto ten que ver co que acabamos de dicir: a Administración galega debe garantirlle á cidadanía o coñecemento das dúas linguas oficiais, comezando polo ensino que di garantir que o alumnado ten que rematar a ensinanza obrigatoria con igual competencia en ambos os dous idiomas. Polo tanto, é moi escasa a poboación galega que descoñeza a lingua propia. De novo, preténdese facer da excepción unha norma. Por outra parte, o uso do adxectivo cooficial para referirse á lingua galega tamén deixa de manifesto cal é o idioma (e polo tanto os falantes) aos que quere protexer o sindicato SATSE. Segundo a lexislación, en Galicia non existe unha lingua oficial que sexa o castelán e unha lingua cooficial que sexa o galego. O galego e o castelán son linguas oficiais en igualdade de condicións.

Por último, afírmase que o folleto non debería estar escrito en galego porque ninguén ten ?a obriga legal de coñecelo?. Dá igual que segundo os estudos sociolingüísticos o 90% das persoas que vaian ler ese folleto posiblemente o entendan, o realmente importante é que non debería estar en galego porque ?eu? non teño a obriga de coñecelo. Este é o argumento definitivo, para que ninguén diga, como acabamos de facer, que non é posible que en Galicia existan cidadáns e cidadás que descoñezan o galego (agás, claro está, casos puntuais como persoas estranxeiras acabadas de chegar).

Aos que escribiron a reclamación (que, por certo, teñen a súa páxina web unicamente en castelán) impórtalles ben pouco se o folleto se entende ou non; o único que lles importa, máis ben lles molesta, é que estea escrito nunha lingua que desprezan e minusvaloran, utilizando ademais como argumento de peso o caso máis claro de discriminación presente na lexislación lingüística: o feito de que sendo galego e castelán idiomas oficiais en Galicia, un sexa de obrigado coñecemento e outro non. Comparte o Valedor do Pobo estes prexuízos lingüísticos?, por como actúa, vese que si.



Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 27-07-2009 13:47
Queres comentar ou preguntar algo?
Brañas Folk - Alalá do cebreiro
"Alalá do Cebreiro" (2009 PAI Música); baixo este titulo xenérico sae a luz o segundo traballo discográfico de Brañas Folk, agrupación liderada por Manuel Brañas desde o ano 2002 e despois da sua andadura coa célebre agrupación "Arco da Vella"; partícipe xunto aos grandes nomes da música galega do que foi o auxe da música folk en Galicia aló polos anos oitenta.

Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 20-07-2009 23:13
Queres comentar ou preguntar algo?
25 anos do traslado dos restos de castelao
Cando a lingua e a cultura galega está a sofrir un ataque sen precedentes pola extrema dereita que nos governa, cúmprense 25 anos do traslado dos restos de Castelao, extraemos o artigo de vieiros.

fonte vieiros

Cando volveu Alfonso Daniel
Este domingo cúmprense 25 anos do traslado dos restos de Castelao a Galiza, para ser soterrado no Panteón dos Galegos Ilustres. Foi un regreso moi agardado, mais non exento de polémica.


Os restos mortais de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao foron repatriados e levados ao Panteón dos Galegos Ilustres, no convento de San Domingos de Bonaval, en Compostela o 28 de xuño de 1984.

Fanse este domingo xusto os 25 anos daquela chegada tan arelada e tan chea de polémica, porque quen formaba parte daquela maquinaria represora que o botara ao exilio, estaba agora reclamándoo como figura propia, un aceno que non sentou ben no nacionalismo galego. Dicir ben é pouco dicir, xa que aquel 28 de xuño a contorna do parque de Bonaval era un fervedoiro. Había milleiros de persoas arrodeando a Igrexa de San Domingos, denunciando que "os que o exiliaran, agora lle fixesen honra". Non había dereito, pensaban, que as autoridades que gobernaban o país, que eran as mesmas que estiveran décadas sentadas á dereita da ditador, dando por boas todas as súas ordes, trouxesen agora os restos do ilustre galeguista, finado moi lonxe da terra (en Bos Aires, o 7 de xaneiro de 1950), facendo coincidir a súa chegada, ademais, co aniversario do plebiscito no que se aprobou o Estatuto que eles mesmos quixeron deitar.

Para darlle aínda máis polémica, aquel día houbera unha moi soada carga da policía española, que bateu contra os manifestantes que berraban, entre outras cousas, "A Castelao non se traizoa" e "Galiza ceive, poder popular!".

"Castelao é a esencia mesma do noso país, da nosa nación"
No mesmo día, saía na prensa galega un artigo de Uxío Novoneyra, que, naquela altura, era o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, e no que o poeta do Courel sinalaba que os restos de Castelo "poden ser manipulados, coma todo, polo poder, pero el só vén realmente para os que queremos unha Galiza ceive". O artigo enteiro foi lido por Tareixa Navaza, naquela altura xornalista de TVE en Galiza, quen narrou a chegada do féretro con emoción, referíndose ao galeguista coma a persoa "que nos ensinou a todos que Galiza é unha nación". Nestes días ela mesma, xa prexubilada, contaba que o Gobernador Civil quixera parar a transmisión dos feitos, que agora pode verse no YouTube, e que segue estremecendo pola súa forza. Aquelas imaxes e aquela voz queda custáronlle o cargo ao daquela director de Televisión Española en Galiza, Alexandre Cribeiro, xa falecido. Tamén se vira obrigado a dimitir o organizador da cerimonia, Arixel Teixeiro.

Cando, despois da carga, uns uniformados homes erguían o féretro do automóbil no que fora trasladado, e levábano cara o Panteón, os manifestantes deixaron de berrar e comezaron a bater palmas ao seu paso. Daquela, Navaza destacaba os aplausos dicindo que "Castelao está por riba de todas as ideoloxías, porque é a esencia mesma do noso país, da nosa nación".

Honras pomposas despois de empurralo cara o desterro
Cómpre destacar que o desexo de Castelao era que o seu corpo, de morrer no desterro, fora repatriado a Pontevedra, xa que se consideraba pontevedrés "pola miña propia vontade e pola identificación coas terras e xentes de Pontevedra". Porén, xace inda baixo unha grosa lousa de granito detrás da que o quixeron agochar, após o pomposo recoñecemento daquel día de 1984, e que todos os anos, polo Día da Patria, é visitada e honrada con varios ramos de flores, como tamén o é a de Rosalía.

O mesmo día en que chegaron os restos de Castelao, concedéuselle, a título póstumo, a Medalla de Ouro de Galiza e, en decembro dese mesmo ano a Xunta de Fraga creaba a tamén moitas veces polémica Medalla Castelao.

Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 28-06-2009 13:58
Queres comentar ou preguntar algo?
maría soliña
a historia de María Soliña, "cantada" por Astarot:

Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 27-06-2009 13:49
Queres comentar ou preguntar algo?
manifesto a prol da música galega
nova extraida de A nosa terra, para vela completa, preme aquí

Os músicos reúnense na Asemblea Aberta

Ao redor do Manifesto básico pola defensa da RTVG, o pasado 13 de xuño constituíuse en Compostela a Asemblea Aberta integrada por músicos profesionais, grupos noveis e representantes de salas e programadores de festivais. Membros de Machina, Esquíos, Ataque Escampe, Sacha na horta, Zënzar, Ruxe Ruxe, Fanny e Alexander e outros moitos uníronse ?contra a censura e a marxinación da música galega?.


A súa principal reivindicación é conseguir que ?a sociedade teña un espazo na radio pública no que escoitar a música que se fai no país?. No seu primeiro encontro, a Asemblea Aberta acordou traballar nun plan de accións reivindicativo, no que se está a barallar a recollida de firmas para poñer en marcha unha Iniciativa Lexislativa Popular e abrir novas vías de expresión a través da internet.


Pola súa banda, os interlocutores da Radio Galega comunicáronlle a A Nosa Terra que tanto o futuro de Aberto por reformas como a programación en xeral ?está en estudo? e que a nova dirección ?non ten unha decisión tomada? ao respecto da política que se vai seguir no referido á música galega.


Crear público, materia pendente en Galiza

Unha das grandes materias pendentes da música en galego, segundo apunta Brais de Esteban, membro de Som do Galpom, é facer público. Existen dúas formas neste sentido: ?tocar ao vivo e ter espazo na radio pública?. Neste último senso, o papel de Aberto por reformas, ao seu ver, foi ?clave?.


?As estadísticas demostran que en Galiza hai máis grupos que no resto das comunidades, por diante mesmo de Cataluña?, comenta Brais de Esteban. No terreo da escena emerxente, só en Nsaio, o programa, agora tamén en suspenso, promovido pola anterior Consellaría de Benestar a través de Xuventude que tiña entre as súas principais finalidades habilitar locais de ensaio, están adscritos máis de 360 grupos noveis. ?Debemos ser ambiciosos e pensar en exportar porque a música aquí cumpre condicións para ser primeira industria?.


Dende o colectivo hip hop Dios ke te crew cualifican o papel do programa como ?unha dose de autoestima, de coñecemento, de dinamización, de difusión e tamén de liberdade sen censuras?. Como radio pública que é ?a Radio Galega non debe excluír a diversidade cultural deste país na programación diaria?.


A Asociación Galega de Fonografistas, AGAFONO, a través de Fasero, responsábel de Zouma Records, mostrou tamén a súa preocupación por que ?se lle quiten espazos a música galega, que sempre tivo moi pouco protagonismo, incluso na última lexislatura? pero mantense á espera de reunirse coa xunta directiva da Radio Galega para poder tomar medidas nun sentido ou noutro.l

Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 24-06-2009 00:51
Queres comentar ou preguntar algo?
400 persoas na concentración a prol da lingua
fonte avantar

400 persoas concéntranse diante do Parlamento en contra da modificación da Lei da Función Pública

Para a CIG a medida supón ?un golpe de morte? para o noso idioma
Coincidindo co debate na Cámara galega da modificación do artigo 35 da Lei da Función Pública, máis de 400 persoas participaron na concentración desenvolta diante do Parlamento para rexeitar ?o golpe de morte ao noso idioma? que vai supor a aprobación desta medida. O PP da así un paso adiante na súa obsesión por ?exterminar e desprestixiar? o noso idioma, vulnerando os dereitos de todos os galegos e as galegas, que coa modificación da Lei da Función Pública nin sequera poderán exixir ser atendidos na nosa lingua diante da administración.

Arredor duns 400 delegados e delegadas de CIG, CCOO e UGT, participaron na concentración desenvolta diante do Parlamento Galego esta mañá, para rexeitar o atropelo contra o galego que vai supor a modificación da Lei da Función Pública. A protesta contou coa presenza do Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, e coa participación de A Mesa pola Normalización Lingüística e varios deputados nacionalistas, que tamén quixeron amosar o seu rexeitamento a esta medida.

A modificación do artigo 35 desta norma pretende a eliminación da obriga de realizar en galego, como mínimo, unha das probas das oposicións, de xeito que se está a furtando aos galegos e galegas o dereito a poder ser atendidos no seu idioma nas administracións públicas. ?É un retroceso preautonómico?, lamentou o secretario da CIG-Ensino, Anxo Louzao, quen asegurou que ?esta é a suma doutras medidas contra o noso idioma. O PP ten unha obsesión co galego e todas as decisións que está a tomar van encamiñadas a exterminar, infravalorar e desprestixiar a nosa lingua?.

Obriga dos gobernos

Dende a CIG lémbrase que a obriga de calquera goberno pasa por valorar os dereitos dos cidadáns e do seu patrimonio, polo que xa se advertiu ao goberno do PP que vai ter enfronte á central, porque ?non estamos dispostos a que se lexisle en contra do noso idioma?. ?As decisión do PP están cargadas dun españolismo a ultranza destinado a pór en tea de xuízo o noso idioma e acabar co noso sinal de identidade máis importante?, lamentou Louzao.

Por esta razón, a central reclama á Xunta de Galiza que asuma políticas de protección e promoción do noso idioma, en lugar de deseñar estratexias cuxo único obxectivo consiste na involución lingüística e na supresión dos escasos avances neste eido acadados nos últimos anos. ?A única preocupación do PP é lexislar en contra do galego?, sentenciou o secretario nacional da CIG-Ensino.

A modificación do artigo 35 é contraria tanto á Lei de Normalización Lingüística como ao Plan Xeral de Normalización, así como ao Estatuto Básico do Empregado Público. A CIG non aceptará ningún paso atrás na normalización lingüística, polo que continuará opóndose frontalmente a calquera medida destinada a tal finalidade.

Recurso contra o Decreto de Educación Infantil

Dentro das medidas que a central vai levar a cabo en contra das políticas de ataque ao galego, a CIG-Ensino vai presentar recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza contra o Decreto de Educación Infantil, publicado no DOG do 23 de xuño.

Tal e como se denunciou na Mesa Sectorial en que se debatía a Orde de avaliación de Educación Infantil, a única modificación introducida polo actual goberno do PP neste Decreto elaborado pola anterior Consellaría de Educación, é precisamente un ataque máis a nosa lingua, pois non recolle o que establece a actual lexislación en vigor, ou sexa o Decreto 124/2007, que si recollía o borrador modificado polo Consello da Xunta.

O borrador do Decreto de Educación Infantil que pasara pola Mesa Sectorial no seu día dicía que: ?Na etapa de Educación infantil o profesorado utilizará na aula a lingua materna predominante entre o alumnado, terá en conta a lingua do contorno e coidará que o alumnado progrese no coñecemento da outra lingua oficial de Galicia. No caso de contornos castelán falantes, a utilización nesta etapa da lingua galega como lingua de comunicación e ensinanza será, como mínimo, igual á da lingua castelá.?

Fronte a isto o Consello da Xunta do actual goberno do PP, en que foi aprobado, modificou este apartado que segundo o publicado hoxe di soamente: ?Na etapa de Educación infantil o profesorado utilizará na aula a lingua materna predominante entre o alumnado, terá en conta a lingua do contorno e coidará que o alumnado adquira de forma oral e escrita o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia, dentro dos límites propios desta etapa.?

Infracción do actual Decreto de Normalización

A CIG considera que esta modificación infrinxe o actual Decreto de Normalización Lingüística, que continúa en vixencia e que emana do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado por unanimidade no Parlamento Galego en setembro de 2004. Esta é unha involución máis das moitas que o novo goberno está a perpetrar contra o noso idioma, cunha urxencia esaxerada, que non practican para pór en marcha medidas que no seu programa electoral figuraban como prioritarias, por exemplo a redución das rateos a 15 alumnos por aula. Ou que supriman as axudas aos programas de inmersión en galego, que cumpren con todos os requisitos establecidos, mentres gastan cantidades moito maiores nunha enquisa ilexítima e amañada para reducir a presenza do noso idioma no ensino


Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 23-06-2009 21:21
Queres comentar ou preguntar algo?
concentracion diante do parlamento
Concentración mañá, martes 23 de xuño as 10h diante do Parlamento de Galiza en contra da modificación do artigo 35 da Lei da Función Pública
A CIG volve rexeitar a eliminación de realizar unha ou máis probas en galego

As organizacións sindicais reiteraron unha vez máis a petición á Xunta para que non modifique o artigo 35 da Lei da Función Pública, mantendo deste xeito a obrigatoriedade de realizar unha ou máis probas dos procesos selectivos exclusivamente en lingua galega. Para apoiar esta reivindicación, CIG, UGT e CCOO teñen convocado unha concentración ante o Parlamento de Galiza o vindeiro martes 23 de xuño ás 10h, data na que se debaterá esta modificación na Cámara galega.
Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 22-06-2009 14:38
Queres comentar ou preguntar algo?
suspensión do evento musical ?Made in Galiza?
fran envíanos este link que da conta dun novo pao ós músicos que se expresan na NOSA lingua.
o artigo está na páxina web de komunicando, e podedes velo no seu contexto orixinal premendo aquí.


Os dias 26 e 27 de xuño grazas á Concellaria de Cultura do Concello da Coruña, a música galega por vez primeira ía ter un escaparate privilexiado para poder amosar todo o seu esplendor criativo que está a viver dende os últimos 15 anos. Unhas 14 bandas de diversos estilos e procedéncias ían xuntar-se para um acontecimento histórico dentro da música emerxente galega, um dos sectores culturais mais vivos, mais dinámicos, e tamén, curiosamente menos subvencionada de todas as artes que se traballan no país.

Isto sábeo ben a xente que ten mamado palco, que ten feito troulear por concertos e romerias a moita xente, vendo como os grupos de fóra levaban os cachés grandes, facendo um traballo moitas das veces de menor calidade que a xente da casa. Precisamente, a xente da casa, era quen baixaba os cachés colaborando coas organizacións dos eventos para que estes se puideran realizar.

O panorama está a mudar, e a contrastada calidade das criadoras galegas está a causar expectación, grazas a que nos últimos anos se eliminaran as ?listas negas? e a censura a todo o que se desmarcara das pautas da grande indústria.

Precisamente, a inmensa maioria (e con moito) das subvencións a eventos musicais veñen da parte dos concellos que contratan grupos ?de moda? criados polos mass média estatais, ou orquestras con versión de éxitos do momento. Conste dicer que este tipo de eventos son moi queridos polo público em xeral e responden as suas actuacións com grandes afluencias de xente. Non hai cousa mais respetável, sabémo-lo.

Pero sabemos tamén que a música emerxente galega tamén ten o seu público, cada dia maior, cada vez a xente acode mais aos festivais, seguian o programa de rádio (tristemente eliminado) ?Aberto por Reformas?, e que esta xente TAMÉN TEM DEREITO A UNHA PEQUENA AXUDA DOS RESPONSÁVEIS DA CULTURA DO PAÍS. Lugares como Inglaterra, Irlanda, USA, Cuba, Brasil... entendéron-no moi bem, por iso son primeiras poténcias culturais en música contemporánea, principalmente porque non desprezan o seu.

Ao contrário da administración actual da XUNTA, que eliminou TODAS AS AXUDAS AO EVENTO que ía ser celebrado o mes de Xuño na Coruña. Esto, no meu país, e no de todos tamén, só se lle pode chamar así SECTARISMO E AUTO-ÓDIO.

E que non se preocupen os administradores oficiais da cultura deste país, que NÓS, @s músicos galeg@s, non choramos por unha subvención QUE NUNCA TIVEMOS, e que seguiremos a facer festa, e a facer unha indústria cultural potente sen necesidade da sua axuda, xa que levamos así, alegres, toda a vida.
Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 22-06-2009 01:12
Queres comentar ou preguntar algo?
NORDÉS
Mariñeiriño da mare
mariñeiriño da mare
debaixo da tua bandeira
non me queiras aghardare...

Eu nacín-e no Berbés
eu nacín-e a Ribeira
traio o balanzo do mare
traio a forza das mareas

Que ben zoupan os motores
como zoa o vendavale
eu veño da fin do mundo
nacida pra navegare

miña nai deume os camiños
e o meu pai deixoume o mare
non tiñan mais que deixarme
niN eu penso máis deixare

retrouso (X2):
indo polo mar adentro
oín cantar unha serea
vallame deus, que ben canta
unha cousa tan pequena

mariñeiro destes mares
asegura ben a vida
os piratas dos despachos
pintan rotas podrecidas

meu avó foi ó Gran Sole
e o meu pai chegou a Angola
eu que son mariñeiriña
hei dar volta á Terra toda

En Hong Kong, en Singapure,
no Pireo, en Hamburgo,
ten que haber sempre un galego
pra botar un aturuxo

Retrouso (X2)...

Nin cadeas, nin fronteiras:
nosa fortuna é o mare
nin fronteiras, nin cancelas:
nacidos pra navegareeee!!!


ADIANTE COA NOSA LINGUA GALEGA
E EN APOIO A XURXO SOUTO



Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 19-06-2009 23:53
Queres comentar ou preguntar algo?
A LINGUA, A NOSA CULTURA, O NOSO PATRIMONIO
Todas as culturas entenden a lingua como un patrimonio, que hai que protexer e do que sentirse orgulloso. Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística.

Porque despois de máis de catro séculos de políticas asimilistas, exercidas con toda riqueza de astucias e violencias, o noso idioma segue vivo. Sodes, pois, uns imperialistas fracasados?.Castelao.
Sempre en Galiza.


CIG‐ Saúde defende que se manteña a convocatoria de OPE nos termos nos que foi aprobada na Mesa Sectorial en decembro de 2008.

O goberno do PP pretende modificar pola vía de urxencia a modificación da Lei de Función Pública Galega, para suprimir das probas selectivas o coñecemento do noso idioma; co argumento de que isto impide que profesionais do resto do territorio do estado español acedan ao emprego no noso pais. Isto é totalmente falso e non se pode seguir enganando e manipulando.

Este é o cronograma da convocatoria de OPE, polo que o persoal que vai participar neste proceso selectivo, de dentro ou de fora de Galiza, xa coñecía os requisitos da convocatoria.

Convocatoria OPE FACULTATIVOS 2008

Decreto de oferta de emprego publicado no DOG do 01-09-2008
Resolución da convocatoria publicado no DOG do 22-12-2008.
Inicio do prazo de presentación de solicitudes 23-12-08
Prazo fin de presentación de solicitudes 31-01-09.

Convocatoria OPE Resto de categorías 2009

Decreto de oferta de emprego publicado no DOG do 13-02-09.
Resolución da convocatoria publicado no DOG do 26-02-09.
Inicio do prazo de presentación de solicitudes 27-02-09.
Prazo fin de presentación de solicitudes 31-03-09.

Ademais disto, é falso que a proba do galego determine a superación do proceso selectivo, xa que o baremo ten a seguinte composición.

BAREMO OPE 100% DA PUNTUACIÓN

Concurso de méritos 40% do proceso selectivo.
Nesta apartado valóranse os servizos prestados nos países da Unión Europea, nos centros públicos e privados. O resto de méritos (publicacións, formación...) son de carácter internacional.

Fase de oposición 60% do proceso selectivo.
90% Exame da parte específica . Os test están feitos integramente en español.
10% coñecemento do galego. Non eliminatorio, só serve para para subir nota .

A política de emprego exercida no SERGAS polo anterior goberno do PP e corrixida no plano de estabilidade do goberno bipartido coa OPE 2006, traducíase nunha permanente fuxida dos nosos profesionais ao pais veciño Portugal, onde todas/os as/os profesionais, galegas/os e do resto do territorio do estado español, teñen que superar unha proba de coñecemento do idioma portugués.

As precarias condicións das contratacións utilizadas nos últimos anos polo goberno do PP traducíanse en:
Para os profesionais: a formalización de sucesivos contratos, sen vacacións, sen cobertura de I.T, Provocando desmotivación, incerteza para os proxectos persoais e a dificultade en conciliar a vida laboral familiar.
Para a Administración sanitaria: a dificultade de captar e reter profesionais nun mercado competitivo; xerando incerteza na continuidade dos servizos.

Estas políticas de emprego son as que non se poden aplicar. O goberno debe garantir unhas boas condicións laborais para garantir, non só que veñan profesionais de fora de Galiza, senón para evitar que fuxan os nosos.

O galego non é unha limitación, é un dereito; as usuarias e usuarios teñen o dereito a usalo na súa relación co Sistema Sanitario Público; a Administración ten a obriga de garantilo.
Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 19-06-2009 01:03
Queres comentar ou preguntar algo?
Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 15-06-2009 21:41
Queres comentar ou preguntar algo?
ninguén!
Dios ke te krew e Quempallou xuntos nesta denuncia:

Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 12-06-2009 19:49
Queres comentar ou preguntar algo?
Asina o manifesto básico pola defensa da RTVG.
MANIFESTO BÁSICO POLA DEFENSA DA RTVG.


Contra a censura e a marxinación da música galega.


" Artigo 16 da lei 9/1984 da RTVG: A programación debe de estar inspirada na promoción e difusión da cultura e lingua galega ?.

Diante da eliminación da música galega do programa ABERTO POR REFORMAS , e en relación coa deformación e perversion dos seus contidos?

Consideramos que este programa viña sendo?
? Un programa plural, aberto á cidadanía e participativo, como a sociedade na que queremos vivir e, precisamente por iso, um programa onde a música se vivía con vitalidade, intensidade e enerxía.
? Un programa cun forte pulo dinamizador para a música que se está a facer hoxe na nosa lingua, no noso país, como un espello diario no que a xente preocupada pola música de calquer tendencia ollabamos unha realidade socio-cultural que está a transformar a historia da nosa música.
? Un programa, enraizado na radio de todos e todas as galegas, cunha vocación pública fundamental, ofrecendo a música que se está a facer no nosso país como un ben público de interese xeral.
? Un programa que axudaba a tecer os fios da rede socio-cultural da música galega, que nos relaciona ás persoas que facemos a música do século XXI coas persoas que queren gozar, emocionarse e vivir a música do presente.
? Un programa que, durante os seus máis de 900 (¿?¿¿) días de emisión, día a día, fixo que ?como recolle o Plan Xeral de Normalización da Língua Galega , aprovado por consenso polos tres partidos políticos maioritarios- o galego estivese vinculado e fose vivido por milleiros de persoas como referente de modernidade, como un motor de normalidade língüística cotiá.
? Un programa que materializaba de forma sobresaliente a natureza e principios da propia CRTVG, no artigo primeiro da súa Lei de Creación: a promoción, difusión e impulso da lingua galega .
? Un programa que, nun contorno social e mediático onde a cultura, a lingua e a música galega son minoritarias, minorizadas e desprezadas por múltiplos agentes sociais e institucionais, se baseaba na posta en valor da nosa cultura, a nosa lingua e a nosa música.
? Un programa absolutamente xeneroso, respectuoso e honesto nas relacións humanas coa xente que está criar, a comunicar, a compartir, a impulsar, a gozar coa música deste país.
? Un programa, ademais, aberto a culturas e músicas de todo o planeta, poñendo a música galega en relación -en pé de igualdade- coa doutras partes do mundo, con especial interese polas músicas irmás da Lusofonía.
...e por iso...
? Entendemos que esta medida de eliminación da música en língua galega supón un paso máis na política de represión, empobrecemento e marxinación que os responsábeis políticos da Xunta de Galiza están a realizar contra a lingua e a cultura dos galegos e galegas.
? Queremos denunciar, como xente preocupada pola nosa música e a nosa cultura, esta agresión dirixida ?cunha intención política e simbólica evidente- contra un dos veículos de comunicación do movimento de Rexurdimento Musical que as novas xerazóns do mundo da música estamos a protagonizar, impulsado por unha sociedade que sabe valorar a sua criatividade.
? Queremos posicionarnos e defender de forma decidida, belixerante e irrenunciábel a presenza da música galega na nosa Radio Pública.
? Queremos dirixirnos á xente sensível coa nosa cultura e coa nosa música, para sumarse a esta denuncia, a esta reivindicación lexítima: A MÚSICA GALEGA DE VOLTA Á RÁDIO GALEGA!
? Pedimos que se restableza un programa diario que de conta dos traballos musicais editados en galego e que conte cos seus protagonistas e que a nova programación non elimine contidos culturais propios en todas as súas variantes: música, cine, libros e arte en xeral.

Se apoias este manifesto, cubre este formulario e preme despois en enviar.
Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 12-06-2009 09:45
Queres comentar ou preguntar algo?
© by Abertal


free web counter



O Tempo no Barco de Valdeorras - Predición a 7 días e condiciois actuais.


Estadisticas Gratis




Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0