Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Cento catro anos despois, un novo até logo
NOVA FASE DO PROXECTO DE ANT

Afonso Eiré . A actual etapa de A Nosa Terra acaba. As publicacións do diario dixital rematan hoxe. A empresa desaparece; o proxecto agarda renacer no futuro.


Todo proxecto xornalístico ten unha empresa detrás. Os problemas económicos obrigan a liquidar Promocións Culturais Galegas, S.A.

O esforzo denodado e o apoio de moitos, o alento dun gran número de galegos (moitos deles desde a emigración), chocaron non só contra a realidade económica da crise senón tamén contra a transformación que están a vivir o conxunto dos medios de comunicación.

Como xa catro veces antes, ao longo dos seus 104 anos de vida, a desaparición da empresa non ten por que supor a desaparición do proxecto, pois non é unha aposta empresarial, senón un proxecto de país.

Así que, unha vez máis, o proxecto de A Nosa Terra ficará conxelado.

Sabemos que algún día ?agardamos que antes ca despois? renacerá coa mesma ilusión e con máis forza. Coa forza dunha nación que necesita unha voz propia.

Preservar o proxecto foi a nosa maior preocupación nos últimos tempos.

As outras foron que os traballos realizados, tanto no campo xornalístico coma no editorial (máis de 1.200 libros editados, ducias de exposicións e proxectos realizados), sigan tendo a presenza que se merecen conforme á súa vixencia e utilidade social. Apostamos por que o publicado no semanario e no xornal sigan estando na rede e os libros nas librarías.

Xa que logo, só queda darlles as grazas aos máis de 10.000 subscritores, aos máis de 6.500 seguidores nas nosas redes sociais, aos case mil accionistas, aos máis de 500 colaboradores, aos integrantes dos distintos consellos de administración, a ducias de traballadores e a todos os que, dun xeito ou doutro (de moitos xeitos e maneiras, moitas as máis das veces anonimamente), fixeron posíbel está xeira de A Nosa Terra que comezara en 1977 e que ninguén agardaba fose tan longa e frutífera.

A todos vós, moitas grazas e até sempre.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 26-09-2011 23:23
# Ligazón permanente a este artigo
O jazz galego gaña protagonismo grazas a un feixe de novos valores que aproveitan o ronsel dos pioneiros
Os músicos do país falan a lingua de Miles

JOSÉ LUIS ESTÉVEZ - el país - 23/09/2011

Durante moito tempo a identificación entre Galicia e a música folk foi algo cáseque natural, porque a maioría dos grupos galegos que alcanzaban notoriedade fóra facían este tipo de música. Pero dende hai algún tempo, isto foi mudando e ultimamente xa non sorprende escoitar nun programa da radio pública estatal que o jazz que chega dende Galicia é do mellor que se pode atopar nestes momentos no panorama español. Diso son responsables músicos que non chegan aos 40 anos, coma Xacobe Martínez Antelo, Abe Rabade, Max Gómez, Xan Campos ou Virxilio da Silva. Pero non se pode esquecer que nos tempos en que o jazz en Galicia era unha rareza os que prenderon o lume foron xente coma Baldo Martínez, Alberto Conde ou Nani García.

Galicia non é Nova Orleáns pero é indubidable que algo está a acontecer

Como adoita acontecer con este tipo de cuestións, os protagonistas do fenómeno non son quen de explicar as causas do mesmo. Algúns mesmo prefiren non calificar a situación actual coma dunha explosión do jazz en Galicia, senón que falan de que xurdiu toda unha xeración de "moitos e moi bos músicos", como sinala o contrabaixista Xacobe Martínez, quen salienta tamén o bo ambiente que existe entre os músicos de jazz galegos da súa xeración, cos que colabora en diversos proxectos. "O que noto cando tocamos fóra é que a xente se sorprende moito de que teñamos tantos músicos de jazz de boa calidade nun lugar sen tradición neste tipo de música. Acabo de tocar no festival de La Paz, que fixo a edición 25, e resúltalles abraiante que veñamos dun lugar coma Galicia", explica. O que bota en falla Martínez para consolidar o bo momento do jazz é unha maior profesionalidade por parte dos programadores culturais en Galicia. "O programador é importante, porque é quen debe poñer en contacto ao público coas cousas que se están escoitando no mundo. O que ocorre é que a maioría dos programadores non son profesionais e cando hai un valente moitas veces non obtén o apoio que necesita para desenvolver o seu traballo".

Baldo Martínez, tamén contrabaixista e fundador de grupos míticos coma Clunia ou Zyklus, sinala que o gran momento do jazz en Galicia responde a distintos factores, entre os que se atopan o traballo desenvolvido polos músicos máis veteranos e cunha certa facilidade coa que contan os galegos para producir música de calquera tipo. "Temos algo de particular que facilita o noso achegamento ao jazz. Por un lado somos aventureiros e tamén moi teimudos e por iso logramos o que nos propoñemos", indica Martínez, quen lembra os tempos nos que en Galicia os que tocaban jazz eran "catro gatos" e non contaban coas posibilidades de alcanzar unha formación axeitada neste estilo musical. Agora está ao alcance da man.

O músico ferrolán non ten moi claro que os músicos galegos podan consolidar unha marca jazzística propia coma ocorre en Escandinavia ou en Francia. Para el, o verdadeiramente importante é que os músicos conten cos medios axeitados para poder desenvolver a súa música. "O bo de todo isto que pasou nos últimos anos é que cada vez hai máis festivais e concertos nos que se escoita jazz", conclúe.

Un dos vencellos que unen aos pioneiros do jazz galego coas novas xeracións é o pianista Abe Rábade, quen por idade podería ubicarse no grupo dos novos, pero que conta xa cunha longa traxectoria que o leva a ocupar un lugar intermedio entre eles e os que abriron camiño. O pianista compostelán salienta o feito de que a explosión do jazz en Galicia non se limite aos instrumentistas senón que tamen chegue aos compositores. Sobre a facilidade coa que os músicos galegos chegan ao jazz, Rábade apunta que pode ter algo que ver o feito de que a música tradicional galega teña un carácter ternario moi marcado. "Iso pode influír dalgún xeito, aínda que tampouco hai que ponderar demasiado a presenza deste factor, xa que a exposición que temos nestes momentos á música tradicional é moi limitada, sobre todo nas cidades", indica Rábade, quen nestes días confesa sentirse emocionado ante a viaxe que vai emprender cara a Santiago de Chile nos próximos días para presentar no festival de jazz da capital austral o seu último disco, Zigurat.

Rábade explica que sería un "sensentido" tratar de construir un estilo de jazz cunha marcada identidade galega xa que "o jazz é impuro por natureza ao nacer en América como resultado da mestura entre a influencia europea e africana". De todos os xeitos, sí que cita exemplos nos que se mesturaron elementos propios do jazz cos da música tradicional galega, coma é o caso do que él mesmo puxo en marcha co proxecto Rosalía XXI. "O que si penso é que os pobos teñen un xeito específico de ollar cara ao mundo e iso reflíctese na música que facemos", di.

Un dos exemplos máis evidentes da mestura que sempre implica o jazz é a música composta polo pianista cangués Xan Campos, quen con tan só 23 anos presentou este ano Orixe cero, o seu segundo disco como líder do trío co que toca, no que están presentes as influencias da electrónica, a música clásica e o rock. Campos tivo o seu primeiro contacto co jazz no Seminario Permanente de Pontevedra, no que destaca a figura do organizador Luis Carballo, ao que atopou traballando alí xunto ao propio Abe Rábade e a Paco Charlín. Logo marchou a San Sebastián, onde foi o alumno máis novo en acadar o grao superior en jazz con 21 anos.

No País Vasco comprobou como a colaboración que caracteriza aos músicos galegos de jazz non é tan habitual noutros lugares: "A xente viña decirme que tiñan envexa polo ambiente que temos en Galicia entre os músicos de jazz". Sobre a aparición nestes últimos tempos de moitos músicos de jazz en Galicia, indica que semella un fenómeno que se retroalimenta despois de que nos últimos anos proliferansen os concertos e os festivais de jazz. "Un exemplo témolo en Cangas, onde dende hai dez anos se retomou un festival que xa existía nos setenta e que agora cada vez vai medrando máis na sua importancia", sinala o pianista do Morrazo.

O caso de Campos é moi indicativo da importancia que supón unha iniciativa coma o Seminario de Jazz de Pontevedra para achegar esta música aos máis novos. No que coinciden todos os músicos é que a aparición de máis salas e festivais nos que presentar os seus temas é a mellor forma de garantir que a actual colleita de bos músicos non quede aí e sigan xurdindo novos talentos. Galicia non é Nova Orleáns, pero é indubidable que algo está a acontecer para que o jazz feito polos músicos galegos soe con máis forza ca nunca.
--
Comentarios (0) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 23-09-2011 22:39
# Ligazón permanente a este artigo
Teatro con G



ANOTARSE CHAMANDO A:

Educación do Concello de Ferrol :
981944220
Preguntar por: Aixa
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 16-09-2011 20:26
# Ligazón permanente a este artigo
Dicionario de pronuncia da lingua galega
Creado polo Instituto de Lingua Galega, podedes atopalo na seguinte ligazón:


Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 15-09-2011 13:18
# Ligazón permanente a este artigo
Anxo Lorenzo tacha de "lamentable" a suspensión das axudas ao galego
>> O secretario xeral lamenta que o seu departamento "tivese que anular" as axudas á promoción local do galego e aos libros de texto

>> "Convocaranse de novo as axudas cando a Xunta aprobe os orzamentos. É unha solución insatisfactoria, pero é a que temos", di Lorenzo.


ALBERTO RAMOS - xornal.com 13/09/2011


"Unha lamentable noticia". Así definiu hoxe Anxo Lorenzo, secretario xeral de Política Lingüística, que o seu departamento tivese que "anular" as axudas á promoción do galego nos concellos e as subvencións aos libros de texto en galego, dúas partidas que -dende o seu punto de vista- son "ordes dunha contía importante". O secretario xeral, ademais, volveu responsabilizar o Goberno central das anulacións. "Tal e como explicou onte a conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, anúlanse esas dúas ordes como consecuencia dese axuste orzamentario de case 150 millóns de euros que a Xunta tivo que facer para sufragar o diñeiro que o Estado non dá", xustificou Lorenzo, que engadiu que ese é o motivo polo cal Política Lingüística renuncia "a esas convocatorias que suman 800.00 euros".

O responsable de Política Lingüística anunciou hoxe, durante a presentación do Dicionario da Pronuncia en rede, que o seu departamento traballa nas novas convocatorias para suplir as axudas suspendidas e asegurou que se publicarán cando o Goberno autonómico aprobe as súas contas para 2012. "Nas próximas semanas realizaremos unha nova convocatoria por procedemento anticipado de gasto. É dicir, presentaranse unha vez que os orzamentos estean aprobados polo Consello da Xunta e antes de que sexan remitidos ao Parlamento", asegurou. Non obstante, o secretario xeral non puido asegurar que as contías -420.000 euros para a promoción local do galego e 400.000 euros para as editoriais- vaian manterse. "O orzamento non está aprobado non podo dicir se vai ser menos ou máis. A nosa intención é que se destinen máis cartos; pero dar unha cifra é aventurarse", salientou.

"SOLUCIÓN INSATISFACTORIA"

O propio Lorenzo recoñeceu que esta proposta para tentar emendar as anulacións non é o máis recomendable. "Pensamos que é unha solución insatisfactoria, pero é a solución que temos", lamentou. Esa receita "insatisfactoria" que xa preparan en Política Lingüística aplicarase de xeito diferente para as axudas aos concellos e para as subvencións ás editoriais. "No caso dos concellos presentaremos unha convocatoria bianual 2011-2012 para que aqueles consistorios que xa efectuaron gasto neste ano, pensando que a convocatoria se ía executar de forma normal, poidan imputar o gasto", explicou. No caso das editoriais, Lorenzo di que poderán presentar de novo as súas solicitudes xa na nova convocatoria.

"CHÁMANME VERDUGO DENDE O DÍA DO NOMEAMENTO"

Anxo Lorenzo, que insistiu ante medios en que antes da anulación informou por carta as editoriais e os concellos da suspensión das axudas, non quixo contestar nin a Coordinadora de Traballadores de Normalización Lingüística, que pedía a súa dimisión, nin a Mesa pola Normalización Lingüística, que o definiu como o "verdugo da lingua galega". "A Mesa chámame verdugo dende o día do nomeamento, polo tanto levan dous anos con iso e non teño nada que dicir. A oposición está para facer oposición. Que a oposición pida a miña dimisión entra dentro do xogo da oposición", concluíu.

As explicacións de Anxo Lorenzo tiveron lugar na presentación na Reitoría da USC do Dicionario da Pronuncia da Lingua Galega en Rede, dirixido polo académico elector e investigador Xosé Luís Regueira. No acto estivo presente gran parte do Instituto de Lingua Galega (ILG) e o propio Regueira destacou ao final do acto que as cuestións das axudas anuladas eran un "tema tamén ben interesante e importante".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 13-09-2011 22:55
# Ligazón permanente a este artigo
A Xunta elimina as axudas para os libros de texto e a promoción local do galego

A Consellería de Educación publica senllas disposicións no DOG para deixar "sen efecto" as convocatorias de axudas, que ascendían a 420.00 para a promoción e 400.000 para a edición.

A. RAMOS - XORNAL.COM - 09/09/2011


A Xunta de Galicia deixa "sen efecto" as convocatorias publicadas en marzo para as subvencións de entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega e as axudas para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios. Así vén publicado no Diario Oficial de Galicia, que hoxe recolle senllas ordes promovidas pola Consellería de Educación.

A Consellería de Jesús Vázquez Abad xustifica a súa decisión na política orzamentaria; xa que, segundo vén no DOG, "nestes momentos é necesario efectuar un axuste nos créditos inicialmente asignados aos diferentes centros de gastos que conforman o orzamento" de Galicia. A consellería toma esta decisión "ante posibles incumprimentos por parte do Estado, dos compromisos de achegas de anticipo do fondo de cooperación previsto para 2011".

A disposición de Educación explica que "os interesados poderán interpoñer recurso protestativo de reposición" ante o titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística, no prazo dun mes a partir do día seguinte da súa publicación no DOG.

820.000 EUROS

No caso das subvencións para a edición de libros de texto, a Consellería de Educación destinara unha contía máxima total de 400.000 euros, segundo se recollía no artigo 2º da orde publicado en marzo destinado ao orzamento. Os solicitantes para estes subvencións eran as empresas mercantís do sector editorial. No caso do da promoción local, os cartos destinados eran 420.000 euros e os beneficiarios, as entidades locais.

Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 10-09-2011 10:51
# Ligazón permanente a este artigo
Os sonetos de Shakespeare en galego: o soño dun lector
A tradución de Ramón Gutiérrez Izquierdo recolle os parabéns da crítica

XOSÉ MANUEL PEREIRO - EL PAÍS - 09/09/2011


En 1609 editábase en Londres Shake-Speares Sonnets, unha colección de 154 sonetos "never before Imprinted" [nunca antes impresos], que desde o século XIX se veñen considerando unha das cimeiras da cultura universal. Se a universalización dunha obra se pode medir polas traducións, desde finais do XVIII fixéronse unhas 70 versións completas en alemán, e hoxe está verquida desde o latín ao klingon. As traducións ao español do libro completo tardaron (a primeira, Luis Astrana Marín, é de 1941) e non chegan a unha ducia. O galego acábase de incorporar a ese club cos Sonetos de Shakespeare (Edicións Xerais de Galicia). Tanto esa estrea no noso idioma como a última e sen dúbida a máis completa versión ao castelán (en Visor) son de Ramón Gutiérrez Izquierdo (Ourense, 1956). As dúas recibiron as loas máis expresivas por parte da crítica, a pesar de que é a primeira incursión importante no xénero do seu responsable (en 1984 traducira, con Gonzalo Navaza, un libro de Douglas Gifford sobre mitoloxía americana) e, xa postos, tamén na poesía.

La noticia en otros webs

* webs en español
* en otros idiomas

As versións de Izquierdo recibiron as loas máis expresivas

"Ao examinar outras versións, lense versos inintelixibles"

A tradución ao galego foi froito de máis de dez anos sobre os textos

"Esta non é unha tarefa á que teña pensado dedicarme", di

"Desde moi novo comprobei a fascinación xeneralizada polos Sonetos, a súa influencia na literatura ou no cine, pero eu, que sempre me tiven por bo lector, non entendía como aqueles xeroglíficos abstrusos que lía en castelán podían ter tanta fama. Así que decidín resolver unha dúbida: ou eu non era tan bo lector ou resultaba que as traducións non eran idóneas, precisamente. Érame máis cómodo crer o segundo", asegura Ramón Gutiérrez, que se licenciou en Filoloxía e Ciencias da Educación, e na actualidade é profesor de lingua e literatura galegas no campus de Ourense da Universidade de Vigo. A tradución dunha obra poética afronta o problema, a maiores dos de calquera recreación dun texto noutro idioma, de limitarse a reproducir o contido (de feito, Astrana Marín traduciunos en prosa), ou ben tentar manterse fiel á métrica, á rima ou ao ritmo. Gutiérrez afrontou todos os retos á vez: manter o sentido, a métrica e a rima e ademais, como afirma no prólogo, procurar que "o resultado suscite no lector a ilusión de encontrarse ante un texto poético orixinal". E mesmo da época.

"Examina outras versións e verás que hai versos inintelixibles. Os tradutores dominan o inglés, pero sen comprender plenamente o poema e o seu contexto cultural só se producen enxendros que manchan o nome de Shakespeare. Son moitas as dificultades derivadas das ambigüidades, dos xogos de palabras, do argot sexual da época", di Gutiérrez por teléfono. O resultado, a maiores do consabido logro de encher un baleiro, "revela fidelidad y también seducción rítmica", segundo considerou Ángel Rupérez enBabelia. "Una traducción rigurosa y soberbia. La espléndida versión de Ramón Gutiérrez me ha conmovido. La profundidad del pensamiento abisal, la hondura del aliento poético, la zozobra del sentimiento inacabable se desprenden tibiamente, como el río que no cesa, de los sonetos de Shakespeare", para a pluma ditirámbica do académico da Española Luis María Anson.

Todo ese traballo (que se reflicte na tradución dos sonetos e tamén na explicación de todos e cada un, que ocupa na edición de Xerais máis páxinas que a propia obra), foi o froito do soño dun lector, pero levoulle algo máis que unha noite de verán. Foron dez anos. Como sen dúbida ignoran Anson e os outros críticos da edición de Visor, a tradución ao castelán é en certa medida unha versión da galega. "Dediquei oito anos á traducir en galego. Fixen máis de dez versións completas e dalgúns sonetos ata 14. Logo rematei en dous anos a versión de castelán, porque me valeron moitas das solucións que forxara en galego". Aínda así, a esixencia por manter a musicalidade e a rima determinou diferenzas. Por exemplo, a primeira estrofa do primeiro soneto reza en galego: "Queremos que procreen as belas crïaturas, / e que non morra nunca a rosa da beleza, / senón que cando murche, co tempo xa madura,/ nun tenro herdeiro dela reviva e permaneza". En castelán converteuse en: "Queremos que procreen las bellas criaturas, / y que jamás la rosa de la belleza muera, / sino que ya marchita, después de que madura, / de su memoria sea su estirpe la heredera".

Desde a perspectiva do "non profesional" que deu conquistado un oito mil, Gutiérrez Izquierdo considera que o nivel da tradución ao galego "é moi satisfactorio. Hai obras que gozan dunha mellor tradución que ao castelán. A do libro de Amin Maalouf A viaxe de Baldassare

[versión de Xavier Queipo e Dolores Torres París en Edicións Xerais] é moi superior á publicada en castelán, como se evidencia desde a primeira páxina. Tamén son moi boas as traducións de Shakespeare que fixo para Galaxia Miguel Pérez Romero". O introdutor da poesía shakespereana ao idioma de Rosalía non ten ningún proxecto de tradución en perspectiva, "nin é unha tarefa á que teño pensado dedicarme". Nun país en que as autoridades culturais non consideran que sexa "un gran proxecto" traducir o Ulises de Joyce tampouco ten moito sentido.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 10-09-2011 10:49
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0