Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Henrique Monteagudo: ?A solución ao conflito lingüístico pasa por un pacto político?
Henrique Monteagudo, secretario da RAG, ten moi claros os principais problemas que aguilloan á lingua galega. Nesta entrevista fala da súa situación e tamén dun Filgueira Valverde que ?prestou servizos moi relevantes á cultura galega".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 17/05/2015 | Actualizada ás 08:00


?Seguramente a solución para este conflito viría dun pacto político, pero ese pacto debe estar protagonizado polos partidos e debe ser forxado no Parlamento?. Con contundencia manifesta Monteagudo a solución para un galego que é utilizado como dardo político.

Unha situación que se agudiza no 2007, cando ?tanto os poderes de ?Madrid? como certos sectores das elites económicas e sociais de Galicia decidiron rachar ese consenso e emprenderon unha ofensiva para conseguir a marxinalización progresiva dos idiomas periféricos?. A isto tamén axuda a estratexia ?suicida? dalgúns grupos nacionalistas de ?avivamento do conflito lingüístico?. Nesta situación, o decreto do plurilingüismo vixente, segundo Monteagudo, ?é contraproducente, inxusto e nocivo para o galego?.

Sobre a figura de Xosé Filgueira Valverde, o secretario da RAG destaca que ?non é de recibo? o boicot que lle fan algúns sectores. ?É unha condena sen matices do personaxe, unha actitude que revela un sectarismo incompatible cunha cultura normal?.

Neste sentido, destaca que a RAG, dentro dun criterio amplo, sempre ?tendeu a escoller máis ben autores con inclinacións galeguistas e progresistas? e lamenta que haxa un sector que non entenda a escolla deste ano, ou a que no seu día se fixo de Ramón Piñeiro.

Un Día das Letras Galegas movido. Hai partidos e asociacións que están boicoteando abertamente os actos de Filgueira Valverde. Por que cres que hai este rexeitamento?
Persoalmente, entendo que determinados aspectos da traxectoria de Filgueira Valverde non sexan especialmente simpáticos, malia que sen dúbida prestou servizos de senlleira relevancia á cultura galega. Poderíase agardar que a súa conmemoración propiciase un debate intelectual de certa altura sobre as relacións entre certos sectores desta cultura e determinados sectores do franquismo ?máis complexas do que semella a primeira vista?, aínda que igual isto é pedir de máis. O que non é de recibo é unha condena sen matices do personaxe, unha actitude que revela un sectarismo incompatible cunha cultura normal (e por tanto, plural) e que, ao meu parecer, revela escasa intelixencia política .

E cres que ten que ver coa proximidade das eleccións?
Coas eleccións? Non especialmente. Pensando en positivo, podería ter que ver co saudable reverdecemento da memoria histórica e coa crecente repugnancia ante os réximes ditatoriais, sobre todo por parte da xente nova. Sendo realista, pode estar máis relacionado coa fonda crise (política, social, cultural e nacional) que estamos atravesando, a conseguinte crispación ambiental e o desnorteamento progresivo de determinados sectores da política galega, que os leva a adoptar actitudes incomprensibles.

Entre os argumentos dos detractores está o seu pasado franquista. Ata que punto inflúe a política a hora de elixir a un homenaxeado das Letras galegas?
No que atinxe ao franquismo, xa respondín. Canto ao segundo, nada ou case nada. E nese case nada, eu diría que a RAG, dentro dun criterio amplo, tendeu a escoller máis ben autores con inclinacións galeguistas e progresistas, o cal responde á propia lóxica das cousas: a historia da nosa cultura é como é, e está bastante fielmente reflectida na composición da Academia . Foi basicamente a mesma Academia a que escolleu a Ramón Piñeiro ?obxecto noi seu día dun boicoteo talvez máis discreto pero igualmente implacable-, Uxío Novoneyra, Lois Pereiro, Valentín Paz Andrade, Roberto Vidal Bolaño ou Xosé Filgueira. Como se bota de ver, un abano moi amplo e variado. Estaremos pendentes do que acontece cando volva elixir algunha figura próxima aos sectores que agora se mostran tan críticos.

E cres que habería a mesma reacción se o homenaxeado fora militante ou dirixente dun partido nacionalista ou da estrema esquerda?
É obvio que houbo escollas para as Letras Galegas que non eran cómodas para os sectores máis conservadores do país, e isto non necesariamente pola súa marcada definición política ou ideolóxica, senón tamén polos seus estilos de vida ou mesmo por razóns estéticas. En todo caso, todas foron aceptadas sen demasiados espaventos. Unha cultura grande esixe unha visión ampla, unha actitude tolerante, unha mentalidade flexible, afastada de todo partidismo. Nas súas escollas para o Día das Letras, este ano e os anteriores, a Academia manexou e manexa exclusivamente criterios culturais e literarios. E, por suposto, sempre actuou e actúa con total e irrestrita independencia.

Outro dos argumentos dos críticos é que a candidatura de Filgueira se impuxo só por un voto a de Carballo Calero e hai quen non quere homenaxes ao reintegracionismo
Esa información sobre as votacións é totalmente inexacta. Que a posición de don Ricardo Carballo como abandeirado do reintegracionismo non concita amplas simpatías na Academia parece obvio. Que o mellor camiño para conseguir que un día sexa designado para as Letras non é o que segue parte dos seus propugnadores eméllame evidente: sospeito que presionar con ostentación ou atacar virulentamente a RAG non axuda. Sempre tiven a impresión de que a venerable figura de Carballo arriscaba a devecer conforme algúns dos seus presuntos herdeiros se empeñaban en convertela en estandarte faccional. Como antigo alumno seu, gustaríame que se lle dedicase un Día das Letras Galegas para podermos recoñecer na súa xusta medida as súas variadas achegas en diferentes eidos ?por caso, os valiosísimos estudos de historia literaria. Teño a convicción de que da análise obxectiva da súa traxectoria poría en evidencia que durante unha parte substancial desta foi o filólogo de Galaxia, parte integrante do seu núcleo duro, e que o apoio deste foi decisivo para a súa carreira universitaria como primeiro profesor de lingua e literatura galegas. Evidentemente, sen esquecer a importancia da súa traxectoria anterior a 1936 e sen silenciar o seu posterior posicionamento reintegracionista, que é un capítulo non menor do seu currículum intelectual.

En todo caso estas liortas non coidas que afectan á lingua e a imaxe do galego? Pregúntocho porque dá a sensación de que os 17 de maio están perdendo esa imaxe de unidade e de defensa da lingua que tiñan hai uns anos
Desque eu teño acordo, a cuestión da lingua nunca deixou de ser obxecto de debate. Certo que no período autonómico a tendencia se encamiñou cara a un certo consenso, fundando en que dunha banda, as institucións galegas, gobernadas maiormente polo Partido Popular, tomaban medidas a prol do idioma (que a moitos parecían tardías, insuficientes e carentes de pulo, pero en todo caso ían en senso progresivo) e doutra banda, o groso dos sectores pro-galeguistas (fundamentalmente, do nacionalismo, en lento pero imparable ascenso social e político) matizaban ou abandonaban discursos radicais que se elaboraran en tempos heroicos no marco da estratexia de agudizacion do ?conflito lingüístico?.

Pola contra, desde 2007 para acó, tanto os poderes de ?Madrid? como certos sectores das elites económicas e sociais de Galicia decidiron rachar ese consenso e emprenderon unha ofensiva para conseguir a marxinalización progresiva dos idiomas periféricos (asociados aos diabólicos ?nacionalismos?), mentres que os devanditos sectores pro-galego se revelaron incapaces de articular unha resposta eficaz. Pola contra, unha parte non pequena do nacionalismo se deixa tentar pola tentación de resucitar vellas esencias, recuperar antigas pulsións exclusivistas e reactivar a caduca estratexia de avivamento do conflito. Nas devanditas condicións é moi difícil reconstruír un consenso social amplo, de mínimos, que dea ?imaxe de unidade e defensa da lingua?.

Falando de lingua... Algunhas enquisas non deixan en moi bo lugar a situación do uso do noso idioma. Que hai que facer para mudar esta situación?
Remítome á Declaración institucional da RAG feita pública no pasado mes de xaneiro, que eu resumiría en tres liñas de forza: 1) incrementar o prestixio do idioma, 2) asegurar os medios de reprodución da comunidade lingüística e 3) dar prioridade á infancia e a mocidade. En primeiro lugar, cómpre recuperar o acordo das principais forzas políticas, retomando o impulso con políticas proactivas, pero, asemade, é fundamental outorgarlle máis protagonismo aos distintos axentes sociais, nomeadamente, ás empresas. En segundo lugar, a transmisión familiar da lingua debe ser estimulada asegurando a posición do galego no medio educativo, no ámbito laboral e nos distintos eidos da vida social, moi especialmente nos medios de comunicación. Finalmente, o establecemento dun modelo educativo favorable ao galego é imprescindible, pero non é suficiente. O decreto de plurilingüismo vixente é contraproducente, pero para que as xeracións novas empreguen o galego hai que ofrecerlles motivacións e ocasións para usalo: cómpre incrementar a oferta de recursos didácticos e de produtos audiosivuais e de actividades de lecer para ese público vencellados ás novas tecnoloxías. Sen esquecermos que as Universidades deben xogar un papel moito máis activo tanto na formación de profesionais competentes para desenvolver o seu traballo en galego como na investigación aplicada á súa normalización nos distintos ámbitos.

E non cres que decretos como o do plurilingüismo axudan, precisamente, a ocultar aínda máis o galego?
Veño expresando publicamente as miñas críticas a este decreto desde o ano 2009. Sen poñerme a soñar cun decreto ?ideal?, sigo pensando que o Partido Popular tiña e ten a posibilidade de elaborar unha norma legal que dea unha (relativa) satisfacción ás súas bases urbanas menos receptivas cara ao galego e ao mesmo tempo que non penalice á poboación galego-falante, tanto das cidades coma das vilas e o rural. Se non o fai é por razóns de ideoloxía e de táctica política, isto é, porque lle pesan os prexuízos contra o galego e porque a súa dirección considera que lle beneficia manter viva esta polémica. Tamén me consta que hai un sector máis ou menos amplo do PP de Galicia que non comparte esa ideoloxía e que se sente desacougado con esa estratexia, pero os feitos son os que son.

A RAG decidiu ir ata as últimas consecuencias cos recursos, cres que terán efecto?
O certo é que a Academia topou cunha actitude inflexible na Xunta en relación ao decreto. Coido que na RAG pesa a consciencia do deber de esgotar todas as posibilidades xurídicas, por coherencia institucional e por responsabilidade histórica. Por non entrar en miúnzas, limítome a salientar dous feitos innegables, digan os maxistrados o que dixeren: primeiro, o Decreto contravén a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias e segundo, esta Carta obriga á Xunta de Galicia.

Lembremos que, no tocante aos niveis educativos non universitarios, a Carta daba aos estados asinantes a posibilidade de comprometérense cunha opción mínima (ofrecer unha parte da educación na lingua minoritaria ás familias que o desexaren), unha opción intermedia (ofrecer ?unha parte substancial? da educación na lingua minoritaria) ou unha opción máxima (prever a oferta dunha liña educativa integramente na lingua minoritaria). Pois ben, o Reino de España elixiu voluntariamente a opción máxima. O goberno de Felipe González subscribiu a Carta en 1991 neses termos e o Parlamento español (gobernando Aznar con maioría absoluta do PP) ratificouna en 2001; pero todos sabemos que en Galicia non se cumpriu xamais. Tanto é así, que os sucesivos informes da Comisión de expertos encargada de avaliar o cumprimento da Carta veñen denunciando reiteradamente a súa flagrante violación. A que conclusión temos que chegar? Que as normas legais que nos amparan aos cidadáns e cidadás galegofalantes son papel mollado?

A solución semella que pasa por un pacto político. Hai posibilidades de chegar a ese acordo ao que se chegou coa Lei de Normalización?
Seguramente a solución para este conflito viría dun pacto político, pero ese pacto debe estar protagonizado polos partidos e debe ser forxado no Parlamento. Mentres as principais forzas, comezando pola maioritaria, continúen tensando a corda da polarización e considerando o idioma como pasto de tirapuxas partidarias, as circunstancias non serán as máis propicias. A Academia niso pouco pode facer; só pode reclamar a todos ?moi especialmente a quen ten a responsabilidade de gobernar? altura de miras nun asunto cardinal, estratéxico para o país, e ofrecer a súa colaboración técnica como entidade competente neste asunto. Así o fixo reiteradamente e así, sen dúbida, o seguirá facendo, coa mellor das vontades, na medida das súas posibilidades e sempre que sexa requirida para facelo.

Unha recomendación para este 17?
Ler Quintana viva, recolla de pequenas e gorentosas prosas de Filgueira, e mais a súa Biografía intelectual, que acaba de publicar Xesús Alonso Montero. E lembrar que hai que defender e usar o idioma todos os días do ano.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 18-05-2015 09:55
# Ligazón permanente a este artigo
Prolingua acusa á Xunta de "apartheid" na súa política informativa
Denuncia as subvencións millonarias aos medios de comunicación en castelán fronte o nulo apoio aos medios en galego. Alerta que, de non poñer remedio a esta situación, acudirá a instancias internacionais.

A Xunta pagará aos medios 2,5 millóns en publicidade con fondos Feder

A Xunta dá a dedo 300.000 ? a certos xornais antes das eleccións.

A Xunta repartirá 600.000 euros máis antes das municipais.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 17/05/2015 | Actualizada ás 17:26


Prolingua denuncia a Xunta polo "esmorecemento" do sector cultural do país. Así, nun comunicado con motivo do 17 de maio, lembra que hai doce anos este sector ocupaba o cuarto posto no PIB galego. "Os gobernantes da actual Xunta escolleron que sectores produtivos impulsarían e cales deixarían esmorecer. Nun contexto de desemprego e de emigración, a posibilidade de que se arruínen ou saian adiante proxectos científicos, artísticos ou xornalísticos -eses que máis dependen, sobre todo no inicio, dos fondos públicos- non é aleatoria", apunta nun comunicado.

Neste sentido, destaca que só no 2014 os grandes grupos xornalísticos recibiron axuda oficial por valor de 1.675.000 ? en concepto de ?uso da lingua galega?. "O feito de que estea en castelán o 94% da información dos xornais que reciben tales sumas podería insinuar que o 6% restante -cada páxina publicada no idioma propio de Galicia- vale o seu peso en ouro", indica. No entanto, os medios escritos integramente en galego recibiron menos de 182.000 ? polos seus centos de páxinas redactadas e publicadas no idioma do país.

"Cando se trata de subvencionar do modo encuberto -mediante a inserción de publicidade institucional- os datos máis recentes van na mesma liña: 2.500.000 euros procedentes do FEDER destínanse aos mesmos grandes da comunicación que reciben diñeiro pola promoción (?) da lingua propia de Galicia. Mentres, medios dixitais de referencia, algúns ben coñecidos pola súa pluralidade, pola atención aos contidos nacionais e pola actitude crítica, quedan fóra de toda axuda da Xunta", engade. Algo similar está ocorrendo neste período electoral con partidas publicitarias (600.000 e 300.000 euros), tal e como denunciou GC, procedentes de diversas consellerías.

"A Xunta pulverizou en seis anos todos os rexistros de destrución da pluralidade informativa: prensa nacional e prensa comarcal, revistas, cabeceiras dixitais; de xeito simultáneo, as que lideran o asentimento ao Partido no poder engordan unha temporada tras outra", destaca neste comunicado no que tamén critica que publicacións como Grial, A Trabe de Ouro ou Luzes non teñan ningún tipo de axuda.

Neste sentido, destaca as pequenas iniciativas empresariais en galego no ámbito comunicativo. "Se alguén sabe de vontade de supervivencia á marxe do público, de fe en pequenas iniciativas empresariais, de resistencia en precario, son as persoas que en Galicia se comprometen co dereito á información e ao coñecemento libres", suliña.

Por iso, critica que se usurpen os fondos destinados á promoción da lingua "non só coa finalidade de subvencionar as publicacións en castelán, o idioma máis longamente subsidiado do Estado español, senón como garantía de que as empresas cumprirán cando o esixan as necesidades da propaganda". "En virtude deste proceso circular os medios que máis teñen, máis reciben; na medida en que medra o seu orzamento faino tamén a súa capacidade de incidencia social, polo que aumenta a partida da futura subvención. Así ata o obxectivo último, que non é outro que a minorización terminal da vida intelixente en lingua galega. Un verdadeiro plan de apartheid, unha práctica que xamais recoñecerá as teorías nas que se inspira".

Por iso, esta asociación destaca que "non vai formar parte dun silencio que nos convertería en cómplices". E, alerta que, de non poñerlle remedio, acudirá a instancias internacionais ante un proceso que "pode culminar co baleiramento e liquidación da nosa cultura".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 18-05-2015 09:53
# Ligazón permanente a este artigo
Luz Cures: Etiquetaxe
Filóloga e profesora. Gañadora do XI Premio a artigos xornalísticos de lingua Concello de Carballo

Sermos Galiza


O día que me volvín falante consciente non calculei que iso implicaría converterme en materia susceptible de etiquetaxe variada: catalogadora, simplificadora, descritiva pero, sobre todo, prexuizosa. [galegofalante]

Pola lingua que usaba supúxoseme unha orixe, unha filiación política e unha forma de ver a vida estereotipada. [nacionalista]

O dano que causan as etiquetas baseadas en prexuízos sófrese en moi variados ámbitos e todas mancan dun xeito ou doutro. [minusválido, feminazi, maricalla]

A min foi así como empezou a doerme a cuestión da lingua, sentíndome etiquetada.

A primeira vez que alguén me preguntou por que falaba galego, tras a miña estupefacción pola agresión á intimidade, respondín dando razóns polo miúdo. [prepotencia, intimidación]

E continuei dándoas ata que me decatei de que nunha cuestión en que entran en xogo os prexuízos é moi difícil non ter que estar a rebater falacias de maneira infrutuosa.

Os prexuízos non son racionais, polo que non se dan eliminado axiña, precísase de moito máis ca un argumentario intelixente e cómpre moito traballo de fondo para erradicalos, de aí a tan necesaria a implicación de moitos e moi variados ámbitos.

Cal pode ser o motivo de que calquera persoa racional saiba apreciar que os coñecementos suman, que dominar unha lingua é unha riqueza, e que esta non é un ser vivo que vai facendo o mal por aí? e, con todo, se constate tanta acritude cara á lingua? Como é que conseguen callar eses discursos da imposición? [bilingüismo harmónico, trilingüismo, imposición]

Nunha ocasión, unha alumna moi creativa confesoume que eu non lle resultaba nada gailana. Os gailáns son os pailáns que por riba falan galego. [neoloxismo, gailán]

As etiquetas sempre nos andan roldando aos galegofalantes. Hai por aí unha clasificación popular que acollín con humor, inda que sexa triste, que divide os falantes en paleos (de lingua materna) ?entre os que se encontran os que mamaron a lingua pero que a usan de xeito diglósico, e os conscientes?; e os neos (de lingua aprendida) ?nos que están os obrigados (radio, televisión, política?), que non o usan na vida cotiá nin se preocupan por un mínimo de rigor ?os nonai, os choxuro e os ieu? e os neos combativos. [paleofalantes, neofalantes]

"Como é que conseguen callar eses discursos da imposición? [bilingüismo harmónico, trilingüismo, imposición]"

Os paleos conscientes e os neos combativos normalmente son os que máis reivindican os seus dereitos e os que aspiran a unha vida normalizada. [*repunantes]

Coa ampliación da familia decateime de que tamén acaba sendo materna a lingua da escola infantil, dos iguais, da veciñanza? Agora, ás veces cando as fillas me falan penso en como se debían sentir os emigrantes dos oitenta nesas pobres conversas interxeracionais en lingua estranxeira. [lingua materna, diglosia]

No meu caso a comunicación é efectiva, obviamente, pero non afectiva. E con isto gañei outras etiquetas. [radical, intolerante]

Mais inda con todo, o meu discurso cotián é positivo e traballo arreo para esborranchar etiquetas. Cada persoa que reflexiona sobre a súa actitude cara á lingua grazas aos meus esforzos é forza que sumo.

Ao final daquel curso a palabra gailana desapareceu do idiolecto do grupo e a min deume azos para seguir traballando por unha situación en que elixir vida en galego non teña que doer. [etiqueta, prexuízo, daniño]
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 18-05-2015 09:51
# Ligazón permanente a este artigo
Miles claman en galego este 17M
Miles de persoas en todo o país marcharon nas convocatorias de Queremos Galego para reivindicar a vixencia do idioma neste Día das Letras Galegas. Feijóo foi declarado por aclamación inimigo do galego. [Vídeo no interior de GZVideos]

Sermos Galiza


O presente do galego como mellor garantía de futuro. Baixo este lema marcharon miles de persoas nas sete cidades galegas e Ribadeo este Día das Letras Galegas. Unha xornada festiva mais de reivindicación ante os ataques e desleixo institucional que sofre a nosa lingua.

As manifestacións máis numerosas foron en Santiago de Compostela e Vigo, onde 2.500 persoas sumáronse ao chamado da plataforma pola defensa do galego, segundo cifras facilitadas pola propia organización.

O berro pola vixencia do idioma escoitouse con forza tamén en Pontevedra, A Coruña, Lugo, Ferrol, Ourense e Ribadeo. Marchas nas que quedou patente que o galego ten futuro. Xentes de todas as idades corearon "Nas aulas da Galiza, queremos galego" e "por ti, por min, o galego non ten fin" contra as políticas galegófobas do partido no poder.

Así o manifestou o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, que deu lectura do manifesto unitario da convocatoria en Compostela, onde tamén estivo o candidato de Compostela Aberta, Martiño Noriega. ?Renegar da lingua de Galiza é renegar do país, que ir contra ela, como está a facer desde que chegou, é ir contra Galiza e pór en perigo o seu futuro?, aseverou Maceiras ante unha praza de Praterías ateigada de xente.

Na mesma liña pronunciouse o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, acompañado da candidatura nacionalista en Vigo. ?Vemos en campaña un Feijóo que fai uso sistemático do español para dirixirse aos galegos e galegos, desprezando o idioma do país como nunca ten feito antes ningún presidente da Xunta?, criticou.

Vence interpelou directamente a Feijóo para lembrarlle que incumpre a ?obriga? de promover a lingua propia que recolle o Estatuto de Autonomía. Por ese motivo, os centos de persoas presentes na marcha realizaron unha votación simbólica onde declararon por aclamación o presidente da Xunta como inimigo da lingua galega.

Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 18-05-2015 09:49
# Ligazón permanente a este artigo
O PP di que o galego "está máis que vivo" fronte as críticas da esquerda
A celebración da lingua deste ano está moi marcada pola precampaña. Mentres Podemos gaba o traballo da Acedemia e cuestiona a escolla do ex-alcalde franquista, o PP deféndeo como modelo do ?galego en liberdade?, CxG celebra o idioma como parte da cultura europea e o BNG promove as protestas de Queremos Galego.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 16/05/2015 | Actualizada ás 22:21


Podemos tomou postura tanto sobre Filgueira Valverde, como sobre o propio día das Letras Galegas, nun dos seus primeiros pronunciamentos importantes sobre o tema do idioma. En torno a celebración, o partido morado reclama que a Real Academia -a quen felicita pola súa labor- elimine a norma que limita a escolla a intelectuais mortos hai polo menos dez anos.

Sobre a polémica figura de Filgueira, que ocupou varios cargos durante o réxime fascista, Podemos sinala que a súa escolla ?entra cando menos en fricción co precepto de que 'mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe', recollido nos estatutos da RAG a cerca das figuras homenaxeadas nos sucesivos 17 de maio?.

Por outra banda, Podemos recoñece a dedicación do ex-alcalde de Pontevedra ao galeg ao que ?se entregou de palabra, feito e sentimento? con ?sobradamente recoñecida valía intelectual? e destaca que o político da dictaura fose quen solicitase en 1974 nas Cortes franuistas o ensino oficial do galego.

De paso, Podemos Galicia arréalle a Xunta porque ? non seguir o seu exemplo no que á defensa do galego se refire? e en troques ? abonde pola contra na manifesta desprotección da nosa lingua propia, en flagrante incumprimento das súas funcións?.

Dende o PPdeG, loxicamente, defenden a súa política lingüística, baseada na promoción do ?galego en liberdade?. Como leva facendo dende que recuperou o poder, o partido conservador tenta afastar o idioma do debate político. ??exeitamos que se empregue a lingua galega como arma de confrontación, ao servizo de intereses que nada teñen que ver con Galicia e cos galegos?, aseguran nun comunicado.

Na súa opinión, a convivencia co español non é impedimento para que o galego evolucione e argumenta que o poblo ?soubo entender que o plurilingüismo era unha vantaxe e que as linguas non erguen murallas senón que tenden pontes?.

O PPdeG non fai referencia ao retroceso no idioma nos ámbitos urbanos e entre os mozos, senón que celebra a súa vitalidade, o seu potencial e económico, incluído que sirva de vehículo cos ?200 millóns? de falantes da lusofonía.

Pola súa banda, o candidato de Compromiso por Galicia á alcaldía de Vigo participou esta mañá nun café tertulia cultural . Con este acto, Compromiso por Galicia en Vigo, ademáis de homenaxear a Filgueira Valverde no seu día das Letras, reivindica ?a lingua galega como parte da gran cultura europea que non se pode entender sen as tertulias literarias dos seus cafés?.

Por último, a maioría dos candidatos do BNG celebrarán o Día das Letras acudindo aos actos de reivindicación que Queremos Galego convoca en oito cidades e vilas do país este domingo.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 18-05-2015 09:46
# Ligazón permanente a este artigo
Xosé González: Galego con leite
O Foro E. Peinador vén pregoando dende hai anos a necesidade reformular a celebración do Día das Letras Galegas; mesmo lle propuxemos o ano pasado á Real Academia Galega que dedicase un mes das letras ao empresario, mecenas e filántropo galeguista, Enrique Peinador Lines do que se cumpre o próximo día 20 de xuño o 75º cabodano do seu pasamento; ou ao investigador e tamén empresario de minas, Isidro Parga Pondal a quen Foro Peinador lle dedicou o ano pasado o Día da Galeguidade Empresarial. Ambos os dous con perfís de galeguistas ben definidos.

Por Xosé Glez. | Redondela | 13/05/2015


Desde o ano 1963 vénse celebrando o Día das Letras Galegas dedicado á exaltación da obra de autores que cultivaron os xéneros litearios. Labor encomiable e que chegou a ter momentos de gran participación, sobre todo nos centros escolares, complementada co activismo cultural dos movementos asociativos, cando estes tiñan moita máis vida ca hoxe. Porén dun tempo para acó foi minguando a forza que noutrora tiveran as celebracións.

A creación literaria é unha mínima parte da nosa cultura.Únaselle a esta apreciación incuestionable a crise editorial e os índices de lectura que son moi baixos, sobre todo na poboación adulta. Hai, pois, que reformular o enfoque da celebración desta xornada que ten que proxectarse a todos os sectores sociais sen ningunha exclusión, superando as rotinarias programacións. Non abonda co ámbito educativo. A proposta que nós facemos é transversal, incorporando a franxas da sociedade tradicionalmente indiferentes á restauración dos nosos elementos identitarios, incorporando a un maior número de empresas; empresas que teñen a posibilidade de trasladar esta mensaxe regaleguizadora aos seus traballores e traballadoras e consumidores en xeral.

Neste empeño hai que situar a receptividade da Cooperativa Feiraco, que vén de colocar no mercado un millón de envases de leite etiquetados en galego co engadido dunha caricatura de Filgueira Valverde e un breve texto da súa autoría. Un exemplo dedgaleguismo empresarial que fará posible que en milleiros de fogares galegos empecen a familarizarse co noso patrimonio cultural e lingüístico. Se hai vontade política e imaxinación para argallar estratexias de comunicación novidosas, a Real Academia Galega e o Goberno galego deberán reorientar a próxima celebración do Día das Letras, elixindo un persoeiro coas características propostas polo Foro Peinador, facendo posible o comezo dunha nova xeira de miras máis amplas e participativas.

Procurar novos mensaxeiros e escenarios para que a convocatoria celebración dunha data tan importante no calendario festivo galego se revitalice con novos protagonistas. Vivimos tempos de grandes mudanzas que tamén afectan á lingua galega. Seguir programando a celebración fundamentalmente para os escolares é choer o discurso nunha parte da sociedade. As rotinas non son boas conselleiras para seguirmos acadandos máis receptores e novos escenarios.Se queremos avanzar hai que virar en redondo.
Xosé Glez.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 18-05-2015 09:45
# Ligazón permanente a este artigo
A mocidade coa lingua 2015

Comentarios (0) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 15-05-2015 19:47
# Ligazón permanente a este artigo
Sés - Tempestades de sal (Eirado)
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 14-05-2015 08:47
# Ligazón permanente a este artigo
'Decreto Filgueira' ou por que o galego ten esta normativa oficial e non outra
Praza Pública - Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo

Por que o galego ten a normativa que ten? Cal foi a transcendencia de Filgueira Valverde nese proceso de normativización do idioma? Esas son as dúas cuestións que o documental da AGAL (Associaçom Galega da Língua) e dirixido por Ozo Perozo intenta responder neste documental de media hora de duración e destinado fundamentalmente ao ensino secundario.




Decreto Filgueira relata os acontecementos que precederon a aprobación da normativa en vigor en 1982 e fai tamén un repaso histórico da normativización da lingua galega. Lembra, ademais, como as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (ILG-RAG) "nem foram as primeiras normas oficiais, nem contárom com o apoio de importantes setores da cultura galega, que debatia intensamente sobre qual havia de ser a orientaçom ortográfica do galego desde o início dos anos 70", tal e como explica o equipo da fita.

Así, o documental repasa os diferentes posicionamentos lingüísticos e as formulacións normativas que cada un deles xerou desde que en 1970 Carvalho Calero sacara as primeiras Normas Ortográficas do Idioma Galega da Real Academia Galega e que forn asumidas como proias polo mundo de Galaxia. E explica tamén as discusións, debates e mesmo negociacións entre duas propostas "dissidentes que acabariam por tornar-se irreconciliáveis": a autonomista, aglutinada arredor do Instituto da Lingua Galega (ILG) e a reintegraconista, que se foi nucleando arredor do propio Carvalho Calero, que a cada paso asumía posturas máis lusistas.

É un intento por facer comprensible o debate, sobre todo para aqueles que o descoñecen e para o alumnado de Secundaria, de aí que incúa vídeos de animación e entrevistas que contextualizan os feitos. Ademais, na web do documental inclúese tamén unha guía para o profesorado.

Explica tamén como comezados os anos 80, a Xunta oficializaba uhas normas que pretendían o consenso e que partían dunha orientación converxente co portugués. Carvalho Calero presidía aquela Comisión de Lingüística da Xunta, pero en 1982 unhas novas normas que viraban a orientación anterior relegaban as do vello catedrático. Foi Filgueira Valverde quen oficializou esta nova normativa coa súa sinatura. O autor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras fora membro da anterior Comisión de Lingüística da Xunta. A reviravolta deu lugar a un dos lustros de maior polémica e tensión este debate normativo.

"A idea xurdiu do nomeamento de Filgueira para o Día das Letras. Desde a AGAL vímolo como unha oportunidade para explicar o que son as normas e as estratexias co galego sobre todo; e o documental está encadrado na liña de intentar facer preguntas e pensar por que seguimos esta estratexia, que non ten por que ser a única", explica Miguel R. Penas, presidente da AGAL e un dos guionistas.

As dúas pólas do debate contaron con defensores de enorme importancia intelectual, pero o documental destaca o "imprescindível" da figura de Filgueira Valverde chegados os 80. Supuxo a continuidade do modelo cultural xerado durante o franquismo e acabou por dar nome a un decreto clave para explicar a orientación que logo seguiu o idioma galego até estes días. Unha figura que algún dos protagonistas do documental definen como "home do sistema" ou "home do réxime", pero ao que tamén destacan como un dos estudosos que permite "saber da tradición e cultura galega nestes días".

Foi, en definitiva, a vitoria da postura que defendía un galego independente do portugués, con ortografía castelá e baseado no traballo dialectolóxico do ILG fronte aos lusistas que pretendían restaurar a proposta do galeguismo anterior á guerra civil e que se aglutinara arredor da figura de Carvalho Calero. Unha confrontación histórica que é explicada nun documental no que interveñen historiadores e figuras clave naqueles feitos, entre eles Elvira Souto, Franciso Fernández Rei, Francisco Rodríguez, María Xosé Queizán ou Uxío-Breogán Diéguez.

Miguel R. Penas aclara que a AGAL intenta tamén así "mostrar" a súa proposta e "contar a historia" do reintegracionismo, "non desde a perspectiva de que temos a razón, pero si desmontando preconceptos e imaxes construídas ao redor do noso discurso e que teñen certas intencións como desprestixiar o discurso". "O debate haino desde o século XIX e había unha dinámica, liderada por Carvalho Calero, que se desmontou en dous anos a partir do 80... A estratexia era outra, pero rachou", remata.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 14-05-2015 08:46
# Ligazón permanente a este artigo
Xosé Manuel Sánchez Rei: "Parece que o galego é a única lingua do mundo que non ten dereito a un estándar culto"
Praza Pública - Venres 10, Abril 2015

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


O profesor titular na Área de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña Xosé Manuel Sánchez Rei é o coordinador do libro Modelos de lingua e compromiso (Baía Edicións), que se presenta na Libraría Pedreira de Compostela o vindeiro 14 de abril. A obra dá acubillo a traballos realizados polos profesoras e profesores da Facultade de Filoloxía da UdC Goretti Sanmartín, Laura Tato, Manuel Ferreiro, Xosé Ramón Freixeiro Mato e o propio Sánchez Rei, integrantes, asemade, do Grupo de Investigación Lingüística e Literaria Galega da Universidade coruñesa. Na publicación, os expertos defenden que "dificilmente se pode pensar nunha restauración social da lingua cando o que se pretende restaurar está fortemente erosionado polo español, cando se confunde autenticidade idiomática soamente con variedades coloquiais ou cando se parece tolerar con certa normalidade, mesmo en ámbitos académicos, inquietantes doses de hibridación con aquela lingua".


Hai compromiso dabondo pola calidade da lingua galega?

Non se lle pode pedir o mesmo a unha persoa que non puido falar galego ou a quen lle foi prohibido ou que non tivo acceso a el que a un profesor da Universidade ou un profesor de ensino medio... Ou mesmo aos políticos, que teñen entre unha das súas principais encomendas, segundo o Estatuto, a de velaren pola saúde, calidade e proxección social da lingua. Pensamos que hai que facer ver que as autoridades políticas, académicas e instucionais teñen un primeiro grao de responsabilidade en que a lingua se promocione cunha certa calidade lingüística. Non coñezo ningún país normal no noso ámbito onde os poderes políticos ou académicos fagan gabanza de que non falan ben o seu idioma ou de que o falan mal. E tampouco coñezo ningunha serie de televisión neses países onde os propios personaxes fagan un uso inadecuado da lingua, como pasa aquí con programas como A Casa da Conexa, que é un verdadeiro esperpento para o galego. Hai dous niveis: a responsabilidade que teñen os políticos e os poderes públicos e logo a sociedade, que debe, na medida do posible, empregar a lingua da mellor maneira posible.

O nivel nos políticos semella moi baixo...

O nivel está moi baixo e tampouco teñen vontade de mellorar. Habería que facer distincións porque hai persoas que acreditan no galego e outras non, pero non se pode acreditar nunha lingua que se está atacando continuamente. Ademais, o goberno de Feijóo foi e é o máis daniño para a lingua de todos os que ten habido na Xunta, empezando xa por como fala o seu presidente e os seus conselleiros e secretarios xerais. Pero tamén hai académicos da RAG ou importantes profesores de Universidade que fan gabanza de que o galego ten unha enorme hibridación e de que iso é bo, algo que é unha barbaridade. Obviamente, a un labrego, a un mariñeiro que fala o galego e que non tivo a posibilidade de estudalo non se lle pode pedir o mesmo que a un académico, a un profesor ou a un conselleiro. Mais todos debemos facer o posible para, dentro das nosas condicións, usar o mellor posible a lingua.

Como se convence a quen se nega a usar 'grazas' ou 'vila' porque sempre usou gracias ou pueblo?

Supoño que cun pouco de pedagoxía e cun pouco de boa praxe da lingua. Parece que o galego é a única lingua do mundo que non ten dereito a ter un estándar culto e que todo o que está na lingua popular xa vale. E non é así. Houbo xa folcloristas no século XIX e XX que traballaban coa lingua popular e coloquial que eran conscientes das formas que non eran galegas e advertían delas para que quedase claro que cousas non eran autóctones. Se hai xente que se nega a dicir 'grazas', 'pobo' ou 'deus' é un problema que se solventa con pedagoxía e con compromiso coa lingua. O problema do galego é tamén esa identificación entre o galego popular e o real e auténtico. É necesario que haxa ese galego popular e coloquial, pero iso non quita que estea liberado de barbarismos. Tampouco se pode falar igual nunha conferencia que coa parella ou coa familia, pero iso non quita que se expurguen españolismos ou léxico non propio. Non hai por que dicir cuchara se existe 'culler' ou pueblo habendo 'vila'.

Fala dalgún programa da TVG pero pesa máis a defensa que se fai no galego del ou o seu mal uso?

Se realmente hai que difundir o galego hai que difundir A Casa da Coella e non A Casa da Conexa. Se é unha cousa folclórica para facer rir certos días á semana, pois moi ben, pero o galego non pode permitirse eses luxos. O inglés, o español ou o francés poden permitirse certa caste de formas proveñentes doutras linguas porque non periga a súa hexemonía, pero na nosa lingua non porque a situación é moita máis adversa. Calquera mínimo ataque acaba sendo moi daniño, pero se eses ataques teñen unha certa proxección pública, a cousa aínda é peor. Moita xente di que se dixo conexa, pero se escarvas un pouquiño a xente acaba dicíndoche que así era como se dicía antes. Porque ese galego máis autóctone non está tan lonxe, pero nin as institucións públicas nin as académicas están interesadas en reivindicalo.

Vostede asegura que falta compromiso por parte da RAG...

Estou convencido de que se a RAG quere ser realmente a Academia Galega debía ser máis aberta e, por exemplo, contar con estamentos das tres universidades galegas e non só dunha. Fáiseme moi difícil acreditar que a Academia funcione como tal cando moitos dos seus académicos din pueblo, pulpo ou papeles... Iso só pasa nun país coma este. Se queremos que o galego sexa unha lingua normal todos teremos que coidalo porque o galego vai cara á confluencia co español e ese é o verdadeiro problema: que o galego pode desaparecer.

Como pode desaparecer?

Pode desaparecer a través de dúas vías: a primeira a través da confluencia co español, porque se cada vez o galego é máis español e menos galego, acabará sendo un dialecto español con catro cousas folclóricas; e a segunda por substitución, cando en vez de galego se fale español. Conflúese tanto co español que hai veces que escoitamos algún político e temos dúbidas de en que lingua está a falar.

Reivindica que hai que atender á tradición galego-portuguesa.

Son dos que pensa, como o resto de compañeiros que participan no libro, que o galego ten o mundo aberto grazas ao portugués. Non hai nada polo que desaproveitar esa tradición galego-portuguesa e xa dicía Dieste que unha palabra galega no medio do portugués é como unha pinga de auga no medio dunha cunca de auga. É o mesmo. Para ter unha lingua de calidade debemos acudir a esta tradición galego-portuguesa, que non está moi lonxe de como fala a nosa xente. Todos coñecemos xente que ten expresións totalmente galego-portuguesas, pero que se van utilizando cada vez menos. Debemos conectar con esa fala auténtica, popular e enxebre e defender esa unidade básica dialectal entre galego e portugués. É de tolos non aproveitar ese gran recurso. Xa o quererían para eles os cataláns!

Os últimos datos estatísticos debuxan un negro panorama para o galego, que medidas urxentes se deberían tomar?

As medidas que habería que tomar parten por que os poderes públicos se involucren realmente coa recuperación social do galego. Se se parte deste principio habería que achegar varias medidas, pero a básica é que a promoción do galego sexa verdadeira e non algo folclórico. Ten que ser un compromiso real e a partir de aí tomar medidas no ensino, na promoción cultural e audiovisual, no ensino superior... Pero o eixo fundamental parte de que as autoridades políticas asuman que a lingua galega tamén é parte do noso ADN.

Foron máis negativas as modificacións legais que levou a cabo o goberno de Feijóo ou o desprestixio que se fixo do galego?

As dúas cousas van parellas. Se non podes dar matemáticas en galego, como ocorre agora mesmo, onde está o prestixio da lingua? Onde esa equivalencia en status? Hai medidas legais adoptadas que involúen anos de moito traballo e sacrificio por parte de sindicatos, organismos políticos ou culturais... Porque lembremos que o galego estaba mal pero agora está peor. E como se pode cambiar isto? Pois promovendo o galego no ensino. Pero se o principal decreto que afecta a educación merma aínda máis a situación da lingua, mal imos. Moi mal imos.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 14-05-2015 08:42
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3] [4]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0