Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

GZnación - Festa do Galego en Compostela
Festa do Galego en Compostela
[GZnación / L.G.;E.F. / 18 Mai 08]


Non houbo máis reivindicación que a de defender o noso idioma. O galego viviu esta xornada unha festa polas rúas de Santiago de Compostela, nunha xornada desapacíbel na que a choiva non calou a os miles de persoas que avogaron durante todo o percorrido polo dereito a vivirmos en Galego no noso país. 25.000 asistentes, segundo a organización, que partiron da alameda de Compostela para protagonizar unha das concentracións máis importantes vividas na capital galega.

A marcha rematou na Praza da Quintana, lugar onde se deu lectura ao manifesto da marcha e na cal houbo voces que clamaron pola normalización do idioma nos diferentes ámbitos da vida. Carlos Callón, en última instancia, foi o encargado de pronunciar unhas palabras a xeito de denuncia contra os que alegan polas bondades do bilingüismo harmónico en Galiza. Ademáis de Callón, destacou a testemuña da xuíz Ana López Suevos, coñecida pola denuncia da Cadena COPE "intelixíbel" por estar no noso idioma.

A manifestación partiu pasadas as doce do mediodía da Almeda, lugar onde se concentraban xa minutos antes miles de persoas agardando a marcha que remataría na zona vella da cidade. Abrindo a comitiva, nenos pequenos polo galego e o cartaz da Mesa pola Normalización Lingüística, impulsor desta convocatoria á que finalmente se adheriron un total de 447 colectivos de distintas ideoloxías, concellos ou asociacións culturais de todo o país.

Os berros que máis se escoitaron foron os de "sempre en Galiza, sempre en galego"; "na Galiza, en galego", "quen queira, quen non, Galiza é unha nación" ou "o biligüismo é o imperialismo". Tamén houbo, iso sí, unha 'lembranza' reivindicativa contra colectivos como Galiza Bilingüe, baluarte do biligüismo harmónico e do "dereito a falar castelán". "Pero quen se lembra do noso dereito a vivir en galego?", espetou Callón, quen levantou moitos aplausos entre un auditorio que berraba baixo os paraugas.

Callón defendeu o "dereito colectivo básico e elemental" que supón utilizar o galego con "normalidade" en calquera ámbito posto que "non prexudica a ninguén". Por iso, insistiu na reclamación aos poderes públicos para que "garantan" ese dereito.

Do mesmo xeito, explicou que o galego é a "lingua natural" de Galiza e reprobou a quen negan ese dereito por considerar que utilizan "discursos franquistas".

Nesta liña, recordou aos asistentes que a frase "o castelán é tan gallego como el gallego" provén da época franquista e criticou o "cinismo" daqueles que queren que a lingua galega se convirta "nunha reliquia".

Sen embargo, celebrou todas as entidades apoiasen unha manifestación que cualificou de "histórica".

Quintana

O portavoz nacional do BNG e vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, definiu hoxe a manifestación como "un berro de seducción" para que os cidadáns do país que non falan o galego se "sumen" aos que si o fan. "É para iso, non para pelexar entre galegos", sentenciou.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 19-05-2008 13:05
# Ligazón permanente a este artigo
Fala-la fala nai
Xosé Luis Barreiro Rivas - La Voz de Galicia - Sábado 17 de mayo de 2008


Cada vez hai máis galegos que, afirmando formalmente a súa identidade e o seu amor pola terra, cargan sen embargo contra a obrigación de estudar o galego, ou contra a cultura institucional que favorece o uso e a crecente normalización da lingua propia. A eses galegos chamoulles Celso Emilio Ferreiro os «patufos desleigados, / pequenos mequetrefes sen raíces / que ó pór a garabata xa non saben / fala-la fala nai, / a fala dos avós que temos mortos?».

Por experiencia sabemos que, pese aos esforzos feitos no período autonómico, e fronte ao éxito inicial das políticas de normalización, o galego, igual que sucede coas outras linguas minoritarias do Estado, resiste moi mal a competencia co castelán, e que se non se asume a discriminación positiva a favor da lingua, que implica obrigacións para todos nós, corremos serio perigo de perder a peza esencial da nosa identidade.

Por iso é urxente que saibamos distinguir entre a liberdade lingüística que temos e podemos exercer a nivel individual, e aqueloutras obrigas que temos que asumir, como pobo, baixo a tutela das institucións.

Neste senso cabe afirmar que a liberdade lingüística dos cidadáns é perfectamente compatible coa obriga curricular de estudar galego e demostrar a nosa competencia intelectual e profesional nesta lingua. Ninguén nos pode impoñer a obriga de saber matemáticas ou ortografía para ser español e exercer todos os nosos dereitos. Pero si nos poden obrigar a estudar esas materias no noso período escolar, condicionando con iso as posibilidades de obter os títulos correspondentes, acceder á función pública ou exercer as profesións que requiren unha previa habilitación académica.

O galego é a nosa lingua. E só negando esa realidade, e apuntándose expresamente á condición de «patufos desleigados», se pode esixir un trato para a nosa lingua que non a equipare en dereitos e deberes ao idioma oficial do Estado. Porque a liberdade lingüística non inclúe a incompetencia curricular para escribir e falar o galego, senón a libre opción que adoptamos despois -cando xa somos competentes- na nosa vida social, profesional e familiar.

¿Que diriamos dun dinamarqués ou dun grego que, pretextando o decrecente valor do seu idioma, reclamase o dereito a instalarse na eutanasia lingüística? ¿Que dirían de nós as xeracións futuras se, no intre no que dispoñemos de máis posibilidades de uso e aprendizaxe da lingua, a deixaramos? O debate sobre este punto raia, para min, no puro delirio. Porque eu prefiro instalarme na vontade de ser que o propio Celso Emilio cantou mellor que ninguén: «Eu fáloa porque si, porque me gusta, / porque me peta e quero e dáme a gana / porque me sae de dentro, alá do fondo?».
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 18-05-2008 20:58
# Ligazón permanente a este artigo
O festival A Mocidade coa Lingua reuniu onte a centos de escolares
REDACCIÓN DIARIO DE FERROL


A música en galego foi onte a protagonista nunha nova edición do festival A Mocidade coa Lingua que reuniu no Raíña Sofía de Ferrol a centos de estudantes de diferentes centros da cidade e comarca. Os grupos Norfolk, Ledicia, Matutanos e The Arradios foron os encargados de encher o escenario.

Dende as dez e media da mañá foron chegando ao parque ferrolán os mozos dos colexios e institutos que este ano quixeron estar presentes na festa organizada pola Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra e o Concello de Ferrol.

Unha cita que, unha vez máis, serviu para reivindicar o emprego da lingua galega en todos os eidos da vida, incluido o da música. O grupo Ledicia do CEIP Manuel Masdías de Caranza, unha formación con 25 anos de traxectoria, foi a primeira en subir ao palco para interpretar varias cantigas, contando nunha delas coa interpretación da recoñecida artista ferrolá María Manuela.

O grupo The Arradios, do IES Fernando Esquío de Neda, Os Matutanos, do IES de Fene, e o xa consolidado Norfolk -grupo que xurdiu precisamente deste festival, no que fora gañador dunha das edicións- completaron o programa de actuacións.

De xeito intercalada a estas, alumnos de varios centros leron fragmentos de textos a prol da normalización e defensa da lingua galega ante os seus compañeiros, inaugurando a mesma unha moza chinesa e residente na cidade ferrolá.

As condicións climatolóxicas tamén quixeron estar onte ao lado do festival e permitiron que este se desenvolvera con total normalidade.
Comentarios (1) - Categoría: Actividades - Publicado o 18-05-2008 20:56
# Ligazón permanente a este artigo
O festival A Mocidade coa Lingua leva a música ao Raíña Sofía
REDACCIÓN DIARIO DE FERROL



É unha cita tradicional no calendario de actividades a prol da normalización lingüística no Concello de Ferrol e hoxe vivirá a decimosexta edición. O Festival A Mocidade coa Lingua, promovido pola Coordenadora de Equipas e o goberno local, levará esta mañá á música ao Parque Raíña Sofía.

Dende a súa primeira edición, a actividade sufriu algún que outro cambio. Naceu como un certame para os grupos que xurdían nos centros educativos da cidade e comarca, para anos máis tarde, e logo dun pequeno parón, regresar como unha plataforma de difusión dos grupos que tras participar no festival acadaron emprender a súa carreira profesional no eido de música. É o caso de Norfolk, que un ano máis se convertirá nun dos protagonistas do concerto que esta mañá, a partir das 10.30 horas, terá lugar no parque ferrolán. Sen embargo, e como novidade, non estará só no escenario. Xunto a el, outras tres formacións xurdidas no seo de diferentes centros educativos, ofrecerán o seu repertorio ante os preto de mil escolares da cidade e comarca que se agarda asistan á cita.

Trátase da formación Ledicia, do colexio Manuel Masdías de Caranza e con xa máis de 25 anos de traxectoria ás súas costas na interpretación de cancións infantís en galego e versións de pezas moi recoñecidas; os Matutanos do IES de Fene e The Arradios do IES Fernando Esquío de Neda.

Unha mestura pois, entre grupos mozos xa consolidados e outros que están a iniciar a súa andaina no eido musical.

Así o puxo de manifesto a presidenta da Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra, Carmela Loureiro, que presentou, xunto ao concelleiro desta área Javier Galán e a responsable de Cultura do Concello ferrolán, Yolanda Díaz, o festival desta mañá.

Colaboración > Tanto Loureiro como Galán subliñaron a importante colaboración entre as dúas entidades -o goberno local achega 10.000 euros, 7.500 a cargo da área presidida por Javier Galán e o resto da de Cultura- como fórmula para levar a cabo actividades que teñen un claro obxectivo, "que a lingua galega siga avanzando na nosa cidade", como dixo o edil de Normalización Lingüística, e para que "a xente nova vexa que tamén se pode triunfar en galego a través da música, escritura, etc.", engadiu Carmela Loureiro.

Pola súa banda, a responsable da área de Cultura, Yolanda Díaz destacou o gran traballo que dende a Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística "se está a facer pola nosa lingua e a cultura do noso país".
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 18-05-2008 20:55
# Ligazón permanente a este artigo
O Hotel Ciudad de Vigo non contrata a un mozo "por chamarse Xesús" e "usar o galego durante a entrevista"
[GZnación / Redacción / 16 Mai 08]


A Mesa pola Normalización Lingüística deu a coñecer esta maña nunha rolda de imprensa celebrada en Vigo un novo caso de discriminación motivada polo uso consciente do galego no ámbito das relacións laborais.

Esta vez foi un veciño da cidade olívica, Xesús da Torre Martíns, que segundo explicou "se lle negou o acceso a un posto de traballo nun importante estabelecemento hostaleiro vigués polo simple feito de chamarse 'Xesús' e por empregar o galego durante a entrevista de traballo cun directivo do hotel".

Xesús da Torre presentou o seu Curriculum Vitae para un posto de traballo na recepción do Hotel Ciudad de Vigo. Foi seleccionado e chamado a unha entrevista persoal cun dos directivos do estabelecemento. O denunciante explicou como, xa de entrada, "o directivo que me estaba a entrevistar fixo referencia ao feito de eu falar galego e preguntoume se era quen de falar castelán, alén de facer unha desafortunada referencia ao meu nome de pía 'Xesús', que polo visto lle causou moita estrañeza". Da Torre, que se declarou como 'políglota', contou que "consciente de que aquilo era un intento de provocación, cambiei ao castelán para lle demostrar ao entrevistador o meu perfecto dominio deste idioma". "Porén, ao directivo do hotel parecíalle que a miña condición de galego falante habitual podía supor un problema", explicou, "porque, segundo el mesmo, ao falar cos clientes podíaseme escapar algunha palabra ou frase en galego".

Da Torre aseguron que no seu día puxo en coñecemento o seu caso á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galiza, quen o único que fixo foi enviar unha carta á dirección do hotel. O mozo afirmou que para el "o uso do galego non é un dogma de fe, mais si unha cuestión de dereitos civís básicos que, no meu caso, foron visibelmente conculcados".

Fran Rei, coordenador de zonas da Mesa, explicou que, unha vez coñecido o caso de Xesús da Torre, A Mesa mantivo unha entrevista cun dos encargados do Hotel Ciudad de Vigo, no que este "asumiu como real e non inventada a denuncia en todos os seus termos", mais iso si, "para xustificar en todo momento a actitude do estabelecemento baseándose en todos os coñecidos e manexados tópicos e prexuízos que circulan arredor do galego". O dirixente da Mesa explicou, ademais, como o Hotel Ciudad de Vigo "reincide no seu desprezo ao idioma galego", pois "xa hai dous anos tivemos coñecemento na asociación doutro caso semellante: unha traballadora que presentou un escrito laboral redixido en galego e recibiu como resposta desde a xerencia que o debía traducir ao castelán, ou do contrario non tería validez xurídica".

"Casos como este son reais e acontécenlles a moitas persoas en calquera acto da súa vida cotiá. Por eles, e por nós mesmos, cómpre reclamarmos o dereito a vivirmos en galego este domingo 18 de maio nas rúas de Santiago" sinalou Fran Rei.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 18-05-2008 20:54
# Ligazón permanente a este artigo
2.800.000 euros por un 8% de informacións escritas en galego

[GZnación / L.G. / 16 Mai 08]


"A Secretaría Xeral de Política Lingüística é o órgano superior da Administración autonómica en materia de promoción e ensino da lingua galega e de dirección, planificación, coordinación e execución da política lingüística da Xunta de Galiza", versa a páxina web. Depende, pois, directamente, da Consellaría de Presidencia. E esta, á súa vez, dispón anualmente dunha partida orzamentaria a repartir entre diferentes empresas, organismos, asociacións... para fomentar a lingua galega en diferentes ámbitos.

Os medios de comunicación galegos, en concepto de "potenciar e promover o uso do idioma galego nas noticias que difunde...", van nutrir arcas este ano cunha subvención de 2.800.000 euros a través do asinamento de diferentes convenios renovados ao longo de todo o 2008. Esta partida económica sumamente cuantiosa recibiu o visto e prace cunha rúbrica o dezasete de xaneiro. Falamos do Convenio 2008-10.

Un nome máis, un convenio reinventado entre este departamento dirixido por Marisol López para que o galego teña presencia na prensa escrita, na radio e televisión, en internet... para que o sustento da nosa información diaria sexa en galego, ou poida selo. Ou máis ben, segundo a titular do departamento que nos ocupa, para "convencer" a estes xornais a que se conciencien sobre a necesidade de publicar no noso idioma.

Prensa escrita

O Estudio General de Medios, que analiza por trimestres a evolución, competitividade, tirada... dos medios de comunicación a nivel estatal, contempla na listaxe principal dos medios máis competitivos españois a La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Progreso e El Correo Gallego (dun total de 46 publicacións). Entre eles, abarcan o universo de lectores -en canto a xornais galegos de seu- dun total aproximado de 1.053.000 ao día. Non contamos, pois, con publicacións como ABC ou El País, que deberan estar nesta lista. (O único dato do que dispoñemos desta última publicación é que medrou nun 11,4% a súa tirada no noso país desde que comezou a súa edición galega).

Un amplísimo abano de difusión que serviría daquela, e cunha perspectiva simple e pragmática, para informar en galego a todas as persoas que decidiran mercar cada un destes xornais. Sen embargo, La Voz e Faro de Vigo empregan a nosa lingua nun 4,8% e nun 5,3%*, respectivamente. Até aquí, e tendo en conta a súa capitalidade privada, non debéramos sobrepasar a barreira do dramático, se non fora porque a Xunta de Galiza asina cunha periodicidade relativa mensual, convenios para o "incrementar de xeito gradual a presenza do galego nos medios", como recoñeceu a propia Marisol López.

21 convenios en total só para estas dúas publicacións, as máis importantes, insistimos, en canto a difusión en Galiza. El Progreso, tamén dentro da clasificación de xornais máis competitivos a nivel estatal, 'fala galego' nun 4,6%, e sen embargo asinou coa Xunta 12 convenios renovábeis; El Correo Gallego, emprega nun 4,1% o galego e asinou coa Xunta noutras 12 ocasións.

Fondos e xornais: relación de convenios e contías: (Ver táboa inicial)

Entre todos os xornais que publican no noso país, só o 7,9% das súas páxinas está no noso idioma en base a cuxa producción e fomento radica a existencia destes acordos entre a Xunta e as empresas. Un estudo elaborado pola Facultade de Xornalismo de Santiago, coordinado por Ana Boullón, revela o seguinte: DXT Campeón (0,8%); El Ideal Gallego (2,9%); El Correo Gallego (4,1%); El Progreso (4,6%); Diario de Pontevedra (4,8%); La Región (8,1%); Diario de Ferrol (9,9%); La Opinión da Coruña (11,7%); Atlántico Diario (14,1%); Diario de Arousa (24,3%). Este último xornal percibiu 100.000 euros.

[Non respondendo á premisa desta investigación como medios non galegos, nin ABC nin El País Edición Galicia teñen estudada a porcentaxe de informacións no noso idioma]

Os outros

Novas da Galiza é un xornal escrito que non percebe ningunha subvención (non asinou ningún acordo ou convenio de promoción do galego) malia que o 100% das súas informacións estean publicadas neste idioma. No seu número 52, dispoñíbel na súa páxina web, revelan que a Secretaría Xeral de Comunicación, rexida por López, denegoulles tal posibilidade. O xornal engade que ?cun sorriso mais escasa comicidade, Marisol López permitiuse a gracia de dicir ?a eles temos que convencelos?. Aos que xa escriben en galego, non.

O prezo do galego nos medios escritos é certamente cuantioso. Canto custa cada noticia en galego nas cabeceiras do noso país?


* datos publicados por Longa Lingua
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 18-05-2008 20:46
# Ligazón permanente a este artigo
A Mesa denuncia que o 43,1% dos centros de Infantil incumpren o decreto do galego no ensino
[GZnación / Redacción / 15 Mai 08]


A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou hoxe que o 43,1% dos centros de Educación Infantil incumpren o decreto de uso do galego no ensino. O colectivo obtivo este resultado dun estudo realizado pola empresa Quadernas Consultoría e que contou cunha mostra de 170 centros. Segundo estas enquisas, eses 43,1% de escolas seguen sen impartir o mínimo do 50% dos contidos na lingua do país.

Ademais, o estudo revela que "dos que incumpren o decreto, arredor dun 40% imparten no idioma da Galiza unicamente unha hora ou menos cada día, o que está moi por debaixo mesmo da normativa sobre o uso do galego que estaba en vigor nos anos 90". Así mesmo, segundo os equipos directivos, o incumprimento é do 40,1 por cento, "unha porcentaxe levemente inferior e que estaría condicionada pola maior resistencia para admitir que non se cumpre a lei por parte dos responsábeis de implantar o decreto".

Situación máis grave nas cidades

Segundo os datos dos Equipos de Normalización, a situación máis grave de vulneración da norma está nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo e Ferrol, pois por exemplo na escolarización de nenos e nenas de 3 anos, o decreto non se está a aplicar no 69,8% dos centros. En infantil de 4 anos, o incumprimento é do 63,5% e en infantil de 5 anos do 62,2%.

Así mesmo, aínda que a norma tamén se vulnera nun nivel alto nos centros públicos, é moito máis grave nos privados. Segundo a Mesa, o 89,7% en 3 anos, o 80% en 4 anos e o 83,4% en 5 anos.

Dende o colectivo sinalan que estes datos "poñen en evidencia a política letal para o galego que está a seguir a Consellaría de Educación, que polo que mostran os seus feitos só utilizou o decreto do ensino en galego para lavarse a cara e aparentar que cumpría a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega". A organización tamén sinala que a Consellaría "engana á sociedade" cando se fai presentar como un departamento que promove o galego e cualifica estes feitos de "absoluta desidia".

Falta de transparencia peor que co PP

"Esta falta de transparencia queda de manifesto tamén nos numerosos atrancos que a Consellaría puxo para a realización desta enquisa", unhs obstáculos que o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística cualificou de "moito peores que cando realizamos outros inquéritos durante os gobernos do Partido Popular".

Para o presidente da Mesa, Carlos Callón, "aínda que se trata dunha irregularidade gravísima, que atenta contra a formación do alumnado e contra o futuro da cultura galega, non é estraño que o decreto se incumpra de xeito tan clamoroso, posto que a Consellaría de Educación ou a Presidencia da Xunta non adoptaron nin unha soa medida para que se aplicase".

Perante estes datos, "que mostran un continuísmo lamentábel coa Consellaría de Educación do PP", a Mesa chama á sociedade a mobilizarse este domingo 18 de maio, en defensa do dereito a aprender en galego. "Non hai educación de calidade se o galego fica marxinado e se se incumpre de xeito tan vergoñento a lexislación", conclúe A Mesa.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 18-05-2008 20:42
# Ligazón permanente a este artigo
VIII Certame Poesía e Imaxe - exposición itinerante

Profesor/profesora:

Comunícolle que a exposición itinerante correspondente ao VIII Certame Poesía e Imaxe, organizado polo Concello de Ferrol e a Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística, está a disposición dos centros de ensino para o curso 2008-2009. Se desexa ter a exposición durante 15 días no seu centro, debe chamar ao 981 944014 ou 944000, ext. 219, de luns a venres, en horario de 09.00 a 14.00 h ; tamén pode comunicar a reserva das datas por correo electrónico en gnl@ferrol.es

Atentamente,
O concelleiro delegado da Área de Participación Cidadá



Javier Galán Pérez




Ferrol, 14 de maio de 2008
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 18-05-2008 20:40
# Ligazón permanente a este artigo
Jornadas de formaçom dedicadas a divulgar a figura e a obra de Ricardo Carvalho Calero
Caros companheiros e companheiras
Pola presente, informamos-vos da realizaçom de umhas Jornadas de formaçom orientadas tanto para o professorado como para o alunado da nossa comarca, dedicadas a divulgar a figura e a obra de Ricardo Carvalho Calero, primeiro catedrático de Língua e Literatura Galega, investigador literário e lingüístico, e autor literário de primeira ordem em todos os géneros de criaçom.
Como saberedes, a Fundaçom Artábria leva anos a reivindicar um Dia das Letras para Carvalho, mas este ano a nossa campanha está a ser mais intensa. Estas Jornadas querem contribuir para que se conheça o valor da sua obra e apoiar assim a candidatura do autor ferrolano para protagonizar o Dia das Letras de 2009.
Sendo também Ricardo Carvalho Calero um grande defensor do nosso idioma, agradeceríamos que divulgássedes a realizaçom destas Jornadas, que decorrem nos dias 27, 28 e 29 de Maio no salom de actos da Vice-Reitoria da UdC, no Campus de Esteiro.
Anexamos-vos o programa das Jornadas, que conta com alguns e algumhas das melhores especialistas na obra de Carvalho, e convidamos-vos a que assistades às mesmas.
Agradecendo antecipadamente a vossa colaboraçom
Recebei umha saudaçom dos companheiros e companheiras da Fundaçom Artábria.

Podedes descargar o programa, como sempre, en slideshare.

Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 14-05-2008 20:56
# Ligazón permanente a este artigo
Dicionario Enciclopédico Galego das TIC
IMPULSADO POLO COETG
Un dicionario recollerá os termos sobre novas tecnoloxías na nosa lingua

A obra, que estará dirixida por Xavier Alcalá, presentouse este martes en Compostela, dentro dos actos conmemorativos do Día das Letras, da Internet e das Telecomunicacións.
Redacción Vieiros - 19:03 13/05/2008




Este martes presentouse en Compostela o Dicionario Enciclopédico Galego das TIC, unha obra promovida polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicacións e dirixida por Xavier Alcalá que pretende normalizar na nosa lingua o vocabulario relacionado coas novas tecnoloxías.

A presentación do proxecto e mais a reflexión sobre o futuro da lingua galega na era dixital foron as principais accións que promoveu o COETG para conmemorar, xunto coa Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2008.

Alcalá, ademais de achegar os primeiros resultados do proxecto en canto a escolma de termos e criterios de selección, falou da intencionalidade do Dicionario, da súa produción e metodoloxía de traballo, así como da súa promoción e divulgación na rede. Como enxeñeiro, afirmou, "cómprenos a aplicación correcta dos códigos. O código fundamental para os humanos é a fala. Por iso, nós temos unha especial obriga na corrección e na economía dos termos", de aí que para Alcalá sexa "obxectivamente encomiable o Dicionario que nos propomos levar ao dominio dos feitos".

O Dicionario Enciclopédico Galego das Tecnoloxías da Información e da Comunicación, no que traballan máis de 30 expertos, conta coa supervisión técnica e científica da Escola Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación de Vigo e coa supervisión lingüística da Real Academia Galega. A súa produción desenvolverase en tres anos e aloxarase na web corporativa da AETG e nos dominios de Internet da ETSET de Vigo e da Real Academia Galega, con actualización permanente e grupos de traballo na súa contorna para o desenvolvemento conxunto da lingua e das tecnoloxías.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 14-05-2008 20:46
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3] [4]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0