Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Fernando Ramallo: ?Non se pode pensar no futuro do galego sen os neofalantes?
O neofalantismo xurdiu, principalmente, nos anos oitenta e hoxe é xa unha variante e unha opción lingüística emerxente que, ás veces, entra en conflito co falante tradicional. E cun galego que corre moitos riscos, o futuro da lingua ten que contar cos neofalantes. Iso é o que opina nesta entrevista o profesor da Universidade de Vigo e especialista neste eido, Fernando Ramallo.

Por Xurxo Salgado - Galicia Confidencial | Vigo | 22/04/2015


Fernando Ramallo é, probablemente, o maior especialista galego en neofalantes. É profesor de Lingüistica na Universidade de Vigo e investigador en sociolingüistica, políticas lingüisticas e discursos analíticos e métodos de investigación lingüística. É membro do Comité de Expertos do Consello de Europa que se encarga de velar pola Carta Europea das Linguas Minoritarias.

Esta semana coordina en Vigo varias sesións de traballo e mesas redondas sobre o ?Neofalante nunha Europa multilingüe: oportunidades e desafíos?, na que participan preto de 55 expertos europeos.

Cal é o obxectivo desta xuntanza?
Somos unha rede europea que financia a UE a través do proxecto COST. Trátase de crear redes que traballen durante anos para identificar problemas, temáticas relevantes da investigación en Europa, de todas os campos. O obxectivo desta rede, que se reúne dúas-tres veces ao ano, é poñer sobre a mesa os traballos dos seis 'working groups'. Estes días en Vigo analizaremos os avances de cada grupo. Non é un congreso, aínda que como organizador local que son pois organicei dúas mesas redondas, unha sobre neosignantes e outra sobre neofalantes en Galicia.

Entón, cales son os fins desta rede?
Uns máis académicos e teñen que ver coas linguas minoritarias, inmigrantes e traballadores transnacionais. Tratamos de identificar temáticas relevantes sobre estas tres perspectivas. Por iso, cando falamos de nefofalante falamos de cousas moi diferentes porque non é un mesmo un neofalante en Galicia que un en Euskadi. E nisto hai moitas posicións complementarias sobre o que entendemos por neofalante dentro da propia rede. A outra finalidade é levar a cabo unha análise comparativa de perfil de neofalantes tanto dentro das tres perspectivas anteriores como entre elas para tratar de identificar temáticas e marcos teóricos comúns. E logo, pois tamén producir publicacións e promover proxectos de investigación.

Falemos do fenómeno dos neofalantes, agora tan en auxe. Que supón en Galicia como materia de estudo?
Pois traballar cun perfil en si moi complexo e localizado en espazos urbanos. É moi diverso porque hai moita xente que leva sendo moitos anos neofalante e outros, desde hai pouco. E hai perfís; os que abandonan radicalmente o español e os que o seguen usando. E hai unha posición de cambio e crítica coa política lingüística. E falo dunha posición histórica. Asumen un rol de defensores da lingua. Por outro lado hai unha diversidade no dominio das competencias lingüísticas. Uns coidan moito a lingua e outros pois son máis despreocupados pero no fondo, a medida que a conversión se consolida e xa se consideran neofalantes plenos, pois hai un coidado máis da lingua. E non se pode dicir que todos os neofalantes son castelanizantes. Hai de todo. Hai xente que se esmera moito e coida moito a lingua porque toma unha posición consciente da situación do galego. E isto nos pasou a todos os neofalantes que comezamos cun galego pésimo e logo pois nos esmeramos. Pero a sociedade é complexa e o neofalantismo pois tamén. Hai perfís moi diferentes.

E fóra, como se ve este fenómeno noutros lugares?
A peculiaridade galega só se dá aquí. En Cataluña, por exemplo é diferente. Aquí a inmigración é escasa e o neofalante é galego. Unha persoa que decide abandonar o español como lingua principal e colle o galego. Este abandono do español é estraño para unha persoa de fóra e non se entende moi ben. E agora é moi habitual que unha persoa fale en español e outro en galego e non hai problema e isto hai vinte ou trinta anos non pasaba porque era o galego o que se tiña que acomodar ao español. E agora dous falantes poden comunicarse e ser monolingües en español e en galego sen distorsión lingüística. Tamén hai outros perfís de neofalantes, relacionados con ámbitos concretos.... o que o fala coa familia, no traballo ou cos amigos. Isto son usos selectivos da lingua.


En todo caso, hai unha diferencias entre os falantes, digamos tradicionais, e os neofalantes. Supón isto unha perda de identidade?
Somos conscientes de que o galego tradicional está en decadencia xa que a transmisión interxeneracional debilitouse moito nas últimas décadas e xa supera os 100 anos. Pero acentuouse nas últimas épocas. Pero hai que distinguir. Os falantes tradicionais manteñen unha tensión coas variedades dos neofalantes. Dinnos que falamos como os da tele e teñen logo pouco aprecio polas súas propias variantes. E o neofalante tamén ten os seus propios conflitos internos porque non entenden ese rexeitamento e tamén porque están permanentemente buscando o seu espazo. Hai un problema de lexitimación, de recoñecemento social e que as políticas lingüísticas apenas tiveron en conta aos neofalantes e, por iso, é un esforzo da propia persoa por abandonar o español e pasarse ao galego. O neofalantismo xorde nos oitenta e é xa unha variante emerxente. Así que veremos a súa evolución e como axuda a manter o galego do futuro porque a transmisión do galego tamén se está perdendo. O futuro da lingua ten que contar cos neofalantes. Non se pode pensar o futuro do galego sen os neofalantes, aínda que é certo de que hai certos temores elitistas, desde certos organismos académicos, que falan de que se trata dun galego deturpado. Pero se somos moi esixentes pois igual podemos provocar reparos aos que ven no neofalantismo unha forma de defender a nosa lingua e a nosa cultura.

Ante aludías ao plurilingüismo. Cres que o decreto do Pluriliongüismo aprobado polo Goberno Feijóo afecta tamén aos neofalantes?
Está afectando a varias cuestións. No tema do neofalantismo, ao baixar a presenza do galego na educación, fai que haxa máis xente que se pode sentir desmotivada. Pero tamén é certo que hai quen chega ao galego ao darse de conta de que a Administración non está facendo moito pola defensa da lingua.

Habitualmente identificase aos neofalantes como activistas políticos, principalmente, no mundo do nacionalismo. É isto certo?
Hai un perfil claro de neofalantes que son nacionalistas, pero hai tamén outra tipoloxía. Houbo unha época na que o neofalante non tiña preocupación pola política e outra na que era un suxeito moi politizado. Moitos neofalantes, cando falamos con eles, pois tamén rexeitan que lle asignen un valor político que din que non é real. Tampouco lles gusta que digan que son nacionalista por falar en galego. Cando se fan neofalantes toman conciencia do que é a súa lingua, aínda que voten ao PPdeG. Pero non creo que haxa unha maioría de nefoalantes que poidan ser activistas políticos do nacionalismo neofalante.

Neste eido tamén é moi importante o papel dos medios en galego. E, nun país coma o noso, onde case non existen, aínda máis. Cal cres que debe de ser a súa función?.
Pois é capital na dignificación do valor social e recuperación da lingua. Cada vez se lé menos e cada vez os medios de comunicación tradicional teñen menos visitas. Pero teñen unha función social fundamental. Cantos menos medios en galego, peor, xa que afecta seriamente ao enriquecemento e mantemento da lingua e, tamén, á pluralidade informativa.

Ti es tamén membro do Comité de Expertos do Consello de Europa que se encarga de velar pola Carta Europea das Linguas Minoritarias. Como está a situación actual das linguas minoritarias en España?
Pois o Comité de Expertos acaba de aprobar o informe hai tres semanas e en breve lle chegará ao Goberno para facer alegacións.

Pero haberá algo que me poidas adiantar?
Pois o informe diferencia claramente a situación das linguas oficias e non oficiais e dentro das oficiais tamén hai diversidades. Máis ou menos o informe é parecido ao do ano anterior e as comunidades que máis recoñecemento teñen son Euskadi e Cataluña e as outras pois teñen dificultades que teñen que abordar. O informe é confidencial e non podo avanzar moito. Logo hai tamén un campo para as linguas sen recoñecemento. Aínda que o informe non cambie con respecto a outros anos, e iso a pesar de que España firmou o nivel máximo desta carta, o caso é que ten que cumprir coas esixencias destes informes particularmente no ensino, medios e xustiza. E por iso cremos que se debe facer máis por parte das administracións nestes campos.

E como está a situación no resto da UE?
Pois hai lugares que nivel de esixencia son moi baixos. España asinou para a Educación niveis moi altos e isto indica que na educación básica ten que haber inmersión lingüística en linguas minoritarias, independentemente, da elección dos pais. Noutros lugares de Europa pois é diferente. Nalgúns puntos os niveis de esixencia son como os de España e noutras aínda peor. Pero noutros puntos de Europa a cuestión lingüística está moi territorializada e e moi fácil de actuar.

Entón, cúmprense ou non as vosas recomendacións?
Nós non somos policía. Nós recomendamos pero son os estados os que teñen que cumprir os seus compromisos. En todo caso, outros estados tamén lle poden esixir a España que cumpra eses compromisos.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 23-04-2015 08:59
# Ligazón permanente a este artigo
Material relativo á obra: "A nena e o grilo nun barquiño"






Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 22-04-2015 12:24
# Ligazón permanente a este artigo
TEATRO CON G - 2015 - Inicianse actuacións
Inícianse as actuacións de Teatro con G co espectáculo músico -teatral "A nena e o grilo nun barquiño". Será o día 28 de abril no Teatro Xofre en dúas xeiras: ás 10h e ás 12 horas. Para poder asistir hai que pedir as prazas á concellaria de Educación: educacion@ferrol.es.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 21-04-2015 16:27
# Ligazón permanente a este artigo
Xosé Manuel Sánchez Rei: ?O galego popular presenta unha hibridación alarmante?
Usando ?unha variedade fortemente erosionada? non se axuda a normalizar o idioma. Esta é unha das teses dos autores de ?Modelos de Lingua e Compromiso?; libro de Baía Edicións editado por Xosé Manuel Sánchez Rei. Nesta entrevista, este profesor de Filoxoxía da UDC denuncia, entre outros puntos, que na TVG faise gala de deturpar o galego e di que xornalistas e políticos deberían dar exemplo de boa praxe coa lingua.

Por Manuel Vilas - Galicia Confidencial | A Coruña | 17/04/2015


Xosé Manuel Sánchez Rei, nado na Coruña en 1973, é un filólogo e escritor galego. Segundo resume a Galipedia, licenciouse en Filoloxía Galego-Portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela en 1997 e doutorouse na Universidade da Coruña en 2001, onde actualmente exerce a docencia como Profesor Titular na Área de Filoloxía Galega e Portuguesa. É secretario da Revista Galega de Filoloxía e membro do seu Consello de Redacción desde o seu aparecemento no ano 2000, colaborando tamén con artigos en Terra e Tempo.

Baía Edicións e o Grupo Illa da UDC presentan "Modelos de Lingua e Compromiso", un volume editado por este profesor, o 5 de maio na Feira do Libro de Santiago. Nesta conversa abórdase a temática do libro e tamén a situación actual da lingua.

Que motivos os levaron a decidir publicar un libro que reflexiona sobre a calidade do idioma e a súa normalización?
Ben, é unha moi boa pregunta porque demanda ser respondida de varias formas. En primeiro lugar, o libro nace da necesidade de subliñar, contra o que parecen pensar algunhas persoas, que non pode haber unha normalización real da lingua partindo dun modelo hibridizado ou barbarizado a respecto do español, pois esa mestura en si propia supón unha das principais ameazas para a sobrevivencia do galego, xunto á substitución, que é a outra cara da medalla da desaparición do idioma. En segundo lugar, no marco do sempre necesario debate científico-académico, as autoras e autores desta obra propomos outra visión do que debe ser obxecto de promoción da lingua para a súa normalización, xa que non acreditamos en que facendo uso dunha variedade fortemente erosionada se contribúa nin para a recuperación externa do galego (no uso social) nin para a interna (a limpeza de elementos foráneos desnecesarios, adoito provenientes do español). E en terceiro lugar, trátase de devolver ao pobo galego, que ten e tivo o honroso mérito de conservar o idioma, a súa propia lingua destonada na medida do posíbel de hibridacións que só a danan e asentado na tradición galego-portuguesa. Obviamente, en todo este proceso, muda o grao de responsabilidades: corresponde ás persoas con proxección pública (políticos, xornalistas, autoridades académicas, profesorado, investigadores da lingua etc.) daren exemplo cunha boa praxe pública da lingua; non se pode exixir a quen que non tivo a oportunidade de estudar galego que o utilice na súa vida diaria como o debe facer unha persoa neses ámbitos públicos.

Na presentación do volume indícase que "dificilmente se pode pensar nunha restauración social da lingua cando o que se pretende restaurar está fortemente erosionado polo español"...
O coñecido como ?galego popular? presenta uns niveis de hibridación alarmantes en todos aspectos da lingua (fónico, morfolóxico, sintáctico etc.) e o galego dos medios de comunicación arrastra tamén unha débeda nada desimportante a respecto do español, a cal se traduce, normalmente, nun galego linguisticamente neutro que prefire estruturas coincidentes con esa lingua antes que as máis características.

Até que punto cree que o galego de uso común perdeu identidade ante o dominio do español en ámbitos como os medios de comunicación?
Hai que notar tamén que o galego ten unha moi pouca presenza nos medios de comunicación, o que sen dúbida non favorece o proceso de normalización.

É esta "erosión" un proceso evítabel?
Habendo vontade de restauración por parte da administración e do ámbito académico, a tal erosión é reversíbel, mais para isto poder producirse as autoridades políticas e académicas teñen de ter vontade real desa recuperación, o que, como é sabido, cando menos por parte das primeiras, dista moito da realidade. En ningún país do noso ámbito (e penso na Alemaña, Franza, Inglaterra, Portugal etc.) acontece que os membros do goberno empreguen a súa lingua respectiva hibridizada a respecto dunha viciña ou que mesmo fagan gala desa mestura.

Que medidas serían necesarias tomar polas administracións para este fin?
Todas elas pasan porque se involucren verdadeiramente na restauración interna e externa do galego, para alén de simples efemérides folclóricas ou culinarias; despois, asumido este punto inicial, terían de ser ideadas diferentes actuacións destinadas a contextos e ámbitos particulares: administración, medios de comunicación etc. E, obviamente, a lingua debería ter unha maior presenza no ensino desde os primeiros anos en que unha crianza asiste ás aulas no colexio, para o cal non serve o actual decreto do PP.

Unha norma do galego máis próxima a norma do portugués sería útil para deter esta "erosión"?
Non se pode dubidar de que unha maior aproximación ao portugués, que, na realidade, é o galego na súa versión máis internacional, favorecería involuír esa barbarización que sofre o galego na súa confluencia co español, mais, na liña do comentado máis arriba, é tamén necesario que as autoridades políticas e académicas se impliquen de verdade na causa do galego.

Como pode influír a introducion do portugués como optativa no ensino medio na visión que os mozos teñen da lingua?
O pobo galego está nunhas óptimas condicións para se aproveitar da proxección internacional da súa propia lingua, chamada ?portugués? fóra da Galiza; por iso, cunha boa didáctica e unha adecuada praxe do ensino da norma portuguesa, penso que a mocidade podería mellorar a súa percepción do galego se soubese a poderosa axuda que pode ser ter plena consciencia de que o galego é falado por máis de 200 millóns de persoas no mundo.

Por que consideran que a calidade do galego está vencellada coa súa popularización? Un galego máis culto e menos 'popular' limitaría ou axudaría a sua adopción polos máis novos?
As autoras e os autores do libro somos da opinión que a expansión social do galego a través da súa recuperación de usos se acha intimamente unidade a un modelo de lingua digno, xa que dificilemente se pode normalizar unha variedade fortemente influída polo español. Ao mesmo tempo, a lingua debe contar con varios rexistros para ser empregada en contextos ben diferentes e aí teñen cabida tando as variedades máis formais canto as máis populares. Mais ao falarmos de tipos de galego máis populares non estamos a nos referir a variedades coloquiais grandemente interferidas polo español, mais a rexistros populares, claro, aínda que destonados de formas tiradas do castelán. Pode haber unha lingua máis popular que a do cancioneiro anónimo tradicional? Pois ben, xa no século XIX os eruditos que se dedicaron á súa compilación, como Saco Arce ou Pérez Ballesteros, eran plenamente conscientes de que os cantos tradicionais tiñan algúns elementos bárbaros, normalmente lexicais, e ocupáronse moi ben de, nas súas posibilidades, os identificaren.

Un dos xeitos comúns de denominar ao estándar do galego, ás veces críticamente, é o "galego da TVG". Que papel debe xogar a emisora pública na fixación dese estándar? Está a cumprir a súa obriga legal de fomentar a normalización do idioma?
A TVG ten como unha das súas finalidades promocionar a lingua galega e ser un dos máis importantes factores no seu proceso de recuperación de usos e de prestixio. Por tal motivo, debe contribuír para a proxección da variedade estandarizada, mais tamén ten de se converter nunha ferramenta útil para a dignificación da lingua, o que, coa existencia de determinados programas que mesmo fan gala de deturpararen o galego, pouco ou nada contribúe para a normalización do idioma.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 18-04-2015 11:04
# Ligazón permanente a este artigo
O futuro do galego nas XXIV Xornadas de Lingua e Literatura
Sermos Galiza

Será unha intensa xornada que terá lugar o sábado 18 en Compostela. As Xornadas de Lingua e Literatura organizadas pola AS-PG e CIG-Ensino chegan a súa XXIV edición con mesas redondas sobre Castelao, ?A Esmorga? e un amplo debate sobre o futuro da lingua.


O profesor Cibrán Arxibai, a escritora Marta Dacosta, a presidenta de Galiza Cultura, Pilar García Negro, o Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, o Presidente da Mesa pola Normalización Marcos Maceira máis o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín Carrera compoñen a mesa redonda sobre o futuro da lingua galega coa actual política lingüística que terá lugar ás 16.30 horas nas XXIV Xornadas de Lingua e Literatura organizadas pola AS-PG e a CIG-Ensino.

O amplo debate, con representación da administración e das principais entidades de defensa da lingua, forma parte do intenso programa das xornadas que, cada ano, se desenvolven en Compostela e á que asisten centos de participantes, en especial, profesorado de Lingua e Literatura Galega. As xornadas terán lugar nesta edición no IES As Fontiñas e iniciaranse ás 10.30 horas cunha mesa redonda arredor do pensamento a obra gráfica e literaria de Castelao na que participarán o profesor e investigador, Xoán Carlos Garrido Couceiro, a profesora e ensaísta Goretti Sanmartín Rei e o humorista gráfico, Xosé Lois, o Carrabouxo.

Arredor d´A Esmorga

A vinculación da literatura e o cine con ?A Esmorga? como pano de fondo é o tema da seguinte cita do programa coa intervención do ensaísta e investigador Francisco Rodríguez Sánchez, a actriz Sabela Arán e Ignacio Vilar, director de cine que levou a novela de Blanco Amor á pantalla grande.

Ademais da mesa redonda, á tarde completarase con tres seminarios, un sobre as familias léxicas plurilingües a cargo de Xosé Luís Janeiro Espiñeira, outro arredor da experiencia de normalización lingüística nos centros impartido pola profesora Pilar Ponte e a terceira será a sección habitual do programa ?A autora fala da súa obra? que trae ao foro de lingua e literatura á escritora Verónica Martínez Delgado.

As Xornadas rematarán cunha actuación musical de Guillerme Ignacio (Quempallou) e Rubén Fernández (Albariza).
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 17-04-2015 09:45
# Ligazón permanente a este artigo
Un Policía Nacional de Ferrol négase a atender unha denuncia por falar en galego
Sermos Galiza

?Si quieres algo te vienes por la comisaría y se lo intentas contar a alguien que te entienda?, respondeulle un funcionario da Policía Nacional de Ferrol a un cidadán que pretendía presentar unha denuncia por teléfono. A Mesa denuncia o caso de discriminación lingüística.


Un funcionario da comisaría de Ferrol negouse a atender a denuncia dun cidadán por falar en galego. Esa é a queixa recibida a través da Liña do Galego da Mesa pola Normalización Lingüística por un veciño de Caranza que padeceu a discriminación polo uso do galego cando pretendía denuncia un ataque informático do que fora vítima. O funcionario esixiulle que se expresara en español mais, ao se negar o denunciante a cambiar de lingua facendo gala do seu dereito a se expresar en galego recibiu como resposta por parte do seu interlecutor que se dirixise á comisaría para falar con ?outra persoa que o entendese? antes de lle cortar o teléfono.

?A policía debe servir e respectar á cidadanía, non desprezala por usar a súa lingua?, sinala o presidente da Mesa pola Normalización, Marcos Maceira, quen define a situación como un ?grave prexuízo e unha inadmisíbel discriminación para este cidadán? ademais da vulneración non só da lexislación vixente sobre dereitos lingüísticos senón tamén o deber dos empregados públicos de ?tratar con respecto que se merece a toda a cidadanía?. ?É inadmisíbel que unha agresión como esta parta dun corpo que debería velar polo cumprimento dos dereitos da cidadanía e non desprezalos atacando a quen os fai valer?, denuncia Marcos Maceira.

A Mesa denunciou o caso perante a Comisaría de Ferrol como ao Valedor do Pobo, o Ministerio do Interior e a SXPL e esixe que a Policía Nacional ?cumpra a lexislación e se garantan os dereitos lingüísticos da cidadanía galega?.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 17-04-2015 09:44
# Ligazón permanente a este artigo
A exposición do XV Certame de creación artística Poesía e Imaxe será inaugurada o día 29
REDACCIÓN DIARIO DE FERROL | Actualizado 16 Abril 2015


Quince anos leva o certame de creación artística Poesía e Imaxe animando aos rapaces da conmarca a dar conta das súas cualidades e potencialidades plásticas. O concurso, impulsado pola Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra coa colaboración do Concello de Ferrol, vén de seleccionar os traballos para a presente edición.
Todos eles formarán parte, como todos os anos, dunha exposición que itinerará polos colexios que así o soliciten. Antes permanecerá durante unhas semanas no centro cultural Carvalho Calero, onde o vindeiro día 29 de abril será inaugurada nun acto previsto para as 19.30 horas. No mesmo procederase tamén á entrega dos agasallos aos autores dos traballos premiados, 23 na categoría xeral ?debuxo, pintura, colaxe ou fotografía? e 5 na de novas tecnoloxías.
Para a elaboración das súas creacións, tiveron que elixir, como motivo de inspiración, unha das 15 propostas poéticas da literatura universal en diferentes linguas recollidas nas bases da convocatoria coas súas respectivas traducións.
As obras escollidas polo xurado pertencen a un total de 13 centros educativos da comarca ?Compañía de María, Atios, A Laxe, San Xoán de Filgueira, Ponzos, Masdías, Isaac Peral, Sagrado Corazón, Belén, Saturnino Montojo, Valle Inclán, Ricardo Carballo Calero e Concepción Arenal.
Ademais, a obra da alumna deste último instituto ferrolán, Candela Rivera, foi o elixido para ilustrar o cartel co que se anuncia a exposición.

O certame de creación artística Poesía e Imaxe ?En galego, sen filtro? enmárcase dentro das actividades que a Coordenadora de Equipas promove cada curso entre os escolares da zona co obxectivo de fomentar o emprego de lingua galega nos diferentes contextos.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 16-04-2015 11:15
# Ligazón permanente a este artigo
Audiovisual amateur en galego, entre o máis visto do Estado
?Gafas e Pallaso? é unha webserie feita por estudantes que leva máis de 10.000 visitas nunha semana a pesar de non contar con recursos nin orzamentos. Vídeo no interior.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 13/04/2015


Non son profesionais, non cobran millonarios soldos ?máis ben non cobran--, e os seus medios son os xustos, pero, aínda así, conseguiron que o seu produto sexa un dos máis vistos de todo o Estado. Chámase "Gafas e Pallaso", e é unha webserie ideada por seis estudantes galegos que na súa estrea colouse como a segunda máis vista do panorama español nesta modalidade.

Este grupo de mozos, de entre 21 e 25 anos de idade, idearon unha serie "de humor absurdo" ou "humor mierder" como prefiren chamalo, e en galego, un ámbito no que, nesta lingua, aínda non se tiña feito nada. Así o explica á axencia Efe Alexandre Pita, tal e como recollen algúns medios, un dos produtores e guionistas do proxecto.

"Gafas e Pallaso" superou as expectativas dos seus creadores, que agora esperan que o seu segundo capítulo pase as cifras rexistradas polo primeiro, que obtivo 10.000 visitas en soamente unha única semana.

Detrás dos cinco capítulos, de dez minutos de duración cada un, nos que participan personaxes tan coñecidos como o humorista Dani Mateo, o presentador galego da TVG Xosé Ramón Gayoso, ou as estrelas de YouTube Lory Money e Wismichu, escóndense dous anos de incesante traballo de alumnos de Comunicación Audiovisual e Publicidade que pretenden sacar adiante un proxecto totalmente seu e tratar de diferenciarse do resto de webseries.

Tras afianzar a idea, chegaron meses "de moito traballo" e de moito incordiar e pedir favores, xa que levar a cabo unha iniciativa como esta "sen financiamento é moi difícil", lamenta Pita.

No entanto, trátase dunha carencia que non impediu que o proxecto, que xa foi merecedor dun premio, conte con actores, maquilladores, figurantes, cámaras, deseñadores gráficos, e até artistas invitados, algo polo que os integrantes da serie "están profundamente agradecidos" a todos os que colaboraron con eles.

Segundo apuntan os seus impulsores, "Gafas e Pallaso" pretende ser un ?sopro de aire fresco que provoque gargalladas?, e isto coas aventuras e desventuras de dous amigos que ?viven nunha cotidianeidade con grandes proporcións do inverosímil e absurdo?. Abundan as parodias, os gags visuais, clichés, arquetipos, a bizarrada, as bobadas máis parvas, o humor negro e, mesmo, sostén Alexandre Pita, "algunha pincelada de humor intelixente".

Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 13-04-2015 20:54
# Ligazón permanente a este artigo
Arturo Dopico, conselleiro delegado de R: "Usamos o galego porque é a lingua dos nosos clientes"
A operadora reafirma, tras as denuncias da CIG, que as súas teleoperadoras están e estarán en Galicia. A política de prezos, o contrato coa Xunta e o galego como atractivo publicitario son outros dos temas desta conversa.

Por Manuel Vilas - Galicia Confidencial - A Coruña - 13/04/2015


Telefónica está a completar o despregue da súa rede de fibra óptica nas cidades do país e a facer unha importante campaña de promoción para explotala. En que situación deixa isto a competencia con R?
Nós comenzamos a despregar a rede de fibra alá polo ano 2.000, e eles en Galicia levan un par de anos. R cubre uns 930.000 clientes entre locais empresas e fogares; e Telefónica aproximadamente 260.000, sobre todo na Coruña e en Vigo. Despois de 15 anos eles apostan por algo que nós temos claro dende o principio. A nivel de servizos para o futuro, entre as dúas redes, non hai moita diferenza. No que é mundo de internet, os dous imos prestar os 300 megas, e isto supón que non hai moita diferencia, pois con 100 megas un fogar medio ten capacidade para todo.

R gañou o ano pasado o contrato para levar todas as comunicacións da Xunta, salvo o móbil. Que supón para a compañía?
O importe total ascende a uns 10 millóns de euros anuais por tres anos renovables outros tres. A Xunta de Galicia adxudicoulle a R este contrato tras valorar as melloras técnicas dos servizos ofertados, as vantaxes para garantir o funcionamento dos servizos públicos dixitais de 3.000 centros da administración autonómica e valorando, claro, o aforro duns 12 millóns de euros fronte ao importe de licitación. Ademais, R comprométese no novo contrato a investir 12 millóns de euros para mellorar a infraestrutura da rede corporativa da Xunta de Galicia. É de lonxe o principal contrato de telecomunicacións de Galicia, hai que prestar servizo a colexios, institutos, delegacións ... O investimento é tan alto que para nós non é rendible nos primeiros seis anos.

E como afectou o cambio de accionariado na capacidade de R de afrontar tales investimentos? Cambiou a forma de xestionar a compañía o feito de que a maioría dos accionistas xa non sexan do país senon o fondo británico CVC Capital Partners?
Tivemos tres etapas, a primeira cando o accionista de referencia era Unión Fenosa; logo era Caixanova cun 67%, e a terceira etapa dende Nadal de 2010 cando a maioría xa é de CVC Capital. A xestión da empresa segue igual, pódeno apreciar facilmente tanto os provedores, como os clientes, como os medios de comunicación.

Os ruxe-ruxes sobre un posible cambio na titularidade de R son constantes dende a súa creación, estimulados polo feito de que só sobreviven tres (ademais de R, a asturiana Telecable e a vasca Euskaltel) dos 17 operadores autonómicos creados no seu momento. Algunha novidade ao respecto? Hai un par de anos o presidente de Euskaltel falou abertamente dunha posible fusión con R ...
Iso foi porque lle preguntou directamente a prensa, e el, cando lle preguntan sobre isto, escarállase coa risa, igual ca min. Mira, a primeira pregunta que me fixeron nunha rolda de prensa aló polo 98 é se nos ía comprar Retevisión. O que sucedeu finalmente é que Retevisión foi mercada por outra, e que todos os accionistas do que era Retevisión tamén foron comprados. Incluso moitos dos que foron accionistas nosos foron absorvidos e outros operadores como Auna ou ONO Cable xa foron mercados... e nós seguimos independentes. Este tipo de operacións son ruxe-ruxes que hai constantemente no mercado. De feito, nos tivemos a posibilidade de mercar algún dos outros operadores; pero arestora non hai nada de nada.

A nivel estratéxico, R deu un xiro moi importante. Comezou sobre todo como operador de cable e agora tamén é un destacado provedor de móbil. Que balance fai desta aposta? No futuro a empresa, prevé algún cambio da mesma importancia?
Dese calado é complicado. Hoxe o móbil representa o 30 % de todos os nosos ingresos. O 37% provén do mundo das empresas, somos o operador do mundo que máis porcentaxe factura a empresas. Somos líderes nas áreas nas que hai cobertura da rede R tamén en telefonía fixa e móbil, cunha cota do mercado que é do 60%. Temos preto de 400.000 liñas e 327.000 clientes. E seguimos a crecer moito, incluso nestes sete anos de crise, grazas a política de prezos.

As telecomunicacións son un dos poucos sectores nos que caeron os prezos durante a recesión ...
Se colles un produto calquera -por exemplo uns 10 megas con telefonía fixa incluída e 100 minutos de móbil- podes comporbar como en tres anos o prezo baixou entre un 61 e un 65%. Contrasta co que sucedeu noutros sectores. Durante a crise, por exemplo, as facturas de enerxía -luz e gas- andan por unha suba media do 70%.

Explícase isto só polo aumento da compentencia? Hai máis operadores ...
Débese en parte á competencia, pero no noso caso fomos un pouco máis alá. Chegou a crise e nós preferimos sufrir máis para manter clientes. Para nós é fundamental dar sempre un prezo competitivo.

A CIG mandou o mes pasado un comunicado no que actuaba a Teleperformance de trasladar carga de traballo de Galicia a Portugal. E nomeaba a R como un dos clientes desta empresa de teleoperadoras ...
É acolloante que se nós meta a nós por medio. Para R manter estes servizos en Galicia foi sempre unha decisión estratéxica. Fixémolo, facémolo e seguiremos a facelo. Se Teleperformance ten outros clientes e fai traslados, iso é cousa deles.

R necesita que as teloperadoras estean en Galicia porque ofrece o servizo en galego ...
Si, pero poderíase, por exemplo, que o centro de traballo estivese no Norte de Portugal. Pero este servizo está e estará en Galicia, non entendemos porque nos meten polo medio.

Falando do idioma, R foi pioneria en aproveitalo como ferramenta de mercadotecnia. E fíxoo con éxito, de feito sigue apelando á identidade galega na súa publicidade. No último ano outros grandes anunciantes subíronse ao carro, como Fenosa, Abanca, Banco Popular no referido ao Pastor ...
A min paréceme ben, ogallá consigamos que todos fagan publicidade en galego; pero nós non o facemos como un punto comercial para vender máis. Para vender máis tes que ofertar o mellor servizo posible pero tamén ser responsable coa sociedade na que operas. Usamos o galego por responsabilidade social, por naturalidade, porque é a lingua dos nosos clientes.

Por certo, de onde saíu o de onde saíu o nome de "R"? A wikipedia pon: "Hai varias teorías sobre a orixe do nome de Cable R. Unha delas é que foi unha proposta da axencia de publicidade que fixo a imaxe de marca para empresas como Ediciones B e Grupo Z"....
Cando desenvolvemos a marca, contratamos unha consultora británica, Wolff Olins, que era e sigue a ser líder mundial en desenvolvemento de marca. Lanzaron Orange, BP, BBVA e moitas outras. Durante catro meses organizamos grupos de discusión con universitarios, entrevistas con xente da política, etc. para identificar os valores que debería ter unha operadora de cable. Produto dese proceso propuxeron cinco marcas e escollemos a máis corta. Buscaban alguén que tivera o atrevemento de operar cunha marca dunha letra e nós dixemos, porque non?
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 13-04-2015 20:52
# Ligazón permanente a este artigo
?Filgueira Valverde quixo desfacerse da autoría dos poemas franquistas e atribuíullos a Noriega Varela?
Sermos Galiza

Cunha investigación apaixonante, o profesor Xosé Ramón Freixeiro Mato descobre que os tres poemas anónimos de exaltación franquista que o propio Filgueira Valverde atribuíra a Noriega Varela son en realidade do autor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.



O libro A poesía oculta de Filgueira Valverde (Baia Edicións) desvelará en breve o proceso de pesquisa do investigador que ten nos distintos modelos de lingua a súa principal proba. Queda á vista, entre outras cousas, que Filgueira abrazou o franquismo desde o primeiro momento.

-A investigación parte da sospeita. Vostede dubidou, desde os inicios, da autoría de Noriega Varela dos poemas franquistas de O Gaiteiro de Lugo, os tres ?Xuicios do Ano? publicados de 1937 a 1939.

Tiña sospeitas mais nunca lle dedicara tempo e agora decidín afondar na investigación. O ter feito a tese sobre Noriega e ter estudado a súa lingua facían que tivera seguridade de que eses poemas non eran del. Todas as sospeitas levábanme ao lado de Filgueira.

-Cando deixa ver a súa desconfianza por vez primeira?

Cando publico A cara oculta de Noriega Varela (Laiovento, 1992) inclúo textos que se lle atribuían e outros que descubrín noutras publicacións mais tamén estes tres d´O Gaiteiro de Lugo que xa antes Claudio Rodríguez Fer os dera a coñecer como de Noriega e eu recollinos facendo constar nunha nota a desconfianza ao non me casar a lingua, o estilo e mesmo a cuestión ideolóxica. Rodríguez Fer comentárame que fora o propio Filgueira quen lle dixera que eran de Noriega. Cando despois fixen a edición crítica da obra de Noriega xa me din conta de que era imposíbel que foran del. Ao publicar en 1994 a tese de doutoramento xa os pasei á fin do volume facendo constar que eran poemas que lle foran atribuídos a Noriega. As razóns de tipo lingüístico polas que non podían ser del eran sólidas. Faltábame aventurar e comprobar de quen podían ser.

A entrevista completa mais un avanzo dos poemas pódense ler no número 140 de Sermos Galiza, xa na nosa loxa e nos distintos puntos de venda do semanario.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 09-04-2015 18:39
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0