Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Un Día das Letras anovado?
Redacción Praza Pública | @prazapublica


O Día da Letras celebra o seu 50 aniversario. Faino, ao igual que sucedera con Lois Pereiro cun autor, Roberto Vidal Bolaño, que permitirá que a celebración ao longo do ano teña unha gran presenza social e vaia máis aló dos actos institucionais concentrados na semana do 17 de maio. Porén, non todos os anos é así, e mesmo naquelas edicións que rexistran unha maior participación non se consegue que a celebración adquira unha verdadeira relevancia social.

"Que facemos coas letras galegas?", ?Cómpre anovar a súa celebración??, ?Debe ser un día non laborable?. As Xornadas organizadas esta semana pola Liga Estudantil Galega dedicaron unha das súas mesas de debate a dialogar ao redor destas cuestións, coa participación de María do Cebreiro, de Manuel Bragado e de O Leo.

Un dos temas sobre o que debateron os relatores foi o da escolla do autor ou autora homenaxeada cada ano, por exemplo sobre a obriga de que teñan que pasar dez anos dende a súa morte para que así se produza. María do Cebreiro quixo trazar novas liñas neste debate, lembrando que ?non todos os mortos están mortos?, pois en moitos casos a súa actualidade é máxima a través da importancia da súa obra ou doutros factores. A profesora chamou a ?facer un pacto? pois ?ao igual que se fai un investimento na protección do patrimonio material, hai que reflexionar que capital cultural queremos conservar e cal non?. Neste ?pacto social? o canon debe ser cuestionado e reconstruído ?cun papel fundamental da escola na súa transmisión? e sendo conscientes de que ?ás veces fálase contra o canon e contra a institución poñendo en valor outros criterios máis comerciais?. Para Leo, profesor e músico, ?o problema é o ritual, eu non son fetichista. Es punki e vas visitar o papa e deixas de ser punki. O problema en Galicia esta no esencialismo, hai que dialogar co pasado porque somos os vivos os que podemos falar co pasado. As Letras son a festa dunha persoa viva porque está viva a súa obra?.

Manuel Bragado, director de Xerais, comezou a súa intervención salientando o ?éxito? que constitúe o feito de levar 50 anos seguidos celebrando as Letras, para a seguir recoñecer que se fracasou no obxectivo de ?contaxiar a sociedade dese entusiasmo?, como si se conseguiu, dixo, en Catalunya coa celebración do Sant Jordi. E concluíu: ?debemos conservar o obxectivo de potenciar libro e a cultura galega. Pero podemos anovar todo o demais?. Entre outras cousas chamou a aproveitar a oportunidade que supón que o 17 de maio sexa tamén en todo o mundo o Día de internet.

Bragado non cuestionou que siga sendo a Academia da Lingua a responsable de escoller o autor ou autora homenaxeada e de potenciar as celebracións pero apuntou que ?forma parte da necesaria modernización da propia Academia o impulsar o relanzamento das Letras. Isto non pode ser unha festa de culturetas ou unha festa de nacionalistas?. Neste senso Leo destacou que nos últimos anos a RAG deulle máis vitalidade á celebración: ?Eu reconcilieime coas Letras con Lois Pereiro, de súpeto resucitou a Academia. De súpeto, vimos que podía servir para algo?. Bragado apuntou que se cadra ?se poden modificar os criterios de elección, facéndoos menos ríxidos?. E apuntou que nos últimos anos as celebracións paralelas de Celso Emilio ou Rosalia están demostrando ?que se poden facer celebracións moi exitosas con poucos medios e criterios distintos?.

En canto a se o 17 de maio debe ser laborable ou non, Bragado destacou a necesidade de que continúe a ser festivo: ?se o ano que vén a Xunta decide que o feriado debe ser o 19 de marzo a maior parte da sociedade galega pensaría que xa non hai que celebrar as Letras?, e salientou a excepcionalidade da data por ser unha ?festa nacional? e ?laica?. Bragado afirmou que ?en Catalunya importan menos estas cousas? porque ?o importante é que sexa unha festa social, impulsada dende a sociedade civil?. Destacou que mentres que no Sant Jordi se venden o 20% de todos os libros en catalán de todo o ano, en Galicia hai librarías que nin abren ese dia. ?As librarías deben gañar espazos públicos para o libro. En Coruña comezou a facerse en María Pita e en Santiago no Toural. Pero na miña cidade, en Vigo, o libro está ausente nas rúas?.

Bragado concluíu que ?hai moito por facer?. Destacou que mentres que as vendas de libros en galego representan o 15% das vendas totais de libros en Galicia, a súa presenza nos escaparates das librarías fica moi lonxe desa cifra: ?Comprobade se hai un libro en galego por cada cinco ou seis. Nin sequera somos visibles no que somos?. A este respecto Leo lembrou que ?non hai normalidade na cultura galega. Por iso cando Feijoo corta a billa sabe que pode asfixiar o sector?. E apuntou o perigo de que as celebracións do 17 de maio dean ?unha falsa impresión de que todo vai ben. O síndrome da portada en galego de La Voz?.

Como conclusión María do Cebreiro demandou unha ?ampliación? das Letras en todos os sentidos, tanto nas celebracións, para non concentralas na semana do 17, coma nas características dos homenaxeados: ?non sei se lle acaería ben a denominación de Día das Artes, pero si quizais o de Día da Cultura, e aí entrarían a gastronomía ou a ciencia". Tamén reflexionou sobre o que pode achegar a cultura visual: ?a través do audiovisual galego estamos xerando valor engadido a nivel global, pero falta un recoñecemento interno?.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 13-04-2013 13:19
# Ligazón permanente a este artigo
Acta do acto de selección de traballos para o certame de poesía e imaxe "En galego, sen filtro"
Selección de traballos para o certame de poesía e imaxe "En galego, sen filtro". A data da exposición será o 6 de maio (facilitaremos máis información en canto dispoñamos dela).

Poesia from cenlf
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 11-04-2013 08:53
# Ligazón permanente a este artigo
Bloco Laranja do reintegracionismo voltará a sair à rua pola língua na manifestaçom de 17 de maio
Diario Liberdade - Publicado em Quarta, 10 Abril 2013


Para o dia 21 de abril foi marcada a reuniom para reeditar o Bloco Laranja reintegracionista que nos últimos anos vem agrupando o reintegracionismo de base nas manifestaçons nacionais pola língua.

A convocatória inicial parte, em regime de autoconvocatória, da Fundaçom Artábria, que tenciona manter a iniciativa conjunta dos numerosos coletivos que na última manifestaçom nacional se agrupárom no Bloco Laranja.

Dando por certo que no Dia das Letras haverá convocatória nacional em defesa da língua, os grupos reintegracionistas de base, centros sociais e outros coletivos culturais estám convocados a participar, no dia 21 de abril às 12 horas, na Gentalha do Pichel, na configuraçom da iniciativa em defesa da unidade lingüística e de umha Galiza em galego.

O Diário Liberdade é um dos numerosos coletivos convocados à reuniom. Tal como já sucedeu em anteriores ocasions, também nesta voltaremos a participar na convocatória do reintegracionismo de base agrupado no Bloco Laranja.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 11-04-2013 08:50
# Ligazón permanente a este artigo
Apalabrados incorpora a opción de xogar en galego grazas a unha empresa compostelá
Código Cero - Diario de novas Tecnoloxías de Galicia - venres 15 de marzo do 2013, por Marcus Fernández


Un dos xogos multi-plataforma móbil-Facebook de máis éxito en España, onde conseguiu destacar como Xogo do Ano 2012 na App Store, e que hai un par de meses superou os 10 millóns de usuarios rexistrados, Apalabrados, actualizouse esta tarde nas súas versións para iOS e Android, incorporando melloras visuais, un novo menú na listaxe de partidas e dous novos idiomas, o noruegués e o galego, conseguíndose este último grazas a unha achega da empresa compostelá Cilenis, spin-off da USC especializada en tecnoloxía lingüística.
O xogo, que consiste en formar palabras cruzadas nun taboleiro xuntando as letras que se reparten entre os usuarios, goza de grande éxito en boa medida porque é asíncrono (pois as súas partidas son por quendas), multi-plataforma (pode xogarse dende iOS, Android, BlackBerry, Windows Phone e Facebook) e multi-partida, que dende o seu lanzamento foi incorporando linguas de xeito progresivo, estreando o pasado verán a posibilidade de xogar en catalán e éuscaro, o que levounos a contactar coa empresa arxentina Etermax, responsable do seu desenvolvemento, que recoñeceu estar a traballar en levar a súa aplicación tamén á nosa lingua.
Cuestionado sobre o tema ante os micrófonos da Radio Galega, o fundador de Etermax, Máximo Cavazzani, asegurou que estaban en contacto coa Real Academia Galega para adaptar o xogo á nosa lingua, recoñecendo que estaban abertos a achegas que puideran axilizar o labor, o que levounos a contactar con distintos profesionais galegos ata chegar a Isaac González, de Cilenis, con que coincidimos na celebración do terceiro aniversario da LaconNetwork, que dende o primeiro momento amosou a súa disposición para contribuír con este labor que axuda á normalización do galego a través do seu uso lúdico.

Isaac González, CEO de Cilenis, foi quen fixo posible que hoxe poidamos gozar de Apalabrados en galego
Deste xeito, tendeuse unha ponte entre Etermax e Cilenis, encargándose a empresa galega de facer ?un dicionario de formas, é dicir, un dicionario normal, pero expandido con masculino, feminino, plural de masculino, plural de feminino e as conxugacións verbais... todas as palabras que se poden pronunciar en galego que sexan correctas?, tarefa desenvolvida collendo o vocabulario da lingua galega e expandíndoo con módulos e aplicacións lingüísticas. Pero a contribución non se limitou á elaboración desta listaxe de palabras, senón que tamén analizaron as puntuacións que deberían asignarse ás distintas letras en función da súa frecuencia, o que xerou bastante debate dentro de Cilenis ?porque existen varias letras en galego, que se ben non se consideran do alfabeto, si que determinados estranxeirismos as teñen? o que dificultan moito o xogo no caso de topar con algunha. Actualmente Apalabrados conta con esas letras, pero desaparecerán na vindeira actualización por recomendación de Cilenis.
Isaac González compara a posibilidade de xogar a Apalabrados en galego ?co impacto que tivo Cifras e Letras a nivel social, por utilizar o galego, palabras e expresións nun xogo, no lecer?. Considera así que Apalabrados ?vai chegar a un maior número de xente de maneira activa, porque se ben un programa de televisión é só recibir, salvo os poucos concursantes que poden ir, realmente xogar ao Apalabrados en galego cos amigos é unha contribución a socializar a lingua de moitos e a darlle unha normalidade que é importante?.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 11-04-2013 08:48
# Ligazón permanente a este artigo
Banda deseñada en Ferrol:


O neto de Alexandre Bóveda, Valentín García Bóveda intervirá este mércores no Ateneo Ferrolán no acto de presentación do libro de banda deseñada "Bóveda, un alegato pacifista contra a inxustiza". No acto tamén participarán o mestre Xosé Lastra Muruais e os autores do volume, Carlos Sardiña e María Xesús Arias. O libro editouse a través do sistema de "Crowfunding" ou micromecenazgo.



Un pensamento de actualidade

Contra a voracidade dos bancos e a favor dunhas caixas de aforro que revirtan no entorno social o seu beneficio. Por uns impostos progresivos, onde o que máis ten paga máis en beneficio da comunidade. Polo amor á terra que o veu nacer. Por todos eses motivos, sorprende a actualidade e a vixencia do pensamento de Alexandre Bóveda, fusilado en 1936, tras un inxusto Consello de Guerra.

Os textos da licenciada en Xeografía e Historia María Xesús Arias acompañan aos debuxos de Carlos Sardiña arredor da vida e do pensamento de Alexandre Bóveda.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 09-04-2013 18:50
# Ligazón permanente a este artigo
O asesor xurídico do Concello de Muros non entende ?el gallego?


O ex-edil Xosé Ramón Farinós carga contra o asesor xurídico do Concello por obrigar aos veciños a que se expresen en castelán, xa que di no entender a lingua propia do país. BNG e CxG critican a Farinós logo de ser denunciado polo xurista e denuncian irregularidades na súa contratación e actuacións. Vídeo no interior.

Por Galicia Confidencial | Muros | 09/04/2013


A Asemblea Comarcal do BNG de Muros-Noia, na xunta celebrada o pasado venres, logo de proceder á renovación do Consello Comarcal, acordou a aprobación dunha resolución de apoio ao militante de Muros, Xosé Ramón Farinós López, denunciado polo asesor xurídico do Concello, José Luis Barro, ao ter criticado o primeiro o feito de que o traballador municipal obrigue aos veciños que atende a que se expresen en castelán, xa que di no entender ?el gallego?.

Para o BNG, a actitude deste traballador municipal "vén afondar na campaña orquestrada nos últimos anos polo españolismo máis reaccionario, embarcado nunha especie de ?nova reconquista?, que busca en última instancia a eliminación da lingua e cultura propias do noso país, en beneficio do español.

"Instamos á alcaldesa de Muros ao cumprimento da ordenanza municipal do uso do galego, hoxe en vigor, e a que lle lembre aos traballadores locais a necesidade do seu cumprimento, tanto na atención aos veciños, como na elaboración de todo tipo de expedientes municipais", denuncian os nacionalistas.

O Bloque advirte de que é o propio asesor, denunciante neste caso, o que ?pon trabas aos veciños que se expresan en galego, o cal, segundo a ordenanza municipal onde se regula o uso do galego, o incapacita para exercer o cargo?. Así, desde o BNG de Muros esíxenlle á alcaldesa Caridad González (PSOE), ?o cese do mesmo nas súa non definida función pública?.

Pola súa banda, a formación Compromiso por Galicia amosou tamén o seu apoio a Xosé Ramón Farinós. María Xose Alfonso criticou a acción xudicial levada a cabo polo asesor xurídico do Concello de Muros, convencida de que esta persoa "non esta en situación de demandar a ninguén e que, como veciño de Muros, só se limitou a opinar sobre unha actuación, cando menos, criticable".

María Xosé Alfonso defendeu que Xosé Ramón Farinós só se limititou a expresar a súa opinión ante un claro incumprimento por parte do asesor xurídico do Regulamento do uso da lingua galega no Concello de Muros, ao obrigar, de xeito "ditatorial", a veciños de Muros a que falasen en castelán. Dende Compromiso Por Galicia instan a Caridad González a que "faga valer o regulamento e, polo tanto, tome as medidas oportunas con este señor, que lonxe de resolver os problemas dos muradáns se está a converter nun problema para eles".

Irregularidades

Para o BNG, o asesor xurídico do Concello está ademais ?asinando irregularmente papeis como xefe da área de urbanismo do Concello de Muros?. E denuncian que forma parte dunha empresa chamada Ginebra Holding Trust SL, se cadra, ?mofándose unha vez máis dos muradáns, como se esta empresa fose a Standard Oil de Rockefeller e Muros fose o Chicago do século pasado?, critica o BNG.

Pola súa banda, CxG considera que non se encontra en situación de demandar a ninguén, pois a súa propia situación no Concello "é ilegal, posto que leva dende o mes de xuño do ano 2012 cobrando 2.571,25? sen contar nin tan sequera cun contrato asinado".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 09-04-2013 11:09
# Ligazón permanente a este artigo
A Xunta publica un catálogo de produtos, servizos e provedores de software libre en Galicia
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) presentouno no portal Mancomún co obxectivo de visibilizar este tipo de solucións

GALICIA HOXE - SANTIAGO. EP | 07.04.2013


A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) publicou un catálogo de produtos, servizos e provedores de software libre de Galicia no portal Mancomún co obxectivo de visibilizar este tipo de solucións.

Este catálogo é unha ferramenta de consulta web que permite buscar por categorías dos produtos de software libre, así como a información dos provedores que prestan servizos sobre eles.

Este interface de consulta está integrado no portal mancomun.org e recolle os datos de MapaTIC.gal, un escaparate virtual no que está rexistradas 178 empresas e 400 solucións tecnolóxica de todo tipo.

Segundo explica a Xunta nun comunicado, os produtos que se dean de alta no MapaTIC e sexan software libre incorporaranse automaticamente neste novo catálogo, coa referencia aos preveedores que os ofertan.

E é que a finais de 2012, un de cada catro provedores (23,4 por cento) rexistrados no MapaTIC.gal ofrecía os seus servizos en torno a tecnoloxías libre, mentres que o 22,3 por cento dos servizos e produtos rexistrados eran software libre.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 09-04-2013 11:04
# Ligazón permanente a este artigo
A Xunta solicítalle a Google a tradución ao galego de Android
Redacción Praza Pública | @prazapublica


A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) da Xunta presentou este luns o Plan de Software Libre 2013, que desenvolverá máis 120 actuacións para impulsar o seu uso no sector empresarial, na sociedade en xeral e avanzar na súa implantación na Administración, cun investimento de 923.000 euros. Unha das iniciativas máis salientables é a solicitude que a Axencia lle realizará a Google para que traduza ao galego o sistema operativo Android. Con esta iniciativa búscase que este sistema operativo, baseado en software libre, estea dispoñible en galego para todos os cidadáns, independentemente do terminal que empreguen.

Este Plan desenvolverase en colaboración coas asociacións galegas de usuarios de software libre (AGUSL), as empresas do sector (AGASOL), o Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións para a Xestión Universitaria de Galicia (CIXUG, que integra as tres universidades) e o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG).

A finais de 2013 coñecerase o resultado da análise exhaustiva que se está realizando sobre a viabilidade da migración a software libre dos ordenadores dos empregados da Administración Xeral

No eido da Administración, a directora da axencia, Mar Pereira, destacou que a finais de 2013 se coñecerá o resultado da análise exhaustiva que se está realizando sobre a viabilidade da migración a software libre dos ordenadores dos empregados da Administración Xeral. O estudo, que realiza AGASOL, identificará o impacto económico do cambio a ferramentas ofimáticas de fontes abertas nos postos de usuario, así como as necesidades tecnolóxicas, organizativas e formativas que require esta medida. Con esta información elaborarase o plan de migración. No eido educativo, a terceira fase de Abalar permitirá a instalación de 200 novos servidores de centros e a actualización doutros 450 baseados en software libre.

A tendencia no uso do software libre nos últimos ano mantivo unha progresión ascendente no ámbito empresarial. A finais de 2012 case o 74% das empresas empregaban aplicativos libres, chegando ao 82% no caso das empresas do sector TIC. Desde 2008 o uso do Sistema Operativo Libre incrementouse en 13,1 puntos porcentuais acompañado dun descenso de 15,1 puntos no uso de sistemas operativos privativos. No caso das empresas TIC este aumento chegou a 24,4 puntos.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 09-04-2013 11:03
# Ligazón permanente a este artigo
O vindeiro día 20 a Academia galega escollerá o seu presidente
Após a demisión de Ferrín e a presentación de dúas candidaturas que encabezan respectivamente Xesús Alonso Montero e Manuel González, @s numerari@s votarán o novo presidente da RAG en dúas semanas.

SERMOS GALIZA


Xa hai data e será o vindeiro sábado día 20. Restan quince días para que a Academia Galega escolla o seu novo presidente. Neste senso, @s 27 membros da institución deberán determinar cal das dúas candidaturas que concorren á elección será finalmente da que saia a dirección da RAG.

Xesús Alonso Montero --acompañado pola directora do ILG Rosario Álvarez-- ou o filólogo e até o de agora tesoureiro da Academia, Manuel González son as persoas que optarán á presidencia da rúa Tabernas. A votación desenvolververase a través dun proceso segredo e directo sendo precisos 14 apoios para conseguir ser eleito en primeira rolda. Do contrario, procederase a unha segunda votación en que a candidatura que obteña máis votos a favor que en contra pasará a ocupar o liderado da institución.

Aínda que o prazo de presentación das candidaturas non rematou, todo apunta a que a puxa se librará entre os candidatos actuais.
Comentarios (1) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 06-04-2013 16:54
# Ligazón permanente a este artigo
A RAG TERÁ NOVO PRESIDENTE ESTE 20 DE ABRIL
Eleccións na RAG: da euforia de Freixanes, Monteagudo e Rosario Álvarez, á cautela de Alonso Montero e o silencio de González.

GALICIA HOXE - SANTIAGO. EDUARDO CARBALLO


De repente, todo é silencio no espazo exterior, mentres no planeta RAG se cocen as primeiras eleccións con dúas candidaturas dende 1906, hai máis dun século. Pase o que pase ese sábado, a era postFerrín comezará cunha Academia partida pola metade e a nova executiva terá por diante unha tarefa traballosa e delicada de recomposición de pontes entre as familias da 'intelligentsia' galeguista. A situación, a día de hoxe, retrata, segundo fontes ben informadas, unha 'troika' -Freixanes, Monteagudo e Rosario Álvarez- eufórica, convencida de que o profesor Alonso Montero, o seu patrocinado, gañará por goleada a Manuel González, o eterno Poulidor das nosas institucións culturais, herdeiro do legado de Méndez Ferrín e da súa folla de ruta para gobernar o caserón da coruñesa rúa Tabernas, e que escapa do balbordo mediático nesta crise. A seguridade dos tres puntais da operación que acabou coa paciencia do Ferro, contrasta coa cautela do autor do 'Informe dramático...', curtido en mil batallas na república da escrita e que sabe que as eleccións só se gañan tras o reconto das papeletas nas urnas.

No trascendental plenario terán dereito a voto, presencial ou por correo, vinte e sete académicos -Ferrín non ocupará á cadeira á que renunciou, e aínda están pendentes de ingresar os electos Fina Casalderrey e Pegerto Saavedra, de corazón culé e un dos máis finos analistas das luces e as sombras da nosa Galicia- e o candidato gañador precisará de maioría absoluta en primeira votación ou simple en segunda.

Tras as escenificacións para a galería en defensa dun consenso imposible, González e Alonso chegan á recta final da batalla coas súas listas sen pechar. Ambos deixan dous postos baleiros como xesto de boa vontade para integrar membros da candidatura perdedora. Co presidenciable ferriniano comparten lista, polo de agora, os filólogos Xosé Luís Regueira e Fernández Rei. No equipo do vello profesor que lidera os críticos están Rosario Álvarez e o teólogo Torres Queiruga.

Mentres Manuel Rivas -o candidato de (case) todos que renunciou a selo- traslada 'urbi et orbe' a boa nova dunha unión tan necesaria como afastada da actual RAG -acaba de pedir o noso escritor con maior gancho internacional "máis homes de acordo" e "menos xenerais ao carneiro"-, desenvólvense na institución de referencia da cultura galega batalliñas paralelas e morbosas. A de Dolores Vilavedra, esposa de Monteagudo, é unha. Ela foi a lideresa da campaña do baile das cadeiras, en defensa da entrada de máis mulleres na RAG, que enfureceu a Ferro e a Axeitos. Ela é a que, din academiólogos con boa información, a que presionou decisivamente a Alonso Montero, o seu exprofesor, para que dese o paso. Ela será máis antes que despois, prognostican, candidata a académica numeraria.

A do florentino Ramón Villares, no treito final da súa presidencia no Consello da Cultura Galega, é outra desas batalliñas. Os gurús expertos en ler o que ocorre intramuros e extramuros da RAG, apuntan ao interese do historiador -presidenciable 'in pectore' da Academia, para moitos- por acaparar para o CCG o control de toda a acción exterior en materia cultural, nomeadamente os lectorados da Xunta.

En calquera caso, esta perigosa situación de interinidade, baixo o volcán da RAG, rematará o 20 de abril, cando o sucesor do dimisionario por sorpresa Méndez Ferrín se converta no presidente número doce dende Manuel Murguía. Terá por diante un máximo de oito anos para blindar a Academia como buque insignia da lingua e da cultura matrias dun país hoxe tan desnortado e debilitado como a mesma RAG.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 06-04-2013 16:53
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0