Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Xesús Alonso Montero, novo presidente da Real Academia Galega chama a todos á concordia
Con 12 votos a favor e dez en contra en segunda votación // Na directiva encabezada polo novo presidente estarán Henrique Monteagudo (secretario), Rosario Álvarez (tesoureira), Margarida Ledo (bibliotecaria) e Andrés Torres Queiruga (vicesecretario)

GALICIA HOXE A CORUÑA. EP | 20.04.2013


Tal como adianto Galicia Hoxe hai uns días, o catedrático Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928) foi elixido este sábado como novo presidente da Real Academia Galega (RAG) en segunda votación, con 12 sufraxios a favor e 10 en contra, xunto a unha abstención, tras empatar na primeira consulta celebrada no plenario.

Tras unha reunión de case dúas horas e media, Alonso Montero resultou elixido nunha disputada votación, xa que na primeira volta houbo 12 votos ao seu favor e 12 de apoio á candidatura do ata agora tesoureiro da RAG, Manuel González, e unha abstención. Así, deuse paso a unha segunda consulta na que, tras non contar os votos por correo --xa que só computan no primeiro sufraxio-- o catedrático de Lingua Galega, sociólogo e poeta impúxose de forma axustada.

Deste modo, a directiva encabezada por Alonso Montero, xunto á que compareceu, queda do seguinte modo: Henrique Monteagudo (secretario), Rosario Álvarez (tesoureira), Margarida Ledo (bibliotecaria) e Andrés Torres Queiruga (vicesecretario).

Trala dimisión de Xosé Luis Méndez Ferrín á fronte da institución abriuse o proceso para elixir o novo responsable. Ao non chegar a un acordo para pactar unha lista única, por primeira vez na historia desta academia, fundada en 1906, presentáronse dous candidatos: por un lado, o ata agora tesoureiro da RAG, Manuel González, que representaba o sector continuista coa liña marcada por Xosé Luis Méndez Ferrín; e polo outro, Alonso Montero, que encabeza o lado máis crítico coa anterior directiva.

Deste xeito, Alonso Montero será o relevo de Xosé Luis Méndez Ferrín, quen dimitiu do seu posto no medio dunha polémica por supostas contratacións irregulares e polas críticas dunha parte dos académicos que o acusaban de falta de transparencia.

Un total de 28 académicos tiñan dereito a voto este sábado, dado que se rexeitou a petición de baixa formulada por Xosé Luis Méndez Ferrín, quen declinou formar parte da votación, mentres que dous deles (Xohana Torres e Franco Grande) xa emitiran o seu sufraxio por correo. Finalmente quedaron 23 sufraxios na segunda volta deste sábado --12 a favor, 10 en contra e unha abstención--.

"PROMOVER CLIMA DE CONCORDIA"
Unha vez que se abriron as portas da institución á prensa, un recén elixido Alonso Montero realizou unha intervención na que apelou á unidade e chamou a "todos" a "promover un clima de concordia". "En ningunha institución, se non hai concordia, se non hai entusiasmo, se traballa", sentenciou.

Preguntado pola prensa sobre como se vai conseguir ese "clima de concordia", o recén elixido presidente deixou claro que "non hai un decálogo", pois "iso ou está no corazón das persoas e a súa intelixencia ou non está". "E sería eu inicuo se pensase que a intelixencia e o corazón dos que non me votaron non teñen a altura cordial e intelectual que se necesita neste momento", asegurou.

Tras encomendarse ao seu programa, que foi debullando ao longo dos últimos días, Montero destacou a situación "insólita e anómala" pola dimisión dun presidente e a presentación de dúas candidaturas por primeira vez en 107 anos de vida da Academia.

Sobre esta votación "moi equilibrada", este escritor afirmou: "Como din os presidentes dos países, un ten que gobernar para todos os cidadáns".

Nesta chamada a deixar atrás disensións internas, destacou que o seu programa e o de Manuel González "en porcentaxe realmente elevada coincidía", polo que "non hai ningunha razón" pola que os académicos que apoiaron calquera das dúas candidaturas "non vaian traballar".

VISIÓN MARXISTA E IDIOMA
Nun contexto de convulsión na Academia nos últimos meses, Alonso Montero deixou claro que na RAG "ninguén gaña unha 'cadela'", máis alá de que "é certo que a Academia paga iso que no franquismo se chamaba regulamento de axudas de custo e viáticos, pero moi xustiño". "Calquera de nós co fin de mes ou fin de ano vai ter que poñer dos seus pequenos aforros unha pequena cantidade, así pois, isto é un voluntariado", deixou claro.

Neste sentido, dixo traballar dende o "entusiasmo" en pro da RAG. Xesús Alonso Montero valeuse dun telegrama que recibiu Manuel Murguía do literato escandinavo Goran Bjorkman, no que lle dicía "que viva e floreza a nación galaica", para seguir esta máxima con "lealdade".

"Para que viva e floreza a nación galaica todas as institucións que hai no país políticas, culturais, académicas, educativas teñen que funcionar ben, pero hai algo na personalidade do país, hai un matiz, unha particularidade na constitución histórica do país que só nós dende a Academia podemos entender, interpretar, definir e matiza todos os demais, o idioma deste país, no que están a escribir dende Rosalía de Castro a hoxe grandes escritores", manifestou.

Neste sentido, chamou a atención sobre o seu ideario marxista para defender o labor público da RAG e destacou o seu papel de que "é a institución máis comprometida" coa causa da lingua galega". "Aquí estamos todos ao servizo da Academia", explicou.

QUEIXA POR SER CANDIDATO "de MENOS RANGO"

Unha cuestión da que se queixou Alonso Montero no relativo a como se celebrou o plenario foi a de intervir este sábado na sede de Tabernas despois de Manuel González por ser un candidato de "menos rango".

E é que segundo explicou, a pesar de ser máis vello que Manuel González e ser académico electo dez anos antes que o outro candidato, o feito de que o ata agora tesoureiro ingresase antes, relegou a Alonso Montero a ser o segundo en expoñer o seu programa ante o plenario, que tivo "observacións" de académicos contrarios á súa liña a seguir.

Aínda que iso si, quitou importancia ao feito, xa que unha vez finalizada a quenda de agradecementos, o xa duodécimo presidente da institución, Alonso Montero, e Manuel González fundíronse nun abrazo.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 22-04-2013 12:12
# Ligazón permanente a este artigo
Debates intoxicados sobre linguas no ensino
GALICIA HOXE - XOSÉ A. GACIÑO | 18.04.2013


Máis de trinta anos de democracia e de estrutura autonómica do Estado parece que non nos concederon aínda a condición de democracia adulta. Seguimos a arrastrar certo complexo de inferioridade respecto da nosa cultura democrática e seguimos a considerar provisional, e como en período de proba, algunhas das institución básicas ?especialmente as que teñen que ver coa configuración territorial?, pero, cando se propoñen reformas constitucionais, os sectores máis conservadores levantan a ponte levadiza do debate e encerran na súa fortaleza o que consideran sagrado texto constitucional, pouco menos que como expresión eterna dunha vontade popular inamovíbel.

Nese xogo de provisionalidades e sacralizacións, que ás veces esconden profundas violacións do teórico espírito aberto da Constitución, os niveis de competencias autonómicas, e sobre todo a presenza das linguas propias de determinadas comunidades (esas ?nacionalidades? cuxa denominación tanto molesta aos dogmáticos da Constitución, pese a que o termo está recollido no mesmísimo artigo 2 do texto constitucional), son os máis afectados polos receos, que esconden, nalgúns casos, certos reflexos antidemocráticos e, en moitos outros, un espírito centralista que non soporta a diversidade.
Eses receos aparecen de vez en cando, como para recordarnos que, no fondo, a democracia española ten certos límites, os mesmos que se daban por supostos nos momentos constituíntes, que deixaron algunhas marcas de indecisión e ambigüidade no texto constitucional e que deben de ser a causa principal de que os representantes da dereita se resistan a retocalo. Sen molestarse en explicar o seu cambio de criterio, consideran agora intocábel o que no seu momento (eles ou os seus antecesores ideolóxicos) aceptaron pouco menos que como un acto de obediencia debida e con todas as reservas mentais que a súa identificación coa ditadura lles suxería.
Entre ese complexo de inferioridade que aínda non considera adulto o noso sistema democrático e esa manipulación interesada dos límites ?reais ou supostos? da Constitución, debates tan necesarios como o da educación, e sobre todo o da presenza no ensino das linguas propias dalgúns territorios (Galicia, Euskadi, Cataluña, Comunidade Valenciana, Baleares), vense intoxicados pola loita partidista atenta unicamente á colleita electoral. Nese sentido, importa pouco o intercambio de datos e observacións profesionais, o debate rigoroso e matizado, coa vista posta no mellor rendemento social. O que lles importa a estes políticos irresponsábeis, eles si inmaturos, é sementar ou potenciar unha demagoxia simplista que reforce os prexuízos dos votantes (cada un os seus), aínda a costa de crispacións que deterioran a convivencia.
Na onda de involución xeral na que está a derivar a crise financeira, os idiomas propios das comunidades mencionadas volven converterse na diana de intransixencias excluíntes, que utilizan a cidadáns desconcertados por políticas educativas non sempre ben axustadas. Esa intransixencia excluínte, que pretende establecer xerarquías idiomáticas en aras dunha suposta unidade, máis ben parece ter no horizonte unha comunidade dividida en dúas comunidades lingüísticas irreconciliábeis, como na profundamente dividida Bélxica, e romper así cunha traxectoria de integración que, a pesar dalgúns abusos e das súas limitacións, xerou un nivel mínimo de conflitividade, que só a manipulación de determinados medios informativos (e dalgún ministro de Educación incendiario) intenta converter nun problema de Estado.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 22-04-2013 12:09
# Ligazón permanente a este artigo
Queremos Galego convoca manifestación nacional o 17 de maio
Publicado o 19 de Abril de 2013 por Queremos Galego.

A manifestación nacional pola lingua sairá da Alameda de Santiago de Compostela ás 12.00, e nesta mesma páxina web iremos informando dos pontos de saída de autobuses e medios de transporte.

Se desexares colaborar connosco, podes acceder ao evento e difundires e convidares a quen quixeres en

Podes acceder ao evento e difundires e convidares a quen quixeres en

Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 20-04-2013 11:59
# Ligazón permanente a este artigo
Votación histórica coa RAG dividida
Montero e González apuran as súas opcións. Os que apoian ao primeiro confían na vitoria e os que apostan polo segundo falan de "traicións". O voto de Ferrín podería ser determinante. A Presidencia en funcións manda un comunicado para criticar á Xunta e a candidatura de Montero avanza o seu programa.
Galicia Confidencial - Xurxo Salgado | Compostela | 19/04/2013


"Os que traicionaron tamén poden volver traicionar". Este é o comentario dun académico próximo a Manuel González ao referirse a histórica votación que terá lugar este sábado na rúa Tabernas da Coruña e que decidirá o futuro da RAG nos vindeiros anos. E é que as previsións son tan axustadas que, calquera cambio de voto no último momento pode dar a vitoria a un ou a outro.

Precisamente, este académico fala de "dobre traición" porque considera que algúns dos que xa lle comprometeran inicialmente o seu voto a González mudaron despois de opinión a favor de Alonso Montero. Unha opinión que poderían volver mudar, definitivamente, a favor de González. Nesta situación tería moito que ver, segundo outro académico próximo a Montero, á "intensa campaña" que fixo Ferrín nos últimos días a prol de quen foi o tesoureiro durante o seu mandato, con numerosas chamadas de teléfono e mesmo reunións persoais.

Os apoios

Precisamente, son estes "indecisos" os que poden desequilibrar unha balanza que ata o momento bascula cara a candidatura de Alonso Montero. E é que segundo o reconto feito por GC de fontes das dúas candidaturas; éste contaría cos apoios en firme de Xesús Ferro Ruibal, Margarita Ledo, Francisco Díaz Fierros, Rosario Álvarez Branco, Víctor Fernández Freixanes, Andrés Torres Queiruga, Xosé Neira Vilas e Ramón Villares.

Pola súa banda, a candidatura de González estaría respaldada por Xosé Ramón Barreiro Fernández, Andrés Fernández Albalat, Luz Pozo Garza, Francisco Fernández Rei, Xosé Luís Regueira, Xosé Luís Axeitos Agrelo, Darío Xohán Cabana e Manuel Rivas.

Hai dúbidas sobre os votos que poden emitir outros académicos, entre eles, Bernardino Graña, Xosé Fernández Ferreiro, Xosé Luís Franco Grande e Xohana Torres. En todo caso, o voto destes membros da academia podería repartirse a partes iguais entre as dúas candidaturas, aínda que tamén hai quen apunta que se podería dar dous votos a favor de Alonso Montero, un para González e unha abstención. Outro como Salvador García Bodaño adiantou nun artigo que optaría pola abstención.

A incógnita de Ferrín

Tamén está a incógnita de Ferrín. O ex presidente descartou exercer o seu dereito a voto, aínda que podería facelo dado que o plenario non aceptou a súa renuncia como académico e decidiu manter a súa cadeira. E a súa papeleta podería ser decisiva.

Nestas votacións non se aceptará o voto delegado, aínda que si por correo. Só na primeira volta de votación, segundo rexen os estatutos, xa que se fose necesaria unha segunda volta, nesta votarían só os presentes. A Real Academia Galega conta con 30 membros numerarios, dos que 28 teñen dereito a voto, dado que Fina Casalderrey e Pegerto Saavedra aínda non pronunciaron o seu discurso de ingreso. En todo caso, os resultados serían moi igualados; Alonso Montero tería o apoio de entre 12 e 13 académicos e González entre 11 e 12.

González recoñeceu que a votación "vai estar bastante discutida" e Alonso Montero o "equilibrio" entre os apoios actuais das dúas listas. E é que é a primeira vez na historia da RAG que se vive unha intensa campaña pola súa Presidencia e cos académicos tan divididos.

División

As eleccións na RAG foron convocadas tras a decisión de Méndez Ferrín de abandonar o cargo tras ser acusado de contratar familiares na institución e da utilización arbitraria dun vehículo ao servizo da RAG cedido pola Xunta.

As negociacións mantidas nas últimas semanas para alcanzar unha lista de consenso non frutificaron. Montero leva na súa lista a Margarita Ledo, Henrique Monteagudo, Andrés Torres Queiruga e Rosario Álvarez.

González, tesoureiro da RAG durante o mandato de Méndez Ferrín, mantén dúas postos vacantes na súa lista que conforman por agora os filólogos Xosé Luís Regueira e Francisco Fernández Rei.

Ambas as candidaturas manteñen unha visión similar sobre a situación do galego, en grave risco pola caída da transmisión familiar do idioma, e reclaman unha política lingüística clara que asegure a supervivencia do idioma.

Así mesmo, ambos os candidatos aseguraron que manterán o recurso interposto ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) contra o decreto do plurilingüismo da Xunta. Precisamente, a menos de 20 horas para que teñan lugar a votación, a Presidencia en funcións da RAG remitiu un comunicado aos medios no que denuncia que a Xunta de Galicia aínda non desistiu de presentar Recurso de Casación ante o Supremo contra a sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galica sobre o decreto do idioma.

Neste comunicado a RAG afirma que o Tribunal Supremo ditou, con data 15 de abril, unha dilixencia na que abre un prazo de 30 días á Administración galega para que manifeste "se sostén ou non o recurso de casación preparado". Baseándose niso, a Presidencia en funcións da RAG sostén que, malia as manifestacións do presidente da Xunta de Galicia "de asumir as distintas sentenzas xudiciais sobre o decreto de plurilingüismo", o Executivo preparou o recurso de casación ante o Tribunal Supremo "en tempo e forma" contra o fallo do TSXG que anula parte de dous artigos do citado decreto.

Así mesmo, subliña que é "un dos escasos recursos nos que o conflito lingüístico arredor do galego chega ao Tribunal Supremo, cando os idiomas catalán e vasco foron defendidos neste alto tribunal en numerosas ocasións polos seus respectivos gobernos".

Sección de Comunicación e un novo Seminario da norma galega

Por outra banda, a candidatura de Alonso Montero fixo público un resumo do seu programa no que se opón a fusión de institucións culturais e defende a independencia da RAG e no que apostan pola creación dunha Sección de Comunicación -- para impulsar, reforzar e apoiar desde o punto de vista lingüístico e tamén mediante o recurso ás novas tecnoloxías, o uso correcto do idioma nos medios de comunicación-- e un novo Seminario da norma para "perfilar aspectos normativos confusos ou mal definidos (desde a ortofonía ata gramática), elaborando para iso ditames que deberán ser debatidos e aprobados no Plenario".

Ademais, e en relación a un punto polémico, como é a organización do traballo interno da RAG e que motivou, precisamente, a dimisión de Ferrín pola contratación da súa filla, a candidatura de Alonso Montero propón "establecer protocolos e criterios de contratación e persoal, reorganizar o traballo procurando a súa distribución equilibrada nas distintas unidades funcionais". Na actualidade existen unidades con seis ou oito traballadores, e outras con un, dous ou ningún. Por iso, tamén apostan por "definir de forma explícita e clara as súas funcións e responsabilidades de cada unidade e de cada posto de traballo".

No tocante á situación financieira, comprométese a xestionar recursos estables diante das institucións públicas (tanto do Estado Español como da Autonomía: Xunta e Parlamento de Galicia, institucións provinciais e locais, ou mesmo no marco institucional europeo) e, na medida do posible, procurar asemade axudas e contribucións da sociedade civil (empresas, fundacións, particulares) ao servizo dos seus fines estatutarios. "Non son os mellores tempos, pero debemos intentalo", apunta este programa.

Tamén aposta por unhha política de comunicación "transparente". "A actuación e xestión da RAG debe coidar moi especialmente a información que establece co conxunto da sociedade galega. A transparencia informativa é fundamental, moito máis nestes temas, cara a dentro (cara aos académicos e traballadores) e cara a fóra (cara á cidadanía)".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 20-04-2013 11:42
# Ligazón permanente a este artigo
A Xunta aínda non renunciou a recorrer as sentenzas do decreto plurilingüe no Supremo
Praza Pública - David Lombao | @davidlombao


O pasado 14 de marzo o presidente da Xunta anunciaba que o seu Goberno decidira non dar a batalla xudicial contra as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que ilegalizan parte do denominado decreto do plurilingüismo, o que equivalía a non presentar un recurso de casación ante o Tribunal Supremo. Máis dun mes despois dese anuncio o Executivo de Alberto Núñez Feijóo aínda non renunciou formalmente a esa posibilidade. Isto é, cando menos, o que o propio Supremo lle vén de comunicar á Real Academia Galega, que si presentou recurso.

A Presidencia en funcións da RAG recibiu unha dilixencia, con data de 15 de abril de 2013, na que "se lle abre un prazo de trinta dias á Xunta" para "manifestar se sostén ou non o recurso de casación" que ten "preparado". Isto, di a Real Academia nun comunicado, deixa claro que "pese ás manifestacións públicas do presidente da Xunta" nas que asumía "as distintas sentenzas xudiciais sobre o decreto do plurilingüismo, a Xunta preparou recurso de casación ante o Tribunal Supremo en tempo e forma contra a sentenza do TSXG". "Na data desa providencia" o Executivo "non tiña desistido do seu recurso e por tanto está en prazo para completar a súa formulación", toda vez que "a día de hoxe non nos consta ningunha notificación en sentido contrario".

Neste contexto, a RAG informa ademais de que, "como corporación de dereito público", está "exenta de pagamento de taxas" xudiciais na presentación do recurso. Isto, unido a que "os servizos xurídicos" da Academia "seguen a facer un traballo responsable, xeneroso e desinteresado en defensa da lingua galega, sen percibiren ningún tipo de remuneración", implica que o procedemento xudicial non terá custo ningún para a entidade. En calquera caso, subliña, este é "un dos escasos recursos nos que o conflito lingüístico chega ao Tribunal Supremo de Madrid". Neste alto tribunal "os idiomas catalán e vasco foron defendidos en numerosas ocasións", pero "polos seus respectivos gobernos".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 20-04-2013 11:41
# Ligazón permanente a este artigo
Rosalía, máis universal que nunca
A Fundación Rosalía e a Universidade de Vigo presentan un proxecto para traducir a poetisa de Padrón ás diferentes linguas do mundo. ?Airiños, airiños aires? e ?Adiós ríos, adiós fontes? xa están traducidos a 15 linguas.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 18/04/2013


Rosalía de Castro poderá ser, a partir de agora, máis universal do que xa era. Grazas ao proxecto ?Rosalía é Mundial?, dous dos poemas de ?Cantares gallegos? poderán ser traducidos ás diferentes linguas do mundo.

O presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, e o vicerreitor de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, Xosé Henrique Costas, presentaron este xoves un proxecto que pretende celebrar os 150 anos da publicación desta obra.

A iniciativa pretende traducir ao máximo de linguas posibles dous dos poemas máis coñecidos deste poemario: ?Airiños, airiños aires? e ?Adiós ríos, adiós fontes?. O proxecto e a súa web (http://rosaliadecastro.org/planeta-rosalia/) bota a andar con 15 linguas, entre as que se encontran o inglés, o alemán, o romanés ou o catalán.

Tradución a 50 linguas

O chamamento está aberto até o 1 de xullo e os organizadores contan con chegar a 50 linguas. A coordinación das traducións corre a cargo dos profesores Xosé Henrique Costas, da Universidade de Vigo, e Malores Villanueva, da Universidade de Barcelona.

Tanto a Fundación como a Universidade de Vigo queren agradecer a colaboración desinteresada dos tradutores e tradutoras que fan posible esta iniciativa, na que están a participar profesores de moitas universidades estranxeiras, desde Finlandia até Armenia, xunto cun numeroso grupo de exalumnos dos cursos de galego para estranxeiros da USC e da UVigo.

Nas rúas e nos bares as traducións dos poemas estarán tamén en PDF para poderen ser baixadas por calquera usuario como se for un cartel. Na semana previa ás Letras, o Casco Vello de Vigo estará engalanado con estes carteis-poemas para que a xente poida descolgalos e levalos.
Comentarios (1) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 19-04-2013 11:59
# Ligazón permanente a este artigo
OPS, A NOSA LINGUA, A NOSA VANTAXE
Desde a Concellería de Normalización Lingüística, dentro co conxunto de actividade en torno ao celebración das Letras Galegas 2013, ofréceselles aos centros de ensino os obradoiros OPS, A NOSA LINGUA, A NOSA VANTAXE, para o alumnado da ESO, bacharelato e ciclos formativos.

Estes obradoiros, que tan boa acollida tiveron o pasado ano, teñen o obxectivo mostrar a lingua galega como unha vantaxe competitiva que posuímos respecto do resto de España e Europa así como poñer en valor a nosa lingua como potencialidade para acceder ao mundo en portugués.

Os obradoiros teñen un formato de 100 minutos (dúas clases seguidas) e o número de alumnos non debe ser inferior a 20 nin superior a 40. O seu desenvolvemento baséase nunha elevada interacción co alumnado facilitando a súa implicación. Serán impartidos por profesionais da Asociación Galega da Lingua.

Os obradoiros terán lugar nos centros de ensino que os soliciten os martes de maio, en horario de maña ou de tarde. Impartiranse en horario lectivo. Para o desenvolvemento do obradoiro necesítase unha sala con proxector e pantalla así como un reprodutor de música. Se nalgún centro resulta imposible ou moi dificil que se impartan os martes, pódese intentar concertar outro día da semana.

Os centros que desexen solicitar un obradoiro para algunha das súas aulas deben facelo desde o recibo deste correo ata o 30 de abril , no correo gnl@ferrol.es ou no fax 981 945 148 e indicarán o nome do centro, o número de alumnos e alumnas que asistirán, os días e horas que prefiren ( cómpre sinalar dous días como mínimo), o nome do profesor ou profesora de contacto e un correo electrónico. Unha vez confirmado, poñerémonos en contacto co persoa que nos indiquen para concretar os datos do obradoiro.

As inscricións atenderanse por orde de chegada. Pode solicitar máis información nos teléfonos 981944014, 981 944000 ext. 219 ou no correo electrónico antes indicado.

Achégase un anexo con información sobre OPS.

Agardamos que resulte do seu interese.

Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 18-04-2013 16:27
# Ligazón permanente a este artigo
Toda a oposición acusa a Valentín García de queimar a Lei de Normalización Lingüística
O FUTURO DO NOSO IDIOMA

O secretario xeral da Xunta criticou o discurso "dramático" sobre a situación do galego, que non ve tan negativa.

GALICIA HOXE - SANTIAGO. EP | 16.04.2013


O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, compareceu este luns na Comisión de Educación e Cultura para dar as claves da actuación do seu departamento nos próximos meses. Na súa intervención, García defendeu as iniciativas do departamento que dirixe fronte ás críticas da oposición, que lamentou que non se entrara en cuestións máis profundas ao tempo que o acusou de "queimar" a Lei de Normalización Lingüística.

No seu programa para este ano, Valentín García apostou por continuar programas de dinamización lingüística xa levados a cabo en anos anteriores, así como poñer en marcha novos para "implicar a sociedade no seu conxunto" no uso do galego.

Ademais de apostar pola Rede de Dinamización Lingüística, García nomeou programas de normalización lingüística como os 'Monólogos de Serán, a promoción da película Vilamor, os 'Axóuxeres' para os máis pequenos, a serie de 'Os Bolechas' na TVG, 'Nos tamén creamos', a Semana da Ciencia, A Nena e o Grilo ou Peter Punk. Destas iniciativas, Valentín García destacou a súa especial dedicación cara aos nenos e os mozos, dada a súa importancia no fomento do uso do galego.

De cara a outro tipo de públicos, o secretario xeral nomeou programas como 'O galego é chave para ou teu negocio' ou 'Como exportar en galego', destinados ao fomento do uso do galego entre os empresarios e a promover o nexo coa lusofonía.

DICIONARIOS E TRADUTORES

A Xunta traballa xa para que en "breve" se poida poñer a disposición de todas as administracións un "potente tradutor automático" baseado en software libre, que axilizará estas traducións en ámbitos como a sanidade ou a xustiza. Ao mesmo tempo, trabállase na mellora do dicionario de pronunciación.

En redes sociais, Valentín García destacou a consecución do Twitter en galego --algo que a nacionalista Ana Pontón lle recriminou que se tratou dunha iniciativa popular-- e os contactos con Google para que traduza ao galego os seus programas de cabeceira. O galego, sinalou Valentín García, ocupa o posto número 20 entre os idiomas máis utilizados en Internet.

OPOSICIÓN

A intervención do secretario xeral de Política Lingüística provocou as críticas dos tres grupos da oposición, que botaron en falta unha "análise sobre a situación lingüística de Galicia".

En concreto, a nacionalista Ana Pontón asegurou sentirse "en shock" tras escoitar a Valentín García, ao que reclamou que "cesen as hostilidades" do Goberno galego cara á lingua. Ao mesmo tempo, criticou o decreto do plurilingüismo, que considerou un "atentado" ao "proceso de normalización" do galego e pediu a súa retirada. "Non é que meteran a Lei de Normalización Lingüística nun caixón, é que a queimaron", sentenciou.

Ana Pontón tamén mencionou o informe elaborado por un grupo de expertos Comisión Europea sobre as linguas cooficiais españolas, no que eloxiaban a actitude de Cataluña e País Vasco e criticaban a actuación de Galicia. Sobre ese informe, sobre o que Valentín García "comparecerá de novo" para falar, o secretario xeral criticou que fose realizado "en Madrid" e que os expertos "non pisasen Galicia". Ao mesmo tempo, criticou que a oposición leve adiante un discurso "dramático" sobre a situación do galego, que non viu tan negativa.

Pola súa banda, o deputado de Alternativa Galega de Esquerda Ramón Vázquez advertiu dunha "evidente involución" do uso do galego na Comunidade e sacou a colación un informe realizado polo Consello da Cultura Galega no que se apuntan datos como a diminución na produción dos libros en galego e a súa escasa presenza no audiovisual comercial, así como o descenso no número de persoas que usan como lingua habitual o galego.

Ao mesmo tempo, Ramón Vázquez acusou á Xunta de levar a cabo a maior redución presupostaria en política lingüística "dende o estatuto de autonomía" e de "atacar o corazón da protección dunha lingua", o ensino.

Ramón Vázquez asegurou que o concepto de 'bilingüismo cordiais' "non existe" en termos lingüísticos, dado que é un concepto que "pariron" dende o PPdeG. Neste sentido, cuestionou ao secretario xeral "qué liberdade de elección" ten "un pai que quere levar aos seus fillos ao cinema a ver unha película en galego". "¿Que falta de liberdade ten un pai que quere levar aos seus fillos unha película en castelán?. Ningunha", recordou o deputado de AGE.

O socialista Francisco Caamaño, que cualificou a comparecencia de "naïf", acusou o Goberno galego de levar adiante unha "política lingüística de feira". Ao mesmo tempo, reclamou unha valoración da situación do galego en ámbitos como a administración, a xustiza, a sanidade ou o ensino.

"Teñen a manía de que a defensa do galego é unha cuestión de nacionalistas e independentistas e non de galegos", sentenciou Francisco Caamaño ante as palabras de Valentín García.

Finalmente, o PPdeG considerou que a Xunta está a levar a cabo unha política lingüística "en clave de país" e "con vocación de consenso" a través de "medidas amplísimas e liñas de colaboración", ao tempo que o deputado Agustín Baamonde acusou a oposición de "belixerancia" contra o bilingüismo.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 18-04-2013 12:29
# Ligazón permanente a este artigo
Alonso Montero e Manuel González coinciden: manterán o recurso contra o decreto do galego
A LISTA DE CONSENSO NA RAG, LONXE A TRES DÍAS DO PLENARIO

GALICIA HOXE - A CORUÑA. EFE | 17.04.2013


Os candidatos ó presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero e Manuel González, recoñeceron esta mañá que a posibilidade de pactar unha lista de consenso antes do plenario do próximo día 20 está afastada, tras a "negativa" de González á proposta de Alonso Montero.
"As posibilidades -de pactar unha candidatura de consenso- son menores que hai 48 horas", recoñeceu o ensaísta Alonso Montero no debate que ambos os candidatos mantiveron no programa de TVG "Bos Días".
Ambas as candidaturas manteñen dúas vacantes na súa lista e levan semanas negociando unha proposta de consenso sen que ata agora alcancen un acordo.
Esta mesma semana membros da candidatura de Alonso Montero realizaron un achegamento formal para acordar unha proposta que recibiu a "negativa" da lista de Manuel González, segundo confirmou hoxe el mesmo.
Gónzalez lamentou que a súa formulación de debate "privado" entre os académicos para definir unha alternativa de consenso fose interpretado como un "acto electoral", mentres que Alonso Montero sinalou que esta vía "chegou tarde".
Ambos os académicos, que levaban 15 días sen verse, manteñen unha visión similar sobre a situación do galego, en grave risco pola caída da transmisión familiar do idioma, e reclamaron unha política lingüística clara que asegure a supervivencia do idioma.
Así mesmo, ambos aseguraron que manterán o recurso interposto ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) contra o decreto do plurilingüismo da Xunta, a pesar de que, advertiu González, membros da candidatura de Alonso Montero "están en contra" deste recurso.
"É a primeira noticia que teño", replicou Alonso Montero.
Pola súa banda, González asegurou que levará o recurso ante as últimas instancias europeas seguindo o acordado polo plenario da Academia.
Ambos os candidatos expresaron o seu respecto pola figura do expresidente da RAG Xosé Luís Méndez Ferrín: "Non debeu dimitir", insistiu Alonso Montero, quen se mostrou crítico con algunhas actuacións do expresidente, como a utilización do coche oficial.
Alonso Montero comprometeuse a desprazarse en tren, unha proposta que González achacou ó seu descoñecemento da Academia - "hai que participar nas actividades, non se pode estar tres anos fóra da Academia "- xa que o presidente debe desprazarse diariamente a actos oficiais, en moitos casos a lugares onde non se pode acceder en tren.
González insistiu en que o uso do coche oficial, cedido pola Xunta, supón un aforro de máis de 12.000 euros anuais.
Doutra banda, tras as acusacións de nepotismo a Méndez Ferrín, González propuxo modificar o sistema de contratación para que sexa realizado a través dun concurso público.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 18-04-2013 12:27
# Ligazón permanente a este artigo
González rexeita a oferta de Alonso Montero para unha lista conxunta á RAG
Praza Pública - Miguel Pardo | @depunteirolo


Non haberá lista de integración á presidencia da Real Academia Galega (RAG). Manuel González rexeitou a oferta realizada pola candidatura de Xesús Alonso Montero, que nos últimos días intentou achegar posturas e lle propuxo a González integrar dous académicos propostos por el na súa lista, pero sempre con el como presidente e coa súa última palabra tamén sobre as persoas elixidas para ocupar os dous postos vacantes no seu equipo.

En comunicación a Praza, Manuel González recoñece a "oferta de negociación" que o pasado luns recibiu por parte da candidatura de Alonso Montero e o seu "compromiso a estudar a proposta e sometela á consideración dos académicos" que apoian a súa candidatura. "Realizadas estas consultas, consideramos que a proposta é totalmente inaceptable", asegura o tesoureiro da RAG, que lembra que a oferta "é exactamente a mesma" que el fixera desde un principio, "pero xusto ao revés" e que xustifica en dúas razóns a súa negativa a un pacto.

"A presentación dunha única candidatura debe ir precedida dunha discusión sobre o futuro da RAG e sobre un programa de traballo entre todos os membros do plenario (ou unha gran maioría deles). Este era o sentido dunha reunión que convoquei a semana pasada, na que non quixo participar a outra candidatura", engade González, que aclara tamén que "unha vez establecido este programa", deberían ser "os propios académicos os que decidisen quen son as persoas máis indicadas para a presidencia e para a executiva da Academia".

A negativa da candidatura de Alonso Montero a esta negociación levou a González a rexeitar a oferta, unha postura que reiterou este mércores no debate que ambos os dous candidatos mantiveron na TVG. "A resposta é totalmente negativa. Non se trata de compoñendas entre persoas porque eu fixen unha convocatoria para unha reunión privada onde discutiramos as ideas básicas do futuro da RAG e decidiramos cales son as persoas ideais entre todos os académicos. Foi mal interpretado e considerouse un acto electoral", argumenta. "Ese convite chegou tarde e debeuse facer antes de que Manuel González anunciase a súa candidatura", retrucou Alonso Montero.

Xa que logo, González asegura a Praza que "a situación neste momento é exactamente a mesma que existía antes de recibir a proposta totalmente inaceptable dos membros da outra candidatura". Ademais, advirte de que, aínda que recoñece que perdeu apoios con respecto ao día no que anunciou a súa candidatura, "iso non quere dicir que considere que teño un apoio minoritario". "Os apoios cos que conta cada candidato veranse na votación do plenario o sábado día 20", remata.

Debate centrado no legado de Ferrín
En canto ao debate, Alonso Montero e Manuel González centraron boa parte da conversa no legado da executiva do dimitido Méndez Ferrín. Mentres que o catedrático vigués insiste que o ex presidente "non debera dimitir", o aínda tesoureiro da RAG cre que "era imposible que ficase" na Academia. "Chegou un momento no que a súa situación era moi incómoda", asegurou González, mentres Montero negou que houbese "conspiración nin confabulación ningunha" contra el.

"Estou a anos luz dos que pensan que houbo unha conspiración contra el e moito menos que foi argallada por académicos de dereita con xornais da ultradereita. Só dimitiu el e só el se sentía acosado? Por que non dimitiron o resto de membros da executiva?", preguntouse Alonso Montero, mentres González asegurou "non crer nas casualidades".

"Os feitos son que a partir dun determinado momento empezan a saír nos medios unha serie de acusacións que poñían en cuestión a crecibilidade da RAG ante a sociedade", dixo o tesoureiro, que negou casos de nepotismo, aínda que si aceptou que a Academia "debe camiñar cara á transparencia total". "Se cadra a institución non soubo adaptar os seus usos e costumes ao seu crecemento espectacular nos últimos anos".

Ademais, Alonso Montero negou que o uso dun coche por parte da RAG cedido pola Xunta signifique "un aforro". "Eu desprazareime de Vigo á Coruña en taxi ou en tren", dixo, ao tempo que González lle advertiu que o uso do automóbil "non é só para esas viaxes", senón para moitos máis desprazamentos oficiais "que non se poden facer en tren". "Nunca souben se o coche era da RAG ou do presidente", chegou a dicir Alonso Montero, que aclarou que el nunca viaxou da súa cidade á sede da Academia no vehículo. Como te ías enterar? Hai que participar e non se pode estar tres anos fóra da RAG", retrucou González.

"Saíu en moitos periódicos que había irregularidades na contratación de persoal. Varios membros do equipo de Ferrín tiñan familiares na RAG e iso, denúncieo un xornal de dereitas ou de esquerdas, créalle unha certa conmoción, por iso houbo un plenario para falar desas cousas. A miña candidatura ten xente que naquel plenario fixo observacións críticas, pero non somos a candidatura crítica", engadiu Montero.

No entanto, os dous candidatos coincidiron no seu diagnóstico sobre a situación da lingua galega, que cualificaron de "dramática". Ademais, e malia as declaracións de Ferrín no Faro de Vigo, nas que asegura que a candidatura de Alonso Montero "planea retirar o recurso contra o decreto no Supremo", Alonso Montero negouno e insistiu en que se chegará ás ultimas instancias. "É a primeira noticia que teño, os membros da miña candidatura non estamos de acordo con esa formulación", asegurou, mentres que González advertiu que "si hai membros" da candidatura rival que non apostan por manter o recurso.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 18-04-2013 12:26
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0