Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Proposta provisional de resolución das axudas aos proxectos de fomento do galego
Prezado/a compañeiro/a,

Achegámosche unha ligazón onde podes consultar a proposta provisional de resolución das axudas aos proxectos de fomento do galego nos centros de ensino públicos para o curso 2012/2013.

O prazo de alegacións remata o día 26 de abril incluído

LIGAZÖN

Saúdos cordiais

CIG-Ensino
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 24-04-2013 12:46
# Ligazón permanente a este artigo
Programa acto de homenaxe a Rosalía do 28 de abril

Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 24-04-2013 11:40
# Ligazón permanente a este artigo
Novo vocabulario en galego de termos esenciais de dereito civil
GALICIA HOXE - SANTIAGO. EP | 23.04.2013


O novo vocabulario de termos esenciais de dereito civil en edición bilingüe galego-castelán aglutina máis de 1.200 conceptos consultables tanto en edición en papel, PDF como a través da plataforma bUSCatermos, á base terminolóxica da Universidade de Santiago de Compostela.

Esta ferramenta, a cuarta dunha serie de manuais xa publicados que abarcaron dereito constitucional, penal e internacional, foi presentada este martes na Facultade de Dereito da USC pola secretaria xeral da institución, Lourdes Noya, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o decano da facultade, Luís Míguez, a coordinadora da obra, Antonia Neto, e o director do servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez.

Antonia Neto enmarcou esta iniciativa, na que participaron docentes da propia facultade, no plan 'Témoslle lei' para Dereito, que leva implantado xa tres anos, e que busca favorecer o uso do galego e a formación de futuros profesionais da administración e a xustiza.

Así mesmo, Manuel Núñez destacou que "por fin é unha realidade" este cuarto título, polo que hai que "felicitarse", e avanzou que contan con outro "no forno" de dereito administrativo.

O decano da facultade, Luís Míguez, sinalou ademais o "gran esforzo" para a realización destes materiais e ve "fundamental" contar con estes recursos para a práctica profesional, ademais de "financiamento" por parte da administración galega para promover a súa creación e difusión.

Neste sentido, Valentín García trasladou a súa vontade de "seguir colaborando" con este tipo de publicacións, que considera "un paso adiante moi importante" ao tratarse dun campo onde a lingua galega presenta "un déficit moi importante".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 24-04-2013 10:59
# Ligazón permanente a este artigo
Galiza será soberana na rede: o Icann aprobará o dominio .gal
Icann, a autoridade que supervisa o sistema de enderezos de rede, vai aprobar un bo lote de novas extensións, entre as que se atopa .gal. A asociación Puntogal tratará de que o dominio estea dispoñíbel na rede cara final do presente ano.

Sermos Galiza


Icann (siglas en inglés da Corporación de internet para a asignación de nomes e números), a organización responsábel de asignar os enderezos do protocolo IP, fará realidade en breve o dominio .gal, no marco da aprobación dun novo pacote con centos de extensións, entre as que figura a reivindicada por Galiza.

A consecución da extensión galega, lembran desde a axencia EFE, que deu esta nova, pon o ramo a un longo proceso iniciado vai para cinco anos e que está a revolucionar os rexistros de webs de empresas, organizacións e territorios.

Para ser aprobado un dominio, este ten que pasar por un longo e complexo proceso de validación. Se ben a aprobación de .gal será efectiva nas vindeiras semanas, non estará operativa até comezos do ano que vén.

Segundo informa esta mesma axencia, entre as extensións que se aprobarán en breve figuran, alén de .gal, a de .eus, .berlin..madrid ou .bank.

Puntogal

A conquista do .gal e a visibilización de Galiza nas redes con dominio propio é frito, en grande mérito, do traballo desenvolvido pola asociación Puntogal. Esta asociación defínese como "uha iniciativa que pretende conseguir para a lingua e a cultura galegas un dominio propio en internet e, a través del, unha maior visibilidade e presenza do pobo galego na rede e no mundo".

Nun comunicado, Puntogal sinala que 

a ICANN "vén de publicar a lista final de candidatos a novos dominios sobre os que pende algunha queixa formal por parte da ICANN, outras candidaturas ou membros da comunidade da Internet. Grazas ao apoio de toda a sociedade galega a candidatura, o .gal non figura nesa lista. Aliás, tampouco está na lista, publicada hai uns días, de candidaturas sobre as que os gobernos que participan na ICANN expresan dúbidas. Neste sentido, o .gal logrou o respaldo das administracións locais, autonómicas e estatais".

O .gal está respaldado por máis de 13.700 persoas e 110 institucións de todo o país; entre elas figuran os organismos máis relevantas da cultura galega (Real Academia, Consello da Cultura), as tres universidades, ducias de asociacións culturais de base, vinte asociacións de emigrantes baseadas en Europa e America, empresas tecnolóxicas, medios de comunicación, etc.

Afirman, asemade, que "o .gal é o dominio que debe correspondernos como comunidade con fortes vencellos lingüísticos, culturais, históricos, sociais... unha especie de sufixo co que identificar en internet as páxinas escritas en galego e que, tendo en conta a nosa dispersión no mundo, non se circunscriba a un ámbito territorial concreto. A proposta, tecnicamente viable e económica, social, lingüística e culturalmente rendible, encádrase nos dominios de primeiro nivel esponsorizados. É a que defende Asociación PuntoGal co apoio das entidades que a integran e de todas aquelas persoas e organizacións que seguen sumándose día a día no apoio a esta iniciativa"
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 24-04-2013 10:51
# Ligazón permanente a este artigo
Josep Bargalló: "Non van contra a inmersión lingüística, van contra a democracia e a pluralidade"
Praza Pública - Miguel Pardo | @depunteirolo


Josep Bargalló i Valls (1958) é filólogo, profesor, crítico literario e escritor. Militante de ERC, foi conseller de Educación e conseller en cap no Goberno catalán, director do Institut Ramon Llull e exerce na actualidade como docente do Institut de Ciències de l'Educació da Universitat Rovira i Virgili. Participa este mércores en Vigo na mesa redonda As linguas no debate soberanista: Galego e catalán, linguas con/sen Estado, organizada pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.

Agora, e polo momento sen estado propio, como cualificaría a situación do catalán logo das últimas sentenzas contrarias á inmersión?

Todo depende desde o prima co que se mire. A situación do catalán, desde o punto de vista da educación ou do uso 2.0, é a dunha lingua case normalizada. No entanto, no ámbito da Xustiza ou da Administración do Estado, é un idioma case marxinado. Nesta vaivén que nos movemos, é moi importante o consenso social existente nas últimas décadas arredor da situación do catalán na educación. O que sucedeu nos últimos tempos é que, desde un grupo minoritario político e social e desde algúns xuíces que pertencen a grupos ideolóxicos parellos a estes, preténdese cambiar con sentenzas xudiciais os acordos sociais e as lexislacións administrativas e políticas. No entanto, hai unha gran maioría en Cataluña que entende que un grande acordo social non o pode cambiar unha sentenza xudicial.

Por que cre que a inmersión lingüística é tan rexeitada en moitas partes do Estado?

Porque os medios de comunicación maioritarios no Estado son os maioritarios en Madrid e son contrarios á concepción da pluralidade. Só entenden o Estado dunha maneira, cunha patria e cunha lingua. Para eles, a inmersión é a mellor maneira de demostrar que hai unha parte do Estado que non está por esa convención monocultural, monolingüe e monopatriótica. Teñen a inmersión no seu punto de mira e é o seu casu belli, pero non contra a inmersión, senón contra a democracia, a liberdade e a pluralidade.

Como se ve desde Cataluña a situación da lingua galega?

A visión maioritaria desde Cataluña da realidade galega é tamen a que se ten desde os medios de comunicación de Madrid e somos conscientes de que é, cando menos, sesgada. Por exemplo, hai unha cousa que nos entusiasma da realidade lingüística galega que se cadra os galegos non valoran. Vostedes poden facer declaracións en galego nas televisións de Madrid e emítenas, pero as nosas non. Igual iso supón que en Madrid entenden que o galego é unha variedade dialectal, pero a realidade é así. O que sabemos é que as nacións sen estado con lingua propia teñen realidades moi diferentes, pero únenos a existencia dun Goberno que, tendo ao ministro Wert como ariete, quere frear os procesos de normalización e quere tamén aumentar a preponderancia dunha lingua A do Estado ante unhas linguas B que só lle serven como algo folclórico. En Cataluña non o imos consentir e non o imos consentir porque hai unha posición social maioritaria.

Non hai conflito lingüístico en Cataluña?

Non o hai. Foron dezasete as familias que recorreron a inmersión lingüística. Respecto profundamente a súa decisión, pero non imos cambiar a sociedade por dezasete familias.

Como experto, recomendaría a inmersión lingüística para outros territorios con linguas minorizadas?

Os procesos de inmersión, como o catalán ou o de Québec, tenden a asegurar que todos os cidadáns dun territorio poidan coñecer, expresarse, relacionarse e traballar nas dúas linguas oficiais. Ademais, priman que no ámbito escolar sexa protexida a lingua socialmente menos favorecida porque o equilibrio escola-sociedade dá lugar a uns cidadáns bilingües. Os resultados das probas curriculares de lingua española en Cataluña dan unha nota superior á media do Estado, polo que, a pesar da inmersión, resulta que os nosos alumnos dominan a lingua castelá cunha cualificación superior á media.

O catalán estaría en mellor posición se Cataluña fose un estado independente?

O catalán estaría en mellor situación oficial porque sería unha lingua oficial nas institucións europeas, sería a lingua maioritaria na Xustiza... O uso social non variaría, pero o uso oficial si, aínda que todos sabemos que unha variación no uso oficial acaba derivando nunha variación no uso social.

Veremos unha Cataluña independente a medio prazo?

Agora estamos nas mellores condicións obxectivas de alcanzar unha independencia como país desde 1714. Que esteamos nestas mellores condicións e teñamos o maior apoio popular a esta proposta xa é un gran paso adiante. Quero pensar que a curto prazo -un, dous ou tres anos- ou hai unha consulta sobre a independencia ou haberá unhas eleccións plebiscitarias. Logo, como somos demócratas, gañará a opción que desexe a maioría da poboación. Será complicado porque o que quere a maioría da poboación ten que ver con moitas realidades, desde a crise económica que xoga a favor, ata as intervencións das estruturas do Estado que xogan en contra. Son moi optimista en todas as cousas e quero crer que se a poboación catalá pode expresarse libremente, apoiará o proceso de soberanía. De todos os xeitos, o que si creo que conseguiremos é que o pobo catalán se poida expresar e ese será un primeiro paso e unha primeira vitoria.

Podemos falar de fin de ciclo político no Estado español como aseguran moitas voces?

A chamada Transición tivo moitos elementos falsos, enganos e alicerces con aluminose. Contruíuse unha realidade político-institucional un pouco superestrutural e fantasiosa e chegou un momento no que non se aguanta. A chamada Transición acabouse e hai que dar pasos adiante en moitos camiños: na estrutura do Estado, na territorialidade, pero tamén no que se entende por democracia e separación de poderes. A España do posfranquismo xa non serve no século XXI, aínda que todos nos decataramos uns trece anos tarde. Non serve nin como unidade de mercado, nin como estrutura institucional, nin como unidade política.

Hai risco de división social no caso de que Cataluña se declare independente?

Non sei por que ter a independencia tería que derivar en división social e non tela non. Se os que apostamos pola independencia non apoiamos nin provocamos esa división social cando non a temos, non debería habela tampouco se Cataluña fose independente. Se somos demócratas, hai que aceptar o que diga o pobo. Se outros non son demócratas, pois non serán demócratas.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 24-04-2013 10:48
# Ligazón permanente a este artigo
Alonso Montero: «O que desde sempre suscita entusiasmo é a causa da lingua»
CRISTINA BARRAL - Pontevedra / La Voz 23 de abril de 2013


O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero, referiuse onte no campus de Pontevedra á nova etapa que se abre na institución trala súa elección. O catedrático emérito da Universidade de Santiago animou aos membros da RAG a traballar nun clima de concordia e entusiasmo. «Que a nosa candidatura en principio non suscite moito entusiasmo enténdoo, pero o que desde sempre suscita entusiasmo é a causa da lingua galega», afirmou antes de pronunciar unha charla para alumnos da Facultade de Ciencias de Educación e do Deporte coincidindo co corenta aniversario da publicación do seu Informe dramático sobre a lingua galega.
A preguntas dos xornalistas, Alonso Montero indicou que sobre a base do respecto e da educación hai «que pedirlle ao presidente da Xunta o financiamento que a Academia necesita». Tamén reiterou que a defensa do idioma será unha das máximas da executiva que encabeza, facendo fincapé en que se manterá o recurso ante o Supremo contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anulaba parcialmente o decreto do plurilingüismo.
O novo presidente admitiu que o punto de maior conflito na anterior etapa foi o capítulo da contratación e que por iso se traballa nun esquema de protocolo «Imos aternos a iso», dixo. Non obstante, sinalou que noutros aspectos a xestión do seu predecedor na institución, o dimitido Xosé Luis Méndez Ferrín, foi «exemplar».
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 23-04-2013 09:40
# Ligazón permanente a este artigo
A lingua ante os retos da 'nova' RAG
Praza Pública - Miguel Pardo | @depunteirolo


Xesús Alonso Montero xa é o novo presidente dunha Real Academia Galega (RAG) que afronta o reto de recuperar "o clima de concordia" que se perdeu nos últimos tempos, sobre todo a raíz da dimisión de Méndez Ferrín e da posterior -e inédita- carreira electoral que se abriu na centenaria institución. A nova executiva aludiu en todo o momento á necesidade de "destensionar" unha situación nada cómoda para un organismo que pareceu correr un risco de ruptura que agora todos intentan apagar.

Pero a razón de ser da RAG é a lingua galega, que tamén afronta unha morea de retos, tanto pola súa feble posición como polas diverxencias evidentes que todas as institucións que velan polo idioma teñen coa política lingüística levada a cabo nos últimos anos pola Xunta de Galicia. A Mesa pola Normalización Lingüística, a Associaçom Galega da Língua (AGAL) ou a Asociación Galega de Editores reflexionan sobre as prioridades da Academia en canto ao idioma.

Carlos Callón, presidente d'A Mesa, aposta por que a RAG "sexa unha ferramenta de defensa da lingua galega e faga fronte ás institucións que atacan o noso idioma", e pon "como exemplo" o Concello da Coruña, "onde ten a sede a a propia Academia", ou a propia Xunta de Galicia. Alonso Montero insistiu en que manterá o recurso contra o decreto do plurilingüismo que a institución presentou ante o Supremo e o tamén voceiro da plataforma Queremos Galego pide "que manteña unha postura activa a prol do galego".

"Iso é o máis importante, que a RAG teña un papel moito máis dinámico e de reivindicación, como por exemplo no caso do ensino infantil nas cidades, onde o 96% das escolas non imparten absolutamente nada na nosa lingua", cita como exemplo. Pola súa banda, Manuel Bragado, presidente da Asociación Galega de Editores, cre que a RAG "debe manter a liña de defensa do idioma" dos últimos tempos, unha actitude que lle parece "exemplar". Ademais, considera tamén que debe "enxergar un horizonte para o idioma", pero apela "á corresponsabilidade". "A construción da nación e a defensa da lingua non lle corresponde só aos académicos, senón tamén á sociedade civil, ao asociacionismo e ás plataformas a prol do idioma", engade o director xeral de Xerais, que cre que cómpre que a centenaria institución "recupere o seu plan de traballo" e "desenvolva a gramática, profundice na lexicografía, continúe os traballos no seminario de sociolingüística e mellore a súa comunicación co conxunto da sociedade".

Desde a nova executiva, insisten en que a RAG "seguirá na liña marcada en defensa do idioma" e na "concienciación na sociedade do que significa a lingua propia", pero tamén deixa claro que é preciso "levantar a hipoteca ideolóxica que lastra o idioma".

Ademais, Carlos Callón tamén vería "moi positivo" que a Academia "tivese unha postura protagonista á hora de relacionarse co sistema galego-portugués". "Alén de debates normativos, a RAG debería ter un papel moi activo na relación cos territorios do sistema lusófono; non ten moito sentido virarlle as costas", asegura.

No mesmo sentido se manifesta Miguel Penas, presidente da AGAL, que xa enviou os seus parabéns a Alonso Montero, desexándolle "o mellor" e manifestándolle a suá intención de "abrir o diálogo e vías de entendemento" coa Academia. Para a Associaçom Galega da Língua, este diálogo debería basearse nas reclamacións que se recollen na ILP popular Valentín Paz-Andrade e coa que se procura unha serie de medidas que faciliten o acceso dos galegos ao universo da lingua portuguesa e unha maior relación coa lusofonía.

"Entendemos que o idioma precisa dunha nova estratexia, pero moita esperanza non podemos ter se atendemos ás primeiras declaracións de Alonso Montero", di en referencia ás palabras do novo presidente, no que rexeitaba o achegamento á lusofonía, aínda que Miguel Penas "confía" en poder manter un encontro coa institución. "Hai académicos na nova executiva que teñen manifestado dalgún xeito o seu interese polas iniciativas da AGAL e do reintegracionismo", engade.

Precisamente, fontes da nova executiva da RAG aclaran que no seu programa xa se marca como prioridade "estreitar os lazos co mundo lusófono", unha intención que abrangue tamén a futura inclusión de académicos correspodentes na institución.

Neste sentido, Miguel Penas cre que a RAG debería acoller no seu seo "académicos que representasen outra visión científica sobre o galego", en referencia ao reintegracionismo. "Hai profesores e estudosos da lingua que están vetados, mentres se incorporan persoas con gran currículo, pero que igual teñen menos méritos que eles", quéixase o presidente da AGAL, que lembra que este "veto" xa ten tido as súas consecuencias, como a creación dunha "Academia alternativa". "A institución debería ser única e recoller a pluralidade de opinións, incorporando incluso académicos doutros ámbitos da lusofonía non galegos", insiste.

Tamén Carlos Callón aposta por "unha Academia máis plural e máis representativa da cultura galega", tanto na cuestión de xénero, como doutros ámbitos. "Non comprendemos que a gramática oficial non sexa consensuada tamén polas universidades de Vigo e da Coruña", asegura o presidente d'A Mesa, que aposta "por que se manteña o mesmo espírito de consenso que se deu en 2003".

Callón refírese ao cambio normativo que rematou coa concordia de hai dez anos e logo de que Alonso Montero, nunha das súas primeiras declaracións tras ser elixido presidente da Academia, asegurase que se non intenta volver á normativa de 1982 é só "polos prexuízos e inconvenientes que isto ocasionaría no ensino". "Sen ánimo de polémica, os representantes da RAG teñen que ter en conta o peso das súas palabras. A última normativa foi un consenso moi importante e un éxito para o país e hai que avanzar nese camiño", remata o presidente d'A Mesa.

Desde a nova executiva, e malia as palabras do novo presidente, aseguran que Alonso Montero "limitouse a explicar cal foi a súa posición" de hai dez anos, no momento no que se abordou o cambio normativo, pero insisten en que tamén aclarou que "a única norma que hai é a existente, froito dun consenso e que é a que hai que defender". "O asunto da normativa non está na axenda, nin moito menos", finalizan.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 23-04-2013 09:37
# Ligazón permanente a este artigo
Cartel En galego, sen filtro - 2013
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 22-04-2013 20:27
# Ligazón permanente a este artigo
A AGAL mostra-se disposta ao diálogo com o novo presidente da RAG
A poucas horas de ter sido eleito novo presidente da RAG, Xesús Alonso Montero já recibiu o ofrecemento da Associaçom Galega da Língua (AGAL) para o diálogo. Solicita-lhe, em primeiro lugar, que apoie a ILP Paz Andrade, que arrancou ao lhe adicar o Dia das Letras Galegas ao empresario. A AGAL aproveita para parabenizar o novo presidente.

SERMOS GALIZA - REDACCIÓN


A AGAL mostrou-se, através dun comunicado ?disposta ao diálogo e a abrir vias de entendimento com a centenária instituiçom?, o que lhe indica ao novo presidente, a poucas horas de ser eleito Xesús Alonso Montero em substituçom de Ferrim. Como exemplo de iniciativa que a RAG pode apoiar, ponhem a ILP Valentim Paz-Andrade, que acadou mais de 17.000 assinaturas que reclaman um maior relacionamento co mundo da lusofonia, alén dun acesso, tambem no ensino, á lingua portuguesa.

O presidente da AGAL, Miguel Penas, solicita que umha das primeiras medidas que adopte a nova ejecutiva seja o ?apoio explícito a esta iniciativa? que arrancou no ano 2012 em que a RAG dedicou o Dia das Letras a Paz Andrade.

O Conselho da Associaçom Galega da Língua (AGAL) aproveita para parabenizar ao novo presidente da RAG de quen destacam ?o seu reconhecido prestígio na cultura galega e o seu compromisso e ativismo culturais para a difusom da literatura galega?.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 22-04-2013 20:26
# Ligazón permanente a este artigo
Valentina Formoso: "Hai que mudar o ensino do galego e o traballo de normalización"
Praza Pública - Miguel Pardo | @depunteirolo


Valentina Formoso, profesora e voceira da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (Cgendl) vén de publicar Do estigma á estima. Propostas para un novo discurso lingüístico. Publicada por Xerais, a obra parte dunha investigación cualitativa sobre o discurso arredor da lingua galega do alumnado de Secundaria e reflexiona e ofrece alternativas para deter a tendencia desgaleguizadora dos últimos anos.

Formoso propón novas estratexias de planificación lingüística para actuar no ensino, mais tamén para mudar as representacións negativas e reforzar as positivas, xa que para ela a clave do futuro da lingua reside en ?atender de xeito urxente ao imaxinario social sobre a lingua galega, en especial ao que posúen os galegofalantes?. O título do libro déixao claro: pasar "do estigma á estima". "Ese é precisamente o obxectivo; tal e como están as cousas, é fundamental incidir na recuperación da estima do idioma ao tempo que facemos outras moitas cousas pola normalización; se non é así, será moi complicado avanzar", asegura a autora a Praza.

A obra parte do traballo de investigación sobre o discurso lingüístico nos centros de ensino levado a cabo por Formoso, á que lle sorprendeu moito a falta de avances en canto á querencia ao idioma. "O golpe máis grande que levei foi descubrir que o alumnado tiña os mesmos prexuízos e utilizaba o mesmo argumentario cara ao galego que cando eu ía ao instituto; e todo malia que agora xa hai equipos de normalización nos centros, unha chea de actividades a prol da lingua e moito traballo detrás", lamenta. "O argumentario era idéntico: que para que ían usar o galego, que non o sabían falar ou que non lles servía para nada", engade.

Os prexuízos son grandes nas zonas urbanas, pero tamén no rural e naqueles rapaces galegofalantes que en moitos casos acaban por renegar da súa lingua. Por iso, para Formoso "é fundamental aumentarlles a estima aos que falan galego". "Hai que facerlles crer dunha vez que o que eles falan valen", insiste, logo de reflexionar sobre as "equivocacións" que tamén cometen os profesores. "Trabucámonos cando non valoramos a fonética e só nos centramos na gramática, en parte porque o sistema está así e nin tan sequera existen os exames orais", asegura, convencida de que "hai que mudar o ensino da lingua e o traballo dos equipos de normalización para incidir na estima ao idioma e na eliminación de prexuízos".

Así, Valentina Formoso lembra que os galegofalantes "teñen prexuízos propios" e diferentes a aqueles que non empregan o galego ou o falan menos. "A lingua está asociada ao rural, a ser pobre e de clase baixa ou nacionalista; hai todo un estereotipo arredor de quen fala galego e debemos traballar para acabar con eses estigmas e para que se manteña o idioma", engade.

Porque ese é tamén un dos erros nos que Formoso repara na súa obra. "Durante todos estes anos percibín que o ámbito da normalización está encamiñado a recuperar falantes, pero para nada en manter os falantes que xa tiñamos", explica. "É moi habitual escoitar incluso a compañeiros dicir que non hai nada que normalizar nas zonas galegofalantes porque aí xa é maioritario o galego, cando logo vemos como estes rapaces van vivir á cidade e deixan de falar a súa lingua", di.

Cambiar o discurso lingüístico é o obxectivo, aínda que os atrancos son moitos. Tamén chegan desde a Administración, que pouco fai por aumentar esa estima da lingua, especialmente nos últimos anos. "Os poderes públicos son os primeiros que deben esforzarse en darlle estima ao idioma, pero as mensaxes que se estiveron mandando nos últimos anos non favoreceron en nada", asegura Formoso, que revela unha recente conversa cun responsable de política lingüístico en Euskadi. "El tiña claro que o obxectivo era a estima do éuscaro e só hai que ver como recuperaron eles a súa lingua e como nos foi a nós", engade.

A estes prexuízos que chegan desde a propia administración engádenselle tamén as características sociolóxicas dun pobo como o galego. "Non son experta no tema, pero si creo que a situación do galego tamén ten que ver coa falta de estima que en xeral temos como pobo; non nos queremos demasiado e sempre apreciamos o de fóra", remata antes de non dubidar en cualificar de "crítica" a situación do idioma propio no país.

"Non é bo andar flaxelándose nin ser vitimista, pero si que hai que recoñecer a situación. Todo é reversible, pero hai que poñer os medios. Empeorouse moito nos últimos anos a situación da lingua, sobre todo en canto ao discurso, o que provocou que nos centros de ensino vexamos cada día menos profesorado e menos alumnado interesado en empregar a lingua", finaliza.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 22-04-2013 20:24
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0