Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Un edil zamorano propón non subvencionar os nenos con nomes galegos, vascos ou cataláns
INICIATIVA SEN ÉXITO

A proposta só foi apoiada polo seu autor, que pretendía vincular as axudas á natalidade e adopción á castelanidade dos nomes das crianzas.

Redacción Vieiros - 11:20 12/04/2010


Un concelleiro do PSOE no municipio zamorano de Muelas del Pan propuxo que se lles retirasen as axudas locais ás familias que lles puxesen aos seus fillos e fillas "nomes vascos, cataláns, galegos, anglosaxóns ou calquera outro" e que esas subvencións se vinculasen ao "fomento do castelanismo". Porén, a proposta de Fermín Faúndez Bollo colidiu co voto en contra do PP e dun dos seus compañeiros de partido, mentres que o outro socialista, membro da executiva provincial, optou pola abstención.

A proposta de Faúndez era modificar a ordenanza reguladora das prestacións económicas ao nacemento ou adopción para "que só teñan dereito á mesma os nenos que teñan nomes casteláns". As axudas, que benefician as crianzas dos catro núcleos de poboación do concello, implantáronse na anterior lexislatura coa intención de fomentar a natalidade e o asentamento da poboación nova, segundo recolle La Opinión de Zamora.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 12-04-2010 21:15
# Ligazón permanente a este artigo
A nova marea negra
Sábado 17 de abril en Pontevedra.

O Decreto do Plurilingüismo presentado por Feijóo revive o espírito de "Nunca Máis" e mobiliza o mundo da cultura contra o polémico texto

GALICIA HOXE - SANTIAGO


Fuxan os Ventos, unha das formacións lendarias da música galega, será a cabeza de cartel do ?concertazo? que acolle o sábado Pontevedra
Fuxan os Ventos, unha das formacións lendarias da música galega, será a cabeza de cartel do ?concertazo? que acolle o sábado Pontevedra

"Un concertazo contra o decretazo" do Decreto do Plurilingüismo. Así é como lle gusta denominar a Carlos Callón, presidente da Mesa e portavoz de Queremos Galego, o macrofestival musical que a plataforma cidadá organizou "contra as agresións ao idioma propio do país" o vindeiro sábado 17 de abril en Pontevedra.

Polas súas dimensións organizativas e os nomes dos grupos e artistas participantes, o concerto está chamado a converterse nun dos maiores fitos culturais da historia recente do país, nunha acción que lembra as mobilizacións rexistradas en Galicia cando a maré negra do Prestige asolou as costas e o goberno da Xunta teimaba en falar de "fiíños".

No concerto, colaboran desinteresadamente Fuxan os Ventos, A Quenlla, Berrogüetto, Luar na Lubre, Zurrumalla, Os Carunchos, Espido, Fía na Roca, Uxía, García MC (integrante de Dios que te crew), Os Tres Trebóns, Ruxe Ruxe, Galegoz e Lamatumbá. Tamén colabora para a iniciativa a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s, que se encargará da animación do numeroso público que a plataforma agarda congregar.

Ante esta tarxeta de presentación, e co multitudinario éxito das manifestacións convocadas pola plataforma contra o texto do Goberno de Núñez Feijóo, desde Queremos Galego asegurarse que é un "motivo de orgullo nacional" contar con tantos grupos e bandas, músicos e artistas, "plenamente comprometidas e comprometidos co país no que viven, o país que senten, o país que transmiten dentro e fóra, nos seus traballos e actuacións".

"Dixemos non das maneiras máis dispares, a cada unha máis masiva, ás súas políticas de demolición da nosa lingua e da nosa cultura; faltábanos a de dicirllo cantando", ironizou Carlos Callón na presentación do festival, "trátase dunha festa reivindicativa, onde a mensaxe que se quere transmitir non impedirá gozar da música e do baile".

Para o macroconcerto puxéronse á venda entradas, que se poden adquirir ao prezo simbólico de dez euros en venda anticipada (doce euros no despacho do recinto, o propio día do concerto). Máis de medio cento de locais colaboran na venda das localidades en todas as comarcas do país. Así mesmo, estas tamén se poden comprar a través do sitio web queremosgalego.org.

Queremos Galego prevé a participación dun público do máis diverso e heteroxéneo, tendo en conta que o cartaz pretende achegar a música galega de hoxe nos seus máis variados estilos e expresións. Para a plataforma cidadá "é un evento para gozar e tamén para reivindicar que a nosa cultura non está nin ensimesmada nin acomplexada".
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 12-04-2010 21:14
# Ligazón permanente a este artigo
Unha estratexia distinta
Vieiros

Maurício Castro propón aplicar en Galiza o modelo de oficialidade única do Quebec, respectando os dereitos dos falantes doutros idiomas

MONTSE DOPICO . SANTIAGO

Maurício Castro é sociolingüista, profesor de portugués e tamén membro da organización política Nós-UP


O profesor na Escola Oficial de Idiomas de Ferrol e sociolingüista Maurício Castro ofreceu onte un relatorio nas I Jornadas de Cultura, Língua e Ensino, organizadas pola Associaçom Galega da Língua (AGAL) e a Universidade da Coruña. A partir dunha comparación entre o caso de Porto Rico e Galiza, propuxo para o noso país un modelo no que o idioma propio sexa o único oficial, ou polo menos a lingua preferente, garantindo os dereitos dos falantes doutros idiomas, como o castelán. Ao seu ver, as estratexias adoptadas ata o momento en política lingüística non deixaron de amosar o seu fracaso, polo que chegou o momento de mudalas, ollando a modelos "que non son unha utopía", senón unha realidade en lugares como o Quebec ou Flandres.

Castro pon de relevo a incoherencia que supón defender, para Galiza, o "bilingüismo cordial" mentres as mesmas persoas apoiaron, nos anos 90, a reivindicación do goberno de Porto Rico de que o castelán fose a única lingua oficial, sen renunciar á aprendizaxe do inglés nas escolas. A súa proposta afástase tanto da do actual Executivo galego como, en boa medida, da sostida pola oposición e o movemento normalizador, que reclaman o cumprimento da lexislación vixente para que o galego acade unha posición de igualdade respecto do castelán e a volta ao consenso lingüístico no marco da cooficialidade e as políticas activas de protección da lingua propia do país.

Comezaches a túa intervención aclarando os conceptos de lingua e dialecto. Que querías subliñar?

En contra do que se di habitualmente, o concepto de lingua non é estritamente lingüístico, senón que se decide que é lingua ou que é dialecto segundo criterios políticos. O galego foi considerado un dialecto ata que unhas elites culturais, no XIX, comezaron a defender que era unha lingua. As consideradas linguas non son máis que unha variedade, é dicir, un dialecto, escollido para ser o estándar. Así pasou co castelán, o francés, o inglés...

A padronización consiste, daquela, na escolla dese estándar. O artigo de Andrés Freire publicado pola FAES parecía esquecer que o castelán tamén viviu ese proceso, cuxo resultado é a uniformidade, relativa, do actual castelán...

Si. Nos estados-nación europeos decídese cal é a variedade estándar tras o xurdimento da imprenta de Gutenberg. Ao galego faltoulle, daquela, un aparello de poder detrás que impulsase este proceso. Cando Galiza acadou a autonomía, decidiuse ademais que o galego era unha lingua autónoma do portugués, contra o que demostra a filoloxía románica e toda a nosa tradición anterior, que considera o galego parte da lusofonía.

Monolingüismo, bilingüismo... son conceptos que están a xerar moita confusión polo seu mal uso. O monolingüismo social foi o obxectivo tradicional do nacionalismo, pero agora está a ser cuestionado, por exemplo por sociolingüistas como Henrique Monteagudo, que defenden un bilingüismo sen diglosia...

As persoas, individualmente, deben dominar cantas máis linguas mellor. Pero se queremos que o galego se normalice, na miña opinión debe ser a única lingua oficial no noso territorio. E iso non exclúe que se fale tamén castelán, inglés..., pois os dous aprenderíanse como materias na escola. O Estado español deulle o premio Príncipe de Asturias nos 90 ao gobernador de Porto Rico por facer do castelán a única lingua oficial co obxectivo de deter a súa substitución polo inglés. Pouco despois, tras as seguintes eleccións, restaurouse a cooficialidade. Pero a cuestión é que as elites españolas defenden unha cousa distinta en Galiza e en Porto Rico. O modelo de cooficialidade que se aplica en Galiza ao que está a levar é a que o galego sexa a lingua minoritaria. Por iso é necesario mudalo. E hai modelos que funcionan, como o de Quebec ou Flandres. No Quebec, en Canadá, o francés é a única lingua oficial, pero garántense os dereitos dos angloparlantes.... O bilingüismo equilibrado ese do que se fala non existe en ningún sitio.

"A gran falacia de G.B. é a imposición do galego"

Din os de Galicia Bilingüe que os dereitos son das persoas e non dos territorios. Pero a propia Constitución española establece un principio de territorialidade...

Si, pero para o castelán, que é obrigatorio en todo o territorio do Estado. O galego, porén, é só persoal, individualmente voluntario en Galiza, pois os cidadáns teñen dereito a utilizalo. Só para Galiza se propón, por exemplo, consultar os pais sobre a lingua das materias. Non defenden o mesmo para Valladolid ou Madrid, onde hai minorías que falan outros idiomas. A gran falacia de Galicia Bilingüe é o discurso da imposición. Ninguén discute que se impoña o castelán. E eu creo que a igualdade entre o galego e o castelán só se conseguiría sendo o galego o único idioma oficial.

A túa proposta non sería apoiada polas elites, nin hai nos galegos se cadra un nivel de compromiso real coa lingua axeitado para iso...

Tamén as mulleres tenden a reproducir a ideoloxía imposta polo patriarcado. E se vas a Valladolid tampouco atoparás un gran nivel de conciencia lingüística. O que temos que conseguir é que o galego sexa unha lingua útil e necesaria, para non ter que depender só do voluntarismo, a militancia, o sentimentalismo...

"O que defendo é o que pasa en Suíza, no Quebec ou en Flandres"

A túa proposta tamén chocaría coa lei, pois non é legal darlle ao galego un status de lingua única, senón só preferencial...

Iso é certo, pero o que esquecemos moitas veces é que a lei española é antidemocrática niso. O que propoño aplícase en Suíza: cada lingua é oficial no seu cantón, e as outras linguas apréndense tamén na escola. É tamén o modelo de Bélxica ou Canadá. Non é unha utopía, pero aquí parece que non pode nin abrirse ese debate. Se os galegos puidésemos decidir que o galego fose a única lingua oficial, ou polo menos a preferencial a todos os efectos, e ademais se considerase o galego parte do tronco lusófono, mudando a ortografía, si que conseguiriamos normalizalo. O galego ten que ser a lingua prioritaria, a primeira lingua, e o castelán podería ser a segunda. Hoxe non só a burguesía urbana, senón tamén as elites nacionalistas defenden a volta a un consenso que o único que conseguiu foi o dominio do castelán. Tampouco existe o monolingüismo social.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 11-04-2010 19:09
# Ligazón permanente a este artigo
Ruxe-Ruxe - Estamos en gherra
Comentarios (0) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 11-04-2010 19:04
# Ligazón permanente a este artigo
Ruxe-Ruxe - Xigantes
Comentarios (0) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 11-04-2010 19:03
# Ligazón permanente a este artigo
Xosé González: ?Cando a economía fale galego, o país estará salvado?
?A galeguización da sociedade debe facerse dende todos os ámbitos, non só dende o do ensino?

CRISTINA DÍAZ PARDO - Xornal.com - Actualizado 11/04/2010 - 02:36 h.


Xosé González Martínez: ?Aquí houbo unha maquillaxe institucional, non normalización?
Xosé González ou Pepe de Redondela, como o coñecen, usou moito a palabra ?pedagoxía? ao longo da súa intervención no Café de Redacción de Xornal. Na súa opinión, é o que falta por parte da Administración e das forzas políticas para poder ?galeguizar a sociedade?. O discurso deste home, promotor do Foro Enrique Peinador e un expoñente da normalización ao longo da historia de Galicia, é apaixoado. ?Cerro os ollos e gustaríame que quen estivese a falar non fora Pepe senón o secretario xeral de Política Lingüística?, dixo nun intre o colaborador Pablo González Mariñas. E é que na súa boca, o segredo para transmitir á sociedade o amor ao galego, para acendelo, semella sinxelo.

O Foro Enrique Peinador, do que vostede é promotor, loita dende a súa creación por unir as empresas coa galeguidade. Isto é de verdade posible?

Si, o Foro Peinador é unha entidade que leva cinco anos andando e que nos leva dado xa moitas alegrías. A verdade, creo que hai que deixar de turrar tanto e explicar por que a moitos dos empresarios deste país nunca se lles levou á casa o discurso da galeguidade, xamais. Nós facemos unhas reunións mensuais nas que nos reunimos con moitos empresarios e descubrimos que hai moitos que son receptivos.

Unha das súas teimas está en convencer as adegas para que promocionen e etiqueten os seus produtos en galego.

No 2003 descubrimos que en Galicia había 12 adegas que etiquetaban en galego, hoxe son 177 aproximadamente. En termos de produción, o 80% das botellas son etiquetadas en galego. As adegas entenderon o discurso da galeguidade, e iso que tivemos que loitar moitas veces co plurilingüismo mal entendido. Moita xente di: ?Oes, que se queremos estar no mundo non podemos facelo só co galego? e pensa que é necesario etiquetar os viños en moitos idiomas. Non obstante, se vamos a unha vinoteca non vemos que os champáns estean etiquetados en francés e en español ou que o bourbon estea en inglés e castelán. O idioma é un engadido do viño que reforza a súa identidade. O traballo que fixemos foi moi bonito, mais levounos moito esforzo falar coas adegas. Moitas delas están asesoradas por pequenas consultorías nas que están sociólogos ou licenciados en Dereito ou en Económicas que teñen o posto de traballo pero non pensan en clave de país. O día no que neste país a economía fale en galego estará salvado. Este país poderá ter moita literatura pero... O día que en Galicia se normalice a publicidade en galego estará a pasar algo moi bo. Augas de Mondariz respondeu en todos os medios de comunicación a Rosa Díez cun anuncio que dicía ?Orgulloso de ser galego no único sentido da palabra?. Insisto, falta moita pedagoxía para normalizar o galego, e esta normalización non se pode abordar dende a belixerancia. O que aquí se ten que dar é unha normalización silente, silenciosa.

Pero como se fai unha ?normalización silente? nesta sociedade?

Vou poñer outro exemplo: Neste país celébranse unhas 8.000 festas parroquiais ao ano. No seu día fixemos unha campaña para galeguizar estas festas na que insistimos en que as orquestras, por exemplo, empreguen o galego. Tamén pediamos aos das comisións de festas que, polo menos ese día a ano, se lle pedise ao cura que fixese á misa en galego, que os carteis das festas estivesen tamén en galego... esa é unha normalización silente. Este país ten unha gran antropoloxía amordazada que serve para normalizar o galego. Neste país o que precisamos é imaxinación xa que existe unha gran atonía. Nos anos 80 había coordinadoras de concellos polos servizos sociais, pola normalización... Hoxe todo isto afogou porque non hai imaxinación e repito, porque non hai pedagoxía.

É todo este panorama que pinta o xermolo do proceso de desgaleguización que, semella, estamos a vivir?

Evidentemente hai unha regresión no país que non se reflicte só no decreto da Xunta senón que ten moitos máis sinais. A perda de identidade do país vén porque a esencia estaba ancorada no rural e as cidades non foron capaces de facerse coa tradición, de dotala desa cultura. A xente do rural non ten espazos para expresarse nas cidades que son inhóspitas e, ademais, os dirixentes políticos levan a cabo unhas políticas culturais que pouco teñen que ver coa identidade do país. Recordo que alá polos oitenta todas as grandes cidades querían ter aquilo da movida. Ben, pois a movida foi moi daniña porque esquecía a cultura galega. Hoxe en día, un mozo ou unha moza non ten capacidade para loitar contra esa represión cultural que se lle quere impoñer. Á mocidade déronselle moitos sucedáneos culturais de escaso percorrido pero non se lles deu tradición. A verdade é que a perda de identidade vai un tanto parello á marcha da xente ás grandes cidades. Esa é a gran proba de se este país pode manterse fidel á súa cultura ou non. Creo que nas cidades vaise xogar todo e tamén creo que as políticas das corporacións locais teñen fracasado neste tema.

Vostede é unha especie de líder deses procesos normalizadores que comezaron nos concellos de Galicia hai trinta anos. Todo empezou cando chegou como funcionario a Redondela...

Cando eu cheguei a aquel concello, que era digamos de grao medio, decátome de que en Galicia os municipios tiñan unha burocracia herdada do franquismo e que ía ser moi difícil que as vellas reivindicacións do galeguismo histórico e do Estatuto de Autonomía, aprobado no ano 81, puideran afondar. Dinme conta de que era moi complicado somerxerse nun país realmente galeguizado. Cando eu entrei na Administración tamén entraron unha serie de amigos. Todos tiñamos deixado a política e por iso nos decatamos de que ía ser moi difícil para os nosos dirixentes tourear cos funcionarios, poder traballar nese campo. Pero tivemos a grande sorte de crear un día o que se chamou Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística.Nós comezamos a traballar e logramos, por exemplo, que no 84 se reunisen en Composela 184 concellos do país, no Hostal dos Reis Católicos, para firmar unha declaración de normalización lingüística na Administración local. Este foi un paso moi importante porque eran moitos concellos nun momento no que a maioría dos municipios eran de dereitas.

Un dos seus logros, fundamentais para ese proceso normalizador aínda ina cabado, foi que o DOG se imprimise unicamente en galego.

Cando empezamos a traballar tivemos moitos problemas. Había unha empresa en Santiago, Gráficas Asturias, que tiña o monopolio de fabricación de documentos para a Administración e que estaba preto do Hórreo. Esta empresa vivía practicamente de facer os formularios nos concellos... Chegáronse a facer verdadeiras barbaridades como os documentos a dobre columna, porque había xente que pensaba que o galego e o castelán, ao ser cooficiais, debían de ir xuntos. Iso era un absurdo porque unha lingua non ten que ir apoiada noutra. Ben, pois no seu día, sendo vicepresidente da Xunta Barreiro Rivas reunímonos co Técnico Xeral da Presidencia, o amigo José Antonio Cotarelo, e lle dixemos que o Diario Oficial de Galicia non podía ir a dobre columna en galego e en castelán. ?Con este método os funcionarios dos concellos cando teñen que transcribir as disposicións do DOG fano en castelán polo que nunca van poder aprender galego?, dixémoslle. Explicámoslle que os funcionarios, a forza de ler, faríanse cun dominio de galego e poderían chegar a entender que tamén é unha lingua de traballo, que pode exercer poder. Un día levámolo a comer a un mesón e aí rompémoslle a cabeza durante horas, dixémoslle que era un covarde, a pesar de ser galegofalante e ser da Pontenova, porque non se atrevía a facer nada co tema do Diario Oficial. Alá pola sobremesa Cotarelo dixo: ?Vide comigo que ides ver o que son capaz de facer?. Fomos ao seu despacho e deu unha orde. Ao día seguinte o DOG saíu en galego.

Algo semellante ocorreu coas publicacións do primeiro Parlamento de Galicia de Antonio Rosón.

A Rosón levámoslle o Diario Oficial e dixémoslle: ?Mire Don Antonio que deixou de ser a dobre columna?. El mirounos e respondeu: ?Pois moi ben?. Así que aproveitamos e dixémoslle se no Parlamento tamén era posible eliminar as publicacións a dobre columna. Ao momento chamou ao seu secretario e soltoulle: ?A partir de mañá facemos como os do diario oficial, vale??. Todo isto foi un gran acerto porque o galego comezou a ter prestixio na Administración e comezou a ser entendido e falado polos funcionarios. Nese momento aparecen tamén os cursos de galego que, a verdade, eran bastante malos pero que eran os que había. A Administración local galeguizouse en moi pouco tempo e creo que hoxe ninguén o discute. Hai algo tamén importante ademais e é que a memoria da Administración está en galego.

Non obstante, máis alá do ámbito da Administración, vostede sempre pulou por facer un traballo de normalización en todos os ámbitos da sociedade.

A galeguización da sociedade debía facerse desde moitos ámbitos distintos, non só dende o mundo do ensino que, por exemplo, non era o que máis nos interesaba para actuar porque estaba moi politizado e era moi endogámico. A verdade é que a galeguización no mundo do ensino non callou porque non houbo pedagoxía, hai moito licenciado pero pouco pedagogo. Moitos ensinantes dicían que eles non tiñan que convencer a ninguén de nada, que só tiñan que ensinar e eu non podo aceptar iso. O certo é que en Galicia faltou moita pedagoxía, as cidades fóronse voltando unha sorte de crisol, de muíño de café na que o galego estaba disolto. Os responsables das administracións locais de cidades como Vigo e como A Coruña non souberon convertilas, aínda sendo de esquerdas, nun escenario para galeguizar a sociedade.

Pero, cal é a pedagoxía para impulsar unha política en clave galeguista?

Hai pouco dicíalle a un político de Ourense: ?Por moito que vós queirades actuar aquí e teñades plans aquí, estades obrigados a actuar tamén fóra da provincia?. E é que Ourense ten case o mesmo número de habitantes que Vigo, o 60% das persoas que traballan en Vigo son ourensáns polo que, pola semana, en Ourense só quedan os rapaces nas escolas e os vellos nas aldeas. Cando veñen os traballadores é na fin de semana pero ese día a Administración está pechada. Se realmente queredes facer unha política en clave galeguista hai que proxectala tamén cara a Vigo porque aí é onde está unha gran parte dos teus cidadáns. O político preguntoume logo que como era posible desenvolver iso e eu díxenlle que era fácil. Ourense é a provincia de Galicia que máis antropoloxía ten. Ten un Entroido marabilloso e de toda España é o país co patrimonio monumental máis rico pero iso non o saben vender. A poboación debe comezar a valorar a súa cultura. Non se pode facer unha política improvisada co galego. Nós só identificamos normalización con literatura e ese é un gran erro.

Quedalle moito traballo por facer aos partidos políticos neste tema?

Na miña fase de militancia política, cando era dirixente da UPG, eu preocupeime moito dunha cousa que era a necesidade de educar tamén politicamente á xente. Eu dicíalle a todas as células, que entón se chamaban así, que os sábados e os domingos había que ir ao monte a facer seminarios que, por exemplo, daba Camilo Nogueira ou Franco Grande. Alí estudábase economía, o marco xurídico do Estatuto do 36... A min sempre me preocupou que a xente fose autónoma, que non houbese gregarismo. Con isto quero dicir que, hoxe en día, boto en falla que os sindicatos e os partidos políticos lle dean á súa militancia unha formación como é debido. Limítanse nada máis que a convocalos para o 1 de maio ou para un acto ou outro. Algún sindicato en Galicia presume de ter 50.000 militantes. Ben, se estas 50.000 persoas fixesen esa normalización silente, como non ía cambiar o país? Se estas 50.000 persoas demandasen libros en galego, como non ía mudar algo? Por outro lado, neste tema tamén inflúe que o noso mapa político é incorrecto, non responde á realidade do país. Agora hai unha patrimonialización de tres forzas políticas que entenden que non deben de nacer outras máis. Non obstante o país é moito máis.

Cre posible que o empresariado, xa que di existe un que é receptivo co galego, apoiase un novo partido?

Non o sei, pero se o soubera nestes momentos tampouco o diría. Iso si, creo que hai espazo.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 11-04-2010 12:49
# Ligazón permanente a este artigo
Programas do V Seminario de Dinamización Lingüística de Ferrol
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 08-04-2010 17:35
# Ligazón permanente a este artigo
A derrogación do decreto e a presión social comezan a pasarlle factura interna ao PPdeG
O ex conselleiro de Cultura e membro do Consello Escolar Daniel Barata recoméndalle ao seu partido máis diálogo coa sociedade. Non é o único caso.

Redacción Vieiros - 11:40 08/04/2010


O Goberno ten présa por pechar a hemorraxia política que lle está a supoñer a reforma do decreto de linguas. Cun executivo absolutamente enrocado fronte á vaga de críticas que chegan dende todos os sitios, os de Núñez Feijoo levaron este mércores o enésimo, pero non por iso menos doroso, pau dos últimos meses. O Consello Escolar de Galiza rexeitaba (24 votos contra 16) o chamado 'decretazo'.

Pero na xuntanza houbo unha intervención que proeu nas filas do PPdeG. Un dos seus, o ex conselleiro Daniel Barata Quintás, apoiou as teses de Feijoo pero, para sorpresa dos asistentes, tomou a palabra para que constase en acta unha recomendación particular: vista a forte oposición social, o Goberno ten que facer "un esforzo para aproximar posicionamentos". En declaracións a axencias logo da reunión, Barata subliñou que nun asunto tan crucial como a educación era preciso buscar os máximos apoios sociais posíbeis.

A petición de diálogo demostra o que é un segredo a voces. Entre a militancia do PPdeG hai cada vez máis que cren que o Goberno está xestionando con "pouca man esquerda" a cuestión lingüística. Barata Quintás, que foi conselleiro de Cultura con Manuel Fraga entre 1990 e 1993, procede, ao igual que Xosé Luís Baltar, dos desparecidos Centristas de Galicia. Inspector de Educación de profesión, é membro do Consello de Contas.

Outros precedentes
Máis desapercibido para a opinión pública, pero aínda máis simbólico, é o posicionamento doutro destacado militante do PPdeG de Ourense: Felipe Ferreiro Feijoo, ex delegado de Educación no último goberno Fraga e profesor de galego de ensino medio. Ferreiro formou parte como asesor do comité que redactou o informe que o Consello da Cultura deu a coñecer en febreiro. No mesmo documento, que Ferreiro fixo seu en todo momento, pedíaselle á Xunta que retirase un decreto que podía xera conflitivade nas aulas e que abandonaba o camiño da normalización lingüística.

A nivel interno, dirixentes como o alcalde de Lalín, Xosé Crespo, ou o líder do PPdeG de Lugo, Xosé Manuel Barreiro, mostraron a súa preocupación pola xestión política que se estaba a facer da lingua e, aínda compartindo a derrogación do decreto, alertaron do perigo de que a sociedade estivese a percibir unha imaxe dun PP "antigaleguista".
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 08-04-2010 17:22
# Ligazón permanente a este artigo
A CIG-ENSINO reafírmase nas súas exixencias de dimisión
A CIG-ENSINO reafírmase na exixencia da dimisión do Conselleiro e do Secretario Xeral de Política Lingüística por manipulación, falsidade, prepotencia e autoritarismo

A CIG-ENSINO reafirma a urxencia e a necesidade de que o Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, e o Secretario Xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, dimitan das súas responsabilidades pola súa actitude permanente en contra do galego á que se lle suma agora a manipulación, mentira e falsidade, chegando converter a páxina institucional da Consellaría de Educación non voceiro ideolóxico do Partido Popular.
Malia o seu intento reiterado de terxiversar os datos, realizando unha manipulación informativa a través da web institucional de Educación, e controlando a información emitida nos medios públicos, que foi totalmente nesgada e non deu conta da realidade, a Consellaría e o Goberno galego están completamente sós, pois soamente contaron co voto favorábel ao seu decreto contra o galego, das entidades e persoas situadas na órbita ideolóxica do PP (6 representantes da propia consellaría, alcaldes do PP, a Confederación de Empresarios, titulares de centros privados, representantes de recoñecido prestixio, nomeados directamente pola consellaría, a CONGAPA (Pais e Nais de Ensino Privado e Concertado) e ANPE que, nalgúns casos, chegaron a matizar o sentido do seu voto pedindo que a Consellaría e o propio presidente atendese as demandas das entidades que manifestamos que este Decreto é unha aberración e que polo tanto se debe retirar.
A sociedade Galega manifestou unha vez máis que está en contra deste burdo e descarado intento de eliminar a nosa lingua do ensino. As organizacións sindicais con representación no Consello Escolar de Galiza (CIG, UGT e CCOO) que sumamos unha representación moi maioritaria de profesorado no Consello Escolar de Galiza, votamos en prol da retirada do documento, tal e como tamén fixeron o 100% dos Movementos de Renovación Pedagóxica, AS-PG, NEG, Escola Viva, Seminario de Estudos Galegos; o 100% dos pais e nais dos centros públicos representados na CONFAPA, o 100% dos representantes do alumnado, os representantes da universidade, e os representantes da administración local do BNG e PSOE.
A decisión do Consello Escolar de Galiza é unha crítica contundente a este documento que se vén sumar á realizada pola Mesa Sectorial de Educación, co abandono do 90 % da representación sindical ante a negativa a negociar da Secretaría Xeral, ou ao ditames da Real Academia Galega e do Consello da Cultura que xa manifestaran a inadecuación da proposta de Educación. Unha vez máis as galegas e os galegos dixemos non a este Decretazo, e desta volta quen di NON é o máximo órgano da Comunidade Educativa, o que representa a profesorado, pais e nais, alumnado e movementos de renovación pedagóxica, entre outros.
A CIG-Ensino felicítase do resultado que acadamos onte, unha mostra máis de que as galegas e os galegos non estamos dispostos a tolerar as agresións reiteradas do Partido Popular contra o noso idioma. A CIG-Ensino fixo onte, ao remate do Consello Escolar, un chamamento á participación na manifestación do 17 de maio, como un acto de reivindicación do noso dereito a vivirmos en galego e de contestación á prepotencia e ?chulería? dunha Consellaría que demostra permanentemente o seu autoritarismo declarando onte mesmo que non atenderán a recomendación do Consello Escolar de Galiza de retirada do proxecto de Decreto.
A sociedade galega debe saber que o actual decreto en vixencia ? o Decreto 124/2007- foi aprobado no Consello Escolar de Galicia sen ningún voto en contra.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 08-04-2010 17:21
# Ligazón permanente a este artigo
O Consello Escolar rexeita o
VIEIROS

O máximo órgano de participación na educación do país desbota o documento con 24 votos a favor 16 en contra. Máis dun cento de manifestantes da plataforma Queremos Galego celebraron a "pequena vitoria".

Isabel G. Couso - 19:00 07/04/2010


O Consello Escolar de Galiza deulle as costas ao decreto do plurilingüismo do goberno de Feijoo. Con 24 votos a favor e 16 en contra, o máximo órgano de participación da comunidade educativa do país aprobou unha emenda á totalidade do documento, na que quedou refundada outras tantas 200 emendas previstas para o debate na tarde deste mércores.

Este órgano consultivo está conformado por organizacións sindicais, representantes do profesorado público e privado, do persoal non docente, da administración educativa, por representantes do Seminario de Estudos Galegos, Movementos de Renovación Pedagóxica, alcaldes de diferentes concellos, titulares do ensino privado concertado, organizacións de pais, representantes empresariais e persoeiros de recoñecido prestixio. No seu conxunto, teñen dereito a 40 votos, dos que a maioría apoiaron a solicitude de retirada do decreto. Unha das súas funcións é a emisión de ditames con carácter informativo sobre os diferentes proxectos de lei, decretos e programas educativos de relevancia.

Os 16 votos contrarios procederon precisamente dos alcaldes do PPdeG, dos representantes empresariais, dos titulares dos centros privados, do persoal administrativo e das persoas de prestixio (nomeadas polo PPdeG). Porén, a meirande parte dos voceiros da comunidade educativa rexeitaron, logo dunha hora e media de debate, o chamado "decretazo".

A Xunta continuará adiante
De ter recibido a beizón deste Consello, o seguinte paso sería levar o Decreto ao Consello Consultivo, onde se emitiría un novo informe antes da súa definitiva aprobación, mais as organizacións presentes nesta xuntanza e contrarias ao documento xa adiantaron que "non se entende que non se teña en conta a opinión dun órgano que precisamente se fundamenta na súa capacidade de emitir opinións". Non obstante, este trámite non é vinculante, na práctica quen aproba o decreto é o Consello da Xunta. Con todo, dende Queremos Galego e as organizacións sindicais consideraron este feito "unha pequena vitoria" e a "demostración do soa que está a consellaría de Educación no seu combate en contra da lingua".

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, quen acudiu á cita no Consello unha hora antes da convocatoria, xa afirmou que o decreto seguirá o seu camiño. Precisamente os representantes sindicais como Anxo Louzao (CIG) lamentaron a "actitude de prepotencia e chulería" coa que respondeu Lorenzo á votación. Ao tempo, tanto Louzao como Xosé Cabido (STEG) reiteraron a súa exixencia de que o conselleiro de Educación dimita do seu posto: "non pode ser que continúen adiante cunha proposta que non ten apoio social algún e que recibiu a oposición de tantos colectivos sociais e educativos".

Concentración ás portas
Mentres se desenvolvía o debate no interior do Consello, máis dun cento de persoas, convocadas pola Plataforma Queremos Galego, manifestáronse para amosar o seu rexeitamento ao borrador. Entre consignas como "En Galiza, en galego" e "Pola nosa lingua, ningún paso atrás", defenderon o "dereito básico a recibir o ensino na nosa lingua" (ver vídeo). Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización e membro de Queremos Galego, adiantou a Vieiros que "imos convocar todas as manifestacións que fagan falta".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 07-04-2010 20:54
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] 3 [4]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0