Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Xosé Manuel P. Sardiña: ?O PP está obsesionado con manter a supremacía do idioma oficial do Estado?
MANUEL VIDAL VILLAVERDE
- Galicia Hoxe

CONVERSAS CONTEMPORÁNEAS

?A emigración, o éxodo rural e a escola franquista cociñaron o caldo da imposición do idioma oficial do estado?

Sardiña foi un dos colaboradores do libro ?55 mentiras sobre a lingua galega?, que coordinou H. Costas


Nacín en Cabanas o 20 de febreiro de 1972, na antiga Terra de Bezoucos, cállame facer unha autobiografía con tan pouco percorrido vital. Pero poñereime ao choio, como ben expresamos polas miñas terras do Eume cando hai que facer algo inadiable. Gústame lembrar aquelas cousas que nun flash resumen algo de cada parte da miña vida. As miñas orixes son moi humildes e veñen marcadas por unha nenez rural, decisión de miña mai que se deixou aconsellar por tío José da Pena, dito o Nacho. Así, deixou atrás a casa das tías de Cabanas e volveu comigo no colo, inda non me destetara, para xunta a avoa de Formarís, un rueiro de Irís, a terra do viño romano por antonomasia.

Realmente, este retorno conceptualízoo como a volta dunha muller dos Beatles ó rural galego de comezos dos setenta. Chamei as vacas, o burro... Cortei a herba ou o estrume e acordei o gado polos baldíos do coto do Castro, que preside as rías do Golfo Ártabro, á vez que avanzaba nos estudos. Esa foi a miña nenez e adolescencia. Un dos meus primeiros acordos resulta ser a caída dunhas grandes folerpas a través da porta de dúas follas de casa labrega, tería sobre dous ou tres aniños, toda unha porta aberta ás sorpresas do tempo meteorolóxico que inda hoxe me apaixona grazas a unha avoa que vivía pendente das témporas e dos lóstregos que abren os mananciais.

O segundo acordo máis relevante daquela época resulta ser a chegada de meu padriño, Ramón de Manteiga, cun agasallo para o meu aniversario, unha filharmónica chinesa nacarada e escura, cuns ideogramas e un inglés Made in China indescifrables para os ollos dun neno inda principiante nas letras. Falárame moito ese día, como despedíndose de min, impresionáranme os seus escarpíns vermellos, que simbolizaban a súa longa loita e resistencia antifranquista, como "enlace de enlaces" que foi da IV Agrupación Guerrilleira no Eume. Poucas veces máis cheguei a falar co meu padriño Ramón, as feridas das torturas sufridas na prisión de Lugo deixaron unha forte pegada na súa delicada saúde e moi minguada en agachar o peado camiño que separa o fondo de Irís do miradoiro de Formarís. A outra etapa vital que máis consumiu na miña curta vida foi a escola obrigatoria. Comecei os meus estudos aos catro anos na escola unitaria de Irís, xogamos e aprendemos de todas as idades todos revoltos ata os 10 anos, cando pasamos para o Colexio Público de Porto en aulas por anos. Non me considerei dos brillantes, senón dos constantes.

Un bo exemplo do meu tesón deillo ao meu primeiro mestre de Lingua galega cando marquei acertadamente no taboleiro a alternancia de vogais abertas e pechadas do presente do verbo tusir despois de repetilas unha e outra vez. Tuso... tOses... tOse... Toda unha lección para o mestre, pero tamén para un alumno que se iniciaba naquilo do galego estándar. De aí, tiven a fortuna de estudar no Instituto de Bacharelato de Pontedeume, cun profesorado totalmente renovador e innovador, que espertou desde a pintura á filosofía, ou o latín. Nas matemáticas nunca acabei de entender a función senoidal, un obstáculo que acabou levándome ás letras puras e logo á Universidade de Santiago de Compostela, onde rematei os meus estudos de Filoloxía Hispánica, subsección Galego-Portuguesa en 1995. Un verdeiro descubrimento.

Considero fundamental o meu paso formativo polo Instituto da Lingua Galega durante a segunda metade da década dos noventa, cando gocei dunha bolsa de investigación que me mergullou no proceso de confección do Tesouro informático da lingua galega, dirixido por Antón Santamarina, e o ensino da lingua galega a estranxeiros. Aí repousan as miñas bases lingüísticas e a miña reorientación do estudo da gramática cara á participación activa na construción de proxectos informáticos relevantes para o idioma, na revisión lingüística, na toponimia e na lexicografía.

Dirixín e formei o corazón do corrector ortográfico Galgo, un trebello con vocación innovadora que quedou gardado no baúl polas exixencias das transnacionais e dunha Xunta pouco implicada xa na normalización, participei na creación das bases do proxecto Toponimia de Galicia (adicado a apañar a inmensa microtoponimia dos galegos, todo un exemplo da nosa ancestral interrelación co noso territorio) e mais impliqueime en corpo e alma no proxecto dirixido por Antón Santamarina Dicionario de Dicionarios da Lingua Galega.

Mentres introducinme na docencia universitaria, xa que exercín de docente durante a última década na Universidade de Vigo, os cinco últimos anos de profesor axudante. Tamén desde aquela reviso lingüisticamente os textos da revista de información mensual Tempos Novos. O mellor que me pasou neste tempo foi poder colaborar na confección das 55 mentiras sobre a lingua galega inspirado por Prolingua nun momento clave para o futuro do idioma. Seguirei turrando para poñer as novas tecnoloxías ao servizo do ecolingüismo e agardo que en breve poidamos desvelar a verdadeira imposición do español a través do corpo legal do Reino.

Esta última etapa académica compatibiliceina coa miña introdución na area política do meu concello, Cabanas, dende o ano 2000. Tomei o testemuño e a responsabilidade da representación do Bloque Nacionalista Galego despois dunha dimisión anunciada e, logo, encabecei a candidatura do BNG por dúas lexislaturas, iniciando unha liña ascendente na representación da organización política en que milito desde hai case 20 anos. Se cadra foi esta parte a que inda non me permitiu rematar a miña tese de doutoramento, pero para todo hai o seu tempo e non creo que me poida marchar desta vida sen procurar a mellor opción política para Galiza. É a vida de Xosé Manuel Pérez Sardiña contada por el mesmo.

Denantes, como falamos, o de Sardinha é pola nasalidade verbal da xeografía ou é unha aproximación ao reintegracionismo?

Refíreste evidentemente ao meu enderezo electrónico. Pois nalgunhas novidades da tecnoloxía non che hai ortografía que valla, só utilitarismo. Posto que o nome e o apelido electrónicos van con minúscula, coidei que tamén podía experimentar coa representación da nasalidade dun apelido endémico de Bezoucos. Así, optei polo dígrafo irmán e, en verdade, tráeme máis problemas ca beneficios. Tal e como puiden comprobar, moi pouca xente do país transcribe con o meu cognome e obrígame a deletrealo varias veces. Mesmo xa estiven matinando se resultaría mellor opción empregar.

A anterior pregunta non transcende ao paradoxo. Sei que ti non es lusista nin reintegracionista. O galego vai do norte ao sur, historicamente, e non ao revés como pretenden moitos e moitas?Cal é a túa opinión?

Percíbese perfectamente que galego e portugués son xemelgos dicigóticos, describilos como idiomas siameses é faltarlle a unha realidade moi turrona. Só lle pido á xente que sexamos capaces de superar eses debates estériles entre "aldeas galaicas". Se o debate normativo fomenta prexuízos contra o galego, que facemos dándolle máis munición ao inimigo real do noso idioma? Agardo que nos centremos algún día en romper as barreiras que coutan o rexurdimento da nosa fala.

Cuestións actuais da lingua, do noso idioma, Xosé Manuel: o galego perde falantes e gaña lectores, ou estase nunha atonía aínda máis perversa que a diglosia?

Teño claro que o idioma só será tal se se fala, inda que sempre caiba a posibilidade de recuperalo dos libros como o hebreo ou o córnico. Así e todo en Galicia debemos recontar que a emigración, o éxodo rural e a escola franquista cociñaron o caldo da imposición do idioma oficial do Estado, abeirado por unha ideoloxía totalitaria enquistada aínda nos aparatos administrativos. Non queriamos unha cunca desa enxangada e obrigáronnos a comer dúas. Así o creo, non obstante ler en galego asegura falantes e dálles ás para voar na oralidade e superar o complexo diglósico. Hai que aproveitar esta ocasión, os inimigos do idioma saben que estamos nun momento clave para recuperar o futuro da lingua galega.

Hai máis de 55 mentiras sobre o galego; as que se agachan e a un tempo quérense ignorar?

A ignominia contra o idioma e as xentes de Galicia non ten fin. Nesta obra colaborativa fomos prácticos e empezamos por un compendio limitado que de seguro haberá que ampliar todos os días. En realidade, procuramos darlle datos concretos á xente para que inicie a ofensiva e lle dea a volta a esa enchente de odio e xenreira que nos asolaga dende séculos. É pretencioso á parte de imposible facelo cun libro só, pero a cadea que quere iniciar este libro debe ter como fin escorrentar todos os fantasmas de derrota e unir na loita contra o rudo encono.

Eliminar o Decreto aínda vixente, non é máis que un disparo mortal ao galego para manter a diglosia e facelo desaparecer definitivamente?

Están a disfrazar con palabras amables e modernas un engano masivo e trasnoitado. Non se pode enganar a todo o mundo todo o tempo, segundo dixo un dos máis venerados presidentes do imperio mundial, Abraham Lincoln, e inda así hai quen cre que ese totalitarismo español se pode disimular con torzóns lingüísticos. Peor non se pode facer e desde que entraron no goberno constato un grave retroceso na percepción pública do idioma xa que lle dan estocadas de morte no ensino, na función pública, no comercio, etc. O PP está obsesionado con manter a supremacía legal e de feito do idioma oficial do Estado, iso hai que chamalo polo seu nome sen máis voltas: totalitarismo lingüístico.

Infantil e primaria, segundo as pretensións da actual Xunta do PP español que manexa case ao seu antollo a nosa nación, non é arrepiante, estarrecedor, e sobre todo se coidamos que nesas idades está a cerna do galego?

Ese PP de vello cuño vai a por todas e aplica o libriño totalitario punto por punto. Apartar os cativiños do idioma do país condena a sociedade galega á incomunicación e á segregación entre as súas partes. Dá mágoa comprobar que entraron na Xunta inda non hai un ano e os nenos de 2-3 aniños das antigas Galescolas xa están a mesturar galego e castelán ou xa falan directamente castelán malia a teren pais e irmáns galegofalantes. Realmente, non procuran formar cidadáns libres senón construír unha entelequia española libre para "gürtelear" sen fronteiras.

A dirección lingüística do PP, na nosa nación sempre negada, non quere pasar por apolítica e por simplemente "técnica", en función dun sociolingüismo desastroso que conduce á diglosia tanto aos casteláns-falantes en Galicia, como aos galegos e galegas que queremos ser donos libres do noso idioma?

É capaz de vestirse de seda, pero queda como o que é. Hai que recoñecerlle a esa dirección teimuda unha cousa, conseguiu unir a oposición política e social na defensa dun dos valores máis importantes do país. A torpeza e a improvisación que se evidencia na redacción do Decreto supera todos os límites. Ai se houbese técnica! Formulan as propostas sobre o idioma coma os gags no circo dos pallasos e acábano convertendo todo nun esperpento valleinclanesco.

Inventaron eles/elas o conflito por medo á verdade da liberdade, da realidade inmantente?

Ben seguro. A argallada contra o idioma galego resultou ser un gancho electoral nulo, polo tanto na miña particular conclusión presupoño que só procuraron retroalimentar os espíritos desa dereita cavernaria e retrógrada que demandaba sacrificar un bode periférico diante do panteón dos ilustres horrores. Na caza ao galego resúltame especialmente arrepiante a barbarie pola barbarie que reproduciron os medios de comunicación.

Todo apunta para a defunción do galego como cultura e como
idioma?

Agardo que todo quede lonxe da realidade, nun mal pesadelo e nunha alucinación pasaxeira de catro iluminados. Ben quixeran, ben, pero inda non vai ser desta posto que o idioma ten futuro, os seus falantes queremos e ímosllelo dar. Que non nos asusten as cifras, o idioma manterase se se adapta á tecnoloxía dixital. Un idioma que se xerou no contorno de Galicia, que madurece e froita da maneira que o está a facer pode superar todos os fochancos. Non hai outro idioma mellor adaptado á realidade galega do século XXI ca a propia lingua galega.

Un cambio de función no teatro que nos leva, Xosé Manuel; cal é a túa órbita política?

A miña éche ben diáfana. Galeguista, de esquerdas e republicana.

Es arredista, independentista?

Se crer nunha Galicia dona do seu destino é ser arredeiro, por suposto.

Pregúntoche isto porque nacionalismo sen máis, ao meu ver non é nada, só unha lilaila.

O nacionalismo enténdoo como un espello que debe reflectir en todo momento a realidade da nación galega. As nacionalidades necesitan esta expresión política para desenvolver a súa identidade sen atrancos e así acadar a ansiada liberación. En Galicia, o noso nacionalismo solidario e internacionalista é unha achega singular aos universais humanos que choca de fronte coas ideas superestruturalistas de órganos verticais de goberno que redistribúen a desigualdade inherente ás súas estruturas. Comprobamos unha e outra vez que as sociedades humanas se constrúen do local ao universal, de abaixo arriba, ao revés sempre acaba todo en soado fracaso despois de curtos períodos de estabilidade. Por exemplo, a rede de redes técese cos fíos da maior base horizontal nunca conseguida pola humanidade, de aí o seu éxito.

A respecto dos credos cal é a túa actitude?

Estouche a gusto no agnosticismo.

Monarquía e democracia? Como se comen estes antagonismos?

Non votei esta constitución inda que a tiven que prometer en tres ocasións por imperativo legal coa man sobre un cravo vermello e o Sempre en Galiza de Castelao. Conxugar o goberno de un (mon-) co goberno de todos (demo-) resulta un sensentido porque parece que todo vale. Estamos nun estado que non agacha os seus antagonismos: Unha lingua ou todas? Un goberno ou todos?... Se non os resolvemos dificilmente poderemos avanzar socialmente.

A literatura galega actual é
esplendorosa?

Por suposto. Eu engadiría que é gallarda e vital, innovadora e transgresora. Os escritores que vehiculan a literatura galega moderna teñen xenio, experiencia e unha ferramenta ?o idioma" que só se puideron desenvolver nun medio libertario. Mil primaveras máis para ela!

Seremos algún día unha República Socialista galega, libre, internacionalista e solidaria?

Se así o quere a xente galega.

Poderías facer con palabras un breve retrato do tempo?

Sobre a idea de tempo pouco teño matinado. Agora ben, pódese atratar o último ano co vento coriscón que trouxo este frío inverno. É un aire moi daniño que pode cencenar o rexurdir da primavera.

Tes algunha dúbida de Galicia como nación?

Nación, pobo, terra e lingua. Aquí levamos miles de anos, a toponimia non engana.

Non cres que xa nos rebataron demasiadas cousas, e hai que parar este latrocinio abeirado polas "forzas" reaccionarias da
nación?

Estou de acordo. Matizo que o peor ladroízo foi a emigración galega que marchaba con dor do país, empobrecido e atrasado polos falcóns do enriquecemento doado. Aprendamos dos erros, dos enganos que lle infrinxiron ao país e gañémoslles nesta loita desigual.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 19-04-2010 13:25
# Ligazón permanente a este artigo
Cómpre que mestres, mestras e profesorado en xeral, cumpran escrupulosamente co decreto que o Partido Popular pretende derrogar
TERRA E TEMPO

Sandar a tempo

ELADINO CABANELAS FERNÁNDEZ


Para unha lingua ameazada e sen protección real como como a nosa a morte dun falante de vello, é dicir dun galego ou galega cuxo nacemento se producise na primeira metade do século pasado, supón de facto a morte agónica da propia lingua. Canto vocabulario se perde coa desaparición dun vello mariñeiro ou dunha labrega de calquera das nosas aldeas? Cantas lendas, cantigas, refráns, adiviñas ou microtopónimos desaparecen irrecuperábeis cando das nosas aldeas, barrios e lugares se van os seus derradeiros moradores?

Lembrando estes días de choiva incesante e teimuda aos xa finados de meus pais, pensei no dominio que, sen que nin eles nin nós os fillos percibiramos, tiñan da súa lingua. Esa lingua que, por suposto, xa tiña arraigados castelanismos ou expresións froito do colonialismo idiomático, mais conservaba pureza e espontaneidade no uso e unha riqueza digna do mellor dos dicionarios en canto a substantivos, verbos ou fraseoloxía.

Pensemos tan só en exemplos sinxelos de palabras como as que definen as ferramentas do agro, do mar ou do tempo climático e as ducias de variantes segundo a zona do país onde nomeemos o mesmo obxecto ou concepto. Quen emprega hoxe o termo serodio en ven de tardío? Quen fala de raro ou rarear cando a influenza do castelán nos incrustou separado ou separar? Cantos galegofalantes de hoxe usan enxoito e cantos seco? Porque dicimos é de día ou é de noite cando até a cantiga nos di que o galo cando canta é día? Cantos diferenciamos o imos e o vamos, o encetar e o comezar ou urna e furna?

E que podemos comentar de palabras castelás tan fortemente cravadas na nosa fala que até empregar as patrimoniais dun xeito cotián fai que remates traducindo ou dando toda clase de explicacións? Probastes a pedir un xeado de tona? E de amorodo? Se tendes cativos, fostes algunha vez mercar unha xeonlleira? No inverno regalastes algunha vez unhas luvas? Nas ferraxarías xa non venden billas?

Sei que non falo de nada novo, que estes síntomas de enfermidade están nas mans da medicina e que tamén sabemos da menciña, mais cando imos comezar co tratamento, coa medicación? Temos que ser conscientes de que o corpo está enfermo e feble, e ataques como os que está a sufrir por parte dos sectores reaccionarios da sociedade poden acabar cunha defunción demasiado temperá.

Probas de forza, de reacción como as masivas manifestacións de amor pola lingua que encheron Compostela, ou o concerto que fixo pequeno o Recinto Feiral de Pontevedra, fan pensar que este enfermo pode reanimar, mais aínda e así, aínda que logremos vencer na batalla contra os políticos taciturnos e desleigados, fica vencer na batalla da recuperación total.

Cómpren máis estudos serios no campo da lingüística capaces de, non só recuperar o fermoso patrimonio da nosa lingua en libros ou dicionarios senón, difundiren este para que volva ter o seu lugar de uso. Cómpre, antes de que o abandono rural sexa total, ter elaborado o mapa microtoponímico do país, xunto con lendas, adiviñas, contos ou refráns asociados a milleiros destes lugares.

Cómpre que mestres, mestras e profesorado en xeral, cumpran escrupulosamente co decreto que o Partido Popular pretende derrogar, sen manobras desleais e propias de malos ensinantes como a de teren os manuais en galego e daren aulas en castelán (para isto pais, nais e compañeiros de profesión han de dar o paso da denuncia, da non conformidade diante da trampa). Cómpren verdadeiras políticas normalizadoras capaces de recuperar ou, nalgúns casos, instaurar prestixio na lingua propia. Capaces de que as novas xeracións, as mozas e mozos sexan quen de fachendear co propio e non co mimetismo do alleo.

Os apuntamentos que veño de receitar son pequenos remedios, non son suficientes para a curación total. Como dicía, sabemos da menciña que pode sandar este enfermo. Está probado nas mellores boticas da lingüística mundial e ten un nome moi concreto: Inmersión Lingüística.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 19-04-2010 12:37
# Ligazón permanente a este artigo
ÉXITO DO CONCERTO DE QUEREMOS GALEGO
Máis de 7.000 persoas contra o novo decreto

Redacción A NOSA TERRA.

Pontevedra acolleu este sábado o concerto organizado por Queremos Galego contra o novo decreto da lingua no ensino elaborado polo Goberno da Xunta e contra a política lingüística que o PP está a aplicar. Máis de 7.000 persoas achegáronse á cidade do Lérez para escoitar os catorce grupos participantes que colaboraron desinteresadamente en defensa do galego.


O recinto feiral de Pontevedra quedou pequeno para acoller os milleiros de persoas, de todas as idades, que non quixeron perder o concerto. A organización vendeu máis de 7.000 entradas, máis de 1.500 no despacho de billetes do propio festival. Os asistentes entregáronse a fondo e participaron activamente coreando lemas a prol do galego e contra o decreto ao longo de toda a noite. Tamén os intérpretes rexeitaron a política lingüística que está a desenvolver o PP desde a Xunta e subliñaron no escenario que tamén queren "vivir en galego".

Dende as sete e media do serán, tal e como estaba previsto, até as dúas da mañá, pasaron polo escenario Zurrumalla, Fia Na Roca, Fuxan Os Ventos, Espido, Garcia Mc, RuxeRuxe, Uxia, Berrogüetto, Luar Na Lubre, A Quenlla, Os Carunchos, Os 3 Trebóns, Galegoz e Lamatumbá, que actuaron acompañados de diversos audiovisuais nos que se recolleron imaxes das mobilizacións en defensa da lingua.

Entre actuación e actuación, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, insistiu na necesidade de impulsar o galego en todos os ámbitos da sociedade e volveu lembrar os prexuízos do denominado ?decreto do plurilingüísmo? para o futuro do idioma propio.

Tamén o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, manifestou o seu desacordo co texto normativo que pretende aprobar o Goberno actual.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 19-04-2010 12:35
# Ligazón permanente a este artigo
Éxito total do 'concertazo contra o decretazo'
MILES DE ASISTENTES

O festival organizado por Queremos Galego en Pontevedra contou coa entrega e a emoción do público na defensa da lingua.

Redacción Vieiros - 14:17 18/04/2010



Máis de cinco mil persoas asistiron este sábado pola noite ao festival "Música contra o decretazo", convocado pola plataformaQueremos Galego. Dende última hora da tarde, os asistentes gozaron das actuacións de Zurrumalla, Fía na Roca, Fuxan os Ventos, Espido,García MC, RuxeRuxe, Uxía,Berrogüetto, Luar na Lubre, A Quenlla, Os Carunchos, Os Tres Trebóns e Lamatumbá, entre outros.

O acto, que tivo lugar no recinto feiral de Pontevedra, foi un berro colectivo ao dereito a vivir en galego e a escoitar música na nosa lingua. Un dos momentos máis emotivos da noite foi cando Xosé Lois "O Carrabouxo" entoou dende o escenario "Mamá, eu quero galego, quero escribilo, quero falalo, na rúa e no colexio", acendendo o ánimo do público.

O concerto estivo apoiado por diferentes organizacións culturais, políticas e sindicais, o que contribuíu, ademais do atractivo cartel, a atraer o masivo público ao 'concertazo'.

Nas redes sociais xa se comeza a comentar o éxito do festival, despois da 'resaca' do domingo pola mañá. Así, xa podemos ver algunhas fotografías, como as publicadas polo fotógrafo Óscar Martínez no seu Facebook.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 19-04-2010 12:27
# Ligazón permanente a este artigo
Espido - Se ti queres

Comentarios (1) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 17-04-2010 09:19
# Ligazón permanente a este artigo
Guau! ... pero que amenazado está o castelán ...
Galicia Hoxe

Arriba e... abaixo

O castelan é o líder indiscutible dos rapaces e acada un índice sen precedentes na historia do país· O monolingüismo é xa maioritario en Pontevedra.

Os máis novos déronlle as costas ao galego e utilizan maioritariamente o castelán nas súas relacións.


O castelán vive a súa época de maior esplendor en Galicia, cun número de falantes sen precedentes na historia do país. Até o 26 dos pontevedreses son monolingües en castelán e, no conxunto das catro provinicias, a lingua propia de Castela conseguiu converterse no único idioma que usan o vinte por cento dos galegos. O esmagante avance do castelán faise especialmente significativo entre a poboación máis nova, segmento no que é o líder indicutible co 63,9 por cento, con case o trinta por cento deles monolingües. Os datos fíxoos onte públicos o Instituto Galego de Estatística (IGE) e son a reveladora radiografía da eficacia lingüística española.

A gran perdedora dese avance é a lingua galega, que se precipita claramente á ruína: entre o ano 2003 e o 2008, perdeu un trece por cento dos seus falantes monolingües e no caso de Lugo, a cifra acada o 18 por cento. No conxunto das persoas que falan máis galego que castelán, a baixada é de sete punto e pasa de algo máis do 63 por cento -2003- ao 56 por cento no 2008.

¿É máis irrestible e sedutor o castelán que o galego? A xulgar pola enquisa, si: o 51, por cento das persoas que se pasaron ao castelán fixérono por razóns persoais. Pero tamén hai razóns de supervivencia económica: case o 27 por cento dos neocastelanistas sono por cuestións laborais.

As cifras desta auténtica revolución lingüística anuncian, ademais, que a cousa está só empezando. No 2008, o 66 por cento dos galegos de cinco ou máis anos de idade entendía moito o galego falado, fronte ao 5,2 por cento que o entendía pouco ou nada. Isto supón un retroceso superior ao quince por cento. Os máis cultos en galego son os habitantes da Coruña e de Lugo, mentres que en Pontevedra e Ourense o nivel de comprensión baixou máis do vinte por cento.

Outro fenómeno inédito é que empeza a haber unha bolsa significativa de galegos que non entende nin saben falar absolutamente nada de galego e, de novo, a provincia de Pontevedra é a que presenta un maior volume de alleados. Paralelamente, a poboación que entende e sabe falar galego recuou en quince e catorce puntos, respectivamente.

A RADIOGRAFÍA

O ensino resistiu polo bipartito

O castelán imponse como lingua de intercambio no ámbito laboral, xa que só 36,8% dos traballadores galegos falan sempre en galego cos compañeiros de traballo, o 31,5% co persoal ao seu cargo, o 31% cos superiores e o 28,3% cos clientes.

No ámbito social, o galego segue tendo un remanente: o 40,4% da poboación fálao sempre en galego cos amigos, fronte ao 27,6% en castelán, o 16,2% utiliza máis castelán ca galego e o 15,8% máis galego ca castelán.

Na escola, o Decreto que fixo o bipartito permitiu que o 14,3% da poboación galega de 5 ou máis anos que realizaba ensino regrado en Galicia en 2008 recibía as clases todas en galego, o 46,6% maioritariamente en galego, o 32,8% maioritariamente en castelán e o 6,3% recíbenas todas en castelán.

O 71,9% dos alumnos galegos de entre 5 e 16 anos que en 2008 estudaron algún tipo de ensino regrado recibiron as clases todas ou maioritariamente en galego. Entre a poboación de 17 ou máis anos, esta porcentaxe baixa ata o 42,3%.

As cidades danlle as costas á lingua

No ano 2008, no 21,8% dos fogares galegos todos os seus membros de 5 ou máis anos falan habitualmente só en galego. En 2003 esta porcentaxe era do 32,8%. Por áreas xeográficas, é o sur de Ourense xunto coa área da Costa da Morte as que presentan as maiores porcentaxes de fogares nos que todos os seus membros de 5 ou máis anos falan habitualmente só galego, cun 59,2% e un 52,1%, respectivamente. No outro extremo atópanse a área de Vigo, cun 6%, a área da Coruña , cun 9,4%, e a de Pontevedra cun 9,8.

Nos sete grandes concellos galegos o uso do galego está por debaixo da media galega. Nos concellos de Vigo e Ferrol fala habitualmente sempre en galego o 7,1% da súa poboación de 5 ou máis anos. En Santiago de Compostela, esta porcentaxe acada o 21,2%.

En referencia ao coñecemento do idioma galego, no concello de Vigo existe un 12,9% da poboación que entende pouco ou nada o galego falado e un 6,9% que non o sabe falar.
Comentarios (1) - Categoría: Actividades - Publicado o 16-04-2010 11:36
# Ligazón permanente a este artigo
O castelán amenazado
Os falantes habituais de galego caen un 13% en só cinco anos.

O decreto do bipartito situou, no primeiro ano de aplicación, a lingua galega no 46,6% do ensino obrigatorio

DAVID LOMBAO - xornal.com - Actualizado 16/04/2010 - 01:31 h.


A saúde da lingua galega resíntese. En plena controversia sobre as reformas do marco legal de protección do idioma propio de Galicia, a Enquisa de condicións de vida das familias elaborada polo Instituto Galego de Estatística (IGE) co ano 2008 como obxecto de estudo, constatou onte unha espectacular caída no número de persoas que utilizan o galego na súa vida ordinaria.

En apenas cinco anos ?a anterior enquisa data de 2003?, os cidadáns que empregan ?sempre? a lingua galega descendeu ata 13 puntos, pasando do 43% ao 30%. Pola contra, os cidadáns da comunidade que din falar ?máis castelán ca galego? pasan do 18,7% ao 22,5% e aqueles que usan ?sempre? o castelán pasan do 19,6% de 2003 ao 20,1% de 2008.

Se ben a suma dos cidadáns que empregan ?sempre? o galego ou que falan ?máis galego que castelán? dá conta de que, cun 56,4%, a lingua propia segue a ser a maioritaria en Galicia, a desagregación dos datos en función da idade dos enquisados prende, de novo, as alarmas da supervivencia do idioma de cara ao futuro.

Así, fronte ao 52,9% dos maiores de 65 anos que ten o galego como idioma habitual, entre as xeracións máis novas esta porcentaxe descende a menos da metade. Entre os mozos de 15 a 29 anos, o 18,6% aseguran falar ?sempre? galego, fronte ao 25,5% que fan o propio co castelán. Esta proporción cae aínda máis se os observados son os nenos que aínda acoden ao ensino obrigatorio. Neste caso, os galegofalantes habituais son só o 15,3% do total.

Fronte aos preocupantes datos sobre a renovación xeracional dos falantes de galego, o estudo do órgano dependente da Xunta revelaba tamén no ano 2008 datos especialmente significativos sobre o ensino, tanto no referido ao seu papel para a promoción da lingua como no que ten que ver coa implantación do galego nas aulas do país.

No que foi o primeiro ano de aplicación real do decreto 124/2007, aprobado polo Goberno bipartito para regular o uso dos idiomas na escola, o IGE dá conta de que ?a escola se converte no medio máis habitual para aprender a falar en galego?, dado que ata o 71,9% dos nenos e mozos de entre 5 e 29 anos adquiriran as súas destrezas no idioma propio de Galicia a través do sistema escolar da comunidade autónoma.

Do mesmo xeito, o inquérito reflicte que, no inicio da súa andaina, o decreto tivo unha sensible acollida nos centros de ensino. Fronte ao obxectivo marcado na norma, segundo o cal deberan un ?mínimo? do 50% das materias deberan ter o galego como lingua vehicular, os datos estatísticos confirman que o 46,6% dos estudantes recibiron coñecementos ?maioritariamente en galego?, unha cifra á que cómpre engadir o 14,3% con ?todas? as materias escolares en lingua galega.

Ao tempo, os escolares relataban en 2008 que, á hora de escribir, empregaban ?máis galego que castelán? no 41,7% dos casos, unha cifra que, non obstante, se reduce notablemente á hora do uso oral. Neste caso, a relación ?cos compañeiros? próducese ?sempre en galego? tan só no 17,4% das ocasións, fronte ao 35,3% que falan ?sempre en castelán? nestas situacións. A relación entre alumnos e docentes era tamén, naquela altura, unha parcela reservada maioritariamente ao castelán, co 22,5%, fronte ao 15,1% de estudantes que elixían ?sempre? o galego para dirixirse aos seus profesores.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 16-04-2010 09:56
# Ligazón permanente a este artigo
Máis de 40.000 estudantes reclamarán "o dereito a vivir en galego"
A necesidade de "protexer" a lingua galega marcará a edición de 2010 do Correlingua, que non financiará Política Lingüística pero si contará co apoio económico dos concellos de Lugo, Pontevedra, Santiago e Vigo e mais das Deputacións da Coruña, Lugo e Ourense.

Xornal.com - Actualizado 15/04/2010 - 16:42 h.


Máis de 40.000 alumnos de centros educativos de toda Galicia percorrerán as rúas de 14 bisbarras nunha serie de carreiras que se celebrarán no marco de Correlingua 2010, unha proposta lúdico-festiva impulsada desde o curso 2000-2001 co fin de que os estudantes reivindiquen o seu "dereito a vivir en galego".

Así sinalouno Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, unha das entidades organizadoras do evento canda a Asociación Socio Socio-Pedagóxica Galega, a CIG-Ensino e os concellos de Lugo, Pontevedra, Santiago, Vigo, ou as Deputacións Provinciais de Lugo, A Coruña e Ourense.

Nesta liña, parafraseó ao escritor Manuel Rivas para sinalar que "o ADN da cultura galega é a resistencia", tras considerar esta edición "unha festividade de unión baixo a protección da defensa do idioma ".

"A lingua galega existe e resiste", destacou Callón, quen incidiu en que o Correlingua "volve ser unha realidade este ano", a pesar das "dificultades" e que "moitas entidades que deberían estar participando, non están", en alusión a que a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria e a Secretaría Xeral de Política Lingüística "non colaboran" na presente edición.

"Ningunha destas institucións" participa, lamentou tamén o secretario xeral da CIG-Ensino, Anxo Louzao. O sindicalista aclarou que o idioma se encontra "nun momento difícil" e "preocupante" ante o "empeño" dos poderes públicos en que "perda a súa pequena presenza no ensino "e convértase" nun idioma de segunda clase".

Por iso, pediu ao alumnado galego que "faga posible" a súa continuidade a través do "seu uso". "Non hai ninguén no mundo que o faga posible, se non somos nós", dixo.

Deste xeito, a organización decidiu que o lema para a edición deste ano sexa 'Galego: a forza do noso amor', cita do escritor Uxío Novoneyra - - homenaxeado no Día dás Letras Galegas 2010 - - e un "exemplo de compromiso co idioma "
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 16-04-2010 09:48
# Ligazón permanente a este artigo
Denuncian discriminación do portugués nas seccións bilingües
ASOCIACIÓN DE DOCENTES

O profesorado de lingua portuguesa afirma que a Consellaría de Educación está a favorecer o inglés e o francés fronte aos outros idiomas.

Redacción Vieiros - 12:45 13/04/2010


A Asociación de Docentes de Portugués na Galiza (DPG) asegura que o seu colectivo está a ser discriminado nas seccións bilingües. Nunha orde da Consellaría de Educación que regula as actividades formativas inglesa, francesa, alemá e portuguesa en niveis non universitarios, o profesorado de lingua lusa denuncia que só se lles exixe crear seccións bilingües aos docentes de francés e inglés mais non aos de portugués e alemán.

Segundo a asociación, esa exixencia abre un precedente inaceptábel, por promover seccións bilingües nunhas linguas e non noutras, algo que tampouco está fundamentado na lexislación educativa vixente. O tratamento desigual tamén lle afecta ao número de cursos ofrecidos, só un para o portugués e o alemán para profesores especialistas e non especialistas, sen diferenciación entre o nivel de coñecemento do profesorado asistente. Pola contra, hai seis cursos de inglés para especialistas e catro para non especialistas e dous de cada categoría no caso da lingua francesa.

A DPG lembra que o portugués ten cada vez máis demanda no sistema galego de ensino, com presenza en 11 escolas primarias, 25 secundarias e oito EOI. Ademais, o presidente da Xunta comprometeuse publicamente a promover o estudo do portugués en Galiza. É unha lingua oficial en oito países e unha das máis faladas do mundo, polo que a asociación non entende que se desfavoraza o portugués nas seccións bilingües.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 13-04-2010 15:58
# Ligazón permanente a este artigo
Queremos Galego denunciará mañá en Europa o "ataque frontal" da Xunta do PP ao galego
A plataforma levará ao Consello de Europa, á Unesco e ao Parlamento europeo "os incumprimentos" da Carta Europea de Linguas Minorizadas

Xornal.com - Actualizado 12/04/2010 - 14:18 h.

Catro representantes da plataforma Queremos Galego reuniranse durante mañá e pasado con representantes do Consello de Europa, o Parlamento Europeo, a Comisión Europea e a Unesco para denunciar a política "activa" de "desprotección" e "desmantelamento" da "oficialidade" da lingua galega, así como o "ataque frontal" contra a lexislación vixente na comunidade.

Así o explicou hoxe en rolda de prensa o portavoz desta organización, Fran Rei, que compareceu ante os medios acompañado polo deputado do BNG Bieito Lobeira e o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao.

A representación de Queremos Galego que viaxará a Bruxelas --integrada polo presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, Rei, Lobeira e a actriz Isabel Risco-- trasladará ao comité de expertos do Consello de Europa un informe sobre os incumprimentos "máis flagrantes" da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias.

Tamén manterá encontros con representantes da CE en materia de Educación e Multilingüismo, así como con distintas forzas políticas do Parlamento Europeo, sobre todo a daqueles territorios cuxa situación lingüística e cultural é "parella" á de Galicia, como apuntou Rei.

Neste punto, sinalou que o obxectivo de Queremos Galego é facer unha chamada á solidariedade deses territorios para crear un "sentimento recíproco" cara á comunidade galega. O portavoz da plataforma insistiu na dificultade de atopar un territorio onde se estea efectuando un "ataque" á lexislación "básica e consensuada" como o que se aprecia, ao seu xuízo, en Galicia.

Por iso, cualificou de "oportunidade de ouro" esta serie de reunións previstas en Bruxelas e contrastou o feito de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "néguese" a recibir aos representantes desta plataforma fronte á disposición das distintas instancias europeas a recibilos. "É o mundo ao revés", considerou.

"EXTERMINIO LITERAL" DA LINGUA

Pola súa banda, o deputado do BNG Bieito Lobeira, portavoz en materia lingüística da formación frontista no Parlamento galego, interpretou que é o "deber" da plataforma impulsar esta rolda de contactos ante a situación "absolutamente extrema" de "exterminio literal" da lingua galega que atribuíu ao Goberno autonómico.

O parlamentario nacionalista reprochou ao PPdeG que impida a Queremos Galego iniciar un proceso de iniciativa lexislativa popular (ILP), feito que vinculou a unha "negación" dos dereitos civís en defensa da lingua, políticos, sociais e democráticos.

Todo iso, leva á plataforma a "pór en coñecemento" das institucións internacionais esta situación, marcada, como recalcou, pola "vulneración" e "conculcación" dos dereitos humanos e lingüísticos, que atribuíu ao Executivo galego.

"É o único que nos queda", asegurou en relación á denuncia ante as institucións europeas e a "negación" das posibilidades de participación e debate desta cuestión no ámbito institucional galego.

Lobeira recordou que fai máis de 50 anos un grupo de galegos denunciaban na Unesco o inicio dunha persecución contra a lingua da comunidade por parte do réxime franquista. Así, comparou ese contexto coa visita que realizarán representantes de Queremos Galego para evitar que o Goberno autonómico vulnere os tratados institucionais subscritos e o dereito a utilizar a lingua propia.

A este respecto, o secretario nacional de CIG-Ensino considerou que o Executivo autonómico pretende "exterminar" a lingua como sinal de identidade dos galegos como parte dunha estratexia, que atribuíu ao PP, de "españolización da sociedade" para "desfacer calquera vestixio" de diversidade que permita avanzar cara a un Estado plurinacional e plurilingüístico.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 13-04-2010 10:10
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3] [4]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0