Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

''Vidal Bolaño: vida e morte do teatro profesional galego''
ALBERTO RAMOS - DIOIVO - Mércores, 06 Febreiro 2013


"Roberto Vidal Bolaño, vida e morte do teatro profesional en Galicia. Ese, se ninguén o evita, podería ser o titular deste ano, xa que Roberto viu nacer o teatro profesional e este ano, moi vencellado a súa figura, ese tipo de teatro pode desaparecer". Non podía ser doutro xeito. A situación crítica que viven as artes escénicas non ía pasar desapercibida na presentación de onte en Santiago da Asociación Cultural Roberto Vidal Bolaño, colectivo sen ánimo de lucro que ten como obxectivo defender e reivindicar a obra do dramaturgo neste 2013 no que se lle dedican as Letras Galegas e tamén de cara ao futuro. Non podía ser doutro xeito e foi a voz do actor Antonio Durán Morris que, en representación da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), falou na presentación e puxo o punto máis reivindicativo no acto que se desenvolveu no Teatro Principal. "Roberto é, se non o pai, un dos pais do teatro profesional. E agora temos por diante un ano no que se lle vai dedicar a el as Letras Galegas e no que o seu discurso ten que se contaxiar. Porque, en definitiva, Vidal Bolaño tiña moito que ver coa discusión e coa dignidade da profesión", sentenciou Morris nun acto presentado polo xornalista e crítico literario Camilo Franco.

Foi precisamente xornalista quen se encargou de presentar a todos e cada un dos participantes dunha presentación que comezou coa lectura dun manifesto. "Nós non o imos chamar así, chamádeo vós así se queredes, pero a nós parécenos un nome moi grande", asegurou Camilo Franco antes de lle dar paso a Antón Dobao, quen leu un documento no que se destacou a influencia de Vidal Bolaño no teatro do país e tamén nos seus profesionais e a actualidade da súa escrita. "Case cada unha das súas palabras cobra hoxe unha vixencia invasiva. Estamos a vivir o tempo dos derrotados", leu Antón Dobao un manifesto -nós ímonos permitir chamalo así- no que se definía ao dramaturgo coma un autor "heterodoxo" e "non canónico".

"Roberto era un broncas"

Acto seguido tomaron a palabra dous representantes do que se fixo chamar no seu momento o colectivo Land Rover, constituído polos primeiros programadores culturais dos municipios de Galicia. "Cando os concellos botaron a andar, contratouse xente para ese ámbito novo da cultura, os que traballamos nese sector tiñamos que facer de todo, por iso decidimos chamarnos como o todoterreo", explicou un deles, Luís Rei, quen explicou que "as Letras Galegas para Vidal Bolaño eran necesarias". O outro representante dese colectivo, Luciano Fernández, centrouse nas calidades humanas e intelectuales do homenaxeado o 17 de maio. "Vidal Bolaño era un xenio. E ademais de ser un xenio, era un broncas. E estamos moi necesitados de moita bronca", explicou.

A actriz Laura Ponte foi a encargada de realizar un breve percorrido pola traxectoria vital do autor dramático. Nese senso, lembrou os seus comezos no audiovisual da man da equipa Lupa alá polo ano 72, antes de se dedicar ao teatro e fundar a compañía Antroido, xunto a Xaquín García Marcos. Ademais, Laura Ponte adiantou o regreso desa formación teatral cun novo espectáculo, titulado Bailadela, no que se recuperan un total de seis personaxes femininos da abondosa obra de Roberto Vidal Bolaño. "Estará coproducido polo Centro Dramático Galego e queremos propoñer un teatro de reflexión, con novas voces e novas formas", detallou a intérprete algúns aspectos

E precisamente o director do Centro Dramático Galego, Manuel Guede, tamén subiou ao escenario para lembrar a súa antiga etapa (1991-2004) no cargo que ocupa hoxe e a súa relación con Vidal Bolaño naqueles momentos. "Coñecémonos en 1974, convivimos case trinta anos e nese tempo tivemos moitas discusións e varias desavinzas. Pero Roberto tiña clara a certeza de que os dous habitabamos o mesmo escenario: facer medra o teatro galego", sinalou Guede, quen tamén explicou que con Vidal Bolaño vivíranse "momentos estalares" do Centro Dramático. Guede referíase aos "pedrayazos", as adaptacións de dous textos de Otero Pedrayo: Rosalía e Xelmírez. "Rodrigo Roel dixérame que eu a Roberto encargáballe os 'coñazos'. E dalgún xeito era verdade, porque eran textos duros de roer. Pero el tratábaos como material de ourive e acaba facendo grandes xoias", explicou o director do CDG, quen asegurou que o escritor fora "o mellor que lle pasou ao teatro galego".

Manuel Guede e Vidal Bolaño coñecéranse nos anos setenta en Ribadavia, seguramente o berce do teatro galego contemporáneo. E, como non podía ser doutro xeito, o seu director actual, Roberto Pascual, participou tamén nesta presentación. Pascual destacou a implicación do homenaxeado coas novas fórmulas e os novos talentos. "Era un fiel espectador do teatro universitario, moi preocupado pola formación", explicou un Pascual que tamén destacou a relevancia de Abrente. "En Abrente naceu o debate, o encontro a xuntanza, o verbo sen tabú, mesmo excesivo. En Ribadavia naceron os rudimentos dunha profesión autodidacta. Roberto estivo comprometido con todo iso, co debate, coa ágora que é o teatro", sentenciou.

"Home audaz" e "os seus valores"

O teatro de bonecos tamén estivo presente no acto fundacional da Asociación Vidal Bolaño da man de Jorge Rey quen, con devoción, definiu o dramaturgo como un "home audaz". Ademais, destacou del que fora o realizador do "primeiro espectáculo de bonecos para adultos" e reivindicou, unha vez máis, os valores do escritor, que "deben ser recuperados neste ano".

Finalmente tomaron a palabra os dous presidentes da organización. Por unha banda, o de honra, Manuel Quintás, quen leu varios textos sobre a visión teatral e vital dun Vidal Bolaño, cuxos textos dramáticos son, aos seus ollos, "a vida mesma" e que o autor é, puramente, "o teatro galego". Pola súa banda, a presidente da entidade, Belén Quintáns, falou da "honra" e "responsabilidade" que significa para ela ser a responsable de coidar o legado de Vidal Bolaño. Tamén quixo agradecerlle a todos os asistentes a súa presenza e, aos compañeiros de asociación, a súa complicidade con Roberto. Especialmente a Manuel Guede e a Morris, a quen culpou de que finalmente as Letras Galegas ofrecesen o seu tributo ao escritor. "Morris é o culpable de toda esta gran lea, polas súas palabras na entrega dos Premios Mestre Mateo", explicou Quintáns, en referencia á gala dos premios do audiovisual galego, cando Morris reclamou o 17 de maio para Vidal Bolaño ao recibir o premio ao mellor actor. Premio, por certo, que acadou pola película Doentes, adaptación cinematográfica dirixida por Gonzalo Balza da obra homónima do dramaturgo.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 07-03-2013 09:24
# Ligazón permanente a este artigo
O Xabarín é voso. O clube é noso
Brais Romero - Praza Pública


O Xabarín Club é algo que marcou a mocidade galega nacida entre os oitenta e noventa. Un programa infantil que fixo que gastásemos as tardes despois do colexio comendo bocadillos de nocilla e vendo Arale, ou DragonBall ou Doraemon, ou o Mundo de Beakman... Ademais, foi o responsable dunha campaña de normalización lingüística que non se conseguiu igualar xamais. Pero o Xabarín foi algo máis que un programa de debuxos aos que enviabamos as nosas fotos para aparecer o día do noso aniversario. O Xabarín foi, e é, un clube.

O que une a mocidade galega é o Xabarín. Persoalmente, dende que comecei a vida universitaria non recordo ningunha festa que non rematase coas cancións do Xabarín, nin recordo ningún local no que a xente non bailase ?Non todo é o que parece amigo? ata esgotar os folgos. O Xabarín somos nós.

Onte saía a noticia de que a páxina web e o twitter do Xabarín, creada por fans e para fans, tiña que pechar por motivos legais coa CRTVG. Abraiado, vexo como Jon Amil, precursor das anteriores plataformas, non ten outro remedio que acceder ás demandas dos avogados da canle pública galega. Observo todo isto cunha mestura de indignación e tranquilidade.

Indignado porque vexo como unha plataforma que buscaba reavivar ese xerme que nos uniu hai anos, é agora aniquilada polas arducias legais e estúpidas dunha canle que se di pública, galega e para os galegos. Tranquilo porque, ao contrario do que os señores de despacho pensen, o Xabarín non é seu: é noso. O Xabarín é noso porque nós somos o clube.

Nosas son xa as cancións, e nosos tamén os recordos. Nosa é esa unión intanxible entre todos os mozos galegos que nos fai comparar os nosos carnés do Xabarín Club para ver como eramos daquela. Nós somos o Xabarín. E non atoparan resistencia en nós. E poden destruír o Xabarín, xa o levan facendo dende hai anos, quitándolle espazo na televisión e empeorando o seu contido, someténdoo a unha especie de castración. Non importa. Porque o clube é noso, dos mozos, e iso, nunca o poderán gañar nun xuízo.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 07-03-2013 09:22
# Ligazón permanente a este artigo
Consenso para que Ferrín continúe na Academia cando menos como numerario
Este sábado da 9 de marzo Xosé Luís Méndez Ferrín presidirá o que se anuncia desde a propia institución como último acto oficial á fronte da Real Academia Galega. A entrada do seu compañeiro de Brais Pinto, Xosé Fernández Ferreiro, porá o ramo á súa presenza na rúa Tabernas, se o escritor non escoitar as peticións cada vez máis fortes para que continúe na Academia, cando menos como numerario.

SERMOS GALIZA - C.V.hai 11 horas


Desde que Xosé Luís Méndez Ferrín anunciara nun correo emitido o día 25 de febreiro a súa vontade de abandonar a Academia, non só como presidente senón tamén como membro numerario, non deixan de sumarse voces para solicitar que un dos nomes claves da nosa historia literaria continúe a ter presenza na institución. Boa parte de académicos e académicas manifestaron publicamente o seu desexo de a Academia non ficar sen un escritor de referencia como é Ferrín. Alén de transmitir o seu apoio ao presidente, algúns dos consultados deixaron ver que a idea de que abandone o edificio de Tabernas sería unha má noticia para a literatura, a cultura e a propia RAG.

En primeiro lugar, foron un grupo de escritores e escritoras os que, a título individual, fixeron público a través das redes, de maneira imediata, o seu desexo de que Ferrín continuara na Academia. Seguiron logo as asociacións profesionais, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e o Pen Clube ao se dirixir directamente a Ferrín e solicitarlle que repensase a súa dimisión e o abandono da RAG. A excepcionalidade da decisión tomada polo autor de Con pólvora e magnolias puña nunha situación complexa á Academia ao se tratar dunha figura de indubidábel presenza na nosa literatura e cun claro ascendente nunha parte do panorama literario.

A entrada de Xosé Luís Méndez Ferrín na Academia produciuse tarde, hai apenas doce anos e, dalgunha maneira, foi vista como un chanzo máis no proceso de apertura e modernización da institución que iniciara Francisco Fernández del Riego e continuara Xosé Ramón Barreiro. Singularmente tamén, a proposta de Xosé Luís Méndez Ferrín estaba asinada por dez académicos, unha circunstancia de novo excepcional, xa que a práctica totalidade das persoas numerarias entran avaladas só por tres persoas. Francisco Fernández Rei, Constantino García, Manuel González, Xesús Ferro Ruibal, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Ramón Lorenzo Vázquez, Antón Santamarina, Xesús Alonso Montero, Xosé Luís Franco Grande e Salvador García Bodaño poñen a súa rúbrica á agardada entrada o 30 de setembro de 2000 de Xosé Luís Méndez Ferrín como académico. No seu discurso de ingreso, Ferrín destacaba o feito de entrar no ano no que a RAG conmemoraba a Manuel Murguía, o presidente fundacional da institución que el tardaría arredor dunha década en presidir.

Tamén foi un membro de Brais Pinto e amigo de novo de Ferrín o encarregado de darlle resposta no acto solemne da Academia. O lingüista e escritor Ramón Lourenzo recollía o mesmo sentir na súa intervención, o significado de que o escritor atravesase a porta da institución da rúa Tabernas como membro numerario. ?Por fin, entra na Real Academia Galega unha das figuras máis excepcionais da cultura galega da segunda metade do século, a quen lle correspondía desde hai moito tempo ocupar un lugar na nosa Institución. Por iso, se en moitos discursos de contestación que se fixeron na Academia se repetiu máis dunha vez que era un día grande e de xúbilo a entrada do novo membro, con moito máis motivo debo repetir en que hoxe é un día grandioso para esta vella Institución?, sinalaba Ramón Lourenzo, naquela sesión na que o mundo da literatura, o mesmo que agora reclama a súa permanencia, aplaudía a entrada de Ferrín na Academia.

Este sábado 9 de Marzo presidirá a entrada doutro membro de Brais Pinto, o escritor Xosé Fernández Ferreiro ingresará co discurso Breves reflexións sobre os escritores e os xornalistas, ao que lle dará resposta o tamén xornalista Manuel Rivas, o escritor vivo máis lido da nosa literatura e que precisamente se incorporou á Academia baixo a presidencia de Xosé Luís Méndez Ferrín.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 07-03-2013 09:13
# Ligazón permanente a este artigo
Universitarios defenden o seu dereito ?ao ensino público e en galego"
Comezan as Xeiras sobre lingua na Universidade de Vigo, catro días dun intenso programa de actividades no que se mesturan a diversión e as actividades lúdicas.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 05/03/2013


?A nosa lingua rústica vive, porque aínda temos moito que dicir nela?. Brais Fortes, responsable en Vigo da organización estudantil Comités lembrou na inauguración dasV Xeiras sobre a lingua galega as verbas de Castelao porque nelas se recolle como en ningunhas outras o espírito das Xeiras, unha iniciativa que naceu no ano 2009 para dar a coñecer a situación da lingua galega nos diferentes ámbitos da cultura e da sociedade e que agora, cinco anos máis tarde, colle folgos para seguir reivindicando o dereito a vivir en galego e, ?como estudantes que somos, a ter un ensino público e en galego?.

Botaron a andar catro días dun intenso programa de actividades nos que a reflexión se mestura coas actividades lúdicas e, xunto aos participantes máis académicos, serán moitas as caras coñecidas que pasarán pola sala I do Edificio Miralles, onde se celebran as xornadas. Os actores Monti Castiñeiras e Antonio Durán ?Morris? son algunhas destas caras, será esta mesma tarde, e farano cunha charla na que afondarán no papel das series galegas.

Twitter en galego e 100.000 artigos na Galipedia
A promulgación do Decreto 79/2010, a retirada das axudas á tradución en lingua galega, o peche das galescolas, o cambio de nome dos equipos de normalización lingüística por equipos de dinamización lingüística, a eliminación do galego como requisito nas oposicións... foron algunhas das razóns esgrimidas polo representante dos Comités para subliñar que ?pouco a pouco, paseniño pero abruptamente vannos arrebatando a normalidade de poder vivir na lingua propia do noso país?. Fronte a esta situación, o vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas, que asistiu tamén á inauguración, retounos a ?dar a batalla? e que mellor arma para facelo que ?os argumentos e a razón e, para iso, están estas Xeiras?. Tamén aos argumentos se referiu o director da Área de Normalización Lingüística, Paulo Cabral, que chamou á intelixencia dos asistentes ?para facerlles ver aos falaces que a nosa lingua non é inútil, que nos gusta o galego?.

Tras un repaso breve aos acontecementos do último ano, ?no que non todo foron boas novas?, subliñou Costas, salientouse o ?esforzo ímprobo? realizado polos twitteiros para que hoxe os galegos poidan acceder a Twitter na súa propia lingua, esforzo sen o que tampouco sería posible acadar os 100.000 artigos na Galipedia, a versión galega da Wikipedia... Foron algún dos exemplos que se achegaron para demostrar que se a sociedade civil se move ?podemos conseguir moito, xa que todos temos un postiño na trincheira na que queiramos pelexar?, recalcou o vicerreitor.

Unha ollada ao bretón e o catalán ?da periferia?
Tras o acto de apertura, os arredor de cen inscritos metéronse de cheo no programa das Xeiras. Foi o intre para botar unha ollada a outras linguas minorizadas. Carolina Díaz, profesora da Universidade de Vigo e tradutora de bretón, achegou a visión da situación das linguas en Francia, ?un estado centralista que non recoñece ningunha outra lingua que non sexa o francés, moi a pesares da presenza de idiomas coma o bretón ou o galo?. Tras explicar a situación das zonas onde se fala bretón, a experta salientou a importancia de que a sociedade civil, a rural e a urbana, se implique no proceso de recuperación das linguas. Creadas por asociacións de pais da alumnos para frear o declive do bretón, Carolina Díaz, destacou o papel que xogaron e seguen a xogar as coñecidas como Diwan, escolas nas que nos primeiros anos de escolarización se emprega exclusivamente o bretón e, posteriormente, se introduce paulatinamente o francés, pero mantendo o bretón como principal lingua de comunicación. ?Hoxe os cativos que se criaron nese sistema son xa profesionais que seguen a organizar múltiples actividades de recuperación, pois son eles os que teñen a formación e a lingua suficiente para facelo?, recalcou a experta, ao tempo que fixo fincapé en que estas linguas ?minorizadas? teñan presenza na vida pública das persoas.

Participaron tamén na mesa redonda o filólogo catalán, Eduard del Castillo, colaborador habitual de medios galegos como Vieiros ou A Peneira, e o profesor de Tradución e Interpretación na Universidade de Vigo, Robert Neal Baxter, que non dubidou en afirmar que a tradución serve de ferramenta eficaz para mudar a percepción dos falantes a respecto do valor simbólico e práctico da súa propia lingua, ?unha lingua á que se traduce pasa a ser considerada unha lingua útil?, recalcou.

Pola súa banda, Del Castillo achegou a realidade do catalán, máis alá das fronteiras da propia Cataluña, xa que o experto achegou a situación dos denominados Países Cataláns, en referencia a aqueles lugares de predominio lingüístico catalán, nas que se inclúen lugares como as Illas Baleares, Comunidade Valenciana, parte de Murcia, Andorra e mesmo os Pirineos Orientais (Francia) e Alguer (Italia).
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 06-03-2013 10:16
# Ligazón permanente a este artigo
A Xunta inicia o trámite para recorrer o fallo contra o decreto do galego diante do Supremo
NON ESTÁ DECIDIDA A SÚA PRESENTACIÓN

GALICIA HOXE - SANTIAGO DE COMPOSTELA. E.P. 05.03.2013


O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, confirmou que a Xunta compareceu no Tribunal Supremo (TS) para unha "posible" presentación de recurso de casación ante o Tribunal Supremo (TS) polas sentenzas contrarias ao coñecido como decreto do plurilingüismo emitidas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

En todo caso, o alto cargo da Xunta advertiu de que isto "non significa" que teñan "decidido", por agora, que o vaian presentar, e recordou que, en todo caso, "non impide en calquera momento a súa retirada".

En resposta ao deputado socialista Francisco Caamaño, que ve o anuncio da Xunta unha acción para "premer" aos grupos da oposición para que avalen a súa política lingüística, o secretario xeral manifestou que o que fai a Administración autonómica é "tomar as medidas previas" e "esgotar os prazos" que ten tras a comunicación do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para poder tramitar o recurso de casación.

Así mesmo, na súa intervención parlamentaria, o responsable de Política Lingüística reiterou a oferta de "diálogo" que fixo o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en decembro do pasado ano -- en sede parlamentaria --, aos grupos da oposición para apear dos tribunais a cuestión lingüística e alcanzar un consenso, e negou as palabras do deputado do PSdeG nas que aseguraba que as diferentes sentenzas do alto tribunal galego "tocaron o corazón do decreto".

VENCEMENTO DO PRAZO
A presentación dos recursos de casación ante o Tribunal Supremo finaliza o próximo 15 de marzo. Xa o fixo Galicia Bilingüe, como recordou o propio Valentín García na súa intervención.

Esta situación, sumada a que a RAG tamén "está a preparar" o recurso, serviulle para apoiar a posibilidade de que a Xunta recorra os fallos xudiciais do TSXG, porque "non pode quedar fóra".

Concretamente, o TSXG anulou os puntos do decreto do plurilingüismo referidos á consulta aos pais en educación infantil e o que permite ao alumno utilizar o galego ou o castelán baseándose nas súas preferencias, salvo nas materias de linguas.

"ALONGAR A SITUACIÓN NOS TRIBUNAIS"
O parlamentario socialista mostrou a súa "sorpresa" por que a Xunta "queira alongar a situación da lingua nos tribunais", e tamén censurou que a fórmula do recurso de casación implica ampararse nos dereitos constitucionais, e non na propia normativa que lexisla sobre o galego.

"Non o poden argumentar en ningún caso na lei lingüística", advertiu o exministro de Xustiza, quen tamén explicou que para estar en proceso non é preciso facelo como recorrente, xa que en todo caso serán "recorridos".

"Moi distinto é comparecer para defender o decreto", advertiu Caamaño, ao explicar que é o que acontece ante a personación no Supremo. "Entendo que poidan facelo algúns colectivos, non o entendo de vostedes", abundou.

Pero ante as críticas do deputado socialista, Valentín García volveu insistir en que o Goberno galego trata de "repoñer a cordialidade" na materia lingüística e culpou ao goberno bipartito de ser o que "rompeu" o consenso do que se dotaran as formacións políticas durante os gobernos Fraga.

Así, chamou á "sensatez e responsabilidade" de todos e ratificou a "vontade de diálogo" do Goberno galego, pero xustificou que "a Xunta non pode quedar fóra deste proceso no que outras entidades si están dispostas a seguir".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 06-03-2013 10:14
# Ligazón permanente a este artigo
A Xunta di "non ter decidido" se vai recorrer as sentenzas contrarias ao decreto da lingua
David Lombao - Praza Pública | @davidlombao


Caamaño formúlalle a pregunta ao secretario xeral
CC BY-SA Praza Pública
Á Xunta quédalle apenas unha semana para decidir se opta por mergullarse nunha batalla legal na defensa do denominado decreto do plurilingüismo. Despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) invalidase ata en oito ocasións puntos clave da reforma lingüística de Feijóo, tales como a realización de consultas vinculantes ás familias ou a capacidade do alumnado para falar o idioma que considere oportuno con independencia da materia impartida, a Consellería de Educación realizou os trámites previos para presentar un recurso de casación ante o Tribunal Supremo, pero non sabe se o culminará. Iso é, cando menos, o que afirmou este martes no Parlamento o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

A preguntas do voceiro do PSdeG en materia de lingua, Francisco Caamaño, García explico que o feito de "que nos persoásemos" ante o alto tribunal "non quere dicir que agoar mesmo estea decidido presentar" o recurso "ou non". Entón, por que "efectuou o trámite de comparecencia, que é un aviso para poder presentar o recurso"?. O departamento que dirixe Jesús Vázquez "constatou que hai outras entidades" que van recorrer as resolucións do TSXG. "Unha xa o presentou", e non é outra que a asociación Galicia Bilingüe. "E a Real Academia Galega está a preparalo".

En calquera caso, segundo Valentín García interpreta, como o seus superiores no Goberno, que "tras oito sentenzas" o Tribunal Superior "apoia o modelo" lingüístico da Xunta e o que tomba "non é máis ca un 5%", "dous parágrafos" dun total de "trinta e tres artigos". E ademais, abonda, "así o corroboraron nas urnas os cidadáns de Galicia". "Se, como vostede di, o decreto non está tocado... Por que o recorren?", inquiriu Caamaño. "Por que prolongan a agonía da lingua?", pregúntase o socialista, en cuxa opinión o secretario xeral debera ser consciente de que "non é o mesmo" a posición dun colecetivo social "que a do Goberno de Galicia", ao que lle corresponde "dar exemplo".

Caamaño ten "só unha explicación" para a actitude da Xunta. "Recorren para presionar novamente á oposición", nunha caste de chantaxe segundo a cal "se non apoiades o que eu quero, vou seguir tendo a lingua nos tribunais", que é "o peor" que lle pode pasar", "unha mala noticia para todos os que queremos e defendemos a lingua". Segundo o secretario xeral quen "tende a man" é precisamente a Xunta, tanto á oposición como "ao colectivo Chamamento polo Galego, que ten difundido un manifesto para que non se materialice o recurso". Así e todo, xusto a continuación o alto cargo de Educación lanza unha andanada dialéctica contra o parlamentario socialista "Onde rompe o consenso" non é co decreto plurilingüe, "senón co anterior", isto é, o do bipartito, resolve.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 06-03-2013 10:13
# Ligazón permanente a este artigo
Ramón Villares cre que o importante é a dimensión simbólica da RAG
O máximo dirixente do Consello da Cultura cre que o cargo de presidente non é "difícil" // O novo terá que "xestionar a dimensión histórica" da institución // Asegura que a cultura "non se pode ver como un floreiro", pois "é esencial para poder vivir en convivencia"

GALICIA HOXE - SANTIAGO. EP


O presidente do consello de la Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, considerou que o labor "importante" que terá que realizar o futuro presidente da Real Academia Galega (RAG), despois de que o actual dirixente, Xosé Luis Méndez Ferrín, anunciara que abandonará o cargo, será "xestionar a dimensión histórica" da institución.

"O cargo non é difícil, hai que ter certa ascendencia na cultura galega e unha mínima capacidade de xestión e de representación institucional, aínda que o máis importante da academia é o seu poder simbólico, que hai que xestionar", asegurou Villares ao ser preguntado sobre o perfil que debe ter o presidente da institución nunha entrevista concedida á Cadena Ser, que recolle Europa Press.

Neste sentido, manifestou estar "preocupado" pola situación derivada da decisión de Ferrín de abandonar a Presidencia da institución, tras ser acusado de nepotismo, e asegurou "estar á espera" da decisión que tome "a directiva en funcións".

Deste modo, informou de que o consello de la Cultura Galega "non pode facer nada concreto" para solucionar a actual situación da institución pois "o que fai o CCG é practicar un modelo de xestión que quere que se propague ás institucións culturais" pero, como apuntou, "cada un fai o que considere conveniente".

Ademais, cuestionado sobre se Méndez Ferrín debería dar explicacións pola contratación de familiares dos membros da Academia para desempeñar labores na institución, Ramón Villares asegurou "non poder dar explicacións que o propio Ferrín non dá".

SITUACIÓN DA CULTURA

Na súa intervención, Villares tamén mostrou a súa preocupación pola crise e os seus efectos na cultura galega. Así, avogou por reorientar a política cultural de Galicia sen centrala exclusivamente nas infraestruturas como a Cidade da Cultura.

Precisamente, sobre o complexo cultural do Gaiás, o presidente do conselo dá Cultura Galega ha ironizado con que a única inversión que necesita é "calefacción para que non se deteriore".

Neste punto, avogou por un cambio de modelo ao considerar que ter "colectores" culturais "só serviu como política fachada, de inauguracións, de xustificar campañas e obxectivos políticos".

Así mesmo, Villares considerou que, na actual situación de crise económica, a cultura "non se pode ver como un floreiro" pois "é esencial para poder vivir en convivencia" aínda que, ao seu xuízo, "ás veces se confunde cunha especie de obxectos e fetiches".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 04-03-2013 10:25
# Ligazón permanente a este artigo
Ramón Villares: ?A cultura danos seguridade e calquera proxecto de futuro terá que levar a marca propia para diferenciarse?
Por Xan Carballa
Santiago, 2 de xaneiro de 2013


Historiador, presidente do Consello da Cultura Galega, outrora rector da Universidade de Santiago, Ramón Villares (Xermade, 1951) ten un extenso currículo de investigación e responsabilidades executivas. Desde esa autoridade gañada cos anos non se atreve a facer prognósticos para o futuro, pero asegura que ?hai que confiar na intelixencia da especie humana e en todo caso na capacidade da ciencia e a investigación para resolver problemas prácticos que hoxe parecen insuperábeis, ter unha enerxía máis barata, unha conciencia medioambiental máis seria, poñerlle limitacións á especulación ou as burbullas financeiras?

Vostede insiste en que non se valora abondo a importancia da cultura e todo o tramado que move na riqueza económica do país. Con crise e sen crise cal é o panorama?

Até 2008/2009 o peso era bastante importante, da orde do 1,7% do PIB e un 5% do emprego, considerando o amplo sector cultura-comunicación, que inclúe o entretemento, o teatro, o cine, galerías de arte, editoras... A situación económica afecta duramente porque a cultura non é prioritaria nas accións de goberno contra a crise, e están por diante os problemas do emprego, as pensións ou o sector financeiro. E tamén porque o aporte do sector privado tamén se viu abaixo, pensemos nos moitos millóns cada ano das fundacións das caixas de aforro. Nótase en Galiza pero tamén en todo o ámbito europeo. Eu sosteño que hai unha posición errónea, porque Europa se en algo é forte é en cultura, e o modelo europeo non pode ser competitivo no mundo sen ter a cultura en conta en primeiro lugar. Europa non pode renunciar á cultura non só como identidade, tamén como lecer, como investimento para unha sociedade de benestar, co patrimonio, os museos e todo o que significa en relación ao consumo cultural. Virán mellores tempos, pero en Galicia ao ter un mercado en declive, mesmo demograficamente, aínda que hai empresas que funcionan moi ben respecto a mercado exterior, sentímolo máis.

Fálase do mecenado cultural, cos seus pros e contras, como un xeito aínda por regular que podería actuar de paliativo e novo camiño de financiamento.

O modelo europeo continental é bastante impermeábel ao modelo do mecenado cultural. Sobre todo por influencia francesa confiou bastante aos poderes públicos o coidado e o subsidio da cultura. Isto significa que hai unha tradición de cultura estatalizada ou dun estado da cultura, fronte ao modelo máis nórdico ou norteamericano, no que por motivos fiscais, por tradición económica e de filantropía, está ben considerado que as persoas particulares apoien e subsidien a cultura. Iso forma parte dun mandato case relixioso e cando entras nun museo ou nun teatro, os que o apoiaron teñen alí o seu nome destacado. É unha especie de salvoconduto para a eternidade. No Brasil hai algo parecido, cunha lei de incentivos fiscais que por esa vía permite que empresas privadas subvencionen ou interveñan en iniciativas culturais (teatros, exposicións, museos...). Dáse o caso tan particular que o Museu da Lingua Portuguesa, que tivo un éxito extraordinario en São Paulo, foi promovido polo grupo O Globo, ao que ao final case non lle custou porque conseguiu apoios dunha manchea doutras empresas.
Se non se modifica a estrutura fiscal e a cultura económica da sociedade europea, unha lei de mecenado tardará en consolidarse. Coido que é imprescindíbel pero pasará un tempo. Sucede igual que coa investigación. Aquí en Europa as empresas consideran que é o modo de renovárense tecnoloxicamente ou facer algúns traballos prácticos para eles mesmos, non entenden que forme parte dunha estrutura, porque delegan a responsabilidade no estado. No mundo anglosaxón financian os grupos de investigación e consideran que a investigación no só é para eles, tamén para o conxunto da sociedade. Teñen non só un sistema fiscal distinto tamén é diferente a súa cultura comunitaria. Son moi individualistas e ao tempo cren que deben aportar á comunidade. No mundo europeo, sobre todo meridional, somos máis comunitaristas e confiamos máis no estado. Cando este falla ou non ten recursos aparecen os problemas e esta é a situación de hoxe. É oportuno que se aposte polo mecenado. Nós fixemos no Consello da Cultura un traballo sobre esta cuestión, que foi moi criticado coido que por non lido, sobre as fundacións. Chamamos a atención sobre o feito de que as fundacións non poden vivir basicamente de fundos públicos pero organizándosen como se fosen privadas. O mecenado tería as vantaxes de que en parte orientaría as opcións e as escollas culturais, e obrigaría a mudar as nosas prácticas culturais. A cultura é un sector autónomo que considera que ela é quen ten o saber e isto ten uns límites que agora ponos a crise. Unha saída é permitir que participen outros parceiros, aos que loxicamente haberá que escoitar. Significará mudar a nosa concepción e entender a cultura como algo plural e amplo, dalgún xeito pactado. Non é, ?eu fago o que quero porque teño cartos?, nin ?eu son o construtor da cultura e debo ser financiado sen máis?. Ten que haber unha solución intermedia e acordada. Aínda estamos lonxe diso pero é un camiño que hai que percorrer.


O problema non está no talento, está na capacidade de proxectarse no interior e tamén no exterior?

A nosa proxección exterior está limitada porque temos que pasar por alfándegas. No caso dos escritores pola do español. Nós fixemos bastante ben en promovernos en ámbitos nos que contabamos con algunha ancoraxe, por exemplo en América Latina, pero facer fóra unha proxección cultural do país precisa unha concentración de esforzos que Galicia non ten. Somos, como moitos outros, bastante fragmentarios e competitivos entre nós mesmos en vez de competir co de fóra. Por exemplo, o que fixo a cultura catalá estando presente en Guadalajara (México) ou Frankfurt (Alemaña) foi unha aposta do goberno tripartito catalán, pero foi unha aposta de país. No noso caso é difícil, podíamos facelo, e fíxose no pasado indo á Feira de La Habana, que debía ser o principio doutras cousas non o final. Pero tamén hai algo que ten que ver coas ideas de Paz-Andrade, e é que a cultura galega está moi pensada para alimentar as demandas internas, pero non está moi desenvolvida para estar presente no exterior. A un escritor ou a un artista gustaríalle estar traducido poño por exemplo ao xaponés, ao inglés ou o alemán, pero non abonda con ser traducido, tamén están os temas e os problemas que exploras. Aínda que nós abordamos temas moi universais non son obxecto de tópicos literarios ou culturais. Por exemplo, Irlanda sendo un país pequeno fixo da súa cultura e da súa forma de ser un recurso que vender no mundo enteiro, sexa no cine ou na música. Nós non fomos capaces de desenvolver un cine, a música ten posibilidades, pero a literatura non conta coa vantaxe deles de se publicar xa directamente en inglés. Non é só un problema de tamaño, que tamén, senón de enfoque. Isto penso que se deriva de atender demasiado os temas domésticos.

Venme á cabeza que a combinación Blanco Amor-Ourense ten forza como Joyce-Dublín.

Pero Blanco Amor escribía de Ourense en Buenos Aires. Non digo que lle falte universalidade. O escrito por Ferrín, Rivas ou Suso de Toro tamén é trasladábel, non é problema dos escritores, tamén ten que ver cos límites da industria editorial, da potencia, a elasticidade e o músculo do sector, pero nós témolo moi fragmentado. É un problema de planificación cultural sobre o que ten insistido moito o Consello da Cultura, a necesidade de concentrar esforzos e planificar. Se en tempos de dificultades é difícil propoñelo, en tempos de bonanza cada un está no seu.

Algunhas decisións que se tomaron en materia lingüística tamén cegaron camiños?

Tomamos unha decisión no seu día que hai que asumir pero tamén hai que revisar. A decisión foi estandarizar a lingua con máis aproximación á lingua falada, que ten a súa lóxica, e facer unha
estratexia sobre o galego como idioma independente que o separou máis do que xa o estaba do mundo luso-brasileiro. Isto conseguiu que cando o galego entrou no sistema educativo e nas institucións, fose aceptado, pero deixounos á marxe dun padrón lingüístico do que formamos parte, o portugués-brasileiro, que debíamos cultivar moito máis. Non se trata de que aquí falemos portugués, senón de termos unha especial sensibilidade, na literatura ou na cultura en xeral, co mundo da lingua portuguesa. Só pode abrirnos camiños porque o portugués non é só unha lingua mundial, senón que é oficial na Unión Europea e quen domine dúas linguas oficiais ten moitas máis oportunidades. Desaproveitamos ese recurso. Entendo ben porque se fixo, non só por moderación política, tamén por nacionalismo. Para os nacionalistas, mesmo para os máis radicais, ter unha lingua propia é un factor substancial de identidade. Pero que iso fose así non quere dicir que non sexa revisábel e teñamos que facelo. Quizais esteamos agora no momento de reconsideralo.


Sendo libros centrados na economía tanto en Galicia como tarefa, como La marginación de Galicia, Valentín dedicaba un amplo apartado á cultura. Cal é a importancia do factor cultural para un proxecto de futuro?

A cultura marca calquera produto, sexa industrial ou manufacturado. É o elemento esencial de algo que no tempo de Paz-Andrade non se coñecía e hoxe denominamos o poder brando, que é ter as calidades que outros quixeran ter e non teñen e polas que te admiran. Se pensamos no que fixo Sargadelos e a estética Díaz Pardo, podémonos preguntar se vendía un anaco de barro cocido ou unha idea de Galicia. Por que se lle pagaba unha vaixela ou unha figura? A cultura ten un grande poder simbólico e foi un acerto de Valentín ter escrito iso e insistir sempre en que o futuro de Galicia e as tarefas pendentes do país tiñan tamén que ver coa cultura. Que a nosa presenza no mundo tiña que levar o pegamento cultural. Claro que había que industrializarse, coutar a emigración, ter aforro rexional e investimento financeiro, que tiñamos que contar con instrumentos e institucións que o facilitasen, pero ao tempo debíase ser consciente de formarmos parte dunha cultura. Unha cultura non só galega senón que se estendía por catro continentes grazas á lingua portuguesa. Foi un acerto moi valioso de Paz-Andrade. Hoxe os economistas recollen moito esa idea de que cultura e institucións son fundamentais. Non se trata só de números, a nosa vida constitúese tamén a través de emocións, sentimentos e paixóns, non só de razón. Entendo que dedicase capítulos dos seus libros á cultura e véxoo como unha lección para a situación actual e futura.

A conciencia dunha cultura propia, en tempos de medos xerados pola crise, tamén aporta seguridade e ancoraxes firmes.

Hai unha tendencia a pensar que a sociedade se define polo non lugar, que é como considerar que todos somos habitantes dun aeroporto, no que non te sentes identificado con nada. Iso é unha falacia, a maior parte da xente ten que ver cun ámbito, cunha sociabilidade determinada. Até en Nova York non é o mesmo vivir no Village que en Washington Heights. Hai un papanatismo na aceptación acrítica do non lugar. O lugar non é tanto físico, de territorio, como de ámbito cultural que fornece identidades complementarias. A cultura, en parte porque identifica e remunera a propia emoción, dá máis seguridade e permite tamén estar mellor no mundo. Ao final é como as capas da cebola, unhas son moi homoxéneas e aceptadas por todos, pero hai outras máis particulares que son igual de importantes como aquelas aparentemente máis universais porque forman parte dun mercado global. Tamén na patria do american way of life hai moita diversidade. As culturas non son perfectas e holísticas, porque houbo tempos en que se pensaba que unha cultura o explicaba todo, hoxe por definición están todas en contacto, comparten elementos comúns e inflúen unhas nas outras. Da mesma maneira que se di que hai presenza da lingua e a cultura de Galicia na prosa española, non só de Valle-Inclán, tamén descubriu Paz-Andrade esa pegada da lingua galega na obra de Guimarães Rosa. E iso non significa que teñamos que disolvernos, senón que se pode dialogar desde culturas distintas. E cando falo de que a cultura nos dá seguridade é porque prefiro ese concepto ao de refuxio que é cando xa non tes onde ir.

Outra parcela da súa tarefa intelectual é a que ten ver coa historia. Gustaríame coñecer o seu balance e a súa perspectiva do que se ven chamando problema territorial español. Que tempo nos agarda?

É un problema español pero tamén europeo. No caso catalán son moi interesantes algúns dos argumentos que formulan, aínda que sexan algo improvisados. Cando falan dun estado en Europa o que no fondo están a dicir é que se Europa camiñase máis nunha dirección federal e de máis integración política e cultural, con menos presenza dos estados, o problema tería solución. E se moito falar de Europa, pero cada estado vai alí á rapina porqué non ir eles tamén. Se Eslovenia, Lituania ou Malta por que non nós? A resposta está a ser un pouco doméstica e simple: a Constitución di isto e estoutro e non hai nada de que falar. Neste punto estou máis coa posición de persoas solventes como Francisco Rubio Llorente, que din que cando o conxunto de cidadáns dun estado expresan unha reivindicación sostida no tempo e con visos de ser maioritaria cando menos hai que atendela e resolvela dalgún xeito.
A emerxencia do problema catalán en parte é produto dunha política algo cega do tempo de Jordi Pujol, que despois se acelerou nas épocas de Maragall e Montilla, e que se plasmou na mala xestión do novo Estatut, non só por eles, claro, tamén polas Cortes españolas e o Tribunal Constitucional. Hai tamén unha renuencia e incapacidade dos dous grandes partidos españois para dialogar co problema. O máis que se lles ocorre é dicir que non está admitido na Constitución, pero iso é unha resposta de mal pagador, cando en política todo é posíbel mentres sexa democrático e pacífico. Mesmo a proposta de facer unha consulta pode ter moitas arestas, sobre a pregunta concreta ou sobre as consecuencias dos resultados, pero iso ten que ser froito dunha negociación.
Aparentemente estamos nun camiño de recentralización, pero creo que na práctica vanse ter que reformular algúns aspectos da Constitución. A sensación que hai en Cataluña é de bastante fatiga, de estar sempre a repetir o mesmo e sentirse maltratados. Só é unha percepción subxectiva, e terá a importancia que teña, e probabelmente o caso vasco vaia noutra dirección e os casos galego ou valenciano tamén, pero estou convencido de que asunto non está pechado. E o PP e o PSOE actuais teñen que darlle unha resposta diferente.


Aínda que o seu protagonismo fose simbólico, Valentín Paz-Andrade foi un nacionalista galego que participou nas negociacións da transición da ditadura á democracia. O que se construíu naquel momento, en termos de soberanía, foise superando respecto a Europa sen que mudase a Constitución.

A idea de soberanía é política pero tamén cultural e tarda moito en ser mudada. Tamén é difícil que se asuma a idea de Europa. Somos europeístas pero non queremos admitir que Bruxelas tamén somos nós. É verdade que non hai soberanía única e excluínte, e iso vale para todos, en Europa e fóra de Europa. Sen os constituíntes saber de certo onde ían, o que querían era resolver un problema: non queremos volver aos tempos da República pero dalgún xeito queremos ser congruentes coa tradición republicana sen que sexa así explicitado. Por que senón hai unha vía diferente de acceso ás autonomías? Porque se recoñeceron en parte os plebiscitos autonómicos de antes da guerra.
Os constituíntes foron abondo ambiguos para conxurar unha ameza militar e involucionista e dar resposta a un desexo que traía toda a esquerda de resolver un problema que ás veces se formulaba como ?autodeterminación de los pueblos de España?. As propostas que se facían naquela altura eran moi maximalistas, sobre todo por parte do PSOE, porque o PC era máis prudente e pragmático. Sen que haxa que glorificalos, que non falamos dunha Biblia, os constituíntes tiveron mérito porque improvisaron dun xeito fecundo case para todas as forzas que participaron.
Hoxe é posíbel revisar iso? A Constitución ten un mecanismo de reforma moi complicado. As constitucións que non naceron de asembleas revolucionarias son irreformábeis, e ten que haber unha crise sistémica moi fonda para que haxa un período constituínte que sempre é un momento problemático. O modelo anglosaxón nese sentido é máis prudente porque permite ir emendando. No caso continental, en boa medida por influencia francesa, é máis difícil. En España a carta magna que máis durou, na Restauración, mudou coa República, e a da República, levouna a guerra por diante. A constitución que agora temos precisa consenso político para trocar, un consenso que eu agora non vexo, porque quen dea o primeiro paso está politicamente morto. Daquela todos calan.


Pero iso, para que se produzan mudanzas, empuxa a unha acción política no límite.

Efectivamente. Do mesmo xeito que, normalmente, o nacemento de novos estados non é un proceso pacífico, aínda que hai casos de veludo (Eslovaquia ou Noruega poden ser un exemplo). Hai procesos de descolonización, hai guerras que destrúen imperios, guerras civís, e iso crea estados novos ou fai máis grandes outros xa existentes. Hai que ser moi prudentes.

O tempo histórico xa estaba tomando unha grande velocidade, pero hoxe os cambios parece que se suceden mes a mes. Cal é a súa visión de futuro para un mundo político e económico internacional en crise?

O futuro morreu. Hoxe non poden facerse prognósticos. A planificación do futuro e consideralo dalgún xeito previsíbel foi a grande conquista da Ilustración. Condorcet, o revolucionario francés, escribiu un libro, denantes de ser guillotinado, con previsións para o ano 2040. O mundo faise moi grande pero temporalmente moi estreito, é unha liña moi delgada. Eu non estou en disposición de facer previsións, penso que todo o que se está dicindo da crise en Europa é só unha parte do problema. Estamos enleados no asunto da prima de risco, nos problemas financeiros... pero esta crise hai que vela en termos planetarios e isto hai que resolvelo vendo o que vai suceder na China, América do Sul, no Oriente Medio, no Sudoeste asiático ou nos propios Estados Unidos. Todas as crises anteriores foron resoltas por Europa pagando a factura outras áreas do planeta. Algunhas pagounas América, América do Sul sobre todo, cun sistema de intercambio desigual brutal en contra dos seus intereses. Outras pagáronas a India, a China cuns tratados onerosos que fixo Occidente desde finais do século XIX, ou pagounas África.
E agora non temos quen pague a factura. Este é o problema. Europa contribuíu a crear o mundo así e agora non pode dominalo, por iso dependemos de como evolucionan moitos países e áreas do planeta. Europa ten que cambiar a súa posición, empezando por saber cales son as súas fortalezas e vantaxes comparativas pero dicíndolle aos seus cidadáns que xa non pode ser como antes. Salvo que a China cambie a unha sociedade de benestar, con mellores condicións, con sindicatos, algo que podo desexar pero que non está no horizonte a poucos anos.
Todas as previsións que se fagan hoxe son moi limitadas no tempo e as que fixeron resultaron falidas. O que sucede desde a caída do Muro de Berlín non estaba escrito. A crise podíase prever, pero quen era o que dicía ?eu non dou créditos, non apoio a este promotor ou non fago esta especulación?, non o había porque os gobernos dimitiron da súa función, a política deixou a un lado o seu papel de salvagardar o control das normas sobre as que ten que actuar a sociedade. Agora a solución é difícil. Non vale repetir como un mantra iso de que ?temos que volver á senda de crecemento, que flúa o crédito e medre o emprego?. Flúa o crédito con cartos de quen e para facer que? Iso non está explicado e é querer volver a unha situación idílica que será irrepetíbel. Temos futuro pero será outro futuro. Imos por un túnel cara un val que non son quen de identificar e todo o que teño lido non me di que val será ese. Hai quen fala de investimentos públicos, outros de aumentar os axustes e baixar os salarios. Todas as propostas son difíciles pero o futuro está por escribir. Hai que confiar na intelixencia da especie humana e en todo caso na capacidade da ciencia e a investigación para resolver problemas prácticos que hoxe parecen insuperábeis, ter unha enerxía máis barata, unha conciencia medioambiental máis seria, poñerlle limitacións á especulación e as burbullas financeiras,...


Houbo épocas nos que a guerra era un instrumento máis desa saída das crises económicas. Debemos temela?

A guerra tiña un compoñente de reaxuste de economías e entre estados, tiña beneficiarios e perdedores. Guerras segue habendo, pero as que lle deron unha volta ao planeta foron as dúas guerras mundiais. E provocaron tamén coñecer os límites físicos da nosa propia materia e da supervivencia da especie, o que de momento nos disuade para unha nova conflagración masiva. Pode habelas doutra índole, guerras da auga, alimenticias, sanitarias,... O que está é cortada a guerra como se coñecía tradicionalmente. Hoxe nin sequera é entre combatentes, hoxe os civís son o 98% das vítimas dun conflito. En todo caso hai que pensar que en pouco máis de cen anos o planeta pasou de 1.000 a 7.000 millóns de habitantes, a nosa capacidade de dominar o planeta foi extraordinaria como especie, pero reclamo que temos que ter un límite, non podemos ser deuses sempre, temos que selo a tempo parcial porque senón isto se acaba. Pode ser un discurso fácil pero habería que concienciar ás sociedades occidentais de que non volveremos a ser como eramos, que temos que cambiar.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 03-03-2013 14:49
# Ligazón permanente a este artigo
Do ñ para o nh
Logo se aprende

Diego Bernal - Diário Liberdade - Publicado em Sexta, 01 Março


Numha conversa informal, ao balcom do madrileno Patio Maravillas, o professor Carlos Taibo contou-me como numha das suas aulas comprovou a dificuldade de ter um debate sereno sobre as línguas faladas no Estado espanhol. Com certeza, o ponto de consenso entre as diferentes partes pode ser o axioma: nom é fácil refletir sobre os conflitos lingüísticos sem esbarrar nos intensos sentimentos que as línguas geram em cada um de nós.

É por isso que gostei de ler umha recente entrevista ao presidente do Conselho da Cultura Galega onde reflexiona sobre o padrom lingüístico do galego de um jeito natural e descontraído, tranqüilo e enriquecedor.

Opina Ramom Vilares que embora fosse necessário assumir a decisom tomada em relaçom à padronizaçom do galego esta pode ser revista. Eis as palavras do historiador :

?Non se trata de que aquí falemos portugués, senón de termos unha especial sensibilidade ? co mundo da lingua portuguesa [ ?] Só pode abrirnos camiños porque o portugués non é só unha lingua mundial, senón que é oficial na Unión Europea e quen domine dúas linguas oficiais ten moitas máis oportunidades. Desaproveitamos ese recurso. Entendo ben porque se fixo, non só por moderación política, tamén por nacionalismo [?] Pero que iso fose así non quere dicir que non sexa revisábel e teñamos que facelo. Quizais esteamos agora no momento de reconsideralo.?

Sensibilidade, oportunidades e agora som três magníficos alicerces para endireitar o rumo do corriqueiro e visceral debate da questione della lingua. Por que no fundo, há alguém que duvide da necessidade de amplos consensos entre os defensores do idioma para a sobrevivência da comunidade lingüística galega?

Álvaro Cunqueiro dixo ?Um escritor que nom escuita jamais será um bom escritor?. Talvez seja o momento de escuitarmo-nos os uns aos outros para escrevermos melhor.

Do ñ para o nh intitulou Valentim Fagim um útil e bem sucedido manual de língua. Um bom começo poderia ser recuperarmos a proposta do já falecido escritor e também presidente do Conselho da Cultura Galega, Carlos Casares, de trocarmos o ?ñ? castelhano polo ?nh? galego-português. Do ñ para o nh, bom título e bom rumo, abofé.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 03-03-2013 14:37
# Ligazón permanente a este artigo
Noticia extraordinaria: xeórxicas do pan
Galaxia edita unha nova obra de Otero Pedrayo na que o autor insiste no mundo tradicional fronte ao moderno. Por iso, reivindica o humilde, representado polo pan centeo, e tamén a nobreza como clase dirixente social en lugar da burguesía capitalista. Crítica de X.M. Eyré.

Por GC Tendencias | Vigo | 03/03/2013


Título: Xeórxicas do pan
Autor: Ramón Otero Pedrayo
Editorial: Galaxia

Que a estas alturas do século XXI, máis de tres décadas despois o seu pasamento, apareza e se edite unha nova obra de don Ramón Otero Pedrayo, constitúe unha extraordinaria, unha excelente noticia. Que esta edición cadre cando a Fundación Penzol, depositaria do legado do de Trasalba, está a piques de celebrar os seus 50 anos, cae que nin pintado para ponderar, agradecer e enxalar o labor dunha das institucións basilares da cultura de nós. Que o autor sexa don Ramón Otero Pedrayo abre espazo para a revisión, actualiación e interpretación do corpus literario dun dos autores máis importantes e trascendentes da nosa historia cultural; cultural e non só literaria pois o significado da súa obra e figura ultrapasou os lindes fronteirizos da arte escrita; oxalá dea lugar a unha consistente socialización das mensaxes que don Ramón e a Xeración Nós nos deixaron. Que as Xeórxicas do pan sexa título literario non só engrandece o seu corpus literario senón que ademais o fai reforzando un xénero no que só contabamos cun título que parecía indicar o pouco afecto que o autor sentía pola súa obra poética: Bocarribeira. Versos para ler e queimar; o cal supón a revisión da relación da Xeración Nós coa poesía.

Si, á vista destas Xeórxicas do pan cabe moi ben reinterpretar ese enigmático versos para ler e queimar. Particularmente sempre fomos dos que creron que non era unha mensaxe literal senón simbólica. Que ese queimar é sinónimo de arder e se refire a que só os versos que les e che arden dentro teñen verdadeira importancia, pois é dese xeito que acadan eternidade e función social, alén das marxes literarias, ao se incorporar á vida do lector. Apoíase esta interpretación no feito de que toda a obra de don Ramón é un darse para explicarse e compartirse. Toda. A comunicación e compartimento da ardencia interirior, da intimidade máis íntima. Un concepto que así formulado se pode interpretar como ben moderno para o seu tempo, inclusive como vangardista.

Unha das razóns polas que pasa á historia a Xeración Nós é polo impulso que a narrativa deron, a un xénero pouco desenvolto nas nosas letras, impulso que non se pode desvincular do traballo que as Irmandades da Fala desenvolveron. E ese impulso conlevou tamén o aggiornamento, poñer a narrativa que agromaba en contacto directo co que fóra das nosas fronteiras se facía. En tanto desatendía a poesía. Porén estes máis de dous mil versos que agora ven a luz na Editorial Galaxia obrigan a reformular esa relación coa poesía. Tirada de máis de dous mil hendecasílabos brancos que se nos ofrecen en tres versións. A estendida, a curta e a intermedia. Máis de dous mil versos; tres versións; un autor que, contra a fama que o cualificou para a posteridae, tiña un moito máis frecuente contacto coa poesía do que parecía e como esta longa tirada de versos demostran. Sen dúbida tratouse dun proxecto moi querido polo autor, pois investiu moito, moito tempo e traballo na súa confección. Porque, logo, ficou inédito? Posiblemente Otero tivera peor concepto de si mesmo como poeta do que en realidade é ou era. Ou que o clasicismo dos seus versos o botara para atrás, nunha hora en que a poesía tendía precisamente a desfacerse das ataduras clásicas. O de Trasalba sempre foi un autor moi condicionado polo mundo clásico, aínda que, curiosamente, chegara o mellor de si mesmo xusto cando era quen de ceibarse desas ataduras, na nosa opinión. Para o que cómpre unha dose de decisión que neste caso non o acompañou.

Cal das tres versións sería a final? Será establecelo, mais sei é posíbel. A curta deixaría a imaxe dun Otero máis moderno, dun texto máis puído e máis respectuoso co modelo das Xeorxicas de Virxilio, como ben advirte Silvia penas en palabras prologares. A estendida parece acompañar mellor esa imaxe oteriana de autor que non adoitaba revisar moito os seus textos, ao que a literatura lle saía a borbollóns, polo que a curta cadraría moi ben con ese proxecto querido que antes mentamos. E cabe a posibilidade de que a curta fora o esquema, a estrutura que posteriormente iría enchendo, o cal o orbigaría a modificar en certa maneira o seu método de traballo.

O Otero Pedrayo que nas Xeórxicas do pan se nos amosa non difire do que coñecemos. Un autor de verbalidade prodixiosa, o cal equivale a grande coñecimento du mundo certamente complexo, de verbalidade incontida, dunha verbalidade que ten moito que ver coa orixe e forma dos seus textos. O os imbolismos que o caracterizan están presentes, como non podía ser menos. Os simbolismos e o telurismo, pois non se entenden cabalmente os seus texto sen esa dimensión telúrica, cósmica, total, entre a terra e o ceo o home e as súas angueiras. Polo cal estimaba en moito a vida máis apegada á terra, a vida labrega a vida en contacto coa terra. Desde o cal tamén se explica ben a insatisfacción cun presente (e futuro que se albisca) ligado á tecnificación, a cidade e desapego da terra que porpón a burguesía/capitalismo imperante. Curiosamente, moi curiosamente, esta loita contra o desapego dá lugar á reivindicación de dous aspectos normalmente antitéticos: por un lado a reivindicación do humilde ( neste caso o pan centeo) e por outro lado a reivindicación da nobreza como dirixente social en lugar da burguesía capitalista.

A súa vez, estas Xeórxicas do pan tamén obrigan á reformulación da influencia de Virxilio na poesía galega, que conta con afortunadas reinterpretacións e tamén con seguidores moi fieis da impronta orixinal.

Sempre subsistirá o feito de que estamos a falar dunha obra inédita, unha obra que non temos constancia de que quixera publicar. Sempre haberá que telo moi en conta. Porén a nosa historia literaria é outra despois da aparición destasXeórxicas do pan. Polo cal cómpre felicitar moi sincera e sentidamente o equipo da UVigo que o profesor Manuel Forcadela dirixiu, integrado por Silvia Penas e Ana Belén Crespo, responsábeis da dixitalización das máis de 5.000 páxinas comprendidas nas 49 axendas e cadernos que a Fundación Penzol garda.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 03-03-2013 14:34
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0