Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Chegan os disparatados monólogos de "Alberte Contador"
Combinando retranca e absurdo, o actor Alberte Montes fala no seu novo espectáculo da dopaxe, "da que hai no ciclismo e a que hai en San Fermín". A xira galega, con dez "etapas", comeza o día 14 en Ourense. Vídeo no interior.

Por GC Tendencias | Monforte | 12/03/2013


O actor e cómico galego-catalán Alberte Montes comeza esta semana unha xira por todo o país. Montes é coñecido polas súas colaboracións coa produtora El Terrat de Buenafuente e máis recentemente co programa Tourilandia emitido pola TVG.

Cun estilo moi teatral, disparatado e retranqueiro, Montes mestura no seu espectáculo reflexións sobre a forma de ser dos galegos e comentarios sobre a actualidade máis quente.

Por exemplo, no novo espectáculo chámase "Alberte Contador", o artista fala de "ciclismo, das sestas que bota vendo o Tour" pero tamén "da dopaxe, a que hai no ciclismo e a que hai en San Fermín". Alberte Montes promete máis dunha hora dunha actuación "disparatada e tola".

O cómico estará o día 14 en Ourense, o 15 en Lugo, o 19 en Compostela, o 20 na Coruña, o 21 en Arteixo, o 22 no Barco, o 23 na Rúa, o 27 e o 29 en Vigo e o día 30 remata na Laracha. Os horarios e locais das actuacións pódense consultar na páxina de Hermanager Producións.

Velaquí un recente monólogo na Solaina, programa da TVG:
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 13-03-2013 10:05
# Ligazón permanente a este artigo
Colectivos pola lingua sinalan Galiza como "o banco de probas" de Wert para españolizar o ensino
Asociacións en defensa da lingua de Catalunya, Euskal Herría e do noso País xúntanse coa oposición no Congreso d@s deputad@s para lles transladar o seu rexeitamento á LOMCE e ao "ataque" contra as linguas propias que carrexa. Cadran ao identificar as políticas "de erradicación" emprendidas por Feijóo desde a Xunta como o espello en que se mirou o ministro español

Sermos Galiza


Galiza foi "o banco de probas" para a implantación da LOMCE. Cadran nesta idea as asociacións pola defensa da lingua A Mesa (Galiza), Kontseilua (Euskal Herria) e Ciemen (Catalunya) no encontro que manteron esta terza feira en Madrid con forzas políticas da oposición con representación no Congreso d@s deputad@s para lles mostrar o seu rexeitamento ao "ataque" contra as linguas propias que supón a (contra)reforma educativa do ministerio de Educación.

Así as cousas, as tres organizacións en defensa da lingua valoraron como "moi positivo" o paso á fronte que deron a un tempo as tres nacións en prol dos seus dereitos lingüísticos nun momento de "agresións" á pluralidade lingüística.

Dixo o representante da Mesa, Carlos Callón, que tanto os dous colectivos sociais como as forzas parlamentares de Euskal Herria e Catalunya manifestaran o seu interese pola situación do galego na Galiza, toda vez que descoñecían "que está prohibido impartir determinadas materias na lingua propia", como matemáticas, física e química. Non sabían tampouco que a Xunta ordenou destruír 190 mil libros de texto "por estaren escritos en galego".

Un "ataque central" contra a autodeterminación dos pobos

Ao se tratar a LOMCE dunha lei orgánica son os grupos parlamentares quen ten facultade para a recorrer. Por isto se iniciou esta rolda de contactos en que o representante de Kontseilua, Paul Bilbao, pola súa banda, cualificou a norma como "un ataque central ás linguas minorizadas como a vasca" que vén botar por terra o traballo que os colectivos sociais levan facendo "nas últimas décadas" para garantir "que se poida vivir en euskera". Subliñou Bilbao que coñecer a lingua propia "é un dereito que non se pode obviar" concedendo maior importancia a materias como a relixión que aos idiomas dos territorios, e queixouse de que a LOMCE "acurruncha máis aínda as nosas linguas e os seus falantes".

Desde Catalunya, a representante do Centre Internacional Escarré per a les Minories Ètniques i les Nacions, Maria Areny, deixou claro que "nós non poderiamos estar máis en contra" da 'lei Wert' porque "choca frontalmente" contra a lei de educación catalana e contra varias sentenzas ditadas polo Tribunal Supremo que "apoiaron a aprendizaxe simultánea de dúas linguas" nos centros de ensino públicos do país. Achacou o texto do ministro español a "unha tentativa de recentralización" e de ir en contra "da autodeterminación dos pobos", tentativa que se agocha non só detrás das políticas educativas senón tamén noutras como as sanitarias "e até respecto da policía autonómica".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 13-03-2013 10:03
# Ligazón permanente a este artigo
A Galicia negra dos 80 baixo o cometa Halley
Redacción Praza Pública | @prazapublica


Galicia dos anos 80. Nalgunha vila do interior. Os comezos dunha corrupción que agora nos é moi familiar. O narcotráfico amplíase cada vez máis e máis, tecendo unha rede que cobre cada palmo de terreo. E no ceo, entre as estrelas, o cometa Halley atravesa a negrura da noite, entre presaxios e vaticinios. Ese é o pano de fondo escollido polo ilustrador Miguel Fernández e o xornalista Manolo López Poy para a súa nova novela gráfica conxunta publicada por Demo Editora: Os días do cometa. ?A obra está ambientada nos oitenta, cando o Halley sobrevoa Galicia. Ese é un momento de predicións catastrofistas e en medio dese ambiente, prodúcense unha serie de axustes de conta?, resume a obra Manuel Poy, quen subliña que o cómic transita polas claves habituais do xénero negro.

Un xénero no que os dous autores xa furaran no seu anterior traballo, O fillo da furia. Naquel traballo, realizábase un retrato de Mamed Casanova, bandoleiro galego de comezos do século XX coñecido co seudónimo de Toribio. Un personaxe singular do imaxinario colectivo daquela época do que Ramón María del Valle-Inclán chegou a dicir que era ?fermoso como un bastardo de Cesar Borgia?. ?No retrato de Mamed Casanova nada delata o asasino. O seu rostro mesmo pode ser dun monxe penitente ou dun fidalgo sombrío. Casanova matou sempre sen saña, con frialdade, como matan os homes que desprezan a vida e que, sen dúbida, por iso non miran como un crime dar a morte?, explicaba o escritor de Luces de bohemia.

Ese era o retrato que trazou Valle Inclán do bandoleiro e esa foi a historia que quixeron retratar en 2010 Manuel Poy e Miguel Fernández. Nesa primeira obra, xa se albiscaban unha serie de características do xénero policial. En branco e negro, narraron e debuxaron a historia do bandoleiro empregando as mesmas claves nas que agora afondan n'Os días do cometa. Dalgún xeito, é unha continuidade do álbum do bandoleiro. Se n'O fillo da furia abordaban a violencia de comezos do século XX; agora, nesta nova obra, mergúllanse noutra violencia diferente, a propia dos anos oitenta. O país é o mesmo, aínda que mudou entre un momento histórico e outro. A violencia, seguramente, é a mesma, aínda que as súas formas son diferentes. E o estilo gráfico e o deseño son semellantes, pero evolucionan a un estado maduro. ?Agora empregamos o mesmo estilo que daquela, cun branco e negro ben definido, aínda que máis rotundo, sen espazo para os grises. En realidade, é unha evolución, un paso máis nesa estética, pero sacándolle punta?, explica o debuxante Miguel Fernández. ?Hai unha evolución o debuxo, pero mantendo as claves do xénero negro. Quizais, un xénero máis concreto máis propio: o negro-rural?, engade Manuel López Poy.

Daqueles ventos...

A historia d'Os días do cometa transcorre baixo o ceo atravesado polo Haley. Na terra, lonxe dos astros, o territorio está cruzado por unha corrupción incipiente, polo narcotráfico, por un momento tamén de crise. ?Todo iso configura o pano de fondo, son pinceladas?, insiste en matizar López Poy. O importante, a esencia, está noutra parte. Xira ao redor de catro amigos da infancia con roles ben diferentes, pero que conflúen nunha espiral de corrupción e droga que, finalmente, os leva a un desenlace rotundo. ?O importante son as vivencias dese grupo, deses personaxes. O resto? Son pinceladas, son lufadas dese tempo e das circunstancias daquela época. En certo xeito, deixamos ver as cousas que acontecían por aquela época, que teñen moito que ver co que vivimos nestes momentos. Vaia, podemos dicir que 'daqueles ventos, veñen estas treboadas?, reflexiona Manolo Poy.

Ademais, na historia hai certo fondo persoal en canto o ambiente. ?Non hai conexións con feitos reais, é todo ficticio, pero o espazo no que se desenvolve a trama ben podería ser calquera vila rural da época. Eu son de Sarria e Miguel de Baralla e vivimos eses tempos?, explica Manolo. ?Ese ambiente é parte do noso imaxinario, da nosa infancia. Daquela eramos nenos?, lembra Miguel, quen tamén destaca o traballo de documentación e diversos referentes da realidade para concederlle a obra maior verosimilitude. Nesa liña, o debuxante explica que se pode ver o xornalista, xa falecido, Luís Mariñas como exemplo deses referentes.

Antes de ser novela gráfica, Os días do cometa naceu como un relato. ?Escribírao a comezos dos noventa. Era un relato breve no que se falaba dese grupo de amigos, nese ambiente rural e con trazos propios da época. Lembro que había nel detalles dese momento, como o referendo da OTAN ou o paso do cometa Halley. Ao final, no momento que pasou a ser banda deseñada, quedei co cometa, parecíame un bo referente e, ademais, viña acompañado polos presaxios. Decidín que podía ser unha boa guía para un ambiente de tolemia colectiva e catastrofista?, conclúe López Poy.

Con esa guía como punto de partida, na novela gráfica xérase unha fría escenografía, nada nostálxica. Os días do cometa contén, ademais, todos os elementos necesarios para construír unha auténtica crónica negra que vén reforzada pola experiencia xornalística do seu guionista e o gusto polo xénero policial de ambos os dous autores.

Presentación en Komic
O lanzamento d'Os días do cometa coincidirá coa publicación da segunda edición do seu anterior traballo en Demo Editora: Mamed Casanova: O fillo da furia

A obra sairá á venda o próximo 20 de marzo. Dous días despois, o venres 22, a libraría Komic de Santiago acollerá a primeira das presentacións. Acto seguido, Demo Editora ten previsto iniciar unha xira por outras localidades galegas en abril. O lanzamento d'Os días do cometa coincidirá coa publicación da segunda edición do seu anterior traballo en Demo Editora: Mamed Casanova: O fillo da furia, que xa foi traducido ao castelán por Diábolo Ediciones e a propia Demo Editora. A obra recrea a biografía do dito bandoleiro, natural de Ortigueira e perseguido pola Garda Civil nos primeiros anos do século XX. Un antiheroe contra o sistema da súa época, que foi protagonista dos xornais e que acabou no esquecemento colectivo.

Os autores


Manolo López Poy. É de Sarria (Lugo); marchou a Madrid a estudar xornalismo, e alí exerceu durante moitos anos ese oficio. Despois viñeron xornais, radios e televisións en Andalucía, Galicia e Cataluña. Ultimamente traballa como periodista freelance para revistas de música, viaxes e motor. É director do documental La frontera de papel: cinco historias de nostalgia y esperanza. Publicou o libro Camino a la libertad: historia social del blues, codirixe o programa de radio Bad Music Blues. Dá conferencias sobre novela negra, cómic e cultura da discapacidade.

Miguel Fernández Vázquez. Nacido en Baralla (Lugo), estudou deseño gráfico na Escola de Artes Aplicadas Ramón Falcón, de Lugo, ademais de realización de audiovisuais na Escuela Superior de Imagen y Sonido CES (Madrid), e cinema de animación e debuxos animados na ECAM (Escuela de Cinematografía y del Audiovisual de la Comunidad de Madrid). Colaborou na realización da curtametraxe de animación en 2D Teatro mágico. Traballou para Animagic Studio nos filmes Los tres Reyes Magos, O Cid e Jester Till. No ano 2004 acadou o premio ao mellor cómic de xénero negro na sexta edición do Festival Internacional de Cinema Negre de Manresa.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 13-03-2013 10:01
# Ligazón permanente a este artigo
Jesús Vázquez atrinchéirase no seu decreto e proclama a "normalidade lingüística"
David Lombao - Praza Pública | @davidlombao


"Abandonar a confrontación" asumindo a política lingüística da Xunta. A proposta que xa lle lanzara o presidente da Xunta ao BNG esténdea agora o conselleiro de Educación ao conxunto da oposición parlamentaria. Jesús Vázquez acudiu este martes ao Parlamento para explicar as liñas de actuación da súa consellería nesta lexislatura e, de paso, proclamar a recuperación do "clima de normalidade lingüística" sobre o piar do denominado decreto do plurilingüismo, ilegalizado parcialmente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en oito sentenzas que, segundo o conselleiro, "reforzan" o seu texto. Por ese motivo, insiste, PSdeG, AGE e Bloque débense sumar á normativa do Goberno, argumenta.

Nunha comparencia na que, como en intervencións anteriores, non figurou a verba "normalización" -xa desbotada polo anterior secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo-, Vázquez "reitera a defensa" do decreto porque "lle devolveu á sociedade a cordialidade e o consenso" a respecto do idioma. "Non o dicimos nós, dixérono a maioría dos galegos cando nas eleccións escolleron ao PP", sentenza. Ademais, abonda, as sentenzas do TSXG "ratifican o 95%" do texto. Polo tanto, nada que mudar, vén dicir.

Non obstante, e malia dar por avalado o decreto, Vázquez advirte de que "o prazo" para presentar un recurso de casación no Tribunal Supremo contra as sentenzas do TSXG "remata ás 15 horas do día 15". "Non foi a Xunta a que levou o decreto aos tribunais" e "foron vostedes os que rexeitaron os intentos de chegar a acordos", reprochoulle ao conxunto da oposición. Neste contexto, o conselleiro deixa caer a proposta que xa explicitara o presidente; non haberá recurso se PSdeG, AGE e BNG asumen os plans lingüísticos do PP.

"Son o primeiro goberno que recorre aos tribunais en contra da súa propia lingua", reprochoulle dende o BNG Cosme Pombo, quen lembra ademais o recorte orzamentario reiterado que veñen sufrindo os programas de fomento do galego. O Goberno de Fraga, lembra, "dedicáballes o triplo do que se lles dedica hoxe en día". "Nós non impugnamos o decreto, é a Real Academia Galega a que recorre a un tribunal que vostedes tildan de españolista", retrucoulle Vázquez, quen insiste en que "a maioría dos galegos" está a prol do decreto. Sobre esta base, di, a Xunta realizará unha "política lingüística sobre a lingua como elemento identitario", cunha "dinamización" no "marco do máis absoluto respecto á convivencia" e mesmo, afirma, seguindo o Plan Xeral de Normalización. Pero, haberá recurso? A resposta, semella, ás 15 horas do día 15.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 13-03-2013 09:57
# Ligazón permanente a este artigo
O mundo das literaturas galega, éuscara e catalá rebélase contra a españolización do ensino
As Asociacións de Escritores e Escritoras en linguas galega, éuscara e catalá opóñense á aplicación da LOMCE por supor unha ?falta de respecto ás linguas e culturas nacionais? do Estado español. Mediante unha nota de imprensa conxunta a través da Federación Galeusca, as tres asociacións reivindican o espazo para as linguas nacionais no ensino.

REDACCIÓN SERMOS GALIZA


O mundo da literatura das tres nacións asinan de maneira conxunta un comunicado en que mostra a súa ?preocupación ante o reforzo intencionado da vontade política de restar status educativo aos idiomas galego, éuscaro e catalán?. Denuncian que as tres linguas nacionais ?deixan de estar en pé de igualdade co castelán como materias troncais, que si manteñen a lingua castelá e a primeira lingua estranxeira, para pasar a ter a mesma consideración que unha segunda lingua estranxeira, nunha posición xerárquica inferior á que se lle concede á materia de Relixión?.

As tres asociacións, reunidas na Federación de Asociacións de Escritores Galeusca, sinalan que o segundo anteproxecto da LOMCE foi aínda a peor e supón ?non só a falta de respecto ás linguas e culturas nacionais do Estado español, senón o desprezo que lles merecen aos seus redactores, pondo en evidencia a súa obsesión por, como recoñeceron, españolizar a infancia e a mocidade dos nosos territorios nacionais?
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 12-03-2013 09:15
# Ligazón permanente a este artigo
Ferrín impón a súa posición na RAG antes de deixar a Presidencia
A Real Academia recorre ante o Supremo o decreto do plurilingüismo pedindo a súa "anulación total". Con todo, queda aberta a posibilidade de retirar os recursos de Xunta e RAG no futuro.

Por Xurxo Salgado - Galicia Confidencial | A Coruña |11/03/2013


"Algúns académicos, unidos a persoas externas, fixéronme sentir que non teño sitio na RAG". Este foi un dos argumentos que deu o aínda presidente da RAG, Xosé Luis Méndez Ferrín, ao dimitir deste cargo. A advertencia ía dirixida a algúns académicos que, previamente, o secretario desta institución, Xosé Luís Axeitos, vinculaba co ILGA e co Consello da Cultura Galega.

Estas supostas presións que denuncia Ferrín estaban vinculadas, precisamente, co recurso que a RAG fixo contra o decreto de plurilingüismo e que, derivaron, despois, en críticas a súa xestión e, sobre todo, na publicación de varias informacións nas que se daban conta da vinculación laboral de varios dos seus achegados coa RAG. e que o aínda presidente cre que tivo o respaldo de "xente de dentro".

Acordo

Pero, finalmente, a decisión de recorrer ante o Tribunal Supremo o decreto da Xunta sigue adiante. "Logo do seu anuncio de marchar ninguén quixo poñerlle trancas no camiño", apuntan fontes consultadas por GC coñecedoras de todo o que acontece na RAG. "Ningún dos académicos quere, agora, que se dea a sensación que houbo un veto a esta decisión e, precisamente, para invalidar esas insinuacións que fixo tanto el como o propio Axeitos", sinalan.

Con todo, o órdago que lanzou o propio Ferrin aínda non rematou. Conseguiu, finalmente, o seu principal obxectivo, que era recorrer o decreto e, evitar así, que a Xunta puidera convencer aos académicos de que cambiaran de opinión e se fora pola "vía do diálogo".

Diálogo

Tal e como informou GC a pasada semana, hai meses que destacados dirixentes do Goberno galego, incluído o propio Núñez Feijóo, estaban tentando buscar unha solución "pacífica" á xudicialización do decreto do galego. A ofensiva de denuncias contra este decreto e, sobre todo, que a xustiza decidira admitir algúns deles, provocou unha reflexión na cúpula do Goberno galego e, principalmente, na Consellería de Cultura.

Por iso, altos cargos da Xunta mantiveron conversas con representantes do mundo da cultura en Galicia, nomeadamente, de entidades representativas como a RAG e o Consello da Cultura Galega (CCG) para tentar buscar unha postura "consensuada" e evitar a xudicialización do decreto. Pero, finalmente, non houbo acordo. O anuncio feito este luns por Ferrín, a quen acompañou a cúpula da RAG, dá a entender que, finalmente, o decreto do galego xudicializarase.

Recurso

Finalmente, a RAG presentou un recurso de casación ante o Tribunal Supremo contra o decreto do plurilingüismo no que pide a súa "anulación total", despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulase algúns dos seus apartados.

A Academia estivo a esperar, segundo Ferrín, até esgotar o prazo para presentar o recurso, unha "reacción" por parte da Administración autonómica. Ao fío diso, dixo que, ao non existir "diálogo", víronse "obrigados" a presentar o recurso contra un decreto "que se afasta do mandato normalizador", recalcou.

O acordo da RAG foi "por unanimidade". A RAG presentou o recurso o pasado 4 de marzo, despois de que a Xunta de Galicia fixera, con data 14 de decembro de 2012, un escrito de preparación de casación, que ratificou sete días despois.

Retirada do recurso

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, confirmaba a pasada semana que a Xunta acudiu ao TS para presentar un "posible" recurso de casación polas sentenzas contrarias ao decreto emitidas polo TSXG. En todo caso, deixaba claro que, polo momento "non hai nada decidido" e que, aínda que o presentaran, tamén o poden retirar "en calquera momento".

E é que, tanto na Xunta, como na RAG hai quen conserva aínda esperanzas de que a situación se poida reconducir tras a marcha de Ferrín da Presidencia da academia. Nas xuntanzas que se mantivo ao máximo nivel entre dirixentes da Xunta e académicos da RAG deixouse a posibilidade de retirar os recursos "se se chegaba a algunha solución que satisfaga a todas as partes", confirman a GC as fontes consultadas.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 11-03-2013 17:40
# Ligazón permanente a este artigo
A RAG recorre ao Supremo a sentenza do TSXG e pide a "anulación total" do decreto
Miguel Pardo - Praza Pública | @depunteirolo


Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega (RAG), anunciou este luns a presentación o pasado 4 de marzo dun recurso de casación ante o Tribunal Supremo contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) contra o decreto do plurilingüismo e no que pide a "anulación total" da polémica norma "da discordia". A institución aclara, no entanto, que "non é un organismo litigante" e advirte de que "se retirará o recurso" se a Xunta "abre un proceso de diálogo, se compromete a cambiar de rumbo e volve ao consenso".

"Pero non hai sinais de que así sexa", insistiu Ferrín. Por iso, a RAG acode ao Supremo e presenta un recurso que, tal e como o presidente da Academia asegura, "ten moitas posibilidades" de saír adiante e de "imprimirlle un novo rumbo á política cultura en Galicia".

Así, e logo de que o ditame do TSXG tan só estimase en parte o recurso presentado pola RAG contra o decreto -eliminou a polémica consulta ás familias e a posibilidade dos rapaces de usar a lingua que desexen nas aulas-, a centenaria institución decide agora dar un paso máis despois de que, tal e como xustifica, "a Xunta impedise que a Academia cumprira a súa función e participara no proceso de elaboración do decreto".

Segundo aclarou Ferrín, a RAG solicitoulle ao Goberno galego, xa antes da elaboración do decreto, "poder exercer as súas funcións intitucionais de defensa e promoción do idioma galego" emitindo o correspondente informe preceptivo e non vinculante, ademais de reclamarlle que "se actuase co maior grao de acordo posible, recuperando consensos anteriores acadados no Parlamento de Galicia por unanimidade". "Pero a Xunta, infelizmente, impediu que a Academia cumprise a súa función e obrigounos a reivindicar do xeito legal e democraticamente establecido a defensa do idioma, que é a única razón de ser desta casa", engadiu. "Hai xente que se escandalizaría se esfarelase o Pórtico da Gloria, pero vale máis o idioma que o Pórtico", manifestou.

Ademais, Ferrín recordou que a situación de lingua galega "é de inferioridade" e que precisa unha "discriminación positiva" que non se dá. "A ninguén se lle pode escapar que o sistema educativo é decisivo para asegurar un bo coñecemento do noso idioma e favorecer así a súa recuperación e normalización, así como a volta a moitos ámbitos aos que aínda non retornou", engadiu, tras aclarar que o decreto recorrido "é retrógrado e un paso atrás" ao "afastarse do mandato normalizador". Ao mesmo tempo, lembrou que a posición da RAG contraria ao decreto e reclamando a súa eliminación e a volta ao consenso "é a mesma que a de toda a oposición política no Parlamento". "A Academia ten o dereito e a obriga de opinar sobre a lingua e defendela", insistiu.

Todas estas razóns foron esgrimidas polo presidente da RAG para xustificiar a presentación dun recurso que, segundo aclarou o secretario da Academia, Xosé Luís Axeitos, foi aprobada "por unanimidade" polos seus membros, xa que desde o primeiro momento a institución aclarou publicamente, e tamén nos seus plenarios, "que chegaría até as últimas instancias" para opoñerse ao polémico decreto. "A doutrina da RAG atópase na análise académica feita sobre as bases para o decreto", engadiu, en referencia ao informe no que a institución recollía a súa posición sobre a norma en xaneiro de 2010.

En canto ao feito de que a RAG presentase o recurso antes de saber se a Xunta finalmente tamén chegará ao Supremo, a institución aclarou que o prazo de presentación do devandito recurso remataba "o día 4" para a Academia, aínda que o Goberno galego ten até finais desta semana para decidirse.

"A Xunta xa se personou dúas veces e presentou un escrito de preparación de casación o 14 de decembro que foi ratificado o 21 do mesmo mes; iso xa é presentar o recurso", aclarou Ferrín, que recordou tamén que a Administración "tampouco abriu posibilidade ningunha de modificar o decreto para que sirva realmente para a normalización do idioma", o que "obrigou a Academia" a recorrer. "A RAG só se conformaría coa volta ao consenso do Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado polo Parlamento", reamtou Manuel González, membro numerario da Academia.

Ferrín acusou de "deslealdade" aos membros da Academia que "filtran" os temas a abordar no plenario do vindeiro mércores

Ademais, Méndez Ferrín non quixo responder cando foi preguntado sobre os temas a tratar no plenario do vindeiro mércores, entre os que se atopa o protocolo para as contratacións no organismo, así como a presentación da súa dimisión. "As ordes do día son segredas e cando se filtran as cousas é que hai deslealdades e metémonos nas cloacas", asegurou.

Malia que Ferrín anunciou a súa dimisión, o pasado sábado deixou aberta a porta a unha posible marcha atrás ao asegurar que "sempre se pode cambiar de opinión". O escritor, xornalista e académico, Manuel Rivas, xa anunciou tamén que pedirá a palabra na xuntanza do mércores para solicitar ao actual presidente que "reconsidere a súa postura".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 11-03-2013 17:38
# Ligazón permanente a este artigo
Espazos para falar - Muxía
Actividade subvencionada pola Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra.

Os datos publicados neste percurso por Muxía son provisionais. Oportunamente avisarase das modificacións que puidesen ter lugar.


Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 09-03-2013 18:23
# Ligazón permanente a este artigo
Espazos para falar - Porto
Actividade subvencionada pola Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra.



Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 08-03-2013 12:11
# Ligazón permanente a este artigo
Sociedade Cultural Medulio: Cabaret Ferreiro no Torrente

Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 07-03-2013 09:29
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0