Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Consúmase a demisión de Ferrín, que ve a RAG "en perigo"
Xosé Luis Méndez Ferrín consumou nesta cuarta feira a súa demisión como presidente da Real Academia Galega. Ao saír do Pleno, perante a imprensa, afirmou que a institución está "en perigo" e que se acha ameazada "interna e externamente" polo que cualificou como "forzas intransixentes" contrarias á normalización da lingua galega. Pide "ao pobo galego" que defenda a RAG das "ameazas" que, afirma, penden sobre dela. A crise da RAG, lonxe de remitir, agrávase.

Sermos Galiza


Após días de tirapuxas, de arres e xos, Xosé Luis Méndez Ferrín vén de consumar nesta cuarta feira a súa demisión oficial como presidente da RAG. Unha decisión que toma coa advertencia de que a institución "está en perigo". O escritor di que abandona para se situar "na miña paisaxe nativa, organizacións nacionalistas e de esquerdas". Pide "ao pobo galego" que defenda a RAG das "ameazas" que, afirma, penden sobre dela

Ferrín consuma a súa demisión desouvindo a voz de quen, con Manuel Rivas á cabeza, lle pedía que continuase. Dá toda a impresión de que na súa decisión pesa máis o conflito interno desatado na institución do que calquer consideración relativa ás acusacións de nepotismo que se deitaron contra a súa persoa e que el nunca quixo esclarecer. Esta segunda feira, na conferencia de imprensa en que informou sobre a presentación do recurso ante o Supremo contra o decreto do plurilingüísmo, verbalizouno con toda crueza ao se referir en termos moi duros á filtración á imprensa da orde do día do plenario que se realizou esta tarde. Falou de "deslealdades" e "sumidoiros", en alusión ao sector da RAG, o nucleado arredor de Henrique Monteagudo e Ramón Villares, co que mantivo un xordo confronto que findou por saír á luz.

O conflito non tiña recondución posíbel. Ferrín vaise deitando unha grave acusación, "a institución está en perigo", mas faino sen explicitar quen a ameaza, sen precisar a que forzas internas e externas se refire, embora se poda inferir que se refire quer a Xunta de Galiza quer ao sector de académic@s que pertencen tamén ao ILG e a Consello da Cultura Galega e aos que o secretario da institución, Xosé Luís Axeitos, acusou de quereren colonizar a corporación.

O ton das declaracións de Ferrín á saída do plenario sorprenderon mesmo a algúns dos académicos que afirmaban que a xuntanza se desenvolvera "con normalidade". Segundo estas fontes, Ferrín tería lido o seu escrito de demisión e rexeitado a petición de varios académicos que terciaron en que continuara na institución. O até agora presidente reiterou a súa vontade de abandoar a Academia nun pleno no que se presentaron as contas -que foron ao tempo publicadas na web- da Academia e que, segundo algúns dos asistentes, transcorriu con tranquilidade.

Apartir de agora ábrese un proceso eleitoral de desenlace máis que incerto.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 14-03-2013 17:43
# Ligazón permanente a este artigo
A Xunta non recorrerá o decreto ante o Supremo
O único recurso ante a máxima instancia sobre o decreto do plurilingüismo será o formulado pola RAG. A Xunta anunciou esta quinta feira que non vai apelar ante o Supremo. A incógnita radica agora en saber se a Xunta abrirá unha negociación coa Academia para esta retirar o seu recurso.

Sermos Galiza


O presidente do executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que non recorrerá as sentenzas do TSXG sob o decreto do plurilingüismo perante o Tribunal Supremo. Neste senso, o líder d@s populares valorou que a norma continúa en vigor, expurgados os artigos no seu día declarados ilegais polo TSXG. Aliás, adiantou que manterán as consultas ás familias malia que estas, dixo, non sexan vinculantes.

Así, Feijóo indicou que o fallo do TSXG non impide a consulta ás familias, senón que "esa consulta produza efectos legais". O presidente indicou, iso si, que "para esta Xunta" a opinión dos pais e nais vai ser "determinante".

"Sacar a pugna política das aulas en torno ao galego"

É mais, Núñez Feijóo reiterou, nunha liña que mantén desde a publicación da sentencia, que o fallo do TSXG "avala e blinda o decreto de plurilingüismo" pois, engade "dá o visto bo ao 95% do mesmo". E no que atinxe o 5% restante, indicou o presidente autonómico, "asumimos o que di malia non o compartir". Feijóo insistíu en que manterán a consulta aos pais e nais dos alumnos e que o que opinen vai ser "determinante" mais non vinculante legalmente, pois iso foi o quer tumbou o TSXG.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza considerou non axustados a dereito o artigo en que se regula a consulta dos pais (é obriga da Administración galega, non delegábel, a fixación da lingua vehicular no ensino) e aquel no que se permitía que @s alun@s se expresasen nas aulas na lingua da súa preferencia (por considerar que tamén debe ser a Administración educativa a que estabeleza en que idioma deben utilizar, por escrito e oralmente, @s estue nais dantes).

RAG

A Real Academia Galega anunciou esta segunda feira a apresentación dun recurso contra a sentenza do TSXG, embora estimase parcialmente a súa demanda previa, por considerar que o decreto debe ser anulado na súa totalidade.

A RAG mostrou a súa disposición ao diálogo coa Xunta, sempre desde a pespectiva de o goberno galego voltar ao consenso alcanzado en 2004 no Parlamento galego cando PP, PSde-G e BNG pactaran o Plano de Normalización Lingüística.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 14-03-2013 17:41
# Ligazón permanente a este artigo
A Xunta non recorrerá as sentenzas do decreto pero manterá as enquisas ás familias
David Lombao - Praza Pública | @davidlombao


A Xunta asume as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que ilegalizan parcialmente o decreto do plurilingüismo. Máis ou menos. Tras a reunión semanal do Goberno galego o presidente, Alberto Núñez Feijóo, anunciaba que o seu gabinete viña de tomar unha decisión "coherente e consecuente" tras analizar "os fallos do TSXG e un informe da Asesoría Xurídica da Comunidade Autónoma". Non presentará un recurso de casación ante o Tribunal Supremo contra eses ditames porque o alto tribunal "avalou a legalidade" do "95% do decreto" e os seus principios inspiradores, asegura, tales como "o equilibrio entre galego e castelań" ou "que por primeira vez se introduza o plurilingüismo" nas aulas. Por todo isto, di, "o 95% do decreto, avalado pola xustiza, pasará a ser o 100%".

Quere isto dicir, polo tanto, que a Consellería de Educación renuncia a que a opinión das familias, manifestada mediante enquisas, condicione o reparto de materias entre galego e castelán? Desistirá, tamén, de que o alumnado se exprese na lingua que considere oportuno con independencia do idioma no que se imparta a materia? Non exactamente. Aínda que a Xustiza lle prohíbe á Xunta realizar estas dúas prácticas o líder conservador interpreta que "a sentenza non impide aos pais", senón que "impide que sexa obrigatoria no seu resultado". Así, afirma, "seguiremos facendo as consultas, pero non producen efectos legais de forma inmediata, porque a sentenza o impide", "pero será determinante para que nós adoptemos unha decisión ou outra". Traducido: no decreto non figurará que as consultas son vinculantes pero, na práctica, serano.

"En relación a que un rapaz poida expresarse nunha lingua ou noutra", ignorando o idioma en que se imparte a materia, como establece agora o decreto, o precepto tamén desaparecerá do texto normativo. Pero a Xunta, mediante unha instrución, "pediralles flexibilidade" aos docentes para que "ningún rapaz suspenda por utilizar o galego se unha materia se dá en castelán" e para que "non suspenda por utilizar o castelán se se dá en galego". Malia todo isto, Feijóo pide adhesións ao seu texto, convertido agora para o Executivo nun "punto de encontro indiscutible", no que "está a inmensa maioría da sociedade" e "ao que todas as forzas políticas se poden sumar se queren sacar a lingua da discusión política".

Ataque á Real Academia
Neste contexto, coa Xunta renunciando a dar a batalla no Tribunal Supremo, Feijóo aproveita para lanzar un duro ataque dialéctico contra a Real Academia Galega, que si decidiu presentar un recurso de casación. Segundo o titular do Goberno, que segue admitindo que "non comparte no fondo" parte dos razoamentos do TSXG, "a polémica rematou". Por este motivo, "eu non digo que non poida haber xente que queira seguir vivindo da polémica, pero a sociedade galega non quere polémicas coa lingua". "Eu -sentenza- non vou vivir da polémica do galego".

Así as cousas, Feijóo divide o debate lingüístico entre quen apoia o seu decreto, agora "blindado xuridicamente", e quen non o fai. "A Xunta mantense no camiño do decreto do plurilingüismo, que permitiu recuperar o equilibrio lingüístico e abandonar a senda da imposición". Con esta decisión, asegura, está a "manter a normalidade que consolidamos en 2009" e "non reabrimos a discusión lingüística que Galicia xa superou". Resta saber, así e todo, como fica redactado definitivamente o texto do decreto para dar cumprimento á sentenza e, ao tempo, á "flexibilidade" anunciada polo presidente para seguir facendo o qeu a Xustiza impide.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 14-03-2013 17:39
# Ligazón permanente a este artigo
Bases do XIII Concurso de relato oral: Tíralle da lingua
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 14-03-2013 13:48
# Ligazón permanente a este artigo
O plenario rexeitou a renuncia de Ferrín como académico e non ocupará a súa cadeira
La Voz de Galicia - 14 de marzo de 2013


Unha vez rematado o plenario, e en ausencia do xa expresidente da corporación, o resto dos membros da institución trasladáronse ao salón de sesións para dar conta do contido da reunión á prensa. Entre caras moi serias e coas bagoas asomando aos ollos dalgúns dos presentes, o presidente en funcións da RAG, Xosé Luís Axeitos, deu lectura a un comunicado oficial que sobre a renuncia de Ferrín apunta que «o plenario valora moi positivamente a súa xestión e lamenta a súa marcha».
«Quixemos que se marchara con honor e gloria, e a súa cadeira queda aí baleira para que volva cando el queira, iso acordouse por unanimidade», sinalou Manuel Rivas. «Non se acepta a renuncia como numerario e o plenario en consecuencia non cubrirá a súa vacante», engadiu Axeitos.
«As contas do 2012 foron aprobadas por unanimidade polo plenario e tamén os orzamentos para o 2013. Están colgados na páxina web para evitar todo problema de opacidade ou de problemas de cara a opinión pública», explicou o presidente en funcións en relación ás recentes polémicas sobre a presentación das contas da corporación.
Así mesmo, o voceiro do plenario anunciou que se «creará unha comisión para estudar un protocolo para facer as novas contratacións de agora en adiante na Academia», regulamento co que se espera poñer fin á polémica pola contratación de familiares de membros da executiva na institución.
Axeitos tamén quixo abrir unha porta á reconciliación das diferentes sensibilidades enfrontadas estes días no seo da institución e insistiu en que seguirán traballando xuntos polo futuro da entidade e pola cultura galega: «Ao mesmo tempo queremos transmitir á sociedade que a Academia Galega como institución máis que centenaria ten e sigue tendo vocación de proxección e de futuro e de servir ao país, á súa cultura e moi especialmente á súa lingua».
«De calquera maneira -engadiu Axeitos- os compromisos que ten adquirida esta institución cumpriranse exactamente igual que se non houbera pasado nada aquí, aínda que lamentamos loxicamente o que pasou. A Academia acudirá a toda canta programación estea prevista cumprindo sempre os seus compromisos, por iso é unha institución seria a responsable».
A preguntas dos xornalistas sobre as afirmacións de Ferrín á súa saída da Academia, Axeitos sinalou que non habería máis declaracións á marxe do comunicado e subliñou que a do expresidente foi a única dimisión presentada onte e que ningún outro académico renunciou.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 14-03-2013 10:56
# Ligazón permanente a este artigo
Ferrín consuma a súa dimisión e denuncia que a RAG está en perigo
O expresidente di que «hai forzas internas e externas que atentan contra a Academia»

LUÍS POUSA / RODRI GARCÍA - A Coruña / La Voz 14 de marzo de 2013


Acompañado polos catro membros da súa executiva e polo académico Darío Xohán Cabana, o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín cruzou onte por última vez a porta do número 11 da rúa Tabernas. Arredor das oito e media da tarde, e antes de que rematase o plenario da Real Academia Galega, Ferrín compareceu ante a prensa que agardaba á entrada da sede da RAG para confirmar a súa renuncia definitiva tanto á presidencia como á cadeira vitalicia que ocupaba desde o seu ingreso na institución no ano 2000.
Méndez Ferrín, visiblemente emocionado polo transcurso dun tenso encontro no que comunicou oficialmente a súa renuncia, denunciou ataques externos e internos contra a Academia que están poñendo en perigo a propia institución: «A Academia está en perigo, hai forzas que atentan contra ela e esas forzas son internas e son externas. Preténdese desvirtuar a súa razón de ser, que é a defensa do idioma de forma intransixente».
Regreso á paisaxe nativa
«Polo tanto -explicou Méndez Ferrín aos xornalistas- eu abandonei a Academia Galega para situarme na miña paisaxe nativa, que é a das agrupacións e asociacións culturais e políticas de esquerda nacionalista que defenden o meu idioma». «Sempre defenderei a Academia e pídolle ao pobo e pídolle á cidadanía de Galicia que defenda a Academia Galega das asechanzas que pesan sobre ela. Moitas grazas», apuntou Ferrín antes de despedirse puño en alto dos presentes e de baixar camiñando, xunto a Manuel González, Euloxio Rodríguez Ruibal e Francisco Fernández Rei, ata Porta Real para poñer fin ao seu mandato do mesmo xeito que o iniciou: a bordo dun taxi.
Axeitos, presidente en funcións
Unha vez que Méndez Ferrín formalizou ante o plenario a súa renuncia, asumiu a presidencia en funcións da Academia o secretario da corporación, Xosé Luís Axeitos, mentres que o actual vicesecretario, Francisco Fernández Rei, pasou a ser secretario en funcións.
A partir de hoxe ábrese o período para elixir ao novo presidente, que terá que ser designado polo plenario nun prazo máximo de tres meses e mínimo de oito días. Dada a crise aberta na institución, Axeitos apuntou que o nomeamento do sucesor de Ferrín vaise acelerar ao máximo: «Esperemos que sexa moito antes dos tres meses».
Os candidatos a presidir a RAG terán que ser propostos por un mínimo de tres académicos ata 48 horas antes da celebración do plenario.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 14-03-2013 10:54
# Ligazón permanente a este artigo
O 'Apalabrados' en galego completouse en pouco máis dun mes
Redacción Praza Pública | @prazapublica


Afeitos como estamos a que algúns proxectos ou demandas tarden moitos meses ou anos en resolverse, chama a atención a rapidez coa que se se completou o proceso para completar a versión en lingua galega do Apalabrados, que este mesmo venres podería estar xa dispoñible. Os responsables: o interese da empresa arxentina Etermax en contar cunha versión galega do xogo, o traballo de Cilenis -unha start-up dedicada ao desenvolvemento de produtos e solucións nos campos do procesamento da linguaxe natural e a enxeñería lingüística-, e o papel de Marcus Fernández (Código Cero), que exerceu de enlace.

Na pasada Lacon Network, que se celebrou o pasado 1 de febreiro, Marcus Fernández comentoulles aos responsables de Cilenis que Etermax -a empresa arxentina responsable de Apalabrados- estaba interesada en ter unha versión en galego do xogo e que así llo comentaran nunha entrevista no programa Banda Ancha da Radio Galega. Mesmo iniciaran contactos coa Real Academia Galega para facelo, aínda que ese intento non tivera éxito.

Isaac González, de Cilenis, explica que ?para nós non supoñía un gran desenvolvemento e estabamos dispostos a traballar niso. Puxémonos en contacto cos empresa para que nos dixesen que necesitaban. E en non moito tempo xa lle mandamos unha primeira versión do dicionario?. Cilenis traballou a partir do Vocabulario ortográfico da lingua galega (VOLGa), engadíndolle todas as formas -singular, plural, masculino e feminino- de todos os termos e tamén todas as formas conxugadas dos verbos.

Outra parte do traballo consistiu en asignarlles un valor ás letras en función da súa frecuencia de aparición na lingua galega. Etermax mandaron unha primeira proposta en base ao dicionario que Cinelis lles remitira e posteriormente Cilenis desenvolveu unha contraproposta en función de criterios científicos. Ademais, w, j, y e k foron eliminados ao só estar presentes en estranxeirismos, para deste xeito mellorar a xogabilidade. A partir deste venres descubriremos o resto dos detalles.

Os proxectos de Cilenis

Cilenis traballa, explica Isaac González, en dúas liñas: "unha máis visible, que seria esta do Apalabrados ou o conxugador para móbiles, e outra menos visible e a máis longo prazo". Nestes momentos a empresa traballa en Avalingua, "un dos nosos proxectos estrela, pois fai algo que ninguén está facendo: tentar avaliar a calidade da lingua de xeito automático". Isaac González conta que con este programa "o ordenador pode dicir: este texto está un 70% ben escrito porque se atoparon estes erros ortográficos e estes erros gramaticais. Isto abre a porta a que se fagan avaliacións masivas da corrección dun texto. Temos un prototipo para o galego e estamos traballando nun prototipo para o español. Aplicado aos traballos dun conxunto de alumnos podemos saber o seu nivel global e a súa evolución!.

Outro proxecto é máis complexo pero resume a razón de ser da empresa: tentar crear unha plataforma que conteña os módulos lingüísticos -as aplicacións de software- que se foron desenvolvendo durante anos no grupo de investigación da USC do que parte Cilenis: "Imos crear unha api pública ou unha plataforma para que iso se poida integrar noutras aplicacións de maneira sinxela".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 13-03-2013 16:48
# Ligazón permanente a este artigo
Xaime Bello: INICIATIVA PAZ ANDRADE
Redacción Diario de Ferrol | Actualizado 13 Marzo 2013


Son un dos 17.000 asinantes da Iniciativa Lexislativa Popular que leva o sobrenome de Valentín Paz Andrade, o escritor, xurista e empresario ao que se lle dedicou o Día das letras Galegas 2012. A proposta promove unha serie de medidas en todos os niveis do ensino regrado, ben como a recepción aberta, en territorio galego, das televisións e radios portuguesas. Trátase de facilitar o acceso dos galegos e galegas ao universo da lingua portuguesa e un maior relacionamento coa Lusofonía. Para os máis escépticos, lembro que, con máis de 250 millóns de falantes, o portugués é a quinta lingua máis falada no mundo, e o seu potencial económico acada xa 4,6% do PIB mundial e 2% do Comercio Internacional planetario. E o galego ábrenos as portas a este mundo en expansión que partilla as nosas raíces culturais e lingüísticas. Xa Castelao no Sempre en Galiza afirmaba que ?a nosa lingua vive e florece en Portugal?.

Xaime Bello Costa foi alcalde de Ferrol
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 13-03-2013 10:10
# Ligazón permanente a este artigo
Defensores do galego, catalán e éuscaro denuncian que o Goberno ameaza as linguas
Reuníronse no Congreso con membros de diferentes grupos parlamentarios e pedíronlle que trasladen indignación da sociedade civil

GALICIA HOXE - MADRID. EFE | 12.03.2013


Asociacións en defensa do catalán, eúscaro e galego reuníronse hoxe no Congreso con distintos grupos parlamentarios para denunciar as consecuencias que carrexaría a posta en marcha da reforma educativa e pedirlles que trasladen a "indignación" da sociedade civil.

Así o explicaron a Efe representantes das organizacións A mesa pola normalización lingüística (galego), Kontseilua (eúscaro) e Ciemen (catalán), que se desprazaron até o Congreso unidos polo "ímpeto para impulsar os procesos de normalización" das linguas e "frear os seus procesos de substitución" en aras a conseguir "vivir en catalán, galego ou eúscaro con total normalidade".

As entidades elaboraron un documento no que manifestan estar orgullosas do labor realizado pola sociedade civil e lembran que se conseguiron dar "pasos firmes" para posibilitar a recuperación das linguas, aínda cando "en multitude de ocasións foron as propias institucións as que obstaculizaron o traballo".

O manifesto asegura que as comunidades lingüísticas están "mellor que fai trinta anos" pero non onde lles corresponde e sinala que na situación actual o Goberno español mantén unha actitude pasiva en ocasións e belixerante noutras con respecto á implementación de tratados internacionais de protección das linguas aos que se adheriron voluntariamente.

"O que realmente nos preocupa é que sexa o Goberno español quen ameace o desenvolvemento das nosas linguas", recolle o documento, que fai referencia principalmente ao borrador da Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (Lomce) que a xuízo das organizacións supón un "ataque directo" ao tres comunidades lingüísticas.

"Non só non garante nin reforza as linguas minorizadas senón que é unha formulación contraria a elas e convérteas en linguas de segundo grao", denuncia o texto.

En declaracións a Efe, o representante de Kontseilua, Paul Bilbao, asegurou que a través das reunións cos grupos parlamentarios queren que "a voz da sociedade civil chegue ao Congreso dos Deputados" e denunciou que a reforma educativa é "un ataque" aos dereitos fundamentais.

Considera que no caso concreto do País Vasco e Navarra o sistema de educativo actual non garante a aprendizaxe do eúscaro ao final do proceso e cre que coa reforma educativa "vai ser imposible reverter esa situación".

No caso galego, o presidente da mesa pola normalización lingüística, Carlos Callón, dixo a Efe que a reforma profunda nas agresións á lingua que xa levou a cabo o goberno autonómico de Alberto Núñez Feijoó, que "prohibiu impartir en galego determinadas materias" e "destruíu 100.000 libros de texto polo feito de estar en galego".

"Cando nos falan desde o PP da liberdade de elección de lingua en realidade o que nos din é que es libre de escoller lingua se escolles o castelán. En Galicia unha de cada tres familias reclaman o ensino en galego para os seus fillos na educación infantil e non teñen esa opción", lamentou.

No caso do catalán, Joaquim Sempere, representante da plataforma Ciemen-Enllaçats per a Llengua que defende o uso do catalán na Comunidade Valenciana, Cataluña e as Illas Baleares, asegurou a Efe que contra esa reforma educativa "haberá unha oposición moi forte do profesorado, dos pais e de toda a comunidade educativa", e denunciou os "ataques continuados" contra a lingua.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 13-03-2013 10:09
# Ligazón permanente a este artigo
A RAG vivirá hoxe o seu pleno máis decisivo
Sábese a hora de entrada, mais non a de saída. Tamén se descoñece como rematará a xuntanza do plenario da Real Academia Galega que hoxe está convocado na sede da rúa Taberna ás 18 horas . Poucos se atreven a afirmar tan sequer se, no remate, a institución terá ou non presidente. Ferrín demitiu o pasado 25 de Febreiro acosado por un escándalo de nepotismo e no meio dunha guerra larvada polo control da RAG. Contra prognóstico, este sábado o escritor abriu a billa a unha hipotética reconsideración da súa marcha: "Sempre se pode cambiar de opinión", dixo á imprensa. A súa demisión está na orde do día da xuntanza.

SERMOS GALIZA - MARÍA LAXE


Até a filtración da orde do día, que non figura polo de agora na web da Academia, foi motivo de liorta diante deste plenario que se presenta como decisivo para a historia da institución. Sobre a mesa, entre outros, dous temas claves, o primeiro, responder á demanda dun grupo de académicos que na pasada xuntanza plenaria esixiron as contas anuais e a listaxe de persoas contratadas e as súas funcións. A segunda aceptar, no seu caso, a demisión do presidente Xosé Luís Méndez Ferrín e debater a proposta de Manuel Rivas que xa anunciou que ía levar ao plenario a súa demanda para que o autor de Retorno a Tagen Ata continúe á fronte da entidade que tivo en Manuel Murguía o seu primeiro presidente.

Arredor desas dúas cuestións fundamentais, todo son incógnitas. Malia seren moitas as voces que se teñen manifestado para que na Academia reine a paz despois dos enfrontamentos que saíron fora do edificio onde se desenvolverá o plenario, os ánimos non chegan calmos a esta reunión deste día 13. Por unha parte, os académicos que na anterior xuntanza reclamaron maior transparencia nas contas e unha xestión profesional dos orzamentos da Academia continúan coa mesma demanda e non revocarán a petición a pesar da revolta que suscitou no último mes. Queíxanse de que, pasado o tempo e cun novo plenario ás portas, seguen sen recibir algo, ao seu ver básico, como é unha listaxe das persoas que traballan na institución e as súas funcións. A dirección terá que levar algunha explicación ao plenario sobre o que se deitan tantas espectativas.

Maior atención popular concita, porén, o futuro de Ferrín na Academia, após ter comunicado non só a súa demisión, senón tamén a renuncia a continuar na institución como numerario, unha decisión singular que aconteceu en moi poucas ocasións na entidade, a última delas, no caso de Jenaro Marinhas, en protesto polo trato que estaba a recibir Ricardo Carvalho Calero. Desde que o autor de Con Pólvora e Magnolias anunciara o seu portazo á institución, foron múltiples as voces individuais e colectivas que se dirixiron a el para que repensase a súa postura e conservase, no mínimo, a súa cadeira de numerario. Alén das dúas asociacións de escritores e escritoras, a AELG e o Pen Clube, foron destacadas persoas tanto da Academia como do mundo literario as que se sumaron para demandar que Ferrín continúe a ter presenza no edificio de Tabernas, por ben tamén do futuro da institución. A Fundación López Abente e o Instituto de Estudos Miñoranos son as dúas últimas que se sumaron á xa longa listaxe de apoios. Entre eles, un destacou con especial forza. O escritor Manuel Rivas -sen dúbida, outro dos nomes grandes da nosa literatura contemporánea- ergueu a súa voz con forza para pedir que Ferrín non abandonase a Academia e anunciou que levaría formalmente a súa proposta ao plenario. Será, sen dúbida, un momento histórico na institución, a imaxe dun Manuel Rivas a demandar a Ferrín que fique nos asentos de Tabernas, un encontro de grande altura con dous autores que teñen xa os seus nomes na historia da literatura. A relación entre ambos intensificouse nos últimos tempos e, desta maneira, foi o propio Ferrín o que presentou As voces baixas, o último libro de Rivas, na Coruña.

Canda Rivas, varios académicos tercian para que Ferrín continúe. Entre outros, o propio Xosé Ramón Barreiro Fernández, anterior presidente que pode estar a ver tamén a súa xestión cuestionada polas mesmas razóns de falta de transparencia e anquilosamento.

Que pasará despois do plenario?

A incerta resolución do plenario abrirá un futuro complexo para a Academia. Se Ferrín non reconsidera a súa demisión, encetaríase un novo proceso electoral para o que aínda non hai candidatos. No plenario, ninguén quer falar de novos nomes mentres o actual presidente -que deixou caír a posibilidade dun cambio de opinión- non decida finalmente o seu futuro e confirme o anuncio feito por correo electrónico o día 25 de febreiro. Se así fose, poucos son os nomes que se aventuran para continuar na presidencia inaugurada por Murguía. Case todo o mundo apunta que, se Ferrín marcha, ninguén da executiva que el preside estaría en condicións de se apresentar. O círculo péchase nos pouquísimos nomes que na Academia terían natureza de ?candidatábeis?, ben por estaren en situación persoal e profesional que o permita, ben por concitaren apoio abondo para sacar adiante a candidatura. Entre os posíbeis, as poucas persoas que se manifestan dirixen a súa mirada cara á posibilidade de que Rosario Álvarez puidese asumir a presidencia, unha posibilidade que polo de agora nin lle foi proposta nin siquera saberían se a até hai pouco directora do ILG estaría diposta a aceptar.

O que si está claro é que, pasar o que pasar, a Academia terá que se enfrontar a unha modernización da súa xestión, baseada en principios dunha administración máis transparente e acaída a unha institución que funciona integramente con cartos públicos.

Vintecatro académicos e catro académicas enfróntanse hoxe a un plenario difícil e tenso. Nas súas mans teñen un amplísimo informe que vén da anterior xuntanza, un encontro que foi o detonante da situación de ruptura á que agora se enfronta a institución. Desde entón, a demisión de Ferrín, acentuada coas duras acusacións do seu secretario Axeitos contra o ILG e o CCG -entidades con nutrida presenza en Tabernas- creou un ambiente irrespirábel na Academia que se apercibiu con especial claridade no acto de ingreso o pasado sábado de Xosé Fernández Ferreiro, o escritor que xa senta neste plenario na sala de xuntas da institución. Mália seren amigos de mozos, Ferrín non asistiu ao xantar do homenaxeado e fixo gala do seu descontento con algúns membros da Academia aos que o unía unha xa longa relación. Dous días despois, presentaba en rolda de prensa o recurso contra o decreto de plurilingüismo formulado perante do Supremo, unha accion que descoñecía unha parte do plenario e que o propio Axeitos esgrimira como unha das razóns do conflicto co ILG e a RAG, o que creou un novo foco de atención no conflicto.

A xuntanza adivíñase longa e dela sairán, sen dúbida, cambios que poden mesmo inaugurar un tempo novo na Real Academia Galega.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 13-03-2013 10:08
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0