Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Ferrol solicitará á RAG o Día das Letras Galegas 2014 para Carvalho Calero
MARÍA ANEIROS - EL CORREO GALLEGO | 16.03.2013


O Concello de Ferrol solicitará á Real Academia Galega que lle dedique o Día das Letras Galegas do año 2014 a Ricardo Calvalho Calero. A proposta da concellería de Participación Cidadá e Normalización Lingüística que dirixe Vilariño Anca foi ditaminada a favor por todos os grupos municipais na comisión de Cultura de onte.

A misma proposta non tivo éxito nos anos 2008 e 2009. A primeira vez foi unha petición unánime da corporación municipal que nacía do movemento asociativo local; e na segunda foi promovido pola Fundación Artábria.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 17-03-2013 19:28
# Ligazón permanente a este artigo
El Concello insiste en pedir a la Real Academia que dedique el Día das Letras Galegas a Carvalho Calero
REDACCIÓN DIARIO DE FERROL | Actualizado 16 Marzo 2013


El Concello de Ferrol solicitará a la Real Academia Galega que concedan el próximo Día das Letras a Ricardo Carvalho Calero. Lo hace a través de una propuesta de la Concellería de Participación Cidadá e Normalización Lingüística, con la que están de acuerdo todos los grupos políticos. Esta petición se llevará el próximo martes al Consello Municipal da Lingua, y deberá ser aprobada en el pleno.

No es la primera vez que el Concello intenta convencer a la RAG para que reconozca a Carvalho Calero con el Día das Letras Galegas. Lo hicieron en 2008 y también en 2009, ya que en 2010 se celebraba el centenario de su nacimiento. ?Cremos que é obriga do Concello de Ferrol persistir e seguir facendo camiño co fin de acadar o merecido recoñecemento para a obra e a persoa do insigne ferrolán?, explican en la instancia.

La elección se hace por votación del plenario de la RAG en la primera reunión tras el 17. ?A figura elixida deberá ser autora dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe?, dice la Academia en sus estatutos. Son méritos que a Carvalho Calero le sobran, tanto por su trayectoria literaria como por sus aportaciones al estudio de la historia de la literatura gallega. Su posicionamiento favorable al reintegracionismo es uno de los factores que más pesan para explicar que no haya recibido este honor.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 17-03-2013 19:21
# Ligazón permanente a este artigo
IV XORNADA DE CULTURA POPULAR GALEGA: A percusión na tradición galega
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 16-03-2013 17:46
# Ligazón permanente a este artigo
?Chamamento polo galego? reclama ?consenso? arredor da lingua e aplaude que a Xunta non presentara o recurso no Supremo
?Chamamento polo galego? aplaude a decisión da Xunta de non recorrer diante do Tribunal Supremo as sentenzas do máximo tribunal galego que invalidan o Decreto do Plurilingüísmo. Reclaman tamén do goberno galego pasos para ?lograr o consenso? arredor da lingua. A decisión da Xunta deixa soa á Academia Galega co recurso no Supremo

Sermos Galiza


?Chamamento polo galego? vén de valorar positivamente a decisión da Xunta de non interpoñer diante do Tribunal Supremo o recurso de casación das sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que invalidan o decreto do plurilingüísmo. A iniciativa xuntou máis de mil cen sinaturas individuais e colectivas que manifestaron a súa oposición a que a Xunta recorrese ao tribunal con sede en Madrid as sentenzas que se pronunciaran na Galiza á respeito da presenza do galego no ensino público non universitario. Entenden ademais que esta pode ser unha oportunidade para ?promover a volta ao consenso representado polo Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega? para o que demandan pasos da Xunta neste camiño.

?Non se entendería que un goberno recorrese aos tribunais en contra da lingua propia do país? din agora no comunicado no que, alén disto, reclaman á Xunta que, as sentenzas emitidas terían que permitir ?avanzarmos na procura dos imprescindibles elementos de protección e desenvolvemento da lingua propia e minorizada?.

Tras a decisión da Xunta, ?Chamamento polo galego? afonda na súa filosofía de reclamar un ?consenso inclusivo no que participen o conxunto das forzas políticas, das institucións e dos movementos sociais, para o que será necesario un decidido impulso político, institucional e cidadán a prol do idioma?.

Reclamar un ?consenso inclusivo no que participen o conxunto das forzas políticas, das institucións e dos movementos sociais, para o que será necesario un decidido impulso político, institucional e cidadán a prol do idioma?

?Chamamento polo galego? naceu dun grupo de persoas que botaron a andar a iniciativa precisamente coa vontade de que a Xunta non levase ao tribunal de Madrid o recurso para defender o decreto do Plurilingüísmo. Entre o grupo promotor atopábanse Henrique Monteagudo, Valentina Formoso, Alba Nogueira, Nel Vidal, Mariló Candedo, Xaquín Leiceaga ou Antón Baamonde, entre outras. Cando se presentara publicamente comprometéranse a que, se a Xunta non recorría, se comprometerían a promover o diálogo para chegar a un consenso arredor da normalización lingüística.

Alén de máis de 1.100 sinaturas individuais, ?Chamamento? recadou apoios dos grupos parlamentares do BNG -tamén da súa executiva-, AGE e PSdeG-PSOE, da dirección de Compromiso por Galiza ademais de diversos colectivos e asociacións.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 16-03-2013 17:32
# Ligazón permanente a este artigo
Mario Regueira: "O que lle falta ás nosas letras é un poder político que mire por elas"
O escritor Mario Regueira destaca que a cultura galega vive un "Prestige" particular polo "voluntarismo" dos autores. Critica as actitudes endogámicas e seitarias e denuncia o abandono institucional da Xunta. "Vivimos nunha especie de oasis rodeado do máis atroz deserto", sinala nesta entrevista de Armando Requeixo.

Por Armando Requeixo - Galicia Coinfidencial | Ames | 15/03/2013


Mario Regueira agocha no seu fardelo os ventos viradoiros de Ferrolterra, así que sabe ben da agulla de marear e de onde parten as augas da escrita. Por iso caen na súa rede tanto as poéticas tanxerinas coma os blues da crecente e non desapide tampouco nin dos affiches rouges nin das rebelións hibernais e non tampouco dos outonos lonxincuos.

Hai unha outra habelencia que moito é de estimar neste soñador do paradiso de Maniños: a capacidade valorativa que desprega para xulgar con criterio o mellor e máis graúdo da escrita actual de noso, pois non en van exerce o oficio crítico ao tempo que cultiva as landas da ficción.

Andar as súas páxinas é deixarse acompañar de ritmos mil, cancións en fervenza que o asolagan todo dende o título mesmo, e ir vendo como tremelocen, intermitentes, as luces dos faros da disidencia xenérica, do conflito dos territorios francófonos, os amores e vidas que se cruzan dende a Bretaña ata Nova Orleáns, con obrigada parada no sempre recendente Tánxer ou no evocador Flandres.

Unha luz de Goré, palabra de peirao escravo, baixa como unha escada nas liñas que seguen. É a loita que pula polo futuro, mensaxe que non convén desoír.

?¿Cando, onde e da man de quen publicaches os teus primeiros textos?

O meu primeiro libro, Rebelión no inverno, apareceu na colección Abismos de Xerais, unha aposta que sempre agradecerei á editora, e que, aínda tratándose dunha colección para primeiras obras, me permitiu ter unha certa visibilidade xa dende os primeiros pasos. Antes diso tiñan saído algúns poemas en diversas publicacións, entre elas gardo unha lembranza cariñosa para A Caramuxa, unha revista guiada polo Colectivo Sacou que acolleu moitas voces novas do momento, sobre todo do contorno de Noia e Compostela. É posíbel, aínda que non me atreva a aseguralo, que fose aí onde apareceu a primeira publicación de poesía.

?¿Cal das túas obras cres que foi mellor tratada e cal pasou máis desapercibida para o público e/ou a crítica? ¿Por que cres que recibiron ese trato desigual?

Seguramente a mellor tratada foi L?affiche rouge, que como ben sabes estivo a piques de recibir o Premio da Crítica e tivo unha boa acollida por parte do público. Creo que sendo a miña primeira novela e cos fallos que sen dúbida poida ter, formulaba unha aposta innovadora e unha lectura do momento xeracional e político que callou moi ben en determinados eidos. Tamén Outono aquí tivo moi boas críticas, dende o xurado que a premiou no Lueiro Rey até algunhas outras de colegas que lle dedicaron recensións privadas. Aínda así, é cedo para superar o bo sabor de boca que me deixou a miña primeira incursión na novela.
Da outra banda, diría que Lois Pereiro, unha persecución foi practicamente ignorado pola crítica. O momento tardío no que saíu, na segunda metade do loisista 2011, e a saturación doutras obras sobre o autor con máis medios e promoción sen dúbida tiveron moito que ver. Ao mesmo tempo, Unha persecución é un libro difícil, que foxe intencionalmente dos polos biográficos e académicos nos que se centran habitualmente as obras sobre os autores do Día das Letras. A súa proposta vai máis fixada na recreación literaria e na opinión persoal, ao tempo que trata de cubrir nun só golpe todos os libros posíbeis sobre Lois, algo que non deixaba de ter unha intención irónica e crítica. Aínda así, a recepción por parte do público deixoume algúns bos momentos e sei que hai persoas concretas que o consideran o meu mellor libro. A súa produción e o camiño que percorreu até ser editado tamén deixou un ronsel de experiencias persoais e colaboracións que lembro con moito cariño e nas que teñen un papel importante o traballo de fanzine e bd xunto a Xosé Carlos Hidalgo e o entusiasmo da xente de 2.0 editora.


?¿Tes algún hábito singular ou manía á hora de escribir?

Os meus procesos de escrita son moi particulares. Dalgunha forma as obras van cocendo na miña cabeza durante meses ou mesmo anos, períodos nos que sobre todo procuro documentación e lecturas. Despois, os libros en si materialízanse nun período relativamente curto de traballo intenso. Nese sentido, dependo das cousas das que dependen todas as persoas que fan un traballo intelectual intenso, principalmente estimulantes como o café e o chocolate. Tamén dependo moito da música, que me illa do mundo e axuda a regular os ritmos que preciso para traballar. Non estou seguro de que iso sexa unha manía, se te refires a se teño unha ?camiseta de escribir? ou unha pluma concreta sen a que non podo iniciar unha nova obra, direi que a maior parte desas cousas parécenme lendas baratas das que habitualmente se rodea o feito literario. Se alguén é incapaz de escribir sen ter posta unha camiseta concreta debera consultalo co médico. Non sen antes tomar unha boa ducha.

?Nunha antoloxía da nosa literatura recente, ¿ao pé de que autores/as preferirías figurar?

Unha cousa común a moitas persoas que, ademais da escrita, fixemos estudos de Teoría da Literatura é que perdemos a inocencia respecto de demasiados elementos relacionados co feito literario. É moi complicado abstraer do fenómeno das antoloxías a súa carga de poder simbólico e a forma na que este é exercido ou xestionado, particularmente nunha literatura como a nosa, na que as súas raíces son tan particularmente visíbeis e a influencia dos elementos sociolóxicos e relacionais segue a ser tan evidente. Por tanto, son moi escéptico ao respecto de atoparme cómodo nunha desas gaiolas (de feito non o estou, por motivos diversos, en ningunha das poucas que me acolleron até hoxe). A maior parte das veces as escollas falan máis polo que exclúen que polo que se esforzan en promocionar, así que se tivese que escoller compañeir@s de viaxe case preferiría buscalas entre as persoas que nunca figurarán en determinadas antoloxías e que comparten esa incomodidade estrutural e unha vontade crítica real.

?Se tiveses que historiografar a túa propia traxectoria literaria, ¿que trazos salientarías?

Salientaría a persistencia de determinados elementos que tamén me formulan cuestións a min mesmo: a preferencia por escenarios nos que a lingua francesa participa ou participou dun conflito lingüístico (Tánxer, Bretaña, Nova Orleans, Flandres?), a presenza constante de identidades subalternas e sexualidades disidentes, ou a forma na que as referencias musicais aparecen, implícita ou explicitamente, en todos os meus libros.

Ao mesmo tempo penso que na miña narrativa existe un protagonismo palpábel das clases populares e das súas problemáticas, entre as que vibra sempre a necesidade de encaixar a felicidade individual dentro dunha redención colectiva. Este é un aspecto que a miúdo pasa desapercibido nunha cultura afeita a discursos máis evidentes e que porén creo que dirixe todo o meu proxecto narrativo e que co tempo se acabará revelando como un elemento fundamental á hora de interpretalo.

Tamén creo que se podería facer unha lectura interesante en termos de nación, a relación das tramas coa historia do país e coas expectativas e decepcións dunha parte da súa sociedade, sinaladamente a xente nova e a que estamos deixando de selo, esa xeración perdida que algún día terá que tomar grandes decisións que porén non deixa de adiar.


?¿Que lecturas te acompañan decote ou a que escritores/as regresas con frecuencia?

Supoño que hai autores que nunca deixarei de ler, en parte pola densidade da súa obra, e tamén polas claves que gardan e que precisan de toda unha vida para ser desveladas. Méndez Ferrín e Thomas Bernhard, por exemplo. Tamén hai algo diso en Chus Pato e Derek Walcott. Nun extremo completamente contrario, adoro cando Irvine Welsh saca un novo libro e tamén son un perseguidor en librarías de vello das obras narrativas de Monique Wittig, todas descatalogadas e que urxiría traducir á nosa lingua.

Ademais diso, hai poetas aos que volvo polo puro pracer de reencontrar a cadencia dos versos: Xohana Torres, Lorca, Kavafis, Al Berto, Lois Pereiro? Tamén hai autores dos que lembro un poema ou un par deles que están, dalgunha forma, incorporados á miña vida e que volven ciclicamente á miña cabeza como se alguén os recitase.

En canto a lecturas académicas, por esixencias de traballo e por convencemento persoal volvo constantemente a Xoán González-Millán e a Pierre Bourdieu, preferentemente polas pontes que tendeu Antón Figueroa. Tamén me ten deixado unha grande pegada a obra de Terry Eagleton e o Arturo Casas crítico, ao que ademais teño que recoñecer a influencia que como mestre tivo e ten en min.


?¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?

É evidente que o primeiro que lles falta ás nosas letras é un poder político que mire por elas con verdadeiro interese e implicación. A maior parte dos seus problemas derivan diso, e non hai máis que recorrer á comparación con outras linguas con menos falantes e un Estado ou poder local comprometido con elas para que resulte evidente. A literatura galega podería ter un papel moito máis destacado no contexto europeo, polo menos equivalente ao doutras pequenas nacións. En cambio, vivimos desperdiciando talento coa mesma alegría coa que acabamos cos bosques autóctonos ou enchoupamos os mares de fuel. A nivel cultural vivimos un Prestige anual que non se nota porque segue a haber un voluntarismo que cobre unha parte importante dos seus efectos. Sempre hai xente disposta a limpar as praias, cousa que é boa, pero que tamén marca dinámicas que cada vez resultarán máis complicadas de romper.

Sobrar sobran moitas cousas, se cadra destacaría as actitudes endogámicas que priman o relacional sobre outros criterios, e que sen ser, por sorte, unha tónica xeral, aínda deixan ver os seus efectos en eidos como a edición ou a crítica e tamén en determinados comportamentos das institucións. A literatura galega, como moitos outros ámbitos da nosa realidade, non está libre dos seus propios caciquismos, que ao contrario que os outros apenas son contestados e cando o son adoitan recibir respostas esaxeradas non exentas de represalias. Unha cousa similar pode dicirse de sectarismos concretos como o que atinxe a inacabábel guerra normativa, abono de actitudes empobrecedoras que son patrimonio de ambos bandos, pero menos desculpábeis (como en todas as guerras) naquel que hoxe ten maiores cotas de poder.


?Se soubeses que o teu tempo se esgota, ¿que non te perdoarías non deixar escrito?

Sempre teño, polo menos, os meus seguintes tres libros na cabeza. Mentres están nese estadio son idealmente perfectos e son as miñas mellores obras. É só cando pasan a papel e tras varias lecturas que comezo a ser consciente dos seus erros e das cousas que se lles poden mellorar. Nese sentido, nunca me perdoaría deixar sen escribir as miñas seguintes obras, sexan as que sexan, porque non perdín a esperanza de poder ler algunha delas sen arrepentimentos nin remorsos. Algunha delas será a obra definitiva, que é sempre a seguinte. Hoxe, por exemplo, estou completamente convencido de que a miña seguinte novela e o meu seguinte poemario van ser os mellores da miña traxectoria e téñenme completamente ilusionado. O día que deixe de pensar así seguramente sexa hora de ir aparcando a escrita para mellores tempos.

?¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?

É desconcertante o viva e fluída que se mantén a nosa cultura tras anos de abandono institucional, falta de visibilidade e hostilidade declarada dunha parte da sociedade. Vivimos nunha especie de oasis rodeado do máis atroz dos desertos, pero o certo é que nese pequeno espazo, e sen caer en idealismos, construímos algo semellante aos anos dourados da nosa tradición literaria. A vida que desprenden as voces novas da poesía, as sorpresas de calidade e vangarda que nos deixa anualmente a narrativa, ou o simple e puro feito de que haxa xente que aínda escribe ensaio e teatro, son feitos que debemos valorar como unha especie de milagre que evidencia a vontade do pobo galego de seguir contando cunha cultura propia contra vento e maré. Na mesma liña poderiamos falar da cantidade de proxectos editoriais e culturais que traballan cunha dedicación e unha perspectiva crítica admirábeis, moito máis se temos en conta que moitas veces o fan dende a precariedade ou a autoxestión.

A pregunta que deberamos facernos é canto tempo pode durar esta situación e tamén até que punto non é un premio de consolación ter unha literatura convencional tan viva cando o panorama internacional acolle xa outro tipo de narrativas ás que, por cuestións estruturais e económicas, non podemos practicamente acceder como creadores. En calquera caso, a enxurrada de creatividade que flúe pola nosa realidade cultural é unha cousa marabillosa da que é un orgullo poder participar.


?Se desexas facer algunha outra consideración, túa é a palabra

Nada máis que agradecer o traballo de visibilización das nosas letras que fas con esta sección e con outras faces do teu traballo cultural.

Entrevista publicada en Criticalia
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 16-03-2013 17:30
# Ligazón permanente a este artigo
Piden un "consenso inclusivo" co decreto do galego
O movemento "Chamamento polo Galego" dá os primeiros pasos para acadar un acordo conxunto entre Xunta, institucións e movementos sociais a prol da lingua.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 15/03/2013


Chamamento polo Galego, integrado por distintas personalidades do mundo da cultura e da universidade, aposta por abrir un proceso entre as forzas políticas, a Xunta e os movementos sociais para acadar un "consenso inclusivo" en torno ao decreto do galego da Xunta.

Logo da decisión do Goberno galego de non interpoñer no Tribunal Supremo un recurso de casación contra as sentenzas do TSXG, suliña a importancia dun "necesario e decidido impulso político, institucional e cidadán a prol do idioma".

Congratulacións

Así, e aínda que se "congratulan" da decisión da Xunta, suliñan que o xesto, "aínda que necesario non é suficiente". "Unha valoración ponderada do contido do conxunto das sentenzas emitidas debera permitir avanzarmos na procura dos imprescindibles elementos de protección e desenvolvemento da lingua propia e minorizada, alén dun simple exercicio para deixar sen efecto os aspectos expresamente derrogados", destaca nun comunicado.

Por iso, destacan a "oportunidade aberta" para promover "a volta ao consenso representado polo Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega". "Esperamos que a Xunta de Galicia dea pasos nesa dirección", conclúen.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 16-03-2013 17:26
# Ligazón permanente a este artigo
O colectivo Redes Escarlata denuncia un "golpe de estado" na RAG
"Houbo golpe de estado. Sen uniformes, mais con extrema dereita nunha pintoresca coalición de intereses persoais e de grupo", critica.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 15/03/2013


O colectivo Redes Escarlata denuncia a existencia dun "golpe de estado" na RAG para botar a Ferrin. Nun comunicado de apoio ao escritor, este colectivo destaca que houbo unha "pintoeresca coalición" na academia entre "intereses persoas, mercantís, de control e poder cultural".

"Esa conxunción de intereses múltiples logrou facerlle a Ferrín insufrible a súa presenza na Academia. Foi evidente que nin a RAG nin os sectores temporalmente triunfantes merecían a Ferrín. É o que a Academia sae perdendo", recolle este escrito.

Redes Escarlata critica que, coa saída de Ferrin da RAG, descubriuse a "carencia de escrúpulos do stablishment cultural, tan prudentemente galeguista".

Este é o seu comunicado:

E Ferrín marchou da Academia

A súa decisión prodúcenos pesar, pero énchenos de orgullo. Por dignidade. A ética colectiva das Redes Escarlata esíxenos solidariedade absoluta co compañeiro noso. Si, como poderiamos non gabarnos de que Xosé Luís Méndez Ferrín sexa compañeiro noso! Compañeiro e, sobre todo, referencia inobxectable, quer queiran quer non, para a cultura e para a literatura desta nación ás veces tan ausente de si mesma.

Ferrín marchou da Academia. Non o botaron. Tampouco o derrotaron. Non abonda para vencelo o escudo da covardía nin a arma enferruxada da infamia. Pero houbo golpe de estado. Sen uniformes, mais con extrema dereita nunha pintoresca coalición de intereses persoais e de grupo, mercantís, de control e poder cultural. E vellas xenreiras amoreadas sobre a molesta figura de quen vén desde hai décadas demostrando, na teoría e na praxe, a necesidade e a vixencia dun discurso cultural e político alternativo, libertario, de esquerda, emancipador. Esa conxunción de intereses múltiples logrou facerlle a Ferrín insufrible a súa presenza na Academia. Foi evidente que nin a RAG nin os sectores temporalmente triunfantes merecían a Ferrín. É o que a Academia sae perdendo.

Cando o réxime da Segunda Restauración Borbónica está ameazado pola crecente conciencia colectiva e pola súa propia podremia constituínte, tamén o están as institucións culturais que xorden ao seu abeiro e ao abeiro da Autonomía. Estas institucións senten na caluga a desaparición absoluta da escasa lexitimidade que posuían. Ante esa evidencia, certos sectores coidaron imprescindible ocupar a única institución cultural propia, a RAG, cuxa lexitimidade é inviolable, mesmo nos momentos máis adversos, pois procede da vontade do galeguismo histórico, de Murguía, de Fontenla Leal, de Curros. Outros dos sectores participantes no asalto simplemente se dedicaron a proseguir nunha longa tradición de ataque á lexitimidade académica. Quer por militancia ultra española, quer por necesidade de crebar aquilo que non se controla nin se domea, quer por militaren na perversa idea de que as falas do territorio galego non teñen capacidade nin dereito nin sutileza para se constituíren en lingua de cultura.

O proceso foi politicamente transcendente. Desvelounos, entre outras cousas, a carencia de escrúpulos do stablishment cultural, tan prudentemente galeguista. Quedou ao aire a súa obsesión por invadilo todo. Do impacto deste proceso no negocio privado iremos observando indicios e sinais. Nos vindeiros tempos tamén asistiremos a recomposicións do poder (simbólico, pero non soamente) no campo cultural. Estaremos coa atención moi viva.

A etapa que agora conclúe de forma prematura é brillante. Non só pola dignidade institucional sostida ata o último alento, e aí está o derradeiro acto, a presentación do recurso perante o Tribunal Supremo contra o mal chamado decreto de plurilingüismo. Non só porque nestes anos se festexaron as figuras de Lois Pereiro, Valentín Paz Andrade e Roberto Vidal Bolaño, tres nomes heterodoxos e alleos a toda caste de oficialismo. Tamén porque se modernizou a Academia, como proba a excelente e viva páxina web, unha das máis visitadas nos últimos tempos. Tamén porque se logrou que por primeira vez a RAG estivese nos orzamentos do Estado e nos da Comunidade Autónoma de Galicia. Tamén porque se puxeron a funcionar as seccións e os seminarios das seccións e porque se cumpriu o mandato estatutario de todos os académicos se adscribiren a algún seminario. Tamén, e sobre todo, porque baixo a presidencia de Ferrín a Academia acudiu ao encontro coa sociedade galega e conseguiu que esta a considere unha institución propia, firmemente defensora da lingua e da cultura de Galicia.

Por todas esas e outras razóns, nós non queremos manternos neutrais. Saudamos e aplaudimos o traballo da executiva da RAG, tan vilmente atacada neste proceso pola extrema dereita e por aqueles que ambicionan o control do poder simbólico e material, e por tanto determinar tamén os silencios, no noso campo cultural. Agradecemos, pois, o esforzo e a entrega de toda a executiva.

E por enriba de calquera outra consideración, proclamamos sentirnos inmensamente orgullosos de pertencer á mesma estirpe cultural, nacional, política e humana de quen para sempre será o lexítimo Presidente da Academia. Mesmo que esta non quixese merecelo.

Beizón, compañeiro Ferrín.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 16-03-2013 17:24
# Ligazón permanente a este artigo
Formulario de datos para os centros participantes no certame A Mocidade cos Lingua 2013
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 15-03-2013 11:07
# Ligazón permanente a este artigo
Ferrín cumpre coa súa palabra
Abandona a Presidencia da RAG e marcha da institución tras insistir nas "forzas externas e internas que atentan contra el". O conselleiro de Educación di que "non decidiu" se recorrerá ante o TS.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 13/03/2013


Foi un pleno tenso. Xosé Luís Méndez Ferrín decidiu cumprir a súa palabra e marcha da Real Academia Galega (RAG). A pesares das numerosas voces que pedían a súa continuidade,incluído os numerarios críticos coa súa xestión.

"Marcho porque hai forzas internas e externas que atentan contra min", dixo ao saír dunha xuntanza que se prolongou durante máis de dúas horas e na que se falou, sobre todo, dos motivos alegados polo xa ex presidente para marchar da RAG.

E é que Ferrín volveu a insistir nos argumentos que xa expuxo cando anunciou a súa marcha. Hai grupos que pretenden "desvirtuar" a razón de ser da academia e, mesmo, "a defensa do idioma".

Argumentos

Nestes mesmos argumentos insistiron diferentes membros da Academia durante a asemblea extraordinario para pedirlle que continúe. Así, lembraronlle que, precisamente, todos eles apoiaron por unanimidade recorrer ante o Tribunal Supremo o decreto do galego da Xunta.

"Si, está recorrido, pero agora quen vaia de presidente pode non insistir no recurso", comenta a GC un destacado filólogo consultado. E é que, no entorno de Ferrín crese que --tal e como adiantara o secretario da RAG-- hai un grupo de destacados membros da RAG vinculados ao ILG e ao Consello da Cutura Galega que están dispostos a "pactar unha saída dialogada" coa Xunta.

Diálogo

Precisamente, e tal e como informou GC a pasada semana, hai meses que destacados dirixentes do Goberno galego, incluído o propio Núñez Feijóo, estaban tentando buscar unha solución "pacífica" á xudicialización do decreto do galego. A ofensiva de denuncias contra este decreto e, sobre todo, que a xustiza decidira admitir algúns deles, provocou unha reflexión na cúpula do Goberno galego e, principalmente, na Consellería de Cultura.

Por iso, altos cargos da Xunta mantiveron conversas con representantes do mundo da cultura en Galicia, nomeadamente, de entidades representativas como a RAG e o CCG para tentar buscar unha postura "consensuada" e evitar a xudicialización do decreto.

E é que, tanto na Xunta, como na RAG hai quen conserva aínda esperanzas de que a situación se poida reconducir tras a marcha de Ferrín da Presidencia da academia. Nas xuntanzas que se mantivo ao máximo nivel entre dirixentes da Xunta e académicos da RAG deixouse a posibilidade de retirar os recursos "se se chegaba a algunha solución que satisfaga a todas as partes", confirman a GC as fontes consultadas.

Recurso

Precisamente, o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad, admitiu este mércores que "aínda" non decidiu se recorrerá ao Supremo a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que declara nula unha parte do decreto que regula a utilización do galego no ensino.

Díxoo ante o pleno da Cámara, en resposta a unha interpelación do deputado socialista Francisco Caamaño, quen concedeu ao actual Executivo autonómico o "mérito" de ser a primeira administración "mesmo desde a época predemocrática" que levou a lingua propia aos xulgados. "Onde a lingua xamais debeu estar", remarcou.

Tamén o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, confirmaba a pasada semana que a Xunta acudiu ao TS para presentar un "posible" recurso de casación polas sentenzas contrarias ao decreto emitidas polo TSXG. En todo caso, deixaba claro que, polo momento "non hai nada decidido" e que, aínda que o presentaran, tamén o poden retirar "en calquera momento".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 14-03-2013 17:46
# Ligazón permanente a este artigo
Feijoo "acata" os fallos contra o "decreto do trilingüismo"
O presidente di que manterá consultas pero "sen efectos legais" e "dá por resolta" a polémica. A Mesa replícalle que o Decreto é un "cadaver" e pide unha norma para promover o galego nas aulas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/03/2013


Xa o deixara caer, primeiro o secretario xeral de Política Lingüística e logo o conselleiro de Educación. Pero foi o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen anunciou este xoves que, finalmente, o seu Goberno non recorrerá as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anulan algúns puntos do decreto do plurilingüismo como o relativo ao "carácter vinculante" da consulta aos pais sobre o idioma na primeira etapa educativa.

Deste xeito, o Goberno galego, tal e como xa adiantou GC, pretende iniciar unha nova etapa co presidente e a directiva da RAG que saia elexida logo da dimisión de Ferrín. Precisamente, Feijóo agardou a marcha de Ferrín para confirmar que a Xunta non continuará co seu recurso, unha recurso que, sen embargo, presentará a RAG ante o Tribunal Supremo para anular o decreto.

Custe das consultas

Con todo, Feijóo gardou un as na manga e dixo que, aínda que non terán efectos legais, a Xunta "manterá as consultas". "A pesar de carecer de efectos legais, a opinión dos pais sobre o idioma no que se educa aos seus fillos seguirá sendo determinante para a Xunta", insistiu. O que non dixo é canto custará esta consulta e con que cartos se vai sufragar.

"Que a Xunta pode seguir facendo consultas? Si. Que van ter efectos legais? Non", manifestou o máximo mandatario autonómico na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. Así, suliñou que "o 95 por cento do decreto" que conta con "o aval" do Alto Tribunal galego pasará a ser "o cento por cento" do texto da Xunta para "darlle seguridade xurídica incuestionable". Explicou que o actual se modificará mediante unha instrución que vai desenvolver a Consellería de Educación e esgrimiu que a decisión se adopta tras avaliar as "decisións xudiciais" e os informes da Asesoría Xurídica autonómica.

"Acatar" a lei

Este anuncio serviulle para asegurar que, así, "acata as sentenzas dos tribunais, a diferenza doutras comunidades" e deu por resolta a "polémica" sobre o idioma ao situarse o texto "nun punto de encontro indiscutible". "Pode haber xente que queira seguir vivindo da polémica, pero se a sentenza é clara, eu acátoa. Non vou vivir da polémica do galego", concluíu.

Versión da Mesa pola Normalización

A Mesa pola Normalización Lingüística, a primeira entidade que gañou unha sentenza do TSXG contra o ?mal chamado decreto do plurilingüismo?, ten unha visión totalmente diferente á da Xunta.

A organización que preside Carlos Callón considera que Alberto Núñez Feijóo ?continúa sen asumir o enorme pau xudicial? e por iso pretende ?manter en vigor un decreto cadaverizado polo Tribunal Superior?.

Callón sinala que ?o que ten que facer o presidente da Xunta é procurar unha nova norma que si se axuste ao Estatuto, á Lei de Normalización Lingüística, ao Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e á Carta Europea das Linguas, non tentar manter até o último suspiro un decreto cuxos principais artigos foron declarados ilegais con todas as letras?.

?Só hai un camiño digno para o decreto-zombi contra o galego: a súa derrogación?, subliña o portavoz da Mesa. Por iso, a organización cidadá reclama que Núñez Feijóo ?deixe de mentir? e ?asuma as contundentes sentenzas do TSXG, que rexeitaron por ilegais os núcleos do decretazo contra o galego, que son tamén os núcleos do discurso lingüístico do PP?.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 14-03-2013 17:45
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0