Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

SITUACIÓN DA CANDIDATURA puntoGAL
Estimado socio/a da Asociación puntoGAL:

A finalidade desta comunicación é informarlo/la da situación da candidatura dun dominio xenérico de primeiro nivel para a lingua e a culturas galegas, o .gal.

A Asociación puntoGAL, como xa se explicou no correo anterior, remitiu en prazo e forma a candidatura do .gal diante da ICANN, o ente que goberna as direccións de internet. O puntoGAL está xa na lista de candidatos oficiais e a súa avaliación xa comezou.

Sobre os prazos, a ICANN acaba de comunicar aos candidatos que "a avaliación inicial de todas as propostas, procesadas todas a un tempo, pode estar lista en 11 ou 12 meses, posiblemente menos -publicándose os resultados en xuño ou xullo de 2013". É dicir, o examinador prevé para o próximo verán o veredicto inicial sobre os candidatos. De aprobar esa avaliación inicial, a entrada en funcionamento do .gal sería cuestión de meses a partir do verán de 2013.

A ICANN estima que en "agosto de 2013" pode formalizar as "solicitudes para as primeiras delegacións". Agora puntoGAL traballa en que, de aprobar o exame, o .gal poida incorporarse ao DNS no grupo dos primeiro candidatos aprobados.

Malia os anuncios da ICANN sobre un veredicto o próximo verán, cómpre ser moi prudente respecto aos calendarios publicados, pois a experiencia indica que en numerosas ocasións a ICANN non foi quen de cumprir a súas propias previsións. En todo caso, puntoGAL traballa cos prazos anunciados pola ICANN.

A través do correo electrónico e da páxina web iremos actualizando a información sobre este proceso, a medida que a ICANN faga novos anuncios.

Non quería rematar esta comunicación sen agradecer o seu apoio. A súa axuda, como a do resto dos socios e das máis de 13.000 persoas que asinaron polo .gal, resultou imprescindible para que o dominio para a lingua galega estea xa en condicións de ser unha realidade.

Atentamente, Manuel González, presidente da Asociación puntoGAL.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 20-03-2013 09:06
# Ligazón permanente a este artigo
Armando Requeixo: O humilde brillante

Praza Pública


É difícil imaxinar como tería sido a Galicia dos últimos tres cuartos de século sen o imprescindible concurso de Isaac Díaz Pardo. Se un repasa as iniciativas e proxectos, as actividades e empresas nas que, directa ou indirectamente, a súa persoa ou as plataformas que capitaneaba estiveron implicadas decatarase ao instante de que practicamente non existiu conclave cultural ao longo de décadas no que a súa sombra benéfica non pulase por nós.

Sabido o anterior, entenderase que defenda calquera homenaxe que se lle teña feito en vida ou se leve a cabo agora que o botamos en falta, pois decote han merecer todos non só a miña atención, senón o meu aprecio admirativo. Así acontece co volume A luminosa mirada dos ollos de Isaac, entrega primeira da compilación que da obra ensaística dispersa do intelectual levou a cabo unha das persoas que máis o tratou e mellor o coñeceu, Xosé Ramón Fandiño, quen publica este libro formando parte dos Cadernos Ramón Piñeiro do centro homónimo coa colaboración da Fundación Pedrón de Ouro e mais o Museo do Pobo Galego.

Unha edición, a de Fandiño, estruturada en oito grandes bloques nos que os distintos artigos do propio Díaz Pardo van informándonos sobre os principais aspectos da súa biografía e obra, así como tamén das relacións amigables e contacto creativo que mantivo con algúns dos máis senlleiros persoeiros das nosa arte pictórica e literaria.

Coñecemos, así, as súas xeiras de Preguerra, entre os cadoiros de ilusión autonomista e plebiscitaria e o alternar familiar co máis brillante do galeguismo do momento, pero tamén a represión brutal do 36, que se cebou na figura de seu pai ata facelo desaparecer, obrigando os seus a unha vida de agochos e silencios.

Mais estes artigos infórmannos tamén do ambiente compostelán daqueles anos, dos seus inicios como pintor e, dando o salto á Posguerra, de toda a aventura galego-americana que fixo posible o milagre de Sargadelos, o Laboratorio de Formas, Ediciós do Castro, o IGI, o Museo Carlos Maside e tantas outras beneméritas empresas que a Díaz Pardo deberemos por sempre.

Especial interese teñen, coido, os traballos dedicados por este a Castelao, Seoane, Dieste, Granell, Lorenzo Varela, Maside ou Ánxel Casal, intelectuais dos que Díaz Pardo non só amosa ter un coñecemento directo da circunstancia vital que animou a súa traxectoria (pois non en van todos eles foron bos amigos seus), senón que tamén evidencia a súa fonda capacidade analítica para, moitas veces nunhas poucas liñas, realizar un retrato revelador da personalidade humana e artística que os singularizou para a nosa Historia.

A luminosa mirada dos ollos de Isaac péchase cunha coda do profesor Luís Cochón titulada ?Retrato de si propio?, peza literaria de altura na que a rememoranza persoal de Díaz Pardo consegue facer estralar faíscas de brillante semblanza, facéndonos o personaxe aínda máis humano e admirable, se é que iso era posible.

Meritorio labor de edición, por tanto, o de Xosé Ramón Fandiño neste volume, que haberá que agardar se vexa continuado sen tardanza por novas entregas recompiladoras da escrita de Isaac Díaz Pardo, o humilde máis brillante dos que entre nós teñen sido.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 19-03-2013 09:42
# Ligazón permanente a este artigo
Xosé Luís Méndez Ferrín: «A ameaza da Academia é de absorción, estrangulación e perda de identidade»
CAMILO FRANCO - Redacción La Voz 19 de marzo de 2013

Méndez Ferrín recibiu con «obvia» alegría a noticia de ser premiado co premio Otero Pedrayo. O escritor salientou o carácter do premio e o nome que ten, pero volveu sinalar que o que ten importancia «son as ameazas sobre a Real Academia Galega».


-¿Como valora a concesión do premio neste momento?
-Obviamente ben. Valoro que sexa un premio de todas as deputacións galegas, que leve o nome de Otero Pedrayo. Tamén valoro que é case o único premio institucional que queda en Galicia. Foron desaparecendo todos e a Xunta renunciou aos premios nacionais que podían recoñecer o traballo dos escritores, entre outros. Nese sentido, este premio ten máis importancia porque un escritor en galego non pode, por exemplo, recibir o Cervantes. Non consideran ao galego nese premio porque consideran ao galego unha lingua de segunda. Para eles somos de segunda. Polo tanto, institucionalmente, reviste unha importancia excelsa que siga existindo.
-¿Axuda a calmar as turbulencias dos últimos meses, especialmente as das últimas semanas?
-Na miña vida turbulencias houbo bastantes e non lle dou moita importancia. Non quero darlle importancia ao que pasou desde o persoal. Non creo que sexa importante nese sentido, o que si ten importancia é a ameaza existente sobre a Academia. Agora mesmo iso si que me parece importante e si que me preocupa moito. O resto non.
-¿Pero cales son esas ameazas para a Real Academia Galega?
-Sábeas quen quere sabelas. Quen ten que sabelas tamén as coñece. Hai moita xente que sabe cales son esas ameazas e o graves que son para a institución e para o país. Creo que non é necesario insistir.
-Pero para quen non saiba, ¿que tipo de ameazas son?
-Podo dicir que a Academia está ameazada de absorción, estrangulación e perda de identidade. E non vou dicir nada máis sobre isto.
-Que o premio chegue desde Ourense, ¿engade máis valor?
-Primeiro creo que é importante que o premio sexa concedido polas catro deputacións galegas e que no seu xuri participe xente moi diversa. Tamén é importante neste caso que o número de premios institucionais que poidan representar a Galicia enteira é cada vez menor. Que o premio se fallara este ano en Ourense e que se vaia entregar tamén en Ourense ten un valor particular para min, pero creo que hai que destacar moito máis o carácter institucional e galego e que sexa dos poucos que resisten para recoñecer o traballo que se fai por Galicia. En calquera caso, e antes que outra cousa, eu teño que lle agradecer ao xuri do galardón a decisión de premiarme.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 19-03-2013 09:37
# Ligazón permanente a este artigo
Xosé Manuel Pazo: Carvalho
Redacción Diario de Ferrol | 19 Marzo 2013


Algarabía de pícaros a brincar na Praza Vella. Arrecendo a sardiñas mesturado cos sons de cornetas da marina. Ferrol Vello preñado de vida naquel inicio do s.XX. O Jofre gravando nas retinas do neno as maravillas do teatro e o cinema. E o dedo materno acompañándoo no roteiro do abecedario nas páxinas de El Correo Gallego no que publicaría os seus primeiros traballos. Ferrol Carvalho. Compromiso co país e a súa cultura.

25 de marzo de 2013. 23 anos do seu pasamento.Como explicar que o Fillo Predilecto de Ferrol e, por acordo plenario do parlamento de Galicia, Fillo Ilustre de Galicia sexa ignorado pola Real Academia Galega? Por un acaso son certas as súas palabras: ? Consideram-me como um herege, como un cismático, ou como un corruptor da mocidade ...??

Abonda de silenzo. É hora de porlle fin a inxustiza que se reflicte na república das nosas letras 17 de maio 2014 o Dia de todas as letras. O día de Carvalho Calero.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 19-03-2013 08:16
# Ligazón permanente a este artigo
?Unha alborada nova? lembra a figura de Bernardo García Cendán, ?o cura do muelle?

NICOLÁS VIDAL - DIARIO DE FERROL | 18 Marzo 2013


Amigos e compañeiros do crego Bernardo García Cendán (Vilalba, 11 de abril de 1941-12 de xuño de 2012) teiman en tratar de lembrar a súa obra e a súa figura. Se o pasado ano varios actos celebraron o seu recordo, entre eles o que tivo lugar na parroquia do Socorro de Ferrol Vello, este vén de publicarse o volume misceláneo ?Unha alborada nova? (Asociación Encrucillada) do que son editores Marisa Vidal, Baldomero Igesias e Rubén Aramburu.

O volume inclúe reseñas de amigos e poemas e cancións do propio crego
?Unha alborada nova?, nome sacado dun verso do propio Bernardo, inclúe varias reseñas biográfías e persoais (Chao Rego, Agustín Fernández Paz, Xulio Xiz, etc.) deste ser polifacético. Entre elas están a do párroco de Mandiá Xaquín Campo Freire, un dos responsables de dar a coñecer o libro o próximo 12 de abril na igrexa da parroquia do Socorro.

?O acto será a presentación do libro e unha homenaxe ao seu labor na parroquia entre 1973 e 1987 ?adianta Campo?. A súa foi unha implicación cun Concilio Vaticano II aínda recente e moi en conexión cos problemas do pobo. O seu era un traballo de rúa, a carón da xente e moi unido á realidade. Ademais, a súa pegada en Ferrol tamén ten que ver coa súa implicación no ámbito da cultura, desde a músicas e os coros ata a fundación do Ateneo Ferrolán?.

Así, na tarde do 12 de abril haberá un recital poético e musical que complementa á presentación de ?Unha alborada nova?. Alí estarán o exdirector de Diario de Ferrol, Germán Castro; Xulia Díaz, directora da cadea COPE en Ferrol; e Carmen Solloso, directora de Urxencias do hospital Arquitecto Marcide. Ademais de darlle a palabra aos veciños, o acto contará coa participación de poetas, músicos e escritores como Pepe Leira, Xoán Rubia e María Manuela e outros aínda por confirmar.

Polifacético

O libro que se presentará en Ferrol, xa o fixo en Lugo e Vilalba, inclúe numerosos poemas e cancións escritas por García Cendán, de quen os seus amigos e coñecidos destacan as súas múltiples capacidades. Licenciado en Filosofía e Socioloxía en París, a música e o traballo a prol do galego foron parte destacada dunha personalidade que deixou un baleiro difícil de encher.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 19-03-2013 08:04
# Ligazón permanente a este artigo
'Escrache' ao conselleiro de Cultura
A Plataforma Galega das Artes Escénicas e Musicais seguirá a Xesús Vázquez en todos os seus actos oficiais para protestar pola súa situación. Estiveron na Cidade da Cultura na presentación dunha actividade polo 150º aniversario da publicación de Cantares Gallegos.

SERMOS GALIZA


"Seguiremos coas accións porque non hai adiantos". Con estas palabras definía unha membro da Plataforma Galega das Artes Escénicas e Musicais a protesta que realizaron hoxe no Museo Centro Gaiás na Cidade da Cultura no acto que reunía a Xesús Vázquez, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e a Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura..

Foi na presentación da actuación musical educativa No bico un cantar. Nenos e nenas cantan a Rosalía, na que participará alumnado de entre 8 e 12 anos dos conservatorios e das escolas de músicas de toda Galiza.

"Reclamamos a presenza da cultura nas cidades", indicou a mesma fonte da Plataforma, "foi unha protesta pacífica que repetiremos en todos os actos nos que participe o conselleiro". A Plataforma realizará un seguimento das actividades de Xesús Vázquez para amosarlle presencialmente a súa disconformidade após a última reunión na que, segundo sinalan, "non se informou de ningún plan". O 'escrache' é unha modalidade de protesta que realizan algúns colectivos sociais como protesta directa e que consiste en seguir aos responsábeis políticos en lugares públicos para expoñer as súas reivindicacións.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 19-03-2013 07:59
# Ligazón permanente a este artigo
Homenagem da literatura portuguesa a Rosalia. Rosa a rosa.
A convite do escritor galego Carlos Quiroga, a literatura portuguesa rendeu homenagem a Rosalia no maior encontro de escritor@s de Expressão Ibérica de Portugal, as Correntes d'Escritas da Póvoa de Varzim. Manuel Jorge Marmelo, Rui Sousa, Ivo Machado, Maria do Rosário Pedreira, Luís Carlos Patraquim, Michael Kegler, Sara Figueiredo, Cláudia Ribeiro, Hélia Correia, Manuela Ribeiro, Possidónio Cachapa e João Tordo, foram ler dois versos de "A Gaita Galega". Publicamos o vídeo no interior.

SERMOS GALIZA


Rosalía de Castro no cartel do acto de Pontevedra
A primeira obra literária da nossa Renascença viu a luz há um século e meio. Nela o povo galego viu-se no espelho com as suas festas e desgraças, paisagem e alma. Cantares Gallegos foi um extraordinário exercício linguístico e literário que desconhecendo o passado não só tratou de converter o galego em língua poética e reivindicar o seu uso, tremendo esforço para a época e realizado por uma mulher num contexto de intensa subalternidade feminina. Mas excedeu ainda a gesta com uma defesa do ser galego diante das províncias castelhanas, na redescoberta da nossa própria identidade.

Não admira, pois, que os versos de Rosalia de Castro, a filha ilegítima nascida na madrugada de 23 para 24 de Fevereiro de 1837, corressem de boca em boca, primeiro na Galiza e na Argentina, depois por toda a parte onde havia galegos, ficando como a primeira enciclopédia dos nossos sentimentos e modos de ser. Também não admira que neste 2013 em todas as escolas do país houvesse lembranças. E homenagens mais solenes. Outras diferentes ou inesperadas. Como a promovida durante o maior encontro de escritor@s de Expressão Ibérica de Portugal, as Correntes d'Escritas da Póvoa de Varzim, no dia 23 de Fevereiro e em paralelo à clausura. Manuel Jorge Marmelo, Rui Sousa, Ivo Machado, Maria do Rosário Pedreira, Luís Carlos Patraquim, Michael Kegler, Sara Figueiredo, Cláudia Ribeiro, Hélia Correia, Manuela Ribeiro, Possidónio Cachapa e João Tordo, foram ler dois versos cada, da parte IV do conhecido poema "A Gaita Galega", a convite de Carlos Quiroga que os gravou à hora do café e durante a tarde. Montou depois neste vídeo de dois minutos e 20 segundos, com música de gaita e cenas da manifestação compostelana do dia 3 ?a condizer com o texto.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 19-03-2013 07:58
# Ligazón permanente a este artigo
Méndez Ferrín gaña o Premio Otero Pedrayo
O xurado subliña que o escritor, ao longo da súa "rica biografía literaria", destacou como poeta, narrador, novelista e ensaísta, e demostrou "rigor e compromiso abondo para iluminar unha paisaxe propia e fermosa, múltiple e posta ao día"

GALICIA HOXE - SANTIAGO DE COMPOSTELA. E.P. | 18.03.2013


O xurado do Premio Otero Pedrayo 2012 acordou este luns en Ourense conceder o galardón desta edición ao escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, por proposta do presidente da Deputación ourensana, Manuel Baltar.

Na súa argumentación do premio, o xurado subliña que Méndez Ferrín, ao longo da súa "rica biografía literaria", destacou como poeta, narrador, novelista e ensaísta, e demostrou "rigor e compromiso abondo para iluminar unha paisaxe propia e fermosa, múltiple e posta ao día".

A proposta de Manuel Baltar para a candidatura ao premio argumenta que a de Ferrín é unha vida "chea de renuncias persoais" e de "decisións tomadas mesmo contra a propia estabilidade do seu ámbito emocional máis inmediato", a causa dun "compromiso persoal, intelectual, político e social" co seu pobo nuns "tempos que os que a loita pola democracia e pola liberdade levan aparellados tantos custos persoais".

O Premio Otero Pedrayo é un premio honorífico que conceden dende 1977 as deputacións provinciais de Galicia, co apoio da Xunta. O premio é de carácter rotatorio e na edición de 2012 correspondeulle a súa organización á Deputación de Ourense.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 19-03-2013 07:56
# Ligazón permanente a este artigo
Os equipos de normalización piden á Xunta que "reconsidere" a súa estratexia co galego
Redacción Praza Pública | @prazapublica


A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (Cgendl), que agrupa a máis de 400 equipos e docentes, pídelle á Xunta que cumpra a lei, logo das sentenzas do TSXG que invalidan dous puntos clave do decreto do plurilingüismo, e que aplique os principios xerais da Lei de Normalización, reconsidere a súa estratexia co idioma e "deixe de fomentar preconceptos en contra da promoción social do galego".

A través dun comunicado, que será difundido "masivamente" nos centros escolares galegos, pretende "fixar a posición" dos equipos de normalización "tras as últimas declaracións realizadas nos pasados días polo presidente Feijóo a respecto da política lingüística que pretende seguir o Goberno galego".

Así, a Cgendl lembra que os usos da lingua galega no ensino non universitario "seguen rexidos polo momento polo decreto do plurilingüismo" e, xa que logo, baséanse nos dous principios invalidados pola Xustiza: a consulta ás familias e a posibilidade do alumnado de "empregar o castelán cando a materia que se imparte é en galego", pois é, aclara, nos ámbitos urbanos castelanfalantes "onde se producen as protestas dunha ínfima porcentaxe de discentes e familias por teren que aprender na lingua propia de Galicia que, supostamente, lles é descoñecida".

"A Xunta de Galicia segue teimando en realizar a consulta ás familias malia o ditado polo TSXG", recorda o comunicado, e pide que "non se menosprece a legalidade e pretenda determinar a lingua do ensino en educación infantil a través de ningunha enquisa", tal e como se fixo en cursos anteriores, xa que "non respecta o que formula o artigo 13.1 da Lei de Normalización Lingüística (LNL) nin o establecido no Plan Xeral de normalización da lingua galega (Pxnlg).

A Cgendl advirte que desde a Administración autonómica "estáselle a pedir ao profesorado 'flexibilidade' para que se lle permita ao alumnado empregar a lingua da súa preferencia, é dicir, o castelán" e recordan que "non se pode esquecer que persiste unha situación social de enorme desigualdade entre galego e castelán".

Por todo, a Coordinador pide á Xunta que "reconsidere as estratexias de promoción da nosa lingua" e que "asuma como deber inexcusable as potencialidades que posúe o sistema educativo como axente efectivo tanto para a normalización do galego como para a integración social e comunitaria". Ademais, cre necesario "aplicar os principios xerais da Lei de Normalización (LNL)", sen renunciar ao plurilingüismo, pero garantindo "que o alumnado adquira unha competencia plena en galego ao rematar o ensino obrigatorio".

Do mesmo xeito, pide ao Goberno autonómico "e aos seus portavoces" que "deixen de fomentar preconceptos en contra da promoción social do galego", xa que "deben actuar con enorme responsabilidade e altura política nun momento moi crítico para a transmisión interxeracional da nosa lingua". Así, reclaman tamén que as autoridades educativas "fomenten sen complexos" a presenza do idioma en calquera materia, nomeadamente nas científicas e tecnolóxicas e que lles permitan "adoptar aos centros aquelas medidas normalizadoras que se adapten ao seu contexto e impliquen, na medida do posible, a toda a comunidade".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 19-03-2013 07:55
# Ligazón permanente a este artigo
Henrique Monteagudo tira con bala: "Se cadra o que hai que entender que Ferrín pensa que corre perigo e a súa persoal visión da RAG"
O ACADÉMICO CONSIDERA "LAMENTABLE" O QUE DIXO EN DÚAS ENTREVISTAS UN "AXEITOS ATURULLADO"

GALICIA HOXE - SANTIAGO - EDUARDO CARBALLO | 18.03.2013


No medio da diplomacia do silencio, coa que os académicos queren coser os rotos na RAG, estouran como disparos as últimas declaracións de Henrique Monteagudo na entrevista que publica o dixital Galicia Confidencial. Señalado como un dos muñidores da crise -que as Redes Escarlata ven mesmo como "golpe de estado"-, Monteagudo non morde a lingua e dispara con bala, iso si, entre chamadas á transparencia e desexos de recuperar a normalidade: "Agora toca un consenso, polo ben do galego".

Monteagudo intenta manter unha postura equilibrada a propósito do papel de Ferrín como presidente da RAG e navega por augas políticamente correctas até que lle preguntan por que cre que marcho dicindo que a RAG está en perigo: "En primeiro lugar, entendo que Ferrín o pasou moi mal con todo este episodio. É unha mágoa, pero fundamentalmente é responsabilidade súa e da directiva, e non ten sentido querer cargárllela a outras persoas ou institucións. Por outra banda, se cadra o que hai que entender que el pensa que corre perigo e a súa persoal visión da RAG. É obvio que todos os académicos coincidimos completamente, sen ningunha dúbida nin fisura, en defender a independencia da institución e o seu papel como referente nacional na ilustración e a defensa da lingua e da cultura galega. Pero noutros aspectos pode haber discrepancias, que en todo caso non foron nin deben ser insalvables".

Aínda máis contundente se mostra o improvisado portavoz dos académicos críticos cando fala de Xosé Luís Axeitos, secretario da RAG e o home que en realidade gobernou até agora o día a día do caserón da coruñesa rúa Tabernas. A Monteagudo nonn le gustaron nada as declaracións nas que Axeitos denunciou intentos de control da RAG por parte do Instituto da Lingua Galega e do Consello da Cultura: "O que dixo un Axeitos aturullado en dúas lamentables entrevistas (impropias do seu cargo de secretario da RAG), non ten pés nin cabeza. Se el foi un dos que avalou a miña candidatura e a de Regueira (os dous últimos ingresos do ILG) para a RAG! Non debeu dicir o que dixo, e unha vez dito debeu rectificar en vez de afondar no erro. Pola miña banda, polo ben de todos, vou dar como non pronunciadas as afirmacións máis desafortunadas desas declaracións".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 19-03-2013 07:54
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0