Ata o mes de xuño, o sector galego non coñecerá os efectos económicos da vertixinosa baixada.
A edición en galego baixou un 21,6% o pasado ano, unha caída dramática -a maior do Estado- que amosa xa os dentes do que pode ser o balanzo máis catastrófico da industria cultural do país. Mentres a edición en castelán medraba algo máis do catro por cento, o resto das linguas cooficiais rexistran retroceso, se ben non nunha vertixe semellante ao do galego: o éuscaro perdeu 15,3%, e o catalán o 5,8% .
Os datos despréndese da recente Estatística de Produción Editorial, publicada onte polo Instituto Nacional de Estatística (INE), e neles tamén se amosa que, en xeral, a produción editorial de Galicia descende nun 12,6 por cento con respecto a 2009, exercicio no que se publicaron 3.180 títulos, o que supón 402 menos en 2010.
Para o presidente da Asociación Galega de Editores (AGE), Manolo Bragado, estes datos son un mal agoiro para a evaluación comercial do sector, que non estará concluída até primeiros de xuño. En calquera caso, non lle sorprende: é a consecuencia da crise económica, do trásito do modelo dixital e da desorientación na maneira de entender a edición cultural. O que máis lle preocupa é o impacto nas empresas: aínda que carece de cáculos fiables, non desbota unha rebaixa na facturación próxima ao oito por cento nos ingresos, o que supoñería non chegar aos vinte millóns de euros, unha cifra propia de hai vinte anos.
Ao retroceso editorial galego, engade, non é alleo o efecto do Decreto do Plurilingüismo, que afectou de maneira especial á editorial galega, obrigada pola Xunta a perder un cincuenta por cento da cota do libro educativo en beneficio das editoriais que publican en castelán.
"Levo advertindo desde hai un tempo", subliña, "que a pesar da miña confianza no sector, estamos vivindo momentos moi difíciles... Este é un tema complexo que estou seguro obedece a diversas razóns e ata que teña os datos do comercio interior, esa diminución do 21% non sabemos aínda como afecta aos distintos ámbitos: literario, ensino, infantil e xuvenil, ou edición de referencia".
Con todo, Bragado matiza que os datos do INE contrastan cos que posúen do ISBN e que el manexou hai un mes: no ISBN "daban un aumento da produción editorial do 20 por cento e de títulos en galego do 10%, xa que neles se incorpora a edición electrónica, que o ano pasado en Galicia foi moi elevada".
A XEOGRAFÍA
Signos positivos só en Madrid
As comunidades autónomas con maior produción editorial durante o ano 2010 foron de Madrid (con 24.999 títulos editados, un 4,3% máis que o ano anterior) e Cataluña (con 20.533, un 1,6% menos). Estas dúas comunidades acapararon o 59,8% do total de títulos. Por detrás situáronse Andalucía (con 9.303 títulos), Comunitat Valenciana (4.509), Galicia (2.778), Castela-León (2.744) e País Vasco (2.499). En canto aos idiomas, o castelán representou o 78,8 por cento do total de títulos publicados (un 4,19% máis que en 2009) e o 79,9% dos exemplares editados no ano 2010.
En todos os idiomas nacionais as maiores porcentaxes de títulos destináronse á Literatura: o 28,8% nos editados en castelán, o 34,2% en catalán, valenciano e balear, o 48,2% en galego e o 52,1% en euskera. As publicacións oficiais foron a 10,7% dos títulos en castelán, o 17,1% do catalán, valenciano e balear; o 19,2% do galego e o 7,2% do euskera.
Nas publicacións para nenos presentáronse as maiores diferenzas entre idiomas, alcanzando o 3,7% do total nas publicacións en castelán, o 11,0% en catalán, valenciano e balear; o 15,2% en galego e o 24,9% en euskera.
DÍA: xoves 31 DE MARZO DE 2011
HORA:18,30 HH.
LUGAR: IES CONCEPCIÓN ARENAL
Orde do día
1- Aprobación, se proceder, da acta da sesión anterior.
2- Informe do estado das xestións das actividades programadas para o 2011.
3- Rolda de intervencións
?Galicia non é unha potencia económica, e se algo a define é poder presentar no mundo a súa identidade cultural. Nos cinco continentes temos galegos e galegas que non renuncian á súa condición de galegos e galegas ?
Ramón Villares di que bota en falta un maior pulso social no tema do galego, pois ao seu ver existe certa despreocupación e excesiva confianza da cuestión nas institucións.
Ramón Villares Paz (Xermade, 1951; catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago; ex reitor de USC) leva cinco anos como presidente do Consello da Cultura Galega.
En que situación se atopa o idioma galego respecto de hai dous anos?
Non mellor. Hai un decreto novo, anunciado polo PP na campaña electoral, que modificou o anterior. É un contexto institucional diferente. O problema non é só nin fundamentalmente político; é tamén un problema social, educativo. Confiamos en exceso nas virtudes taumatúrxicas da política para resolver un problema tan complexo como é o idioma. Isto debería obrigarlles a repensar tanto aos que se empeñaron en facer un decreto como aos que se empeñaron en cambialo e paralo.
Pero como se restitúe a posición pública do idioma galego?
Mediante medidas de discriminación. E iso unicamente pode darse mediante unha gran mobilización da sociedade civil ou unha acción institucional decidida. A sociedade galega confiou en que os poderes autonómicos fixesen ese traballo, que se manifestou na colocación do galego no sistema educativo e na construción dun sistema cultural.
E dunha industria cultural?
Claro, claro. Hai trinta anos a industria cultural en galego era mínima. Non quero dicir que hoxe sexa boiante, pero hai teatro, cinema, produtoras de audiovisuais, actores e actrices, medios públicos de comunicación en galego. Todo isto forma parte do mellor da autonomía. Pero a lingua non pode depender só das accións institucionais, ha de depender tamén do pulso social. E é aí onde eu percibo unha certa despreocupación. Agora, hai unha minoría que cre que o galego é un problema e hai outra minoría que cre que o é por outra razón, e hai unha ampla franxa social que está instalada nunha especie de comodidade. O galego non ten un nivel de resistencia moi alto desde o punto de vista sintáctico e fonético -é unha lingua romance moi próxima ao castelán e ao portugués- e, ao propio tempo, no seu uso non ten un alto limiar de resistencia. Marca menos falar ou non falar galego que catalán en Cataluña ou éuscaro no País Vasco.
Esa falta de empuxe da sociedade civil afecta tamén á industria cultural?
É que o problema está no sistema cultural no seu conxunto. Galicia non é unha potencia económica, e se algo a define é poder presentar no mundo a súa identidade cultural. Nos cinco continentes temos galegos e galegas que non renuncian á súa condición de galegos e galegas. Son pingas no océano, pero pingas importantes que se definen como galegas estean onde estean. Esta é nosa gran potencia. Ás veces, non nos decatamos diso e encerellámonos en debates domésticos esterilizantes.
A Cidade da Cultura está condenada a ser un proxecto inacabado?
Canto máis se observa a Cidade da Cultura, máis se percibe que o proxecto do arquitecto está por encima de calquera outra pretensión. O debate debería ser se aceptamos o proxecto de Eisenman ou non. É unha icona, e somos presas do pragmatismo de para que serve. Podemos preguntárnolo, pero tamén debemos preguntarnos como utilizala a partir do esquema deseñado por Eisenman. Máis como obra de arte que como colector, Hai xente que pensa que alí podían estar oficinas e ser un local administrativo. Iso non pode ser. A Cidade da Cultura non é iso.
É un proxecto que se corresponde co boom das grandes arquitecturas de autor.
É un proxecto de épocas expansivas. Por que é coñecido Manaos no mundo? Polo caucho e polo teatro de Fitzcarraldo, non porque sexa unha cidade de dous millóns de habitantes á beira do río Amazonas. É verdade que a Cidade da Cultura custa moito diñeiro, pero o diñeiro non se evaporou, está aí. Levará moitos anos consolidar o proxecto. Ten que ser aceptado pola sociedade galega; descompostelanizarse, aínda que tampouco os composteláns lle prestaron moita atención. De momento, é un lugar inaccesible desde a cidade. Ten que ser un proxecto galego e europeo, unha punta de lanza para presentar a realidade galega en Europa e Iberoamérica. Aínda quedan moitas cousas por facer que é posible facelas. Hai que mirar para o futuro.
Repetirase a secuencia de que as crises chegan máis tarde a Galicia e Galicia sae máis tarde das crises?
Desta vez, menos. Por primeira vez, Galicia vese moito máis afectada pola crise xeral que antes, porque a súa economía está moi internacionalizada, xa non é unha illa nin está no cu do mundo, e é moi exportadora. O que suceda en China, en Xapón ou en Brasil, pouco ou moito, aféctanos. En gran parte do século XX, Galicia aínda puido, en épocas de crises, buscar o apoio intelixente da leiriña. Iso agora, en virtude da súa modernización, non é posible. Estamos nunha crise que non é só de axustes; paréceme unha crise de modelo, que vén incubando desde os anos setenta. Isto dígoo como historiador.
A grandes crises, grandes cambios.
Tradicionalmente iso resolvíase con guerras. A nosa invectiva científica e técnica, para dominar o medio, entre elas a enerxía atómica, demóstranos que non podemos facer unha guerra, porque pode ser perigosa para a propia especie. Hai que facela a través de guerras incruentas, nas que están Europa, China e India por unha banda, e Estados Unidos por outra. Europa ten bastantes boletos para seguir co declive que empezou coa Primeira Guerra Mundial e confirmouse na Segunda: perder protagonismo no conxunto mundial. Ademais, hai unha novidade moi grande, aínda que nos parece que hai uns cantos ricos e moitos pobres, as distancias sociais son proporcionalmente menores que fai setenta ou cen anos. Temos unha sociedade de miles de millóns de persoas relativamente homoxénea cultural e economicamente. O mercado é global e todas as persoas son suceptibles de ser clientes. Isto cambia a situación.
Galicia esgotou as posibilidades de aplicar políticas anticíclicas?
Non é fácil gradualo. Desde o oitenta, Galicia transformouse cualitativa e cuantitativamente dunha forma extraordinaria, en parte debido á incorporación a un mercado e unha estrutura moito maior que é Europa. Hai quen son críticos, e enténdoo, coa incorpoación de Galicia á UE, pero non se fan a pregunta de que lle pasaría a Galicia de non estar na UE. Iríanos mellor? Eu penso que nos iría peor. Agora, foi correcta a asunción acrítica dunha alternativa de produción leiteira tan masiva como se fixo? Non foi unha imposición, podíase haber ir por outras vías. Non podemos estar "ao prato e ás talladas".
O factor demográfico condiciona moito o noso futuro?
É evidente, igual que é evidente que este problema non se resolve cun decreto. En xeral os Gobernos e a sociedade galega non están a facer nada nesa dirección. O futuro que se nos aveciña é moi dramático, porque a taxa de reposicion en Galicia é especialmente baixa, unha das máis baixas de toda Europa. Cataluña, Madrid e Levante incorporaron nos últimos anos millóns de persoas procedente da inmigración, mentres que en Galicia non chega a cen mil. Os gobernos galegos deberían tomar medidas, de forma indirecta, de apoio á maternidade, facilitar a vida laboral, etc. O demográfico, a destrución do territorio e a despreocupación pola cultura son o tres grandes problemas da Galicia actual.
O galego valora a conservación do medioambiente?
Non de todo, pero temos exemplos nas antigas democracias socialistas dun estado lamentable do medio ambiente, moito peor do que está Galicia. Europa, un continente plural, de gran valor patrimonial e simbólico para toda a humanidade, non só debe protexer unha catedral ou unha cova prehistórica, senón que o seu patrimonio natural debe ser obxecto dunha protección privilexiada. O modelo produtivista, especialmente no medio rural, imposto por Bruxelas foi nefasto. A idea inicial da UE de que os campesiños tiñan que ser os soportes da democracia -no fondo está no tratado franco-alemán e na idea de política agrícola común- habería que transformala en facer de todos os habitantes do mundo rural os soportes dun medio natural máis sustentable, máis humano. Deberiamos repensar se parte da subvención destinada a producir leite debería ir producir osíxeno e facilitar a fotosíntese.
A AVE galego está en dúbida?
Na época de Aznar tomáronse decisións que marcan moito. A solución que suxerían moitas asociacións civís da zona de Pontevedra, de facer unha ele, parecía moito máis razoable. Toda Galicia ten menos poboación que Barcelona capital e menos da metade que Madrid. En cambio, queda illada da zona de expansión natural, que é a do Porto. Trátase dun investimento extraordinario que segue máis ou menos o criterio que seguiron os ferrocarrís no século XIX: a decisión política de que chegase a todas as capitais de provincias.
Desde unha concepción radial.
Si. E seguimos nesa concepcion radial. Probablemente Galicia debería ir a unha concepción máis Ibérica, cun AVE atlántico, e non empeñarse en que todas as capitais teñan AVE, porque non tes viaxeiros. Quen vai viaxar no AVE? Haberá un servizo pola mañá e outro pola tarde ou catro ou cinco ao día? O AVE está construído con recursos dos contribuíntes. Na súa explotación non se computa o custo do trazado, e así calquera fai as contas. É un investimento extraordinario a fondo perdido. Pero, dito en termos de dignidade colectiva, xa que chegamos até aquí, agora non se pode cancelar o AVE, e espero que teñamos o xuízo suficiente todos para que poida acabarse.
Como avalía a postura que está a ter o Goberno Zapatero no AVE galego?
É bastante entusiasta e merece o recoñecemento do ministro de Fomento.
Imos cara a unha recentralización do Estado?
Hai posturas explícitas. Textos feitos por académicos e thinks-tanks que sosteñen que unhas das culpables da situación actual de España son as autonomías. É un debate trucado, porque as Autonomías poden ser vistas como unha das bases fundamentais do benestar colectivo de España no últimos trinta anos. En xeral, as autonomías non teñen nada que envexar o seu funcionamento ao Goberno central ou ao chamado Goberno da nación. Non sei por que algúns se estrañan tanto de que haxa nacionalistas, cando iso falan do "Goberno da nación". Na miña opinión, sería un Goberno federal, un Goberno de todos.
Pódese argüir que o gasto centralizado é menos custoso que o descentralizado?
A xestión próxima ao cidadán é moito mellor a que a que está lonxe. Non me imaxino volver á época dos manguitos dos ministerios, onde para comprar unha cadeira, poñamos na Universidade de Santiago, haxa que depender do que diga Madrid. Construímos un sistema de autonomías para evitar un problema de debate nacional dentro de España. Por tanto, non volvamos ás andadas. O sistema autonómico foi un bálsamo, ao xeneralizar a toda España a situación do País Vasco, Cataluña e Galicia. O café para todos funcionou razoablamente ben. Vexo máis a recentralización como alimento ideolóxico que como viabilidade político-administrativa.
As revoltas no norte de África e os efectos do terremoto e o tsunami sobre as centrais nucleares en Xapón poden provocar cambios a escala mundial?
Entre o de África e o do Xapón un punto común é o problema das enerxías. Un dos debates do século XXI, aínda que vén de antes. O de Xapón pon en cuestión a enerxía atómica, pero paréceme que non se pode tomar unha determinación en contra das nucleares unicamente por razóns en defensa do medio ambiente ou ecoloxistas. Desde a perspectiva do fundamentalismo islámico, o que pasou no Magreb é unha boa noticia en conxunto, pois mostra unha cara diferente do que Europa tiña como satanizado. Hai unhas sociedades formadas por xente nova que está a pensar en termos de conseguir liberarse das autocracias ou das ditaduras que Occidente apoia ou facilita, e cando gañan os islamitas din que non valen os resultados. Occidente ten que reflexionar sobre a hipocrisía das súas posturas.
GALICIA XXI ACTORES DO CAMBIO
"Hai que reformular o goberno local"
Sobran municipios?
Non sei se sobran, pero sobran tal como están. A administración municipal española ten case 200 anos de vida. En Burgos hai tantos municipios como en Galicia. É un problema do modelo de réxime local en España, que se agrandou, a partir dos anos sesenta, e especialmente desde a democracia, polas extraordinarias atribucións que os municipios alcanzaron na designación dos valores do territorio -planeamento urbanístico, etc- .
O resultado está á vista de todos: o descontrol urbanístico. Os municipios naceron para dar servizos aos cidadáns que nun dia puidesen ir da súa casa ao concello e volver ben. Ese modelo está obsoleto.
Eu creo que o que habería que reformularse son as formas de goberno local. Non sei se fan falta 300, 200 ou 100, pois depende das competencias que se lles atribúan a cada un; Portugal ten 300 municipios, pero dispón dunhas xuntas de freguesía moi importantes.
España ten case 9.000 municipios, e iso é moito. Iso tiña que ver cunha sociedade rural; na sociedade actual, que é a da información e comunicación, esa concepción territorial hai que repensala. En definitiva, o problema non é só de número, senón de repensar o modelo de goberno local.
Dende a Coordenadora queremos amosar a nosa solidaridade coa profesora e a nosa repulsa aos métodos utilizados por Galicia Bilingüe, que é quen de utilizar a mentira para obter repercusión mediática.
Só queremos ser nós mesmos; basta de mentiras e represións.
Xornal de Galicia
Gloria Lago comparece ante os medios cunha nai cuxo fillo, asegura, "sueña que su profe le quita el libro de las manos" por estar redactado en castelán e ser de Coñecemento do Medio, materia impartida en galego.
Unha nai, acompañada da presidenta de Galicia Bilingüe, Gloria Lago, denunciou a suposta "discriminación" que padece Diego, o seu fillo de seis anos, a quen a súa profesora lle impide usar o libro en castelán da materia de Coñecemento do Medio, cuxa impartición esta fixada en galego polo Decreto do Plurilingüismo no ensino non universitario.
Begoña -a nai do menor- explicou que esta situación comezou no inicio do presente curso escolar e que a profesora da materia chegou a recriminar a "gritos" ao pequeno que non utilice o libro que establece a lexislación. Segundo denuncia a nai, o neno "non pode traballar" na aula coa súa propio material en castelán e substituíuse o libro "por unhas fotocopias".
A situación é tal, asegura Begoña, que o pequeno chegou a dicirlle á súa proxenitora frases como "Mamá, esta noche soñé que mi profe me quitaba el libro de las manos". Así mesmo, asegura que a profesora decidiu non darlle clase de Coñecemento do Medio a todo o grupo ata que o mozo deixase de levar o libro en español. "Siento que mando a mi hijo al campo de batalla", afirma.
Para denunciar esta situación, presentou cinco escritos ante o centro e a Inspección educativa e solicitou persoalmente ao conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad, que propoña unha solución, durante unha charla que ofreceu na cidade da Coruña. Doutra banda, tras unha reunión coa xefa territorial do ramo, esta aclaroulle que os seus fillos deben usar o libro establecidos para a materia e recriminoulle que faga "política" co pequeno.
Finalmente, avogou por presentar un recurso de alzada que, de non resolver a situación, desembocará nun recurso pola vía contencioso-administrativa para que sexa un xuíz quen ditamine se, coa lexislación vixente, pódeselle impedir a un neno utilizar un libro nunha lingua oficial en clase.
"INTERESES ECONÓMICOS"
Na mesma rolda de prensa, Gloria Lago interveu para recriminar á Consellería que mentres "estes nenos teñen problemas" permítase "o uso de libros en galego" para materias en castelán e non ao revés, ademais de consentir que 4.500 docentes "incumpran o decreto" ao asegurar que seguirán impartindo as súas clases en galego. "Pode haber unhas consecuencias difíciles de demostrar", afirma.
Deste xeito, denunciou que a Xunta "omite" a vixilancia do cumprimento do decreto do plurilingüismo no ensino e "prohibe" aos alumnos usar os libros e realizar os exames no idioma "da súa elección", unha premisa que se incluía "no programa electoral do PP".
Lago contrapuxo esta situación, ademais, coas subvencións a editoriais para elaborar material didáctico en lingua galega e coas declaracións realizadas polo secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o propio Jesús Vázquez durante os días posteriores á presentación do anteproxecto de decreto.
"Até o mércores desa semana afirmouse en prensa que habería liberdade de lingua para o uso dos libros, pero tras unha reunión, aparentemente privada, de Anxo Lorenzo cos editores o mércores 17 de marzo, o discurso cambiou radicalmente, do que podería deducirse que pesaron máis os intereses económicos dun sector que os compromisos electorais e a mellor formación dos alumnos", asegura a asociación.
Lobeira chámao "matón" e "verdugo do idioma", mentres que Cerviño asegura que lle importa "un bo carallo" o destino do galego.
O deputado do BNG, Bieito Lobeira, acusou ao secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, de ser "un auténtico sicario" contratado polo Partido Popular, --quen defendeu no Parlamento o seu labor e a do seu departamento durante o ano pasado-- co fin de "liquidar a lingua galega", e tachouno de "matón" e "verdugo" do idioma. Así o apuntou Lobeira na Comisión 4ª de Educación na que o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, fixo balance a petición propia do labor realizado e as medidas tomadas en 2010 respecto ao idioma galego, que segundo dixo, centráronse "na dinamización, a formación e visibilización" a lingua propia de Galicia, nunha intervención na que ironizou coa evolución das acusacións cara á súa persoa.
"O ano pasado era un mercenario, este un sicario", dixo sorrindo. Nun cruzamento de reproches entre a oposición e o Goberno galego, Lobeira definiu 2010 como o ano "dos ataques máis virulentos dun Goberno galego durante o século XXI contra a lingua galega", á vez que pediu que "non volva nomear o Plan Xeral de Normalización da lingua galega", debido "á conculcación", que ao seu xuízo padeceu este plan durante o ano pasado. Na súa quenda de réplica, Lorenzo fixo fincapé en que o plan de normalización lingüística non ten rango de lei polo que "é un documento que cada Goberno debe metabolizar" en función das "necesidades" da sociedade.
Todo iso nun discurso no que defendeu o decreto do plurinlingüismo no ensino, e rexeitou que "prohiba" o galego, pois ao seu parecer, iso significaría que "entón no decreto anterior prohibiron o castelán". "Non hai ningún problema co decreto", sentenciou. Así, Lobeira pediu a Lorenzo "respecto" á Cámara e á sociedade galega, "porque unha cousa é o que di e outra é a que fai" en referencia á acción do Goberno para a visibilización da lingua galega, a quen acusou de "ter unha cara de cemento" por negar que o 2010 fose "o ano dos maiores recortes obxectivamente" na lingua galega.
En concreto, durante a súa intervención, o secretario xeral de Política Lingüística sinalou que en 2010 realizáronse máis de 300 cursos de formación en galego nas que participaron máis de 5.300 persoas, entre as que se inclúen a preparación das probas do Celga, á vez que destacou a Rede de Dinamización Lingüística como "a inauguración dunha nova etapa no traballo de promoción do galego". Neste sentido, Lobeira recriminou a Lorenzo encartarse a "as teses máis retrógradas e cavernícolas coas que compadrea o Partido Popular", á vez que censurou que a aplicación xudicial Minerva imposibilita realizar calquera procedemento en lingua galega, que a Xunta fixese campañas institucionais en español, ou que prohibise" o ensino de matemáticas en galego.
GALEGO E ALTOS CARGOS
Na comisión, Anxo Lorenzo fixo fincapé en que "non hai desprotección do galego, xa que ao seu xuízo a pesar de "algúns problemas" a situación do idioma "obxectivamente é boa". Así mesmo, Lobeira referiuse á lei de Transaparencia que establece que os altos cargos da Xunta empreguen o galego no desempeño da súa función, e preguntou a Lorenzo se ten previsto dirixirse ao conselleiro de Industria, Javier Guerra, "para que cumpra coa lei nas súas manifestacións públicas". Tras apuntar que no Parlamento galego "hai deputados que non saben falar galego", Lobeira referiuse ao artigo 15 da devandita lei que marca que estes cargos "usarán oralmente ou por escrito o galego" e dixo que o labor do secretario xeral podería ser desempeñada "perfectamente" pola concursante de Gran Hermano galega que realizou unhas polémicas declaracións sobre o idioma.
A isto, Lorenzo replicou que a lei di textualmente "usar normalmente", o que, á súa parecer, non establece obrigatoriedade, e márcase así para "usar con man esquerda", algo que Lobeira contestou desde o seu sitio dicindo que "a vosa dereita é así" mentres realizaba un saúdo fascista co brazo no alto. En defensa de Lorenzo, o deputado popular Agustín Baamonde cargou contra os "exabruptos e provocacións" de Bieito Lobeira, ao que engadiu que "o nacionalismo quere tanto á lingua que pode acabar matándoa" cunha política "ultramontana, rancia e anticuada".
'IMPÓRTALLES UN BO CARALLO'
Pola súa banda, o portavoz de Lingua do PSdeG, Francisco Cerviño, destacou que o balance de 2010 "non por sospeitado é menos terrible para a lingua galega". "Impórtalles un bo carallo ou destino do idioma noso", desta maneira citou Cerviño ao presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luís Méndez Ferrín, á vez que fixo fincapé nas "dificultades" que pasa esta entidade para "pagar a nómina deste mes" debido ás débedas, que segundo dixo, ten o Goberno galego coa RAG. Nesta liña, o deputado socialista cargouo contra as "políticas lingüicidas" do PPdeG, que enlazou "coa extrema dereita madrileña", para pedir que "o galego necesita leite e vacinas, e non só axóuxeres" --en referencia ao programa do devandito nome para o fomento da lingua galega entre os nenos--.
O proxecto ten asegurado un capital de 300.000 euros para pór en marcha garderías ?que garantan que a lingua galega sexa vehicular no ensino?
MIGUEL PARDO - 23/03/2011 - 18:13 h.
As galescolas privadas aséntanse. Agora que a Xunta anuncia a apertura do período de prematrícula nas garderías públicas para o vindeiro curso, a rede de escolas infantís en lingua galega colle forma. Tanta, que a comisión impulsora da asociación Galiza co Galego (GcG) agarda contar con entre quince e vinte centros asociados xa no vindeiro curso 2011-12.
?A cousa vai moi ben e, aínda que non é doado, estamos moi satisfeitos coa resposta da xente?, di Francisco de Limiar, membro da comisión promotora. O obxectivo máis ambicioso é sumar 3.000 apoios, cada un dos cales comprométese a achegar entre 100 e 200 euros ?dunha soa vez? para ?facer viable? un proxecto que pretende ?dar a posibilidade aos pais de educar aos seus fillos na lingua propia de Galicia?. Na actualidade, GcG conta con 2.428 apoios que, no caso de que achegaran cadanseus 125 euros, alcanzarían xa os 300.000 euros, cantidade que sería máis que suficiente, segundo a comisión, para poñer a rede en marcha.
?O obxectivo é viable, moi viable; xa nos temos reunidos con 25 escolas infantís e a maioría están dispostas a unirse á rede sempre que os pais o demanden?, explica De Limiar, que forma parte do grupo territorial de Ferrol da comisión, que pronto terá outro na zona de Vigo.
A finalidade da comisión promotora de GcG non é outra que ?conformar unha rede de ensino? que garanta a posibilidade dunha educación vehicular en galego para os nenos de 0 a 3 anos, algo que xa facilitaban as galescolas durante o Goberno bipartito, pero que quedou imposibilitado co novo Executivo do PP.
O que parecía imposible hai uns meses é xa unha realidade e o primeiro paso darase a partir do vindeiro curso. ?A situación cambiou e a xente non dá atopado escolas infantís en galego; nós o que intentamos é facilitarlles un listado, unha pre-rede de centros que se comprometan a asumir o proxecto educativo?, recorda De Limiar.
Porque GcG conta xa cun proxecto educativo marco elaborado en colaboración coa AS-PG e Nova Escola Galega e o apoio tamén de sindicatos educativos ou da Unión das Cooperativas de Ensino. Neste primeiro curso, GcG pretende crear o ?xermolo?, unha rede de escolas asociadas que asuman o seu proxecto educativo e garantan unha educación ?en valores, laica e co galego como lingua vehicular?. Sen nome común, pero con proxecto común para todos. En 2012 chegaría ?a consolidación?.
Pero hai outra opción no caso daqueles lugares onde non haxa centros infantís ou onde as garderías non decidan unirse á rede: a creación de cooperativas, que contarían ?co apoio inicial de GcG, pero que pasarían a ser independentes en canto se consolidasen?.
Desde GcG insisten en que o futuro desta Rede Popular Galega de Escolas Infantís ?que así será o nome oficial? ?dependerá sempre dos pais?. ?Se eles queren unha educación en galego, nós prestarémoslle todo o apoio posible para arrincar, pero en canto estean funcionando, xa non faremos falta?, insiste De Limiar. Nese caso, a busca de apoios económicos e subvencións por parte da rede será fundamental.
As expectativas son moi positivas, malia a precaria situación económica dalgunhas escolas. É aí onde o apoio de GcG cobra relevancia, xa que podería incluso axudar na viabilidade dalgúns centros.
Os 300.000 euros que xa ten asegurados o proxecto son, en realidade, ?un aval?, tal e como explica Francisco de Limiar. ?Son unha garantía, pero non terían nin por que ser empregados, senón que asegurarían a continuidade do proxecto?, explica. De feito, calquera que apoie a iniciativa achegará os cartos ?dunha soa vez? e recuperaraos ?se decide marchar?.
Entre os apoios, inclúense pais interesados nunha educación en galego para os seus cativos, pero a maioría son persoas anónimas que colaboran desinteresadamente cunha iniciativa ?que asegure o dereito fundamental de educar os pícaros na lingua propia?.
O vindeiro 17 de maio, a comisión disolverase para constituírse en asociación e formar a rede dunhas escolas que acabarán tendo nome propio, ?pero que non se chamarán galescolas?.Se se cumpren as previsións, as cidades galegas e moitas outras vilas terán polo menos unha opción para educar os seus pequenos en galego.
Boas!
Son Miguel Alonso. Cóntovos que este xoves 24 de marzo estarei no auditorio do Torrente Ballester, dentro do ciclo Novas Noites, organizado polo Concello de Ferrol.
Será un concerto importante, xa que estou a presentar o meu novo disco, "A noite dos cans". e esta será a primeira vez que o presente con toda a miña banda en Ferrol. Acompañándome estarán Javier Santana (guitarras e coros), Juan Aparicio (baixo) e David Dapena (batería).
A entrada custa 5 euros e comezará ás 22 hrs.
Tamén será a primeira vez que actúe en Ferrol despois de recibir o premio autonómico "Xuventude Crea" da Xunta.
Para máis info: www.miguelalonso.tk
Se queredes calquera outra información: 658600957.
Graciñas pola difusión!