Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Queremos Galego chama a ?saír do armario? os galeguistas do PPdeG
DAVID LOMBAO - O Xornal - Martes, 09 de febrero de 2010 - 10:51 h

Carlos Callón pide apoio aos votantes populares ?defraudados coa política galegófoba? do Goberno de Alberto Núñez Feijóo


De participantes entusiastas na manifestación de Galicia Bilingüe a receptores do rexeitamento ao ?desmantelamento á oficialidade da lingua galega?. Onte, cando se cumpría exactamente un ano de que destacados dirixentes do PPdeG ?coma o seu secretario xeral e actual conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, o coruñés Carlos Negreira ou a viguesa Corina Porro? compartisen pancarta coa asociación contraria á normalización da lingua galega, as protestas contra o denominado decreto do plurilingüismo formalizáronse no Parlamento de Galicia.

Doce meses despois daquel polémico 8 de febreiro, a plataforma Queremos Galego iniciou os trámites da súa primeira iniciativa lexislativa popular (ILP), unha proposta coa que o colectivo en defensa da lingua trata de que a Cámara galega reafirme o seu compromiso ?cos dereitos lingüísticos? que, en palabras do seu voceiro, o presidente da Mesa pola Normalización, Carlos Callón, ?está a botar abaixo? o novo Goberno da Xunta.

Apoiados por representantes do mundo da cultura como a académica Margarita Ledo ou o debuxante Xosé Lois González O Carrabouxo, varios membros da plataforma, que xa aglutina a máis de 600 entidades políticas e sociais, presentaron no rexistro parlamentario unha iniciativa que insta á Xunta a ?cumprir o mandato estatutario de promoción da lingua propia?, así como a traducir en eidos coma o ensino a Lei de Normalización Lingüística, a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas e o Plan Xeral de Normalización, aprobado en 2004 co apoio unánime de PP, PSOE e BNG.

Neste sentido, Callón salienta que a proposta legal, para a que agora Queremos Galego recabará apoios entre a cidadanía, ?non vai contra ninguén?. Por ese motivo, explica, uns dos principais destinatarios das mensaxes da plataforma serán, precisamente, os membros do PP.

Así, o voceiro da plataforma insta os votantes da formación dirixida por Alberto Núñez Feijóo ?defraudados coa política galegófoba? do Executivo a que ?saian do armario? e apoien, coa súa sinatura, a ILP que, unha vez rexistrada, inicia a súa correspondente tramitación.

A ?intensa campaña social? que promoverá o colectivo dirixirase dun xeito significativo ?aos cidadáns que, co corazón na man, defenden o bilingüismo? xa que o seu obxectivo, explica a plataforma, é ?defender os consensos? acadados no ámbito político e educativo dende o comezo da andaina autonómica.

Mentres no seo do propio PPdeG medran as voces discordantes coas propostas recollidas nas ?bases? do decreto elaboradas pola Consellería de Educación, Carlos Callón ten claro que eses militantes conservadores, ?contrarios ao odio á nosa cultura?, respaldarán o actual marco normativo das linguas no ensino.

MEDIDAS DO GOBERNO

Partindo da base de que ?a lingua é motivo de unión?, Queremos Galego chama aos votantes populares a ?reflexionar se avalaron ese partido para que ataque a lingua, crispe a cultura e divida a sociedade?, unha circunstancia que, na súa opinión, demostra o rexeitamento ao decreto explicitado pola práctica totalidade de colectivos vinculados ao ensino e polas manifestacións celebradas en outubro e no pasado xaneiro.

Do mesmo xeito, e despois de que o Executivo reiterase o carácter ?preventivo? das mobilizacións, Callón asegura que ?no tempo que leva Feijóo? coma presidente da Xunta, ?non houbo a primeira medida en defensa do idioma?. Pola contra, lembra, ademais do proxecto de decreto para o ensino, o Executivo derrogou a obriga de realizar exames en galego para os funcionarios, modificou a normativa lingüística en ensino infantil e ?algúns conselleiros ?di? presumen de non saber galego?.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 09-02-2010 14:26
# Ligazón permanente a este artigo
SAÍDA A PORTO

ESPAZOS PARA FALAR-2010 - COA LINGUA DE EXCURSIÓN

INFORMACIÓN SOBRE A SAÍDA A PORTO


DATA: 23 / 24 DE ABRIL

1º día: Saída a primeira hora da mañá: Ferrol-Vigo_Tui-Braga ? O Porto

2º día: O Porto ? Ferrol: parada en Guimaraes.

O prezo aproximado por alumno vai estar entre 94? e 74? dependendo do número de persoas.

Inclúe: Viaxe-Hotel 1ª noite-Cea + Almorzo + xantar + Actividades(por concretar).

Os alumnos/as deberán levar da casa o xantar do venres (pararase no camiño).

O custe está realizado sobre unha participación de 45 alumnos.
Vai incluída a subvención da Coordenadora.
Non vai incluída a subvención, se for o caso, da equipa de cada centro aos seus alumnos.

PARA PODERMOS CONCRETAR DEFINITIVAMENTE TODO É IMPRESCINDIBEL COÑECER O NÚMERO DE CENTROS E ALUMNOS/AS INTERESADOS/AS.

ENVIAR EMAIL: cequipnormalizacion@gmail.com

Lembrade: O prazo remata o 22 de febreiro
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 08-02-2010 21:40
# Ligazón permanente a este artigo
Iniciativa Lexislativa Popular sobre o uso do galego
INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR

Comezaranse os trámites para impulsar unha Iniciativa Lexislativa Popular, que dea garantías legais que posibiliten o uso do galego en todos os ámbitos e nomeadamente no ensino e na administración (ao remate desta entrada aparece o texto completo en slideshare)

A cantidade de sinaturas mínima que cómpre recoller é de 15.000.

Para posibilitar a participación do alumnado, que participou activamente na folga do 21 de xaneiro, editaranse tamén pregos de sinaturas que permitirán aos menores de idade expresar o seu apoio á ILP. O texto da ILP pódese consultar en http://sites.google.com/a/queremosgalego.org/queremos-galego/iniciativa-lexislativa-popular , así como no arquivo adxunto que vos achegamos. O luns 8 de febreiro entregarase no rexistro do Parlamento.

FESTIVAL DE MÚSICA QUEREMOS GALEGO

Organizarase cara o mes de abril un festival de música en Santiago coa presenza de diferentes grupos galegos.

CONTESTACIÓN AO PROXECTO DE DECRETO

Convocaranse actos en todas as comarcas o día seguinte da presentación do proxecto de decretazo contra o galego, que previsibelmente será neste mes de febreiro.

REPARTO DE BANDEIROLAS, CAMISETAS E BONOS DE AXUDA.

Repartiranse as bandeirolas de Queremos Galego para colocarmos nas fiestras, e facermos público dese xeito o noso apoio á nosa lingua e o noso rexeitamento á política lingüística do gobernos da Xunta. Ademais seguen á venda polo prezo de 10? bonos-axuda de Queremos Galego e camisolas para sufragar gastos.

É importante contribuirmos aos gastos da plataforma adquirindo algún destes bonos ou camisolas.

MOBILIZACIÓN 17 DE MAIO.

Ao redor do 17 de maio convocarase unha manifestación nacional na defensa na nosa lingua.

Comentarios (0) - Categoría: Manifestos - Publicado o 06-02-2010 19:54
# Ligazón permanente a este artigo
MÉNDEZ FERRÍN: O que é radical é o goberno da Xunta, demostrouno co decreto do galego
A Real Academia debería traballar en silencio, pero as circunstancias actuais non llo permiten

A. LOSADA - Xornal.com - Actualizado 06/02/2010 - 00:58 h.

Xosé Luis Méndez Ferrín (Ourense, 1938) ocupa a presidencia da Real Academia Galega dende o 23 de xaneiro e reservou unha das súas primeiras visitas a un medio galego dende entón para este Café de Redacción. Cunha humildade salientable para alguén que está acostumado a escoitar que é un dos mellores escritores en lingua galega, Ferrín analizou presente e futuro.



A Academia manifestouse a prol da lingua varias veces nos últimos meses do anterior presidente, Xosé Ramón Barreiro. Será esa a súa postura?

A resposta breve é que si. Unicamente querería matizar que cada vez que a Academia di algo, todo o mundo insiste en que xa era hora de que a Academia falase. Pero a Academia fala continuamente. O 17 de maio, por exemplo, manifestouse cunha advertencia pública que marcou unha liña de prevención contra o que ía vir por parte do Goberno de Feijóo. A que nós chamamos análise académica sobre as bases do novo proxecto de decreto do trilingüismo, é algo que recibiu o respaldo da totalidade do plenario, é dicir, que mesmo dous académicos que non adoitan asistir ás sesións se apresuraron a presentarse neste caso e colaboraron coas súas achegas.

Entón, falar é función da Academia?

Penso que a Academia ten unha función, que é a de estudar a lingua, facer os deberes que lle foron prescritos hai cento e pico anos, dos que moitos aínda están sen cumprir, perfeccionar os que xa iniciou e traballar en silencio, o que pasa é que as circunstancias actuais non nolo permiten. Tivemos que manifestarnos e estou moi satisfeito da calidade, profundidade e rigor da análise da Academia, e podo dicilo coa boca chea porque non son un dos autores.

Hai 40 anos do 'Retorno a Tagen Ata'. Pensa que o país se ten consolidado?

Son outras circunstancias. Cando eu tiña a idade dos máis novos nesta mesa, todos os galeguistas do país cabían nesta sala, e se alguén metía aquí unha bomba, acababa co galeguismo. Hoxe, a praza do Obradoiro é pequena para conter os que defenden o galeguismo, así que naturalmente se fixeron avances. Iso non quita que o galego deixe de retroceder no uso privado, que non no público, nin no literario. Existe un terrible xogo a vida ou morte do noso idioma, e temos que xogalo con intelixencia e con firmeza.

Chegou esta ?poboación máis leda e vera? pola que di agardar en 'Con pólvora e magnolias'?

Unha poboación máis leda e máis vera vina na resposta ao 'Prestige', e na resposta a este decreto. Cando eu escribía eses poemas, non existía esa poboación, había outras subxectividades moito máis mansas, pero hoxe é seguro que non vai ser fácil acabar coa lingua, nin co país, nin coa paisaxe.

Que sente cando lle aplican adxectivos como ?radical? ou ?batasuno??

Paréceme que o que é radical é o cambio que fai este Goberno coa situación do galego no ensino. E digo radical porque vai á raíz. Se o decreto era antes medio protector do galego, agora é desprotector, e iso é radicalismo. E creo que este Goberno non está capacitado para ser tan radical, porque ten unha maioría moi precaria, e estase enfrontando á sociedade, e a sectores moi importantes do seu propio partido, aos que intentou estrangular en Ourense, sen conseguilo. E que digan que son batasuno, non sei nin que contestar. Non teño nada que ver co País Vasco, agás que é unha terra que me gusta e visito sempre que podo.

A Academia apoiaría un decreto que repartise o galego no ensino ao 50%?

Si, se non ten que haber un equilibrio total, como non o hai na sociedade. Terá que haber unha discriminación positiva a prol do galego. Hai que fomentar o galego, porque o castelán non o precisa. Pero, por suposto, hai que saber falalo e escribilo tan ben como o galego, e iso sería suficiente. O exterminio do castelán en Galicia non está na mente de ninguén que sexa normal. Non coñezo ninguén que o pense, pero hai moitos galegos que queren exterminar o galego dentro de si mesmos, e irrítanse cada vez que o galego dá un pasiño.

Por que se produce iso?

Porque hai un proceso terrible de colonización, que consiste en que o colonizado non se sinta persoa, que se odie a si mesmo. Pero non é algo que causase o franquismo, como cre moita xente nova. Vén dende o século XV, de cando os nobres galegos se enfrontaron á raíña Isabel a Católica e ela estableceu en Galicia unha situación de dominio. En Galicia hai milleiros e milleiros de galegofalantes reprimidos que nunca falan galego. Saben, e en moitos casos téñeno como lingua propia, pero téñena estrangulada. Iso é unha patoloxía que se dá en todos os países colonizados. Por iso, a meta do galeguismo e o nacionalismo galego, que sempre foi progresista e estivo coas causas máis avanzadas dende o século XIX, foi devolverlles o orgullo aos galegos, e non hai orgullo galego sen lingua galega.

O galego retrocede polo éxodo do rural. Non é necesario un esforzo especial en defendelo no ámbito urbano, sobre todo na Coruña e Vigo?

Claro que si. Pero toda a miña vida política, no sentido amplo da palabra, foi un intento de sacar o galeguismo desa conciencia de exclusividade do rural e levalo á cidade. Sempre pensei que o suburbio é o lugar natural da nova política galega. Esa era a estratexia de Murguía, crear un galego moderno, un galego que sirva para todo. Era o programa das Irmandades da Fala, que nacen na cidade da Coruña. Os centros urbanos son bastións do galego dende o século XIX ata hoxe.

Entón, que ocorre co rural?

O mundo agrario desapareceu, a agricultura retirouse de Galicia. Cando hoxe vemos un home ou unha muller montados en tractor sorprendémonos, porque son a excepción. As aldeas non desapareceron, pero a perda do galego nelas é evidente. Na Estrada, xa no meu tempo, moitos nenos falaban castelán. O Morrazo monolingüe xa está moito máis castelanizado, máis que o hínterland obreiro de Vigo. A propaganda sindical faise en galego, en todas partes. Quen toma a palabra na Bazán de Ferrol fala en galego. Pero non ocorre así na CEOE ou no Club Financeiro de Vigo. Entón, ao mellor, non é rural fronte a urbano, senón status fronte a status, unha cuestión de clases.

Como facemos que a lingua deixe de verse como eterna fonte de conflitos?

Hai un discurso, por aí, que di ?o que lle interesa á xente...?, porque hai moito experto en dicir o que lle interesa á xente. O que lle interesa á xente, din en Madrid, ?son los garbanzos?. Ben, pero como a xente non son cans que só queren comer, como o pobo son individuos que teñen identidade, ademais lles interesan moito outras cousas, entre elas a lingua. Vese moi claramente en Bélxica. Claro que a lingua é conflitiva, e cada vez que defendamos o noso idioma, acusarannos de ser cerrados e extemporáneos. Que o fagan na prensa de Madrid vai por descontado, pero o que é patético son os columnistas galegos que teñen unha visión da lingua a través de Madrid.

A militancia política e a responsabilidade institucional contradinse?

Penso que unha persoa pode participar no partido que queira, ter a relixión que queira e as ideas que queira. Non sei por que non se pode ser presidente da Academia pertencendo a un partido minoritario como a FPG se se pode sendo de calquera outro partido grande.

Alonso Montero dixo nestas páxinas que foi un problema con vostede o que o afastou da Academia?

Tivo algún problema comigo? Que o explique el, eu non teño nada en contra de Alonso Montero. Se o tivese, xa tería escrito algo ao respecto. Eu identifico claramente os meus inimigos, digo quen son e como se chaman.

Pode mirar para a Xunta e pedir unha solución ao vello problema do financiamento da Academia?

Si, esa ten que ser a liña, estea quen estea na Xunta. No aspecto económico, a Academia vive en precario. Os académicos exercen un voluntariado, pero de verdade, non como outros de ONG que viven moi ben e teñen jets privados. A Academia recibe axudas relativamente importantes, que son as que permiten a súa vida, pero ninguén ten soldo agás os funcionarios. O diñeiro que recibe daXunta, son cartos finalistas, que van para facer dicionarios, sociolingüística... e non se pode empregar para pagar outras cousas, de maneira que a Academia non é ceibe para poder desenvolver o seu traballo. É a única Academia de Europa que ten estes problemas, pensen que a vasca ten o respaldo dos gobernos de Euscadi e Navarra, e do Ministerio de Cultura da República de Francia.

Só a Xunta achega cartos?

Non, a Academia Galega recibe axudas dalgunhas deputacións, non de todas, e unha axuda histórica do Concello da Coruña, pero son pequeniñas e dan para sobrevivir. A forma de saír da supervivencia e regularizarnos e que a Academia estea nos Orzamentos da Xunta de Galicia e do Goberno de España, porque para iso somos reais. Queremos recibir unha partida anual para administrala libremente, aínda que rendendo contas, por suposto, a quen faga falta e con transparencia. Isto non ocorreu nunca, no Goberno anterior non foi aceptado, houbo un conselleiro que se opuxo, e na lexislatura anterior, ou na outra, entraba unha partida orzamentaria no Senado para a Academia Galega e foi rexeitada por parlamentarios nosos, e non eran precisamente do PP nin do PSOE.

Como se pode conseguir?

Non o sei, nós pedímolo, unha e outra vez. Non nos vai restar independencia, porque a Academia non tolera inxerencias de ningún tipo, pero esa é a única saída que temos.

Para cando unha gramática galega feita na Academia?

Esa foi una das cousas que a Academia non fixo en cen anos. Propúxose o primeiro día que se constituíu e aí a tes, sen facer. Haberá dificultades, pero espero que nestes catro anos estea lista, porque hai persoas moi capacitadas para facela.

Que opina de establecer acordos coas academias portuguesa e brasileira?

O problema é que en Brasil hai dúas academias, hai que escoller, e en Portugal non hai academia ninguha. Ademais, tratar con Portugal é bater nunha porta. Eu paseime a miña vida tratando de conseguilo, e non vin ningún achegamento. Saramago falando o castelán ese horrible que fala, cando ven a Ferrol ou á Coruña é a imaxe do problema. O galego, aos portugueses, recórdalles a un avó pobre do que hai que avergoñarse. Hai un complexo moi raro que non teñen os brasileiros.


Unha solución podería ser achegar a ortografía galega á portuguesa?

Non penso que a Academia vaia dar ningún paso para achegarse ao portugués, en todo caso, agardaremos a que os portugueses dean algún paso de cara a nos, cousa que me parece utópica. [Ferrín cámbiase ao portugués]Eu podo continuar a conversa en portugués, pero non hai ningún escritor portugués que saiba falar en galego.

Non é partidario de tender lazos?

Si, pero teñen que ser recíprocos. Hai unha corrente de opinión tremenda en Portugal, que lle chaman iberista, pero é españolista. O que os galegos temos que facer, dada a semellanza do noso idioma, é promover o ensino do portugués nas escolas e institutos, porque nos é útil. Agora ben, o galego xa non é o portugués, e iso ocorre dende finais da Idade Media. Calquera reintegracionismo é un forzamento da Historia, e como dicía Tony Negri calquera forzamento da realidade é terrorístico.

É consciente de que calquera día lle poden dar o Nobel?

O premio Nobel só excepcionalmente recaeu nalguén que non escribise en francés, inglés, alemán... Aparece un portugués, un chinés, que está en París e resulta moi sospeitoso de non ser chinés de verdade, e hai moitos anos foi un bengalí, pero porque toda a súa obra estaba en inglés. No mundo non hai igualdade entre as culturas e as literaturas, hainas de primeira e de segunda. O que quero dicir é que é practicamente imposible que me dean o Nobel a min, como a un escritor bretón ou galés, pero sería benvido, porque contribuiría a aumentar a autoestima lingüística dos galegos colonizados.

Que futuro ten unha literatura que se alimenta dun idioma ameazado?

Na prosa, Manuel Rivas é un exemplo de éxito internacional, e de calidade. Pero é na poesía onde somos realmente sorprendentes, falo dos novos poetas, dos da xeración de Fernán Vello, dos da miña, dos anteriores, de Manuel Antonio, de Pondal, de Rosalía. O que ocorre coa poesía galega é inexplicable, non hai ninguén en Europa, nin nos Estados Unidos, que se poida equiparar á Rosalía de Castro daqueles anos, non existe, e menos en España. E hai que introducir tamén o factor feminista. As escritoras galegas non precisan ter unha habitación de arriba para escribir, como dicía Virginia Woolf, porque son as mellores. Rosalía é a mellor.


Sinala Paco Rodríguez que faltan teses sobre Rosalía en Galicia, que hai máis nos EUA. Dá medo Rosalía?

Si, efectivamente, falta investigación. Rosalía mete medo, é moi potente. Pero hai unha constante reflexión sobre Rosalía en Galicia. A xeración Galaxia viu nela a poeta da terra. Logo veu a interpretación da Rosalía social, liderada por Alonso Montero, a visión feminista, a nacionalista, que é a de Paco Rodríguez... Iso acontece cos grandes escritores, pero é que Rosalía ademais mete moito medo porque é o símbolo nacional. Galicia identifícase con Rosalía, é o único país do mundo que ten unha muller nese papel. Non hai ninguén que non saiba que Rosalía é nosa, sexa culto ou analfabeto, rural ou urbano.

Cal é entón o segredo da lírica galega?

Por que ten esa forza? Non o sei, pode que teña a súa orixe no propio colonialismo, que sexa unha caste de compensación para un país asoballado, que de pronto escolle algo para destacar, algo que podería ser desprezado por unha colectividade máis próspera. Ademais, a literatura é un territorio liberado. Nós non temos que ver cos procesos históricos da literatura española, e igual de pouco coa portuguesa. Somos unha república independente, e a demais de piratas. Os escritores galegos saen a ver as literaturas do mundo e rouban todo o que queren, e como somos invisibles, ninguén nolo reclama. Os escritores galegos adoitan ser cultos, son quen de ler en moitas linguas estranxeiras, e non están pendentes da alfándega de Madrid, nin do que recomende Babelia en El País.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 06-02-2010 19:46
# Ligazón permanente a este artigo
O lingüista Pablo Gamallo debulla as posibilidades do modelo e salienta a súa eficacia para acadar un nivel de competencia igual no idioma hexemónico e no minorizado
A verdadeira "inmersión"

M. DOPICO - Galicia Hoxe - SANTIAGO


Pablo Gamallo subliña que o modelo de inmersión máis precoz e total é o máis eficaz para acadar competencias na lingua hexemónica e na minorizada

A demonización do concepto "inmersión lingüística" é a estratexia que o PPdeG está a seguir para quitarlle ferro ás críticas expresadas desde o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Real Academia Galega (RAG) sobre as bases para a elaboración do novo decreto sobre o uso do galego no ensino. Alberto Núñez Feijóo volveu antonte trazar co seu discurso un esquema alicerzado na oposición entre "modelo de inmersión" e "equilibrio".En realidade, o ditame do CCG propón un repartición do 50% "como marco de referencia xeral flexible", que se "terá que adaptar aos distintos contextos sociolingüísticos e educativos", de xeito que se poida superar a metade das materias na lingua propia do país en cumprimento do principio de "como mínimo, o 50% da docencia en galego" que establece o Plan Xeral de Normalización Lingüística.

Alén diso, o Tribunal Constitucional avalou a legalidade do modelo de inmersión e, tal como lembra a RAG no seu informe, esta estratexia é o que practican "as mellores academias de idiomas", ademais do método máis "rápido, eficaz e coa maior garantía", que se estendeu a outros países despois de iniciarse en Canadá.


Que é a inmersión lingüística?

Hai unha definición primeira, que é a instrución dos estudantes nunha lingua que é diferente da súa lingua materna. Despois produciuse unha extensión do significado do termo, segundo a cal inmersión é instruír os alumnos nunha lingua minorizada, nun contexto no que hai unha lingua social hexemónica.

Hai varios tipos de inmersión.

Si. Inmersión total, -todo na lingua minorizada agás unha materia na outra lingua-; parcial -a partir do 30% ou do 50% das materias na minorizada: aquí non hai acordo entre os autores na denominación; e bilingüe -na mesma aula hai alumnos que falan dúas linguas, por exemplo castelán e inglés en Estados Unidos, e aplícase un programa didáctico especial-. A inmersión pode ser precoz -desde preescolar-, retardada ou tardía. Por exemplo, en Luxembrugo comezan con luxemburgués, introducen o alemán en infantil, francés na primaria e inglés na secundaria.

Hai outro concepto, que é submersión: escolarización na lingua maioritaria, excluíndo a minorizada. O resultado é a asimilación lingüística. Un exemplo sería o ensino no franquismo.

Si. Cando o conselleiro de Educación di que non permitirá a inmersión en ningunha das dúas linguas, comete dous erros. A lexislación vixente xa establece unha inmersión en galego, pero parcial. O decreto aprobado no ano 1995 polo goberno do PP vai máis alá do terzo: pódese chegar ata o 50% en galego. A diferenza básica co decreto aprobado polo bipartito no 2007 son as matemáticas, e a elección dos pais. A "inmersión" en castelán, para os galegos, non existe, porque o castelán é a lingua hexemónica. Se o alumno ten o castelán como lingua materna, estaremos ante o modelo clásico de instrución: é como se estuda en Valladolid, e ninguén lle chama inmersión. Se a lingua materna é o galego, trataríase non de inmersión senón de submersión. Agás que consideremos que o galego é a lingua hexemónica, de prestixio...

De onde vén a demonización do concepto inmersión?

Vén dada polo que pensan en Madrid sobre o que pasa aquí. En Cataluña o modelo deféndese, por moito que digan os medios de Madrid. Mesmo dentro do PP catalán se apoia.

O CCG salientou que as experiencias demostran que o modelo de inmersión é o máis eficaz en termos de capacitación nas dúas linguas, en contextos de bilingüismo social asimétrico como o galego. Que conclúen os estudos?

Que non hai modelo que supere a este. E se é total, e canto máis precoz, mellores son os resultados.

Un experto da USC, Miguel Pérez, está de acordo no da eficacia, pero di que a inmersión debe ser voluntaria. Que pensas ti?

En Cataluña o modelo de inmersión comezou no 83, cunha experiencia en Santa Coloma de Gramenet, impulsada polo Concello e a Generalitat. Despois estendeuse a toda Cataluña. Sempre pode haber pais que non estean de acordo, claro. No País Vasco si escollen os pais: entre a liña X -todo en castelán-, a A -en castelán con unha materia de éuscaro-, a B -inmersión parcial en éuscaro- e a C -inmersión total en éuscaro cunha materia de castelán-. Comprobouse que, despois de 25 anos, se estaba a incumprir a lei de normalización, pois máis da metade dos alumnos non estaban a aprender éuscaro ao nivel que para o inglés se chama First Certificate: aprobaban o 57% dos da liña D, o 27% dos da B e o O dos da A. Por iso se tentou ir cara ao modelo catalán, (o D), pero o actual goberno, do PP e o PSOE, anulou esta política para volver á escolla de liñas. Na escolla, por certo, a A era a maioritaria nos 80, pero no 2007 acadou o 56% dos alumnos en primaria.

OPINIÓNS

"Debe haber recursos, planificación e mais unha metodoloxía"

O modelo comezou en Canadá. Como foi?

En Quebec, nos anos 60. Foi impulsado por pais e pedagogos da minoría anglófona, na comunidade St. Lambert (Montreal), para que os alumnos se integrasen a aprendesen mellor francés, lingua maioritaria na rexión. Fíxose coa inmersión total precoz en infantil ata segundo de primaria, despois 60% en francés e 40% en inglés en terceiro de primaria, e 40% de francés e 60 de inglés a partir de cuarto de primaria e toda a secundaria. Comprobouse que se igualaban aos anglófonos nativos en inglés e aos francófonos en francés. Tamén se aplican modelos de inmersión en Irlanda, Finlandia... aínda que en Finlandia pasa ao contrario que aquí: a lingua propia é a hexemónica.

Hai algún dato que sosteña a idea tan repetida de que se só hai unha materia na lingua hexemónica, esta non se aprende?

O Informe Pisa demostra que os alumnos da liña D no País Vasco obteñen resultados por enriba da media española en varias materias, entre elas lingua española. O nivel de castelán dos alumnos de Cataluña é máis alto que o de moitas comunidades monolingües. O importante, de todos os xeitos, é que haxa recursos, unha planficación, unha metodoloxía, estudos... Aquí só temos decretos que establecen cotas de galego.

Que modelo preferirías ti?

O ideal sería o catalán. Hai unha opción máis probabilista, parecida ao modelo vasco. Na enquisa ás familias que fixo o actual Goberno, en secundaria as dúas opcións monolingües superaron ás bilingües. Podemos partir dese 20% de pais que queren educación monolingüe en galego, que xa é máis que o que tiñan os vascos ao principio. Se hai recursos, e os estudos demostran os bos resultados, prestixiariamos o galego. O problema é que incumpririamos a lei de normalización, habería alumnos que non aprenderían galego por escoller a opción monolingüe en castelán, é politicamente incorrecto porque é parecido ao que quere Galicia Bilingüe, sería caro... Non creo que producise fractura social sendo o castelán e o galego tan parecidos. Co novo borrador, se cadra se podería acadar o 66% en galego: 33% en galego, e 33% en "lingua estranxeira" que sería o portugués...
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 06-02-2010 19:36
# Ligazón permanente a este artigo
Sácanlle as cores a Anxo Lorenzo
30-xaneiro-2010. Xornada de Formación dos Premios á Innovación en Normalización Lingüística 2009-2010. Anxo Lorenzo (Secretario Xeral de Política Lingüística) remata a súa ponencia. Podedes ver aquí un extracto do debate posterior. Unha cansa indignación nos ollos dos ensinantes: saben que loitan sós e saben os nomes dos responsables desa soidade. A súa vontade, o seu día a día nas aulas, é a trabe de ouro da escola galega.

http://vimeo.com/9173324

Só son 11 minutos 26 segundos de vídeo.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 06-02-2010 19:27
# Ligazón permanente a este artigo
HENRIQUE COSTAS: Gobérnannos uns mentireiros que agora non poden xestionar a trola
O decreto do galego está montado sobre unha falacia que é a enquisa aos pais.

CRISTINA DÍAZ PARDO- Xornal.com - Actualizado 05/02/2010 - 12:02 h.

?A miña filla criouse en galego pero sabe falar en castelán. Comezouno a aprender porque dicía os diálogos da serie Bob Esponja?, conta Henrique Costas, o coordinador do libro 55 mentiras sobre a lingua galega que hoxe se presenta de forma oficial en máis de 70 lugares, tanto dentro como fóra de Galicia. ?Aínda que nós lle falabamos en galego, a sociedade e os medios fano en castelán. Ao revés, un neno educado en castelán non podería aprender galego só con ver Sin Chan?, conta Costas, quen só ten un obxectivo: desmontar ?as mentiras que rodean a lingua propia?.



Cal é a mentira máis gorda que se di sobre a lingua galega?

A de que o galego nunca foi prohibido. Efectivamente, non existe unha lei que prohíba falar en galego, o que si que hai é unha morea de decretos e de normativas prohibindo outra cousa que non sexa o castelán. Esa mentira é inmensa porque a xente sostén que aquí o castelán foi adquirido dunha forma moi tranquila e moi bonita, que o quería falaba galego e o que quería falaba castelán. Iso é unha burrada! Esta era unha comunidade monolingüe en galego. A principios do século XX o 90% da poboación galega era monolingüe. O castelán era a lingua das elites.

Como xorde a idea de facer este libro, ?55 mentiras sobre a lingua galega? no que participan moitos dos sociolingüistas máis recoñecidos de Galicia?

Isto nace hai cousa de ano e medio, dous anos. Nese momento estabamos en plena voráxine da mentira. Falábase moito de imposición do galego ou de cousas como de que só se deixaba falar galego nas escolas e os nenos choraban...Todas esas barbaridades espalláronse por moitos medios madrileños e tamén por algún galego. Parecía que en Galicia queriamos eliminar o castelán do mapa. Neste tema tamén influíu a nula acción de resposta por parte do bipartito, que non explicou o decreto nin o que estaba pasando co idioma. Non dixeron nunca que a nosa lingua estaba decrecendo e que moitos dos rapaces que acababan a etapa de escolarización non sabían desenvolverse en galego.

Pero a obra toma forma dentro da plataforma a prol do idioma Prolingua.

A idea xurdiu cando aínda non existía Prolingua. Cando os meus amigos me viñan con algunha desas mentiras sobre o galego eu respondíalles e explicáballes por que as cousas non eran así. Comecei logo a escribir unhas pequenas chuletiñas, unha especie de solucionario de dúbidas. Empregábaas, por exemplo, cando a xente dicía que o galego nunca foi prohibido en Galicia. Cando se fundou Prolingua eu puxen a disposición da plataforma todo este material. En principio pensouse que se podía ampliar e usar como uns folletos explicativos. Non obstante, en Prolingua tamén está Pancho Pillado, o editor de Laiovento, que dixo que isto tiña que ser un libro para ter unha maior divulgación. ?Tedes que facer un libro non tanto para os expertos senón para o pobo, que é o que está a sufrir todos os días estas agresións co galego?, dixo.

Analice as bases do novo decreto do PP.

O decreto está montado sobre unha inmensa mentira e unha inmensa falacia que foi a consulta aos pais. Unha enquisa tecnicamente desastrosa e nada democrática nin transparente. Á súa vez, esa mentira que é a enquisa está montada sobre outra mentira maior que é a da imposición do galego. Non obstante, todo o que se sostén sobre unha mentira acaba caendo. Este decreto pedagoxicamente é un desastre e sociolingüisticamente unha desfeita. Aínda así, teño claro que os galegos non van permitir que esta norma vaia adiante.

A presentación do libro é espectacular. En máis de 70 lugares distintos e tamén fóra de Galicia. Como o fixeron?

En Prolingua temos moitos socios que están fóra de Galicia, nós chamámolos ?a forza que vén de lonxe?. Ademais deles, tamén estamos en contacto con moitos estudosos da lingua de todo o mundo e con moitas universidades que imparten clases de galego e que neste momento están moi preocupados co que está pasando. É a primeira vez que un Goberno goberna contra a súa propia xente, contra a súa identidade e a súa forma de ser.

Entre estas mentiras, falan da forma de ?bilingüismo? que defende algunha que outra asociación.

Unha vez, unha das dirixentes de Galicia Bilingüe dixo: ?Queremos que a xente poida escoller entre falar castelán, e galego e castelán?. Esta xente, que di pular por un bilingüismo harmónico, non quere nin oír falar de galego. O propio concepto de bilingüismo está prostituído na súa boca. Para ser bilingüe non se pode ter prexuízos sobre ningunha das dúas linguas e hai que coñecer ben as dúas.

Estamos gobernados por mentireiros?

Si, estamos gobernados por uns mentireiros. Pedro Puy recoñeceu nunha entrevista que non houbo nunca imposición lingüística, pero en campaña dixo que a houbo. O PP mentiu e agora non sabe como xestionar esa mentira. As trolas son difíciles de manter.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 06-02-2010 19:26
# Ligazón permanente a este artigo
O Consello da Cultura ve o decreto do galego como
En rolda de prensa, Ramón Villares e Henrique Monteagudo destacaron que todos os anteriores presidentes da Xunta impulsaron normas de apoio ao idioma propio de Galicia.

Xornal.com Actualizado 02/02/2010 - 14:42 h.


O Consello da Cultura Galea advertiu onte á Xunta de Galicia de que a súa proposta de bases para a elaboración do decreto do plurilingüuismo suporá "un transtorno serio" para o sistema educativo e unha "fonte de conflitividade", ademais de sinalar que este novo documento se sitúa "nun horizonte diferente á lexislación básica".

En rolda de prensa para presentar o ditame elaborado pola Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega, o seu coordinador, Henrique Monteagudo, pediu que a norma vaia na línea do Plan Xeral de Normalización Lingüistica e manteña un mínimo do 50% de materias en galeo.

Asimismo, pediu que o documento final do decreto respecto o "principio de progresividade" na presenza do idioma propio de Galicia e no sistema educativo e remitiu aos anteriores gobernos que aprobaron normas neste sentido. Respecto ao inglés, considerou que non debe ser tratado "en pé de igualdade" coas linguas oficiais nin como idioma vehicular e defendeu que o seu peso é "extemporáneo" a este debate.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 02-02-2010 16:22
# Ligazón permanente a este artigo
O Consello da Cultura tamén lle dá as costas á proposta de decreto
O máximo órgano consultivo fai fincapé na necesidade dunha discriminación positiva para o galego e advírtelle ao Goberno da ?conflitividade? que poden crear os seus plans.

Redacción Vieiros - 13:48 02/02/2010


Poucas veces unha proposta gubernamental tivo a tantos en contra. Ninguén, agás o propio executivo, está disposto a mirar cara a outro lado cando lle poñen enriba da mesa as ?Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo?. O último pronunciamento público fíxoo este martes o Consello da Cultura Galega. A institución considera que o decreto que pretende sacar adiante o Goberno, ademais de ser un paso atrás para a lingua galega, ameaza con converterse nunha fonte de conflitividade.

A pesar de que o informe é moi medido e baseado en argumentos ?sociolingüísticos e pedagóxicos?, o pau é especialmente simbólico se se ten en conta a natureza da institución. Como entidade estaturia que é a presidencia de honra recae no propio presidente da Xunta. Por se fose pouco, o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, é membro nato do plenario. Aínda así, o informe elaborado por unha comisión presidida polo sociolingüista Henrique Monteagudo foi aprobado polo plenario sen ningún voto en contra.

Na presentación pública do ditame, o presidente do Consello, Ramón Villares, subliñou que é un texto ?feito con responsabilidade pero tamén con firmeza. Analízase punto por punto as bases e faise un esforzo para facer propostas construtivas?. Villares sinalou que a institución que preside recomenda un esforzo para lograr un consenso real (a través dunha comisión parlamentaria) para evitar mudanzas constantes na política lingüística do ensino. A maiores deixou claro que non é posíbel tratar como iguais aos desiguais, en alusión á necesidade clara de que o idioma do país goce dunha discriminación positiva para que poida haber normalidade: ?Son linguas con status diferentes e débese facer un esforzo para promocionar o galego?.

Henrique Monteagudo foi aínda máis claro ao sinalar que hai un mandato de promoción e de progresividade no emprego do galego nas aulas. Por primeira vez na historia, se Feijoo aproba sen modificación sustanciais o decreto, romperíase este principio: ?algo que non pasou nin con Albor, nin con Laxe, nin con Fraga, nin con Touriño?. Monteagudo tamén lembrou que a análise do Consello está inspirada no Plan Xeral de Normalización aprobado polo Parlamento por unanimidade.

Unha das anécdotas da presentación foi o momento no que un xornalista preguntou se consideraban que o Goberno atendería as numerosas obxeccións do Consello da Cultura. Tanto Villares como Monteagudo encolleron os ombros e riron antes de explicar que esa non é unha cuestión que lles competa a eles. Porén, Ramón Villares deixou unha advertencia no ar: ?Nós cremos que canto máis caso nos fagan menos problemas van ter?.

Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 02-02-2010 16:20
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] 3
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0