Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

CARLOS L. BERNÁRDEZ: O perverso é o emprego que se fai do bilingüismo para reducir o galego
O deber da Xunta é non incumprir a letra e o espírito das normas de carácter lingüístico

POR MANUEL VIDAL VILLAVERDE - Galicia Hoxe


Carlos L. Bernárdez (Vigo, 1958) é profesor de Lingua e Literatura galegas e licenciado en Xeografía e Historia, sección de Historia da Arte. Ensaísta de temas literarios e artísticos e comisario de exposicións, é colaborador habitual en xornais e revistas. Entre as súas publicacións cómpre salientar as dedicadas a escritores, entre outros, como Lorenzo Varela, Manuel Antonio, Xosé María Álvarez Blázquez,Vicente Risco, Eduardo Blanco-Amor, Rafael Dieste ou Ramón Cabanillas. Entre os seus libros máis recentes destacan Bestiario en pedra. Animais fantásticos na arte medieval galega (Negra Trea, 2004) e Breve historia da arte galega (NegraTrea, 2005) e os catálogos Diáspora. Dez artistas galegos no exilio latinoamericano" (1930-1970) (Marco e Fundación Luís Seoane), Álvaro de la Vega, Carlos Maño, Luces atlánticas. Cecilio Chaves, Carlos Sobrino (Caixanova), De Vigo a Bos Aires. Laxeiro e a arte galega de posguerra (Fundación Laxeiro) e un ensaio inserido no volume Vicente Risco, obra gráfica(Galaxia). Na actualidade desenvolve a crítica de arte no suplemento Faro da cultura do xornal Faro de Vigo. Arestora é comisario da mostra Luís Seoane. Razón e compromiso no novo Centro Social de Caixanova en Santiago e acaba de publicar unha edición do libro Samos de Ramón Cabanillas, que apareceu na colección de Edicións Xerais.

Comecemos esta conversa pola situación do galego, idioma-cultura. Vivimos nunha situación de latexante indiferenza, estamos nunha
desigualdade atroz, apenas nos fan caso. Perpetúase a diglosia, o auto-odio e galegofobia perversa. O novo decreto que intenta perpetrar a Xunta do PP en Galicia, non é outro intento que a aniquilación do galego sexa como sexa, establecendo un sistema xa non bilingüístico, senón un trilingüísmo patético? Cal é a reflexión que fas ti diante desta adversidade provocada e promovida polas "forzas" máis reaccionarias do Estado español establecidas a sangue e lume na nosa nación negada?

Sobre este tema coido que xa está todo dito. É evidente que nin desde a responsabilidade política, nin desde a xestión das institucións teñen por que compartir os mesmos obxectivos e arelas de carácter cultural e lingüístico que nós podemos compartir, mais o que é o deber da Xunta é non incumprir a letra e o espírito das normas de carácter lingüístico das que nos dotamos colectivamente, que teñen carácter legal. Ao tempo, sería recomendábel algún coñecemento, que calquera bacharel ten neste país, sobre o pasado e presente da cultura galega, o que lles serviría para coñeceren que boa parte dos artistas, escritores e intelectuais galegos dos últimos cento cincuenta anos dedicaron unha atención preferente á situación, identidade, pasado e futuro da lingua, literatura e arte galegas, que traballaron mergullados nun ambiente e nun espazo de reconstrución nacional, no que os artistas desenvolveron a súa actividade cunha dominante preocupación polo desenvolvemento social e cultural do noso país. Un espazo, por certo, aberto e permeábel ao influxo externo, mais que se quere sen intermediarios, sen pexas e sen termos que pagar unha eterna portaxe polo simple feito de sermos galegos. É autenticamente penoso que a estas alturas teñamos que seguir explicando que manter a fidelidade aos principios conformadores do movemento cultural galego, e á lingua en particular, non supón a defensa dun anquilosamento no formal nin no intelectual, ben pola contra, que o pensamento e a obra do mellor da nosa cultura conecta coa sensibilidade do seu tempo, e que é desde a perspectiva galega como moitos artistas e escritores conseguen que nos identifiquemos, mellor dito, que a súas obras nos identifiquen como nación, como colectividade humana singular e que teñamos algo que dicir no ámbito internacional.

Ao 50% castelán e galego sería o máis sensato ou unha mediana estupidez dadas as circunstancias sociais ou sociolingüísticas?

Concordo cos informes da Academia Galega e do Consello da Cultura. Non se debe tratar igual o que na sociedade continúa a ser desigual. O galego debe de ter un papel de maior importancia e en todo caso nunca se pode facer recuar a súa presenza nin no ensino nin na sociedade. O galego é de todos os galegos e debería ser unha prioridade a súa plena normalización. O debate cinguido apenas ao ensino tamén é unha forma de agachar os problemas que a lingua (as persoas que a falamos) temos para ter unha vida normal na nosa lingua (traballo, lecer, relacións comerciais, etc).

O bilingüísmo, dadas as circunstancias indicadas non che parece a ti unha aberración sistemática/ pedagóxica?

Nin o bilingüísmo nin o trilingüísmo son de seu nada negativo, o perverso é o emprego que se fai destes conceptos para reducir a presenza do galego no ensino. En cuestión de linguas prefiro sumar a restar, mais comezando pola nosa. Os que se enchen a boca coa palabra bilingüísmo adoitan ser monolingües en castelán e rexeitan adquirir unha mínima competencia en galego.

O trilingüísmo non transcende ao disparate, e un perverso intento de manter a diglosia, e polo tanto a morte do galego?

O problema é para o que se emprega o trilingüísmo. Un exemplo: hai poucos días fun ver unha nova mostra de arte ao Centro Galego de Arte Conmtemporánea (CGAC). Cal é a nova visualización das linguas no noso principal centro de arte? A primeira sorpresa veu ao recibir o convite a esa exposición do Centro Galego de Arte Contemporánea, que nun alarde de cosmopolitismo envía un cartón trilingüe (naturalmente galego, castelán e inglés) acompañando o vistoso dandismo francés do título da mostraSur le dandysme aujourd d?hui. Até aquí todo semella normal, mais cando un intenta ler o amábel convite observa que o texto galego aparece nun tipo de tinta ilexíbel, tipo de tinta común co texto en lingua inglesa; pola contra, o único texto que aparece resaltado é o castelán, co que, a non ser que fagamos un esforzo notábel, o que se le é o texto neste idioma. O emprego é moi semellante ao que podemos observar na sinalización dalgúns aeroportos, deixando ben claro cal é para os novos xestores a lingua que de verdade hai que favorecer e a mensaxe que se quere transmitir aos potenciais visitantes da institución: que o galego é un simple trámite que se cumpre cunha rutineira e prescindíbel tradución que non ten por que ler ninguén. Se cadra quen lea esta entrevista poida considerar esaxerado este exceso de celo por un simple convite, e eu mesmo esperei a visitar a mostra para facerme unha idea cabal da nova situación. Mais, infelizmente, a visita corroborou esta percepción, co agravante de que agora xa non estabamos ante un simple cartón senón que este emprego desigual das linguas, que coloca o galego a nivel de idioma estranxeiro na súa casa, esténdese ás follas informativas da mostra, nas que se aplica o mesmo modelo, co castelán na zona máis visíbel, á dereita do lector, e cun tipo de entintado negro fronte ao cincento e esvaído do texto galego, situado á esquerda e practicamente invisíbel, compartindo as tonalidades coa versión inglesa. Coido que é máis que unha simple anécdota, é o espello dos novos tempos e do que nos tentan impor.

A inmersión lingüística non é realmente unha opción persoal, e non un sistema pedagóxico como o PP español en Galicia pretende e difunde pola capacidade de medios que ten a súa disposición?

A inmersión é un lexítimo e contrastado método de aprendizaxe de linguas, de feito semella que a Consellaría defende a inmersión en inglés encanto estigmatiza a palabra cando se refire á lingua galega.

Cres que nun sistema federal poderíamos ser máis libres?

Prefiro república a monarquía e federalismo a centralismo.

Ti consideras que serve para algo o nacionalismo sen ideas arredistas, independentistas?

Entendo o nacionalismo como un factor de construción da identidade e como unha
obra en marcha.


A concepción do tempo correspóndese co disparate aberto da historia?

A nosa concepción do tempo está ligada ao mesmo concepto de historia. A cultura occidental é unha cultura da "historia", do tempo lineal ?alfa e omega, historia da salvación?, o que marca a nosa visión do tempo e da historia.

A colonización é un feito consumado en ergástulos íntimos, ou poderemos saír dela?

O único xeito de progresar un pobo, en todos os ámbitos, é desde a autoestima. Hai que quererse máis para afrontar os retos do mundo no que vivimos.

Cal é para ti Carlos, a diferenza entre a retranca que nos atribúen e o medo, o maltratamento ao que fomos sometidos?

Sempre se entendeu a retranca como o retrouso dun pobo con moitas feridas e á defensiva. Non me interesan os tópicos. Prefiro que ollemos de fronte os retos colectivos.

A literatura galega goza nun momento do seu máximo esplendor, ou polo contrario opinas que temos determinadas luces e esplendorosas sombras?

A literatura galega ten unha historia e un presente moi respectábel e con calidade notábel. Os problemas están na relación lingua/sociedade e na proxección da nosa cultura. Sobre esta cuestión lembro que o profesor Antón Figueroa, no seu libro Nación, literatura e identidade, definía o proceso seguido pola nosa cultura como de constante "estado de obras", permanentemente en estado de construción, o que sen dúbida é un problema. Certamente calquera contexto cultural, e nomeadamente o literario, está sempre en estado de construción porque de non ser así estariamos ante unha realidade cerrada, dunha cultura museábel e, xa que logo, definitivamente "morta". Mais debemos entender que cando falamos dun contexto literario como o galego e o cualificamos de "en construción", temos en perspectiva un punto de partida, un "horizonte de expectativa" e unha utópica chegada, que, evidentemente, non queremos definitiva, senón un novo esteo no camiño do asentamento dunha lingua e dunha cultura nacionais, en definitiva, dunha cultura que quere gañar novas batallas na historia e como case sempre contra a historia, contra esa "historia contada noutra lingua" á que se refería desde o compromiso poético e político Celso Emilio Ferreiro. Ninguén pode,
daquela, esquecer de onde vimos, quen somos e a onde queremos chegar.


Con respecto aos credos, Carlos, cal é o teu posicionamento?

Non teño un interese especial en manifestar unha postura política expresa, partidaria. Son un militante de base do meu país.

Como te ves: Es máis ensaísta que poeta; máis narrador que profesor?

Son un profesor que escribe, nomeadamente sobre arte e literatura.

O metafísico é unha cuestión que te condiciona no ontolóxico?

En filosofía prefiro "as cousas en si" en vez da súa forma mental. Repelo o concepto existencial-ontolóxico. Gusto do dialéctico e fragmentario e da lectura de Walter Benjamin, entre outros.

A realidade é unha transcendencia que procede da razón?

Non che son filósofo mais na pregunta anterior creo situar o meu punto de vista.

O Estado español é realmente aconfesional, ou é unha trampa legalizada?

Non, non é aconfesional como debería. É evidente que nós non fixemos a revolución francesa.

Temos posibilidades para sermos algures unha nación soberana e independente ou seremos unha discordia o rebumbio colonizado?

A independencia acho que non está no horizonte social inmediato de Galiza. Somos unha nación, mais esta concepción está sustentada por unha minoría. Os estados-nación xorden ou renacen en momentos de conflito. Non sei cal vai ser o noso futuro.


Soñas, ou soñaches, algunha vez cunha república socialista internacionalista galega?

"República", "socialismo" e "galego" non son palabras que me desagraden, mais eu soño con cousas máis de andar por casa, alén diso non considero
que a miña opinión teña moita transcendencia.


Creo que xa cho preguntei, Carlos, pero vólvocho preguntar? Que é a vida despois de todo e nada?

Non che sei: memoria, afectos, ADN, ética e estética.

Cal é o teu libro de cabeceira?

Non che teño ningún libro de cabeceira. Tívenos na miña mocidade, xa ben afastada. Sigo a ler moito porque para min é unha forma de estar no mundo, de goce e de modesto coñecemento.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 15-02-2010 21:59
# Ligazón permanente a este artigo
Títeres en Atios: Pedro e o Lobo
CPI de Atios - O día 26 de marzo, ás 11, a compañía de títeres Tres Globos representará a obra Pedro e o Lobo.

SINOPSE: Pedro está moi aburrido coidando ovellas el só, pero a aparición de Guff, un can que quere ser pastor coma os alemans, fai que a rutina diaria sexa mais levadeira. Pedro aprenderalle a ser pastor para que lle axude a protexer as ovellas do lobo, que está moi famento.

PERSOAXES: Pedro, Belinda (ovella), Lupus (Lobo), Mauricio (Pai de Pedro), Guff (Can), Rato Pérez...

Todos eles manipulados e interpretados por Xan Pérez
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 15-02-2010 21:49
# Ligazón permanente a este artigo
O galego nos Goya ... por Luis Tosar
Recorte da entrega do premio a Luis Tosar, na que utiliza a lingua galega para dirixirse aos seus.
Moi ben, Luis.


Comentarios (3) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 15-02-2010 12:18
# Ligazón permanente a este artigo
Docentes de todo o Estado reclaman "igualdade" para o galego
Sindicatos educativos de Galicia, Euskadi, Cataluña, Baleares e Valencia asinan un manifesto conxunto a favor da "igualdade" das linguas cooficiais e en contra da súa "desprotección" con medidas coma o decreto que impulsa a Xunta.

Xornal.com - Actualizado 12/02/2010 - 13:55 h.


O Sindicato de Traballadores do Ensino de Galiza (STEG) vén de impulsar un manifesto, xunto a centrais sindicais de docentes vascos, cataláns, valenciáns e baleares, co obxectivo de defender a "igualdade" do galego, catalán e euskera nestas comunidades a respecto do castelán.

No documento, os profesores lembrar que o obxectivo dos procesos de normalización lingüística é "restablecer" os usos das linguas propias despois do seu "illamento durante séculos", así como "garantir o dereito das persoas que falan galego, catalan e euskera" a "falar e seren atendidas nas súas linguas propias" en todos os contextos.

Neste escenario, e ante propostas coma o denominado "decreto do plurilingüismo" que impulsa a Xunta, estes sindicatos reclaman "especial apoioa os programas educativos que teñen como finalidade que o alumnado alcance unha boa competencia comunicativa na lingua propia" e que "os prepara para un mundo multilingüe, independentemente de cal sexa a súa lingua familiar". "Estas -conclúen- son as funcións da escola: asegurar a competencia lingüística, contribuír á desaparición das desigualdades e educar no respecto cara ás linguas propias".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 12-02-2010 23:43
# Ligazón permanente a este artigo
Vázquez péchase ao pacto do galego e critica a marcha pola lingua por "usar nenos"
O titular de Educación e o PP descualifican a folga do ensino e PSOE e BNG lamentan que o galego ?estorbe na carreira de Feijóo en Madrid?

DAVID LOMBAO - Xornal.com - Actualizado 11/02/2010 - 11:33 h.


Inamovible. Despois de que, durante varios días, a Consellería de Educación e o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mostrasen a súa disposición a reconducir, cando menos en parte, os preceptos do denominado ?decreto do plurilingüismo?, a primeira intervención do conselleiro, Jesús Vázquez, no novo curso parlamentario serviu para explicitar que as eventuais modificacións non terán en conta, en ningún caso, a voz da oposición.
Vinte e catro horas despois de que o Grupo Popular fixese valer a súa maioría absoluta para bloquear a creación da comisión parlamentaria proposta polo Consello da Cultura para ?recompoñer o consenso? lingüístico, Vázquez botou man do seu discurso máis duro para respostar unha interpelación da nacionalista Carme Adán, quen cuestionou ao conselleiro sobre os ?criterios? que apoian un decreto que, na súa opinión, só está feito para ?contentar os intereses do PP en Madrid?.
Tras unha primeira intervención na que, cinguíndose ao texto do seu discurso, o conselleiro se limitou a defender as ?bases? do decreto xa que, na súa opinión, ?responden ao mandato do Estatuto e a Lei de Normalización? e, ao tempo, ?atenden ás demandas sociais?, o debate adquiriu un ton sensiblemente máis bronco, en boa medida, por mor da intervención do voceiro de Educación do PPdeG, Román Rodríguez.
De novo a través dun dos seus deputados de perfil máis galeguista, os conservadores realizaron unha pechada defensa do decreto mentres, ao tempo, minusvaloraron a folga xeral do ensino do pasado 21 de xaneiro e a manifestación que, nesa xornada, sacou ás rúas de Santiago a 50.000 persoas. Para Rodríguez, as protestas responden só á ?posta en marcha da maquinaria do BNG?, unha formación ?encantada?, di co ?conflito? en torno ao idioma, xa que, asegura, as mobilizacións de Queremos Galego actúan no seu seo coma ?pegamento? entre correntes.
Esa descualificación da marcha a prol da lingua foi secundada polo propio Jesús Vázquez, quen, ademais de reiterar o, ao seu xuízo, carácter ?preventivo? da folga, asegurou que a súa finalidade ?partidista? só estivo ?interesada en seguir unha política de inmersión monolingüe? nun contexto no que ?houbo unha vulneración dos dereitos dos escolares?. PSOE e BNG, di, non dubidan en ?usar os nenos? para ?desgastar ao Goberno e ao presidente?.
Coa mesma belixerancia, e entre un intenso rebumbio no hemiciclo, o responsable da Administración educativa volveu reducir á categoría de ?suxestións? os ditames da Real Academia e do Consello da Cultura sobre o decreto para logo sintetizar que só ?hai dúas opcións; a inmersión que implantou o bipartito? ou o modelo da nova Xunta.
Nese tenso clima, o conselleiro obviou tanto as críticas da nacionalista Carme Adán coma o novo ofrecemento do socialista Guillermo Meijón para ?partir de cero? sobre a base do Plan Xeral de Normalización e as recomendacións do Consello da Cultura. Para Meijón, ese rexeitamento responde a un PP ?abducido por un presidente ao que a lingua lle supón un estorbo na súa carreira fóra de Galicia?. Así as cousas, Vázquez concluíu a súa intervención incrementando a fenda coa oposición: ?O PP ?subliñou? está aquí para, por suposto, derrogar o decreto? aprobado polo bipartito.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 11-02-2010 21:35
# Ligazón permanente a este artigo
Bases do X Certame de creación artística Poesía e Imaxe
EN GALEGO, SEN FILTRO




1- Poderá participar todo o alumnado matriculado en calquera dos centros de ensino -públicos ou privados- de Ferrol e aqueles centros que forman parte da Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística.

2- As persoas participantes deberán presentar unha composición plástica orixinal en calquera destas modalidades: debuxo, pintura, colaxe ou fotografía.

3- Para a realización da súa obra deberán escoller, como motivo de inspiración, unha (1) de entre as 15 propostas poéticas da literatura universal recollidas no anexo destas bases. O autor ou autora deberá indicar o texto seleccionado e esta autoría terá de ser individual.

4- Niveis de participación:

- Educación Infantil
- 1º, 2º e 3º de Educación Primaria
- 4º, 5º e 6º de Educación Primaria.
- ESO
- Bacharelato e Ciclos Formativos

5- Os centros participantes desenvolverán as súas actividades en dúas fases:

a) fase nos centros
b) fase intercentros

6- Na fase do propio centro realizaranse actividades que relacionen o mundo da expresión poética co da expresión plástica. O centro seleccionará nesta fase unha única obra por nivel definido na base 4 para participar na fase intercentros.

7- Os centros deberán enviar os orixinais seleccionados (unha obra por nivel definido na base 4), quer en man, quer por calquera outro medio antes do 14 de abril de 2010.

Os traballos seleccionados deberán enviarse a:

Equipa de Normalización Lingüística IES Concepción Arenal
Rúa de Cuntis , 1 (15402) ? Ferrol

8- A Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística e o Concello de Ferrol -Concellaría de Educación- nomearán un xurado que seleccionará de entre as obras presentadas para a fase intercentros un máximo de trinta (30) atendendo aos seguintes criterios:

- calidade estética
- orixinalidade
- interrelación entre a linguaxe poética e a linguaxe plástica.

9- O xurado garantirá que cada nivel estea representado por un mínimo de cinco obras, sempre que se ateñan aos criterios do punto 8 destas bases, podendo declarar o certame total ou parcialmente deserto. A súa decisión será inapelábel.

10- Todos os orixinais presentados na fase intercentros pasarán a ser propiedade da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística . Os traballos editados pasarán a ser propiedade do Concello de Ferrol. O Concello de Ferrol poderá doárllelos aos centros de ensino nos que estean matriculados os/as alumnos/as seleccionados/as.

11- Coas obras seleccionadas o Concello de Ferrol realizará unha exposición pública á altura do mes de maio de 2010.

12- A participación no certame implica a aceptación destas bases. A súa interpretación correspóndelle ao xurado.

Ferrol xaneiro de 2010
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 11-02-2010 21:03
# Ligazón permanente a este artigo
Breve reportaxe sobre a actividade " Espazos para Falar" que se ven desenvolvendo na Galería Sargadelos

Envíovos fotos da sesión de contacontos do sábado 6 de febreiro de 2010.
Contacontos sobre o libro "Antón e o Apalpador".
Saíu moi ben nas dúas sesións, na dos peques menores de oito e a dos maiores de 8 anos.
Acudiron moitos pais e a sala está chea.
O actor principal estivo moi activo e mesmo cantou unha cantiga sen instrumentos e repartíu unha fotocopia para que a levasemos para a casa.
Xa vos enviamos máis fotos desta sesión e das próximas.
Iria e Andrés
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 11-02-2010 10:23
# Ligazón permanente a este artigo
Moi eficaz o antivirus FALAGALEGO contra o verme virtual ANF
Temos un virus na rede, nas nasas da galeguidade, do galeguismo, da Lingua Galega, de Galicia. Trátase dun verme perigoso que ten a capacidade de destruíla, se non nos andamos con moito tino e con moita rapidez. É un fenómeno insólito, porque se infiltra con aleivosía, e o máis daniño e perverso, é que o encargado de estendelo é o propio administrador da rede. Ese que foi votado pola maioría dos habitantes de Galicia para que coidara os nosos sinais de identidade, entre eles o máis prezado que temos, a nosa lingua; sen ela ao mellor non existía nin Galicia, nin a Xunta, nin por suposto o seu presidente.

A recomendación a todos os usuarios desta rede é que non se confíen, pero que non deixen de usala continuamente, pois este virus multiplica os seus efectos cantos menos usuarios teña a devandita rede. Cómpre pois, estar alerta e combater o mal entre todos, clicando o botón da unidade, da constancia, da forza que nos dá ser os donos do equipo, do programa e da memoria.

Este verme virtual, chamase ANF e aprovéitase da vulnerabilidade dos individuos que non foron actualizados e protexidos cos parches adecuados, eses que quedaron ensimesmados, silenciosos e que, aínda que non o saben, están cheos de complexos. Propágase valéndose de conxunturas oportunistas, de xente que descoñece a rede, non sabe usala, non a aprecia ou incluso a despreza. Eles practican aquilo de ?nin como nin deixo comer? e ante a súa incapacidade, prefiren acabar con ela e que ninguén máis poida usala.

O problema é que este inimigo móvese a través de simuladores con programas falsos, que non son o que din ser, é aí onde se insire o troiano das mentiras, das promesas imposibles, das ameazas e das descualificacións aos que navegamos no mar do galego e sobre os que o verme executa a súa rutina de destrución.

A esperanza é que eles son só unidades extraíbles e polo tanto non é imposible desfacerse delas, botalas fóra cunha forza inconmensurable contra a que nunca funcionou ningún virus, a forza da historia, da tradición, da intuición, da razón e do amor polo noso pobo, que é imposible de entender sen o seu instrumento de comunicación, a Lingua Galega.

Nós, pola contra non somos accesorios, somos o sistema operativo, somos a rede das palabras que compartimos, estamos actualizados para defendernos do Spam ANF co mellor antídoto co que se pode contar: FALAGALEGO, que ademais compartimos con moito gusto con todos aqueles que estean infectados do virus e nolo soliciten.

ATENT@: ANF chega sempre camuflado e ataca directamente o sector cero do disco duro en toda a rede do galeguismo, e o que aínda é máis grave, toma o control e reprodúcese ata o infinito para inhibir os novos usuarios e que desta maneira non se poidan incorporar á rede. É dos coñecidos como virus mutantes ou voraces.

NOTA
Está por determinar o significado das siglas coas que se coñece o virus. Hai dúbidas sobre a súa orixe. Talvez AtacaNosaFala, AlbertNunoFeixo, AgoraNonFales que me gustan máis as maiorías silenciosas, etc.

Corona Tato

Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 10-02-2010 16:25
# Ligazón permanente a este artigo
A experiencia dunha rapaza rusa co galego, contada por ela mesma.
É un filme-impresión, un filme-lexicón, un caleidoscopio das historias, palabras e sentimentos que atopei en Galicia.
Daria



Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 09-02-2010 19:52
# Ligazón permanente a este artigo
Poemas para o X Certame Poesía e Imaxe que celebramos este curso.
É posible que algúns dos poemas (os que están escritos con fontes non occidentais (grego, árabe, etc.) presenten algún erro, pois esas fontes só se len nos equipos que as teñen instaladas. Sería interesante que os profes que enviedes estes poemas acompañásedes tamén a fonte coa que foi creado, para poder instalala e así evitar estes problemas.
Saúdos e velaí os poemas


Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 09-02-2010 18:04
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0