Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O nome da cousa: bilingüismo restitutivo
?A proposta ofrécese como unha ferramenta útil para unha nova fundamentación máis coherente?Henrique Monteagudo reflexiona sobre a polémica xurdida pola publicación do informe do IGEA, do que el é autor xunto a Antón Reixa. O sociolingüista, que reivindica e deita luz sobre a postura do polémico documento, cre ?prioritario? que ?a corrente social a favor do galego se dote dun discurso e dun proxecto coherentes e atractivos para a maioría da sociedade?

HENRIQUE MONTEAGUDO - O Xornal - 18/12/2010


Onte expresouno moi ben Uxía (o nome é ficticio), cando rematei de presentar na Facultade de Ciencias Políticas da USC un relatorio en que explicaba o documento Por un proxecto de futuro para o idioma galego. Unha reflexión estratéxica, o xa medio célebre ?Informe do IGEA?. Uxía, que se presentou á audiencia como militante nacionalista, despois de expresar a súa sintonía de fondo coa proposta do IGEA, lamentábase da encarnizada polémica en curso, e preguntábase: ?Como podemos evitar esta loita entre irmáns? Non sería preferible evitar o conflitivo termo bilingüismo por outro menos connotado, como equilingüismo??. Nunha conversa privada que mantivemos ao final do acto, contoume: ?Sabes como me enteirei eu da existencia do Informe do IGEA? Por unha amiga, galeguista coma min, que me dixo: Quintana, Reixa e Monteagudo tolearon!!! Acaban de publicar un manifesto polo bilingüismo!?. Esa amiga de Uxía interpretaba tal defensa como unha claudicación ante o Partido Popular.

Na miña opinión, a anécdota expresa moi ben o desconcerto dun sector non pequeno do nacionalismo galego perante a reivindicación do bilingüismo restitutivo, noción esta que constitúe a cerna do novo discurso a prol do galego que se propón no dito Informe. É obvio que ese desconcerto está a ser entusiasticamente alimentado polo sector do nacionalismo que se sente directamente cuestionado pola nova proposta, que, por simplificar, podemos identificar como o máis próximo á liña tradicional da UPG. Pero non é menos obvio que tal reacción non se pode explicar só por iso, senón que ten unhas motivacións máis profundas, que funden as súas raíces nunha cultura política (e especificamente, político-lingüística) amplamente, e en parte inconscientemente, asumida por boa parte do nacionalismo. Explicareime.

Dáse o caso que esa cultura política fundaméntase nun discurso que no fundamental foi elaborado basicamente por dous dos nosos polemistas máis salientables. Non pode estrañar a súa furiosa reacción, aínda que un non pode tampouco deixar de asombrarse ante a falla dunha mínima ética do debate dunha persoa que foi eleita repetidamente co voto de un mesmo para unha institución democrática tan representativa coma o Parlamento de Galicia. Un, coa súa experiencia histórica ao lombo (militante de diversas organizacións nacionalistas de xeito ininterrompido desde 1976), tampouco pode facer coma quen que non se decata de ata que punto persisten os inveterados tics sectarios, as vellas tácticas manipuladores e a radical alerxia polo diálogo, aliadas a unha ansia compulsiva polo control, daquel sector do nacionalismo político que antes mencionei. Unha cadea de vicios que, lamentablemente, poden volver levar a ruína non só ao BNG, senón tamén á CIG, a Mesa e todo o que se poña por diante. O tempo dirá.

Volvendo ao rego, tentarei de resumir a resposta que dei á amiga Uxía no acto de onte, por se esa resposta pode resultar esclarecedora. Díxenlle a esta militante galeguista que se non fose para revisar os dous puntos centrais do caduco discurso político-lingüístico do nacionalismo, isto é, a concepción que sostén do conflito lingüístico e o rexeitamento do bilingüismo (ao que necesariamente vai asociado, de xeito máis ou menos implícito, a defensa do monolingüismo), eu, persoalmente, non me poría a redactar o texto que presentou o IGEA. Isto mesmo sabían, cando aceptei redactar o informe, os responsables deste honorable Instituto, e particularmente, o seu distinguido presidente, Anxo Quintana, candidato nas dúas últimas eleccións autonómicas á Presidencia da Xunta de Galicia polo BNG. Son perfectamente consciente de que na práctica, o groso do nacionalismo, e particularmente as organizacións cívicas da súa órbita, actúan coma se aqueles dous dogmas xa non vigorasen, ou ao menos de xeito ambivalente perante eles. Precisamente, a nosa proposta ofrécese como unha ferramenta útil para unha nova fundamentación, máis coherente, máis axeitada e con maiores posibilidades de conseguir a hexemonía social, desas prácticas do galeguismo activo.

Canto ao conflito lingüístico, a ambivalencia do nacionalismo político e as súas organizacións cívicas é obvia: dunha banda, hai quen defende a conveniencia de fomentar o conflito lingüístico, como procedemento para desvelar a marxinación do galego e espertar a conciencia lingüística da poboación. Pero cando a outra parte do tal conflito, isto é, os sectores contrarios á promoción do galego, consideran que a eles lles convén avivar ese mesmo conflito lingüístico, daquela, o galeguismo esquécese da dita recomendación e, sensatamente, denuncia o conflito para reclamar a convivencia. Cousa non moi distinta acontece co irmán xémeo da convivencia, que é o consenso. Pola miña banda, estou convencido de que a última mensaxe é a correcta: polo ben do idioma galego e en estrita coherencia coas nosas conviccións democráticas, debemos procurar o consenso e defender a convivencia, iso si, en condicións de xustiza e equidade, o cal evidentemente implica a posta en marcha de políticas de discriminación positiva para o galego. Pero se defendemos a convivencia, daquela é obvio que temos que revisar ou abandonar ou revisar en profundidade a revellida fórmula do conflito lingüístico. Non si?



LECTURA POSITIVA DO BILINGÜÍSMO

Pero non se escapa a ninguén que a posta en cuestión do dogma anti-bilingüista constitúe o nó gordiano deste debate. Tiña razón Uxía cando argumentaba que a defensa do bilingüismo na Galicia de hoxe está inevitablemente connotada coas políticas historicamente tépedas e actualmente regresivas do Partido Popular e mesmo coa acción de grupos anti-galego como Galicia Bilingüe. Pero, retruqueille eu, en boa medida a responsabilidade diso correspóndenos a nosoutros, des que primeiro fixemos nosa e máis tarde non nos preocupamos de revisar a malfadada teoría do conflito lingüístico (elaborada nos anos ?70 por certa glotopolítica catalá e importada aquí sen grandes adaptacións), segundo a cal as sociedades que partimos dunha situación de diglosia e vivimos un proceso de substitución lingüística estamos abocadas a un dilema inexorable, sen terceiras vías: a extinción da lingua subalterna (no noso caso, o galego), ou a súa normalización, entendida esta como a conquista do monolingüismo social. Para entender iso, convén lembrar que esta teoría partía dunha asisada crítica a unha formulación dun certo bilingüismo, utilizada como estrataxema para dar cobertura aos procesos de imposición do castelán, lexitimando os procesos de minorización e substitución do galego e as outras linguas nacionais da periferia.

Esta formulación dun tal bilingüismo (en realidade, un bilingüismo substitutorio) comezaron a circular nos finais do franquismo e teñen a súa continuidade nas liñas de GB e o actual PPdeG, entre outros grupos. Pero un dos puntos máis fracos da teoría consiste en equiparar a normalización da lingua coa consecución, como obxectivo final, do monolingüismo social, refugando de plano e xenericamente o bilingüismo.

Arestora temos diante todos os argumentos para concluír que a resposta axeitada a aquela formulación do (falso) bilingüismo substitutorio non consistía na denuncia e o combate xenérico contra o bilingüismo. Como demostración disto, véxase como a defensa dun bilingüismo correctamente entendido, o bilingüismo restitutivo, deu eficaz cobertura social ás políticas de promoción do eusquera e o catalán, con resultados ben mellores cás aplicadas en Galicia. É que o bilingüismo resulta ser a chave para conseguir a hexemonía social en materia de política da lingua (glotopolítica), pois boa parte da cidadanía o percibe positivamente: neste país fálanse dúas linguas, unha delas, a propia do país, atópase ameazada; para conservarmos as dúas linguas, é preciso apoiar enerxicamente a nosa. O nacionalismo galego cometeu o erro histórico de abandonar o bilingüismo ás mans dos sectores políticos e sociais que o utilizaron como cobertura para discursos lexitimadores da diglosia, para xustificar o desleixo do idioma galego, ou para lexitimar accións de goberno ineficaces ou mal deseñadas. Estes sectores elaboraron unha lectura abandonista dun falso bilingüismo (realmente substitutorio) e impuxérona como socialmente hexemónica.

A tarefa que ten por diante o galeguismo (enténdase: corrente defensora do galego) é elaborarmos nós unha lectura positiva do bilingüismo, que no informe do IGEA denominamos bilingüismo restitutivo (quen teña propostas para outra denominación mellor está a tempo de presentalas), unha noción que dea cobertura a políticas efectivas de promoción da lingua. Trátase dunha tarefa esgrevia, pero a alternativa, que consistiu ata agora na renuncia e na denuncia xenérica do bilingüismo, consumiunos moitas máis forzas e deu o cativo resultado que está a vista; sendo que previsiblemente dará peores resultados no futuro, tendo en conta a evolución da situación sociolingüística de Galicia. Na miña opinión, fronte a esta tarefa non valen os subterfuxios nin os escapismos, por moito que aquela lectura positiva do bilingüismo ten que apoiarse, moi lexitimamente, en nocións como diversidade lingüística, plurilingüismo, e, xaora, normalización do idioma.

Para rematar, voume referir brevemente a algunhas reaccións ante a proposta do IGEA. Non vou entrar nos argumentos, inxenuos ou hipócritas, do estilo de ??claudicamos ante o PP? ou ?estamos facendo o xogo ao PP?. Está comprobado que hai un sector do nacionalismo galego que compatibiliza unha retórica vitriólica e non raramente incendiaria cunha máxima moi pragmática: ?contra o PP vívese mellor??. Xa se sabe, gobernar é máis difícil. Eu, modesta pero obviamente, inclúome no sector ao que non lle satisfai vivir contra ninguén, pero lle gustaría vivir a favor do progreso de Galicia, e por tanto, mandando o PP (e sobre todo o PP de Feijoo, Corina e Negreira) á oposición, e se for posible en terceiro ou cuarto lugar nas preferencias do electorado galego.



A NECESIDADE A DEBATE

Outra xente, honestamente, critica o Informe non tanto por discrepancias de fondo, como por cuestións de oportunidade. Canto a isto, coido que é un erro contrapoñer o activismo e a unidade de acción, que me parecen totalmente imprescindibles, coa intelixencia e a liberdade no debate, sen coutar a expresión da discrepancia, que non son menos importantes. Segundo outros puntos de vista, elaborar un novo discurso é unha perda de tempo, cando non manifestamente un incordio. Pola miña banda, coido que, como dixo o sociólogo, ?non existe cousa máis práctica ca unha boa teoría?. Máis en concreto, sosteño que é unha absoluta prioridade que a corrente social a favor do galego (afortunadamente ampla, difusa e diversa) se dote dun discurso e dun proxecto coherentes e atractivos para a maioría da sociedade. Os feitos mostran ás claras que non dispón deles. Negarse a aceptalo é seguramente cómodo, e ata se cadra beneficioso para grupos e individuos moi concretos, pero non vai darnos mellores resultados dos que xa temos. Política da avestruz, chámase iso.

O galeguismo político e o nacionalismo cívico teñen unha magnífica oportunidade para mostrar ao conxunto da sociedade galega a súa capacidade para desenvolver un debate libre, intelixente e respectuoso, que exprese a súa real pluralidade interna (reflexo da propia diversidade do país), para renovarse e para elaborar propostas de futuro para o conxunto do país, e moi particularmente, do seu idioma. Se non o consegue, con certeza non será pola falta de compromiso, vontade e competencia de quen redactou, subscribiu ou apoiou ao informe do IGEA. E naturalmente, co espírito aberto á deliberación libre e á crítica ou revisión da súa proposta.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 19-12-2010 19:37
# Ligazón permanente a este artigo
Os sindicatos únense para reclamar o impulso ao portugués no ensino
>> CIG-Ensino, FE-CCOO, FETE-UGT, ANPE, STEG, CSIF e CNT piden á Xunta a convocatoria de oposicións para a docencia desta lingua.

>> Pretenden que o idioma do país veciño se convirta na segunda lingua estranxeira nas escolas galegas.

XORNAL.COM16/12/2010 - 18:10 h.


Os sindicatos CIG-Ensino, FE-CCOO, FETE-UGT, ANPE, STEG, CSIF e CNT uníronse para presentar mañá venres 17 no Rexistro Central da Xunta un escrito ao director xeral de Educación no que reclaman un novo impulso á docencia do portugués en Galicia para instaurala como segunda lingua estranxeira nas escolas. Todas estas centrais educativas solicitan no documento que este mesmo curso ?se convoquen oposicións para a especialidade de portugués no ensino secundario e que se estableza unha listaxe de substitucións propia?.

Os sindicatos consideran que ante o aumento constante do número de alumnado que desexa estudar portugués é necesario incrementar a oferta ?para poder responder con calidade e eficacia ás novas exixencias educativas?. ?A lingua portuguesa é falada no mundo por máis de 200 millóns de persoas e Galicia ten unha vantaxe competitiva nesta área a respeito do resto de autonomías?, aseguran, tras destacar o impulso que outras autonomías, como Estremadura ou Castela e León, están dando ao idioma do país veciño.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 17-12-2010 15:03
# Ligazón permanente a este artigo
FELICES FESTAS

Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 17-12-2010 08:46
# Ligazón permanente a este artigo
Informe Pisa
CIG-ENSINO



Os resultados do Informe Pisa en que o alumnado galego supera a media española, reférense ao momento en que as materias científico-técnicas se impartían en galego, contradecindo os argumentos usados pola Consellaría contra a nosa lingua
Sendo os criterios deste sistema de avaliación da OCDE cuestionables polo seu uniformismo, economicismo e reduccionismo
A CIG-Ensino lémbralle á Consellaría de Educación que os resultados do Informe Pisa, que tan positivamente avaliaron nos medios de comunicación, reférense ao momento en que aínda estaba en vigor o Decreto 124/2007 (abril e maio de 2009) e, por tanto, avalían a aprendizaxe das matemáticas e as ciencias no noso idioma.
Informe PISA

A CIG-Ensino considera que o informe Pisa non pode ser o único método de avaliación do sistema educativo galego, pois este informe feito pola OCDE con criterios fundamentalmente uniformizadores, non ten en conta o contexto en que se realiza a avaliación e trata por igual a estados e territorios con notábeis diferenzas en materia educativa.

Os resultados que recolle este informe sitúan a Galicia por riba da media española en comprensión lectora, competencia matemática e científica. No caso da comprensión lectora recóllese que Galicia está por riba da media de Reino Unido, Alemaña e España, entre outros estados. No caso da competencia matemática este informe sitúa a Galicia por riba de Suecia, Francia, Austria, Estados Unidos ou España. Para a CIG-Ensino o relevante destes datos é que o informe contradí os argumentos usados interesadamente contra a nosa lingua, pois como se pode comprobar estudar as matemáticas e as ciencias en galego non foi un obstáculo para o alumnado que colleitou uns resultados importantes, especialmente en competencia científica, ámbito en que o coñecemento do medio e as ciencias naturais veñen sendo impartidas no noso idioma desde o ano 1995.

Algo terá que ver o bon facer do profesorado galego, malia a que a inversión en educación na Galiza está moi lonxe do que dedica a OCDE. Un profesorado que non conta co apoio que debería por parte da Consellaría de Educación, pois non atende as súas demandas e chega a insultar o profesorado como fixo para xustificar a desviación do proxecto Abalar aos centros privados.

A CIG-Ensino considera que a Consellaría ten que apostar decisivamente polo ensino público, dedicando o 7% do PIB a Educación, e poñer en marcha un plano de prevención e loita contra o fracaso escolar e o abandono prematuro do ensino, polo tanto non cabe caer na autocomplacencia e a Consellaría debe poñer todos os medios para reducir e eliminar as carencias que segue mantendo o sistema educativo, dotando os centros de todos os recursos e profesorado necesario.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 09-12-2010 23:37
# Ligazón permanente a este artigo
Galicia obvia o portugués, con dez veces máis alumnos en Estremadura
O XORNAL

Uns 12.000 estremeños ?case a metade no ensino obrigatorio? estudan lingua portuguesa, fronte aos pouco máis de 1.200 que a aprenden en Galicia.

MIGUEL PARDO0 6/12/2010 - 02:01 h.


Foi agora hai ano e medio cando o presidente da Xunta,Alberto Núñez Feijóo, prometeu que estudaría a inclusión do portugués como lingua opcional no currículo escolar dos nenos galegos. Fíxoo a petición do propio Executivo luso, que a través do embaixador Álvaro José de Mendonça recordoulle a ?relación especial? de ambos os dous países e a oportunidade que a Xunta tiña para aumentar e mellorar as relacións sociais, económicas e culturais entre ambas as dúas fronteiras.

Pasado o tempo, nada cambiou. O propio embaixador recordou a Feijóo que outras autonomías españolas xa apostaran claramente pola lingua portuguesa hai anos. Referíase a Estremadura, que viu no achegamento ao país veciño a través do idioma ?pero tamén ao Brasil ou a Angola? unha oportunidade única.

Os datos cantan. Actualmente, o número de estudantes de portugués en Estremadura é dez veces maior ao de Galicia. Todo, malia que a relación histórica entre galegos e lusos faría moito máis doada a súa aprendizaxe.

Así, mentres en Estremadura son máis de 12.000 os alumnos de portugués ?tanto en ensinanzas regradas como en cursos impulsados pola Administración?, en Galicia o número total de alumnos, segundo os últimos datos da Xunta, é de 1.261.

O ?obxectivo estratéxico? co que o presidente estremeño, Guillermo Fernández Vara, cualificou o ensino do portugués está dando resultados. A súa idea de converter a lingua lusa no segundo idioma estranxeiro na comunidade xa é un feito, sendo o máis demandado tras o inglés.

No ensino obrigatorio, e segundo datos da Junta, máis de 4.300 rapaces estudan portugués en Educación Primaria e máis de 1.000 en Secundaria, fronte aos 485 que o fan en Galicia en ambos os dous ciclos.

En canto ás escolas de idiomas, 1.800 alumnos estudan portugués nos nove centros de Estremadura, todos eles co ensino da lingua lusa asegurado. En Galicia, son menos de 800 os estudantes. Pero hai moito máis.

O Gabinete de Iniciativas Transfonteirizas (GIT), organismo dependente da Junta para as relacións con Portugal, leva anos impulsando a lingua do país veciño. Respondendo á demanda dos estremeños, e con axudas públicas, esta entidade organiza uns cen cursos anuais por toda Estremadura e que abrangue a unhas 70 poboacións. ?Non só nos centramos nas zonas fronteirizas, senón en todo o territorio; ademais, intentamos chegar ás localidades onde acceder á aprendizaxe é máis complicada?, explica Montaña Hernández, directora do GIT.

O obxectivo é favorecer as relacións sociais, pero tamén económicas, entre un e outro territorio. Así, ofrécense cursos específicos para colectivos como médicos, Protección Civil, policías, traballadores da hostalería... ?Un dos hándicaps que tiñamos para a cooperación era a lingua e por iso apostamos forte?. Tanto, que en 1996 eran menos de 700 os alumnos de portugués. Hoxe son máis de 12.000, entre os do GIT, os do ensino obrigatorio, as escolas de idiomas e as universidades.

?O portugués abriu moitas portas aos estremeños; é unha riqueza cultural, pero tamén económica porque facilita os contactos comerciais e aumenta as posibilidades de atopar traballo?, engade Hernández, que destaca o mercado luso, pero tamén o brasileiro ou o angolano. ?Xa hai estremeños que aproveitaron os seus coñecementos de portugués para traballar nalgún destes países?, engade.

Tamén ao revés. Son moitos os portugueses que cruzaron a fronteira para exercer de profesores en Estremadura, como por exemplo na Universidade, onde hai 500 estudantes da súa lingua. Ademais, a lingua tamén se inclúe nos cursos de formación do profesorado español.

Preguntada pola situación en Galicia, Montaña Hernández non quere polémicas e entende que a falta de máis apoio ao ensino portugués débese ?a que os galegos xa se entenden cos seus veciños grazas ao galego?.

?O fluxo económico segue a ser moito maior entre Galicia e o norte de Portugal, pero Estremadura traballa para aumentalo cada vez máis?, insiste. Desde logo, o que non ve é connotación política ningunha, nin no caso da súa comunidade nin no de Galicia. ?Saber portugués te abrirá muchas puertas, ese é o noso lema e iso é o importante?, remata Hernández. Nada máis.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 08-12-2010 19:28
# Ligazón permanente a este artigo
Carvalho volve ter casa
Galicia Hoxe

A casa de Carvalho Calero en Ferrol converterase nun museo. O proxecto será posible despois de que o concello da cidade acordase a compra do inmoble por 350.000 euros. Esa foi a cifra de compromiso pactada polos socialistas despois de que Esquerda Unida ?promotores da idea? considerase excesivo os 400.000 euros que inicialmente quería pagar o concello.


O Concello de Ferrol comprará por 350.000 euros a casa natal do escritor Ricardo Carvalho Calero co obxectivo de convertela nun museo. O PSOE, que goberna en minoría, alcanzou para iso un acordo con Esquerda Unida, que dende 2006 reclama a adquisición do inmoble situado no núcleo histórico de Ferrol Vello, que está en estado case ruinoso.

O acordo prodúcese tras numerosos desencontros pola cantidade económica que tería que de- sembolsar o Concello, dado que, inicialmente, os socialistas formularan que a administración local lles pagase aos propietarios 400.000 euros, pero IU considerou esta cifra excesiva.

A voceiro de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, valorou que, tras as numerosas "discrepancias" que se produciron na taxación do inmoble, se alcanzara un "acordo positivo" que supón "unha boa noticia para Ferrol". De momento, a adquisición terá que ir a pleno municipal, aínda que se estima que este punto poida ser tratado antes de finais de ano. Ricardo Carvalho Calero foi licenciado en Dereito e en Filosofía e Letras e membro da Real Academia Galega. Foi o primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela e autor dalgún dos ensaios máis relevantes sobre o idioma galego.

Este ano conmemórase o centenario do seu nacemento, polo que o Concello celebrará os encontros Carvalho Calero, de Ferrol para o mundo, que se desenvolverán os días 10 e 11 de decembro na Biblioteca Municipal da praza de España.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 08-12-2010 19:26
# Ligazón permanente a este artigo
O "como", que o "que" xa o sabemos
A Nosa Terra 03.12.2010 | 08:52


A min gustaríame que os nosos sociolingüistas que, se nunha cousa coinciden é en que hai que incorporar castelanfalantes ao galego, deixasen de lle buscar nomes ao ?desideratum? e deseñasen estratexias para facelo realidade. A doenza está abondo diagnosticada, cousa imprescindíbel, xaora. O paso seguinte é acudir á farmacoloxía. É moi doado teorizar, cualificar e descualificar; mais é moi difícil poñerlle o axóuxere ao gato. Non dubido da boa intención dos manifestos, informes, análises, artigos de opinión e demais produtos da inquedanza pola nosa lingua, dubido da súa eficacia se non van acompañados de propostas concretas. Esas son a nai do año e aí é onde cómpre que se mollen e nos mollemos. Ora ben, o desmantelamento progresivo que está a levar a cabo o actual goberno da Xunta de medidas adoptadas polos anteriores non deixa lugar á dúbida de cales son as súas verdadeiras intencións. Adoptar, aínda que sexa parcialmente, a súa terminoloxía, pode semellar unha adhesión a ela.

Eu acreditarei en calquera baseamento teórico que, ademais, busque camiños e denuncie o desbaratamento dos que había até agora. Friedrich Nietzsche recomendaba que desconfiásemos de todos os pensamentos que non nos acudisen camiñando. O problema é que o discurso da imposición calou tamén en amplos sectores dos que defendemos a normalización do galego e, con esa lente, vemos coacción en case todas as propostas. Camiñar, ás veces, produce bochas nos pés. Hai que asumir o risco. Como di o Evanxeo, ninguén pode servir a dous señores. Se queremos que o galego progrese, e nós, pobo galego, con el, teremos que renunciar, se cadra, ao consenso cos que mandan nesa leira.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 08-12-2010 19:24
# Ligazón permanente a este artigo
Anxo Quintana: A nosa lingua na utopía de mañá
O Xornal


Debo comezar por agradecer a Pilar García Negro o seu interese polo informe sobre a lingua redactado por Henrique Monteagudo e que, tendo recibido a adhesión de numerosas persoas, foi presentado polo IGEA, instituto de estudos que me honro en presidir.

O obxectivo declarado do informe é ?propor unha reflexión construtiva para a articulación dunha nova estratexia de normalización do noso idioma, o galego?. Que persoas como Pilar, que teñen dedicado boa parte da súa vida a loitar pola dignificación e normalización da nosa lingua, participen neste debate sempre é motivo de satisfacción. Obviemos por intranscendentes epítetos e cualificativos como desmemoriados, fillos da distracción ou do presentismo (¿?!!), tributo a quen manda, alarde de ignorancia sociolingüística, histórica e científica ou bilingüismo prostitutivo que asigna Pilar ao propio informe ou a quen o avalamos. Quedémonos coa critica que é nai do progreso.

Sería bo, iso si, que xa que imos debater sobre o informe do IGEA o fagamos sobre o que di e non sobre afirmacións que o seu texto non contén. Salientemos dúas. 1ª: ?O aumento continuo no número de cidadáns que vivan en galego é peza fundamental para a viabilidade de calquera estratexia de normalización presente ou futura e debe ser o seu obxectivo básico?. 2ª: ?Non confundir a actitude individual de uso monolingüe do galego por parte das persoas galegofalantes, tan desexable como imprescindible para o proceso de normalización, coa idealización dunha inviable sociedade monolingüe?.

Non sei se é un principio marxista, pero resulta obvio, como tantas veces se ten afirmado e moi poucas practicado, que para cambiar unha realidade é necesario partir dunha lectura axeitada da mesma. Eu engadiría outro axioma: ademais é necesario que as persoas destinatarias do cambio que propomos saiban con toda claridade e sen dobreces a onde os queres facer chegar.

E a realidade é que Galicia é unha nación cun idioma propio, o galego, infravalorado, cando non repudiado, polas institucións do país e por boa parte dos seus cidadáns. Renegan dun deber coa nosa historia pero tamén rexeitan valorizar o propio, que é norma básica para todo progreso que sexa merecente de tal nome. Normalizar a nosa lingua a todos os niveis é o único xeito de existir como pobo con futuro nun mundo globalizado. E a normalización do noso idioma, como defende o informe do IGEA e ben sabe Pilar, non pasa pola edición de folletos absurdamente bilingües ?que o gran Xosé Lois O Carrabouxo satirizara con humor: la Vaca-Vaca le dixo al Boi-Buey?? senón pola promoción e utilización do galego en todos os ámbitos da nosa vida e pola consecución dun status de igualdade xurídica para galego e castelán dentro ?dun país con bilingüismo equitativo e restitutivo e non con bilingüismo falsamente equilibrado para perpetuar a supremacía do castelán?, como ben afirma Monteagudo.

E a realidade é que, guste ou non, no noso país existen hoxe moitas familias que son castelán falantes desde hai dúas ou máis xeracións e que neste contexto seguir despachando a presenza do castelán en Galicia como a dun idioma imposto e o bilingüismo como o Opio da normalización, é caer nun absurdo simplismo que non axuda a enfrontar o problema con eficacia.

O nacionalismo galego, ao que eu e moitos dos asinantes do documento pertencemos con orgullo, tivo sempre a intelixencia de combinar unha férrea convicción ideolóxica cunha verbalización pragmática e intelixible das súas propostas. Claro que nunca falamos de castelán-estranxeiro igual que nunca defendimos nas nosas propostas electorais a colectivización dos medios de produción nin a nacionalización da banca! Pero, precisamente, a falta dunha verbalizacion clara do diseño de país que propomos, unido a unha cultura política que se move sempre en termos absolutos, fai verosímil que tales alternativas sexan as nosas. Por iso temos tanto interese en non sinalar a ningún nacionalista, e moito menos a ningún grupo de nacionalistas, como culpables da situación. Trátase, pola contra, de responsabilizarnos colectivamente e intentar, con reflexión e valentía, cambiar unha cultura política que nos impide avanzar e que facilita, sen nos querelo, que se abran paso estratexias absurdas e falsas como o da imposición do galego. ?As políticas públicas de promoción da lingua galega e a estratexia política de promoción da nosa lingua non poden estar maioritariamente destinadas a galvanizar os lexítimos sentimentos dos que xa son galegofalantes, senón a saber interpelar e implicar os sectores castelanfalantes de Galicia, que dun xeito amplamente maioritario manteñen actitudes positivas cara ao galego e senten a necesidade da súa recuperación?, dise no informe do IGEA.

E falar claro. A idealización dunha sociedade monolingüe en galego nun mundo globalizado non só non é posible senón, o que é mais importante, non é desexable. Negámonos a converter o debate nunha disxuntiva absurda entre idealismo e realismo. Só o idealismo transforma positivamente o mundo, é a intelixencia o que permite aplicar o idealismo á realidade. Eso é o que pretende humildemente o informe do IGEA. A utopía de mañá que diría Saramago.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 08-12-2010 19:23
# Ligazón permanente a este artigo
O lugar da lingua galega
O XORNAL


É ben certo o aserto de que cantos menos índices de normalidade ou de soberanía existen nun país verbo da súa lingua ou da súa economía, máis proliferan as sofisticacións do problema. Téñoo por axiomático: a mesma falta de normalidade e ?no caso galego? unha persistente tendencia ao pactismo (?Deus é bon e o demo non é mau?) típica da nosa historia político-cultural fabrican a cada paso reviravoltas artificiosas que, no canto de esclarecer, confunden, iso si, con aparencia de recoñeceren que o problema en si existe e cómpre resolvelo. O problema, claro está, é a absoluta anemia institucional do galego, de novo agredido, nesta lexislatura, con armas ilegais e propagandísticas que visan sen máis a súa destrución.

Esta leria preliminar vén a conto do informe do IGEA, de que se fixo eco Xornal de Galicia, verbo da situación do idioma da Galiza e das alternativas defendíbeis. Chámame a atención, en primeiro lugar, a desmemoria dos redactores. Desde aquel lonxincuo 1979, en que se dita, por parte do MEC, o chamado ?Decreto de Bilingüismo?, este termo, na contemporaneidade galega sempre foi usado pola contra do galego con fins nada benéficos: non para lle dar entrada ao galego nun ámbito público, senón para todo o contrario, coartar o seu mínimo desenvolvemento no ensino ou noutro dominio social. Os ferreños monolingüístas españois de antonte viraron, por conveniencia, bilingüistas onte e hoxe (Lei Villar Palasí; ?Informe sobre enseñanza de las lenguas españolas y bilingüismo?, elaborado por comisión designada polo MEC e presidida por Lázaro Carreter; AGLI; Galicia Bilingüe?). Por iso se dicía ?e diciamos?, parafraseando a célebre sentenza marxiana, que o bilingüismo era o opio da normalización das linguas europeas que a precisaban.

De por parte, nen os máis antigos textos doutrinais e/ou parlamentares do nacionalismo galego enredaron considerando ?estranxeira? a lingua española na Galiza. A cousa é cómica, por non dicer dramática, xa que era, e é, o galego, a todos os efeitos, a estranxeira na súa patria, por expresármolo con lapidario título rosaliano. Por exemplo, a Proposición de Lei do BN-PG / PSG (9 de Marzo de 1982) parte de definir o problema lingüístico da Galiza como colectivo e por situar a alternativa ou solución como aplicábel a todo o territorio e a toda a sociedade galega. A normalización do galego visa, pois, instaurar unha pauta pública en galego, independentemente do recoñecemento dos dereitos individuais exercíbeis en español. Isto é, o contrario mesmamente do que ocorre hoxe. Tal pauta normalizadora foi a que se instaurou en Cataluña, onde non se dubidou naturalmente de que a normalización do catalán había facerse en catalán, como, entre nós, a normalización do galego faise en galego e non en ?bilingüe?.

¿Coñecen os autores a realidade de moitos textos ?bilingües? que existen aquí e agora? Por exemplo: programas de man onde o galego, en tinta suave e cursiva, ocupa a páxina par, co cal os ollos de quen le van inevitabelmente á páxina impar, letra negra e ben lexíbel. O mesmo diriamos de moitos rótulos ou letreiros en exposicións e lugares de tránsito público. Mais é que, a maiores, se algún resultado masivo, popular, mesmo dentro de proporcións minoritarias, conseguiu a loita lingüística pro-galego do nacionalismo foi a de desvendar como o suposto uso bilingüe, pretensamente igualitario, non era máis que a tampa dun uso diglósico (por tanto, disimétrico e sempre subordinado para o galego) con que se xustificaba o baile ou cambio do galego para o español.

O bilingüismo, señores, é o statu quo, sen máis. Como a esta altura do filme, dubido moito de que se nos podan apor a nengún de nós posicións desatentas ou inxenuas, só se me ocorre, para xustificar tal alternativa (a adopción positiva do bilingüismo), un afán pactista, supostamente equidistante dos extremos, que serían os radicalismos dun e doutro lado. Vaia por Deus! Isto é tan vello como a extinta UCD e o seu corpo de asesores, lingüistas incluídos. Por iso, hai trampa neste debate, que ignora (e penso que non por un ataque súpeto de amnesia) como e en que condicións se foi normalizando, ben que dificultosamente, o galego na nosa época, a que custos e, moi a rentes do chao, con que prácticas: en galego, naturalmente, con persuasión, indución, simpatía e achegamento cordial e unitivo de todos os galegos. Mais tamén coa clareza necesaria e non con panos quentes concesivos.

Por certo, ignorar o labor do nacionalismo nesta tarefa ou, aínda, zafrañarlle a culpa (¡!) do atraso evidente na normalización do galego xa non coido que sexa fillo da distracción ou do presentismo, senón directamente tributo a quen manda. Se houbese bilingüistas benéficos, terían que estar reclamando enerxicamente máis espazos para o galego, en nome dun pretenso e ideal fifty-fifty. Que isto sexa ciencia ficción é a proba do nove de cómo e a favor de que e de quen se utiliza o tal bilingüismo.

Como este termo carga con todo o que lle boten, en alarde de ignorancia sociolingüística, histórica e científica, podemos adxectivalo con todo tipo de cualificativos. Xa levamos uns cantos: bilingüismo harmónico, equilibrado, froitoso [sic], substitutivo, restitutivo? Engado máis un: prostitutivo. Total, postos a xogar, que máis ten?

Convido aos autores e adherentes deste informe a que sumen todas as súas positivas enerxías mentais e laborais ao esforzo de conseguiren o que din pretender: que haxa máis falantes-practicantes do galego e, de paso, que recorden que non hai un só lugar na LNL vixente (co cativa que é) onde se proclame como obxectivo a evidencia: que na Galiza existen, en presenza, dúas linguas, a propria e a imposta, con abismal diferenza de usos sociais e públicos. Se esta lei se promulgou, foi pola obvia inferioridade do galego. Que os que o posúen como lingua inicial o manteñan e que os que parten do español o adquiran e fixen conscientemente: non outra cousa é a normalización.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 08-12-2010 19:21
# Ligazón permanente a este artigo
encontros para conmemorar o centenario do nacemento de Carvalho Calero
A Concelleira de Cultura, Educación e Universidade do Concello de Ferrol, remite o programa dos encontros para conmemorar o centenario do nacemento de Carvalho Calero que terán lugar en Ferrol o 10 e 11 de decembro de 2010.

Programa
View more documents from cenlf.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 03-12-2010 11:37
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0