|
|
|
|
O GALEGO DÁ VIDA, POLA VIDA DO GALEGO |
|
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DA REAL ACADEMIA GALEGA
A Coruña, 30 de xaneiro de 2015
Grazas aos esforzos de innúmeras persoas e colectivos e contra os desatinos da historia, o galego conseguiu manterse e soerguerse, superando séculos de marxinación e décadas de persecución. Nunca agradeceremos dabondo a xenerosidade, a afouteza e a visión de futuro de moitos galegos e galegas que foron quen de rescatar o noso idioma da prostración e de facelo pular nos distintos ámbitos, da creación literaria aos medios de comunicación, o ensino ou os diversos ámbitos profesionais. Eses esforzos son a mellor mostra da adhesión do pobo galego cara ao idioma de seu. Estamos certos de que a inmensa maioría das xentes do país ?independentemente da súa ideoloxía ou mesmo do idioma que falan? valoran a lingua, téñenlle lei e desexan que siga vivindo. Nesa certeza descansa a nosa confianza no seu futuro.
Con todo, os datos estatísticos recentemente publicados veñen apuntar un preocupante retroceso do seu uso nos últimos anos, especialmente entre as novas xeracións, agravando unha tendencia histórica que pode conducilo á decadencia. En cumprimento dos seus deberes estatutarios, a Real Academia Galega, ante a alarma que estes datos provocaron en amplos sectores da nosa sociedade, decidiu facer pública a seguinte declaración institucional:
1.- O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade en 2004 un Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega que viña concretar as previsións da Lei de Normalización Lingüística. É responsabilidade do goberno galego asumilo, poñendo en marcha as medidas previstas nel dun xeito programado, verificable e suxeito a avaliación. Non se pode demorar por máis tempo o momento de emprender iniciativas concretas con prazos precisos. Instamos a que o mesmo consenso político que posibilitou a aprobación da Lei e do Plan citados impulse agora a súa plena e eficaz implementación.
2.- O sistema educativo é unha peza clave para garantir o porvir do galego. A evolución dos últimos anos evidencia que os cambios legais non só tiveron resultados insatisfactorios, senón que supuxeron un retroceso evidente. No seu día, a RAG recorreu legalmente o decreto chamado de plurilingüismo aprobado en 2010. Hoxe, con máis razón, reclamamos a súa derrogación e o establecemento dun marco legal que permita unha presenza suficiente do galego no ensino, de acordo cos compromisos contraídos polo Estado Español na Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias.
3.- A infancia e a mocidade constitúen sectores prioritarios. É imprescindible darlles facilidades aos cativos e aos mozos para o uso do galego alén das relacións familiares e das aulas. Demandamos que se promova unha maior oferta televisiva, de produtos audiovisuais e de recursos, actividades e espazos de lecer en idioma galego específicos para a xente máis nova.
4.- A Universidade é o ámbito principal de formación de profesionais e da investigación do país. As universidades galegas están obrigadas a facer un esforzo a prol do galego na docencia e a fomentar as liñas de investigación en diversas áreas que contribúan ao seu pleno desenvolvemento como idioma útil e capaz de afrontar os desafíos do século XXI.
5.- A presenza do galego nos medios de comunicación escritos, audiovisuais e en liña non é proporcionada á que o idioma ten na sociedade galega. Urximos os medios, públicos e privados, a que contribúan positivamente á súa difusión, ao tempo que reflicten verazmente a realidade lingüística de Galicia.
6.- O desempeño do galego no ámbito empresarial, sindical, comercial, profesional e publicitario está moi por debaixo da súa utilización na vida real da maioría da poboación. Animamos as empresas, sindicatos, colexios e colectivos profesionais a que se adapten debidamente ao uso lingüístico de clientes, usuarios e públicos a quen dirixen os seus servizos. Exhortamos tamén a Igrexa, que goza dunha importante implantación social, pero que non responde ás propias proclamas oficiais de se comprometer a un maior uso do galego na liturxia, na predicación e na catequese.
7.- As institucións públicas deben garantir que os cidadáns e cidadás poidan ser atendidos en galego, e para isto é imprescindible recuperar un nivel proporcionado de esixencia de coñecemento e de emprego profesional del. Cómpre que o galego sexa debidamente requirido e valorado nas probas de acceso e promoción na función pública.
8.- A mellor garantía para a pervivencia e vitalidade do idioma é a transmisión das xeracións maiores ás máis novas e o compromiso individual de cada un dos falantes no seu uso. Convidamos os avós e as avoas, os pais e as nais a que empreguen a lingua propia do país nas súas relacións cos seus fillos e fillas, netos e netas, e animamos as persoas que recibiron o idioma en herdo a que se sintan orgullosas del e non renuncien a utilizalo na súa vida diaria. Asístenos o dereito a vivir en galego e esiximos que ese dereito sexa amparado e respectado.
9.- As institucións culturais teñen unha responsabilidade específica tanto no prestixiamento do galego coma na creación e a divulgación de instrumentos que faciliten o seu uso e melloren a súa calidade. A Real Academia Galega comprométese a cumprir as súas funcións coa maior dilixencia e ofrece a súa colaboración ao goberno galego e calquera outra instancia que llo solicite. En ningún caso a RAG vai declinar da súa obriga máis importante, que é a "defensa, ilustración e promoción da lingua galega" (art. 1º Estatutos).
10.- A sociedade galega leva investido unha gran cantidade de recursos, enerxías e ilusións na tarefa de normalizar o idioma propio. Ese esforzo non pode derramarse. A responsabilidade de seguir abríndolle o camiño é de todos e todas nós, pero son as institucións públicas e nomeadamente o goberno galego, as que contan cos recursos máis poderosos e os instrumentos máis eficaces para conseguilo, ademais de estaren legal e moralmente obrigadas a facelo. Urxe unha reflexión seria, cómpre un novo impulso para evitar o desafiuzamento do galego da súa propia casa, Galicia. Un marco normativo máis axeitado, pero sobre todo, un discurso renovado, positivo e proactivo. Correspóndelle á Xunta de Galicia tomar a iniciativa e liderar o esforzo social para seguirmos avanzando.
Unha lingua é un universo de seu, pertence ao mellor saber da humanidade. É unha ponte entre xeracións, un precioso elo coa historia e unha ferramenta valiosísima para o futuro, un medio de comunicación e tamén un recurso con valor emocional e económico. É un ben público, o máis semellante ao ar que respiramos. Temos un tesouro para compartir, sería imperdoable desbaldilo. Ter un idioma propio, orixinal, único, impón a obriga moral e práctica de conservar ese herdo para nós e para toda a humanidade. O galego non é un problema, é unha riqueza que non podemos estragar. Longa vida á lingua galega!
Nesta ligazón podes descargar a versión en PDF. [0.3Mb] |
|
|
|
REQUIRE UN NOVO IMPULSO NUNHA DECLARACIÓN INSTITTUCIONAL |
|
A RAG pide consenso político para evitar o "desafiuzamento" do galego da súa propia casa
Alonso Montero advirte do "preocupante" retroceso no uso do idioma e destaca que o galego é un "tesouro para compartir
Galicia Hoxe - A CORUÑA.
A Real Academia Galega (RAG) chamou ao "consenso político" e pediu un "novo impulso" para evitar "o desafiuzamento do galego da súa propia casa, Galicia," segundo recolle nunha declaración institucional que fixo pública este venres.
Nun acto na sede da RAG, en A Coruña, o presidente da institución, Xesús Alonso Montero, e varios membros da Academia e da comisión executiva deron lectura aos diferentes puntos do documento titulado 'O galego dá vida, pola vida do galego'.
O pronunciamento da RAG "intenta responder" aos datos publicados recentemente polo Instituto Galego de Estatística que describen un "preocupante retroceso" do uso do galego, segundo manifestou o presidente da Academia antes de dar lectura á declaración institucional.
Ante esta situación, a RAG deu coñecer a súa posición nun documento no que chamou á "responsabilidade" da Xunta para cumprir cos obxectivos da Lei de Normalización Lingüística e pediu "medidas concretas", entre as que volveu solicitar a derrogación do decreto do plurilingüismo.
DISCURSO RENOVADO
"Urxe unha reflexión seria, é necesario un novo impulso para evitar o desafiuzamento do galego da súa propia casa, Galicia. Un marco normativo máis axeitado pero sobre todo, un discurso renovado, positivo e proactivo. Correspóndelle á Xunta de Galicia tomar a iniciativa e liderar o esforzo social para seguir avanzando", afirma.
No escrito, presentado a xeito de decálogo, a RAG insta a que "o mesmo consenso político" que posibilitou a aprobación da Lei de Normalización Lingüística e o Plan Xeral de Normalización dá Lingua Galega "impulse agora a súa plena e eficaz implementación".
SISTEMA EDUCATIVO
Ademais, recorda que o sistema educativo é unha "peza clave" para garantir o porvir do galego e, por iso, reclama a derrogación do decreto do plurilingüismo e o "establecemento dun marco legal que permita unha presenza suficiente do galego" no ensino", sinala.
Para a RAG, "a mellor garantía para a pervivencia e vitalidade do idioma é a transmisión das xeracións maiores ás máis novas e o compromiso individual de cada un dos falantes no seu uso".
Sentirse ORGULLOS
Finalmente, a institución académica presidida por Xesús Alonso Montero chamou as persoas a que "se sintan orgullosas" do idioma e "non renuncien a utilizalo na súa vida diaria".
"Temos un tesouro para compartir, sería imperdoable perdelo. Ter un idioma propio, orixinal, único, impón a obriga moral e a práctica de conservar esa herdanza para nós e para toda a humanidade. O galego non é un problema, é unha riqueza que non podemos estroperar. Larga vida a lingua galega", conclúe a declaración institucional da RAG. |
|
|
|
La Academia urge actuar para que el gallego no sea ?desahuciado? |
|
La RAG pide que la Xunta lidere una gran iniciativa social por el idioma.
PAOLA OBELLEIRO - El País - A Coruña 30 ENE 2015
?O galego dá vida, pola vida do galego?. Sin exclamaciones, ni grandes pompas, sólo con ánimo de ser ?positiva y proactiva?, la Real Academia Galega (RAG) lanzó este viernes una encendida proclama por el idioma propio, en riesgo de ?desahucio de su propia casa, Galicia?, advierte. Todas las alarmas están al rojo vivo por el incesante e ?importante retroceso? del uso del gallego, desde que hace ya más de un mes el Instituto Galego de Estatística certificó el imparable descenso de los habitantes de la comunidad que hablan en su lengua propia. Sobre todo entre los más jóvenes.
El 75% de los menores de 15 años habla solo o mayoritariamente castellano. Ante ello cumple tomar ?medidas concretas? y rápido, implora la academia. Con ?impulso renovado? y consenso político al máximo. La misma unanimidad que obtuvo hace una década el Plan Xeral de Normalización Lingüística, cuya puesta en marcha es sólo parcial y requiere ?no demorarse por más tiempo?. Su implantación debe hacerse ya, ?plena y eficaz?, urgen los académicos. Y aunque su declaración es un llamamiento a todos los sectores de la sociedad, incluidos ellos mismo, tiene a la Xunta por primera y principal destinataria: ?Le corresponde tomar la iniciativa y liderar el esfuerzo social para que sigamos avanzando?, ruega la institución.
El presidente gallego, Alberto Núñez Feijóo, recibió en rigurosa exclusiva la declaración, el pasado jueves, víspera de su presentación en público. Una representación de la Academia que preside Xesús Alonso Montero se la entregó en mano durante una audiencia celebrada en Santiago, en el despacho de Feijóo. Pero fue una reunión casi secreta, pese a saberse el motivo: dar respuesta a los aterradores datos estadísticos. El Gobierno no consideró necesario incluirla en la agenda presidencial que se publica cada día. Ni palabra tampoco dijo ayer sobre un texto aprobado por unanimidad de todos los académicos y presentado en su sede con toda solemnidad.
Una declaración que vuelve a reclamar la derogación del tan denostado y criticado decreto de plurilingüismo de 2010 del Ejecutivo Feijóo que redujo la enseñanza del gallego en las aulas. La norma consiguió todo lo contrario de lo perseguido, resalta la Academia gallega con un punto de ironía ácida, ya que los niños son cada vez más monolingües. ?Es un retroceso evidente?, subraya La importancia de garantizar, con ?un marco normativo más adecuado?, la enseñanza del gallego con igual rango que el castellano, como ocurría antes del decreto de 2010, es imperiosa. Aprenderlo ayuda a hablarlo más, argumenta la RAG.
Y no sólo urge dar todas las facilidades a los más pequeños para usar el gallego en todos los ámbitos, dentro y fuera de las aulas, sino también que todos los sectores de la sociedad se impliquen con más ahínco. Universidad, medios de comunicación, empresarios, sindicatos, todos los colectivos públicos o privados son animados por la institución a fomentar, facilitar e impulsar el gallego. El exhorto también incluye a la Iglesia católica por su ?importante implantación social? y su hasta ahora caso omiso a las ?proclamas oficiales para que se comprometa en un mayor uso? del idioma.
?Es un tesoro para compartir, sería imperdonable perderlo?, reza la declaración. ?Es un bien público, el más semejante al aire que respiramos?. La Academia está convencida de que así lo sienten y lo valoran la inmensa mayoría de ?las gentes del país?, incluidas las que no lo hablan. Por eso la alarma debe ser total y requiere un sobresalto inmediato para que no caiga ?en la decadencia?. Supondría, según la RAG, echar por la borda el enorme esfuerzo de innumerables personas que permitió al gallego superar ?siglos de marginación y décadas de persecución?. |
|
|
|
A RAG esíxelle á Xunta que cumpra o Plan de Normalización e derrogue o decreto de plurilingüismo |
|
Redacción | @prazapublica
A Real Academia Galega fixo pública este venres unha declaración institucional, O galego dá vida, pola vida do Galego, en resposta aos moi negativos datos sobre a situación da lingua revelados nos últimos tempos polo INE e polo IGE. A RAG responsabiliza da situación, principalmente, ao Goberno galego, a quen lle esixe que "asuma" o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado por unanimidade no Parlamento en 2004 e que "poña en marcha" as "medidas previstas nel dun xeito programado, verificable e suxeito a avaliación". "Non se pode demorar por máis tempo o momento de emprender iniciativas concretas con prazos precisos. Instamos a que o mesmo consenso político que posibilitou a aprobación da Lei e do Plan citados impulse agora a súa plena e eficaz implementación", engaden.
A RAG reclama unha vez máis a derrogación do decreto de plurilingüismo aprobado en 2010 "e o establecemento dun marco legal que permita unha presenza suficiente do galego no ensino"
De igual xeito, reclama unha vez máis a derrogación do decreto de plurilingüismo aprobado en 2010 "e o establecemento dun marco legal que permita unha presenza suficiente do galego no ensino, de acordo cos compromisos contraídos polo Estado Español na Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias". Así mesmo, esixe que o galego "sexa debidamente requirido e valorado nas probas de acceso e promoción na función pública".
Pide "que se promova unha maior oferta televisiva, de produtos audiovisuais e de recursos, actividades e espazos de lecer en idioma galego específicos para a xente máis nova"
Ademais, do ensino, "unha peza clave para garantir o porvir do galego", o texto fai referencia a outros eidos que xulga tamén fundamentais, coma o ocio da infancia e a mocidade, para os que reclama "que se promova unha maior oferta televisiva, de produtos audiovisuais e de recursos, actividades e espazos de lecer en idioma galego específicos para a xente máis nova". En relación con isto, tamén demanda unha maior presenza do galego nos medios de comunicación escritos, audiovisuais e en liña, que na actualidade "non é proporcionada á que o idioma ten na sociedade galega".
Tamén lles pide ás universidades "un esforzo a prol do galego na docencia" e, ademais, "fomentar as liñas de investigación en diversas áreas que contribúan ao seu pleno desenvolvemento como idioma útil e capaz de afrontar os desafíos do século XXI". Tamén anima a empresas, sindicatos, colexios e colectivos profesionais "a que se adapten debidamente ao uso lingüístico de clientes, usuarios e públicos a quen dirixen os seus servizos". E, finalmente, diríxese á Igrexa, para que cumpra co seu compromiso de incorporar "un maior uso do galego na liturxia, na predicación e na catequese".
A pesar da difícil situación, a declaración amosa "confianza no futuro", baseada na certeza de que "a inmensa maioría das xentes do país ?independentemente da súa ideoloxía ou mesmo do idioma que falan? valoran a lingua"
A pesar da difícil situación, a declaración amosa "confianza no futuro", baseada na certeza de que "a inmensa maioría das xentes do país ?independentemente da súa ideoloxía ou mesmo do idioma que falan? valoran a lingua, téñenlle lei e desexan que siga vivindo". A RAG pide "unha reflexión seria, cómpre un novo impulso para evitar o desafiuzamento do galego da súa propia casa, Galicia". E pide "un marco normativo máis axeitado, pero sobre todo, un discurso renovado, positivo e proactivo". O texto conclúe convidando a Xunta a "tomar a iniciativa e liderar o esforzo social para seguirmos avanzando". |
|
|
|
A Academia súmase ao clamor social polo galego |
|
Unha semana antes de que se desenvolva a manifestación de Queremos Galego, a Academia fai pública unha declaración institucional na que se suma ao clamor social polo galego. Esixe o cumprimento do Plan de Normalización e reafírmase no recurso ao decreto do plurilingüismo.
Sermos Galiza
A poucos días de que se desenvolva a manifestación convocada por Queremos Galego en Compostela o vindeiro día 8 de febreiro, a Real Academia Galega fixo pública unha declaración institucional na que recoñece o pulso social na defensa e a transmisión do idioma. Diríxese á Xunta para que tome a iniciativa no proceso de normalización.
?O galego dá vida, pola vida do galego? é o título da declaración que foi presentada na sede da Rúa Tabernas da Coruña polo presidente da institución Xesús Alonso Montero, acompañado por académicos e académicas como Margarita Ledo, Manuel Rivas, Fina Casalderrey, Xosé Luís Regueira, Henrique Monteagudo ou Andrés Torres Queiruga.
A Academia parte do ?preocupante retroceso? do uso da lingua, en especial nas novas xeracións, que se evidencia nos datos da enquisa do IGE e esixe o cumprimento do Plan de Normalización da Lingua aprobado por unanimidade parlamentar en 2004. ?É responsabilidade do goberno galego asumilo, poñendo en marcha as medidas previstas nel dun xeito programado, verificable e suxeito a avaliación?, sinalan nunha das referencias nas que a declaración se dirixe directamente ao goberno galego. As outras atópanse case no fin do documento na que a RAG insiste en que é á Xunta a quen lle corresponde ?tomar a iniciativa e liderar o esforzo social para seguirmos avanzando?. Ao goberno galego lémbralle que é quen conta cos ?recursos máis poderosos e os instrumentos máis eficaces para conseguilo, ademais de estaren legal e moralmente obrigadas a facelo?.
Derrogación do decreto recorrido
A Academia refírese tamén no punto segundo da declaración ao decreto de plurilingüísmo que ten recorrido e reclama ?a súa derrogación e o establecemento dun marco legal que permita unha presenza suficiente do galego no ensino?.
Facilitar materiais para promover a transmisión ás novas xeracións, promover o galego na Universidade, nos medios de comunicación, no ámbito empresarial, sindical, comercial, profesional e publicitario ou nas institucións públicas son outras das preocupacións que manifesta a Academia na súa declaración, algunhas delas recollidas tamén no manifesto de Queremos Galego para a mobilización do vindeiro 8F ?Polas fillas dos nosos fillos?.
?Asístenos o dereito a vivir en galego e esiximos que ese dereito sexa amparado e respectado?, sinalan desde a Academia
?Asístenos o dereito a vivir en galego e esiximos que ese dereito sexa amparado e respectado?, sinalan desde a Academia ao tempo que defenden que ?a mellor garantía para a pervivencia e vitalidade do idioma é a transmisión das xeracións maiores ás máis novas?, cerne tamén da mobilización como queda á vista no propio lema da convocatoria.
A Mesa valora positivamente a declaración
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira valorou ?positivamente que nun momento de tanta urxencia para a lingua a Academia publique esta declaración institucional que, en boa parte, coincide coas razóns que nos levan á convocatoria do 8F?. Para o presidente da MNL, entidade promotora da plataforma Queremos Galego, ?o contido axústase ao que levamos mantendo moito tempo e consideramos que esta é a actitude que cómpre manter porque estamos a xogar o futuro da lingua do país?. ?O goberno de Feijóo ten que tomar nota diso porque, como se está a ver, a súa política anti-galega suscita un rexeitamento unánime no seo da sociedade?, engade Maceira. |
|
|
|
A Xunta retruca á RAG que o Decreto é legal |
|
O Goberno Galego reaccionou inmediatamente a publciación do documento "O galego dá vida, pola vida do Galego". Neste texto a Real Academia Galega (RAG) volve pedir, entre outros puntos, a derrogación do polémico Decreto do Plurilingüismo que reduciu as horas de clases en galego e que está a provocar un retroceso do idioma propio nas aulas.
Malia que o Executivo presidido por Alberto Núñez Feijoo di que comparte de xeito maioritario o manifesto e manifesta "máximo respecto polo traballo que en prol do galego fan as distintas institucións", tamén responde que "as oito sentenzas do TSXG sobre esta norma contemplan que son legais o principio de equilibrio entre galego e castelán, a introdución do plurilingüismo e mais a participación e colaboración das familias nas decisións educativas".
O último punto da argumentación da Xunta é unha media verdade. Foi precisamente a Xustiza quen obrigou ao Goberno a reducir o impacto da opinión das familias na escolla da lingua en Primaria. O Decreto orixinal dáballe poder para fixala mediante votación, mentres que o TSXG tivo que lembrarlle á Consellería de Educación que non podía delegar nos pais a decisión de que idioma se utiliza nas aulas. Por iso agora a consulta aos proxenitores é só consultiva, cando menos en teoría.
Xogando cos datos do IGE
A Consellería de Educación tamén interpreta os datos do IGE, que mostran un claro retroceso do galego no ensino, de xeito interesado; ao destacar unicamente un dato: "a propia enquisa do IGE rexistra un uso equilibrado do galego no ensino non universitario". A Administración tamén argumenta que o galego sigue caendo, pero menos, ao presumir da "ruptura coa tendencia de descenso de falantes de galego entre 5 e 14 anos −de 12 puntos− que se viña dando entre o 2003 e o 2008 e que no período 2008-2013 se cifra en 2 puntos".
Con todo, a resposta do Executivo ten un ton claramente conciliador coa institución que preside Xesús Alonso Montero. Así Educación interpreta que "os 10 puntos nos que se articula o texto coinciden maioritariamente coa análise feita pola Administración autonómica respecto da situación do galego a partir dos datos que publicou recentemente o Instituto Galego de Estatística (IGE) e tamén coa necesidade de involucrar a toda a sociedade na mellora dos índices de uso como garantía do futuro da lingua".
A inminente saída de Jesús Vázquez da Consellería de Educación sitúa ao seu número dous, Anxo Lorenzo, entre os candidatos para substituílo. Lorenzo, malia ser crítico coas posturas do PPdeG sobre a normalización antes de ser fichado por Feijóo, é un dos principais defensores do polémico Decreto polo que é improbábel un cambio de rumbo nesta materia. A política do PPdeG ao respecto sigue sendo defender o Decreto, evitando na medida do posíbel alimentar a polémica pois o idioma foi o motivo dunha das maiores mobilizacións sociais contra a política conservadora na era Feijóo. |
|
|
|
RAG: «O galego non é un problema, é unha riqueza que non podemos estragar» |
|
A RAG pide de novo a derogación do Decreto do plurilingüismo de 2010 e di que os cambios lexislativos «non só tiveron resultados insatisfactorios, senón que supuxeron un retroceso evidente», mentras a Xunta dí que aopia do decumento da Academia.
RODRI GARCÍA - La Voz de Galicia - A Coruña, 30 de enero de 2015.
Cinco académicos e o presidente da Real Academia Galega deron lectura este venres a unha declaración institucional sobre a situación do galego. «Non se pode demorar por máis tempo o momento de emprender iniciativas concretas con prazos precisos». Isto aseguran nun documento que conta co apoido de tódolos académicos numerarios da RAG, un texto que leva por título «O galego dá vida, pola vida do galego. Declaración institucional da Real Academia Galega». Alonso Montero detallou que o documento está formado por un preámbulo, un decálogo e un epílogo. No primeiro deles indican que despois dos últimos datos publicados sobre o uso do galego este é un pronunciamento «ante a alarma que estes datos provocaron en amplos sectores da sociedade».
Fina Casalderrey deu lectura aos dous primeiros puntos, nos que se dí que «o sistema educativo é unha peza clave para garantir o porvir do galego». O punto catro do decálogo, lido por Margarita Ledo, di que as universidades galegas «están obrigadas a facer un esforzo a prol do galego na docencia e a fomentar as liñas de investigación en diversas áreas». Henrique Monteagudo deu lectura a dos puntos, cinco e seis, sobre o uso do galego nos distintos eidos da sociedade, facendo mención da Igresa, medios de comunicación, «empresas, sindicatos, colexios e colectivos profesionais».
Nos seguintes puntos, lidos por Xosé Luis Regueira e Manuel Rivas, os académicos consideran que a mellor garantía para a pervivencia do idioma «é a transmisión das xeracións maiores ás máis novas e o compromiso individual de cada un dos falantes no seu uso». Ademáis, en ningún caso a RAG vai declinar da súa obriga máis importante, que é a «defensa, ilustración e promoción da lingua galega» (art. 1º Estatutos).
Torres Queiruga leu o punto sobre a a necesidade de «un marco normativo máis axitado, pero sobre todo, un discurso renovado, positivo e proactivo». No epílogo, Alonso Montero rematou: «Ter un idioma propio, orixinal, único, impón a obriga moral e práctica de conservar ese herdo para nós e para toda a humanidade. O galego non é un problema, é unha riqueza que non podemos estragar. Longa vida á lingua galega!».
A Xunta pronunciose sobre o pronunciamento da RAG es asegura que comparte «a vontade expresada na declaración institucional dada a coñecer hoxe pola Real Academia Galega de garantir o futuro da lingua propia de Galicia e aposta por manter o seu compromiso para crear actitudes positivas cara ao galego». Tamén asegura «aposta por manter un compromiso firme para crear actitudes positivas cara ao idioma. Do mesmo xeito, manifesta o máximo respecto polo traballo que en prol do galego fan as distintas institucións recordando que a política lingüística que está a realizar a Xunta de Galicia parte do convencemento de que a lingua é útil en calquera ámbito e para o desempeño de todas as funcións sociais». Na mesma liña, defende o Decreto sobre o pluriligüísmo de 2010 e apunta que os dez puntos nos que se articula o texto da RAC «coinciden maioritariamente coa análise feita pola Administración autonómica respecto da situación do galego a partir dos datos que publicou recentemente o Instituto Galego de Estatística (IGE) e tamén coa necesidade de involucrar a toda a sociedade na mellora dos índices de uso como garantía do futuro da lingua». |
|
|
|
Cal é a lingua e a identidade na fronteira galego-portuguesa? |
|
Unha publicación analiza desde o punto de vista histórico, lingüístico e antropolóxico a relación entre o galego e o portugués nas comunicades fronteirizas.
Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/01/2015
?Lingua e identidade na fronteira galego-portuguesa?. Ese é o título da publicación que pretende abordar desde un marco multidisciplinar a situación socio-lingǘística da fronteira galego-portuguesa. É unha obra na que se tentan ?revisar algúns tópicos? desde o punto de vista histórico, antropolóxico ou lingüístico.
O libro, presentado no Consello da Cultura, recolle dez contribucións que reflexionan sobre as razóns e as consecuencias da división en dous do espazo constitutivo do protorromance galego, e que deu lugar ás linguas galega e portuguesa.
A variación sintáctica, o léxico dialectal, a entoación e as percepcións así como as actitudes lingüísticas na fronteira galego-portuguesa son algúns dos temas tratados no volume. Nel tamén se analizan os camiños diverxentes de Galicia e Portugal a partir da Idade Media ou a permeabilidade bidireccional da raia, que a un tempo une e separa ambos os territorios.
Xulio Sousa, Marta Negro Romero e Rosario Álvarez son os tres investigadores encargados da edición desta monografía que ve a luz no marco da colección «Ensaio&Investigación» do Consello da Cultura Galega.
Mediante esta monografía preténdese propiciar a reflexión sobre o estado da cuestión, impulsar avances na súa investigación, crear un espazo de encontro para as olladas pluridisciplinares e crear novo coñecemento con renovación en métodos e resultados. A publicación responde a unha dinámica de traballo iniciada hai uns anos entre o Consello da Cultura Galega e o Instituto da Lingua Galega.
No acto de presentación estiveron Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ernesto González, director do Instituto da Lingua Galega (ILG) e Xulio Sousa un dos tres editores deste volume xunto con Rosario Álvarez e Marta Negro. |
|
|
|
Manuel Mera: Lingua e Igualdade |
|
Redacción Diario de Ferrol | 28 Enero 2015
Para o vindeiro 8 de febreiro está convocada unha manifestación en Compostela a prol da lingua galega. Sen dúbida ningunha, está máis que xustificada, tendo en consideración a desigualdade de trato que se lle dá aos galego-falantes en relación aos que utilizan o castelán, e mesmo o inglés.
Cando se valora a situación do noso idioma non se pode obviar que foi perseguido e discriminado durante séculos, e que se fixo dende o poder un esforzo especial para unir no imaxinario colectivo a lingua galega co atraso e un atranco para o ascenso social.
E malia que se afirme, que tanto a lingua propia como o castelán teñen idénticas oportunidades, na práctica cotiá, os medios, as empresas, a igrexa e todos os aspectos da vida pública impoñen o idioma da meseta. Nas institucións o seu emprego do galego é ritual. Faise así realidade que a cultura dominante é a da clases hexemónicas, malia que estas sexan unha minoría.
Polo tanto é unha trapallada que a Xunta diga que o retroceso da nosa lingua se debe a que as familias non a empregan. En realidade, o realmente destacábel é que neste contexto exista un número tan importante de persoas que a emprega, arreo ou circunstancialmente, nun ambiente tan hostil. O Goberno galego do PP non pode botar balóns fóra cando sabendo destas desvantaxes, ano tras ano, diminúe os recursos para a promoción do galego, que hoxe son sete veces inferiores aos que se dan en Euskadi para potenciar o vasco. Por non falar das medidas que tomou no ensino para colocar a nosa lingua en situación de desvantaxe, e polo tanto de precariedade, nas novas xeracións.
Dito isto, considero que tampouco axuda moito, que persoas que se destacan na promoción do galego e da nosa cultura dean por liquidado en pouco tempo o seu uso, botando auga no muíño daqueles que devecen por dar a lingua galega por morta. Se o que pretenden é sensibilizar, teñen que facelo facendo énfase nos atrancos e nas eivas.
O noso idioma non está morto, nen esta vella nación vencida. Podemos dicilo con orgullo, cinco séculos despois da doma e castración do Reino de Galiza que iniciaron os Reis Católicos. Manifestémonos e construamos. Esa é a cuestión. |
|
|
|
A revista 'Murguía', da Asociación Galega de Historiadores, ofrecerá contidos de descarga libre por Internet |
|
No seu último número permite o acceso á sección 'Lecturas', que este mes analiza as obras clave sobre o anarquismo galego.
Galicia Hoxe - SANTIAGO.
'Murguía', a revista que edita a Asociación Galega de Historiadores, ofrecerá aos internautas a posibilidade de descargar gratis a sección 'Lecturas', na que se salientan as últimas publicacións e ensaios históricos elaborados por autores galegos.
No seu último número permite o acceso 'on line' á sección 'Lecturas', na que analiza obras clave sobre o anarquismo ibérico e prevé incorporar en breve no seu web outros contidos.
Os responsables da revista anunciaron que nos próximos meses engadirán novos contidos gratuítos coa finalidade de abrir a súa difusión ante un público máis amplo e espertar o interese dos internautas pola historia de Galicia.
Prudencio Viveiro Mogo, Gustavo Hermella e Antón Santos comentan diversas obras clave que rastrexan a presenza dos movementos anarquistas galegos na Compostela republicana, o exilio e a emigración a Portugal e o fan revisando textos históricos, así como biografías e libros de memorias de Federica Montseny, Juana Rouco, Antonio Loredo e José Pasín Romero.
INVESTIGACIÓN
Entre as investigacións que recolle 'Murguía' no seu número de xaneiro de 2015 destácanse a 'Exposición Rexional de 1909', por Margarida Barral, un traballo sobre o movemento obreiro socialista en Lugo.
A última entrega de 'Murguía' recolle, ademais, na súa sección 'Fontes' unha rememoración do consello de Galicia, a través da análise da súa acta fundacional, un traballo de investigación de Xosé Manuel Malheiro sobre as iniciativas educativas da II República.
Entre os temas que se inclúen nesta última entrega hai unha entrevista con Emilio Grandío Seoane, profesor de Historia Contemporánea da USC, sobre as súas investigacións acerca da represión franquista en Galicia e a II Guerra Mundial. |
|
|
|
|
|
|
|
|