Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

IDIOMA. A guerra chega a Madrid
GALICIA HOXE

O PP encístase nas teses do nacionalismo español e cualifica de "tremendo disparate", "tristeza" e "desprestixio" a entrada das linguas cooficiais no Senado
.

O presidente Rodríguez Zapatero durante a súa intervención no pleno do Senado, onde onte entraron por primeira vez de xeito normalizado as linguas cooficiais FOTO: efe
O presidente Rodríguez Zapatero durante a súa intervención no pleno do Senado, onde onte entraron por primeira vez de xeito normalizado as linguas cooficiais
FOTO: efe

Os máximos responsables do Partido Popular (PP) descargaron onte o máis pesado das súas artillerías contra o uso das linguas cooficiais no Senado. A secretaria xeral da formación, María Dolores de Cospedal, mesmo cualificou de "tremendo disparate" o feito mentres, por azares do destino no Parlamento Europeo, o seu compañeiro Jaime Mayor Oreja cualificaba de "discriminación lingüística" que o castelán quedase fóra da lei de patentes, onde se protexe só o inglés, o francés e o alemán.

A estas alturas, coa belixerancia que utiliza contra as linguas cooficiais no interior e a defensa acérrima do castelán no exterior, ninguén dubida xa de que o PP apertou as teses máis radicais do nacionalismo español e vai empregar todas as súas forzas en combater as teses do Estado plurilingüe. De feito, na mesma roda de prensa na que acirraba os votantes contra o "estipendio" de contratar tradutores no Senado, Cospedal arremetía contra o actual sistema autonómico, que ao seu xuízo "non é viable" xa.

A voceira do Grupo Popular no Congreso, Soraya Sáenz de Santamaría, insistiu en que utilizar as linguas cooficiais ademais de ser "innecesario e caro" atenta contra "o sentido común". Ao seu carón, o senador conservador Juan Van Halen, amosouse triste polo que considera "un paso máis no desprestixio do Senado de cara á xeneralidade dos españois". Van Halen foi un dos que, posteriormente, defendeu unha condena á persecución das minorías cristiás nos países de relixión maioritariamente musulmá.

As valoracións do PP coinciden coa Asociación Nacional pola Liberdade Lingüística (ANLL) -un grupo de radicais de Valencia- que anunciou un recurso sobre a "legalidade constitucional" do uso das linguas cooficiais no Senado polo seu difícil encaixe no artigo 3 da Carta Magna, onde se establece o deber de coñecer unciamente o castelán.

A asociación estima que o inicio onte do uso das linguas cooficiais no pleno da Cámara Alta "vai máis aló da mera anécdota e do esperpento". Para a ANLL, a culpa é dos socialistas, que "nos cambiaron a Constitución pola porta de atrás" para seguir o modelo de Bélxica, "onde as diferentes linguas son oficiais en todo o territorio".

Pero os socialistas non a teñen todas consigo: nos territorios monolingües gobernados por eles, os seus presidentes poñían en dúbida a conveniencia da medida. É o caso do estremeño Guillermo Fernández Vara. Ante os periodistas admitiu que, "por moito que queiramos" é difícil explicar que cidadáns dun mesmo país, cunha lingua común, falen na que non é común, como ocorre no Senado coas linguas cooficiais que poden empregar os senadores nos plenos".

O presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, opina o contrario e aproveitou a súa intervención no Senado para apoiar o uso plurilingüístico: "As linguas en que moitas das súas señorías, como tantos cidadáns, se expresan decote atopan hoxe un novo espazo na Cámara que está chamada por definición a reflectir a pluralidade territorial. Linguas que, como recoñece e establece a Constitución, son todas elas linguas españolas", sinalou.

Os grupos do nacionalismo periférico -BNG, CiU e PNV- así como Esquerda Unida, defenderon os avances de normalización lingüística. Pere Macías, de CiU, contrarrestou as críticas que salientan o custo do servizo de tradución -12.000 euros por sesión- e preguntouse: "¿Cren que a cantidade relativamente pouco importante que isto comporta, o 1% do gasto do Senado, non paga a pena para algo tan importante como é o respecto á lingua de 10 millóns de españois?".

Iñaki Anasagasti, do PNV, considera pola súa banda que o feito de ser obxecto de burla o uso das linguas cooficiais significa que o estado das autonomías "non está aceptado" en España. E engadiu: "Eu, que fun bautizado e rexistrado como Iñaki, cambiáronme o nome por Ignacio, por esa obsesión uniformizadora que leva parella a lingua imperial".
MARÍA JESÚS SÁINZ E MARÍA DOLORES PAN

A discordia de dúas senadoras galegas

Dúas senadoras galegas do PP, María Jesús Saíz e María Dolores Pan, negáronse a utilizar o galego na sesión de onte do Senado, unha actitude que o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, cualificou de "vergoñenta". Tamén o presidente da Mesa pola Normalziación Lingüística de Galicia, Carlos Callón, se fixo eco do suceso e lamentou que as dúas senadoras "Transmiten a idea", engadiu, "de que o galego é unha lingua coa que se pode ter afecto, pero que é inútil para o serio", ao tempo que considerou de "paso adiante simbólico e moi importante" a entrada do plurilingüismo no Senado.

O responsable da asociación considera a decisión de utilizar o castelán, por parte de ambas as dúas senadoras, "unha mostra de prexuízos e de desprezo por unha cultura" e instou o PP para que "entendan dunha vez" que no Estado "hai máis idiomas" que o español e "tan dignos como calquera outro".

Senadores de todos os grupos parlamentarios agás do PP inauguraron a reforma do Regulamento da Cámara. O primeiro en subir á tribuna foi o voceiro da Entesa, Ramón Aleu (PSC), que se dirixiu aos seus compañeiros para agradecerlles a oportunidade de poder expresarse en catalán.

Logo houbo intervencións en valenciano, mallorquino e éuscaro e os senadores tiveron así que recorrer por primeira vez no Pleno ao uso dos auriculares comprados para a ocasión, cun desembolso de 4.500 euros.

Todo dentro dunha sensación de "normalidade". A única que non celebrou esta novidade foi a senadora galega do PP María Jesús Sáinz. "Quiero que mis primeras palabras sean para manifestar que amo a Galicia y a mi lengua, de la que me siento muy orgullosa. Pero voy a usar el castellano porque es un tema que afecta a todos los españoles y en la que todos me van a entender". A mesma posición tomou a súa compañeira de partido María Dolores Pan, tamén galega, e que no debate doutra iniciativa sobre sanidade asegurou amar a súa terra, os seus costumes e a súa lingua pero preferiu falar en castelán, "la lengua en la que entienden todos los ciudadanos".

O senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, foi moi crítico e cualificou como unha "falta de respecto" a decisión das senadoras de non utilizar o galego, xa que forman parte da Cámara en representación da súa comunidade autónoma.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 20-01-2011 20:12
# Ligazón permanente a este artigo
A Fiscalía pide á Xunta medidas para ?salvar? o galego do Eo-Navia
Xornal.com - M.P. - 16/01/2011 - 02:44 h.


O fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, pediu onte que Xunta de Galicia e o Principado de Asturias cheguen a acordos para ?salvagardar o galego da rexión do Eo-Navia?, recomendando incluso ?a creación de organismos comúns con tal finalidade?.

Nun discurso pronunciado na inauguración das xornadas sobre a situación sociolingüística no territorio das comarcas do Eo-Navia, que se celebra na Fonsagrada, Carlos Varela solicitou que ?sen ánimo territorial expansivo?, os gobernos galego e asturiano ?permitan o establecemento de relacións culturais orientadas a fomentar a lingua galega?.

?Este debe ser o camiño a seguir nas comarcas administrativamente non galegas mais onde o galego é tamén lingua propia, evitando o perigo de substitución e de desaparición desta variedade lingüística que aínda permanece viva no pobo?, asegurou Carlos Varela.

No seu relatorio, o fiscal superior de Galicia repasou as disposicións legais que establecen a protección e fomento do galego falado en Asturias, tanto a nivel autonómico ?na Xunta e no Principado? como a nivel europeo.

Así, Carlos Varela recorda que a Carta Europa de Linguas Rexionais ou Minoritarias ?encomenda aos Estados que as divisións administrativas internas non sexan un obstáculo para a defensa da lingua?. ?Equivale a dicir que non deben existir trabas nin diferenzas xurídicas substanciais no trato aos falantes dun idioma, a estean a un lado ou ao outro da liña divisoria administrativa das demarcacións territoriais?, aclara o fiscal superior.

Deste xeito, a Fiscalía galega propón incluso a creación de ?organismos comúns? entre os gobernos autonómicos de Asturias e Galicia ?para evitar a fragmentación lingüística e consolidar a área idiomática e a unidade dos falantes?. ?Cómpre formalizar acordos?, di.

Varela lembra, por último, que o Plan Xeral de Normalización de 2004 recolle expresamente a necesidade de que a Xunta negocie co Principado e coa Junta de Castela e León a promoción de galego nos seus territorios.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 16-01-2011 20:43
# Ligazón permanente a este artigo
HENRIQUE MONTEAGUDO: Axendas en galego, galego na axenda
elpais.com 14/01/2011


Este pasado Nadal ocorréuseme facer un agasallo típico: unha axenda para o novo ano. A axenda tiña que cumprir dúas condicións: que fose bonita e estivese en galego. Percorrín canta papelaría de Santiago e Vigo, e non houbo maneira. Só atopei un modelo en galego, xeitoso para o profesional, pero pouco feituco para un galano. Por que non existe oferta de axendas en galego? Saltará o ultraliberal: porque non hai mercado. Non é verdade. Polo ton de moitas respostas ("non, en galego non temos") decateime de que en varias das tendas outra xente fixera a mesma pregunta ca min.

O caso das axendas serve para ilustrar canto camiño temos aínda de percorrer ata chegarmos a un mínimo limiar de normalidade do galego, incluso en terreos que non teñen que ser especialmente conflitivos. Porque, como tamén mostra o exemplo, contra o que se afirma adoito, para que o galego avance non é imperativo que o castelán recúe. Este falso argumento resulta sumamente contraproducente para o noso idioma. No canto das dinámicas excluíntes do tipo "unha lingua ou outra", temos que aplicarnos a exercitar as lóxicas inclusivas, entre outras razóns porque estas serán beneficiosas para o galego, pois este resultou ser a vítima preferente da exclusión social. Non cómpre dicir non ao castelán para dicir si ao galego, sempre que sexamos conscientes de que o primeiro xa está (im)posto en moitos ámbitos da nosa vida, mentres que o segundo precisa ser (re)posto neles, e precisamente por iso reclama un esforzo e un apoio especiais, que para o primeiro serían demasía.

- Optar polo galego en liberdade. Vista así, a promoción do galego aparecerá como unha aposta orientada a incrementar as opcións de escolla da cidadanía, por tanto, a súa liberdade de elección. Sen igualdade real entre os dous idiomas, non existirá verdadeira liberdade. É moi doado de entender: se un non dispón de axendas en galego no mercado, un non ten a posibilidade de elixir o idioma da súa axenda. Os defensores dos privilexios do castelán non se fan idea da severidade das restricións que padecemos as persoas falantes de linguas minorizadas á hora de ler xornais ou libros, ver produtos audiovisuais, ser atendidos nos comercios e servizos públicos... Dirase: é o noso problema, por empeñarnos en falar un idioma minorizado. Replicaremos: pero a exclusión do galego non é resultado dunha opción libre da cidadanía galega; pola contra, veunos imposta desde arriba.

Así e todo, en moitos eidos podemos avanzar sen necesidade nin de intervención do Goberno, nin de confrontarnos con ninguén, simplemente botando man da nosa creatividade e capacidade de emprendemento. Ás veces a intelixencia consiste en saber atopar en cada momento as iniciativas máis oportunas, e non facer da promoción da lingua unha lideira fatigosa e interminable. Propoño que cara ao 2012, lancemos unha campaña de axendas en galego, e así teremos a posibilidade de facer un presente agasalleiro para os nosos amigos.

- O galego na axenda. Outra cousa que temos que conseguir este ano, aínda máis importante ca a anterior, é colocar o galego en positivo na axenda pública. Pasar dunha posición puramente reactiva, defensiva, de repregamento na trincheira, a unha actitude proactiva, sabendo tomar a iniciativa, abrindo xogo para conseguir máis complicidades e ampliar o consenso social ao seu favor. Isto vai requirir moita reflexión (tamén autocrítica) e moito debate. Ese, e non outro, era e é o obxectivo do informe Por un proxecto de futuro para o idioma galego. Unha reflexión estratéxica, que, apadriñado por unha nómina ben representativa de plurais sensibilidades galeguistas, publicou a finais de novembro o Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA), presidido por Anxo Quintana (o texto pode consultarse na rede: www.igea.eu.com/).

Dado que ese informe cuestiona algúns lugares comúns firmemente asentados na mentalidade dun sector do nacionalismo, suscitou reaccións contraditorias. Pero, a pesar dalgunhas tentativas de acalalo ou deturpalo, o informe abriu un debate moi pertinente, as augas fóronse serenando e non tardaremos en concluír, por ampla maioría, que precisabamos un revulsivo salutífero para osixenarnos un pouco. Temos todas as de gañar repensando unha serie de tópicos revellidos e reformulando, tanto no fondo coma na forma, posicións tradicionais que se revelaron inservibles ou contraproducentes. Elemento central daquel informe era a reivindicación do bilingüismo como un argumento eficaz para a defensa do galego, precisamente apoiado en lóxicas integradoras e inclusivas, lonxe das dialécticas da confrontación e da exclusión. Por ese camiño podemos aspirar a gañar o asenso social -no que debe asentar un consenso político verdadeiramente sólido- a favor das políticas públicas de normalización lingüística.

Sen dúbida, manter o galego na axenda durante o ano 2012 vai ser difícil, a non ser que contribúan a facelo, en negativo, determinadas candidaturas municipais. A crise económica vai acaparar o protagonismo. Pero tamén á hora de procurar unha resposta á crise a dereita centralista que goberna Galicia vai constatar a dificultade engadida que supón o discurso público de división e enfrontamento que ela mesma fomentou nos últimos anos arredor da cuestión lingüística. Nunha conxuntura tan difícil coma a que estamos vivindo, cando resulta imprescindible unir esforzos arredor de obxectivos partillados, enxergaremos o prexuízo que se nos deriva da estratexia posta en andamento por aquela dereita antigaleguista para conquistar e manter o poder a base de sementar a división, aventando querelas daniñas e atacando referentes comúns, como é o idioma de noso. Non se decataron aínda que unha lingua é moito máis ca un xeito diferente de falar?

- Relembrando os fundamentos. Agora máis ca nunca, será procedente relembrar a razón última das nosas reivindicacións. Expresouna acaidamente Ramón Piñeiro: "A lingua galega é bandeira da nosa solidariedade moral". O galego non nos interesa nin nos pode interesar só polo galego mesmo. Interésanos porque a súa exclusión é inseparable da marxinación que o noso país padeceu, con grave prexuízo para todos. Interésanos porque a súa perda significa e significaría unha derrota colectiva, que minaría de forma definitiva a nosa conciencia de comunidade. Interésanos porque a súa recuperación só se acadará se conseguimos facer dela un proxecto e unha tarefa comúns, que atinxe a todos, pois a todos beneficiará, e por tanto a todos debe comprometer solidariamente. Porque os éxitos que vaiamos conseguindo nese camiño serán outros tantos esteos da nosa confianza e da nosa autoestima, tan necesitadas de reforzo. Porque esa confianza, esa autoestima e esa conciencia de comunidade que afronta unida retos compartidos son valiosísimos recursos para afrontarmos os difíciles tempos que se aveciñan, para axuntarmos forzas e para pelexar e gañar o porvir. Porque non nos resignamos a que se acale a nosa voz. Porque arelamos ter unha axenda de futuro, como cidadáns e como país. E porque, si, estamos con vontade de que esa axenda de futuro se diga e se escriba tamén no noso idioma.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 15-01-2011 21:51
# Ligazón permanente a este artigo
ATENEO FERROLÁN: I MOSTRA DE DOCUMENTAIS EN GALEGO
O Ateneo Ferrolán, celebrará o mércores 23 de marzo de 2011 ás 19 horas na Capela do Centro Torrente Ballester a I MOSTRA DE DOCUMENTAIS EN GALEGO, no que se proxectarán:

* "Boca a boca"
de XABIER MARQUÉS SOLLA [15' Galego]
* "O sol nos chaos"
de MARCOS NINE BUA [27' Galego]
* "A fábrica"
de MARCOS NINE BUA [20' Galego]
* "Manuscritos pompeianos"
de MARCOS NINE BUA [17' Galego]
* "En medio de algures"
de MANUEL IGLESIAS NANIN [16' Galego e Árabe]
* "Regreso a San Andrés"
de SIMONE SAIBENE [26' Galego e Castelán]
* "O partido"
de ADRIANA PEREZ VILLANUEVA [7´58" Galego e Castelán]
* "Lembranzas das Encrobas"
do COLECTIVO BiciLab [7'42" Galego]

Publicado por Blogger para Ateneo Ferrolán el 1/11/2011 01:32:00 PM

Un lugar de encontro para a cultura.
Ateneo Ferrolán, fundado en 1879.
www.ateneoferrolan.org
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 13-01-2011 17:19
# Ligazón permanente a este artigo
Piden que a Lei de Igualdade de Trato recolla a discriminación lingüística
CiU, PNV, ERC e BNG están pendentes dunha reunión coa ministra para proporlle esta cuestión que se "obvia" na futura lei.

XORNAL.COM 12/01/2011 - 19:09 h.


CIU, PNV, ERC e BNG mantéñense á espera de que a ministra de Sanidade, Política Social e Igualdade, Leire Pajín, se reúna con eles de forma "urxente", ao considerar que a futura normativa de Igualdade de Trato, presentada recentemente no Consello de Ministros, non recoñece a discriminación lingüística como un posible foco de desigualdade.

Segundo explica o deputado de ERC, Joan Tardà, na súa páxina persoal de Internet, os representantes de CIU, Mercè Pigem; do PNV, Joseba Aguirretxea; e do BNG, Olaia Fernández, ademais do propio Tardá, todos eles membros da Comisión de Igualdade do Congreso que será a encargada de debater e votar a normativa, queren facer chegar a Pajín a súa "preocupación e posición" ante a futura normativa e están á espera dunha resposta procedente da ministra.

"Ninguén nunca poderá acusarnos de habernos durmido, nin o Goberno español. Neste caso, nin a ministra Pajín poderá reprocharnos nunca que non avisemos que a Lei de Igualdade de Trato, que pretende ser a lei "progresista" estrela do PSOE este ano, non expoña acabar coa discriminación lingüística que sofren os cidadáns do Estado español de lingua non española, é inadmisible", argumenta o republicano, no artigo recollido por Europa Press.

Ao seu xuízo, "só hai que ter presentes" os máis de tres centenares de normas españolas que dificultan ou impiden a etiquetaxe de produtos en lingua catalá, a imposibilidade de relacionarse nos órganos constitucionais con lingua galega, ou a falta competencia lingüística do eúscaro da administración no País Vasco ou Navarra.

É máis, subliña que tanto estes déficits, como outros, provocan, día a día, problemas de discriminación lingüística: "Que catalanohablante non se atopou nalgunha ocasión ante un garda civil, por exemplo, e púxolle en marcha un 'non lle entendo'?".

É por iso, que Tardà reitera que se o Executivo quere emprender unha normativa que "supere as múltiples e diversas situacións susceptibles de xerar discriminación en España", non se pode aceptar que unha destas situacións estea provocada, na súa opinión, pola "supremacía lingüística" dunha das linguas.

"E como na redacción do proxecto de lei parece ser que se contempla un universo diverso de causas susceptibles de xerar situacións de discriminación, sorprende e fai soar as alarmas que,¡Que casualidade!, só se esqueceron dunha", conclúe.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 13-01-2011 17:16
# Ligazón permanente a este artigo
Xurxo Sierra Veloso: ?O pobo galego decidiu suicidarse e empezou por prescindir da lingua?
?O galego nas súas variantes leonesas e zamoranas, tamén está a desaparecer. a xeración seguinte non lle interesa?

Xurxo Sierra publicou obras como ?Os ollos do rei de copas? ou ?Os nomes do traidor?

POR MANUEL VIDAL VILLAVERDE


Xurxo Sierra Veloso, fillo de emigrantes de Ramirás (Ourense), naceu en Caracas en 1969, aínda que moi pronto (1974) a familia mudou a súa residencia a Vigo. Nesta cidade, entre tardes de derrota en Balaídos e longos cafés no De Catro a Catro, pasou da infancia á idade adulta, sen deixar por iso de ser un eterno adolescente. Garda moi agarimosa lembranza das aulas do Instituto de Bacharelato S. Tomé do Freixeiro, en especial de profesores como Gonzalo Navaza, María José Mouriño ou Manuel Rodríguez, talvez responsables da súa posterior vocación literaria.

É licenciado en Filoloxía Hispánica, subsección de Galego-Portugués, pola Universidade de Santiago de Compostela. Dos seus anos universitarios, recorda con absoluta admiración as clases do catedrático Xesús Alonso Montero, do que segue a ser un firme devoto. De 1989 a 1993, foi codirector e copresentador do programaOs mundos de Horacio Oliveira, en Radio Ecca, un espazo de contidos literarios e musicais que lle permitiu entrar en contacto co sempre esvaradío terreo da crítica. En 1994 publica a súa primeira novela, Os ollos do rei de copas, en Ediciós do Cumio. Dende entón, non deixa nunca de expresar a súa eterna gratitude a Carlos Blanco Yáñez (falecido en 1998), director da devandita editorial e persoa que apoiou decisivamente a moitos autores mozos da época. En 1999, despois de aprobar unhas oposicións na Universidade de Salamanca, marcha a Zamora, onde traballa, ata o día de hoxe, como administrativo da Escola Universitaria de Maxisterio. Nos anos posteriores, publica novas novelas: Licor de abelá con xeo (2006, finalista do Premio Lueiro Rey),Os mércores de Fra (2006, Premio Risco) e Os nomes do traidor (2008). Ata o momento, a súa última entrega narrativa é Os fíos (2010, Premio Repsol).

Amigo Xurxo, senón toda, unha parte de Zamora, onde ti moras, está fondamente enraizada con Galicia (ou Galiza), supoño que diso es consciente ti e moitos zamoranos por obriga que non por devota cultura. Tanto é así que, en boa parte da actual provincia nome e división "administrativa" da que non gusto especialmente, a fala e a antropoloxía cultural son nitidamente galegas, formas dialectais do galego, étimos "locais", como calquera outra variante do noso idioma, tanto fonética/fonolóxica mesmo dentro dos actuais lindeiros da Galicia "oficial" hoxe. Claro que para min defunta escola filolóxica española, xamais foi proclive ?por factores extralingüísticos-, de aceptar as diferentes morfoloxías ou grafías, así como outras formulacións fonéticas propias da cultura galega, e en función disto defenderon primeiro, "disparates dialectais do castelán (español) imposíbeis de soster filoloxicamente falando. Recoñécese un perdido leonés, así como a lingua das Terras de Sayago actuais, lingua que se dá por desaparecida. Un entende o saiaghes ou saiagués, como galego-portugués da rexión do río Douro, en Portugal o idioma actual e en Zamora o castelán ou español imposto tamén durante séculos. As consecuencias inmediatas, foron e son:A) Chamarlle dialecto español a todo que non fose de orixe; observése o flagrante caso do bable, dentro da galegofonía, instrumentalizado por Castela, ergo España; B) de aí e para contribuír á morte do galego xa non dentro das súas propias fronteiras actuais, senón no alén antigo de si: Bierzo ( nalgúns documentos Berzo) con máis éxito do primeiro nome. Mudados os tempos, despois do "café para todos" chegou o que só os "rudos e ignorantes" negan; estólidos ou estultos de todo tipo, con ou sen titulación académica, pero isto xa é fariña doutro muíño. Desculpa a miña introdución á conversa, de maneira que solicito agora a túa reflexión a este propósito, serve, Xurxo?

Máis alá da conversa filolóxica, que pode axudar a pasar estas frías tardes de inverno, hai outra realidade, que se cadra non nos gusta tanto, pero que é innegable. O galego, nas súas variantes leonesas e zamoranas, tamén está a desaparecer. Nestes once anos e pico que levo vivindo á beira do Douro, coñecín xente nova, algúns de terras bercianas, outros de localidades tan fermosas como Lubián ou Chanos, moi pretiño do Padornelo, que escoitaron falar en galego a seus avós ou mesmo a seus pais. Pero eles, os da seguinte xeración, esa que agora sae da universidade e ingresa na vida laboral, xa non teñen nin dominio nin interese ningún pola lingua herdada. Algúns, nos momentos de certo acougo sentimental, atrévense cunha cántiga aprendida nas xuntanzas familiares. E máis nada. Non nos debe sorprender: é o mesmo proceso ao que asistimos en Galicia dende hai décadas.

Unha pregunta máis breve; para salvar o catalán, éuscaro e galego é necesaria unha inmersión lingüística ad hoc, como propón o nada sospeitoso profesor Blecua, hoxe presidente da RAE?

Voume limitar ao galego, porque creo que as semellanzas cos casos éuscaro e catalán son ben poucas. Para salvar o idioma galego debería haber un pobo galego que quixese sobrevivir. Desafortunadamente, creo que non se dá esta premisa imprescindible. O pobo galego, se é que existiu algún día, decidiu suicidarse como tal, e para iso empezou por prescindir do seu maior sinal de identidade, a lingua. Nestas condicións, calquera política sociolingüística está condenada ao fracaso, veña de quen veña.

Dicir que detrás da proposta inmersión lingüística existen "escuros intereses económicos" é un disparate antolóxico, pero asegurar "que o galego está monopolizado por grandes intereses económicos", transcende a capacidade imaxinativa de calquera clase de delirio; non é?

Se existen eses intereses económicos, que alguén me dea contas do diñeiro que deixei de ingresar nos últimos vinte anos. As persoas que falan así non só amosan unha evidente mala fe, senón que poñen de manifesto unha profunda ignorancia. O galego, por moitos anos de autonomía e outras lerias que levemos, segue a ser, cada vez máis, un territorio tristemente reservado á militancia, ao compromiso lingüístico, sempre desinteresado e ruinoso. Quen o queira mesturar con liortas ideolóxicas vai moi enganado. E quen pense que se lle pode tirar beneficio á cuestión sociolingüística está moi preto de ser un parvo, por moito que queira adornar os seus argumentos con citas de John Stuart Mill.

Acabas de publicar ?Os fíos?, a túa terceira o cuarta novela, coa cal obtiveches o Premio Narrativa breve Repsol 2010. Vas á procura dunha obra de maior calado?

Xa é a quinta novela, o cal debería entusiasmarme e ao mesmo tempo angustiarme. Supoño que aínda non atopei as respostas que levo procurando máis de vinte anos; por iso me vexo na obriga de seguir escribindo. Non sei se algunha vez construirei unha "obra maior", pero, se non che parece mal, vasme permitir que utilice a ironía e acuda ás ensinanzas dun santo polo que sinto ben pouca devoción. Refírome a Escrivá de Balaguer, quen gababa moito o que el chamaba a "clase de tropa", é dicir, aqueles que non están chamados para comandar exércitos e realizar grandes heroicidades, pero tamén teñen o seu pequeno oco na batalla cotiá. Eu, mentres siga escribindo, sentireime membro deste cativo gran batallón de resistentes que aínda cremos na grandeza da lingua galega, e que por iso a empregamos no noso labor literario.

Cos demais xéneros literarios que tal te levas en xeral?

De cando en vez escribo poesía, pero nunca quedei especialmente satisfeito co resultado. Os meus versos sóanme falsos e afastados, como se estivesen escritos para ser declamados nunha cea de nadal ou un banquete de voda. Algunha vez tentei someter os meus personaxes aos rigores do teatro, pero confeso que non fun quen de pasar da primeira escena. Para ben ou para mal, o eido no que me sinto máis cómodo é a novela.

Os nomes do ?traidor? cecais sexa a túa mellor novela polo de agora, sen prexuízo de títulos como estoutro que vimos de citar?

Prefiro non opinar. Non teño distancia abonda sobre os meus libros para saber cales son mellores ou peores. Os ollos do rei de copas, por ser a primeira, é a miña novela máis inxenua, pero tamén se callar a máis sincera (recoñecendo que a sinceridade non é ningunha virtude literaria). Moita xente gabou Licor de abelá con xeo, para min un xogo, e hai poucos aos que lles guste Os mércores de Fra, que foi o texto ao que dediquei máis tempo e obsesións. Con Os nomes do traidor está a ocorrer algo curioso: canto máis tempo pasa, máis me gusta. Descubrinlle unha posible interpretación paradoxal que non prevera. Canto a Os fíos, quixen construír unha novela sutil, de azares e presentimentos, a medio camiño entre os contos de Carver e un serial televisivo de baixa audiencia. Estou bastante satisfeito do resultado, pero terán que ser os lectores os que emitan sentenza.

Unha Galicia independente, socialista, internacionalista e solidaria é un dos teus
soños?

Conformaríame cunha Galicia que se coñecese a si mesma e se aceptase sen complexos nin pailanismos. Claro, de cando en vez érgome do leito, leo a prensa e sinto desexos de militar na revolución. Pero o problema vén decontado: por onde principiar? Quen me asegura que o meu espírito revolucionario vai chegar a algures? Realmente estou disposto a sacrificar as miñas comodidades e o meu consumismo? Son tantas preguntas que o que adoita suceder é que chega a noite, volvo ao leito e, máis unha vez, a revolución quedou adiada, seguramente para sempre.

O capitalismo é unha barbarie sen posíbel solución que asolaga ao mundo?

Sen dúbida, pero tampouco estou tan seguro de que as posibles opcións alternativas non sexan, tamén, unha forma de barbarie.

Cóllote traballando nunha próxima obra?

Sempre hai unha próxima obra, ou polo menos a intención de construír por fin esa novela que xustifique dunha vez todos os paseos erráticos, todas as viaxes imaxinarias, todos os golpes no teclado da vida. Agora mesmo vivo en permanente conversa cuns cantos personaxes que aínda non existen. Eles, coitados, nin sequera imaxinan que calquera día destes, por culpa do meu capricho creador, sairán do seu apracible mundo de ficción e comezarán a sufrir. Os narradores omniscientes sómosche así: crueis, inxenuos e, por sorte, inconstantes.

Monarquía, democracia, república? Podes explicar a convivencia da primeira coa segunda?

A supervivencia normal e mesmo aplaudida da monarquía é unha proba máis de que vivimos nunha sociedade narcotizada e pouco amiga da reflexión. Calquera que lle dedique dez minutos seguidos a pensar o asunto seriamente, decatarase de que vivirmos baixo un rei é unha extravagancia chocalleira, unha absoluta falta de dignidade social. O sistema presuntamente democrático no que vivimos ten moitas eivas. Sen dúbida esta é unha delas. Pero (perdoa que insista no meu habitual pesimismo), non vexo que ninguén dea un paso para trocar a situación. Por certo, eu tampouco.

Cuestións credos, relixiosidade? Cal é a túa actitude, a túa postura?

Difícil cuestión. A min resúltame doado crer en Deus e case imposible crer nos seus supostos representantes na terra. Deus, de feito, é un tipo co que me levo razoablemente ben. Temos rifas impresionantes, de cando en vez berrámonos un ao outro ata rebentar as gorxas, pero aínda así case se pode dicir que nos queremos ben, que podemos seguir compartindo cafés sen demasiados problemas. Agora, por favor, que non se nos meta por medio ningún deses ridículos bispos que ateigan as prazas e visten con tan abraiantes indumentarias. Haberá de todo, supoño, pero non me parece xente de fiar. De entrada, o seu medio de vida parte dunha terrible blasfemia, a de outorgarse a si mesmos a condición de intermediarios e intérpretes da vontade de Deus. Tremendo, non é?

Fomos e somos educados máis para a escravitude que para a liberdade?

A xente verdadeiramente libre acaba sufrindo a condena da barra do bar ou do folio en branco, a miúdo os dous, é dicir, actividades inofensivas que estragan o fígado e a vista do usuario, pero non acaban coa escravitude social. Dito o cal, botarémoslle outro grolo.

Cal é a definición e o prezo desta liberdade?

O illamento social, a lápida en vida, a cita a pé de páxina nun manual que ninguén vai ler. Os tipos que chegan, por exemplo, a presidentes do goberno, pagaron polo camiño tantas peaxes que xa non lles quedan folgos nin recursos para levar a cabo os seus posibles bos propósitos de reforma social.

Vouno dicir cun exemplo práctico e bo de asimilar: quen manda máis en Galicia, o presidente da Xunta ou aquel rexio señor, dono dun importante xornal, que de cando en vez pontifica dende as páxinas do seu subvencionadísimo medio? Eu, sinceramente, non sei a resposta.

O río é a verdade ou o reverso da vida?

Non sei se entendo ben a pregunta. Eu paseo moitas tardes á beira do Douro, un río que aparentemente está quedo pero que agocha terribles traxedias trás a súa calma. Aínda non hai moito que morreu o barqueiro de Olivares, un homiño extraordinario que atopou máis de corenta afogados ao longo da súa vida, e sen necesidade de mollar nin a punta do pé, só polo simplísimo sistema de apalpar o fondo co longo remo. Fermosa metáfora do final que nos agarda a todos, supoño.

Cal é para ti o significado do mar, do amor, do tempo?

Son tres cousas temibles e á vez imprescindibles. No mar procuro bañarme con prudencia, facendo pé e non perdendo de vista a praia. O amor sempre me tratou ben, cunha dozura que seguramente non merezo. E o tempo estame a atacar elegantemente, sen trampas nin enganos. Non lle podo pedir máis.

Pensaches algunha vez na escrita dun poemario?

Como xa dixen antes, escribín poemarios, pero polo de agora non creo que merezan máis luz cá mínima raiola que poida entrar no máis escuro dos meus caixóns, ese que só abrirei o día que perda un calcetín e me decida a buscalo con desesperación por toda a casa.

As emocións son sempre primarias, inocentes??

Son, mesmo algunhas producen vergoña cando as lembramos. Como é posible que aquel gol de Gudelj ao Liverpool ocupase máis o meu peito cá fame ou a inxustiza? O día que atope un confesor benevolente e preferentemente xordo contareillo, sen moitas esperanzas de absolución.

Marx é naturalmente vixente?

Por suposto, dá moito xogo nas ceas familiares. O outro día, de bares pola gloriosa Salamanca, un dos meus contertulios citou a Trotsky con paixón. Pareceume un momento emocionantemente anacrónico.

O nacionalismo hexémonico español afoga as arelas de liberdade das demais nacións integradas daquela maneira no Estado que nos rexe?

Pero realmente existen esas arelas de liberdade?
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 11-01-2011 08:40
# Ligazón permanente a este artigo
Alba Nogueira: Contra a lingua con autoridade
Alba Nogueira é profesora de la USC

O XORNAL - 09-01-2011 16:23


Escurrindo o vulto unha vez máis, ás autoridades públicas autonómicas pésalles o fardo de ter que gobernar e queren agora compartir a súa autoridade cos docentes. O anteproxecto de Lei de Convivencia e Participación, presentado con ?natividade? como adoita, fundaméntase na premisa falsa de que o ensino en Galiza, un dos que ten as ratios máis baixas de conflitividade do Estado e cun número moi pequeno de sancións, ten como problema principal a violencia nas aulas. A solución, como sempre sucede cos gobernos extremistas, é desviar a atención da realidade con medidas represivas. O acoso, os conflitos, son a cortina de fume detrás da que se agacha o obxectivo de meter de matute unha regulación ilegal sobre a consulta ás familias para avanzar na exterminación do galego das aulas. As eleccións municipais están próximas e hai que tapar con propaganda a ineficacia.

Dous son os aspectos que son máis preocupantes, por ilegais, dese anteproxecto autoritario, que non supera uns requisitos mínimos de boa técnica normativa.

O primeiro punto no que a lei teimudamente pretende violar a legalidade é na restritiva concepción da participación e consulta ás familias. Consulta sobre o que non se pode, a programación educativa (artigo 6.4 da LOE) que lle corresponde facer á Administración central e autonómica nas porcentaxes que fixa a LOE. E forman parte da programación educativa os contidos que se imparten e os coñecementos transversais que integran o curriculum (linguas de aprendizaxe, valores...). Consultarannos sobre o mantemento de relixión? Ou sobre se preferimos as teorías creacionistas como explicación da evolución? Pero non regula as consultas sobre o que debe, porque non quere saber a nosa opinión: os medios cos que conta o ensino público, os horarios escolares (fixados tantas veces polas compañías de transporte e non polas familias e os ensinantes)ou o desbalde de recursos públicos en propaganda sobre o ensino ou financiando centros privados que segregan por sexo.

Non vai ser esta a ferramenta tampouco pola que poida violar as previsións da Lei de Normalización Lingüística que recoñece o dereito a ser atendidos no primeiro ensino na lingua materna ?sen que maiorías pírricas poidan poñer en causa este dereito que a lei recoñece. Nin tampouco a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias, na que España ratificou a existencia de modelos de inmersión lingüística en tódolos niveis educativos que a Xunta de Galicia ten que poñer en marcha. Ou a necesidade de aplicar políticas de normalización lingüística no ensino de carácter progresivo. Como acaban de reiterar tres sentenzas do Tribunal Supremo (tendenciosas e sen efectos reais pois non ten este órgano competencia para declarar a inconstitucionalidade da lexislación catalá) pero que, desde o nivel de normalización lingüística de Galiza, claramente manteñen a necesidade de aplicar políticas de discriminación positiva coa intensidade necesaria para acadar a igualdade das dúas linguas oficiais.

En segundo lugar, o anteproxecto quere enganar a opinión pública con fogos de artificio en relación cos problemas de convivencia nas aulas nun proceso no que faría ben en aprender das experiencias exitosas de resolución de conflitos que existen en moitos centros escolares. Hai que aclarar que a atribución de condición de autoridade pública non ten máis efectos que darlle unha presunción de veracidade ás probas existentes nun eventual procedemento sancionador. Sería bo saber cantos procedementos foron tramitados nos que algunha familia cuestionara a veracidade das afirmacións do profesorado e concluise sendo anulada a sanción por esta razón. Matar moscas a cañonazos chámase isto.

Non ten ningún valor esta declaración de autoridade pública, en cambio, en relación coa calificación como atentado á autoridade a efectos penais se houber agresións no ámbito escolar xa que esta é unha cuestión que depende da definición que incorpora o Código Penal ?materia de competencia exclusiva estatal.

Incumprindo o principio de legalidade e abrindo a porta á violación das garantías e dereitos protexidos (integridade física e moral, intimidade, dignidade persoal, liberdade de pensamento) a lei permite que as ?normas dos centros? fixen que obxectos, substancias ou produtos non poden terse no recinto escolar. Só as normas con rango legal, por tanto as normas dos centro son a estes efectos papel mollado, poden realizar restricións de dereitos. Esta esixencia propia de países democráticos ten como fin evitar, por exemplo, que unha interpretación pouco garantista dos dereitos poida levar a impedir a posesión de folletos ou publicacións coas que non se comparte a ideoloxía, preservativos porque vai en contra da moral sexual do centro, ou símbolos por non compartir as ideas políticas ou relixiosas. E todo iso, folletos, preservativos, símbolos, entran na ampla definición de obxectos, substancias ou produtos que a lei menciona xenericamente e que se os centros, ilegalmente, regularan poderían ser anulados tan pronto se presentara o primeiro recurso. Unha vez máis Feijoo decae na súa responsabilidade e deixa o nesporeiro aberto nos centros educativos.

Fala o anteproxecto de recuperar a consideración social dos docentes e erra o tiro ­unha vez máis. A Xunta de Feijóo ten moito que ver coa falta de recoñecemento desa función docente. Os mestres son administrativos, coidadores, vixiantes de comedores, contratistas e agora... policías.

En definitiva, os problemas do ensino neste momento non son de disciplina, nin de vestimenta. Eses son os problemas que ten na súa cabeza quen non coñece a realidade da educación en Galicia nin viu un neno/a máis que nos anuncios televisivos e só ten na cabeza un proxecto autoritario e sen ideas.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 10-01-2011 09:40
# Ligazón permanente a este artigo
A RAG debaterá a lei da Xunta que regula a consulta da lingua aos pais
A normativa que prepara Educación trata de dar cobertura legal á participación dos pais na elección do idioma que se emprega nas aulas.

C.D.P/D.L. - o xornal - 06/01/2011 - 00:06 h.


Dende a Real Academia Galega amosáronse onte moi desgustados ante as primeiras informacións aportadas pola Xunta á respecto da Lei de Convivencia e Participación Escolar. A citada normativa, que segundo afirma a Consellería de Educación trata de ?mellorar o clima nas aulas?, daralle cobertura legal á realización de consultas aos pais sobre temas tales como o idioma das materias a impartir. Deste xeito, a Administración galega, nesa suposta busca de ?corresponsabilizar as familias co ensino dos seus fillos?, abre a porta a que expresen mediante consultas as súas preferencias en materia de lingua.

Así, a Xunta estaría a dar cobertura legal a unha promesa electoral que bateu coa xurisprudencia. Nas bases do chamado decreto do plurilingüismo a Consellería de Educación estipulaba que serían os pais os que determinarían mediante consulta cal sería a lingua na que serían ensinados os seus fillos.

Este feito non pasou desapercibido á Real Academia Galega, organismo presidido por Xosé Luís Méndez Ferrín, que ten recorrido o decreto de Alberto Núñez Feijóo. O secretario da RAG, Xosé Luís Axeitos, manifestou onte a Xornal de Galicia: ?O tema da Lei de Convivencia, no que ten que ver coa lingua e as consultas será algo que con probabilidade se tratará na próxima reunión do plenario da Real Academia que, se non me trabuco, se celebrará o próximo día 15 de xaneiro?.

Aínda que polo momento e ata que a norma, ou o que se coñece dela, non sexa debatida no plenario dende a RAG prefiren non pronunciarse, Axeitos advertiu: ?Hai que recordar que nós xa temos recorrido o decreto ante a Xustiza co cal creo que é evidente a nosa posición con respecto a que sexan os pais os que determinen o idioma nas aulas. A verdade é que para nós, este tema que aparece na Lei de Convivencia das consultas, non é outra cousa que unha disposición máis que emana do decreto?.

No día de onte, ademais da Real Academia Galega tamén se manifestou á respecto da Lei de Convivencia o sindicato STEG de profesionais do ensino. Un dos seus portavoces, Xosé Cabido, manifestou a Xornal o seu desagrado pola inclusión da figura das enquisas aos pais no anteproxecto que prepara a Xunta. ?As familias non poden tomar decisións que permitan que aumente o analfabetismo dos seus fillos en lingua. As familias non poden facer iso e as autoridades competentes non poden permitírllelo facer?, explicou o sindicalista. ?Os contidos curriculares son temas nos que non deben inmiscuirse máis que os especialistas e os profesionais do ensino?, sentenza Cabido.

Unha visión moi similar é a que defenden dende a CIG-Ensino. Para o seu secretario nacional, Anxo Louzao, a Xunta de Feijóo só pretendía ao impulsar a Lei de Convivencia ?dar un marco legal para poder levar a cabo as súas consultas sobre o idioma aos pais?.

Iso si, a Consellería de Educación de Jesús Vázquez, que aínda non deu a coñecer o texto do anteproxecto, terá que ter en conta que, de momento, tanto o Tribunal Constitucional como o Supremo rexeitan que sexan as familias as encargadas de determinar a lingua prioritaria na que son ensinados os seus fillos.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 07-01-2011 13:42
# Ligazón permanente a este artigo
A Xunta presenta a lei que permite aos pais elixir a lingua do ensino
XORNAL.COM0 - 4/01/2011 - 16:56 h


O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; e o secretario xeral de educación, Jesús Oitavén; presentaron hoxe o borrador do anteproxecto de Lei de Convivencia e Participación da Comunidade educativa, que, tal e como explicou o titular do departamento educativo da Xunta, ten como obxectivo ?crear e reforzar os instrumentos xurídicos que permitan acadar e manter un clima de convivencia, a través da restauración de certos valores e comportamentos e que, simultaneamente, dignifique a profesión docente?.

A Xunta aproveitará esta lei para, "de acordo coas demandas da sociedade actual", regular a participación das familias no proceso educativo, "a través de mecanismos de consulta e participación directa". Así, Educación cumprirá o prometido por Feijóo na presentación do polémico decreto do plurilingüismo e fará unha norma "ad hoc" para permitir aos pais elixir a lingua de escolarización dos seus nenos en Primaria e Secundaria. O presidente evitara esta consulta no propio decreto "por falta de cobertura legal".

"Habilítase expresamente á Administración educativa para que poida establecer os correspondentes procedementos dirixidos a facer efectiva a súa implicación no proceso educativo, empregando métodos telemáticos ou medios dos mesmos centros escolares", explica a Xunta, que xa advertira da creación desta lei, que moitos xuristas ven contraria á Constitución. O Executivo, ademais, aproveita unha época inhábil no Parlamento e de vacacións nos centros para presentar o borador da lei.

En todo caso, o obxecto desta participación será sempre aspectos concreto do ensino, co que se garante a autonomía dos centro educativos en materia curricular e a liberdade docente e pedagóxica do profesorado.

Os profesores terán condición de "autoridade pública", de modo que contarán con "protección xurídica" específica e coa necesaria presunción de veracidade para o mantemento da "disciplina"; mentres que os centros escolares sostidos con fondos públicos terán a facultade de regular a vestimenta dos alumnos, ben sexa mediante a imposición dun uniforme ou co establecemento de certas "pautas" sobre a roupa.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 05-01-2011 13:34
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0