Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Diana Varela Puñal: ?Agocharse detrás do bilingüismo é unha disculpa ridícula?
galicia hoxe

CONVERSAS CONTEMPORÁNEAS

Sen dominar a escrita e a fala da lingua galega en idéntica medida ás do español, non hai bilingüismo.

MANUEL VIDAL VILLAVERDE


?Nacín o dezaséis de febreiro en Corme, onde asistín ó parvulario é ó colexio As Forcadas até os catorce anos. Ficaba dabondo afastado para que o percorrido até a escola se convertera nunha aventura. Nunca entendín como se delongaba daquel xeito o tempo, desproporcionado ó respecto da distancia. Era a maxia do monte a que nos capturaba. Ou quizais o escangallado e traizoeiro reloxo dos Panchos.
Viñémonos para a Coruña sendo meus irmáns uns mingurrias que non articulaban unha frase enteira en español. Aquí fomos ó instituto, unha época de tránsito levedada con fastío e sopor, talvez o calmuzo que transpiraban as páxinas do Amor en los tiempos del cólera, Cien años de soledad, La hojarasca, El coronel no tiene quien le escriba, Crónica de una muerte anunciada, El otoño del patriarca?
A descuberta de Gabriel García Márquez vernizou de ensoñación as interminables esperas na marquesiña do autobús para volver xantar. O transporte público coruñés xa funcionaba igual de mal que agora. Lembro a rabexa de cada día ante o insufrible peso da mochila, obrigándome a tomar o autocarro.Os últimos anos de bacharelato foron máis alegres: decidín carrexar os manuais imprescindibles amáis de elixir só as materias que me leiqueaban.
Así como ?latar? algunhas aulas e investir o tempo na marabillosa libraría á que nun principio recorrera para recollerme agardando a clase da tarde. A biblioteca de Elviña, agora dedicada ó poeta D.Miguel González Garcés.
Chegou a Universidade. Estudei con tesón e rematei a carreira con éxito, convencida de que non aturaría un ano máis preparando unha oposición, como todos recomendaban. Foron cinco anos de canseira latente, lendo e relendo desta volta a Risco, Castelao, Cunqueiro, Rosalía, Dieste, Cabanillas, Noriega Varela?, definitivamente comprometida coa causa e a literatura galega.
No último ano universitario comecei Fíos, o meu primeiro libro, publicado na editorial Espiral Maior. Nas revistas do colexio, naquelas ofrendas florais que compría facer en maio, na celebración do magosto ou do entroido, a miña achega sempre consistía nun contiño ou nun peor cá mellor poema, mais o xeito de expresarme, aínda con torpeza, sempre foi a escrita.
Nestes días nos que me brindadon a posibilidade de colaborar no xornal Galicia Hoxe, Miguel Anxo Fernán Vello entregoume tamén o segundo libro, Animal Abismo. Aínda o percebo con certo receo, como se o sentira froito dunha gabia, dun tránsito interior, quizais a liña de sombra teorizada por Conrad. En calquera caso, aquí seguimos, como na canción de Amaral, equivocados ou non, pero co propósito de continuar loitando?. É a biografía de Diana Vareña Puñal, contada por ela mesma, coas súas palabras.
Que hai, Diana, na túa poesía da adolescente que foches e non es; que pouso, talvez ignorado, e sen diagnose certa, se non é hipótese, deixou en ti a inocencia??
A infancia e a adolescencia foron un período de búsqueda e aprendizaxe que agora ollo con ternura, mais sen idealizacións. Deixaron unha pegada definitiva, pero non foi nin agardo que sexa a única.

Hai nos seres humanos algunha posibilidade de regreso a un lugar común comesto pola devastación do tempo?
O amor, a morte, a enfermidade,? son angueiras comúns á humanidade máis alá de épocas ou fronteiras. Facendo unha grande abstración e sen caer no cinismo, finalmente todos sofrimos máis ou menos polo mesmo. Ampliando o campo de visión é máis sinxelo atopar ese lugar compartido.

Realidade e ficción? Esta última palabra-estampa da mesma realidade que cada quen sobre o valor-exposición do segundo vocábulo?
A interpretación da realidade é subxectiva, polo tanto cargada de connotacións e perxuízos. A liña que a separa da ficción coido que é difusa. Ollando unha mesma paisaxe eu podería asegurar que vin algo no que outra persoa nin reparou. O que para el sería ficción, para min non.
Podes facer unha pequena, ou se queres máis ampla sinopse de ?Animal Abismo? que eu creo intuír pero non podo explicar porque aínda non cheguei a súa lectura??
Tratei de retornar ó principio, á conciencia primixenia, a reconciliarnos co Animal Alma que nos habita. Deshumanizarse para encaixar de novo no contorno que nos acolle mais non nos pertence, a pesar do cal insistimos en deturpar. É un canto á natureza, unha homenaxe á Alma Animal.

Supoño que estarás ao tanto do que Henrique Monteagudo, chama bilingüísmo restitutivo, que a priori non debería entenderse ?percibo-, como propón o profesor Monteagudo, para non extrarmos nunha ampla contradición nos termos, malia o consenso social que el argúe e outros/outras non compartimos? Cando alguén fala do galego standard non sei ao que se refere, e moito ?sospeito? que o emisor ou a emisora tampouco. Por outra banda, non se pode falar de restitución dese escenario lingüístico, que xamais constituíu máis nada que unha hipertrofia da realidade dramática e imposta, pero nunca asumida polo pobo en xeral, de maneira que, falar competencia ou equilibrio a restituír, a min, con todos os respectos posíbesis, paréceme unha banalidade. A posibilidade hoxe en día e nos que aínda han vir, de establecer unha sociedade competentemente bilingüe, non é máis que, para sermos suaves, unha quimera? Podería estenderme moito máis, pero xa esta miña introdución considéroa un chisco longa, e por outra parte, coido que non hai necesidade, se non é procurar a túa reflexión verbo do exposto, paréceche, Diana?
Agocharse detrás dun pretendido bilingüismo para obstaculizar a plena integración do galego é unha disculpa ridícula. A actuación da Xunta de Galicia imposibilítao de raíz. Sen dominar a escrita e a fala da lingua galega en idéntica medida có español, non se pode falar de bilingüismo. O argumento da estandarización ou das modificacións sofridas polo idioma son outra disculpa absurda. Todas as linguas mudan, o español, o inglés?, e nada perxudica a súa aprendizaxe ou uso.

De onde vén a poesía se non é si mesma?
Agardo que ninguén coñeza o manantío, pois de seguro que o converterían nun centro comercial, ou nun plató de televisión para Sánchez Dragó, Sabina, e compañía. Coido que os demais andamos ás tentas, traballando coma canteiros por se algún día aparece un grauciño interesante.

A memoria persoal ten unha capacidade de absorción, absunción, e mesmo deturpación, de maneira que co paso do tempo ?sen regreso?, recordamos lecturas que realmente non foron nin lidas nin escritas así orixinariamente. Ben, nos meus andares de Lugo, Vigo, Compos tela, e outras xeografías da nosa nación inmanente (admito humildemente que son máis que bilingüe, por estudo e pola miña vontade de ser), lin entre outros poetas españois a Juan Ramón Jiménez, en arias tristes, ou arias otoñales, e traducín ao noso idioma , estes versos que agora escribo aquí, o que se di ?de memoria?: ?Por aliviar un pouco/estas penas que me fenden fronte e a alma/quedeime a ollar a lúa/a través das finas acacias? Soa, vermella, ignoranda no pálido tesouro/para cando ti te vaias/ou te leven outros?. Isto achegouse este inverno a min, despois de tantos anos, de cando vez? A ti Diana, tenche acontecido algo semellante
na realidade que nos habita?
Pasa algo somellante á liña da que antes falabamos entre a realidade e a ficción. Un libro para min revelador a outra pode resultarlle indiferente. A emoción da arte actívase, conecta por frecuencias. Cada quen ten a súa e será a través dela coa que aprehenda a poesía, a pintura, a música... Como pantallas que interceptan e condicionan os sentidos.

En esencia, Diana, es máis poeta que ensaísta, dramaturga ou narradora?
As autoanálises case sempre son inúteis e pedantes. Coido que o labor do escritor é escribir, traballar con respecto ó oficio. O resto é cousa doutros.

Hai unha actitude poética máis alá da mera presenza?
Vida e obra non sempre van, e menos mal, parellas. Quizais sexa máis acertado definilo como unha actitude interior, non externa. Entre outras cousas porque a apariencia, a conduta, en moitos casos pode resultar falsa como un peso de pau. A nivel artístico interésame o resultado, non a súa intimidade . Outra cousa é que poida coincidir ou non a nivel ideolóxico.
Tes algunha dúbida a propósito do independentismo de nós?
A casa non se pode empezar polo tellado. A desgaleguización dos sectores de maior peso na economía, a inexistencia de nacionalistas galegos na industria e na banca, imposibilítao. Cómpre traer á nosa causa empresarios e financieros, sen os cales, dificilmente poderemos negociar de igual a igual con outras nacionalidades.

Que che di Pedro Salinas en ?La voz a ti debida??
Pablo Neruda, Salinas, Cernuda, Lorca? deslumbráronme definitivamente. Agora ólloos con máis distancia, pero houbo unha época no que os tiña mitificados.

O amor é unha luz que vai esvaecendo ata desparecer??
Non. É a enerxía máis poderosa que percibo. Tanto me ten que sexa máis ou menos práctico, cómodo, rendible ou que semelle antigo.

Monarquía e democracia? Non é un disparate?
Valorento e rancio, desde logo si, amais dun dispendio dificilmente defendible.

Chegará a República, as repúblicas??
Quizais cando se asuma que os nacionalismos forman parte da propia configuración do país. Loitan contra eles no canto de aliarse. Buscan o problema en vez da solución.

Con respecto ás crenzas cal é a actitude ou posicionamento de Diana Varela Puñal?
Eu creo no traballo, no esforzo, na vondade. O resto case sempre agocha algún interese espúreo.

Que retrato (con palabras) non farías ti, Diana, do tempo! Cal?
Prefiro non instalar barreiras de antemán. A imaxinación e o soño poden transformalo todo. O porco de pé é un bo exemplo. O retrato dun miserable deu un resultado magnífico.

Hai ?Pedro Páramo?, de Rulfo, máis de ?Cien años de soledad??
Pedro Páramo, Cien años de soledad, O idiota, O proceso?, foron libros que me deixaron fondamente impresionada nos anos da adolescencia.

Grandes pensadores como Marx, Hegel, Engels, cal é o seu significado agora, neste momento, na actualidade, para ti?
Instalarnos no pasado é perigoso, cómpre evolucionar, non vivir de rendas, esforzarnos por atopar nós mesmos unha saída, coa bagaxe dos predecesores, pero sen idealizacións nin inmobilismos.

Poesía e pintura é un bo encontro. Que opinas respecto da miña reflexión?
Son diferentes xeitos de expresar o mesmo, igual cá música, ou quizais do mesmo xeito có carpinteiro afina e afina a madeira.

Logo deste recente libro, imaxino que xa tes outro poemario máis alá do mero proxecto, non é, Diana?
Teño un libro de poesía infantil xa a piques de sa-ír do prelo, e ando traballando noutros proxectos, aínda sen présas por quitar da casa.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 14-02-2011 20:58
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0