Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

XOSÉ MANUEL BEIRAS:
Galicia Hoxe

O bilingüismo colonial


O colonizado só se salva do analfabetismo para cair no dualismo lingüístico. Mais poida que nen sequer teña esa sorte. A maioría dos colonizados nunca terá a oportunidade de sofrer os tormentos do bilingüismo colonial. Só poderá dispor da sua língua maternia, é dicir, dunha língua que non é escrita nen lida, que unicamente permite veiculizar a incerta e empobrecida cultura oral.

É certo que existen pequenos grupos de letrados que teiman en cultivar a língua do seu povo, en perpetuárena nos seus eruditos e sobardados esplendores. Mais esas formas sotís hai xa ben tempo que perderan os vencellos coa vida cotián, tornáranse incomprensíbeis para o home da rúa. O colonizado considéraas como reliquias, e considera a eses homes venerábeis coma sonámbulos que viven un soño antigo.

Se cando menos a língua propria permitise unha influéncia actual na vida da sociedade, se transitase polas oficinas da administración ou ordease o trafego postal! Mais nen sequer iso. Toda a burocrácia, toda a maxistratura, só comprenden e empregan a língua do colonizador. E o mesmo acontece cos marcos kilométricos, as sinalizacións, as placas das rúas e os recibos. Munido coa sua soa língua, o colonizado é un estranxeiro no seu proprio país.

No contexto colonial, o bilingüismo é necesário: é condición de toda a comunicación, de toda a cultura e de todo o progreso. Mais o colonizado bilingüe só se salva do isolamento para sofrer unha catástrofe cultural, que endexamáis poderá superar totalmente.

A non coincidéncia entre a língua vernácula e a língua cultural non é específica do colonizado. Mais o bilingüismo colonial non pode ser identificado con calquer outro dualismo lingüístico. A posesión de duas línguas non é só a posesión de dous utensilios: tamén é a participación en dous reinos síquicos e culturais. Ora, no noso caso, os dous universos simbolizados, correlativos ás duas línguas, están en conflito: son os universos do colonizador e do colonizado.

Por outra banda, a língua vernácula do colonizado, aquela que é alimentada polas suas sensacións, paixóns e soños, aquela na cal se liberan a tenrura e o abraio -enfin, aquela que recibe a meirande cárrega afectiva- ésa é mesmamente a menos valorizada. Non ten dignidade nen no país nen nas relacións entre os povos. Se o colonizado desexa unha profisión, acadar un posto, existir na cidade ou no mundo, primeiro de todo cómprelle someterse á língua dos seus señores, os colonizadores. No conflito lingüístico no que vive o colonizado, a sua língua propria é humillada e esmagada. E ese desprezo, obxectivamente fundado, il mesmo acaba por asumilo. Pola sua propria iniciativa, il afasta esa língua enferma, agóchallela aos estraños, e fai por aparentar sentirse a vontade só na língua do colonizador.

En resumo, o bilingüismo colonial non é nen unha dislexia, onde coexisten un idioma popular e unha língua de purista -ámbolos dous pertencentes a un idéntico universo afectivo- nen unha simples riqueza políglota, que se beneficia de teclas suplementares mais relativamente neutras: é un drama lingüístico.


*****
O texto que veño de transcribir para vós non é dun sociolingüista nacionalista galego radical do século pasado. Ben podería ser, mais non. É un retrinco tirado do Retrato do colonizado, do tunesino Albert Memmi: un clásico na escorrentía do pensamento desalienador que tánto contribuíu á gomariza de procesos africanos de auto-descolonización e liberación nacional dende meiados do s. XX. Os primeiros fragmentos do Retrato xa viran a luz en Les Temps Modernes, a famosa e extraordinária revista animada por figuras como Sartre e Merleau-Ponty, nos anos cincuenta, xusto en vésperas da guerra de Alxéria. O proprio Jean-Paul Sartre prologaría máis logo a edición francesa desa obra, na que Memmi realiza un fascinante xogo de espellos ao incluir nela o Retrato do colonizador e perfilar así os dous polos da relación antagónica constitutiva do fenómeno colonial, do "mecanismo cáseque fatal" que tende a reproducilo e perpetualo: "a situación colonial fabrica colonialistas do mesmo xeito que fabrica colonizados".

Cando, vai para cincuenta anos, eu descubrin o libro de Memmi, mirei nil, deformado só coma nun espello cóncavo valleinclanián, o "retrato" de nós mesmos, do "colonizado" na Galiza da miña infáncia e adolescéncia, for indíxena inocente ou cipaio colaboracionista -e tamén do "colonizador", for forasteiro ou "pied-noir". Extrapolación improcedente? Pois léde o que relata o proprio Memmi na edición francesa do 1966: "Despois dos colonizados esplícitos, os alxeriáns, os marroquinos, ou os negros de África, o libro comezou a ser recoñecido, reivindicado e utilizado por outros homes dominados dunha ou doutra maneira, como certos americanos do sul, os xaponeses ou os negros americanos. Os últimos en data foran os canadianos franceses, que me deran a honra de coidaren achar no meu libro numerosos esquemas da sua propria alienación".

A diagnose do conflito lingüístico contida no "retrinco" eiquí transcrito valería para caracterizar os nosos proprios síndromes. Para un leitor mozo de hoxe, que só teña vivéncias da Galiza actual, poida que algúns dos fenómenos aludidos nese texto lle resulten distantes e alleos á sua experiéncia social, ausentes na sua propria perceición da nosa realidade colectiva. Non así, en troques, para os que teñan memoria do vivido até o remate do franquismo. Menos aínda para a andaina colectiva do noso povo na história contemporánea, dende o tempo dos "Precursores" até a IIª República, dende a emigración "prá Habana" até a redención dos foros. Ou acaso os que "teimaban en cultivar a língua do seu povo" non eran vistos "como sonámbulos que viven un soño antigo". Ou acaso o idioma non fora reducido á soa condición de fala, e o povo analfabeto confinado na soa "cultura oral". Ou acaso non segue a ser aínda hoxe maioritariamente analfabeto no seu idioma proprio. Ou acaso cando Memmi di que "o colonizado é un estranxeiro no seu proprio país" non vos resoa literalmente o eco da rosalián "estranxeira na sua patria" e vos evoca conceitualmente que "a miña terra n"é miña, que hastra lle dan de prestado a beira por que camiña ó que naceu desdichado".

Pero inda máis: acaso esa historia é só pasado, acaso o conflito está resolto, acaso non remanece no presente? Acaso "a lingua propria" non "é humillada e esmagada" inda hoxe? Acaso o "conflito lingüístico no que vive o colonizado" galego non "acaba por asumilo il mesmo", non "fai por aparentar sentirse a vontade só na lingua do colonizador"? Cando dende as proprias institucións estatuídas para o "autogoverno" se desencadea unha feroz ofensiva contra a língua propria e os seus falantes, qué outra definición desa peste pode ser máis acaída cá de "biligüismo colonial"? Pergúntome eu.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 28-02-2010 21:49
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0