Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Meditación no Día Internacional da lingua materna
PLÁCIDO LIZANCOS SANTOS - Galicia Hoxe

Prohibistes o galego nas escolas para producir no espírito dos nosos rapaces un complexo de inferioridade...

Castelao, "Sempre en Galiza"


Cando morre un idioma -di Vilar Ponte- morre un pobo. Polo tanto, a lingua é o instrumento para a recuperación da identidade e esencia do noso pobo. Para non desaparecermos. Xa que logo a nosa lingua é o noso DNI. E o principal medio de expresión cos demais. O Estatuto galego di que o galego é a lingua propia de Galicia. E dentro da nosa Autonomía é tan oficial coma o castelán. É certo que o castelán é lingua oficial xuntamente co galego, pero a esta última temos que lle dar especial protección e tratamento coma patrimonio cultural colectivo do noso pobo. É certo tamén que a lingua materna non é en todas as partes o galego. Nestes casos hai que adoptar unha actitude de respecto. Debemos evitar en todo momento discriminacións baseadas no uso da lingua. O amor a ambas xunto cunha fina sensibilidade é un elemento que axuda a eliminar as barreiras efectivas que impiden a normalización do galego.

Non o esquezamos. O galego non se pode falar e escribir só un día ó ano coma o Día das Letras Galegas. "O idioma é unha obra de arte feita con amor, con dor e con ledicia polos nosos antergos que nós temos a obriga de adaptala ás características do noso tempo" (Castelao).

O carácter dun pobo, no que ten de máis íntimo e peculiar, amásase coa fariña entrañable das palabras. A lingua é un patrimonio precioso que ten que suscitar o noso agradecemento, o noso respecto. Respecto que nos espíritos sensibles, nos espíritos capaces de sintonizar o palpito da creación orixinal -como di o académico Torres Queiruga- pode mesmo chegar á veneración, ó estremecemento sagrado ante a soleira do misterio.

A lingua, rapaces e rapazas, é iso que nos sustenta, o substrato espiritual sobre o que pouco a pouco, a forza de cariños e pedagoxías, se vai edificando a nosa personalidade. Hai momentos nos que esa lingua que nos sustenta, que sustentou os nosos avós, e que nós non podemos deixar perder, pide ser sustentada por nós.

A ninguén se lle oculta que a nosa lingua, o noso idioma galego séntese ameazado. Está en xogo o futuro da nosa palabra, do noso acento no Parlamento, na radio e na televisión. Temos, tendes alumnos galegos nas vosas mans o destino da propia lingua galega. Hai a quen non lle importa nada a normativización da lingua e menos aínda a súa normalización. O arranque xeneroso de tantos que hoxe en Galicia se decidiron ó emprego normal do galego está ameazado polos que o favorecen para normativizalo. Non podemos cometer co galego faltas que non nos atreveriamos con outras linguas máis oficiais. A estas deféndeas o prestixio da súa presión social. O galego está entregado á nosa xenerosidade, debemos preocuparnos de mellorar a nosa gramática, de enriquecer o noso vocabulario, de perfeccionar a nosa escritura. Pensemos que o noso idioma aguantou a longa sede do exilio e o peso amargo dos desprezos. A nosa lingua, queridos mestres, queridos alumnos, alumnas, espera de nosoutros apoio e protección.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 18-02-2010 19:23
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0