Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

'Goberne quen goberne, a lingua non se vende'
AMPARO Á MARCHA DO 21 DE XANEIRO

O colectivo Galiza Non Se Vende fai público un manifesto onde critican o borrador do decreto do galego no ensino presentado por Feijoo.

Redacción Vieiros - 12:30 15/01/2010

O colectivo Galiza Non Se Vende fixo público un manifesto onde critican o borrador do decreto do galego no ensino presentado polo Goberno o pasado día 30 de Nadal, que cualifican de "atentado á lingua galega e, polo tanto, un atentado á cultura e á identidade" do país.

Neste senso, mostrou o seu "pleno apoio á manifestación en reivindicación dun ensino en galego" que se desenvolverá o vindeiro xoves en Compostela (partirá ás 12.00 horas da Alameda), coincidindo coa folga no ensino convocada por diversas organizacións para ese día.


MANIFESTO EN DEFENSA DA LINGUA
GOBERNE QUEN GOBERNE, A LINGUA NON SE VENDE


Dende Galiza Non Se Vende queremos manifestar a nosa total oposición ao decreto do galego no ensino do PP, pois constitúe un atentado á lingua galega e, polo tanto, un atentado á cultura e á identidade de Galicia.

Non podemos admitir un decreto que pretende lexitimar o abandono da lingua polos poderes públicos e interromper a súa transmisión interxeracional. Non podemos consentir que se menoscabe o dereito dos galegofalantes a usar, conservar e transmitir a lingua propia como legado, e que se impida a normalización do seu uso polo resto da poboación. Non podemos tolerar que a miseria intelectual, a inconsciencia e a insensibilidade dos que se avergoñan de seren galegos sirvan como xustificación espuria dunha pretendida liberdade para destruir unha lingua que é o noso máis prezado patrimonio cultural e un valioso patrimonio da humanidade.

O decreto que nos ocupa, igual que outras disposicións legais, que non lexítimas, revela o absoluto descoñecemento da realidade do noso país, e o desprezo da nosa cultura, por parte de quen nos goberna.

A incesante presión socio-político-económica sobre a nosa terra ao longo da historia colocou a nosa lingua nunha posición de desvantaxe que pode provocar a súa desaparición, e que é preciso neutralizar con medidas de protección eficaces. Pero ningún dos gobernos que sufrimos tivo nunca unha intención clara de facer do galego a lingua vehicular do ensino, único camiño viable para a súa normalización. Non recoñecer este feito, e adoptar unha postura contraria, converte ao goberno da Xunta en promotor da desaparición da lingua galega.

Os membros dos máis de sesenta colectivos que formamos GNSV somos conscientes da nosa identidade. Sabemos que o noso medio natural é único e valioso, nin máis nin menos que calquera outro do planeta, pero é o noso, non porque o posuamos, senón porque a él pertencemos. Tamén sabemos que a lingua galega é tan só, pero nada menos que, unha das linguas do mundo; unha obra colectiva do noso pobo ao longo da historia; nin mellor ni peor que outras, pero é a nosa; o medio co que construimos o noso pensamento, e a máis valiosa aportación de Galicia ao patrimonio cultural da humanidade. Debemos estar lexítimamente orgullosos desta nosa herdanza, e non podemos consentir que sexa neciamente desprezada, nin irresponsablemente destruida.

Defendemos a Terra e, polo tanto, a biodiversidade. Polo mesmo, defendemos a diversidade cultural que permitiu ao ser humano adaptarse á biosfera e, polo tanto, defendemos a nosa cultura e a nosa lingua.

Terra, cultura e lingua van da man. Destruir a nosa terra é destruir a nosa cultura, ao facer desaparecer o seu soporte material. Destruir a nosa terra é destruir a nosa lingua, ao facer desaparecer os lugares que nomea, as actividades que describe, a memoria que ela guarda e lembra. Destruir a nosa lingua é deixar á nosa terra orfa de nomes, valeira de significado, carente de memoria cultural, desprotexida.

Temos a responsabilidade de defender o noso medio natural e, polo tanto, o noso patrimonio cultural identitario, e o noso idioma, e de preservalos para as xeracións vindeiras. Igual que non consentimos a destrución nin a privatización do noso territorio nin do noso mar, non imos consentir ningunha agresión máis á nosa lingua.

Dende GNSV, rede participativa, non xerárquica, apartidaria, aberta a toda a sociedade, consideramos que a defensa da riqueza linguística e da cultura do noso País fai necesario e inevitable o estricto incumprimento deste malfadado decreto do galego no ensino.

Por todo o devandito, mostramos o noso pleno apoio á manifestación en reinvindicación dun ensino en galego que, convocada por diversas organizacións, terá lugar o día 21 de Xaneiro, e partirá ás 12:00 h da Alameda de Compostela.


Goberne quen goberne, A LINGUA NON SE VENDE!
Comentarios (0) - Categoría: Manifestos - Publicado o 16-01-2010 14:07
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0