Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Parábola do caixeiro automático
Víctor Freixanes, La Voz de Galicia - Domingo 15 de marzo de 2009


Cada vez que utilizas o caixeiro automático, a máquina diríxese a ti en castelán. Dáche opción a mudar de lingua, por suposto: galego, inglés, francés. Pero a apelación primeira da máquina, a actuación programada, é o castelán, que se converte deste xeito en lingua de referencia dende a cal se establece a pauta dominante e, en certa maneira, as regras do xogo (e de relación). Esta foi e segue a ser a política lingüística que se estableceu e que se acepta respecto do galego: o cidadán galegofalante, que aínda segue a ser demograficamente maioritario no país, ten que pulsar o botón da máquina, esixir os seus dereitos, exercer activamente a súa consciencia lingüística para ser atendido como tal. Se non o fai, por preguiza, por timidez, por falta de pulo ou simplemente porque o seu uso da lingua non está ideoloxizado nin é unha práctica militante, a máquina actúa automaticamente dende o castelán e anula o galego.

Así foi sempre. Certo que, agás situacións moi determinadas ou en períodos históricos moi concretos, nunca houbo prohibición expresa contra a lingua galega. Mentres ficase reducida a desafogos líricos ou ao mundo das aldeas, non pasaba nada. O problema xorde cando a lingua do país reclama a condición de lingua de referencia no caixeiro automático.

Pregúntanlle á autoridade: ¿En que idioma se vai expresar vostede diante da cidadanía? E a autoridade responde: «Segundo me interpelen. Cando o cidadán se dirixa a min en galego, usarei o galego. Cando o cidadán se dirixa a min en castelán, usarei o castelán». Correcto. Mais, ¿e cando vostede se dirixa directamente ao cidadán; cando sexa a autoridade quen como tal autoridade fale; cando teña que programar a lingua primeira do caixeiro, en que lingua se dirixirá á cidadanía daquela?

Os meus fillos (galegofalantes) teñen un problema. O mundo todo diríxese a eles en castelán: dende as páxinas dos xornais, dende a inmensa maioría das emisoras de radio e de televisión, dende as ofertas todas de ocio, dende os mostradores dos bancos e dos comercios, dende a publicidade? Só nalgúns poucos espazos oficiais o galego está presente como lingua de referencia, conquista histórica da autonomía política, e aínda así case sempre coma unha proclamación simbólica (litúrxica). Durante séculos, a gran masa galegofalante viviu e segue vivindo desta maneira: a lingua dos avós, a lingua que durante séculos era a súa lingua de uso normal, condenada aos espazos íntimos, secundarios (minorizados), cando non marxinais. ¿Que esperabamos logo que pensase a xente do seu propio idioma? O noso ADN colectivo foi deseñado deste xeito. Mesmo agora, para poder vivir con normalidade en galego debemos esixilo, quérese dicir: obrígasenos a que cada falante se converta nun militante ideoloxizado. ¿Alguén pode dicir que estamos nunha situación normal?
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 27-03-2009 18:08
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0