Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Non hai política lingüística posible se non se atende ao bilingüismo persoal
Galicia Hoxe
CONVERSAS CONTEMPORÁNEAS


Rábade Paredes recibiu o Premio Blanco Amor o ano pasado pola novela ?Mentres a herba medra?
O escritor Xesús Rábade Paredes (Seixas, Cospeito, Lugo, 1949) é catedrático de Lingua e Literatura no IES Rosalía de Castro de Compostela. Casado coa tamén mestra e escritora, Helena Villar Janeiro, coa que publicou abondosa obra en común, cultivou a poesía, a narrativa, o ensaio ou a tradución. Entre outros, destacan os poemarios Poldros de música, que recibiu o Premio Esquío, Os dedos dos loureiros, accésit Premio González Garcés, e as novelas Branca de Loboso, Premio Álvaro Cunqueiro e Mentres a herba medra, Premio Blanco Amor. Publicou reflexións sobre a obra de Neira Vilas, Cunqueiro, Murguía ou Ramón Cabanillas e traduciu as obras Los oscuros sueños de Clío de Carlos Casares, Mazurca para dous mortos de Camilo José Cela, Mesteres de Arcadio López-Casanova ou O estraño de Albert Camus, aínda inédito. Rábade Paredes é colaborador de El Correo Gallego e de revistas como Xistral, Zurgai, Dorna ou Casa da Gramática...

En primeiro lugar, Xesús, a escolla dunha lingua para a escrita, está connotada ou é sinonimia para algunha concreta adscrición política, ou polo contrario é algo natural ou non ten nada que ver coa proposta que indico?

Tén que ver sobre todo co universo ou mundo de pertenza. O escritor exprésase, o máis cabalmente posible, na súa lingua de instalación natural, na súa primeira lingua, sen negarse, claro é, ás posibilidades e visións que lle ofrezan outros idiomas e outras perspectivas. Hai que advertir aínda que escribir en galego comporta certas doses de entrega e de compromiso non contempladas para outros escritores que fan o seu labor en situacións normalizadas. É imposible abstraerse da presión abafante que no país exerce o castelán.

O escritor ou a escritora, adscríbese á poesía antes que a calquera outro xénero literario, ou talvez é a primeira expresión que logo abandona ou é abandonado por ela?

Cómpre observar que o poético é o primeiro xénero ou modalidade no cultivo de toda a humanidade, de tal maneira que talvez nel está reflectida, como en ningún rexistro, a historia do acaecer social e intimista universal. Posiblemente, este feito se deba á facilidade que a poesía ten para ser recordada e á súa vecindade coa música e co canto. Por conseguinte, a adscrición dun autor á poesía antes que a outros rexistros vén de seu en certo modo.

E xa na cerna das cousas, Xesús, pode aceptarse o bilingüismo en Galicia, ou é produto da impostura do colonizador que en principio foi Castela, e logo, como continuidade, o estado-nación español?

Unha cousa é a coexistencia social ?inestable e conflitiva- de galego e castelán en Galicia e outra moi distinta é falar de produción literaria en galego. Cadaquén pode optar pola lingua que lle pete á hora de expresarse, pero ha de quedar claro que o que entendemos por literatura galega vén definido pola que é a lingua propia do país. Un país proxectado a todo o mundo, pero a través da versión ou tradución en todo caso diso que fundamenta a súa identidade, sinaladamente o idioma e a cultura.

E na mesma liña, non cres ti que o bilingüismo é imposíbel, e mesmo remitíndodos á colonización lingüística, isto non nos levaría á perpetuidade da diglosia, e polo tanto á desaparición do galego como idioma?

Os galegos ?o galego? teñen a obriga de facer respectarse se queren ter futuro, se queremos ser quen somos en España e no mundo e preservar o mellor que creamos mancomunadamente e que nos diferencia. Non hai en Galicia política lingüística posible se non se atende ao biligüismo persoal. E dáse a circunstancia de que os únicos individuos perfectamente bilingües hoxe no país somos aqueles que, lograda unha formación aceptable, tiñamos o galego como punto de partida ao ingresar no sistema educativo. Tomen nota as cacarexadas campañas bilingüistas.

Sen saírmos do camiño: Cunqueiro, nada sospeitoso de esquerdista, por exemplo, xa advertía que o bilingüismo era imposíbel, porque sempre habería unha lingua dominante que interferiría na outra. Eu entendo unha Galicia monolingüe, porque non pode ser doutro xeito, aínda que si poden existir habitantes habitados por algún outro idioma que non sexa o propio e natural da nosa nación. Cal é a túa opinión verbo desta miña breve reflexión?

En efecto, do meu razoamento anterior despréndese que Galicia pode contar no mundo e gobernarse ?no humano e no divino- co idioma que é de seu. Porque, acadada unha igual competencia dos falantes nas linguas en cuestión, quedaría superado o conflito diglósico e, polo tanto, convertido o galego en lingua plena para o autogoberno. O que supón reverter, claro está, a actual tendencia. ¿E o castelán? O castelán, como lingua exterior de relación á que nunca se debe renunciar. Outra cousa, a maiores, é o portugués, o inglés, o francés, o alemán, etc.

É Galicia unha nación negada e altamente colonizada, que sen un estado propio, toda a súa cultura, na que inserimos o idioma como alicerce fundamental, pode chegar a desparecer se non se modifica ou cambia a situación?

Sen dúbida ningunha. En todo caso, este país será o que os galegos queiran. E ultimamente as cousas non pintan nada ben. Coma sempre.

Un partido nacionalista de dereitas que aquí nunca proguesou, cres que tería moito interese para esta nación?

Calquera partido que no futuro queira manter o tipo aquí debe ter como base de referencia fundamental a terra á que se debe, que é Galicia. Do que se infire que ha de ter como norte o galeguismo. Pero sucede que, ata o de hoxe, os partidos maioritarios tiveron a cabeza e os pés moi lonxe do país.

O nacionalismo que eu quero entender e sentir sempre de esquerdas, existe agora mesmo ?dende o punto de vista da representación parlamentaria burguesa e asimilada-, ou pola contra é unha lilaila entreguista á socialdemocracia e ao neoliberalismo da barbarie capitalista?

Asumir Galicia, desde posicións ?digamos? de esquerdas e dereitas é unha condición sine qua non para actuar politicamente nesta Terra, como deixo anotado. Logo, a partir de aí, o abano de perspectivas e opcións ideolóxicas democráticas é case ilimitado.

Pode o nacionalismo ser marxista ou son pensamentos antagónicos?

O marxismo foi e segue sendo unha ferramenta eficaz, quizais a que máis, para a análise da realidade, tamén a nacional. A ditadura franquista, na súa represión, unía case sempre galeguismo e marxismo. Sabería por que.

Segundo as estatísticas e a sociolingüística máis fiábel, de mantérmonos nesta situación, o noso idioma desaparece. A pregunta, de xeito distinto, está formulada con anterioridade, pero retorno a ela. Cal é a túa resposta?

De non tomar moi en serio a precaria situación da lingua (para o que hai instrumentos pero falta vontade), camiñaremos aceleradamente cara á substitución, que é o que os inimigos de calquera idioma queren. Seguramente xa existen (inimigos) entre moitos galegos. Hai quen opina incluso que unha futura desaparición da lingua non mermaría a nosa identidade. Que a min me expliquen como. Castelao era sabio tamén nisto, pero pouco se le. Dito noutras palabras: de non vermos o mundo con perspectiva propia, senón co chauvinismo, poñamos, de Madrid, perderemos como galegos practicamente en todo. E nomear as cousas (para iso serve a lingua) é o acto mais cabal que un pobo fai do mundo.

Poesía, narrativa, ensaio, tradución... En que lugar destas "xeografías" estás máis ao teu gusto?

En todos eles, convenientemente disterados, e usando sempre de particular cautela. De todos os modos, o xénero poético, o que máis cedo quizais me visitou, ocupou en min sempre un lugar entrañable, primordial.

Literatura e compromiso. Cal é o parecer de Xesús Rábade Paredes?

Non hai literatura allea ao compromiso. O primeiro compromiso é coa palabra, coas potencialidades e limitacións da palabra. Pero a palabra chanta as súas raíces no humus histórico, na defensa ecolóxica do espazo e mais do tempo. Visto como van as cousas, e ante actitudes institucionais irresponsables, o principal compromiso do escritor en Galicia está no uso irrenunciable da súa propia lingua, no cultivo esixente e na extensión do idioma.

?Mentres a herba medra? é a novela da que ti estás máis satisfeito?

Escribir é un proceso, un ensaio de imaxinación e vida que endexamais se dá por acabado. Mentres a herba medra representa para min neste sentido unha especie de testamento creativo para os meus contemporáneos, un enfoque sobre unha porción de personaxes ?tres xeracións- que actúan nun mundo limitado, contraditorio e tamén esperanzado. Unha sorte de cala na secuencia da vida: "Mentres a herba medra, é que a terra ten lei porque garda a lentura e ti tamén vas indo. O malo é a chuvia ácida, que queima e que envelena. Cando o veleno da terra chegue aos tetos da vaca, non haberá remedio e pecharase o ciclo para todos, pola mala cabeza".

E na poesía, Xesús, que libro salientarías por riba dos demais que levas escrito?

Poldros de música, Os dedos dos loureiros ou Patria do vento (este no prelo), representan para min, en diferentes vías expresivas, tres experiencias dunha emoción lírica particularmente intensa. Polo demais, acaba de saír reunida en escolma a miña xa longa traxectoria poética: Lugar do canto, antoloxía bilingüe, Hipocampo Amigo, 2008.
, ou (este no prelo), representan para min, en diferentes vías expresivas, tres experiencias dunha emoción lírica particularmente intensa. Polo demais, acaba de saír reunida en escolma a miña xa longa traxectoria poética: , antoloxía bilingüe, Hipocampo Amigo, 2008.


Que é o que pasou para a tradución que ti fixeches de Albert Camus aínda non estea no prelo?

Alá sobre o ano 1975, para unha pretendida colección de clásicos vertidos ao galego, que tiña por mecenas as Ediciós do Castro, Xesús Alonso Montero encomendoume a tradución de O estraño, de Camus, o que levei a cabo con suficiente esixencia e resultado. O proxecto frustrouse, entre outras cousas porque esa novela, que iniciaba a colección, tiña uns custos de dereitos por parte da francesa Gallimar imposibles de asumir para a editora galega.

Antes e despois, poeta ou novelista?

Poeta e novelista, así, por esta orde, que é orde universal. Agora ben, con diferentes modulacións de xénero, sempre o creador traballa sobre un mesmo discurso.

Cambio de terzo: Galicia, como nación, ten moitas posibilidades de sobrevivir sen estado de si?

Todas as posibilidades do mundo. Todas aquelas que os galegos queiramos. Das desesperanzas nunca saíron froitos, e eu manteño as arelas de ser outros mil anos, ben afirmados na lingua, na cultura e na historia de noso. O mundo é moi diverso, e a única posibilidade de ser e ter futuro é repectar e cultivar o diverso.

Cal é ese libro que aínda non escribiches e che gustaría escribir?

En realidade, sempre estamos a escribir o mesmo libro con matices diferentes. Xeralmente o que conta é o proceso, a persoal creación no seu conxunto, a singularidade e coherencia no cultivo e coidado dese "lugar do canto" que en boa lei distingue a cada autor. As xenialidades de acerto nun só libro foron no mundo sempre fabas contadas. E xenios hai moi poucos.

A historia de Galicia está falseada polos propios galegos colonizados?

"E quero estar cos meus, coa xente miña, / perto dos homes bos que sofren longo / unha historia contada noutra lingua". Eis a nai do año, o erro histórico da nosa perspectiva en España e no mundo. Os máis lúcidos sempre en Galicia, os poetas. Neste concreto caso, Celso Emilio.


Cal é o libro que liches e non se che vai do sono, da cabeza?

Son moitos, moitos libros, aos que me custa cifrar polos seus nomes. A historia da literatura, como a creación mesma, é un diálogo constante, inacabable. Nel hai solistas que brillan por momentos, pero á fin o que conta é o canto afinado, a orquestración do coro.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 24-03-2009 10:04
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0