Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Enrique del Bosque - De cruzadas lingüísticas
Vieiros 12:31 28/01/2009


As linguas non teñen dereitos, só os individuos. Temos dereito a elixir a lingua dos nosos fillos no sistema educativo. Eis os dous lemas recorrentes cos que algúns grupos semellan ter descuberto o ariete para turrar contra o lexítimo dereito a normalizar a nosa lingua. Porén, nas dúas aseveracións, agóchase un engano, unha falsedade que, a forza de se repetir, procura esburacar na opinión pública até situarse nunha posición de comodidade argumental. Cómpre desenmascarar esta grande impostura, esta ofensiva ruín por parte daqueles que están acubillados no castelán por centos de anos de imposición, de prohibición e de persecución lingüística.

A primeira asertación descoñece, ou quer descoñecer, unha nova categoría na evolución dos dereitos -seica son antievolucionistas- e que configura os chamados dereitos colectivos, de solidariedade ou dereitos de terceira xeración. Na historia e expansión dos dereitos humanos achamos unha primeira xeración constituída polos dereitos fundamentais de liberdade (expresión, asociación, residencia, opinión, manifestación, etc.) e unha segunda xeración conformada polos dereitos de igualdade (económicos, sociais, culturais, educativos, sanitarios, etc.). A categoría dos dereitos colectivos integra dereitos como os da paz, a un medio ambiente saudábel, a protección dos consumidores, o dereito ao desenvolvemento, ao goce sobre os patrimonios comúns e os espazos públicos, ás identidades colectivas, a protección das diversidades culturais, a libre determinación, etc. Estes dereitos predícanse dunha colectividade, non de individuos illados; non equivalen á suma dos dereitos individuais dos membros do grupo, senón que garanten e protexen o acceso a bens cun valor xurídico colectivo. Se os dereitos humanos de primeira e segunda xeración tamén incorporan contidos colectivos, estes son esencialmente dos individuos, namentres os de terceira xeración non se poden realizar máis que a través dunha acción colectiva ou comunitaria, dunha acción solidaria ou concertada de todos os estamentos sociais e, xa que logo, son de titularidade colectiva. Outra fasquía é que estes dereitos, gozados conxuntamente, crean as condicións que posibilitan o exercicio de dereitos individuais (por exemplo os dereitos colectivos dos pobos indíxenas amparan o dereito individual ao desenvolvemento social e cultural de cada membro). A realidade dos dereitos colectivos xa non é refugada nin polos enfoques liberais máis rancios, tendo en conta a súa plasmación e recoñecemento nas resolucións, pactos e declaracións internacionais.

Nas comunidades con lingua propia, a liberdade non é un sumatorio de liberdades individuais, senón que acada caracteres comunitarios onde os poderes públicos deben garantir e protexer este ben colectivo institucionalizando a lingua do grupo como oficial, regulamentando e pulando polo seu aprendizaxe e uso público, así como procurar a súa conservación e existencia. Isto sucede así desde España a Xapón pasando por todos os meridianos. Os poderes públicos recoñecen e exclúen dereitos en razón da cidadanía, que implica a pertenza a un grupo; a meirande parte dos dereitos gózanse non por ser un individuo, senón por pertencer a un determinado Estado.

Son estes cruzados lingüísticos con trastorno bipolar tan coherentes e honestos como predican? Como xustifican a discriminación entre individuos pertencentes a un grupo e os alleos ao mesmo se o único considerado real é o individuo? Por que non son consecuentemente universalistas e rexeitan os liames do seu Estado co outorgamento de dereitos e deberes? Porque, que eu saiba, a Constitución española premia e fornece de prerrogativas a unha concreta lingua, chegando a proclamar a obrigatoriedade do seu coñecemento o que debería proer o seu xorne liberal. Un galego non goza do dereito a recibir o ensino na súa lingua fóra do seu territorio, en troca pode impórse a obrigatoriedade do castelán na Galiza; desde logo aquí non prevalece o individuo como tal. É falso que defendan ao individuo universal, defenden ao individuo nacional español protexido e privilexiado por unha norma que define un ámbito de aplicación territorial, que é o Estado e aplicable a un colectivo, non a individualidades, que son os que teñen esa cidadanía. Se, como din eles, as linguas non gozan de dereitos o castelán non debe ser unha lingua. Son uns auténticos cínicos, universalistas de escaparate e cosmopaletos de espírito.

Ao respecto do segundo aserto, o dereito á elección da lingua no sistema educativo, reclaman a segregación lingüística, o aparheid cultural, nun territorio, nun país, nun pobo que ten unha língua propia e recoñecida legalmente. Pretenden que haxa galegos privados de coñecer a súa língua e cultura. Por suposto que se logran convencer de que o ser galego non existe, nin o español, nin o chino poderíamos entender algo, máis non a teima españolizante. Moito sospeito de que para eles os pobos existen, só que xerarquizados, e o "ser" español debe estar uns chanzos por riba na súa consideración. Co apartheid non persiguen a realización dun dereito, senón un xenocidio cultural nunha terra que ten que pedir permiso para falar, mendigar para pode ler, e pagar para escoitar no seu idioma. Mais o cómico desta troupe é que saben que non hai norma nin tribunal que os ampare. Certo que non!, non teñen dereito á elección da lingua no sistema educativo. O Tribunal Constitucional nas sentenzas 195/1989, 19/1990, e 337/1994 veu a confirmar, ao igual que o Tribunal Europeu de Dereitos Humanos, que o dereito á educación non inclúe o dereito dos pais a que os seus fillos reciban a ensinanza na lingua da súa preferencia. Con posterioridade a estas sentenzas, grupos de pais e nais de Catalunya e de Galiza solicitaron das correspondentes Administracións educativas o recoñecemento do dereito a que a ensinanza dos seus fillos fose impartida exclusivamente en castelán; as pretensións destes grupos foron desestimadas por sentenzas do Tribunal Supremo, de 17 de abril de 1996 e de 28 de abriil de 2000, en base á doutrina do Constitucional.

Por último e brevemente unha mostra máis da cativez moral destes cruzados son as críticas aos orzamentos para a promoción do noso idioma. Oubean contra as faragullas e aplauden os investimentos multimillonarios do Estado no Instituto Cervantes como embaixada da lingua española por todo o mundo. Aínda andarán na sagrada misión civilizadora que as potenciais coloniais se atribuían para conducir os destinos dos seus sometidos?
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 29-01-2009 10:20
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0