Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Hai que ser amablemente intransixentes
galicia hoxe



O mariñeiro afectivo

Francisco Fernández Rei, membro da Academia Galega, pensa que o futuro do idioma galego está nas mans da sociedade e que temos que ser "amablemente intransixentes"
LUPE GÓMEZ


O seu destino era traballar no mar, porque el vén dunha familia mariñeira. Francisco Fernández Rei (Fefiñáns, Cambados, 1952) segue soñando con esa soidade e tranquilidade inmensas que se sente no mar. É o membro máis novo da Real Academia Galega e segue mirando a vida, e a afectividade da lingua galega, como un mariñeiro. Sabe moito, estuda moito e nunca deixou de ser unha persoa humilde. Confesa que segue estando "cos perdedores e cos románticos." Cre que o idioma galego, neste mundo complicado e globalizado, se converte "nun plus que temos, e tamén nun negocio". Criouse en Cambados, no barrio do poeta Cabanillas, oíndo falar de naufraxios, porque o mar era rico pero tamén era duro.

Leva a Galicia no corazón, gústalle ler poesía e ten os pés na terra.

Por que es filólogo? Por amor ás palabras?

Eu estaba destinado para ser mariñeiro. Meu pai era mariñeiro e miña nai era peixeira. Ese era o camiño. Unha mestra díxolle a miña nai que "o rapaz valía un pouco". Entrei na Universidade con 16 anos. Fixen Filosofía e Letras. Non sabería dicir por que entrei en Filoloxía Románica. Tiña materias optativas de galego. Deume clases Carvalho Calero. Quería ter por primeira vez algunha materia na que puidera oír e usar a miña lingua.


Falaches galego dende sempre, dende neno?

Nacín en Cambados e son dun barrio que se chama Fefiñáns. Alí todos eramos galegofalantes. Sería inconcibible, cando eu era mociño, que meus pais me falasen en castelán. Xente que tiña un oficio en terra podería falar castelán, pero a xente do mar falaba galego. Na escola eramos practicamente todos galegofalantes. Nas nosas casas non había libros. Os libros eran as patelas, as cestas do peixe, os angazos e os sachos. Na miña casa había un só libro, unha Historia de Cambados, e miña nai gardábao porque pensaba que era de Cabanillas.

Como lembras aquel Cambados da túa infancia?

Recordo un ambiente mariñeiro. Alí a marea cando baixa, baixa moito. O espazo non era só o que está en terra, senón que era ese espazo inmenso que queda seco mentres non volve a marea. Hai moitísimas Galicias. Descubrín a Galicia labrega cando a percorrín para facer as enquisas do Atlas Sociolingüístico Galego. As diferentes formas de ver as estacións. Para nós o outono viña con esas mareas grandes que viñan en setembro e traían moito argazo. Os mariñeiros empezaban a preparar os rastros. Era un rebumbio de xente. As casas eran moi pequeniñas. Case vivías na rúa.

Es galego de corazón e galego de nación?

Galicia é a miña patria, a miña lingua e a miña maneira de ver o mundo. Fun descubrindo a Galicia pola miña conta. Eu non tiven un tío cura ou un papá con biblioteca. Descubrín Galicia cando a palpei fisicamente, e por suposto na Universidade en Santiago. Facendo as enquisas para o Atlas Sociolingüístico Galego descubrín o meu idioma, as moitas maneiras de falalo, a nosa gastronomía, a nosa arte e a psicoloxía da Galicia do interior.

Son moi distintas a Galicia labrega e a Galicia mariñeira?

Crieime na Galicia mariñeira oíndo falar de naufraxios. O teu pai sae ao mar e túa nai vai coller peixe e hai días que non gañas nada. Iso crea unha psicoloxía. Non se pasaba fame. O mar é tan rico que nunca pasabas fame. Tamén a terra era rica. Cando empezou a monstruosidade do Prestige meu pai dixo "aquí nunca se pasou fame".

O mar é a metáfora da liberdade?

No mar, as posibilidades que tes de ir cara a un lado ou cara a outro son infinitas. É a sensación de soidade e tranquilidade. Eu si fun ao mar e recórdoo como algo impresionante. Eu era un señorito e tiña mans de señorito pero traballaba no mar como calquera. Ese mes que andei ao mar lembro o silencio total, e traballar só de noite. Era un relax moi grande. Gústame andar de vez en cando en dorna. Evádes- te de todo.


No teu discurso de entrada na Real Academia Galega falaches do mar en Manuel Antonio e en Ramón Cabanillas.

Quixen tentar explicar por que non existe un poemario "do mar asoballado" ou unhas "memorias dun neno mariñeiro". Quixen preguntarme por que Cabanillas, que escribiu Da terra asoballada, tiña tan pouco mar. Por que hai tan pouco mar na cultura galega? Por que non se lle canta a ese mundo no que un se criou? O mar de Manuel Antonio era un mar nunca visto por ninguén. O mar permitíalle manifestar a súa arela de liberdade.

O Instituto da Lingua Galega fai un traballo valioso e interesante?

O ILGA naceu no ano 1971, e eu entrei como bolseiro no 1973, cando Constantino García facía recollida de léxico. Dende o ano 1974 ,o ILGA é a miña segunda casa. Teño unha terceira casa que é a revista A trabe de ouro. A miña cuarta casa serían as Redes Escarlata. Levo 36 anos no ILGA investigando e traballando. Aí aprendín a descubrir o galego.

Que é o que admiras do intelectual e escritor Xosé Luís Méndez Ferrín?

Dicir que é o mellor escritor galego vivo é un tópico, e é máis ca iso. É un dos pensadores e políticos que forxou o que hoxe somos. É a semente da nación soñada, a semente da patria liberada e da República Galega que eu soño. Como creador ten claro que hai que facer literatura orixinal pero sempre partindo de aquí, cos pés na terra. É un dos grandes construtores de lingua porque bebe da gran tradición literaria e da lingua oral.

Os galefofalantes vivimos unha situación normalizada?

Non a vivimos porque neste país o idioma non é normal. O pouco ou moito que temos de normalización lingüística non é máis que o resultado dun esforzo épico de moita xente. Como pai de nenos galegofalantes sei o duro que é sacar adiante nenos galegofalantes no Santiago de hai 20 ou 30 anos. Segue sendo duro agora. O contorno acaba sendo bilingüe. Paréceme un auténtico cinismo dicir que o castelán aquí está en perigo. Como nacionalista apartidario que son, teño claro que o motor da dignificación do galego foi o nacionalismo. Temos que ser amablemente intransixentes.


Que relación hai entre a lingua e a política?

O que non é bo é que se siga identificando lingua e nacionalismo. O nacionalismo ten que seguir sendo o motor, pero a lingua galega non é do nacionalismo. A lingua é de todos os galegos. Coñezo alcaldes non nacionalistas que fan un labor impresionante a favor do galego. O nacionalismo sociolóxico, ese sentimento, foi o motor. Hai territorios liberados no uso da lingua, como son a literatura e a música.


Ti miras con esperanza o futuro da lingua galega?

O futuro da lingua está nas mans dos políticos e nas mans da sociedade. Hai que aplicar a lexislación que hai e a nosa función é esixirlles aos políticos. O castelán segue tendo un prestixio inmenso. O gran problema é a perda da transmisión xeracional do galego. Ten que haber máis discriminación positiva para o galego. Os que vivimos en Santiago non nos podemos queixar porque aquí vives con certa normalidade. Podes ir ao Auditorio e tes o libreto en galego. Poden poñerche unha multa en galego. Aquí vives nun certo oasis. O idioma é o principal sinal de identidade do pobo galego.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 24-01-2009 21:10
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0